Remove ads
From Wikipedia, the free encyclopedia
A guerra dos Seis Días, tamén coñecida como a terceira guerra árabe-israelí, a guerra árabe-israelí de 1967, ou, como a chaman no mundo árabe, a guerra de Xuño, o Contratempo ou o Desastre, foi un conflito armado entre Israel e os seus veciños árabes: Exipto, Xordania e Siria. Trala fin da guerra, Israel pasou a controlar a Franxa de Gaza, a península do Sinaí, Cisxordania, Xerusalén Leste e os Altos do Golán.
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. |
O crecemento das tensións entre árabes e israelís levou a ámbalas dúas partes a mobilizaren cadansúas tropas con anterioridade ó comezo da guerra.
Israel, de acordo cos plans ideados por, entre outros, o Ministro de Defensa Moshé Dayán e o xefe do Estado Maior Yitzhak Rabin, atacou Exipto, Siria e Xordania, conquistando os territorios antes citados.
O causante último da guerra (que comezou o luns 5 de xuño e rematou o sábado 10 de xuño) foi o bloqueo do porto da cidade israelí de Eilat mediante o peche, por parte de Exipto, dos Estreitos de Tirán.
A guerra de Suez de 1956 fora unha derrota militar pero unha vitoria política para Exipto. As advertencias de sancións por parte dos Estados Unidos, así como as ameazas soviéticas de lanzamento de mísiles, forzaron a evacuación franco-británica do Canal de Suez.
O Primeiro Ministro de Israel, David Ben-Gurion, aceptou á retirada da península do Sinaí e da Franxa de Gaza, pero mantívose firme no referente ás garantías de libre paso a través dos Estreitos de Tirán (que Exipto tiña pechados para bloquear o porto da cidade israelí de Eilat) e á protección contra os ataques fronteirizos. Ademais, declarou que o Armisticio que seguiu á Primeira Guerra Árabe-Israelí (1948-1949) carecía de validez.
Lester "Mike" Pearson, Ministro de Asuntos Exteriores do Canadá, ideou a creación da UNEF (United Nations Emergency Force, Forza de Emerxencia das Nacións Unidas), que se establecería na península do Sinaí e na Franxa de Gaza para consolidar a separación física de forzas militares exipcias e israelís, e impedindo o peche dos Estreitos de Tirán. Despois de diversas negociacións diplomáticas, conseguiuse que a UNEF establecérase nos seus postos o 11 de marzo de 1957.
De cara ós anos 60, intensificáronse os ataques terroristas palestinos, co apoio de Exipto e Siria. O 10 de novembro de 1966, nun sector fronteirizo fronte á cidade cisxordana de Hebrón, un vehículo da policía militar israelí entrou en contacto cunha mina; ó estoupar esta, tres policías militares israelís morreron e un resultou ferido. O 13 de novembro, a correspondente represalia israelí, levada a cabo en Rujm al-Madfal e en Samu (dúas localidades cisxordanas), derivou nun enfrontamento entre forzas militares israelís e xordanas, con perdas humanas e materiais por ambas partes, así como entre a poboación civil.
Ataques terroristas o 31 de marzo e o 1 de abril de 1967 derivaron nunha escaramuza entre forzas israelís e sirias. No punto álxido do enfrontamento, dous avións militares sirios foron derrubados pola Forza Aérea israelí sobre os Altos do Golán, e outros catro sobre Damasco, a capital siria. Esta escaramuza tamén levou consigo perdas humanas e materiais entre as forzas israelís e as sirias, así como entre as poboacións civís israelí e golaní.
A todo isto había que engadir os bombardeos sirios con fogo de artillaría sobre asentamentos civís do norte de Israel, coas súas correspondentes perdas humanas e materiais, e que xeneralizáronse na década dos 60, así como os intentos sirios de desviar o río Xordán mediante complexas obras de enxeñería nas súas fontes (situadas en territorio golaní). Estas accións precipitaban escaramuzas entre as forzas militares israelís e sirias.
A mediados de maio de 1967, Exipto remilitarizou a península do Sinaí e a Franxa de Gaza, expulsando á UNEF, e a finais do mesmo mes, bloqueou o porto da cidade israelí de Eilat mediante o peche dos Estreitos de Tirán, os cales constitúen a "porta" de entrada e saída do Golfo de Aqaba, en cuxo extremo setentrional está a citada cidade. O Golfo de Aqaba é parte do mar Vermello, o cal conecta co océano Índico; estas circunstancias xeográficas permitíanlle a Israel recibir petróleo de Irán e establecer relacións comerciais con África e Asia con relativa facilidade.
