Iraq
país de Asia From Wikipedia, the free encyclopedia
país de Asia From Wikipedia, the free encyclopedia
Iraq[1] (en árabe العراق), e oficialmente República de Iraq (en árabe: [جمهورية العراق] (axuda · info), é un país de Asia Occidental que abrangue a chaira aluvial de Mesopotamia, o límite noroccidental dos Montes Zagros, e a parte leste do deserto sirio.[2]
Iraq limita con Turquía polo norte, con Irán polo leste, Kuwait polo sueste, Arabia Saudita polo sur, Xordania polo suroeste e Siria polo oeste. Ademais o país ten unha franxa costeira de 58 km de lonxitude no noroeste do Golfo Pérsico. A súa capital, Bagdad está localizada na zona do centro deste. Os dous grandes ríos do país, o Tigris e o Éufrates, discorren polo centro do país dende o noroeste cara ao sueste. Estes ríos, proporcionan a Iraq de terras aptas para a agricultura, en contraste das terras áridas que cobren a meirande parte de Asia Occidental.
Iraq era coñecido antigamente polo topónimo grego Mesopotamia (Terra entre dous ríos) e foi o lugar de sucesivas civilizacións dende o milenio 6 antes de Cristo. A rexión entre os ríos Tigris e Éufrates é considerada como o berce da civilización e o lugar onde apareceu a escrita. En diferentes períodos da súa historia, Iraq foi o centro dos imperios indíxenas acadio, sumerio, asirio, e babilónico. Formou parte dos imperios medo, aqueménida, helenístico, parto, sasánida, romano, rashidun, umayyad, abbásida, mongol, safávida, afsárida e otomán. Por outra banda, estivo baixo dominio británico como Mandato da Sociedade de Nacións.[3] Iraq é o fogar de dous dos lugares máis sagrados do mundo para o xiísmo: Najaf e Karbala.[4]
Os seus límites modernos foron establecidos en 1920 pola Sociedade de Nacións cando o Imperio Otomán foi divido segundo o Tratado de Sèvres. Iraq foi posta baixo a autoridade do Reino Unido como "Mandato británico de Mesopotamia". A monarquía foi establecida en 1921 e o Reino de Iraq obtivo a independencia en 1932. En 1958, a monarquía foi abolida e creouse a República de Iraq. Iraq foi controlado polo Partido Ba'ath dende 1968 ata o 2003. Despois da invasión de 2003 liderada polos Estados Unidos de América e forzas multinacionais, o partido Ba'ath foi eliminado do poder e celebráronse eleccións parlamentarias. A presenza americana en Iraq rematou no 2011.[5]
O «Berce da civilización» é o termo que se utiliza comunmente para identificar a área que comprende o Iraq moderno, fogar da primeira civilización coñecida, a civilización sumeria. Esta orixinouse no fértil val regado polos ríos Tigris e Éufrates ao sur de Iraq, durante o período Calcolítico (período Ubaid). Para finais do cuarto milenio antes de Cristo, neste lugar atopáronse os primeiros sistemas de escritura e da historia escrita. A civilización sumeria floreceu durante máis de 3000 anos e foi gradualmente sucedida polo imperio acadio durante o século XXIV a. C. Despois de dous séculos de dominio acadio foi seguido dun renacemento do Imperio sumerio durante o século XXI a. C. Unha invasión elamita no ano 2004 a. C. levou a terceira dinastía de Ur ao seu fin. No século XXI a. C., unha nova civilización acadia, Asiria, subira á posición dominante no norte de Iraq. Logo, durante o século XIX a. C. ao sur de Iraq formouse un Estado amorreo contemporáneo, chamado Babilonia.
Durante o seguintes catorce séculos, Iraq converteuse no centro do poder mundial, baixo os imperios asirio e babilónico. Entre estes destacan o Imperio babilónico de Hammurabi e o Imperio asirio de Shamshiadad I entre os séculos XIX e XVIII a. C., o Imperio asirio medio entre 1365 e 1076 a. C., o Imperio neoasirio entre 911 e 609 a. C. e o último Imperio babilónico de 620-539 a. C. O Imperio neoasirio, en particular, puxo a Iraq no centro dun enorme dominio que se estendía desde o Cáucaso ata Exipto e Arabia, e desde Chipre a Persia.
