Remove ads
país de Europa From Wikipedia, the free encyclopedia
Portugal[1] (pronuncia en portugués [puɾtuˈɣaɫ] (AFI), en mirandés: Pertual), oficialmente República Portuguesa, é unha República unitaria semipresidencialista situada en Europa Occidental. Ademais do territorio continental, no oeste da Península Ibérica, o territorio da República comprende os arquipélagos autónomos dos Azores e Madeira. Portugal ten unha extensión total de 92.212 km², e unha poboación de 10.487.289 habitantes no 2012. A súa capital é a cidade de Lisboa.
República Portuguesa (pt) Portugal (pt) | |||||
Himno | A Portuguesa | ||||
---|---|---|---|---|---|
Epónimo | Portus Cale | ||||
Localización | |||||
| |||||
Capital | Lisboa (1385–) | ||||
Contén a división administrativa | Azores Distrito da Guarda Distrito de Aveiro Distrito de Beja Distrito de Braga Distrito de Braganza Distrito de Castelo Branco Distrito de Coimbra Distrito de Faro Distrito de Leiria Distrito de Lisboa Distrito de Portalegre Distrito de Santarém Distrito de Viana do Castelo Distrito de Vila Real Distrito de Viseu Distrito de Évora Distrito do Porto Rexión Autónoma da Madeira Setúbal | ||||
Poboación | |||||
Poboación | 10.347.892 (2021) (112,2 hab./km²) | ||||
Lingua oficial | lingua portuguesa lingua mirandesa | ||||
Xeografía | |||||
Parte de | |||||
Superficie | 92.225 km² | ||||
Bañado por | Océano Atlántico | ||||
Punto máis alto | Montanha do Pico (pt) (2.351 m) | ||||
Punto máis baixo | Océano Atlántico (0 m) | ||||
Comparte fronteira con | |||||
Datos históricos | |||||
Precedido por | |||||
Creación | 23 de maio de 1179 | ||||
Día festivo | |||||
Santo padrón | Xurxo de Capadocia | ||||
Organización política | |||||
Forma de goberno | república (1910–) | ||||
• Presidente | Marcelo Rebelo de Sousa (2016–) | ||||
Órgano executivo | Governo da República Portuguesa (pt) | ||||
• Primeiro ministro | António Costa (2015–) | ||||
Órgano lexislativo | Asemblea da República , (Escano: 230) | ||||
Máxima autoridade xudicial | Supremo Tribunal de Justiça de Portugal (pt) | ||||
Membro de | |||||
PIB nominal | 253.982.847.571 $ (2021) | ||||
Moeda | euro | ||||
Identificador descritivo | |||||
Fuso horario | |||||
Dominio de primeiro nivel | .pt | ||||
Prefixo telefónico | +351 | ||||
Teléfono de emerxencia | 112 | ||||
Código de país | PT | ||||
Código NUTS | PT | ||||
Sitio web | portugal.gov.pt… | ||||
A terra dentro das fronteiras da actual República Portuguesa leva habitada continuamente dende a era prehistórica. Durante os seguintes séculos chegaron á Península Ibérica os romanos, seguidos tempo despois dos suevos e dos visigodos, así como posteriormente os musulmáns no século VIII. Trala caída do Imperio Romano, no ano 410 estabeleceuse no norte peninsular o Reino de Galicia, do cal sete séculos máis tarde, no ano 1128, se separaría a súa parte sur formando o que daría lugar ao actual Portugal. Nos séculos XV e XVI, na era dos descubrimentos, Portugal estendeuse por todo o mundo converténdose nunha superpotencia política, económica e militar, que levou a ser o primeiro imperio global.
O imperio portugués foi o máis lonxevo dos modernos imperios coloniais europeos, xa que durou case 600 anos, dende a captura de Ceuta en 1415 até a entrega de Macau a China en 1999 (de facto) ou a concesión da soberanía a Timor Leste en 2002 (de iure). O imperio estendeuse ao longo dun gran número de territorios que hoxe forman parte de cincuenta e tres Estados soberanos diferentes, deixando un legado de máis de 240 millóns de falantes de lingua portuguesa e varios de crioulos de base portuguesa. Porén, a súa influencia internacional viuse reducida considerablemente durante o século XIX, principalmente por mor da Independencia do Brasil, a súa principal colonia. Xa no século XX, a revolución do 5 de outubro de 1910, depuxo a monarquía logo de séculos baixo este sistema de goberno, estabelecendo a democrática pero inestable Primeira República Portuguesa, a cal sería substituída polo Estado Novo, un réxime autoritario de dereita. A democracia foi restaurada despois da Revolución dos Caraveis do 25 de abril de 1974.
Portugal é hoxe un estado desenvolvido de economía avanzada cun alto nivel de vida, sendo o décimo noveno país do mundo en 2005 en función do seu índice de calidade de vida.[2] É ademais un dos países máis globalizados e pacíficos do mundo, ocupando o sétimo posto nesta clasificación no ano 2008. É á súa vez membro de diferentes organizacións internacionais como as Nacións Unidas, a Unión Europea, a Eurozona, a OCDE, a OTAN, o Fondo Monetario Internacional, a Organización Mundial do Comercio, Organización dos Estados Iberoamericanos e a Comunidade dos Países de Língua Portuguesa.
O nome "Portugal" apareceu por vez primeira entre os anos 930 e 950 d. C., aínda que se comezou a utilizar con máis frecuencia cara a finais de século. O Rei Fernando I, chamado o Magno, denominou oficialmente ao territorio Portugal cando o deu ao seu fillo García II de Galicia no ano 1067. Porén, xa no século V durante o reinado dos suevos, o cronista limiao Hidacio de Chaves escribiu sobre un lugar chamado Portucale, sitio cara a onde fuxira o Rei galego Requiario:
Rechiarius ad locum qui Portucale appellatur, profugus regi Theudorico captivus adducitur: quo in custodiam redacto, caeteris qui de priore certamine superfuerant, tradentibus se Suevis, aliquantis nihilominus interfectis, regnum destructum et finitum est Suevorum.[3]
Requiario, que fuxiu para o que chaman Portucale, non foi levado como prisioneiro ao rei Teodorico. Foi posto baixo custodia mentres que o resto dos suevos sobreviventes á anterior batalla rendéronse, a pesar dalgúns que morreron; deste xeito o reino dos Suevos foi destruído.
Cale, presuntamente a actual Vila Nova de Gaia, xa era coñecida como Portucale no tempo dos godos. Nun escrito de 841 aparece por primeira vez mencionada unha provincia portugalense. Afonso II, ampliando a xurisdición espiritual do bispo de Lugo, di:
Totius galleciae, seu Portugalensi Provintiae summun suscipiat Praesulatum.
Que tome o goberno supremo de toda Galicia e a provincia portucalense.
A etimoloxía do nome Cale é, porén, misteriosa. Algúns historiadores argumentaron que os gregos foron os primeiros en establecerse Cale e que o nome deriva da palabra grega kallis (καλλις), "fermoso" , en referencia á beleza do val do Douro. Outros afirmaran que ten a súa orixe na lingua dos galaicos, sendo este un nome celta como moitos outros que se atopan na rexión. Así, para algúns a palabra cale ou cala significaría "porto",[4] mentres que outros argumentan que proviría da raíz da palabra Gallaecia. En calquera caso, o Portu do nome Portucale converteuse no moderno Porto, a cidade que se atopa no lugar da antiga cidade de Cale na desembocadura do río Douro.
A rexión que ocupa o actual Portugal estaba xa habitada tanto polo home de Neandertal[5] como posteriormente polo Homo sapiens. As sociedades que formaban eran de subsistencia, as cales non estabelecían asentamentos prósperos, aínda que si sociedades organizadas. Co neolítico chegou coa domesticación dos animais, coa creación dalgúns cultivos de cereais e coa pesca, tanto fluvial como mariña. Entre o 4.000 e o 2000 a.C, Portugal e Galicia viron como se desenvolvía unha cultura megalítica orixinal con respecto ao resto da península, caracterizada pola súa arquitectura funeraria, os seus rituais propios e pola práctica da inhumación colectiva.
A Idade de Bronce viu os primeiros contactos mariños entre o litoral atlántico na actual Galicia e o das illas británicas, mentres que o sur da península empezaba as súas relacións comerciais co Mediterráneo: gregos e fenicios, provenientes do actual Líbano, así como os seus descendentes, os cartaxineses.[6] Isto trouxo consigo a instalación dos primeiros postos comerciais semipermanentes. O motor deste comercio era a riqueza da península en metais (ouro, prata, ferro e estaño) así como o salgado do peixe atlántico, que gozaba de gran reputación no Mediterráneo. Os fenicios foron, precisamente, os que fundaron Lisboa cara ao ano 1000 a. C.[7]
A principios do primeiro milenio antes da era cristiá, chegaron á zona dende o centro de Europa os celtas, un pobo indoeuropeo que se relacionou e mesturou coas poboacións locais, formando diferentes grupos étnicos e tribos. As principais tribos eran os galaicos na actual Galicia e norte de Portugal, mentres que no sur do actual país moraban os lusitanos e os conios, estes últimos principalmente no Algarve. Estas tribos vivían en pequenos núcleos de poboación illados situados en puntos altos con casas circulares, coñecidos como castros, dos cales moitos deles se conservan en Galicia. Practicaban tamén a agricultura e a gandaría.[8] Co seu dominio do ferro os traballos da terra foron máis eficaces, as colleitas aumentaron e melloraron as condicións de vida e a demografía.
Os romanos invadiron por primeira vez a Península Ibérica no ano 219 a. C. Dous séculos despois, cara ao ano 19 a. C. a práctica totalidade da península formaba parte da República Romana. No norte, a primeira chegada dos romanos produciuse con Décimo Xunio Bruto, que chegou ao norte do río Douro no 137 a. C. A zona foi chamada polos romanos Gallaecia por mor das tribos callaeci. Décimo Xunio continuou a súa expedición cara ao norte sometendo aos pobos castrexos, ata chegar ao río Limia e continúa ata o río Miño onde se detivo. Como resultado deste primeiro acercamento o territorio costeiro entre o Douro e o Miño quedou explorado e sometido a control romano. A partir de entón a sociedade indíxena galaica comeza a recibir influxos romanos, realizando xa intercambios comerciais directamente con Roma. Os galaicos fan a súa entrada na historia escrita no século I na épica Púnica de Silio Itálico sobre a primeira guerra púnica dun xeito que aínda hoxe nos é familiar, dous mil anos despois:
Fibrarum et pennae diuinarumque sagacem flammarum misit dives Callaecia pubem, barbara nunc patriis ululantem carmina linguis, nunc pedis alterno percussa verbere terra, ad numerum resonas gaudentem plaudere caetras
A rica Gallaecia envía a súa mocidade coñecedora da adiviñación polas entrañas das bestas polo voo das aves e polas chamas divinas a cal ou ben berraba bárbaros cánticos nas súas linguas patrias ou ben tras golpearen a terra con golpes alternos de pé se aledaba en bater os sonoros caetras ritmicamente.
No 62 a. C. é o propio Xulio César quen visita Gallaecia movido polo seu desexo de obter riquezas, chegando até o golfo Ártabro e abandonando esta terra por Brigantium. Con todo a conquista definitiva do noroeste da península non se realizará até o emperador Augusto entre o 26 e o 19 a. C. no contexto das guerras cántabras. O propio emperador funda pouco despois as cidades de Lucus Augusti (actual Lugo) e Bracara Augusta (actual Braga). Nun principio, Augusto inclúe este territorio na Lusitania, a provincia do sur, mais posteriormente, tras certa variedade de trocos, Diocleciano constitúe a provincia da Gallaecia no ano 298 d. C.
Na parte sur, os romanos tardaron case dous séculos en controlar a zona, perdendo moitas vidas de soldados. Cara ao ano 150 a. C. as ambición romanas sofren un duro revés cara tras estourar unha rebelión no norte, onde os lusitanos e outras tribos nativas, baixo a dirección de Viriato, conseguiron o control de todo o oeste da Península. Roma enviou numerosas lexións e algúns dos seus mellores xerais a Lusitania para sufocar a rebelión, mais foi en balde, xa que os lusitanos mantiveron o control sobre de territorio. Así, os líderes romanos decidiron cambiar a súa estratexia. Subornaron a aliados de Viriato para matalo, co que no 139 a. C., Viriato foi asasinado e Roma instalado un réxime colonial. No ano 27 a. C., Lusitania gañou o estado de provincia romana.
No século V a Gallaecia pasou de ser unha provincia romana a albergar un reino nas mans dos suevos. O seu territorio, descrito por destacados autores coetáneos á fin da dominación romana, abarcaba a actual Galicia e gran parte do actual Portugal, chegando mesmo até Lisboa. En xeral, os límites do reino permaneceron máis ou menos intactos na parte norte até o século XII. Trala batalla de Vogladum no ano 507, os visigodos foron expulsados da Galia (agás da Septimania) polos exércitos francos que lideraban o rei Clodoveo I, chegando á Península Ibérica. Trala súa chegada foron ocupando todo o territorio, chegando a tomar Braga, capital do Reino Suevo, no ano 584. Cara ao ano 700 toda a península estaba baixo o seu mando.
Despois do século VI, o nome da España (Hispania) deixou de designar unicamente á Península Ibérica, pasando tamén a designar o territorio gobernado polos visigodos. Pola súa banda, Galicia (Gallaecia) —gobernada por un monarquía sueva— asumiu do mesmo xeito esta nova diferenciación política —posteriormente tamén xeográfica— individualizándose da España (Hispania). A fin das monarquías sueva e visigoda non cambiaron xa esta nova concepción da Península Ibérica, que quedaba repartida así en dúas entidades xeográficas, Hispania e Gallaecia, manténdose do mesmo xeito durante máis de cinco séculos, diferéncianse unha da outra con fórmulas tales como Galletiam et Ispaniam,[9] Hispaniae et Galliciae,[10] Hispaniis et Gallicis regionibus,[11] presentes ó longo de toda a Idade Media.[12]
Por outra banda Lusitania despois de ser invadida polos vándalos, os alanos, os burios e os visigodos, foi conquistada polos árabes. Así, despois de vencer aos visigodos en só uns poucos meses, o Califato Omeia comezou a expandirse rapidamente e a partir do ano 711, o sur do territorio que hoxe é Portugal converteuse en parte do Imperio de Damasco que se estendeu dende o río Indo, na India, até o sur de Francia até o seu colapso no ano 750, cando o oeste do imperio obtivo a súa independencia baixo o mandato de Abd al-Rahman I coa creación da Emirato de Córdoba. Despois de case dous séculos, no ano 929, o emirato converteuse nun Califato até a súa disolución un século despois, no ano 1031, formándose non menos de vinte e tres pequenos reinos Taifa. As principais cidades portuguesas baixo dominio árabe eran Alcácer do Sal, Beja, Coímbra, Lisboa, Santarém e Silves. A poboación musulmá, porén, eran poucos en número, permanecendo na súa maior parte no Algarve, e en xeral ao sur do río Texo. Así, o sur do actual Portugal permaneceu baixo o seu dominio durante un cinco séculos e medio, dende o ano 711 até a conquista do Algarve no 1249 por Afonso III.
Trala morte do rei Afonso III de Asturias no ano 910, este dividiu o seu reino entre os seus fillos: a Ordoño deixoulle a franxa occidental, a actual Galicia e norte de Portugal, como rei de Galicia, a Froila, a franxa cantábrica, actuais Asturias e Cantabria, como rei de Asturias, ambos supeditados ao primoxénito, García I, rei de León, que estableceu a capital do seu reino nesta cidade.
Anos máis tarde, en 1091, a princesa Urraca, filla do rei Afonso VI casou con Raimundo de Borgoña un importante nobre borgoñón, fillo de Guillerme I de Borgoña e que asistira como cruzado para loitar contra os almorábides. As vitorias militares do borgoñón e a altura das súas relacións familiares en Europa propiciaron a conveniencia do enlace matrimonial, ao que Afonso VI outorgou unha importante dote: o goberno das terras galegas, dende o Ortegal ata Coímbra. Dous anos máis tarde, en 1093, outro cruzado francés, Henrique de Borgoña, neto do duque Roberto I, tomaba a man da filla máis nova de Afonso VI, Tareixa de León recibindo o goberno do Condado de Portugal así como o de Coímbra, fundado o de Portucale no ano 868 polo nobre galego Vimara Pérez e que comprendía as terras situadas entre os ríos Miño e Douro. Artellábase deste xeito, unha complexa rede de relacións feudais; por unha parte o rei Afonso VI, que gobernaba toda a Galicia e Toledo, recibía vasalaxe feudal de Raimundo e Urraca, que gobernaban as terras galegas dende o Ortegal ata Coímbra, estes á súa vez recibíana de Tareixa e Henrique de Borgoña.
