From Wikipedia, the free encyclopedia
A tortura é o acto de causar dano físico ou psicolóxico intencionadamente a unha persoa ou animal.
O obxectivo pode ser variado: obter unha confesión ou información da vítima ou dunha terceira persoa, como vinganza por un feito cometido pola vítima ou tamén unha terceira persoa, como preludio dunha execución (nese caso fálase de morte-suplicio) ou simplemente como entretemento do torturador.
Este dano pódese causar de varias formas. O dano físico pódese causar mediante golpes, rotura de ósos, rachos musculares, castración, esmagamento, picadas, cortes, descargas eléctricas, desfiguracións, queimaduras, aplicación de temperaturas extremas, auga, inxestión de produtos químicos ou elementos cortantes, afogamento, violación, privación do soño ou posturas corporais incómodas.
O dano psicolóxico pódese realizar mediante a privación sensorial, o illamento ou mediante falsas execucións que contribúan á desmoralización do individuo.
Na antigüidade, a aplicación de castigo físico para obter unha confesión ou executar unha sentenza foi unha práctica común.
As civilizacións de oriente, así como os gregos e romanos, considerábana unha práctica adecuada e necesaria, establecendo estes últimos procedementos fixos para a súa aplicación xudicial.
A Inquisición instaurada pola Igrexa Católica, do mesmo xeito que os tribunais protestantes, fixeron uso da tortura para forzar a quen era acusado de herexes a recoñecer a súa culpa, e era considerada un medio lexítimo para obter confesións ou informacións por parte dos sospeitosos.
Na actualidade saíron á luz pública as torturas utilizadas polo exército dos Estados Unidos de Norteamérica na súa loita contra o terrorismo e a posterior liberación de Iraq nos seus cárceres de Abu Ghraib en Iraq e Guantánamo en Cuba.
O uso da tortura é amplamente considerado como ineficaz, xa que a vítima confesará sexa certa a acusación ou non, e ata inventará feitos con tal de facer cesar a tortura.
A tortura segue sendo un método de represión común nos réximes totalitarios, organizacións terroristas e o crime organizado. Ata nas sociedades democráticas occidentais, os corpos policiais e militares recorren ocasionalmente á tortura.
A loita contra a tortura ten un instrumento internacional específico: a Convención Contra a Tortura e Outros Tratos ou Penas Crueis, Inhumanos ou Degradantes (1984).[1]
Adicionalmente a tortura está condenada no artigo 5 da Declaración Universal dos Dereitos Humanos. Outras normas xurídicas de dereito internacional que recollen a tortura son o Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos e o Convenio Europeo para a Protección dos Dereitos Humanos e das Liberdades Fundamentais.
O Día Internacional de Apoio ás vítimas da Tortura celébrase o 26 de xuño.
A tipificación do delito varía segundo a regulación de cada país, pero en conxunto e de xeito xenérico considérase tortura a efectos penais a as accións cometidas por funcionarios ou autoridades, co consentimento explícito ou implícito por parte das mesmas para que terceiros as executen, co obxectivo de obter unha confesión ou información dunha persoa, así como o castigo físico ou psíquico que supoña sufrimento e suprima ou diminúa as facultades do torturado ou de calquera xeito afecten á súa integridade moral.
No mundo, varias Organizacións Non Gobernamentais (ONG) mobilízanse para exercer unha presión sobre os Estados que practican a tortura, por exemplo Amnistía Internacional (AI) ou a Organización Mundial Contra a Tortura (OMCT).
A película El crimen de Cuenca de Pilar Miró rodada en 1979, relata feitos reais das torturas que recibiron uns campesiños españois a mans da Garda Civil a principios do século XX.
A obra de teatro A Morte e a Doncela de Ariel Dorfman explora as consecuencias de tortura.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.