No 539 a.C., Ciro II o Grande, rei da veciña Persia derrotou o Imperio neobabilónico na batalla de Opis e Iraq sumouse ao Imperio aqueménida durante case dous séculos. Ciro II conseguiu o control da rexión que permaneceu baixo o mandato persa ata a súa conquista por Alexandre Magno no ano 331 a.C.. Trala morte de Alexandro, a dinastía seléucida de orixe grega gobernou durante máis de dous séculos.[6] Os partos (247 a. C.-224 d. C.) de Persia conquistaron a rexión durante o reinado de Mitrídates I de Partia (entre 171 e 138 a. C). Desde Siria, os romanos invadiron a parte occidental da rexión en varias ocasións.
O cristianismo comezou a consolidarse en Iraq (sobre todo en Asiria) entre os séculos I e III, e Asiria converteuse no centro da Igrexa de Oriente.
Os sasánidas de Persia baixo Ardashir I destruíron o Imperio parto e conquistaron a rexión no 224 d. C. A rexión foi provincia do Imperio sasánida durante máis de catro séculos, ata a conquista musulmá de Persia, arredor da metade do século VII, tempo durante o cal se formaron varios Estados indíxenas durante a época dos partos, como Adiabena, Osroena e Hatra. Durante os anos 240 e 250 d. C., os sasánidas conquistaron gradualmente os estados independentes, culminando en Assur no 256 d. C. A rexión foi, polo tanto, unha provincia do imperio sasánida durante máis de catro séculos, e converteuse na fronteira e o campo de batalla entre os imperios sasánidas e o bizantino, con ambos os imperios debilitándose mutuamente, abrindo camiño á conquista árabe-musulmá de Persia a mediados do século VII.
A conquista árabe islámica a mediados do século VII d. C. estableceu o islam en Iraq, o que trouxo consigo unha grande afluencia de árabes e kurdos. Baixo o califato dos Rashidun, Alí, quen era primo e xenro do profeta Mahoma, mudou a capital a Kufa, ao converterse no cuarto califa. O califato omeia gobernou a provincia de Iraq en Damasco durante o século VII, aínda que co tempo existiu un califato independente en Córdoba.
O califato abasí construíu a cidade de Bagdad, ao longo do Tigris no século VIII, como a súa capital, e converteuse na principal metrópole do mundo árabe e musulmán durante cinco séculos. Bagdad foi a cidade máis grande e multicultural da Idade Media, chegando a ter unha poboación que excedía o millón de habitantes,[7] e foi centro de aprendizaxe durante a idade de ouro islámica. Os mongois destruíron a cidade e queimaron a súa biblioteca durante o asedio de Bagdad no século XIII.[8]
En 1257, Hulagu Kan preparou un exército extremadamente grande co propósito de conquistar Bagdad. Cando chegaron á capital islámica, Hulagu esixiu a rendición, pero cando Al-Mustasim –o último califa abasí– negouse, Halagu enfureceuse e, de acordo coa estratexia mongol de desalentar a resistencia, asediou Bagdad , saqueou a cidade e masacrou a moitos dos habitantes.[9] As estimacións do número de mortos van de 200 000 ao millón de persoas.[10]
Os mongois destruíron o califato abasí e a Casa da Sabedoría de Bagdad, que contiña numerosos documentos históricos de gran valor. A cidade nunca recuperou o seu status de centro principal de cultura e influencia mundial. Algúns historiadores cren que a invasión mongol destruíu gran parte do sistema de rega que sostivera a Mesopotamia durante milenios. Outros historiadores apuntan á salinización do chan como culpable da diminución da agricultura.[11]
A Peste negra de mediados do século XIV devastou gran parte do mundo islámico.[12] A mellor estimación para o Medio Oriente é unha taxa de mortalidade de aproximadamente un terzo.[13]
En 1401, o xefe militar de ascendencia mongol Tamerlán invadiu Iraq. Despois de conquistar Bagdad, foron masacrados máis de 20 000 dos seus cidadáns.[14] Tamerlán ordenara que cada soldado debía volver con dúas cabezas humanas cortadas polo menos como evidencia para mostrarllas.[15] Algúns guerreiros estaban tan asustados que mataron os prisioneiros capturados ao principio da campaña, para asegurarse de ter as cabezas esixidas por Tamerlán. Tamén masacrou a poboación nativa cristiá asiria e deixou completamente abatida a cidade de Asur.