As constantes derrotas sufridas ante os almorábides e o crecente descontento do rei coa política administrativa do seu xenro Raimundo, levaron a Afonso VI a retirar os dereitos feudais que este e Urraca tiñan sobre o Condado Portucalense, equiparando o dominio destes ao de Henrique e Tareixa. Así pois, aínda que o Condado Portucalense seguía a formar parte de Galicia, na práctica os seus condes deixaban de servir vasalaxe a Raimundo de Borgoña e Urraca, para prestar vasalaxe directamente ó rei de toda Galicia, Afonso VI, provocando certo descontento entre a nobreza galega ao norte do río Miño. Á morte de Henrique no ano 1112 sucedeulle a viúva deste, Tareixa, no goberno dos dous condados durante a menoridade do seu fillo Afonso Henriques. Formábanse dúas tendencias, a de achegamento á política común galega, co novo rei, Afonso Raimúndez, ou o mantemento dun forte poder condal con aspiracións á proclamación real do herdeiro condal. O ascenso de Compostela a condición de metropolitana en detrimento da histórica Braga e a tendencia de achegamento de Tareixa á política ao norte do Miño materializado no casamento con Fernán Pérez de Traba precipitaron os acontecementos no condado de Portugal. O arcebispo de Braga, arrebatado das reliquias de San Froitoso polo mesmo Xelmírez en 1102,[13] e os grandes aristócratas portugueses, interesados nun maior poder territorial, foron os principais valedores das pretensión reais de Afonso Henriques. Perante tal situación, o rei galego Afonso VII viaxou a Portugal, sitiándoo en Guimarães ata conseguir a súa promesa de fidelidade, que finalmente lle comunicou Egas Muñiz. Meses máis tarde, en 1128, e ante o incumprimento de Afonso Henriques, o pérfido galego, señor de Coímbra,[14] como lle denomina o cronista Ibn Sahib al-Salah, as tropas de Tareixa e Fernán Pérez de Traba libran a batalla de San Mamede en 1128, de onde as tropas portucalenses saen vitoriosas. A morte de Tareixa, e a batalla de Ourique contra os musulmáns consolidan finalmente o condado como reino en 1139, tornándose Afonso Henriques no rei Afonso I de Portugal, recoñecido polo seu curmán Afonso VII e por Castela no Tratado de Zamora en 1143. Finalmente, o recoñecemento formal do Reino de Portugal é obtido no ano 1179, coa sanción do papa Alexandre III mediante a bula Manifestis Probatum.[15] Nacía entón un reino que, formando o seu territorio parte da Gallaecia dende o Imperio Romano, e tendo albergado incluso a capital do reino (Braga) durante moito tempo, adquiría a partir de agora a súa propia personalidade.
Posteriormente, con todo, houbo varios intentos por parte do Reino de Portugal de recuperar a unidade da antiga Galicia.[16] Máis dun século despois da independencia, durante o reinado de Dinis (1279-1325) o propio rei afirmou que a súa política:
Orientouse sempre a formar do noso país un reino independente unido por estreitos lazos de cultura e de política a Portugal (...) O rei don Dinis foise para Portugal para preparar o levantamento de Galiza, para o cal contaba coa axuda de don Afonso de Albuquerque, seu mordomo maior e antigo adiantado maior de Galiza, así como do novo adiantado galego Fernando Rodríguez de Castro.[17]
Así, durante o reinado de Dinis, houbo varias tentativas a prol da independencia e a reunificación. Xa no ano 1369 Fernando I, fillo de Pedro I e Inés de Castro, contando co apoio dos aristócratas galegos Alvar Peres de Castro e Nuno Freire de Andrade, proclámase rei de Galicia e ocupa o territorio.
Mas o grupo mais numeroso era composto por galegos. Foi a adesão dos nobres galegos, e da sua entrega de muitos castelos e localidades ao rei D. Fernando, que transformou a campanha de 1369 numa verdadeira "guerra de primavera", de características quase festivas para o monarca português.[18]
Mais o grupo máis numeroso era composto por galegos. Foi a adhesión dos nobres galegos, e da súa entrega de moitos castelos e localidades ao rei D. Fernando, que transformou a campaña de 1369 nunha verdadeira "guerra de primavera", de características case festivas para o monarca portugués.
Porén, Henrique de Castela, en contestación xunta un exército con tropas internacionais composto por mercenarios invadindo Galicia e posteriormente Portugal. Así, o reinado de Fernando foi efectivo en Galicia durante uns tres meses, aínda que controlou a cidade da Coruña dous anos. Poucos anos máis tarde, en 1397, chegaría o que sería o último intento para reconstituír a unidade será o do Rei Xoán de Avis, quen tentou reconquistar Galicia coa axuda do ex-arcebispo de Compostela García Manrique, quen anteriormente tomara a decisión de que os bispados galegos dependentes de Braga pasaran a selo de Compostela. Despois desta última errada tentativa, ábrese unha etapa de paz entre as coroas de Castela e Portugal, que vai tomar como prioridade as expedicións no continente africano coa de Ceuta no ano 1415 e o poboamento de Madeira en 1425. A pesar da separación durante esa época, as relación entre o clero, a nobreza, así como no ámbito social e cultural non sufriron un retroceso destacable, situación que cambiaría a partir do século XV.[16]
Trala chegada da paz, Portugal comezou un proceso de exploración e expansión ao redor de todo o mundo, cuxas figuras destacadas foron o Henrique de Viseu, alcumando o Navegador, e o rei Xoán II. O primeiro paso sería o desembarco en Marrocos, onde en 1415 os portugueses conquistarían Ceuta, sendo o seu seguinte obxectivo a cidade de Tánxer. Con todo, tras moitas batallas, en 1437 os portugueses sairían derrotados, adiando o seu proxecto de conquistar o norte africano. Porén, finalmente conseguirían tomar algúns obxectivos, incluído a propia Tánxer. Mais con todo, a vida dos portugueses nesas cidades non era fácil debido aos constantes ataque dos árabes e á escaseza de recursos, os cales se conseguían a través do Portugal continental por mar ou Castela, ou mesmo eran mercados aos árabes, xa que en tempos de paz comerciaban cos portugueses.
Á vez que os portugueses tentaban asentarse en Marrocos, xa mesmo durante o reinado de Xoán I, faríanse grandes descubrimentos. En 1418 os navegantes João Gonçalves Zarco e Tristão Vaz Teixeira descobren as illas de Porto Santo e de Madeira. Porén, máis que dun achado trátase dun redescubrimento, porque xa se sabía da existencia das illas de Madeira no século XIV segundo revela algunha cartografía. As illas estaban deshabitadas, mais polo seu clima, ofrecían posibilidades de poboamento e reunían boas condicións para a exploración agrícola. Os arquipélagos de Madeira e das Canarias espertaron, dende o seu descubrimento, o interese tanto dos portugueses como dos casteláns, xa que eran illas preto da costa africana, o que implicaba fortes potencialidades económicas e unha grande importancia estratéxica. A disputa destes territorios deu orixe ao primeiro conflito ibérico motivado por razóns expansionistas. Pouco máis tarde chegarían os primeiros navegantes ao arquipélago dos Azores da man de Diogo de Silves. Primeiramente sería descuberto o grupo oriental das illas (São Miguel e Santa María), seguido polo grupo central (Terceira, Graciosa, São Jorge, o Pico e o Faial) e finalmente, en 1452, sería descuberto o grupo occidental (as Flores e o Corvo) por João de Teive. Este arquipélago, tamén deshabitado, reunía condicións para o poboamento e a produción, a cal sería, sobre todo, de azucre, viño, trigo e gando.
Mentres tanto na África continental, Xil Eanes consegue pasar do Cabo Bojador (actual Sáhara Occidental) continuando a exploración da costa africana. En 1456, Diogo Gomes descobre Cabo Verde, illas que formarían parte do país até o século XIX e que serían poboadas con nativos africanos traídos de Guinea. Pouco despois, en 1460, Pêro de Sintra atangue a Serra Leoa e en 1471, João de Santarém e Pero Escobar descobren a costa setentrional do golfo de Guinea, a de Benín e a do Gabón, así como e as illas de San Tomé e Príncipe. Así, os portugueses irían fundando postos comerciais ao longo de toda a costa africana. En 1487, Xoán II envía a Afonso de Paiva e a Pero da Covilhã á busca de informacións sobre a navegación e comercio no océano Índico. No ano seguinte, en 1488, Bartolomeu Dias, comandando unha expedición con tres carabelas, dobra o Cabo da Boa Esperanza comprobando a comunicación entre os océanos Índico e Atlántico ao dobrar o cabo de Boa Esperanza. O proxecto para o camiño marítimo para a India foi deseñado por Xoán II como medida de redución dos custos nas trocas comerciais coa Asia, o que levou á cada vez máis sólida presenza marítima portuguesa e á expansión do Reino, o cal se estaba a transformar nun Imperio. Porén, a iniciativa non sería realizada durante o seu reinado, e sería o seu sucesor, Manuel I quen designaría a Vasco da Gama para esta expedición. O 8 de xullo de 1497 iniciase a expedición semi-planetaria que terminaría dous anos despois coa entrada do nave Bérrio ao río Texo, traendo a boa nova.
Porén, os portugueses non eran os únicos en emprender a conquista dos mares, o que levou a unha serie de conflitos que non serían solucionados até o ano 1494 coa sinatura do Tratado de Tordesillas, o cal dividía o mundo en dúas áreas de exploración: a portuguesa e a castelá. Esta división sería en función dun semi-meridiano que debería pasar a 370 leguas de Cabo Verde ("mare clausum"). En pouco tempo os portugueses descubriron rutas e terras en América do Norte, América do Sur e Oriente, na súa maioría durante o reinado de Manuel I, o Aventureiro. A expansión cara a Oriente, sobre todo grazas ás conquistas de Afonso de Albuquerque, concentrou case todos os esforzos dos portugueses, aínda que en 1530 Xoán III iniciou a colonización do Brasil, que fora descuberto trinta anos antes, o 22 de abril de 1500 por Pedro Álvares Cabral. As riquezas alí atopadas fixeron que os portugueses se centrasen no Novo Mundo, coa consecuente perda doutras prazas no Índico, como Ormuz, fronte a outras potencias europeas. Cómpre destacar, en canto a navegantes portugueses, a chegada en 1543 de Francisco Zeimoto, António Peixoto e António da Mota ao Xapón,[19] sendo os primeiros europeos en facelo, así como a Fernão de Magalhães, que sería o primeiro europeo en navegar por augas do océano Pacífico.
O país tería o seu século de ouro durante este período. No caso do Portugal continental, na batalla de Alcácer Quibir en 1578, que enfrontaba a portugueses e marroquís, perece o rei Sebastián con tan só vinte e un anos, e parte da nobreza portuguesa. O rei-cardeal Henrique substituiría o monarca no trono, aínda que morrería só dous anos despois, abrindo unha crise sucesoria que se resolveu cunha monarquía dualista chamada entre Portugal e Castela, durante a cal os dous reinos tiveron coroas separadas, aínda que gobernados polo mesmo rei, sendo o primeiro dos tres que ostentarían este cargo Filipe II. Privado dunha política exterior independente e envolto na guerra que mantiña Castela contra os Países Baixos, o país sufriu grandes reveses no seu imperio e perdeu o monopolio do comercio no Índico.[20] O dominio terminou finalmente o 1 de decembro de 1640 pola nobreza que, tras vencer á garda real nun repentino golpe de estado, depuxo a duquesa gobernadora de Portugal e coroou a Xoán IV como rei de Portugal.[20] Iniciouse así a guerra de restauración portuguesa, que se prolongou até 1668, ano en que se asinou o Tratado de Lisboa, polo cal o rei Carlos II recoñeceu a independencia de Portugal.[21]
O final do século XVII e a primeira metade do século XVIII foron testemuñas do florecemento da minería no Brasil, onde grazas ao descubrimento de ouro e pedras preciosas a corte de Xoán V converteuse nunha das máis opulentas de Europa. Estas riquezas serviron para pagar produtos importados, na súa maioría de Inglaterra, xa que non existía industria téxtil no reino e as teas eran importadas das illas británicas. O comercio externo baseábase na industria do viño e o desenvolvemento económico do reino foi impulsado, xa no reinado de Xosé, polos esforzos de Sebastião de Carvalho e Melo, Marqués de Pombal, ministro entre 1750 e 1777, para dar a volta a situación con grandes reformas mercantilistas. Foi durante este reinado cando un terremoto devastou Lisboa e o Algarve o 1 de novembro de 1755. O tremor foi un dos máis destrutivos e mortais da historia, causando a morte de entre 60.000 e 100.000 persoas, sendo ademais seguido por un tsunami e un incendio que esnaquizaron practicamente toda a capital. O sismo acentuou as tensións políticas e interrompeu abruptamente nas ambicións coloniais.
En canto á política do país, o Marqués de Pombal, a pesar de ser o favorito do rei, era desdeñado pola aristocracia portuguesa como un intruso, xa que era fillo dunha familia do rural. De feito, o título de Marques non lle foi concedido senón até 1770, quince anos despois do tremor. Pola súa banda, o Marques sentía aversión polos vellos nobres, aos que consideraba corruptos e incapaces de tomar accións prácticas. Antes do sismo había unha loita constante para conseguir o poder e o favor real, pero máis tarde, a resposta do Marqués de Pombal eliminou con eficacia o poder das vellas faccións aristocráticas. Así, a oposición e o resentimento silenciosos cara Xosé comezaron a manifestarse, o que culminaría cun intento de magnicidio na persoa do rei e a eliminación do poderoso Duque de Aveiro e da familia Távora.
Xa a comezos do século XIX, nun contexto político dominado por Napoleón Bonaparte, Portugal rexeita unirse ao Bloqueo Continental, un sistema económico e comercial imposto polo Imperio Francés polo cal se excluía ao Reino Unido de todo intercambio mercantil co resto de Europa coa esperanza de arruinala financeiramente, para non romper a súa histórica alianza con Inglaterra. Debido a isto o país foi invadido polos exércitos napoleónicos en 1807. En xullo de 1812 o Duque de Wellington, á fronte dun exército anglo-portugués derrota os franceses dende Portugal, primeiro na batalla de Ciudad Rodrigo e logo na batalla de Arapiles, expulsa os franceses do oeste. Por outra banda, Portugal axudou tamén a Galicia a ceibarse dar tropas francesas. A Xunta Suprema do Reino de Galicia, como depositaria da soberanía, comportouse cara ao exterior como un reino independente e enviou a Portugal o brigadier Figueroa, con poderes e acreditacións, para que contactase cos patriotas portugueses xa en guerra cos franceses. O resultado foi un pacto asinado no Porto o 4 de xullo de 1808. No pacto, acordábase loitar pola restitución da soberanía aos seus lexítimos monarcas, expulsando os franceses. Galicia comprometíase a axudar ao exército portugués e á súa vez Portugal comprometíase a axudar en cando quedase libre, pedindo a Inglaterra que garantise o pacto. A guerra finalmente remataría coas tropas de Napoleón derrotadas o 17 de abril de 1814, cinco anos e once meses despois do inicio da contenda.
Durante a guerra, no final de 1807, a ameaza da guerra fixera que o Príncipe Rexente Xoán VI, en nome da raíña María I, trasladase a corte real de Lisboa para o Brasil. O estabelecemento da corte portuguesa na súa colonia de América do Sur levou á creación dalgunhas das primeiras institucións brasileiras, como as bolsas de valores locais e un banco nacional. Co fin da guerra peninsular, os tribunais europeos esixiron que a raíña María I e o príncipe rexente Xoán regresasen para Portugal, xa que consideraban impropio que representantes dunha antiga monarquía europea residisen nunha colonia. En 1815, para xustificar a súa permanencia no Brasil, onde a corte real estaba a prosperar nos últimos seis anos, creouse o Reino Unido de Portugal, Brasil e o Algarve, estabelecendo así un estado monárquico transatlántico e pluricontinental con capital en Río de Xaneiro. Así, o Brasil pasa de ser a única colonia do mundo a converterse, momentaneamente, en metrópole.
Iso irritou a sectores da sociedade portuguesa da época e non foi suficiente para calmar a demanda de retorno da corte a Lisboa, como se esixiu na revolución liberal do Porto en 1820, nin o desexo de independencia por parte de grupos brasileiros, como por exemplo a revolución pernambucana de 1817. Porén, rexeita retornar e aproba unha lei na cal calquera decisión tomada en Lisboa que afectase a todo o Reino Unido debería ser ratificada por el persoalmente. En 1821, como esixencia por parte dun grupo de revolucionarios que tomaran a cidade do Porto, Xoán VI parte para Lisboa, onde fixo un xuramento á nova constitución, deixando seu fillo, o príncipe Pedro de Alcántara como Rexente do Reino do Brasil. O goberno portugués tentou transformar a Brasil nunha colonia unha vez máis, privando o país do estatuto de Reino adquirido en 1815. Porén, os brasileiros non cederon e Pedro declara a independencia do país do Reino Unido de Portugal, Brasil e o Algarve o 7 de setembro de 1822, sendo coroado como Primeiro Emperador do Brasil o 1 de decembro.
Durante o resto do século XIX, Portugal viviu períodos de enorme perturbación política e social, como a guerra dos dois irmãos ou guerra civil, e as repetidas revoltas e pronunciamentos militares como a revolución de setembro, a do Miño ou a de Patuleia. A paz chegaría grazas ao Acto Adicional á Carta Constitucional de 1852, así como ao inicio das políticas de obras públicas lideradas por Fontes Pereira de Melo. A finais do século as ambicións coloniais portuguesas chocaron coas inglesas, o que provocou o ultimato británico de 1890. A cesión ás esixencias británicas e os crecentes problemas económicos causaron á monarquía un descrédito crecente, que culminou cos asasinatos de Carlos I e o príncipe herdeiro Lois Filipe o 1 de febreiro de 1908. A monarquía mantívose no poder durante dous anos máis, encabezada por Manuel II, mais grazas á revolución do 5 de outubro de 1910 foi abolida, implantándose no seu lugar a Primeira República Portuguesa.[22]
Instaurada a República, o rei Manuel II saíu cara ao exilio en Inglaterra.[23] Despois de varios anos de inestabilidade política, con loitas de traballadores, tumultos, levantamentos, homicidios políticos e crises financeiras, problemas agravados pola participación portuguesa na primeira guerra mundial, o exército tomou o poder en 1926. Dous anos máis tarde, o réxime militar nomeou ministro de finanzas a António de Oliveira Salazar, profesor da Universidade de Coímbra, que en 1932 se converteu en presidente do consello de ministros.[24] Oliveira restaurou as finanzas e instituíu o coñecido como Estado Novo, un réxime ditatorial autoritario corporativista cun partido único e sindicatos estatais, ademais dunha afinidade fascista ben marcada. De feito en 1941, despois de que o cónsul portugués en Bordeos, Aristides de Sousa Mendes, concedese unha gran cantidade de visados a refuxiados xudeus que tentaban fuxir dos nazis, ignorando as instrucións do Ministerio de Asuntos Exteriores, Salazar foi implacable e destituíuno.[25] Cando Aristides Mendes volveu a Portugal, foi expulsado do servizo público e das súas liberdades civís, ficando reducido a unha notoria pobreza, falecendo en 1954 tras vivir da caridade. Tras a vitoria dos Aliados na segunda guerra mundial, Salazar sufriu presións para transformar Portugal nunha democracia. En 1948 Salazar esfórzase en amosar o fervente anticomunismo do seu réxime como credencial para gañar o apoio político dos Estados Unidos. De feito, Salazar combinou o seu anticomunismo co seu apoio aos Aliados en 1943 para conseguir que Portugal fose invitada a unirse á OTAN en 1949, aínda sendo o único membro da alianza que xamais rompera relacións coa Alemaña nazi.