Así pois, Israel considerou esta última acción un casus belli. O 30 de maio Exipto e Xordania asinaron un tratado de defensa mutua, e o 1 de xuño, Moshé Dayán foi nomeado Ministro de Defensa de Israel.
O domingo 4 de xuño, con só dous votos en contra, o Gabinete israelí aprobou o comezo da guerra sen previo aviso ós países árabes. O primeiro ataque levaríase a cabo entre as 7:00 e as 7:30 horas do luns 5 de xuño de 1967, contra Exipto.
O primeiro paso dado polos israelís foi a Operación Foco (en hebreo, Mivtza Moked). Esta consistía nun raid aéreo dirixido contra a Forza Aérea exipcia, a máis numerosa dos países árabes en canto a número de avións, e considerada o principal obstáculo e a principal ameaza para Israel. Os obxectivos prioritarios eran as pistas dos aeródromos militares da península do Sinaí, os bombardeiros de largo alcance (con capacidade para atacar os núcleos de poboación e os centros industriais de Israel), os cazas, os mísiles superficie-aire, as estacións de radar e as instalacións de apoio; o obxectivo básico era a destrución da Forza Aérea exipcia en terra para garantir a superioridade aérea hebrea.
A operación foi un éxito para os israelís, xa que, dos 420 avións cos que contaba Exipto inicialmente, 286 foron destruídos, a maioría en terra, e as bases aéreas exipcias situadas no Sinaí e ó oeste do Canal de Suez quedaron na súa meirande maioría inutilizadas ou seriamente danadas. En torno a unha terceira parte dos pilotos exipcios morreron. As perdas israelís foron mínimas, a pesar de arriscar na operación a meirande parte dos seus pilotos e avións.
Os primeiros avións israelís engalaron ás 7:10 horas, hora de Israel. Ás 7:50 horas, deuse o contrasinal Sadin Adom (Saba Vermella), que indicaba o comezo da ofensiva terrestre na Fronte Sur de Israel (isto é, a conquista da Faixa de Gaza e da península do Sinaí). A Ugdah do xeneral Israel Tal (unha división que contaba con 250 tanques, 50 canóns, unha brigada paracaidista e unha brigada de recoñecemento) atravesou a fronteira por dous puntos, fronte a Nahal Oz e Khan Yunis, para avanzar a través da Faixa de Gaza e do Sinaí e atacar ás defensas exipcias en Sheikh Zuweid, 8 millas ó suroeste de Rafah, así como para rodear Khan Yunis e a propia Rafah. Máis tarde, as posicións israelís nestes lugares quedaron consolidadas, e Tal alcanzou os arredores de al- `Arish. Ó anoitecer, tropas hebreas tomaron a cima de `Ali Mutar sobre a cidade de Gaza, debendo, non obstante, retroceder con posterioridade.
Máis ó sur, no centro do Sinaí, Ariel Sharon, ó mando da 38ª. División, atacaría no sector fortemente defendido de Umm Qatef, coa esperanza de unirse á 31ª. División de Avraham Yoffe e atacar a liña defensiva exipcia formada por Jabal Libni, Bir Lahfan e Bir Hasana.
Ás 8:15 horas, os primeiros tanques do coronel Natan Nir cruzaron a fronteira fronte a al´ Awja. Padecendo bastantes perdas, os israelís avanzaron cara Umm Qatef dende o norte e o oeste, pois tiñan dado un rodeo para tal fin, mentres os tanques de Nir penetraban no flanco norte de Abu `Ageila. Os israelís tomaron posicións para proseguir o ataque mentres os exipcios esperaban a orde de contraataque do seu Cuartel Xeral Supremo, en van.
Ás 22:00 horas, seis batallóns israelís realizaron un ataque con canóns de 105 e 155 mm sobre Umm Qatef (o maior bombardeo de artillaría da historia militar israelí con 6.000 proxectís lanzados en menos de 20 minutos). Tanques israelís atacaban as defensas exipcias dende o sur; no leste, a infantaría rebordaba unha tripla liña de trincheiras; e no oeste, os paracaidistas neutralizaban a artillaría exipcia. Así puidéronse tomar posicións contorno a Umm Qatef para asaltala. Por outro lado, as manobras israelís neste sector impediron a chegada de reforzos exipcios dende Jabal Libni e Bir Lahfan.