No final do século XIV e nos principios do século XV, os Kara Koyunlu, ou turcos de ovellas negras, gobernaron a área coñecida agora como Iraq. En 1466 os turcománs de ovellas brancas derrotaron os Kara Koyunlu e tomaron o control. Desde principios do século XVI, en 1508, Iraq do mesmo xeito que con todos os territorios dos antigos turcománs das Ovellas Brancas, caeu nas mans dos safavíes iranianos. Debido á rivalidade turco-iraniana dun século de duración entre os safavidas e os veciños turcos otománs, Iraq disputaríase entre os dous durante máis de cen anos durante as frecuentes guerras otomán-persas .
Co Tratado de Zuhab en 1639, a maior parte do territorio da actual Iraq quedou baixo o dominio do Imperio Otomán como o eialete de Bagdad. Ao longo da dominación otomá (1533–1918) o territorio de Iraq actual era un campo de batalla entre os imperios rivais rexionais e as alianzas tribais. A dinastía Safávida de Irán afirmou brevemente a súa hexemonía sobre Iraq durante os períodos de 1508–1533 e 1622–1638
No século XVII, os frecuentes conflitos cos safávidas minaran a fortaleza do Imperio Otomán e debilitaran o seu control sobre as súas provincias. A poboación nómade creceu coa chegada dos beduínos de Néyed procedentes da península arábiga. As incursións beduínas nas zonas poboadas fixéronse imposibles de frear.
Durante os anos 1747 e 1831 Iraq foi gobernado pola dinastía mameluca de orixe xeorxiana,[16] o que logrou éxito na independencia da Sublime Porta otomá, reprimiu as revoltas tribais, freou o poder dos xanízaros, restaurou a orde e introduciu un programa para a modernización económica e militar. En 1831 os otománs lograron derrocar o réxime mameluco e impuxeron un control estrito sobre Iraq. A poboación iraquí reduciuse a menos de cinco millóns de habitantes nos principios do século XX.
Durante a primeira guerra mundial, os otománs puxéronse ao lado de Alemaña e as potencias centrais. Na campaña de Mesopotamia contra as potencias centrais, as forzas británicas invadiron o país e sufriron unha dura derrota inflinxida polo exército turco durante o asedio de Kut (1915-1916). Con todo, posteriormente os británicos recuperáronse grazas ao apoio dos árabes e asirios locais. En 1916, os británicos e os franceses fixeron un plan para dividirse o Imperio Otomán despois da guerra, no marco do acordo Sykes-Picot.[17] As forzas británicas se reagruparon e tomaron Bagdad en 1917 e derrotaron os otománs. O armisticio asinouse en 1918. O Imperio Otomán foi desmembrado e o control que os otománs exercían sobre os eialetes (provincias) de Bagdad, Mosul e Basora pasou ás mans do Reino Unido. Os británicos formalizaron o seu control sobre Iraq ao recibiren un Mandato da Sociedade de Nacións sobre Mesopotamia en 1920. Inicialmente o Mandato británico non incluía a provincia de Mosul, no norte, pero ao descubrirse a importancia dos xacementos petrolíferos alí presentes, Mosul foi integrada no Mandato en 1926.[18][19]
O 23 de agosto de 1921 despois dun plebiscito co 96% de votos a favor foi nomeado e elíxido, co apoio dos británicos en agradecemento ás contribucións da súa familia durante a Rebelión árabe, o haxemita Faisal I como rei de Iraq (antes xa fora nomeado rei da Gran Siria polos nacionalista árabes tras finalizar a primeira guerra mundial, pero expulsado polos franceses).