O anticomunismo de Salazar serviu para soster a economía portuguesa en función aos mercados dos Estados Unidos e Europa Occidental, aínda que a escaseza de materias primas valiosas en Portugal, así como a pouca poboación do territorio, impediron que os capitais estranxeiros iniciasen unha efectiva industrialización do país. Durante a década de 1950, Salazar mostrou unha fe inquebrantable en soster a autarquía económica de Portugal até onde fose posible, o cal mantivo o país como un exportador neto de materias primas de baixo prezo. Ante a depresión económica de Portugal, en contraste co crecemento económico de Europa Occidental, unha enorme cantidade de portugueses emigraron dende comezos da década de 1960, principalmente cara a Francia ou Bélxica, na procura de mellores condicións de vida, desempeñándose como obreiros.[26] Outros menos migraron cara ao Brasil. O temor ao recrutamento masivo de tropas para a guerra colonial en África aumentou o volume da emigración portuguesa, ao momento que cara a 1974 case 500.000 emigrantes portugueses vivían nos barrios obreiros de Francia. O réxime de Salazar durou até 1968, cando tivo que ser apartado do poder por mor dunha enfermidade, sendo sucedido por Marcelo Caetano.[27] O rexeitamento do réxime á descolonización das provincias ultramarinas supuxo o inicio da guerra colonial primeiro en Angola (África Occidental Portuguesa) en 1961, e pouco despois en Guinea-Bissau e Mozambique (África Oriental Portuguesa) en 1963 e 1964 respectivamente. A pesar das críticas dalgúns dos oficiais do exército máis veteranos, entre os cales se atopaba o xeneral António de Spinola, o goberno mantívose firme na súa decisión de continuar con esta política.[28] Este último publicou un libro, Portugal e o futuro, no que afirmaba que non se debía seguir a guerra colonial, senón que había que procurar unha "solución política" ao conflito. Porén, foi destituído, o que aumentou o malestar entre os oficiais máis novos do exército.[29] A guerra colonial xerou tamén conflitos entre a sociedade civil e a elite militar. Todo isto mentres o modelo económico propugnado polo réxime, baseado na autarquía e na exportación de materias primas, acompañado polo débil desenvolvemento industrial e un forte mercantilismo en todos os sectores da economía, facía que Portugal permanecese como o país máis pobre de Europa Occidental.
Desde ese momento, unha vez que se fan visibles as divisións existentes no seo da elite do réxime, nace o Movimento das Forças Armadas (MFA) elixe levar adiante unha revolución. O movemento nace secretamente en 1973 da conspiración dalgúns oficiais do exército, algún primeiro preocupados por cuestións profesionais, mais que logo se politizaron polo desexo de liberdade democrática e o descontento pola política seguida polo goberno en relación coa guerra colonial. A finais de 1973 o MFA alcanza maiores niveis de crecemento e convértese nunha preocupación para a policía secreta do Estado Novo, precisamente cando gran parte dos apoios de Oliveira Salazar procedían da elite militar á cal o salazarismo confiara un importante rol político con motivo da guerra colonial. En marzo de 1974 un grupo de oficiais do MFA tenta un golpe de estado sublevando un rexemento de infantaría na localidade de Caldas da Rainha co fin de marchar sobre Lisboa. O chamado Levantamento das Caldas fracasa ese mesmo día e este feito motiva ao réxime de Marcelo Caetano a lanzar unha agresiva campaña de espionaxe dentro do Exército, ordenando detencións e traslados de guarnicións. Os xefes do MFA reflexionan entón que necesitan recorrer a un golpe de estado para derrocar o réxime, sendo inviable unha saída pacífica; porén, para asegurar o éxito rápido e evitar unha guerra civil deben ampliar o seu círculo de contactos e, sobre todo, acelerar os plans da revolta para non dar tempo á reacción gobernamental.
O Movimento das Forças Armadas decide actuar e comezar a revolución o 25 de abril de 1974. O primeiro sinal da revolución chegaría ás 22:55 horas do 24 de abril, coa emisión da coñecida canción "E depois do Adeus" de Paulo de Carvalho, transmitida polo xornalista João Paulo Diniz da radio "Emissores Associados de Lisboa". Case dúas horas despois, ás 0:25 horas, xa o día 25 de abril na Rádio Renascença soa Grândola, Vila Morena, unha canción revolucionaria de José Afonso prohibida polo réxime, a cal sería o segundo sinal pactado polo MFA para ocupar os puntos estratéxicos do país mediante unha serie de coordinacións fixadas por un posto de mando estabelecido polo maior Otelo Saraiva de Carvalho no cuartel da Pontinha en Lisboa. Seis horas máis tarde o réxime ditatorial derrúbase en tanto a partir das 01:00 horas do 25 de abril as guarnicións das principais cidades (Porto, Santarém, Faro e Braga) deciden seguir as ordes do MFA, ocupando aeroportos e aeródromos, así como tomando as instalacións do goberno civil. De feito, fóra de Lisboa a situación discorre con sorprendente calma, e ao longo da madrugada as autoridades do Estado Novo perden o control do país sen resistencia. A pesar que desde as 03:00 horas do 25 de abril emítense continuos chamamentos radiofónicos dos Capitáns de Abril (os oficiais xefes do MFA) á poboación para que permanecese nos seus fogares e á policía para non oporse ás actividades das tropas. Ao amencer dese mesmo día miles de civís portugueses gañaron as rúas en varias localidades, mesturándose cos militares sublevados. No transcurso da madrugada os militares rebeldes ocupan os aeroportos internacionais de Lisboa e do Porto, ordenando o cesamento dos voos en todo o espazo aéreo portugués. Unidades da mariña de guerra adhírense á revolta e toman o control dos portos do Atlántico e dos Azores. Aínda que ao comezo as tropas da aviación se manteñen indecisas, finalmente aceptan seguir ao MFA debido á decidida actuación das tropas do exército.
Un dos fitos daquelas concentracións foi a marcha das flores en Lisboa, caracterizada por unha multitude aprovisionada de caraveis, a flor de tempada, sendo que na súa ruta cara aos puntos claves de Lisboa uns soldados pediron caraveis nun posto de rúa dunha florista para colocalos nas súas armas, como símbolo de que non desexaban disparar as súas armas. Esa é a orixe do nome dado a esta revolución. Ao empezar a revolta en Lisboa as tropas rebeldes ocupan as instalacións da Rádio Nacional e do Rádio Clube Português, a partir das cales emiten os seus comunicados. As accións militares foron protagonizadas tamén polo capitán Salgueiro Maia que, á fronte das forzas da Escola Prática de Cavalaria saíu de Santarém para marchar sobre Lisboa. Alí logrou a adhesión de máis tropas e con elas ocupou Terreiro do Paço (a actual Praça do Comércio lisboeta) a primeiras horas da mañá do día 25, loitando por manter a orde, evitar excesos de civís, e convencer as tropas da capital que estaban aínda indecisas ante os sucesos.
O profesor Marcelo Caetano refuxiouse cos seus ministros no cuartel do Bairro do Carmo, en Lisboa, que foi cercado polo MFA ás 08:00 horas apoiado por unha multitude de manifestantes. Caetano discutiu co capitán Salgueiro Maia, quen dirixía as tropas sublevadas do Carmo, e que lle presentou un ultimato para abandonar o goberno. Tras vencer ás 16:00 horas o ultimato para a rendición do goberno, Caetano pediu a Salgueiro Maia renderse ante un oficial de alta gradación, ao cal accedeu Salgueiro. Para ese fin deuse aviso ao xeneral António de Spínola, un dos xefes do MFA no corpo de cabalaría, quen acudiu ao Cuartel do Carmo para recibir a rendición de Caetano ás 17:45 horas. Caetano capitulaba "para evitar que o poder caia na rúa" e foi sacado cos seus ministros nun transporte de tropas Bravia Chaimite ás 19.00 horas, no medio da multitude nas rúas, para ser mantido baixo arresto. Case inmediatamente Caetano e os seus ministros partiron para o exilio no Brasil. Ás 01:00 horas do 26 de abril, a televisión e a radio estatais presentaron os membros do MFA encabezados por Spínola, que xa asumiran o control de todo o país e que estarían encargados do goberno a partir de entón.
A primeira fase tras a revolución foi a unión dunha corrente conservadora dos militares ao redor de António de Spínola e unha vertente socialista ao redor do primeiro ministro Vasco Gonçalves, así como o xeneral Francisco da Costa Gomes, Saraiva de Carvalho e Salgueiro Maia, que eran membros do MFA. Unha vez estabelecida a corrente socialista, comezaron as nacionalizacións e a reforma agraria. A Constitución de 1976 definía o paso ao socialismo co destino do Estado, mentres que o xeneral Spínola foi obrigado a marchar ao exilio ao Brasil. Nas primeiras eleccións presidenciais tras a Constitución de 1976, o xeneral António Ramalho Eanes vence a Saraiva de Carvalho, establecéronse as sementes para crear un modelo de Estado parlamentario semellante ao do resto da Europa occidental. Así, Ramalho Eanes e o representante do Partido Socialista, Mário Soares achegaron o país á Comunidade Europea, ingresando nela definitivamente en 1986.
En 1979 gañou as eleccións parlamentarias, por primeira vez tras a Revolución dos Caraveis, un grupo político situado no centro-dereita, encabezado por Francisco de Sá Carneiro e Francisco Pinto Balsemão. O goberno púxose de acordo coa oposición socialista para levar a cabo unha reforma constitucional. A nova Constitución, que entrou en vigor en 1982, eliminou algunhas institucións que xurdiran tras a Revolución, entre elas o Consello Revolucionario, e creou un Tribunal Constitucional ao estilo de moitos dos países occidentais. En 1985, Aníbal Cavaco Silva convértese en primeiro ministro polo Partido Social Demócrata (PSD) de corte conservador, revalidando de novo o seu mandato dous anos despois con maioría absoluta. Cavaco Silva mantívose no poder até 1995, impulsando unha política económica neoliberal e privatizando aquelas empresas que se nacionalizaran tras a revolución. Desde 1995 até 2002, o goberno estivo nas mans do socialista António Guterres. Durante o seu mandato, Macau, a última colonia portuguesa en Asia, foi devolta á República Popular da China o 20 de decembro de 1999.
Nas eleccións parlamentarias do 17 de marzo de 2002 a dereita portuguesa volveu conseguir a maioría dos votos. Cun 62,3% dos votos escrutados, o PSD baixo a dirección de José Manuel Durão Barroso lograría un 40,1% dos votos seguido polo Partido Socialista e os conservadores do Partido Popular cun 37,9% e 8,8% respectivamente. Barroso formou unha coalición na que o líder do Partido Popular, Paulo Portas, recibiu a carteira de Xustiza, Traballo e Asuntos Sociais. Os socialistas mantiveron, pola contra, a Presidencia da República debido a que o sucesor de Soares foi Jorge Sampaio. En 2004 Durão Barroso foi nomeado sucesor de Romano Prodi como presidente da Comisión Europea, sendo o seu sucesor no cargo de Primeiro Ministro Pedro Santana Lopes, quen só gobernou durante un curto período xa que en novembro dese ano a Asemblea Nacional foi disolta para elixir un novo Primeiro Ministro. En febreiro de 2005 tiveron lugar as eleccións e nelas o Partido Socialista logrou por primeira vez na súa historia unha maioría absoluta, sendo José Sócrates nomeado Primeiro Ministro. O 22 de xaneiro de 2006 os votantes portugueses elixiron a Aníbal Cavaco Silva como novo Presidente da República tras lograr a maioría absoluta na primeira volta, evitando terse que enfrontar nunha segunda volta co seu principal rival, o candidato do partido socialista renegado Manuel Alegre, o cal quedou diante do candidato oficial do partido Mário Soares.
En 2008, por mor da crise económica global, o país foi cualificado pexorativamente, xunto con Irlanda, Italia, Grecia e España, como unha das "PIIGS",[30][31] economías vulnerables debido ao crecemento do endebedamento e ao alto déficit público en relación ao PIB. En 2011 o país estaba á beira da quebra,[32] polo que en abril, José Sócrates anuncia o inicio de negociacións co Fondo Monetario Internacional e coa Unión Europea para pedir un préstamo para axudar ao país a estabilizar as súas finanzas. Así, o 16 de maio os líderes da zona do euro aprobaron un préstamo de 78.000 millóns de euros a Portugal,[33] co compromiso de reducir o déficit público do 9,8 por cento do PIB en 2010 até o 3 por cento en 2013.[34] Nas eleccións de 5 de xuño de 2011 o novo goberno liderado por Pedro Passos Coelho inicia unha política de austeridade tutelado por unha "troika" constituída por responsables da Comisión Europea, Banco Central Europeo e Fondo Monetario Internacional.[35][36]. António Costa é primeiro ministro desde o 26 de novembro de 2015.
Portugal está situado no extremo suroeste de Europa, na Península Ibérica, formado por un territorio continental de 91.951 km². Ademais, os Azores e Madeira, dous arquipélagos situados no océano Atlántico, forman parte do seu territorio marítimo cunha superficie total entre ambos de 3.134 km². O país está bañado durante 1.793 km polas costas do océano Atlántico, ocupando a maior parte da costa occidental ibérica xunto con Galicia. A súa zona continental ten fronteiras cun único estado, España, ao leste e ao norte, ao longo de 1.214 km. O seu territorio continental está atravesado polo seu río principal, o Texo, que divide o país en dous pola metade. No norte, a paisaxe é montañosa nas zonas do interior con altiplanos intercalados que permiten o desenvolvemento da agricultura. No sur, até o Algarve, o relevo caracterízase pola presenza de chairas, aínda que existen algunhas serras intercaladas. Outros ríos principais son o Douro, o Miño, o Guadiana, o Vouga e o Mondego, o río máis longo que transcorre só polo seu actual territorio estatal ao nacer na serra da Estrela. É, ademais, nesta serra onde se acha a montaña máis alta do Portugal continental, así como o segundo pico máis alto do país, o Cume da Torre, que con 1.993 msnm de altitude está só por detrás da Montaña do Pico das illas Azores (2.351 msnm).[37]
As Illas Azores atópanse no rift medio do océano Atlántico. Algunhas das illas tiveron actividade volcánica recentemente: São Miguel en 1563 e o volcán de Capelinhos en 1957, o cal aumentou a superficie occidental da Illa do Faial.[38] Cómpre destacar tamén ao Banco D. João de Castro, un gran volcán submarino situado entre as illas Terceira e São Miguel, o cal se atopa a 14 m baixo a superficie do mar. Este volcán entrou por última vez en erupción en 1720, formando unha illa que permaneceu sobre a auga durante varios anos, e estímase que podería volver xurdir unha nova illa nun futuro non moi afastado. As Illas de Madeira, ao contrario que os Azores, non se atopan na dorsal mesoatlántica senón no interior da placa africana. A súa formación debeuse á actividade dun punto quente non relacionado coa circulación das placas tectónicas. Esta situación de estabilidade e localización no interior da placa tectónica leva a que este sexa o territorio do país menos suxeito a sismos, de feito, a derradeira erupción volcánica da que se ten constancia aconteceu fai preto de 6.000 anos. Hoxe en día o vulcanismo manifestase dun xeito indirecto, a través da liberación de gases volcánicos profundos e augas quentes e gasificadas cando se abren túneles de estrada e galerías para captar augas no interior da illa principal.[39] O punto máis alto das illas é o Pico Ruivo con 1.862 m de altitude, sendo tamén é o terceiro punto máis alto do país.[40]
A extensión da costa continental portuguesa é duns 943 km, aos que é preciso sumar os 667 km de beiramar das Illas Azores e os 250 km de Madeira e as Illas Salvaxes. Abundan, así, debido á grande extensión do litoral, numerosas praias, atraendo principalmente as do Algarve a numerosos turistas cada ano, sendo uns dos principais destinos turísticos do país.[41] Ademais das praias, destacan os acantilados escarpados ao redor do Cabo de San Vicente e tamén no sur a lagoa de Ria Formosa. Outras formacións costeiras destacables son as rías, entre as que destaca a do río Vouga na súa foz preto da cidade de Aveiro, onde forma un delta de 45 km de longo e 11 km de largo, rico en peixes e aves mariñas, composto por catro canles principais e entre eles varias illas e illotes onde se atopan co océano os propio Vouga, o Antuã, o Boco e o Fontão. Ademais, desde o século XVI, a formación dunha especie de estreitos cabos deron lugar a unha lagoa, á que se considera un dos trazos hidrográficos máis notables da costa portuguesa. Debido a estas características, a rexión era un importante produtor de sal, que durante o Imperio romano exportaba sal a Roma, sendo esta considerada como un ben valioso.
O mediterráneo é o clima predominante na meirande parte do territorio continental portugués, dividíndose en dous subtipos segundo a Clasificación climática de Köppen: Csa (Clima morno con verán seco, subtropical con verán seco ou mediterráneo) e Csb (clima morno con verán seco e suave). A versión mais pura está presente ao sur da Serra da Estrela, onde hai temperaturas elevadas no verán e invernos frescos, sendo os veráns especialmente secos e os invernos máis húmidos. Ao norte da Serra da Estrela, no nordeste do país, o clima é mediterráneo continentalizado, máis húmido e con temperaturas medias máis baixas, sobre todo cando a altitude aumente, aínda que as zonas baixas, no val do Douro, rexístranse valores semellantes aos do sur do país, como no Pinhão, no distrito de Vila Real, onde a media anual de 16,4 °C. No litoral norte, ao noroeste do país, o clima ten máis influencia marítima con veráns moderados.
