From Wikipedia, the free encyclopedia
O Banco Central Europeo (BCE), é o banco central da moeda única europea, o Euro, e constitúe o principal eixo do Eurosistema.
Esta entidade é un dos órganos máis importantes da Unión Europea (UE) e ten a súa central en Fráncfort do Meno, Alemaña.
O BCE constituíuse o 1 de xuño de 1998.
Antecedentes:
O 2 de maio de 1998, o Consello da Unión Europea, na súa composición de Xefes de Estado e de Goberno, decidiu por unanimidade que once Estados membros (Bélxica, Alemaña, España, Francia, Irlanda, Italia, Luxemburgo, os Países Baixos, Austria, Portugal e Finlandia) cumprían as condicións necesarias para a adopción da moeda única o 1 de xaneiro de 1999. Ditos países participarían, polo tanto, na terceira fase da Unión Económica e Monetaria Europea (UEM). Os xefes de Estado ou de Goberno chegaron así mesmo a un acordo político con relación ás persoas que haberían de recomendarse como membros do Comité Executivo do BCE.
Ao mesmo tempo, os ministros de Economía dos Estados membros que adoptaron a moeda única acordaron, xunto cos gobernadores dos bancos centrais nacionais de ditos países, a Comisión Europea e o Instituto Monetario Europeo (IME), que os tipos de cambio centrais bilaterais do Sistema Monetario Europeo (SME) das moedas dos Estados membros participantes serían utilizados para determinar os tipos de conversión irrevocábel do euro.
O 25 de maio de 1998, os gobernos dos once Estados membros participantes nomearon ao presidente, ao vicepresidente e aos outros catro membros do Comité Executivo do BCE. A toma de posesión efectiva destes cargos tivo lugar o 1 de xuño de 1998 e sinalou a constitución do BCE.
O BCE e os bancos centrais nacionais dos Estados membros participantes constitúen o Eurosistema, sobre o que recae o cometido de estabelecer e formular a política monetaria única na terceira fase da UEM.
A función principal do BCE é manter o poder adquisitivo da moeda única e, deste xeito, a estabilidade de prezos na zona euro que comprende os dezaoito países da UE que adoptaron o euro. O BCE controla a oferta monetaria e a evolución dos prezos.
A base xurídica da política monetaria única está estabelecida no Tratado constitutivo da Comunidade Europea e nos Estatutos do Sistema Europeo de Bancos Centrais (SEBC) e do BCE. Os Estatutos estabeleceron a constitución do BCE e do SEBC a partir do 1 de xuño de 1998.
O BCE é tamén responsábel de fixar as grandes liñas e executar a política económica e monetaria da UE.
Para iso o BCE traballa co SEBC, que inclúe aos 25 países da UE. Porén, soamente 18 destes países adoptaron ata agora o euro, constituíndo así a "zona euro", e os seus bancos centrais xunto co BCE, forman o "Eurosistema".
O BCE ten personalidade xurídica propia de acordo co dereito público internacional.
O primeiro presidente da entidade foi Wim Duisenberg, substituído o 1 de novembro de 2003 por Jean-Claude Trichet e desde 2011 até 2019 foi presidido por Mario Draghi. En 2019 Draghi foi sucedido por Christine Lagarde.
O traballo do BCE organízase mediante as seguintes instancias decisorias.
O Comité Executivo Formado polo Presidente do BCE, o Vicepresidente e outros catro membros, todos designados por común acordo dos presidentes o primeiros ministros dos países da zona euro. O seu mandato é de oito anos non renovábel.
O Comité é responsábel de aplicar a política monetaria definida polo Consello de Goberno e de dar instrucións aos bancos centrais nacionais. Tamén prepara as reunións do Consello de Goberno e encárgase da xestión cotiá do BCE.
O Consello de Goberno É a máxima instancia decisoria do BCE. Está formado polos seis membros do Comité Executivo e os gobernadores dos 12 bancos centrais da zona euro. Presídeo o Presidente do BCE. A súa misión primaria é definir a política monetaria da zona euro e, en especial, fixar os tipos de xuro ao que os bancos comerciais poden obter diñeiro do banco central.
O Consello Xeral O Consello Xeral é o terceiro organismo decisorio do BCE. Está formado polo Presidente do BCE, o Vicepresidente e os gobernadores dos bancos centrais nacionais dos 25 Estados membros da UE. Contribúe ao traballo consultivo e de coordenación e axuda a preparar a futura ampliación da zona euro.
A sede actual do BCE é a "Eurotower", un edificio que se levanta en Frankfurt e que tamén serve de sede á SEBC.
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Banco Central Europeo |
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.