En 1927 Faisal negocia cos ingleses a independencia de Iraq, abrindo un período que se caracterizará pola súa inestabilidade e pola represión das reivindicacións das minorías. Finalmente, Iraq é admitida como nación soberana na Sociedade de Nacións o 3 de outubro de 1932,[20] aínda que a presenza militar británica continuou. Grupos nacionalistas liderados polo Partido Nacionalista e o Partido da Irmandade Nacional protagonizaron a oposición á presenza estranxeira no país. Un ano despois (8 de setembro de 1933) o rei Faisal morre, deixando o seu fillo máis vello como sucesor, Gazi.[21]
O rei Gazi gobernou como cabeza figurativa despois da morte do rei Faisal en 1933, mentres tanto foi minado por diversos intentos de golpes militares, ata a súa morte en 1939. Gazi foi seguido polo seu fillo menor de idade, Faisal II. O seu tio 'Abd al-Ilah actuou como rexente durante a minoría de idade de Faisal.
En 1946, grandes folgas sacudiron a Kirkuk. Os manifestantes denuncian as condicións de traballo, pero tamén a dominación británica sobre a compañía petroleira. Os líderes políticos dos partidos progresistas son encarcerados. En 1948, cando o goberno asinou un novo tratado de alianza co Reino Unido, producíronse manifestacións masivas. A monarquía perde o control das rúas por uns días. A lei do estado de emerxencia aplicouse inmediatamente e Nouri Said, un veterano da monarquía que xa asumira moitas veces o liderado do goberno, regresou ao poder e introduciu leis anticomunistas. O Secretario Xeral do Partido Comunista Iraquí, Youssouf Salman, é aforcado e os xornais censurados. A partir de 1954, a pertenza ao Partido Comunista levou á perda da nacionalidade.[22]
A inmensa pobreza no campo está a obrigar a moitos agricultores para trasladarse aos suburbios urbanos e causando algunhas tensións sociais. En 1955 no contexto da guerra fría, o Reino do Iraq entrou no Pacto de Bagdad e uniuse aos Estados Unidos. A alianza do goberno cos estados occidentais promove o desenvolvemento do exército.[22]
O 14 de xullo de 1958 o xeneral de brigada Abdul Karim Qasim encabezou a revolución dos Oficiais Libres iraquís, apoiados por Exipto, derrocando a monarquía haxemita e proclamaron a república. Durante o seu goberno, Qasim foi coñecido popularmente como al-zaʿīm (الزعيم) ou "O líder" e é considerado por moitos o pai do Iraq moderno. Despois de tomar o poder, Qasim asumiu o cargo de primeiro ministro e ministro de defensa, mentres que o coronel Arif foi seleccionado como viceprimeiro ministro e ministro do interior. Convertéronse na máxima autoridade en Iraq con poderes executivos e lexislativos. Muhammad Najib ar-Ruba'i converteuse en presidente do Consello de Soberanía (xefe de estado), pero o seu poder era moi limitado.