As temperaturas medias anuais nas áreas urbanas do territorio continental varían dende os 18 °C en Faro, capital do Algarve, até os 12,5 °C en Braganza, preto da fronteira galega,[42] e os 10 °C na Guarda, a cidade máis alta e fría do país.[43] Canto ás precipitacións, varían dos menos de 300 mm na ribeira de Massueime, afluente do Côa, que á súa vez é afluente do Douro, e dos 450 mm de Faro, aos 1.700 mm da Guarda e aos máis de 3.000 mm da Serra do Xurés, preto da Baixa Limia. A zona considerada máis fría do país é a Serra da Estrela, na cal as temperaturas medias roldan os 7 °C anuais nas partes mais elevadas e inferiores a 4 °C na Torre, o punto máis elevado da Serra, situado no concello de Seia no Distrito da Guarda.[44] Por outra banda, a temperatura máis elevadas rexistrada foi de 47,3 °C, en Amarelejo, freguesía do concello de Moura, no Alentexo o 1 de agosto de 2003, mentres que as máis baixas foron os -16 °C de Penhas da Saúde, localidade do municipio de Covilhã, e de Miranda do Douro, os días 5 de febreiro de 1954 e 16 de xaneiro de 1945. Tamén hai rexistros extra-oficiais de temperaturas mínimas en torno dos -20 °C na Torre da Serra da Estrela, alén dos 50,5 °C de temperatura máxima para Riodades, freguesía do concello de São João da Pesqueira, Distrito de Viseu.[45]
No arquipélago dos Azores o clima é clima oceánico, cunha temperatura media anual entre os 18 °C e 20 °C, un elevado índice anual de precipitacións e unha pequena amplitude térmica anual, sendo a Illa do Pico o lugar onde se rexistran máis precipitación en Portugal, con valores superiores a 6.350 mm anuais. O arquipélago de Madeira tamén presenta un clima subtropical, o mediterráneo no sur da illa e oceánico ao norte. O mesmo clima é mesmo semiárido na Illa de Porto Santo, onde as precipitacións son de 385 mm anuais. As Illas Salvaxes, cun clima desértico e precipitacións inferiores a 200 mm, son o lugar máis seco do país.
Hai a precipitacións en forma de neve rexistradas con regularidade anual nos distritos de Castelo Branco, Guarda, Braganza e Vila Real, diminuíndo a súa ocorrencia en dirección ao sur, até tornárense nulas na maior parte do Algarve, partes do Alentexo e illas Azores e Madeira. As situacións de nevadas regulares con temperaturas inferiores a -10 °C, actualmente, concéntranse en zonas con altitudes superiores aos 1.000 metros, tales como a Serra da Estrela, situada entre os distritos de Castelo Branco e Guarda, a Serra do Xurés, no distrito de Vila Real e a Serra de Montesinho, no distrito de Braganza. Con todo, o 29 de xaneiro de 2006 ocorreu algo pouco usual, xa que a maioría do territorio continental recibiu algunha precipitación de neve, chegando mesmo esa vez até a Serra de Monchique no Algarve. Nevou tamén en Lisboa, mais a neve foi de intensidade feble, derreténdose cando mesmo chegaba ao solo. Antes deste día, a última vez que capital portuguesa rexistrara tal fenómeno fora en 1954.[46] Un ano despois, o 28 de xaneiro de 2007, volveuse a rexistrar outra nevada en Lisboa, aínda que de novo de pouca intensidade, con todo, nalgunhas localidades da Grande Lisboa non se rexistrou ningún tipo de precipitación de neve, ao contrario que no ano anterior.[47]
Desde a fin do outono de 2008, varias estradas dos distritos de Castelo Branco, Coímbra, Viseu, Garda, Braganza, Braga, Porto, Vila Real e Viana do Castelo, localizadas no centro e norte do país, foron cortadas ao tráfico polo exceso de neve e xeo nas pistas, mesmo en áreas de altitudes menos elevadas, algo pouco usual no país.[48][49] Así, o final de 2008 foi o máis frío en varias décadas segundo os meteorólogos.[50] En cuanto aos territorios insulares, nos Azores, onde a media anual de temperatura está entre as máis elevadas do país, a neve está restrinxida á Montaña do Pico, situada na Illa do Pico, durante o Inverno. No arquipélago de Madeira tamén pode haber nevadas no Pico Ruivo, no Pico das Torres e no Pico do Arieiro, mais de forma máis escasa do que na Montaña do Pico.
Debido a que os seres humanos ocupan o territorio portugués desde hai miles de anos, pouco queda da vexetación orixinal. As áreas protexidas de Portugal inclúen un Parque Nacional, doce Parques Naturais, nove Reservas Naturais, cinco Monumentos Naturais e sete Paisaxes Protexidas, entre os cales están o Parque Nacional da Peneda-Xurés, o Parque Natural da Serra da Estrela e Reserva Natural de Paul de Arzila. Estes medios naturais están formados por unha flora moi diversa, destacando as especies de piñeiro (especialmente as especies Pinus pinaster e Pinus pinea), o castiñeiro (Castanea sativa), a sobreira (Quercus suber), a aciñeira (Quercus ilex), o caxigo (Quercus faginea) e o eucalipto (Eucalyptus globulus);[51] sendo todas estas especies apreciadas polo seu valor económico. En canto ás illas destaca sobre todo a Laurisilva ou bosque de loureiro, un tipo único de selva subtropical que só atopa nalgunhas zonas de Europa e do mundo. Así, principalmente na illa de Madeira, aínda que tamén nos Azores, existen grandes bosques endémicos de Laurisilva.[52]
En canto á fauna, pódense atopar diversas especies de mamíferos, incluído, entre moitos outros, o raposo, o teixugo, o lince ibérico, o lobo ibérico, a cabra montesa (Capra pyrenaica), o gato montés (Felis silvestris), a lebre, a donicela, o furón, o camaleón, a mangosta,[53] a civeta ou o oso pardo.[54][55] En canto ás aves, Portugal é unha importante parada para as migratorias, destacando lugares como o Cabo de San Vicente ou as montañas da Serra de Monchique, onde miles de aves cruzan de Europa a África durante o outono ou na primavera na súa migración de retorno. En xeral, unha gran parte das especies de aves congréganse ao longo da Península Ibérica, xa que é a parada máis próxima entre o norte de Europa e África. En canto a situación concreta de Portugal, pódense atopar entre catrocentas e seiscentas especies de aves, xa sexan para aniñar ou migratorias, habendo cada ano novos rexistros de especies.[56] Os arquipélagos dos Azores e Madeira son tamén parada transitoria de aves, neste caso das que cruzan entre América, Europa e África.
Con respecto á fauna fluvial, hai rexistradas máis de cen variedades de especies de peixes, que van desde o peixe gato europeo, no Parque Natural do Texo, a algunhas cativas especies endémicas que habitan só en pequenos lagos. Algunhas destas específicas e raras especies están en serio perigo de extinción debido á perda de hábitat, á contaminación e á seca. En canto ao mar, grazas aos afloramentos costeiros, é moi rico en nutrientes, o que leva a que existan diversas especies de peixes mariños. Algunhas das especies mariñas máis comúns son a sardiña (Sardina pilchardus), o atún ou a xarda (Scomber scombrus). Tamén se pode atopar unha gran variedade de especies bioluminescentes de distintas cores e formas, como por exemplo o plancto luminescente que se pode encontrar nalgunhas praias. Hai tamén moitas especies de insectos endémicos, aínda que a maioría só se atopa nalgunhas partes de Portugal, algunhas outras especies son bastante comúns, como o por exemplo o escornabois (Lucanus cervus) e a carricanta.
Nas illas macaronesias hai tamén ten moitas especies endémicas. En Madeira é posible observar máis de 250 especies de gasterópodos, así como outros invertebrados característicos como a bolboreta branca de Madeira (Pieris brassicae wollastoni). En canto a aves, en Madeira moran tres especies endémicas de aves: a freira da Madeira[57] (Pterodroma madeira), a pomba (Columba trocaz) e un regúlidos (Regulus madeirensis), ademais dunha subespecie de pimpín (Fringilla coelebs maderensis). Ademais, é tamén un lugar importante para a cría de aves mariñas como a pardela cincenta (Calonectris diomedea) ou o paíño de Madeira (Oceanodroma castro). Nos Azores, están identificadas 702 especies exóticas de flora, das cales 36 con carácter invasor, e 47 especies exóticas de fauna, distinguíndose cinco especies invasoras, destacando nestas últimas o escaravello xaponés. No conxunto do arquipélago están protexidas 115 especies, a pesar de haber, con todo, 215 especies ameazadas.[58][59]
A lei fundamental que rexe a República Portuguesa, a cal debe ser respectada por toda lei promulgada, é a Constitución. A carta magna foi redactada en 1975 pola Asemblea Constituínte, promulgada polo Presidente da República o 2 de abril de 1976, e posteriormente revisada até en catro ocasións, a última das cales foi en novembro de 1997. Outras leis estruturais do país son o Código Civil (1966), o Código Penal (1982), o Código Comercial (1888), o Código de Proceso Civil (2013), o Código de Proceso Penal (1987) e o Código do Traballo (2011). Algunhas destas leis teñen sufrido revisións profundas desde a súa publicación orixinal.[60]
Existen catro Órganos de Soberanía: o Presidente da República, que é o Xefe de Estado, con poder moderador e algún poder executivo; a Asemblea da República ou Parlamento, que ostenta o poder lexislativo; o Goberno, que ostenta o poder executivo; e os Tribunais, que ostentan o poder xudicial. A forma de goberno que rexo ao país dende 1976 é unha República semipresidencialista, estruturada segundo as regras de democracia representativa[60] de tendencia parlamentarista, atenuada ou acentuada conforme o goberno sexa maioritario ou minoritario,[61] soportando esta catro trazos estruturais esenciais:
O Presidente da República, Xefe de Estado, é elixido por sufraxio universal para un mandato de cinco anos. Ao contrario dos outros órganos de soberanía, o demandante a este cargo ten que ser maior de trinta e cinco anos e cidadán portugués. O candidato electo debe ter máis da metade dos votos. No caso de non haber un vencedor claro, realízase unha segunda volta cos dous candidatos máis votados da primeira. O demandante vencedor, na toma de posesión perante a Asemblea da República, presta o seguinte xuramento:[63]
Juro por minha honra desempenhar fielmente as funções em que fico investido e defender, cumprir e fazer cumprir a Constituição da República Portuguesa.
Xuro pola miña honra desempeñar fielmente as funcións en que fico investido e defender, cumprir e facer cumprir a Constitución da República Portuguesa.
O Presidente da República exerce como Comandante Supremo das Forzas Armadas (Exército, Armada, Forza Aérea, Garda Nacional Republicana), como represente formal do Estado no estranxeiro e nas relacións internacionais, maiormente como ratificador das convencións ou tratados internacionais e como receptor das credenciais de embaixadores estranxeiros, ademais de promulgar e mandar publicar ou vetar os actos lexislativos, principalmente as Leis da Asemblea da República, os Decretos-Lei e os decretos-regulamentarios do Goberno, ben como requirir a fiscalización da constitucionalidade destes diplomas; a de nomeamento e exoneración do Primeiro Ministro e dos demais ministros, neste último caso baixo proposta do xefe do goberno, así como revisar condecoracións e exercer o cargo de gran-mestre das ordes honoríficas. Ademais, baixo proposta do Goberno, pode nomear e exonerar embaixadores e os máis altos cargos militares (xefes de estado maior), así como o nomeamento do Procurador-Xeral da República. No ámbito da interdependencia de poderes entre o Presidente da República, a Asemblea da República e o Goberno, cabe ao primeiro declarar a guerra e facer a paz, declarar o estado de emerxencia e o de sitio e indultar e conmutar penas. O Xefe de Estado portugués reside, oficialmente, no Palacio de Belén en Lisboa.[60]
A Asemblea da República, que reúne en Lisboa no Palacio de São Bento, é elixida para un mandato de catro anos. O primado do poder lexislativo atribúese á Asemblea da República, compartindo, nalgúns casos, parte dese poder co Goberno. Non obstante, a Asemblea da República posúe poderes fiscalizadores dos actos lexislativos do Goberno, xa sexa a través da concesión de autorizacións lexislativas ou a través da apreciación parlamentaria destas. Neste momento a Asemblea conta con 230 deputados, elixidos en 22 distritos electorais dentro das listas de partidos políticos, aínda que nestas poidan participar cidadáns independentes. O presidente da Asemblea é elixido polos deputados, sendo sempre un deputado electo nas lexislativas, xeralmente do partido do goberno. O presidente da Asemblea é a segunda figura do Estado, tomando ao seu cargo as funcións do presidente da República en caso de ausencia deste.[60]
O Goberno está dirixido polo Primeiro Ministro, que é, por regra, o líder do partido máis votado en cada elección lexislativa, sendo despois convidado polo Presidente da República para formar goberno, así que o goberno non é electo senón que é nomeado. O Primeiro Ministro reside oficialmente no Palacete de San Bento, situado nas traseiras do edificio da Asemblea da República en Lisboa. Calquera goberno pode ser branco dunha moción de censura, podendo derrubalo na Asemblea, porén, tamén pode ser presentada unha moción de confianza opóndose á moción de censura.
Desde 1975, o panorama político portugués é dominado principalmente por dous partidos: o Partido Socialista (PS) e o Partido Social Demócrata (PSD). Estes partidos divídense as tarefas de gobernar e administrar a maioría dos gobernos autónomos practicamente desde a instauración da democracia. Así a todo, partidos como o Partido Comunista Portugués (PCP), que detén aínda a presidencia de gobernos autónomos e unha grande influencia xunto co movemento sindical ou o CDS - Partido Popular (CDS-PP), que xa gobernou o país en coalición co PS e co PSD, son tamén importantes no xadrez político. Alén destes, teñen asento no Parlamento o Bloco de Esquerda (BE) e o Partido Ecoloxista Os Verdes (PEV).[60]
Os tribunais administran a xustiza en nome do pobo, defendendo os dereitos e intereses dos cidadáns, impedindo a violación da legalidade democrática e mediando os conflitos de intereses que ocorran entre diversas entidades. Segundo a Constitución existen as seguintes categorías de tribunais: o Tribunal Constitucional, que ten a competencia de interpretar a Constitución e fiscalizar a conformidade das leis coas súas disposicións; o Supremo Tribunal de Xustiza e os tribunais xudiciais de primeira instancia (Tribunais de Comarca) e de segunda instancia (Tribunais da Relación); o Supremo Tribunal Administrativo e os tribunais administrativos e fiscais de primeira e segunda instancias (Tribunais Centrais Administrativos); e o Tribunal de Contas.[60]
Portugal ten, indiscutibelmente, as leis máis liberades en materia de posesión de drogas ilícitas no mundo occidental. En 2001, o goberno portugués descriminalizou, con resultados eficaces, a posesión de todas as drogas que aínda son ilegais noutros Estados desenvolvidas, como o cánnabis, a cocaína, a heroína e o LSD. Mentres a posesión é legalizada, o tráfico continúa ser punible con penas de prisión e multas. Aos cidadáns portugueses detidos en posesión de pequenas cantidades de calquera droga, dáselles a opción de ingresar nunha clínica de rehabilitación. A pesar das críticas doutros países europeos, que declararon que o consumo de drogas en Portugal iría aumentar tremendamente, o uso de drogas entre os adolescentes caeu, xunto co número de casos de infección polo VIH, que caeu 50 por cento en 2009.[64][65][66] No ano 2010, o 31 de maio, Portugal converteuse no sexto país de Europa e o oitavo do mundo en recoñecer legalmente o matrimonio entre persoas do mesmo sexo a nivel Estatal, entrando a lei en vigor o 5 de xuño.[67]
A política externa de Portugal está ligada ao seu papel histórico como figura preeminente da Era dos Descubrimentos e detentor do extinto Imperio Portugués. Con respecto á súa pertenza á organizacións internacionais, Portugal é membro fundador da OTAN (1949), OCDE (1961) e da EFTA (1960), aínda que deixou esta última en 1986 para adherirse á Unión Europea (UE), daquelas aínda coñecida como Comunidade Económica Europea (CEE).[68][69] Tamén foi membro fundador da primeira Axencia Internacional para as Enerxías Renovábeis (IRENA),[70], o 25 de xuño de 1992 converteuse en Estado membro do Espazo Schengen, unha política de libre circulación de persoas no espazo xeográfico de Europa e, en 1996, cofundou a Comunidade dos Países de Língua Portuguesa (CPLP).[71]
A entrada de Portugal na Unión Europea beneficiou o país de modo significativo, sendo hoxe un dos grandes defensores da integración europea. Nas veces que ocupou a presidencia do Consello Europeo (en 1992, 2000 e 2007), todas elas ben sucedidas, aproveitou para lanzar o diálogo entre a Unión Europea e África, volver a economía europea máis dinámica e competitiva e, na última presidencia, constituír e asinar, en conxunto cos restantes Estados membros, un Tratado Reformador coñecido como Tratado de Lisboa.[72] Como membro fundador da OTAN, mantense activo dentro da alianza ao, por exemplo, contribuír proporcionalmente con grandes continxentes nas tropas enviadas aos Balcáns, ademais, avogou firmemente pola independencia de Timor Leste, unha antiga provincia ultramarina, enviando tropas e diñeiro en estreita colaboración cos Estados Unidos, aliados asiáticos e a ONU.[73] Xa antes, Portugal participara na creación Comunidade dos Países de Língua Portuguesa (CPLP) para mellorar os seus lazos con outros países falantes de portugués, a maioría antigamente pertencentes ao seu Imperio.[71] Adicionalmente, adoita participar en cumes Ibero-Americanas.