Cerca da media noite, as tropas de Yoffe avanzaron cara Bir Lahfan e Jabal Libni, rodeando Abu `Ageila e deixándoa ó norte. Os tanques de cabeza do coronel Elhanan Sela viraron ó suroeste, mentres a 200ª. Brigada do coronel Yissachar Shadmi avanzaban de cara a Wadi Haridin. Ámbolos dous cortaron as vías de comunicación con Jabal Libni, Abu `Ageila e al- `Arish e lograron deter a dúas brigadas inimigas que intentaban rodear a Sharon.
No sector sur da fronteira israelí-exipcia, a 8ª. Brigada Acoirazada, ó mando do coronel Avraham Mendler, iniciou o seu avance de cara a Kuntilla. Así, pola noite consolidou unha posición propicia para evitar que Umm Qatef fora auxiliada e para unirse máis tarde ás forzas de Sharon.
A causa do tratado asinado entre Exipto e Xordania o 30 de maio, o xeneral exipcio `Abd al-Majid Riyad, xefe do Estado maior do Mando Árabe Unido, fora enviado a Xordania e, de acordo coas cláusulas do pacto asinado, a Lexión Árabe xordana quedara baixo o seu mando, pudendo ademais influír nas decisións dos mandos militares e gobernantes xordanos.
Así, cando o rei Hussein de Xordania foi informado do comezo das hostilidades ás 8:50 horas (hora de Xordania, unha máis que en Israel) e dispúxose a comezar a súa ofensiva contra Israel, encontrouse con que Riyad xa tiña dadas ordes de carácter transcendental, entre as cales destacaba a destrución dos aeródromos israelís mediante o emprego da Real Forza Aérea Xordana, a artillaría e comandos. Tamén levou a cabo diversos movementos de tropas e concesións territoriais ás tropas doutros países árabes (Siria e Irak). Estas instrucións (e un discurso do rei por Radio Amman ás 9:30 horas) involucraron completamente a Xordania na guerra.
Ás 10:00 horas, dúas baterías de canóns Long Tom de 155 mm abriron fogo sobre Israel, unha sobre a periferia de Tel Aviv e outra sobre o aeródromo de Ramat David. Os comandantes destas unidades tiñan ordes de bombardear durante dúas horas tódolos obxectivos sinalados, que incluían bases militares e núcleos de poboación civís da estreita franxa central de Israel.
Ó pouco tempo, tanques e avións xordanos entraron en combate. Ás 11:50 horas, 16 avións de combate xordanos Hawker Hunter realizaron bombardeos cerca de Netanya, Kfar Sirkin e Kfar Saba, morrendo un civil e resultando feridos outros sete.
A ofensiva xordana foi o sinal para que entrara na guerra a Forza Aérea iraquí, a cal enviou tres avións a bombardear asentamentos israelís do val de Jezreel. Un bombardeiro Tupolev Tu-16 iraquí atacou a localidade de Afula, en Galilea (norte de Israel), antes de ser derrubado cerca do aeródromo de Meggido. 16 militares israelís morreron, a maioría cando o Tu-16 estrelouse.
Comezáronse a producir combates esporádicos en Xerusalén e arredores ás 9:30 horas (hora de Israel), que foron recruándose. Ó principio, os israelís, debido ás ordes de Moshe Dayan, que quería evitar unha segunda fronte mentres a loita contra Exipto non estivese asegurada, contivéronse, respondendo so con armas lixeiras e evitando danos a civís e ós Santos Lugares de Xerusalén.
Ás 11:15 horas, os ataques xordanos recruáronse, lanzando a Lexión Árabe xordana uns 6.000 obuses sobre Xerusalén Oeste e arredores, que afectaron a uns 900 edificios (incluíndo a Knesset - de hebreo a galego, Asemblea, o parlamento israelí- e a residencia do Primeiro Ministro) e a diversas instalacións militares. Así, Dayan autorizou a entrada en acción na Fronte Central.
Pouco antes das 12:30 horas, a Forza Aérea israelí atacou as bases aéreas xordanas de Mafraq e Amán. En nove minutos, ámbalas dúas bases quedaron inutilizadas, destruíndo varios Hawker Hunter; ás 13:10 h, os vinte Hunter restantes foron destruídos nun segundo ataque. Os israelís so perderon un aparato.
Tamén a oficina do rei Hussein no pazo Basman resultou destruída, e a Forza Aérea hebrea atacou á 40ª. Brigada. Foron destruídos varias ducias de tanques e camións que transportaban municións.
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Guerra dos Seis Días |
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.