Pouco despois, o 26 de xullo de 1958, aprobouse a Constitución provisional, á espera de que se promulgase unha lei permanente despois dun referendo libre. Segundo o documento, Iraq sería unha república e unha parte da nación árabe, mentres que como relixión oficial do estado figuraba o islam. Os poderes lexislativos recaeron no Consello de ministros, coa aprobación do Consello de soberanía, mentres que a función executiva tamén recaeu no Consello de ministros.[23] O novo goberno, de inspiración nacionalista árabe e socialista conta co apoio dos exiliados kurdos (cuxo regreso permitira) e do Partido Comunista. Nas semanas seguintes adoptáronse moitas reformas: reforma agraria, axuda ás familias pobres, plans urbanos, etc..[22]
O 8 de febreiro de 1963 Qasim foi derrocado por Abdul Salam Arif mediante outro golpe de estado perpetrado por unha coalición de baazistas, militares e outros grupos panarabistas. Antes do golpe de estado, Arif fora elixido líder do Consello do Mando Revolucionario e tras o golpe foi proclamado Presidente de Iraq dada a súa gran popularidade.[24] O 13 de abril de 1966 o presidente Abdul Salam Arif morría nun accidente de helicóptero preto de Basora e o sucedía interinamente o primeiro ministro Abdul Rahman al-Bazzaz, que ao cabo de tres días renunciaba en favor de Abd al -Rahman Arif, irmán do presidente falecido, que segundo se cre foi considerado polos militares do Consello de Mando da Revolución Iraquí máis débil e manexable que o presidente morto.[25] A noite do 16 ao 17 de xullo de 1968, mentres Arif durmía, un golpe de estado, no que non houbo que lamentar mortes, depúñao e levaba ao poder ao xeneral baasista Ahmed Hassan al-Bakr. O ministro de defensa Hardan Al Tikriti, telefonoulle e informoulle que xa non era presidente, deste xeito puido saír para ao exilio en Turquía.
A partir de 1976 Al-Bakr empezou a delegar maiores funcións no seu lugartenente, Saddam Husayn membro destacado do revolucionario Partido Árabe Socialista Baaz e, logo, da facción iraquí do partido e da súa organización rexional, Saddam xogou un rol clave no golpe de 1968 (logo denominado «Revolución do 17 de xullo»), que levou a rama iraquí do partido ao poder no país. Por influencia de Saddam, en 1978 prohibiuse toda actividade política diferente á do Baath. Ao ano seguinte, o 16 de xullo de 1979, Al-Bakr renunciou aos seus cargos pouco despois de cumprir os 65 anos e transferiullos a Saddam Husayn, quen prontamente expulsou do goberno aos antigos funcionarios leais á Al-Bakr e que máis adiante pasaría a ser ditador de Iraq durante 24 anos.[26]
En 1979, tivo lugar a revolución iraniana. Despois de meses de incursións transfronteirizas entre os dous países, Saddam declarou a guerra contra Irán en setembro de 1980, iniciándose deste xeito a guerra iranio iraquí (ou primeira guerra do golfo pérsico), que case durou oito anos[27] e orixinou que os países occidentais se puxesen na súa contra. Aproveitando o caos posterior á revolución en Irán, Iraq capturou algúns territorios no suroeste de Irán, pero Irán recuperou todos os territorios perdidos en dous anos, e durante o seguintes seis anos Irán estivo á ofensiva.[28] No marco da citada guerra iranio iraquí, Saddam Husayn cometeu unha serie de matanzas na rexión kurda, ao norte de Iraq, que foron cualificadas por varios países como xenocidio.[29] A matanza, coñecida como Operación al-Anfal, saldouse coa destrución de 4500 poboacións[30] e aldeas, e co asasinato de ao redor de 180 000 civís.[31] A campaña de exterminio tivo lugar entre os anos 1986-1989, e nela levaron a cabo ofensivas directas, bombardeos aéreos, destrución de cidades, deportacións, fusilamentos e ataques con armas químicas. A guerra química tivo episodios como o ataque a Halabja, cidade que foi bombardeada con gas mostaza, e os gases nerviosos sarín, tabún e VX, provocando 5000 mortos nunha noite.[32] Estes ataques eran deseñados polo primo de Saddam, Ali Hassan al-Mayid, coñecido como Alí o Químico.