En canto ás súas principais alianzas, Portugal mantén un tratado de amizade co Brasil, alén da historia que une os dous países.[74] Con todo, a alianza máis destacable é a que mantén con Inglaterra (á cal sucedeu o Reino Unido). Esta alianza foi estabelecida na Idade Media, momento no que foron celebrados dous tratados internacionais entre os Reis de Portugal e Inglaterra, nos anos 1373 e 1386 respectivamente. O Tratado de Windsor, asinado en maio de 1386 polos reis Xoán I e Ricardo II, confirmou formalmente a alianza que se mantén aínda até os nosos días.[75] O único litixio internacional que mantén o país, refírese ao concello de Olivença. Portugués desde 1297, o concello foi cedido a España no ámbito do Tratado de Badaxoz en 1801 tras a guerra das Laranxas, aínda que anos despois Portugal alegou que era parte do seu territorio en 1815, no ámbito do Congreso de Viena. Hoxe o concello consiste no municipio español co mesmo nome e no municipio de Táliga, separado do anterior. Porén, as relacións diplomáticas entre ambos Estados son cordiais.[76]
Con respecto ás relacións con Galicia, Portugal mantén diversos espazos de traballo en tódolos campos. A Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal é unha Eurorrexión da Unión Europea formalizada o 18 de febreiro de 2010, aínda que xa levaba en funcionamento baixo outro status desde o 31 de outubro de 1991, cuxo obxectivo é fomentar a cooperación territorial e promover intereses e obxectivos comúns.[77][78] Outro ente é Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal,[79] outra entidade promovida dende a Unión Europea creada coa finalidade de favorecer unha dinámica de encontros regulares para tratar asuntos de interese común, intercambiar informacións, coordinar iniciativas e examinar as posibilidades de solucionar os problemas comúns ou de contribuír á súa solución por medio de acordos, de decisións tendentes a unha solución coordinada, ou de recomendacións e propostas ás autoridades competentes, así como a elaboración e presentación de proxectos de cooperación conxuntos. Todos estes proxectos de colaboración teñen a súa confluencia no coñecido como Eixo Atlántico, un espazo que vai máis aló do económico até chegar ao cultural, facendo mesmo políticas de promoción turística conxuntas.[80] A primeira capital cultural do Eixo Atlántico foi a cidade de Vila Nova de Gaia.[81] Un dos proxectos de colaboración cultural máis soados foi a candidatura a Patrimonio inmaterial da Humanidade da UNESCO do Patrimonio e as Tradicións orais Galego Portuguesas,[82] a cal foi finalmente foi rexeitada por ser demasiado ampla,[83] instándoa enfocar o proxecto desde outro ángulo. Debido a isto, segue a haber novas tentativas para acadar o obxectivo algún día, así como seguen a realizarse multitude de actividades adicadas á promoción e á conservación deste patrimonio, sobre todo grazas ao colectivo Ponte... nas ondas!.[84]
As forzas armadas portuguesas teñen tres ramos: o Exército, a Mariña e a Forza Aérea, todos tutelados polo Ministerio da Defensa Nacional.[85] Os militares de Portugal serven, principalmente, como forza de autodefensa para protexer a integridade territorial do país e fornecer tanto asistencia humanitaria como seguranza no territorio Estatal e no estranxeiro.[86] No ano 2008 os tres ramos do exército sumaban 39.200 empregados activos, incluíndo 7.500 mulleres, sendo o gasto militar do goberno no exército en 2009 de 2.670 millóns de euros,[87] representando o 2,1% do seu Produto Interior Bruto. Porén, a intención do goberno é de reducir paulatinamente o gasto en defensa.[88] A partir do ano 2004,[89] foi abolido o servizo militar obrigatorio, estabelecéndose a ideade mínima para o recrutamento nos 18 anos.[90]
A armada, con 21.000 empregados, consta de tres brigadas, ademais doutras unidades máis pequenas: unha brigada de infantaría, principalmente equipada con transportes blindados Pandur II,[91] unha brigada mecanizada, principalmente equipada con tanques Leopard 2 A6 e transportes blindados M113, e unha brigada de reacción rápida, que consiste en paracaidistas, comandos e rangers. A mariña consta de 10.700 empregados, dos cales 1.580 son marines, contando ademais con cinco fragatas, sete corvetas, dous submarinos e vinte e oito buques patrulla e auxiliares.[92] Finalmente, as forzas aéreas, que contan con 7.500 empregados, teñen como avións de combate principais o Lockheed F-16 Fighting Falcon e o Dassault/Dornier Alpha Jet.[93]
No século XX, Portugal realizou dúas grandes intervencións militares, a primeira durante a primeira guerra mundial (1914-1918) e posteriormente durante a guerra colonial (1961-1974).[94] Tras a fin do Imperio Portugués en 1975, as Forzas Armadas portuguesas participaron en misións para o mantemento da paz en Afganistán, Bosnia e Hercegovina, Iraq, Kosovo, Líbano, Somalia e Timor Leste,[95] así como varias operacións militares unilaterais independentes no estranxeiro, como son o caso das intervencións das Forzas Armadas en Angola en 1992 e en Guinea-Bissau en 1998, co obxectivo principal da protección e a retirada dos cidadáns portugueses e estranxeiros ameazados polos conflitos civís locais.
A seguridade da poboación está a cargo da Guarda Nacional Republicana (GNR) e da Polícia de Segurança Pública (PSP),[96][97] ambas baixo xurisdición do Ministerio da Administración Interna. A Guarda Nacional Republicana, ademais, está suxeita á lexislación e organización militar, polo que tamén está baixo a autoridade do Ministerio de Defensa, participando mesmo en operacións internacionais en Iraq e Timor Leste. Alén destas, existe tamén a Polícia Judiciária (PJ), que é o principal órgano policial de investigación criminal do país, que se encarga de loitar para a gran criminalidade, o crime organizado, o terrorismo, o tráfico de estupefacientes, a corrupción e os delitos económicos e financeiros. A Polícia Judiciária está integrada no Ministerio de Xustiza, actuando baixo a orientación do Ministerio Público.[98]
Administrativamente, Portugal está dividido en 308 municipios, que se dividen á súa vez en 4260 freguesías ou parroquias. Operativamente, os concellos e as freguesías son as únicas unidades da administración local xuridicamente recoñecidas polo goberno central, é dicir, nin as cidades, nin as vilas, nin as aldeas están lexitimadas pola lei. A efectos estatísticos, o goberno portugués tamén identifica a NUTS, comunidades intermunicipais e, de xeito informal, o sistema do distritos que se utilizou oficialmente até a integración europea. Así, no Portugal continental cóntanse até dezaoito distritos, mentres que os arquipélagos dos Azores e Madeira réxense como Rexións Autónomas. Os dezaoito distritos do Portugal continental son:[99]
Distritos do Portugal Continental | ||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Distrito | Superficie | Poboación | Distrito | Superficie | Poboación | |||
1 | Lisboa | 2.761 km² | 2.250.533 | 10 | Guarda | 5.518 km² | 160.939 | |
2 | Leiria | 3.517 km² | 470.930 | 11 | Coímbra | 3.947 km² | 430.104 | |
3 | Santarém | 6.747 km² | 453.638 | 12 | Aveiro | 2.808 km² | 714.200 | |
4 | Setúbal | 5.064 km² | 851.258 | 13 | Viseu | 5.007 km² | 377.653 | |
5 | Beja | 10.225 km² | 152.758 | 14 | Braganza | 6.608 km² | 136.252 | |
6 | Faro | 4.960 km² | 451.006 | 15 | Vila Real | 4.328 km² | 206.661 | |
7 | Évora | 7.393 km² | 166.706 | 16 | Porto | 2.395 km² | 1.817.117 | |
8 | Portalegre | 6.065 km² | 118.506 | 17 | Braga | 2.673 km² | 848.185 | |
9 | Castelo Branco | 6.675 km² | 196.264 | 18 | Viana do Castelo | 2.255 km² | 244.836 |
Portugal tamén está dividido en unidades territoriais máis grandes que so distritos coñecidas como NUTS (Nomenclatura Común das Unidades Territoriais Estatísticas).[100] O obxectivo destas unidades, en vigor en todos os Estados da Unión Europea,[101] é puramente estatístico. A división máis grande, o NUTS I, está composto por tres grandes rexións: Portugal Continental, a Rexión Autónoma dos Azores e a Rexión Autónoma de Madeira.[102] A pesar de seren os distritos a división administrativa de primeira orde no Portugal Continental, é outra a división técnica de primeira orde. Trátase das cinco grandes rexións xestionadas polas Comisións de Coordinación e Desenvolvemento Rexional (CCDR), e que corresponden ás subdivisión NUTS II para Portugal. Os seus límites corresponden cos límites dos concellos, aínda que aos dos distritos, os cales ás veces se espallan por máis dunha rexión. Estas rexións continentais son a Norte, a Centro, Lisboa, o Alentexo o Algarve. Por último, as rexións de NUTS II subdivídense á súa vez en subrexións estatísticas sen ningún significado administrativo, denominadas NUTS III, cuxo único obxectivo é o de serviren para agrupar concellos contiguos, cunha problemática ou desafíos semellantes, para obter así datos de conxunto destinados principalmente á planificación económica.
En materia de dereitos humanos, respecto á pertenza nos sete organismos da Carta Internacional de Dereitos Humanos, que inclúen o Comité de Dereitos Humanos (HRC), Portugal firmou ou ratificou:
Portugal | Status dos principais instrumentos internacionais de dereitos humanos[103] | ||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
CESCR | CCPR | CERD | CED | CEDAW | CAT[104] | CRC | MWC | CRPD | |||||||||
CESCR | CESCR-OP[105] | CCPR | CCPR-OP1 | CCPR-OP2-DP | CEDAW | CEDAW-OP[106] | CAT | CAT-OP | CRC | CRC-OP-AC | CRC-OP-SC | CRPD | CRPD-OP[107] | ||||
Pertenza | |||||||||||||||||
Firmado e ratificado, firmado pero non ratificado, nin firmado nin ratificado, sen información, accedeu a firmar e ratificar o órgano en cuestión, pero tamén recoñece a competencia de recibir e procesar comunicacións individuais por parte dos órganos competentes. |
Os censos de poboación no Estado portugués comezaron a realizarse no século XIX. O primeiro censo considerado moderno, xa que cumpría cunha serie de estándares internacionais,[108] realizouse o 1 de xaneiro de 1854. Este censo abarcaba todo o territorio nacional, tanto o continental como os arquipélagos, mais non así as colonias que posuía naquel momento.[109] Máis dunha década despois, en 1868, presentáronse os resultados nun volume de 340 páxinas no que se diferenciaba a poboación por distrito, concello e freguesía e, no caso dos arquipélagos, tamén por illa.[109] Segundo este censo, en Portugal había naquel momento 4.188.410 habitantes de facto.[109] Entre 1864 e 1911, a poboación portuguesa aumentou cunha taxa media anual do 7,9%, o que fai un total dun 42%, até acadar os 5.547.708 de habitantes.[110] Isto debeuse ás melloras na economía e nas condicións de vida en xeral. Así, a última gran crise alimentaria produciuse entre 1856 e 1857. A chegada, aínda que tardía, da industrialización a Portugal provocou un éxodo rural que supuxo o abandono progresivo dos campos e un rápido crecemento das cidades, sobre todo en Lisboa e no Porto.[110] O crecemento antes mencionado tamén foi posible grazas á diminución da emigración que se produciu tras a independencia brasileira e que só volvería aumentar tras a fin da guerra entre o Brasil e Paraguai en 1869. Esta forte emigración traduciuse ademais nun envellecemento da poboación.[110]
Na década de 1960, produciuse un novo éxodo rural que atraeu a xente ás grandes cidades e aos núcleos turísticos, o que supuxo un despoboamento de zonas do interior, especialmente aquelas que se atopaban próximas ás fronteiras co Estado español.[111] Portugal foi un país de emigrantes até 1970, o cal fixo que a poboación case non medrase. Con todo, a chegada da democracia e a perda das colonias deu a volta á situación e Portugal experimentou un estoupido demográfico.[112] Desde entón, o número de inmigrantes non deixou de aumentar e así, entre 1980 e 2001, o número de inmigrantes legais en terras portuguesas multiplicouse por seis, o que fixo que a poboación non envellecese tanto como noutros países do norte e o centro de Europa.[112] Así, en Portugal viven, segundo datos de 2012, 414.610 inmigrantes, o que representa ao redor do 5% da poboación. A maioría procede do Brasil (105.518), Ucraína (44.050) e Cabo Verde (42.388), seguidos de Romanía (35.216), Angola (19.873), a China (17.186), Guinea-Bissau (17.462) e o Reino Unido (16.649).[113]
Segundo o censo do ano 2011, a poboación portuguesa está composta por un 14,9% de persoas con idades comprendidas entre os 0 e os 14 anos, un 65,9% entre os 15 e os 64 e un 19,1% con máis de 65 anos,[114] mentres que a esperanza de vida ao nacer media é de 78,7 anos, 75,45 no caso dos homes e 82,16 no caso das mulleres.[115] A taxa de alfabetización sitúase no 95,2%, segundo datos de 2010, cunha lixeira diferenza por xéneros, sendo nos homes do 96,9% e nas mulleres do 93,6%.[116] O crecemento da poboación sitúase no 0,212%, sendo a taxa de natalidade de 9,94 nacementos por cada 10.000 habitantes e a taxa de mortalidade de 10,8 falecidos por cada 10.000 habitantes,[117] entrementres a taxa de fertilidade sitúase en 1,5 fillos por muller, o que fai que o país teña un crecemento vexetativo nulo.[117] Portugal sitúase amais como un dos países coa taxa de mortalidade infantil (4,66 por mil) máis baixa do mundo.[117][118]
Lisboa, con máis de 550.000 habitantes (3 millóns na súa Rexión metropolitana) é a capital do país desde o século XIII, cando sucedeu a Coímbra, a maior súa cidade, o principal polo económico, contando co principal porto marítimo e aeroporto do Estado e a cidade máis rica cun PIB per capita superior ao da media da Unión Europea. Outras cidades importantes son Porto, que con preto de 240.000 habitantes (2,2 millóns no Grande Porto) é a segunda maior cidade e centro económico, Aveiro (ás veces denominada a "Venecia portuguesa"), Braga ("Cidade dos Arcebispos"), Chaves (cidade histórica e milenaria), Coímbra (coma a máis antiga universidade do país), Guimarães ("Cidade berce"), Évora ("Cidade museo"), Setúbal (terceiro maior porto), Portimão (3º porto de cruceiros e sede do Autódromo Internacional do Algarve), Faro e Viseu. Na área metropolitana de Lisboa existen cidades con gran densidade de poboación como Agualva-Cacém e Queluz (concello de Sintra), Amadora , Almada, Amora, Seixal, Barreiro, Montijo e Odivelas. Na área metropolitana do Porto os concellos máis poboados son Vila Nova de Gaia, que de feito tan máis habitantes que o Porto, Maia, Matosinhos e Gondomar. Na Rexión Autónoma de Madeira a principal cidade é o Funchal, mentres que na Rexión Autónoma dos Azores existen tres cidades principais: Ponta Delgada, na illa de São Miguel, Angra do Heroísmo na illa Terceira e Horta na illa do Faial.[119]
A Constitución portuguesa garante a liberdade relixiosa e a igualdade entre relixións.[121] Con todo, existe un concordato que privilexia á Igrexa católica en varias dimensións da vida social,[122] tal é o caso dalgunhas cerimonias oficiais públicas, como é o caso dalgúns eventos oficiais do Estado nos que hai presenza dun representante da Igrexa católica. Con todo, as crenzas relixiosas dos políticos electos son consideradas como algo irrelevante para os electores. Proba disto é que dous dos máis recentes presidentes da República (Mário Soares e Jorge Sampaio) eran persoas abertamente laicas.[123]
A maioría dos portugueses, o 84,6% da poboación total segundo os resultados do censo de 2001, inscríbense na tradición católica.[124] Preto da metade dos matrimonios son católicos, estando permitidos os matrimonios entre persoas do mesmo sexo e o divorcio segundo establece o Código Civil portugués, a pesar de que o Dereito Canónico non prevé estas figuras. Hai en total vinte dioceses, agrupadas en tres distritos eclesiásticos: Braga, Évora e Lisboa.[125] Outras estatísticas non oficiais amosan que en 2004 a poboación católica de Portugal era do 90,41%, sendo os residentes da Diocese Portalegre–Castelo Branco a máis católica co 99,35% de fieis e a poboación da Diocese de Beja a menos devota ao catolicismo co 83,42% de católicos. As Dioceses de Lisboa e do Porto posuían respectivamente un 85,00% e un 90,56% de poboación católica.[126]
No caso doutras ramas do cristianismo, o protestantismo en Portugal ten varias denominacións e proveñen maioritariamente de cultos con inspiración evanxélica neopentecostal, como por exemplo as Asembleas de Deus e a Igrexa Maná, así como algunhas procedentes do Brasil como a Igrexa Universal do Reino de Deus.[127] Cómpre destacar tamén as Testemuñas de Xehová, que contan con preto de 50.000 fieis distribuídos en preto de 650 congregacións. Este grupo relixioso está presente no país desde 1925, aínda que prohibido oficialmente entre 1961 e 1974, período no que operou na clandestinidade. En decembro de 1974, a Asociación de Testemuñas de Xehová foi recoñecida legalmente.[128]
A comunidade xudía en Portugal conseguiu manterse a pesar da orde de expulsión dos xudeus o 5 de decembro de 1496 por decreto de Manuel I, o que obrigou a moitos a elixir entre as conversións forzadas, a expulsión do país ou o cárcere e as consecuentes penas ditadas pola Inquisición portuguesa a cal, por este motivo, foi unha das máis activas de Europa. A forma en que o culto se desenvolveu en Belmonte é un dos exemplos da perseveranza dos xudeus como unidade. En 1506, produciuse en Lisboa un masacre de xudeus na que perderon a vida entre 2000 e 4000 persoas, no que supuxo unha das matanzas deste tipo máis violentas da época en Europa.[129] Existen tamén outras minorías como a islámica (15.000 persoas)[130], a hinduísta que son, na súa maioría, descendentes de inmigrantes, así como budistas ou gnósticos.
