Remove ads
Estado situado en Asia From Wikipedia, the free encyclopedia
A India (hindi: भारत), oficialmente a República da India (hindi: भारत गणराज्य), é un estado situado en Asia Meridional. É o sétimo país do mundo en superficie, o segundo máis poboado e a democracia máis poboada do mundo con máis de 1,2 miles de millóns de habitantes. Rodeado polo océano Índico ao sur, o mar de Arabia ao suroeste e a baía de Bengala ao sueste, a India conta cunha costa de 7 517 km de extensión.[1] Comparte fronteiras con Paquistán ao oeste;[nota 1] a China, o Nepal e Bután ao nordés; e Myanmar e Bangladesh ao leste. O Goberno da India tamén considera que comparte fronteiras con Afganistán, xa que considera toda Caxemira como parte do seu territorio, porén existe controversia ao respecto e a propia parte da fronteira afgá está controlada polo Estado de Paquistán. No océano Índico, a India atópase nas proximidades de Sri Lanka e as Maldivas, ademais as Illas Andaman e Nicobar comparten fronteira marítima con Tailandia e Indonesia. A súa capital é a cidade de Nova Deli.
Orixe da civilización do Val do Indo e rexión de históricas rutas comerciais e vastos imperios, o subcontinente indio foi sempre identificado pola súa riqueza comercial e cultural ó longo da súa extensa historia.[2] Nos seguintes milenios, comezaron a compoñerse as escrituras máis antigas asociadas ó hinduísmo. A estratificación social, baseada en castas, naceu no primeiro mileino BCE, e desenvolvéronse o budismo e o xainismo. As primeiras consolidacións políticas producíronse baixo os imperios Maurya e Gupta, os posteriores Reinos medios da India influíron culturas tan afastadas como as do Sueste asiático. Catro relixións de carácter global naceron neste territorio: o hinduísmo, o budismo, o xainismo e o sikhismo, ademais no primeiro milenio (EC) chegaron o xudaísmo, o zoroastrismo, o cristianismo e o islam, o que contribuíu á formación da diversa cultura da rexión. Gran parte do norte do país caeu baixo o Sultanato de Deli, e o sur uniuse baixo o Imperio Vijayanagara. A economía expandiuse no século XVII no Imperio mogol. Na metade do século XVIII, o subcontinente caeu baixo o goberno da Compañía Británica das Indias Orientais, e logo, a mediados do século XIX, directamente administrada polo Reino Unido. A finais do século XIX naceu un movemento nacionalista, que posteriormente, con Mahatma Gandhi, fíxose famoso pola súa resistencia non violenta e levou á independencia da India en 1947.
En 2016, unha enquisa en World Tourism rankings realizada pola World Tourism Organization das Nacións Unidas indicou que a nación é visitada, aproximadamente, por 14.6 millóns de turistas cada ano (2016), facendo que sexa o 8º país máis visitado en Asia-Pacífico.
En 2017, a economía india foi a sexta maior do mundo por PIB nominal e a terceira maior por paridade de poder adquisitivo.[3] A consecuencia das reformas económicas baseadas na economía de mercado en 1991, a India converteuse nunha das grandes economías de máis rápido crecemento,[4] sendo considerado un país recentemente industrializado. Porén, segue a lidar cos desafíos da pobreza,[5] a corrupción, a malnutrición, a desaxeitada sanidade pública e o terrorismo. A nivel militar, é un Estado posuidor de armas nucleares e está considerado unha potencia rexional, tendo ademais o segundo exército con máis tropas do mundo e sendo o quinto en gasto militar. A nivel político é unha república constitucional federal gobernada baixo un sistema parlamentario que consiste de 28 estados e 7 territorios da unión. A India é amplamente recoñecida pola súa desenvolvida industria do cine, a súa rica cociña e a exuberante vida salvaxe e vexetación. É unha sociedade plural, plurilingüística e multi-étnica. É, ademais, fogar dunha gran diversidade de vida silvestre e espazos naturais protexidos.