En 1990 tras chegar ao fin do conflito con Irán, desatouse o conflito coñecido como a Guerra do Golfo. No contexto das discusións en torno ao prezo do petróleo, Saddam ordenou unha nova invasión para anexionarse Kuwait. Unha coalición de tropas internacionais de 34 países, liderada polos Estados Unidos, lanzan en xaneiro de 1991 a Operación Tormenta do Deserto. Como contraofensiva, Iraq bombardeou cidades de Israel e Arabia con mísiles Scud. Finalmente Kuwait foi liberado e a súa soberanía restituída, aínda que Husayn continuou no poder. En 1993, Saddam anunciou a entrada da Campaña de fe nun contexto onde tanto a crise de sancións internacionais como o impacto psicolóxico das dúas guerras do golfo cuestionaran o liderado Baaz. Con esta campaña Saddam buscaba unha lexitimidade islámica. Á guerra sucedeulle unha década de sancións a Iraq, e conflitos entre o goberno e as minorías xiíta e kurda, que eran reprimidas e torturadas, que desencadeou a Operación Raposo do Deserto en 1998.
En outubro de 2002 un referendo ratificou a permanencia do ditador Saddam Husayn á fronte do estado durante 7 anos máis. Durante ese ano o presidente estadounidense George W. Bush insistía en que Iraq posuía armas de destrución masiva, e que debía destruílas tal como estaba acordado nas diversas resolucións da ONU acordadas despois da Guerra do Golfo de 1991. Iraq aceptou cumprir unha nova resolución da ONU que acordaba o envío de inspectores da ONU a Iraq para verificar o armamento que tiña. En 2003, no contexto internacional xurdido tras os atentados do 11 de setembro de 2001, o goberno dos Estados Unidos e os seus aliados acusaron o réxime de Husayn de posuír armas químicas e de destrución masiva como as que utilizou en 1988. A pesar da negación do réxime, o Consello de Seguridade das Nacións Unidas instou a Iraq con 3 resolucións (1441, 1483 e 1511), a que deixase paso a inspectores como Hans Blix. Ante os problemas e negativas para levar a cabo inspeccións, tivo lugar o Cume dos Azores, onde houbo un ultimato que deu lugar á Guerra de Iraq, levada a cabo por unha nova coalición internacional. O réxime caeu en poucas semanas, e Saddam Husayn foi xulgado e executado a finais de 2006 por un tribunal iraquí. Paralelamente, tivo lugar unha insurrección que atacaba tanto as tropas da coalición, como as faccións sunnitas, e cometía indiscriminados atentados terroristas contra a poboación civil. A ocupación finalizou coa retirada das tropas americanas en 2011.
En 2013, un dos grupos insurrectos afiliado a Al Qaida que participaba na insurrección contra o goberno sirio incrementou o seu dominio ata proclamar a súa independencia respecto a organización transnacional, proclamou o Estado Islámico de Iraq e o Levante e anunciou unha campaña coa intención de conquistar todos os países onde, segundo a organización, o islam sería predominante nalgún momento histórico. O 29 de xuño de 2014 proclamaron o seu xefe desde 2010, Abu Bakr al-Baghdadi, como «califa Ibrahim» do Estado Islámico, declarando «suprimidas todas as organizacións e fronteiras», o que sumiu a Iraq nunha nova situación de guerra que durou ata o 9 de decembro de 2017 cando o Estado Islámico foi expulsado do territorio iraquí.
Hoxe en día, o país vive nunha inseguridade permanente debido os ataques dos insurrectos. As vítimas militares estadounidenses superan as 2.000 e as vítimas civís iraquís poden superar as 30 mil.
Tralas eleccións lexislativas de 2005, Jalal Talabani (kurdo) é elixido presidente, estará acompañado por dous vicepresidentes, un xiíta e outro sunnita.
