personaxe da mitoloxía galega e portuguesa From Wikipedia, the free encyclopedia
As mouras son espíritos, seres fantásticos con poderes sobrenaturais dos folclores portugués e galego. Son "seres obrigados por oculta forza sobrenatural a vivir en certo estado de sitio como limitados ou adormecidos, en canto determinada circunstancia non lles rompa o encantamento".[1] Segundo antigos relatos populares, son as almas de doncelas que foron deixadas gardando os tesouros que os mouros esconderan antes de partir para a súa terra.
As lendas describen as mouras encantadas como doncelas novas de gran beleza ou encantadoras princesas e "perigosamente sedutoras".[2][3] Aparecen frecuentemente cantando e peiteando os seus longos cabelos, louros como o ouro ou negros como a noite, cun peite de ouro, e prometen tesouros a quen as libere do encanto.
Poden asumir diversas formas e existe un gran número de lendas, e versións da mesma lenda, como resultado de séculos de tradición oral. Xorden como gardiás dos lugares de paso ó interior da terra, lugares "límite", onde se cría que o sobrenatural podía manifestarse. Aparecen xunto de fontes, pontes, ríos, pozos, cavernas, antigas construcións, vellos castelos ou tesouros escondidos.
Xúlgase que a lenda das mouras terá a súa orixe en tempos prerromanos[Cómpre referencia]. As mouras encantadas presentan varias características presentes na Banshee das lendas Irlandesas. Tamén na mitoloxía Vasca, os Mairu (mouros) son os xigantes que construíran os dolmens e os crómlechs. Na Sardeña podemos encontrar os domus das Xanas (casa das fadas).
Leite de Vasconcelos presentou a hipótese de que as mouras encantadas puideron asimilar as características de divindades locais, como ninfas e espíritos da natureza. O mesmo xuízo facía Consiglieri Pedroso ao considerar as mouras "xenios femininos das augas".[4]
Na Península Ibérica, as lendas de mouras encantadas encóntranse tamén na mitoloxía Galega e Asturiana. Na tradición oral portuguesa, as Xanas son unha outra variante de doncelas encantadas. Na mitoloxía polaca, a Mora é o espírito que deixa o corpo dos humanos á noite durante o sono. Na mitoloxía da Letonia, Māra é a deusa suprema. Na mitoloxía escandinava, Mara ou Mare é o espírito errante que deixa o corpo das mulleres durante a noite e causa pesadelos.
Especúlase que o termo "mouro", nesta acepción, non derivaría do latín maurus ("habitante da Mauritania") senón do precelta *mrwo> *marwo, que significa morto.[6] Outra teoría é que o termo poida derivar da palabra grega moira (μοίρα), que literalmente significa "destino", e das Moiras, divindades orixinarias da mitoloxía grega. Tamén se considera unha posíbel orixe na palabra latina "maurus", "escuro", nome dado aos nativos da Mauritania.
Outra corrente indica que a orixe poderá vir das palabras celtas "mori", que significa mar, ou "mori-morwen", que designa serea, probabelmente relacionando as mouras coas ondinas ou as ninfas, os espíritos subhumanos que habitaban nos ríos e nos cursos de auga.
Outra posíbel orixe de moura, tamén de orixe celta, é "mahra" e "mahr", que significa espírito.
A Princesa Moura é unha musulmá encantada que habita un castelo e apaixónase por un cabaleiro cristián do tempo da Reconquista. A Lenda da Moura Saluquia é unha variante: en vez dun cristián, o amor da Princesa Moura é un mouro. Moitas destas lendas tentan explicar a orixe dunha cidade e evocan personaxes históricas, outras lendas presentan un carácter relixioso como acontece na lenda de Oureana. No contexto histórico, os lugares, as persoas e acontecementos sitúanse nun mundo real, e existe unha localización temporal ben definida. No entanto, é posíbel que feitos reais se teñan simplemente fundido con antigas narracións lendarias.
A Moura fiandeira transporta pedras sobre a cabeza e fía cunha roca á cintura. A tradición popular atribúe a estas mouras a construción de castros, citanias, e outros monumentos megalíticos. As moedas antigas encontradas nas citanias e castros eran chamadas de "medalla das mouras". A Pedra Formosa encontrada na Citania de Briteiros tería sido, segundo lendas populares, levada na cabeza ata este lugar por unha moura que fiaba unha roca.
Quen se sentase nunha Pedra Moura ficaría encantado, ou se algunha pedra encantada fose levada a casa, os animais poderían morrer. As "Pedras mouras" gardaban riquezas encantadas.[7] Existen varias lendas en que a moura, en vez de ser unha pedra, vive dentro dunha pedra.
"A moura, porén, na nosa tradición, vive dentro da pequena pedra que é botada no río. Mais as fairy irlandesas tamén viven no interior das pedras."[8]
Na tradición popular dise que no penedo «éntrase para dentro» e «sáise de dentro», dicir posibelmente relacionado coas lendas das mouras. A moura é tamén descrita viaxando cara a mourama, sentada nunha pedra que pode flotar no aire ou na auga. Dentro de grutas e debaixo das pedras, moitas lendas falan de que existen palacios con tesouros.
A Moura serpe é unha moura encantada que pode tomar a forma dunha serpente. Algunhas destas mouras serpentes, ou mouras cobra, poden ter ás e poden aparecer como medio muller, medio animal, como na lenda da serpente de Noudar ou do Monte d'Assaia.
A Moura galiña nalgunhas lendas a moura toma forma de galiña e esta vai seguida por uns pitos de ouro. Trátase dun relato moi vinculado aos castros.