O sistema de saúde portugués está formado por tres sistemas coexistentes: o "Serviço Nacional de Saúde" (SNS), os réximes de "seguros especiais de saúde social para certas profesións" (subsistemas de saúde) e os "seguros privados de saúde voluntarios". O Serviço Nacional de Saúde proporciona cobertura universal,[131] alén diso ao redor do 25% da poboación ten cobertura nos subsistemas de saúde, o 10% por seguros privados e, finalmente, un 7% por agrupacións de mutualidade.[132]
O Ministerio da Saúde é o responsable de desenvolver políticas en materia de saúde, así como o encargado de dirixir o Serviço Nacional de Saúde. Hai tamén cinco administracións rexionais de sanidade que se encargan de poñer en práctica os obxectivos fixados polo Ministerio para o SNS, de desenvolver as liñas mestras e os seus protocolos, e tamén de supervisar a actuación dos coidados en saúde. Os esforzos de descentralización están actualmente en curso e baséanse en compartir a responsabilidade financeira e de xestión a nivel rexional.[132] Así a todo, na práctica, a autonomía das administracións rexionais de saúde limítase á atención primaria. O SNS está financiado principalmente pola recadación dos impostos xerais, representando o emprego e as contribucións dos empregados a fonte de financiamento principal dos subsistemas de saúde. Ademais, os pagos directos dos pacientes e os seguros privados de saúde voluntarios achegan unha gran parte dos fondos.[132]
Do mesmo xeito que noutros estados da Unión Europea, a maioría dos portugueses morre por enfermidades crónicas.[132] A mortalidade asociada a enfermidades cardiovasculares é maior que na Eurozona; porén, os seus dous compoñentes principais, as cardiopatías isquémicas e os accidentes cerebrovasculares, presentan tendencias inversas ás presentes nos países da Eurozona, cos accidentes cardiovasculares como o maior causante de mortes en Portugal (17%). O 12% dos portugueses morren de cancro, unha taxa inferior á da Eurozona, aínda que a taxa non diminúe tan rápido como no resto da Unión. Portugal ten a maior taxa de mortalidade por diabetes da Eurozona, cun importante incremento a finais da década de 1980.[132]
A taxa de mortalidade infantil viuse fortemente reducida desde finais da década de 1980, cando vinte e catro de cada mil recentemente nados morrían antes de chegar ao seu primeiro ano de vida, namentres que en 2006 esta cifra situábase en tres mortes por cada mil nados. Esta mellora débese principalmente ao descenso da mortalidade dos neonatos, do 15,5 ao 3,4 por cada mil nados vivos.[132] En 2011 a esperanza de vida ao nacer media é de 78,7 anos, 75,45 no caso dos homes e 82,16 no caso das mulleres.[115]
O sistema educativo en Portugal é regulado polo estado a través do Ministério da Educação e Ciência, sendo o sistema de educación pública o máis usado e máis ben implantado, aínda que existen tamén escolas privadas en todos os niveis do sistema.[133] En Portugal a educación comeza obrigatoriamente para todos os alumnos aos 6 anos de idade, sendo a escolaridade obrigatoria de 12 cursos. O primeiro nivel de ensino, o Ensino Básico, está dividido en ciclos: 1º ciclo (do 1º ao 4º curso), 2º ciclo (do 5º ao 6º curso) e 3º ciclo (do 7º ao 9º curso).[133] No final de cada ciclo, os alumnos realizan exames a nivel estatal das disciplinas de lingua portuguesa e matemáticas, onde se avalía sobre a materia ensinada durante todo o ciclo correspondente.[133][134][135] O seguinte nivel é o Ensino Secundario, abranguendo o 10º, 11º e 12º cursos, o cal ten un sistema de organización propio distinto dos restantes ciclos. A mudanza de ciclo pode, en varios casos, ser marcada pola mudanza de escola, sendo, por exemplo, as escolas que abranguen o 1º ciclo máis pequenas que as restantes, tendo de media preto de 200 alumnos, mentres as do 2º e 3º ciclos e as secundarias poden facilmente atinxir os 2.000 alumnos.[133] Os estudantes, con todo, teñen a posibilidade de inscribirse nos Cursos de Formación e Educación, que equivalen ao 9º curso, ou nos Cursos Profesionais, que equivalen ao 12º curso, onde alén das habilitacións literarias, o estudante recibe certificación profesional. Así, todos os estudantes poden concluír o Ensino Secundario, en réxime diúrno ou nocturno. Estes cursos están dispoñibles en escolas profesionais ou mesmo en escolas comúns.[136]
No correspondente ao Ensino Superior, a primeira universidade portuguesa foi fundada no ano 1290 en Lisboa, sendo unha das máis antigas do mundo. Esta universidade, con todo, foi traslada a Coímbra no ano 1537, onde recibe o nome de Universidade de Coímbra. As universidades son xeralmente organizadas en Facultades, aínda que tamén son comúns as denominacións de Instituto e Escola, estas últimas utilizadas no sistema politécnico (as escolas) que ao contrario das universidades non ofrecen doutoramentos. A forma de ingreso no sistema universitario é a través da nota media final que obtivo o alumno no Ensino Secundario xunto coa realización de exames de ingreso, moitas veces con nota mínima; a media de entrada é calculada cunha porcentaxe sobre a media do secundario e outra sobre o exame ou exames; a fórmula de cálculo varía conforme a institución. A Declaración de Boloña foi adoptada no ano 2006 pola maioría das universidades e institutos politécnicos portugueses, mentres que algúns centros, como a Universidade de Coímbra, non a adoptaron de inmediato. En 2011, a Universidade do Porto era a maior do país con preto de 31.000 estudantes e 2.300 profesores e investigadores, sendo a súa Facultade de Enxeñaría a maior de Europa. Está tamén nesta universidade o maior polo de Ciencias da Vida da Península Ibérica, que xunta o Instituto de Ciencias Biomédicas Abel Salazar e a Facultade de Farmacia.[137]
En termos estatísticos, a taxa de alfabetización nos adultos por enriba de 15 anos que poden ler e escribir sitúase nos 93,3 %, sendo a taxa dos homes 95,5 % e das mulleres en 91,3 % (estimacións de 2003), mentres que a matriculación na escola primaria está próximas ao 100 %. No correspondente ao ensino superior, o 20 % da poboación portuguesa en idade de frecuentar un curso de ensino superior frecuenta estas institucións, o que no ano 2005, contando tanto os que están a estudar no país como os que están no estranxeiro supoñía un total de 380.000 alumnos. Alén de ser un dos principais destinos para os estudantes internacionais, Portugal está tamén entre os principais locais de orixe de estudantes internacionais.[138]
O portugués é a lingua oficial da República Portuguesa desde a súa adopción no ano 1290 por decreto do rei Dinis. O portugués é unha lingua romance pertencente ó tronco galego-portugués, que se orixinou na actual Galicia e no norte de Portugal. Hoxe é unha das linguas máis faladas do mundo, ocupando o quinto posto na clasificación, sendo a terceira do mundo occidental e a máis falada do hemisferio sur.[139] Actualmente é idioma oficial co nome de portugués en Portugal, o Brasil, Angola, Cabo Verde, Guinea-Bissau, Mozambique e San Tomé e Príncipe, e idioma oficial a par doutras linguas tamén oficiais en Timor-Leste, Macau e en Guinea Ecuatorial, sendo tamén falada na antiga India portuguesa (Goa, Daman, Diu e Dadra e Nagar Haveli), alén de ter tamén estatuto oficial na Unión Europea, na Unión de Nacións Suramericanas (UNASUR), no Mercosur e na Unión Africana.[140]
Coñecida como a lingua de Camões, na honra do poeta Luís de Camões, autor de Os Lusíadas, ás veces comparado con Shakespeare, Homero, Virxilio ou Dante,[141] non é con todo a única lingua do país. Está tamén recoñecida e protexida oficialmente a lingua de sinais portuguesa polo Artigo 74º da Constitución, así como a lingua mirandesa que goza de recoñecemento oficial para asuntos locais en virtude da Lei n.º 7/99, de 29 de xaneiro de 1999. O mirandés é unha lingua romance pertencente ao subgrupo lingüístico asturleonés que se fala nos concellos de Miranda do Douro, Mogadouro e Vimioso, no distrito de Braganza. Con todo, o seu uso é moi restrinxido, contando no ano 2001 con 15.000 falantes, mais desde o ano 2007 está a gañar paseniñamente presenza nas escolas e nos medios de comunicación.[142]
Desde 1985, Portugal entrou nun proceso de modernización nun ambiente bastante estable, uníndose á Unión Europea en 1986. Os sucesivos gobernos fixeron varias reformas, privatizaron moitas empresas controladas polo Estado e liberalizaron áreas chave da economía, incluíndo os sectores das telecomunicacións e financeiros. O país desenvolveu unha economía crecente baseada principalmente nos servizos, sendo un dos once membros fundadores da moeda común europea, o Euro, en 1999. Esta nova divisa comezou a circular o 1 de xaneiro de 2002 xunto con outros once estados membros da Unión.[143]
Cando se analiza un período maior de tempo, a converxencia da economía portuguesa para os padróns da Unión Europea foi moi salientable, especialmente entre 1986 e o inicio da década de 2000,[144][145] De acordo con Frank Barry:[145]
O que parece ser crucial no caso portugués, en relación a España polo menos, é o grao de flexibilidade do mercado de traballo que a economía exhibe. (...) Esa converxencia portuguesa ten sido impresionante, mesmo que, coherente co seu relativamente baixo stock de capital humano, a economía tense especializado en produción de baixa tecnoloxía.
O crecemento económico portugués estivo por enriba da media da Unión Europea na maior parte da década de 1990,[146] o que supuxo unha gran melloría na calidade que vida, que segundo unha pescuda feita pola Economist Intelligence Unit, Portugal era o país coa 19ª mellor calidade de vida no mundo en 2005, por diante doutros países económica e tecnoloxicamente avanzados como Francia, Alemaña, o Reino Unido ou Corea do Sur.[2] Con todo, o Informe de Competitividade Global de 2013, publicado polo Foro Económico Mundial, clasificou o nivel de competitividade económica de Portugal na 46ª posición entre os 60 países pescudados, xusto por detrás con valores con valores case idénticos aos de España e Italia, o que representa unha caída en relación ás posicións conquistadas nos informes de anos anteriores.[147] Portugal tamén continúa a ser o país co menor PIB per cápita entre as nacións da Europa Occidental[148] e o que presenta un dos máis altos índices de desigualdade económica entre os membros da Unión Europea.[149] O 6 de abril de 2011, tras o inicio da crise económica de 2008 e o aprofundamento da crise da débeda pública da Zona Euro, o entón primeiro ministro José Sócrates anunciou na televisión nacional que o país pediu axuda financeira ao Fondo Monetario Internacional (FMI) e ao Fondo Europeo de Estabilización Financeira, como xa fixeran Grecia e a República de Irlanda. Foi a terceira vez que a axuda financeira externa foi solicitada ao FMI, sendo a primeira no final da década de 1970 tras a Revolución dos Caraveis.[150]
Cun pasado predominantemente agrícola, actualmente e debido a todo o desenvolvemento que o país rexistrou, a estrutura da economía baséase nos servizos e na industria, que representan 67,8% e 28,2;% do Valor Agregado Bruto (VAG). A agricultura portuguesa está ben adaptada grazas ao clima, ao relevo e aos solos favorables. Nas últimas décadas, intensificouse a modernización agrícola, traballando preto do 12% da poboación activa neste sector. As oliveiras (4.000 km²), os viñedos (3.750 km²), o trigo (3.000 km²) e o millo (2.680 km²) son producidos en áreas bastante vastas. Os viños (especialmente o Viño do Porto e o Viño de Madeira) e os aceites portugueses son bastante apreciados debido á súa calidade. Portugal tamén é produtor de froita de calidade seleccionada, principalmente as laranxas algarvías, a pera-rocha na zona de Sintra, a cereixa da Gardunha e a banana de Madeira. Outras producións son de horticultura ou floricultura, como a beterraba doce, o aceite de xirasol e o tabaco.[151]
A importancia económica da pesca, con todo, está a diminuír, empregando menos do 1% da poboación activa. A diminución dos stocks de recursos piscatorios reflectiuse na redución da frota pesqueira portuguesa que, aínda que se estivese a modernizar, aínda ten dificultades en competir con outras frotas europeas. A pesar da reducida extensión da plataforma continental portuguesa, existe certa diversidade de especies nas augas da Zona Económica Exclusiva de Portugal, unha das maiores de Europa. A frota portuguesa efectúa captura en augas internacionais e nas ZEE doutros países. No seu todo, as especies máis capturadas son a sardiña, a xarda, o polbo, o peixe espada negro, a cavala-da-india e o atún. Os portos con maior desembarque de peixe, en 2001, foron os de Matosinhos, Peniche, Olhão e Sesimbra.[151]
Outro sector moi importante é a cortiza, a cal ten unha produción bastante significativa: en 2010, Portugal producía o 54% da cortiza mundial.[152] Canto aos recursos minerais, os máis significativos son o cobre, o litio, o volframio, o estaño, o uranio, feldespatos, o sal xema, o talco e o mármore.[153] A balanza comercial de Portugal é, hai moito, deficitaria, co valor das exportacións a cubrir só o 65% do valor das importacións en 2006.[154] As maiores exportacións corresponden aos téxtiles, vestimenta, máquinas, material eléctrico, vehículos, equipamentos de transporte, calzado, coiro, madeira, cortiza e papel, entre outras, mentres que importa produtos principalmente da Unión Europea: Alemaña, España, Francia, Italia e o Reino Unido.[124]
O turismo continúa a ser un sector económico extremadamente importante para Portugal, sendo que o número de visitantes estímase que medrará significativamente os próximos anos. Porén, hai unha crecente competencia con destinos do Leste europeo, como Croacia, que ofrecen atractivos semellantes, e que moitas veces son máis baratos. Consecuentemente, o país está sendo case obrigado a se concentrar en potenciar as súas atraccións de nicho, como a saúde, a natureza e o turismo rural, co obxectivo de permanecer á cabeza dos seus concorrentes.[155] Segundo a Organización Mundial do Turismo, Portugal está entre os vinte máis visitados países do mundo, recibindo unha media de 13 millóns de turistas estranxeiros anualmente.[156] Polo tanto, este sector está a desempeñar un papel cada vez máis importante na economía de Portugal, contribuíndo con preto do 11% do seu produto interior bruto (PIB) en 2010.[157] Entre os cidadáns doutros Estados que máis visitaron o país en 2012 están os británicos (17% do total), seguidos por españois, alemáns, franceses e brasileiros.[158]
No ano 2013, segundo o Índice de Competitividade en Viaxes e Turismo publicado polo Foro Económico Mundial, o país estaba clasificado na vixésima posición, coa mesma puntuación que Irlanda, no posto 19, entre 140 estados.[159] Portugal foi tamén elixido pola Condé Nast Traveler como o mellor destino do mundo para viaxar en 2013.[160] Paisaxe, gastronomía, praias e a simpatía da poboación foron os criterios usados para a escolla. A publicación resaltou o "especial encanto que é visible nas tradicións do país, con cidades que combinan a modernidade co peso visible da historia, paisaxes e praias que nos reconcilian coa Natureza".[161] Os principais puntos turísticos de Portugal son Lisboa, o Algarve e Madeira, aínda que o goberno portugués continua a promover e desenvolver novos destinos turísticos, como o val do Douro, a illa de Porto Santo e o Alentexo.[162]
Portugal ten unha das máis altas taxas de penetración de telefonía móbil do mundo, sendo que o número de aparellos de comunicacións móbiles xa superou o número da súa poboación total, sendo no ano 2007 o número de usuarios de 13.413.000. Esta rede, que tamén ofrece conexións sen fío á Internet móbil, abrangue todo o territorio. No final do primeiro trimestre de 2008 existían en Portugal preto de 1,713 millóns de usuarios con acceso á Internet en banda larga e cerca de 1,58 millóns de accesos á Internet fixa, dos cales aproximadamente 1,52 millóns en banda larga, superando por vez primeira o número de usuarios de banda larga móbil ao de clientes de banda larga fixa.[163]
A maioría dos portugueses utiliza televisión por cable. Tendo en conta os crecementos en ambas as tecnoloxías, no final do primeiro trimestre de 2008, os usuarios dos servizos de TV por subscrición soportados en redes de distribución por cable ou satélite (DTH) representaban preto do 36,2 por cento dos aloxamentos, un punto porcentual máis do que no trimestre anterior. Sendo a penetración destes servizos ser superior á media nas Rexións Autónomas, que tamén verificaron crecementos significativos.[164] Por iniciativa do Goberno, a constitución da Rádio e Televisão de Portugal (RTP) foi feita o 15 de decembro de 1955. En 1975, a RTP foi nacionalizada, transformándose na empresa pública Radiotelevisão Portuguesa, máis tarde Rádio e Televisão de Portugal.[165] Cara a finais do século, o Estado concedeu licenza para a creación de dúas estacións de televisión: Sociedade Independente de Comunicación (SIC, 1992)[166] e Televisão Independente (TVI, 1993).[167] En 2011, estes eran os únicos catro canles en sinal en aberto existentes en Portugal. Alén das canles nacionais, existen outras dúas rexionais: RTP Azores (1975) e RTP Madeira (1972). A Rádio e Televisão de Portugal (RTP) mantén tres emisoras a nivel estatal de radio: Antena 1, Antena 2 e Antena 3. Mais alén destas, existen múltiples emisoras privadas, sendo as máis coñecidas e antigas, a Rádio Renascença, a Rádio Comercial e o Rádio Clube Português.