O 30 de xaneiro do ano 2005 unha Asemblea Nacional Constituínte foi elixida mediante sufraxio universal, directo e secreto nuns comicios organizados polo goberno provisional iraquí instaurado no país coa transferencia de soberanía do 28 de xuño de 2004.[33]
Esta Asemblea aprobou unha nova Constitución Nacional que foi ratificada polo pobo de Iraq nun referendo (co 82% dos votos a favor) o 15 de outubro de 2005 (nesta ocasión si votaron gran parte dos árabes sunnitas, aínda que o fixeron polo Non á Constitución; mentres que os árabes xiítas e kurdos fixérono a favor do texto constitucional).[34]
Segundo esta nova Constitución, o réxime político de Iraq é unha república parlamentaria federal. Por esta razón, o gobernante do país é o primeiro ministro; e o presidente representa unha figura simbólica de unidade. A Constitución recoñece o islam como fonte prioritaria do Dereito en Iraq, impoñendo a súa supremacía, mesmo, á propia constitución.
O Presidente da República é elixido polo Consello de Representantes (Cámara Baixa do Parlamento) por unha maioría de polo menos dous terzos dos deputados (artigo 68 da Constitución); pero se ningún candidato obtén esa maioría na primeira rolda, os dous máis votados competirán nunha segunda volta onde resultará elixido o que obteña os votos do maior número de deputados.
O artigo 74 da Constitución estipula que o Presidente da República debe asignar a misión de formar un Gabinete ao candidato a primeiro ministro do partido político ou coalición política que teña maior cantidade de deputados no Consello de Representantes. O Presidente debe facer a asignación dentro dos quince días seguintes á primeira reunión de cada novo Consello de Representantes electo.
O candidato a primeiro ministro ten un prazo máximo de trinta días desde a súa asignación polo presidente para nomear os ministros do seu gabinete e para deseñar a súa Plataforma Ministerial (o seu programa de goberno); e logo deberá presentarse ante o Consello de Representantes e pedir o seu apoio ou confianza. Entenderase que o Consello de Representantes outorgoulle a súa confianza e que polo tanto o primeiro ministro e os seus ministros foron elixidos; cando cada un dos seus ministros sexa aprobado ou ratificado de forma individual, e cando a súa Plataforma Ministerial sexa aprobada pola maioría absoluta do Consello de Representantes (polo menos a metade máis un dos deputados do Consello). Como o Consello componse actualmente dun total de 325 deputados, requírese o voto favorable dun mínimo de 163 deputados para que un candidato a primeiro ministro sexa elixido ou ratificado. En caso contrario, o presidente deberá asignar a formación do Gabinete a outro candidato.[35]
Por todo isto, cando os cidadáns iraquís elixen os seus deputados ao Consello de Representantes están a elixir de maneira indirecta ao presidente da República, ao primeiro ministro e ao resto do Goberno; e como en toda democracia parlamentaria, o líder de cada partido político ou coalición política que presenta unha lista de candidatos a deputados xógase nas eleccións lexislativas ou parlamentarias a posibilidade de ser elixido primeiro ministro.
O Consello de Representantes pode destituír o primeiro ministro e o seu Goberno cun voto de censura ou non confianza que reúna o apoio da mesma cantidade de votos necesarios para ratificar ao primeiro ministro (polo menos a metade máis un dos deputados).
O primeiro ministro ten o poder de nomear e destituír todos os ministros do Goberno; pero para que o nomeamento dun ministro sexa válido ten que ser aprobado polo Consello de Representantes por maioría absoluta. Se non se consegue esa maioría, o primeiro ministro deberá nomear a outra persoa para o cargo.
O Consello de Representantes, ademais de elixir o presidente da República e ao primeiro ministro, exerce o Poder lexislativo; e unha Corte Suprema exerce o Poder xudicial.
Debido ao seu carácter federal, a Constitución permite ás Provincias organizarse en Rexións Autónomas; que gozarían dunha ampla autonomía do Poder Central. O feito de que a Constitución estipule que estas rexións queden cunha gran parte das ganancias das riquezas petroleiras dispoñibles nos seus respectivos territorios, é unha das causas da forte oposición sunnita á Constitución (porque os árabes sunnitas viven nas rexións onde hai menos petróleo, mentres xiítas e kurdos viven nas que teñen máis recursos petrolíferos).