A Moura Mai toma a forma dunha rapaza encantada que está grávida, e a lenda céntrase na busca dunha parteira que axude no nacemento e na recompensa que lle é dada.
A Moura Vella é unha muller maior; as lendas en que aparecen mouras con figura de vella non son frecuentes.
O ouro das Mouras pode aparecer en formas diferentes: figos, pedras, carbóns, saias, meadas, animais e instrumentos de traballo. Existen diferentes medios de obter o ouro: pode ser ofrecido pola moura como recompensa, roubado ou achado.
Frecuentemente está dentro dun vaso, escondido dentro de olas enterradas ou outros recipientes, o que xa suscitou a cuestión de se sería algunha alusión a unha urna cineraria.
É no dia de San Xoán, cando se cre que as mouras aparecen cos seus tesouros, cando se pode quebrar o seu encantamento. Nalgunhas lendas é neste día cando a moura encantada espalla os figos nun penedo, ao luar. Noutras variantes, a moura espalla os figos ou a meada de ouro ao sol sobre o penedo. Estas lendas están posibelmente relacionadas coa tradición popular de, nalgunhas rexións, apañarse o figo lampo no día de San Xoán, un figo branco que se levaba de presente. Este día marca a data do solsticio de verán, sendo a súa referencia talvez a reminiscencia dalgún culto solar pagán.
A fonte é un dos lugares onde as mouras aparecen frecuentemente, ás veces como serpes. Moitas veces eran atribuídas virtudes máxicas ás súas augas, como na Fonte da Moura Encantada. tamén é do costume popular dicir de quen casou en terra allea, "bebeu da fonte" e ficou namorado, nunha alusión ás lendas en que os rapaces novos fican encantados polas mouras.
O encantamento da moura pode ser causado polo pai ou algún outro mouro (ou xenio) que a deixou a gardar os tesouros, xeralmente unha figura masculina. Son xeralmente os mouros os que teñen o poder de encantar as mouras. Nas lendas, a moura pode aparecer soa, acompañada doutras mouras encantadas, ou dun mouro, podendo este ser un pai, a persoa amada, ou un irmán.
Para se realizar o desencantamento da moura, pode ser solicitado un segredo, un beixo, un bolo ou pan sen sal, leite, o pronunciamento dalgunhas palabras, ou a realización dalgunha tarefa, como non ollar para algo velado e aguantar a curiosidade. Fallar no encargo implica non desencantar á Moura e "dobrar o encanto", non obter o tesouro desexado ou perder a moura amada.
Nas lendas en que se solicita un pan, subsiste a hipótese de estaren relacionadas coa antiga tradición de se ofrecer alimento aos defuntos. Do mesmo modo, o leite pode estar relacionado coas ofrendas que se facían ás augas das fontes e ás cobras. Son moi antigas as crenzas de que ás cobras lles gustaba moito o leite. Unha das lendas das mouras de Formigais fai referencia á preferencia das mouras polo leite.
Cando é desencantada, a moura pode tornarse humana e casar co seu salvador ou desaparecer. Na "Lenda do cinto da moura", despois de desencantada, os mouros tentan encantar novamente a moura e facer que retorne á mourama.
A mourama[10] é un lugar máxico onde viven os mouros encantados. Nas lendas cun contexto histórico, é o lugar onde viven os mouros musulmáns.
O tempo da mouraría representa un tempo incerto no pasado, a mesma referencia intemporal do "Érase unha vez" ou o "Hai moito, moito tempo", con que comezan os contos de fadas.
As mouras estaban asociadas a varios fenómenos naturais ou elementos da natureza. Acreditábase que o eco era a voz das mouras. Algunhas lendas contan que hai lugares onde aínda é posíbel ouvir unha moura a chorar.
Os monumentos funerarios son frecuentemente asociados ás mouras. Nalgunhas rexións, as antas son chamadas popularmente como Casa da Moura, e antigamente críase que as mouras vivían nestas construcións. A Pedra da Moura, a Antas de Pala da Moura e a Anta da Arquinha da Moura son exemplos dos monumentos asociados ás lendas.
Outro tipo de sepultura asociada ás mouras son as sepulturas cavadas na rocha, como é o caso de Cama da Moura, Cova da Moura e Masseira. Segundo a narración popular, a sepultura chamada Masseira era o lugar onde a "moura amasaba o pan".[11] noutra versión da lenda, o monumento prehistórico Pedra Escrita é o lugar da sepultura dunha moura.
A lenda do ouro das mouras atraeu numerosos cazadores de tesouros. Na busca dos tesouro, as escavacións feitas nos lugares onde as lendas dicían haber tesouros causaron a destrución dalgúns monumentos históricos como mámoas e antas.
Unha pasaxe do "Pseudo-Turpin" (Libro IV do Liber Sancti Iacobi): "Por tanto foilles imposto, sempre que acontecía, fuxir do país e enterrar as súas xoias na terra" [12] pode ter influenciado, no pasado, a crenza de que habería tesouros enterrados polos mouros.
Varios son os lugares asociados ás lendas das mouras encantadas, moitos dos cales son de interese histórico.
“ | Este romance canta os planetas e sinos a catro voces, pera coas palabras del e música desencantaron a moura Tais do seu encantamento, a cal entra co terzado e anel e dedal, que Marte diz que ela tiña no seu poder, [...] | ” |
—Cortes de Júpiter, Gil Vicente |
“ | E vós, fermosas mouras encantadas, Na noite de S.Xoán ao pé da fonte, Áureas trenzas con peites de ouro fino Descuidadas peiteando en canto o orvallo Nas esparzas madeixas arrocía E os lindos aneis de perlas touca. |
” |
—D. Branca, Almeida Garrett |
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.