En canto á prensa escrita, cómpre destacar o xornal Açoriano Oriental, xornal máis antigo de Portugal e un dos dez máis antigos do mundo, xa que foi fundado o 18 de abril de 1835. Ao longo dos anos xurdiron multitude de diferentes xornais, sendo os máis destacados O Século (1880-1977, Lisboa), o Diário de Notícias (desde 1864, Lisboa), O Primeiro de Janeiro (desde 1868, Porto), o Jornal de Notícias (desde 1888, Porto), o Expresso (desde 1973, Lisboa), o Correio da Manhã (desde 1979, Lisboa) e o Público (desde 1990, Lisboa). Existen ademais unha caterva de revistas nas bancas sobre os máis variados temas, sendo as que tratan os asuntos da vida social ás que teñen máis lectores. Destas, Nova Gente, Caras, Lux, VIP e Flash son as máis vendidas.[168] Canto aos xornais e revistas deportivas, os máis coñecidos son A Bola (desde 1945), o Record (1948) e O Jogo (1985).
As actividades de investigación científica e tecnolóxica en Portugal son sobre todo dirixidas no ámbito dunha rede de unidades de investigación e desenvolvemento pertencentes a universidades públicas e estatais de xestión autónoma de investigación, en institucións como o INEGI (Instituto de Enxeñaría Mecánica e Xestión Industrial), o INESC (Instituto de Enxeñaría de Sistemas e Computadores) ou o INETI (Instituto Nacional de Enxeñaría, Tecnoloxía e Innovación). O financiamento deste sistema de investigación é levado a cabo principalmente baixo a autoridade do Ministerio da Ciencia, Tecnoloxía e Ensino Superior.[169] As maiores unidades de I+D das universidades públicas, debido o seu número significativo de publicacións que alcanzaron o recoñecemento internacional, inclúen institucións de investigación de biociencias como o Instituto de Ciencias Biomédicas Abel Salazar (Coímbra), o Instituto de Medicina Molecular (Lisboa),[170] o Centro de Neurocirurxías e Bioloxía Celular,[171] o Instituto de Patoloxía e Inmunoloxía Molecular (IPATIMUP, Porto) e o Instituto de Bioloxía Molecular e Celular (Porto).[172] En canto aos centros de investigación apoiados polo Estado, cómpre destacar o Laboratorio Internacional Ibérico de Nanotecnoloxía en Braga. Entre as maiores institucións non estatais está o Instituto Gulbenkian de Ciencia e a Fundación Champalimaud,[173] que outorga anualmente un dos máis elevados premios monetarios do mundo relacionado coa ciencia. Unha serie de empresas nacionais e multinacionais de alta tecnoloxía, son tamén responsables por proxectos de investigación e desenvolvemento. Unha das máis antigas academias de Portugal é a Academia das Ciencias de Lisboa, fundada o 24 de decembro de 1779 durante o reinado de María I.[174]
Portugal ten ademais asinados acordos con varias organizacións científicas europeas con vista á plena adhesión. Estas inclúen a Axencia Espacial Europea (ESA), o Laboratorio Europeo de Física de Partículas (CERN), o Proxecto ITER e o Observatorio Austral Europeo (ESO). Portugal ten entrado tamén en acordos de cooperación co Instituto de Tecnoloxía de Massachusetts (MIT) (Estados Unidos) e outras institucións norteamericanas, a fin de desenvolver e aumentar a eficacia do ensino superior e de investigación no país.[175] En canto a investigadores, António Egas Moniz recibiu en 1949 o Premio Nobel de Medicina, despois de ser proposto en cinco ocasións, polo seu descubrimento, compartido co suízo Walter Rudolf Hess, do valor terapéutico da lobectomía en determinadas psicoses.
Os transportes foron considerados como unha prioridade na década de 1990, sobre todo debido ao aumento da utilización de vehículos automóbiles e á industrialización. Portugal foi un dos primeiros países do mundo a ter unha autoestrada, inaugurada en 1944, ligando Lisboa co Estadio Nacional, o que sería a futura Autoestrada Lisboa-Cascais (actual A5). No entanto, a pesar de seren posteriormente construídos algúns outros treitos nas décadas de 1960 e 1970, só no final da década de 1980 foi iniciada a construción de autoestradas a grande escala. Hoxe en día a rede de autoestradas portuguesas é bastante desenvolvida e percorre case todo o territorio, ligando todo o litoral e as principais cidades do interior, incluíndo ligazóns con Galicia como a Autoestrada A3, nunha extensión total de aproximadamente 3.000 km. Ademais das autoestradas hai aínda os Itinerarios Principais (IP) e os Itinerarios Complementarios (IC), que poden ser constituídos por autoestradas, vías rápidas (estrada destinada só a tráfico motorizado, con cruzamentos desnivelados e de acceso restrinxido a nós de conexión) e estradas nacionais. O país ten 82.900 km de rede de estradas, dos cales 71.294 km son pavimentadas.[124] Dentro da rede de autoestradas, preto de 1.700 km requiren o pagamento de peaxe.[176]
As dúas principais áreas metropolitanas teñen sistemas de metro: o Metro de Lisboa e o Metro Sul do Tejo na Área Metropolitana de Lisboa; e no Porto, o Metro do Porto, cada unha con máis de 35 quilómetros de liñas.[177][178] O transporte ferroviario de pasaxeiros e mercadorías é levado a cabo utilizando os 3.319 km de liñas ferroviarias en servizo, dos cales 1.436 encóntranse electrificados e aproximadamente 900 permiten velocidades de circulación superiores aos 120 km/h (datos de 2008).[124][179] En canto ao largo de vía, hai 2.700 km de vía con largo ibérico (1.668 mm), 192 km con vía estreita de 1.000 mm e 427 km de vía estreita de 0.760 mm.[124] A rede ferroviaria está xestionada pola Rede Ferroviaria Nacional (REFER) mentres que os transportes de pasaxeiros e mercadorías son da responsabilidade de Comboios de Portugal (CP), ambas empresas públicas. En 2006 a CP transportou 133 millóns de pasaxeiros e 9,75 millóns de toneladas de mercadorías.[180]
Lisboa ten unha posición xeográfica que a torna nun punto de escala para moitas compañías aéreas estranxeiras nos aeroportos en todo o país. En 2010, o Goberno estaba a estudar o proxecto para a construción dun novo Aeroporto Internacional en Alcochete, para substituír o actual aeroporto da Portela. No ano 2013 o país posuía de 64 aeroportos, 43 deles con pistas pavimentadas,[124] sendo os máis importantes o de Lisboa (Portela), centro de conexión da TAP Portugal e de Portugália,[181] Faro, Porto (Francisco Sá Carneiro), Funchal (Madeira) e Ponta Delgada (João Paulo II — Azores).[182] Os principais portos marítimos son Leixões, Lisboa, Setúbal e Sines, posuíndo tamén posúe cerca de 210 km de hidrovías. En canto ao transporte por cano, hai no país 1.344 km de gasodutos, 11 km de oleodutos e 188 km de canos para produtos refinados.[124]
Portugal é un país altamente deficitario en termos enerxéticos, que en 2005 importaba a totalidade dos combustibles fósiles que consumía.[183] Tal feito implica que ese ano Portugal importou o 87,3 % da enerxía total que consumiu (en toneladas equivalentes de petróleo ou teps).[184] Respecto á produción de electricidade, Portugal produciu, en 2005, o 85 % da electricidade que consumiu (importando o restante 15 %).[185] A produción doméstica total ese mesmo ano foi 4.657 GW•h repartida do seguinte modo en termos das fontes utilizadas: non renovables: 80,8 % (carbón: 32,7 %, gas natural: 29,2 %, petróleo: 18,9 %); renovables: 19,2 % (hidroeléctrica: 11 %, eólica: 3,8 %, biomasa: 3,0 %, outras: 1,4 %).[186] O goberno de Portugal pretende que até 2010, o 45 % da electricidade producida sexa obtida a partir de fontes renovables.[187]
O Encoro de Alqueva, no Alentexo, que serve á irrigación dos campos e xera enerxía hidroeléctrica, era no ano 2009 o maior de Europa, creando o maior lago artificial na rexión occidental europea. Esta obra foi un dos maiores proxectos de investimento do país.[188] Canto á enerxía solar fotovoltaica destacan as estacións de Brinches, inaugurada en 2007 no concello de Serpa (Beja) cunha produción de 11 MW,[189] e a planta de Amareleja, no concello de Moura (tamén en Beja), que cunha produción máxima de 62 MW é a maior do mundo.[190] Paralelamente entrou en funcionamento a primeira explotación comercial do mundo da enerxía undimotriz en setembro de 2008, situada 5 km ao ancho de Aguçadoura, no concello de Póvoa de Varzim (Porto).[191] Tamén a potencia instalada en parques eólicos foi aumentada para 5.100 MW en 2012 (contra os 2.000 MW instalados até mediados de 2007) mentres a potencia hidroeléctrica instalada deberá atanguer os 7.000 MW en 2020 (contra os cerca de 5.000 MW de 2005).[187] Os investimentos en enerxías renovábeis en Portugal poderán totalizar 120 mil millóns de euros até 2020.[192]
Portugal desenvolveu unha cultura de seu, froito das diversas civilizacións que deixaron a súa pegada no país durante séculos. literatura portuguesa desenvolvida a partir das cantigas e da tradición oral é unha das literaturas máis antigas da Europa occidental. Ata 1350, os trabadores galego-portugueses espallaron a súa influencia literaria a toda a Península Ibérica. Ao longo dos séculos xurdiron grandes figuras de renome internacional dentro da literatura portuguesa. Cómpre destacar primeiramente a Gil Vicente (ca. 1465-ca. 1536), primeiro gran dramaturgo portugués e un dos fundadores da tradición dramática en toda a Península. Case contemporáneo seu foi o aventureiro e poeta Luís de Camões (ca. 1524-1580), autor do poema épico Os Lusíadas, coas Eneidas de Virxilio coma principal influencia.[193] Xa no período da poesía moderna portuguesa, fondamente arraigada nos estilos neoclásico e contemporáneo, destacou principalmente Fernando Pessoa (1888–1935). A literatura contemporánea portuguesa está representada por autores da soa de Almeida Garrett, Camilo Castelo Branco, Eça de Queirós, Sophia de Mello Breyner Andresen, e António Lobo Antunes. En especial cabe destacar a popularidade e distinción de José Saramago, gañador en 1998 do Premio Nobel de Literatura.
Portugal é internacionalmente coñecido pola súa tradición folclórica, en gran medida grazas ao Fado e aos seus derivados. O Fado, trátase dun estilo musical melancólico e urbano, que adoita vir asociado á guitarra portuguesa e á saudade. O Fado de Coímbra, é un dos tipos de fado máis destacados. Internacionalmente, os principais cantores de fado son Amália Rodrigues, Carlos Paredes, José Afonso, Mariza, Carlos do Carmo, Mísia, e Madredeus. Un dos grupos portugueses máis coñecidos internacionalmente, especialmente en Alemaña, é a banda metal gótica Moonspell. Ademais do fado e do folk, os portugueses gustan da música pop e outros estilos musicais, particularmente de Norteamérica e o Reino Unido, que, xunto ás bandas e cantantes brasileiros e portugueses copan as listas de éxitos do país. Algunhas das bandas que gozan de éxito internacional son Blasted Mechanism e The Gift, as dúas nomeadas para o MTV Music Award. Cada ano, celébranse en Portugal diversos festivais musicais, como o Festival Suroeste en Zambujeira do Mar, Festival de Paredes de Coura en Paredes de Coura, Festival Vilar de Mouros preto de Caminha, e Rock in Rio Lisboa e Super Bock Super Rock en Lisboa. Fóra da estación estival, seguen celebrándose un gran número de festivais, coma o Flowfest ou o Hip Hop Porto. Destaca a Queima das Fitas un dos maiores eventos festivos en moitas cidades portuguesas, onde os estudantes celebran esta festa.
No eido da música clásica, Portugal está representada por nomes da soa da pianista Maria João Pires, e no pasado por músicos como a violoncellista Guilhermina Suggia. Entre os compositores destacan Luís de Freitas Branco o seu pupilo Joly Braga Santos, e Fernando Lopes-Graça. Canto á arquitectura, destacan a nivel internacional Eduardo Souto de Moura, Álvaro Siza Vieira e Gonçalo Byrne e Tomás Taveira, máis notable a nivel portugués. No referente ao eido da pintura, Portugal posúe unha rica historia pictórica. Os primeiros pintores portugueses de soa apareceron no século XV, como Nuno Gonçalves vencellado ao período gótico. A mediados do século XIX e comezos do XX destacan pintores como José Malhoa, coñecido polo seu traballo chamado Fado, e Columbano Bordalo Pinheiro (quen pintou retratos de Teófilo Braga e Antero de Quental) ambos os dous enmarcados dentro do estilo naturalista.
Coa chegada do século XX, Portugal viu a chegada do modernismo, estilo no que destacarían algúns dos principais pintores portugueses como Amadeo de Souza-Cardoso, quen estivo fondamente influenciado polos pintores franceses, particularmente por Sonia e Robert Delaunay. Entre os seus mellores traballos atópase Canção Popular a Russa e o Fígaro. Outro importante pintor e escritor da época foi Almada Negreiros, amigo de Fernando Pessoa, de quen pintou un retrato. El estaba fondamente influenciado polos estilos cubista e futurista. Os principais pintores destacados no eido das artes visuais son Maria Helena Vieira da Silva, Júlio Pomar, e Paula Rego. A partir da década dos anos 90, Portugal incrementou o seu número de centros culturais abertos ao público, engadindo a Fundación Calouste Gulbenkian establecida en 1956 na cidade de Lisboa o Centro Cultural de Belém (Lisboa), a Fundación Serralves e maila Casa da Música, ambas as dúas no Porto, ademais de novas infraestruturas culturais como bibliotecas públicas e salas de concertos construídas ou restauradas ao longo do país.
A arquitectura en Portugal foi, como na maioría dos Estados europeos, drasticamente influenciada polos movementos culturais e estéticos que caracterizaron as distintas épocas da Historia da Arte, o que resultou nun rico legado patrimonial. Ademais, como todos os aspectos da cultura de Portugal, está marcada pola historia do país e os distintos pobos que se instalaron e influenciaron o seu actual territorio, como por exemplo os romanos, os suevos entre outros pobos xermánicos relacionados, visigodos e árabes,[194] ben como a influencia dos principais centros artísticos europeos a partir dos cales foron introducidos os estilos arquitectónicos xerais: románico, gótico, renacentista, barroco e neoclásico. Entre as principais manifestacións locais da arquitectura portuguesa están o Estilo manuelino, a versión portuguesa do gótico, e o estilo pombalino, unha mestura do barroco tardío e o neoclasicismo que se desenvolveu despois do gran terremoto de Lisboa de 1755.
Despois da fin do período neoclásico (século XIX), aparece poucas décadas máis tarde, como reacción, o romanticismo, que nega os principios de harmonía, orde e proporción. A Estación do Rossio ou o Palacio da Pena son destacados exemplos de obras deste estilo arquitectónico. A finais dese mesmo século, os enxeñeiros introducen a arquitectura do ferro, destacando obras hoxe tan icónicas como o Elevador de Santa Justa en Lisboa, a ponte don Luís I no Porto e as pontes de D. Maria Pia (Porto) e a Ponte Eiffel (Viana do Castelo) deseñadas pola compañía do enxeñeiro francés Gustave Eiffel. Xa no século XX, o Art Nouveau non tivo gran presenza en Portugal, con todo, si tivo gran difusión o art déco durante a década de 1920 e 1930 coa chegada de arquitectos portugueses formados nas Beaux Arts francesas, destacando sobre todo Cassiano Branco e José Marques da Silva no Porto, este último proxectista de obras como a Estación de São Bento e a Casa de Serralves. O art déco volvería a rexurdir durante un curto período de tempo durante as décadas de 1950 e 1960.
Durante o Estado Novo, produciuse un novo estilo arquitectónico, o Portugués Suave, hoxe tamén coñecido como Estilo Nacionalista, Estilo Tradicionalista ou Estilo Estado Novo. Este corrente xurdiu dun grupo de arquitectos que, xa desde comezos do século XX, buscaba crear unha arquitectura "xenuinamente portuguesa". Un dos mentores desta corrente foi o arquitecto Raul Lino, teórico da casa portuguesa. O resultado foi a creación dun estilo que utilizaba as características modernas da enxeñaría decoradas cunha mestura de elementos estéticos exteriores recollidos da arquitectura portuguesa dos séculos XVII e XVIII e das casas tradicionais de varias rexións de Portugal. Con todo, o estilo é aínda hoxe en día criticado por varios arquitectos e intelectuais portugueses.[195][196]
Durante o fin da década de 1940 aparece unha crecente corrente modernista, con especial foco na cidade do Porto coa creación da Organização de Arquitectos Modernos (ODAM), que absorbe as teorías e conceptos de Le Corbusier e Mies van der Rohe e aplícaas e ensínaas no país. É con esta importante corrente modernista como pano de fondo que, coa apertura de Portugal ao foco internacional após a fin da ditadura, arquitectos como Álvaro Siza Vieira e Eduardo Souto de Moura gañan relevo internacional cunha arquitectura que se desenvolve a partir dos estudos e discusións formadas durante os anos 1950 e 1960 en Portugal, sobre a fusión dos preceptos modernistas coa arquitectura local, concepto defendido por Fernando Távora e Viana de Lima, dous dos principais nomes da corrente modernista en Portugal, entre moitos outros. Outros destacados arquitectos do século XX poden ser Gonçalo Byrne ou Tomás Taveira. Tanto Siza (1992) como Souto de Moura (2011) foron galardoados co Premio Pritzker, o premio máis importante do mundo da arquitectura a nivel internacional.