Desde 1992, o Goberno Rexional de Kurdistán (KRG) baseouse en Erbil. O KRG ten un Parlamento, elixido por votación popular, chamado Asemblea Nacional do Kurdistán iraquí, e un gabinete integrado polo PDK, o UPK e os seus aliados (Partido Comunista Iraquí, o Partido Socialista de Kurdistán, etc.) Estrutural e, oficialmente, as dúas partes mostran poucas diferenzas entre si. Do mesmo xeito que as súas organizacións internacionais que son similares e ambos teñen unha estrutura similar de autoridade. Os kurdos xa tiñan a súa Rexión Autónoma antes da aprobación da Constitución, e por iso a mesma recoñécelles un «status especial» con maior autogoberno. Os kurdos elixen en eleccións presidenciais rexionais directas ao Presidente da Rexión Autónoma do Kurdistán (nome da súa rexión autónoma); tamén elixen a un parlamento rexional.
A Constitución estipula que o futuro Parlamento debe aprobar unha lei para crear e organizar o Consello da Unión; este Consello estará formado por representantes das autoridades das Rexións e Provincias, e será unha especie de Cámara Alta do Parlamento (Senado). Pero as súas funcións serán moi limitadas, sobre todo examinar as funcións e poderes das rexións e provincias; non poderá participar na elección do presidente e o primeiro ministro federais porque esta é unha atribución exclusiva do Consello de Representantes.
As primeiras eleccións parlamentarias baixo a nova Constitución celebráronse o 15 de decembro de 2005; nelas a Alianza Unida Iraquí (coalición de partidos confesionais xíitas) gañou a maioría no Consello de Representantes do novo Parlamento.[36]
Ten unha superficie de 437.073 km², aproximadamente o tamaño de California. A capital é Bagdad, de 3,8 millóns de habitantes (1986). Outras cidades importantes son Basora, Mosul, Kirkuk, As-Sulaymānīya ou Arbil.
Iraq está dividido en 19 provincias (muhafazat, singular: muhafazah):
A economía de Iraq caracterízase por unha forte dependencia da exportación de petróleo e por acentuar un desenvolvemento dirixido por organismos centrais. Antes do inicio da guerra contra Irán en setembro de 1980, o futuro da economía iraquí era brillante. A produción de petróleo alcanzara o nivel de 3,5 millóns de barrís por día e os ingresos do petróleo sumaban 21.000 millóns de dólares en 1979 e 27.000 millóns de dólares en 1980. Ao comezar a guerra, Iraq acumulara aproximadamente 35.000 millóns de dólares en reservas de divisas.
Segundo un informe de UNICEF publicado en 2018, a maioría dos nenos e nenas desfavorecidos non reciben «ningún apoio gobernamental», o que tende a acentuar as fendas e as desigualdades. Na educación en particular, onde as necesidades seguen sendo «inmensas» despois de anos de conflito. A metade das escolas públicas de Iraq necesitan ser rehabilitadas e o país necesita outras 7500 escolas. O 92% dos nenos están matriculados na escola primaria, pero só un pouco máis da metade dos nenos desfavorecidos terminan a escola primaria. A fenda amplíase aínda máis na educación secundaria e superior, «onde menos dunha cuarta parte se gradúa (23%), comparado coas tres cuartas partes dos nenos procedentes de medios acomodados (73%)». Por outra banda, só o 40% dos nenos e nenas están totalmente vacinados, e menos do 40% da poboación ten acceso á auga potable nos seus fogares, o que pon os nenos e nenas en grave risco de contraer enfermidades transmitidas pola auga.[37]
Evolución demográfica:
É un país oficialmente bilingüe, sendo o árabe e o kurdo os idiomas oficiais, o árabe é falado na maior parte do país, o kurdo é a lingua da Rexión autonóma Kurda ou Kurdistán iraquí, chamada así desde a administración do partido Baath nos anos 1970 e 1980. Dita rexión ten o dereito de ensinar kurdo nas súas escolas.
Un estudo do Al-Quds Press Research Center, con sede en Londres, dá a seguinte composición étnica e relixiosa:[38]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.