Os inicios da literatura portuguesa atópanse no galego-portugués medieval, desenvolvida orixinalmente no Reino de Galicia. Formalmente considérase que naceu no momento en que xurdiu a escrita da lingua, ao redor dos séculos XII e XIII, aínda que é probable a existencia de formas poéticas anteriores. Os primeiros documentos literarios conservados pertencen precisamente á lírica galego-portuguesa, desenvolvida entre os séculos XII e XIV cunha importante influencia na poesía trobadoresca provenzal. Esta lírica está formada por cancións ou cantigas breves, difundidas por trobadores (poetas) e segreis (instrumentistas). A lírica estendeuse alén do reino, sendo o exemplo máis senlleiro as Cantigas de Santa María escritas por Afonso X o Sabio, Rei de Castela.[197][198]
Os primeiros poetas coñecidos desta época son Johan Soarez de Pávia, Paio Soares de Taveirós, sendo de autoría deste último a "Cantiga da Ribeirinha", tamén coñecida como "Cantiga da Garvaia". Algúns dos trobadores máis coñecidos desta época poden ser Mendinho, Martín Codax ou Johan de Cangas. Máis tarde algúns desenvolverían a súa arte na corte do rei Afonso III e máis tarde na de Dinis, ambos os monarcas protectores e promotores da cultura. O corpus total da lírica galaico-portuguesa, composto por 1685 textos, excluíndo as Cantigas de Santa María, está reunido en Cancioneiros ou Libros de Cantigas: o Cancioneiro da Ajuda, o Cancioneiro da Biblioteca Vaticana e o Cancioneiro da Biblioteca Nacional de Lisboa (Colocci Brancuti), alén dos pergamiños Vindel e Sharrer. A prosa tivo porén un desenvolvemento máis tardío que a poesía, e non apareceu até o século XIII, época en que adoptou a forma de breves crónicas, haxiografías e tratados de xenealoxía denominados Libros de Liñaxes. Non se conservou ningún cantar de xesta, mais si, en cambio, libros de cabalaría, como a "Demanda do Santo Graal".
O Renacemento produciu unha pléiade de poetas, historiadores, críticos, teólogos e moralistas que fixeron do século XVI unha idade de ouro. O gran número de palabras eruditas importadas do latín clásico e do grego antigo durante esta época aumentou o léxico e a complexidade da lingua. En 1516 Garcia de Resende publicou o "Cancioneiro Geral" con obras de máis de 200 autores dos tempos de Afonso V e Xoán II. Entre estes estaban o propio Resende, coas Trovas á Morte de Inês de Castro, e tres nomes que mudaron o curso da literatura do país: Sá de Miranda, Bernardim Ribeiro e Gil Vicente, primeiro gran dramaturgo portugués. Así, o século iníciase coa introdución de novos xéneros literarios. Sá de Miranda, regresado de Italia en 1526, introduciu as formas da escola italiana: o soneto, a canción, a sextina, mentres que Gil Vicente escribiu e representou corenta e unha pezas de dramaturxia. Os seus textos satirizaban os novos tempos, de mudanza das xerarquías sociais inflexibles da Idade Media cara á nova sociedade do renacentista. Na prosa, a novela de cabalaría foi un fenómeno literario durante todo o século XVI en Europa. En Portugal destaca a Crónica do Emperador Clarimundo (1522), primeira obra impresa de João de Barros, sendo o máis famoso o Palmeirim de Inglaterra (1541) de Francisco de Morais, traducido en francés e italiano en 1553 e inglés en 1602. A popularidade destas novelas foi tal, que influenciou a orixe do nomes e pobos "descubertos", como a Patagonia e California. Con todo, cómpre destacar sobre todo neste período a Luís de Camões, autor da epopea Os Lusíadas, considerado unha das maiores figuras da literatura en lingua portuguesa e un dos grandes poetas de Occidente.
O século XVII ficou marcado pola introdución do barroco, sendo xeralmente considerado como un século de decadencia literaria. Con todo, cómpre destacar a existencia de escritores como o Padre António Vieira, o Padre Manuel Bernardes e Francisco Rodrigues Lobo. Os escritores do século XVIII, para contradicir a decadencia da fase barroca, fixeron un esforzo para tentar de recuperar o nivel da idade dourada a través da creación de Academias e Arcadias literarias, dando lugar ao período do neoclasicismo. Co século XIX, foron abandonados os ideais neoclásicos, sendo introducido por Almeida Garrett o romanticismo, seguido por Alexandre Herculano e Rebelo da Silva. No campo da novela, na segunda metade do século XIX, desenvolveuse o realismo, cuxos máximos representantes foron Eça de Queirós, Ramalho Ortigão e Camilo Castelo Branco. A principios do século XX xurdiu o grupo da "Renascença Portuguesa", en torno da revista A Águia. Con todo, o gran poeta de comezos do século é Fernando Pessoa, que aínda que non tivo un grande éxito en vida, despois da súa morte pasou a ser considerado á par de Camões como o mellor poeta portugués de todos os tempos. Xa na época contemporánea, a literatura destaca polo desenvolvemento da prosa de ficción, grazas a autores como Miguel Torga, António Lobo Antunes ou o Premio Nobel de Literatura José Saramago.[199][200]
A música tradicional portuguesa é variada e moi rica. Do folclore forman parte as danzas do Vira do Miño, os Pauliteiros de Miranda, da zona mirandesa, o Corridinho do Algarve ou o Bailinho de Madeira. Os instrumentos típicos son o cavaquiño, a gaita, o acordeón, o violín, os tambores, a guitarra portuguesa (instrumento característico do fado) e unha variedade de instrumentos de vento e percusión. Existen ademais na cultura popular bandas filharmónicas que representan cada localidade e que tocan varios estilos de música, desde a máis popular até clásica.[201]
O máis coñecido estilo de música portugués é o Fado, cuxa intérprete máis célebre foi Amália Rodrigues. Outros cantantes como A Severa, Alfredo Marceneiro, António Pinto Basto, Vicente da Câmara, Nuno da Câmara Pereira, Frei Hermano da Câmara, João Braga, Carlos do Carmo, Adriano ou Hermínia Silva tamén se distinguiron como fadistas. Porén, o Fado tamén asistiu nos últimos anos á aparición dunha nova xeración de cantantes que atinxen grande éxito, como Ricardo Ribeiro, Cristina Branco, Camané, Kátia Guerreiro, Ana Moura, Mafalda Arnauth, Carminho, Mísia e António Zambujo, entre outros, ben como de novos guitarristas como Bernardo Couto. Recentemente, a través dos Madredeus e de cantantes como Mariza ou Dulce Pontes, a música portuguesa atinxiu un gran recoñecemento internacional e ten axudado a divulgar a lingua portuguesa en todo o mundo.[202] A nivel de instrumentistas merece realce a carreira e composicións do guitarrista Carlos Paredes, o máis coñecido mestre de guitarra portuguesa.[203]
Dentro doutros estilos de música, as referencias da canción de finais do século XX, principalmente do período pre e pos-revolucionario, son Zeca Afonso, cuxa canción Grândola, Vila Morena foi un dos sinais que deu comezo á Revolución dos Caraveis, Sérgio Godinho, Fausto, Adriano Correia de Oliveira, Vitorino, José Mário Branco e os Trovante, entre outros. Mesmo sendo aínda o fado o xénero máis coñecido alén dos territorio portugués, a "nova" música portuguesa tamén ten un papel importante demostrando grande orixinalidade. Rui Veloso, The Gift, Mafalda Veiga, Kátia Guerreiro, Sara Tavares, Jorge Palma, Clã, David Fonseca, GNR, Ornatos Violeta, Xutos & Pontapés, Moonspell, Da Weasel, Fingertips, Primitive Reason, Deolinda, Mão Morta, Blasted Mechanism ou Mind Da Gap son só algúns dos nomes máis coñecidos, indo do rock, á pop-electrónica e ao rap, entre outros estilos.[204]
A música clásica portuguesa constitúe un capítulo importante da música occidental. Ao longo dos séculos, sobresaíron nomes de compositores e intérpretes como os trobadores Martín Codax e Dinis, os polifonistas Duarte Lobo, Filipe de Magalhães, Manuel Cardoso e Pedro de Cristo, o organista Manuel Rodrigues Coelho o compositor e clavista Carlos Seixas, a cantante Luísa Todi, o sinfonista e pianista João Domingos Bomtempo ou o compositor e musicólogo Fernando Lopes-Graça. O período de ouro da música portuguesa coincidiu, discutiblemente, co apoxeo da polifonía clásica no século XVII (Escola de Évora, Santa Cruz de Coímbra). Entre as grandes referencias actuais, pontifican os nomes dos pianistas Artur Pizarro, Maria João Pires, Olga Prats e Sequeira Costa, da violista Ana Bela Chaves, do violinista Carlos Damas, do compositor Emmanuel Nunes ou o do compositor e mestre Álvaro Cassutto. As orquestras sinfónicas máis importantes son a Orquestra da Fundación Gulbenkian, a Orquestra Nacional do Porto e a Orquestra Sinfónica Portuguesa. En relación á ópera, o Teatro Nacional de São Carlos en Lisboa é o máis representativo.[204]
A cociña portuguesa é diversa e cada zona do país ten os seus pratos típicos, incluíndo os máis diversos alimentos, desde as carnes de bovino, carneiro, porco e aves até os variados embutidos, pasando polas diversas especies de peixe fresco (sardiña e xarda) e marisco. Con todo o peixe máis consumido e un dos principais pratos portugueses é o bacallau, existindo unha gran cantidade de distintas receitas, existindo, polo menos, unha para cada día do ano (como por exemplo bacalhau à Brás, à Gomes de Sá ou en pasteis).[205] Xunto co bacallau, os tres pratos de peixe máis populares son a xarda, as sardiñas asadas e a caldeirada. En canto á carne, os pratos típicos da cociña portuguesa inclúen carne de gando vacún, porco, cordeiro, ou polo, ademais de multitude de embutidos, destacando entre os pratos de carne a feijoada, cozido à portuguesa, frango de churrasco, e a carne de porco à alentejana.
Outros pratos típicos a destacar son as espetadas de Madeira, o cozido vulcânico dos Azores (São Miguel), o leitón asado à moda da Bairrada, os roxóns de Aveiro e do Miño, a chanfana da Beira, os peixes grellados, moi consumidos no litoral, as tripas (da rexión do Porto), as pataniscas (da rexión de Lisboa) ou o gazpacho (do Alentexo e o Algarve). A cociña portuguesa influenciou tamén outras gastronomías, tales como a xaponesa, coa introdución da tempura.[206][207] Entre os queixos sobresaen, entre moitos outros, os da Serra da Estrela, o de Azeitão ou o de São Jorge. Entre os pratos de comida rápida son característicos a francesinha do Porto, e as bifanas (porco grelado), prego (carne de vaca grelada) ou o leitão (sándwichs de leitón).
Os viños portugueses teñen soa mundial, sendo coñecidos xa dende o tempo dos romanos, quen asociaban o seu deus Baco. Hoxe en día, os viños portugueses son ben coñecidos internacionalmente, tendo recibido diversos recoñecementos pola súa calidade. Algúns dos mellores viños portugueses son: Vinho Verde, Vinho Alvarinho, Vinho do Douro, Vinho do Alentejo, Vinho do Dão e o Vinho da Bairrada e os doces viño do Porto, viño de Madeira, Moscatel de Setúbal e o Favaios. O viño do Porto é o viño portugués máis coñecido no estranxeiro e a súa rexión vitivinícola é unha das máis antigas do mundo. Entre os pratos máis típicos da pastelería portuguesa, destacan os pastéis de Belém (ou pastéis de nata) orixinarios de Lisboa, os ovos moles de Aveiro, o pastel de Tentúgal e a sericaia ou o pão-de-ló de Ovar, entre outros. Moitos dos doces hoxe estendidos por todo o territorio proceden dos antigos conventos. Entre os portugueses existe un culto pola boa comida, existindo, ao longo do país, milleiros de restaurantes e tascas.[206][207]
O fútbol é o deporte máis coñecido e practicado en Portugal, á vista o dato de que no ano 2009 que entre o medio millón de deportistas federados que había no país, case un terzo (144.557) era futbolistas, contando o fútbol profesional e non profesional, distribuídos en distintos, o que supón a existencia de tres veces máis practicantes deste deporte que do segundo máis practicado, o baloncesto (40.250 atletas federados). Ademais, na década de 2000, o número de xogadores non parou de medrar en parte ao pulo que supuxo a organización da Eurocopa de 2004. Nese torneo a selección portuguesa chegou á final, xogada no Estádio da Luz de Lisboa onde perdeu ante Grecia.[208] No ano 2016, a selección consegue gañar o seu primeiro gran torneo, a Eurocopa, tras vencer na final á anfitrioa Francia. O futbolista Eusébio foi un gran símbolo do fútbol portugués, sendo considerado un dos xogadores máis importantes da historia do fútbol, gañador do Balón de Ouro e da Bota de Ouro en dúas ocasións. Con Eusébio Portugal conseguiu a súa mellor clasificación nun Mundial, o terceiro posto na edición de Inglaterra 1966.[209] Despois de Eusébio chegaron ao fútbol do país outros destacados futbolistas como é o caso de Paulo Futre, Luís Figo, Vítor Baía, Fernando Couto, Rui Costa, João Pinto, Deco, Pauleta, João Moutinho ou Cristiano Ronaldo, gañador do Balón de Ouro en 2013 e 2014.
A nivel de clubs, destacan sobre todo o Sport Lisboa e Benfica (que xoga no Estádio da Luz), o Sporting Clube de Portugal (que xoga no José Alvalade) e o Futebol Clube do Porto (que xoga no Dragão). Estes tres clubs son coñecidos en Portugal como "Os Três Grandes",[210] Outros clubs destacados son Os Belenenses, a Académica de Coimbra e o Vitória de Guimarães, grupo ao que se uniron posteriormente o Sporting Clube de Braga e o Boavista.[211] A nivel europeo destacan os títulos da Copa de Europa ou Liga de Campións da UEFA do Benfica (1961 e 1962) e do Porto (1987 e 2004), tamén os dous trofeos da Copa da UEFA ou UEFA Europa League do Porto (2003 e 2011), así como unha Supercopa de Europa (1987). O Sporting tamén posúa un título europeo ao gañar a Recopa en 1964. A nivel internacional tanto o Porto proclamouse campión da Copa Intercontinental en dúas ocasións: 1987, 2004, mentres que o Benfica foi finalista outras dúas veces (1961 e 1962). A nivel de adestradores cómpre destacar a popularidade de José Mourinho e de André Villas-Boas.
Alén do fútbol, algunhas das modalidades deportivas nas que o país máis destaca a nivel internacional son o rugby, a vela, a equitación, o judo, o ciclismo, a esgrima, o piragüismo, o hóckey a patíns (onde é unha gran potencia), o atletismo, o tiro, o surf e o tenis. Portugal participou en todos os Xogos Olímpicos desde as Olimpíadas de Estocolmo de 1912, tendo gañado catro medallas de ouro en atletismo: Carlos Lopes campión do maratón nas Olimpíadas dos Ánxeles 1984; Rosa Mota, tamén no maratón, nas Olimpíadas de Seúl 1988; Fernanda Ribeiro nos 10.000 m nas Olimpíadas de Atlanta 1996; e Nelson Évora nas Olimpíadas de Pequín 2008, así como numerosas medallas de prata e bronce nos restantes deportes.[212]
O cine portugués xurdiu a finais do século XIX. Introduciuse no país en 1896 coa proxección de filmes estranxeiros e coa rodaxe ese mesmo ano do primeiro filme luso, Saída do Pessoal Operário da Fábrica Confiança. A primeira sala de cine abriu en 1904 e o primeiro filme guionizado foi O Rapto de Uma Actriz (1907). Non foi ata o ano 1931 cando se rodou primeiro filme sonoro A Severa. A era dourada do cine portugués comezaría en 1933 con A Canção de Lisboa, e esta duraría dúas décadas, con filmes como O Pátio das Cantigas (1942) e A Menina da Rádio (1944). Aniki-Bóbó (1942), a primeira obra de Manoel de Oliveira, marcou un fito co seu estilo realista herdeiro do Neorrealismo italiano. Na década de 1950, a industria estancouse. A comezos dos ano 1960 aparece o movemento do Cinema Novo, que seguía o estilo da Nouvelle Vague francesa, con filmes como Dom Roberto (1962) e Os Verdes Anos (1963). Este movemento fíxose particularmente relevante despois da Revolución dos caraveis de 1974. En 1989, Recordações da Casa Amarela de João César Monteiro gañou o León de Prata no Festival Internacional de Cine de Venecia, e no 2009, Arena de João Salaviza gañou a Palma de Ouro á mellor curtametraxe no Festival Internacional de Cine de Cannes. O cine portugués é apoiado polo Instituto do Cinema e do Audiovisual, unha institución do goberno que lle dá o financiamento.
A seguinte é unha lista das festividades nacionais de Portugal.[213] Con todo, cómpre destacar que no ano 2013 foron suprimidos o Corpo de Deus, a Implantación da República, Todos os Santos e a Restauración da Independencia durante un período de cinco anos por mor da crise económica do 2008.[214]
Data | Nome | Observacións |
---|---|---|
1 de xaneiro | Aninovo e Festa de Santa María | Tamén se festexa o Día da Paz |
Febreiro/marzo (Festa móbil) | Carnaval ou Entrudo | Celébrase en martes, días antes do comezo da Coresma |
Marzo/abril (Festa móbil) | Sexta-Feira santa | Este venres de Pascua conmemórase a paixón e morte de Xesús Cristo |
Marzo/abril (Festa móbil) | Pascua | Ao ser celebrado en domingo non ten consideración de festividade oficial |
25 de abril | Día da Liberdade | Conmemora o día da Revolución dos caraveis que puxo fin á ditadura |
1 de maio | Día do Traballador | Nalgúns lugares tamén festexan os maios |
Maio/xuño | Corpo de Deus | Segundo xoves despois de Pentecoste |
10 de xuño | Día de Portugal | Conmemórase neste día por ser o cabodano de Luís de Camões |
15 de agosto | Asunción de María | Conmemora a asunción da Virxe María |
5 de outubro | Implantación da República | Celebra a proclamación da I República en 1910 |
1 de novembro | Todos os Santos | Celebra todos os santos e mártires cristiáns |
1 de decembro | Restauración da Independencia | Festexa a restauración da soberanía, en 1640, e o Día da Bandeira |
8 de decembro | Inmaculada Concepción | Patroa de Portugal desde 1646 |
25 de decembro | Nadal | Celebra o nacemento de Xesús Cristo |
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.