O nome India deriva de Indus, que á súa vez deriva da palabra Hinduš, en persa antigo. Do sánscrito Sindhu, a denominación local histórica para o río Indo.[6] Os gregos clásicos referíanse aos indios como Indoi (Ινδοί), pobos do Indo.[7]
A Constitución da India e o uso común en varias linguas indias igualmente recoñecen Bharat como nome oficial de igual status.[8] É unha modernización do nome histórico Bharatavarsha, que gañou apoios dende o século XIX ata os nosos días como un nome nativo da India.[9] Os estudosos cren que o nome débese á tribo védica dos Bharatas no Punjab no segundo milenio antes de Cristo.[10] Con todo, tradicionalmente, está asociado co reinado do lendario emperador Bharata.[11] Gaṇarājya (literalmente, Estado da xente) é o termo sánscrito/hindi para "república" que se remonta a tempos antigos.[12][13][14]
Indostán, que é a palabra persa para a “terra dos hindús” e historicamente referida ao norte da India, é tamén empregada ocasionalmente como sinónimo para toda a India.[15] Este nome da India data do terceiro século antes de Cristo e foi introducida polos mogois e foi amplamente empregado dende aquela. O seu significado varía, referíndose a unha rexión que comprende o norte da India e Paquistán, ou a India na súa totalidade.[9][16][15]
Os primeiros restos de humanos anatomicamente modernos encontrados en Asia Meridional datan de hai aproximadamente 30 000 anos.[17] Encontráronse sitios arqueolóxicos con arte rupestre do período Mesolítico en moitas partes do subcontinente indio, como nos abrigos na Rocha de Bhimbetka, en Madhya Pradesh.[18] Por volta do 7000 a. C. apareceron os primeiros asentamentos neolíticos no subcontinente en lugares como Mehrgarh e outros no Paquistán occidental.[19] Estes lugares gradualmente desenvolveron a civilización do val do Indo,[20] a primeira cultura urbana da Asia Meridional.[21] Centrada en torno a cidades como Mohenjo-daro, Harappa, Dholavira e Kalibangan, e contando con variadas formas de subsistencia, a cultura desenvolveu unha produción robusta de artesanía e un amplo comercio.[22]
Durante o período de 2000-500 a. C., culturas de moitas rexións do subcontinente fixeron a transición do Calcolítico á Idade de Ferro.[23] Os Vedas, as escrituras máis antigas do hinduísmo,[24] foron compostos durante ese período[25] e os historiadores teñen conectado os textos á cultura védica, localizada na rexión do Punjab e na planicie Indo-Ganxética.[23] A maioría dos historiadores tamén considera que este período abrangueu varias ondas migratorias indoarias no subcontinente, de norte a oeste.[26][24][27] O sistema de castas, que creou unha xerarquía de sacerdotes, guerreiros e campesiños libres, mais excluíu aos pobos indíxenas ao cualificar as súas ocupacións como "impuras", xurdiu durante este período.[28] Sobre a meseta do Decán, as evidencias arqueolóxicas deste período suxiren a existencia dun estrato patriarcal de organización política.[23] No sur da India, a progresión cara á vida sedentaria apréciase polo gran número de monumentos megalíticos que datan deste período, así como por vestixios de agricultura, tanques de irrigación e de tradicións de artesanía.[29]
No período védico, por volta do século V a. C., as pequenas tribos da planicie do Ganxes e de rexións do noroeste consolidáranse en 16 grandes oligarquías e monarquías que eran coñecidas como os mahajanapadas.[30][31] A urbanización crecente e as ortodoxias desta época tamén crearon os movementos de reforma relixiosa do budismo e do xainismo,[32] os cales se tornarían relixións independentes.[33] O budismo, con base nas ensinanzas de Siddhartha Gautama, atraeu seguidores de todas as clases sociais, exceptuando a clase media; as narracións da vida de Buda foron fundamentais para o inicio do rexistro da historia india.[32][34][35] O xainismo conseguiu gran prominencia na mesma época durante a vida do seu "Grande Heroe", Mahavira.[36] Nunha época de crecente riqueza urbana, ambas relixións propuxeron a renuncia aos bens materiais como un ideal[37] e estabeleceron mosteiros de longa duración.[30] Politicamente, por volta do século III a. C., o Reino de Magadha tiña anexionado ou reducido a outros estados para emerxer como o Imperio Maurya.[30] Pensouse que ese imperio controlou a maior parte do subcontinente exceptuando o extremo sur, mais agora pénsase que as súas rexións centrais estaban separadas por grandes áreas autónomas.[38][39] Os reis maurias son coñecidos tanto pola construción do seu imperio e determinación na xestación da vida pública, como pola renuncia de Asoca, o Grande (r. 273-232 a. C.), do militarismo e da súa promoción do dharma budista.[40][41]
A literatura sangan, escrita en támil, revela que entre o ano 200 a. C. e o 200 d. C. o sur da península estaba sendo gobernado polas dinastías Cheras, Cholas e Pandias, que comerciaban intensamente co Imperio Romano e co suroeste e o sueste de Asia.[42][43] Nese período o territorio do país tamén se tornou parte da Ruta da Seda, unha rede de rutas comerciais que unía o Extremo Oriente con Europa. Por esas estradas os comerciantes indios vendían tecidos e especias a mercados de Asia Central, mentres que monxes e peregrinos budistas viñan de China, ata o período das Grandes Navegacións, cando se crearon ligazóns comerciais marítimas entre Occidente e Oriente.[44] No norte da India, o hinduísmo afirmou o control patriarcal familiar, o que levou ao aumento da subordinación das mulleres.[45][30] Ata os séculos IV e V, o Imperio Gupta creara un complexo sistema fiscal e de administración nas grandes planicies do Ganxes, que se tornou un modelo para reinos indios posteriores.[46][47] Baixo os gobernos dos Guptas, un hinduísmo renovado baseado na devoción en lugar da xestión ritual comezou a asentarse.[48] A renovación reflectiuse nun florecemento da escultura e a arquitectura, que encontrou patróns entre a elite urbana.[47] A literatura sánscrita clásica floreceu e a ciencia, astronomía, medicina e matemática indias experimentaron avances significativos.[47]
A idade media india, vai dende o 600 ata o 1200, e caracterízase polos reinos rexionais e pola diversidade cultural.[49] Cando o emperador Harsha (r. 606-647) de Kannauj, que gobernou gran parte da planicie do Ganxes entre o 606 ata o 647, tentou expandir o seu territorio cara ao sur, foi derrotado polo gobernante Chaluca do Decán. O seu sucesor, no intento de expandirse cara ao leste, foi derrotado polo rei Pala de Bengala. Cando os Chalucas tentaron expandirse cara ao sur foron derrotados polos Palavas, que pola súa banda opúñanse aos Pandias e aos Cholas, de aínda máis ao sur.[50] Ningún gobernante dese período foi quen de crear un imperio unificado e os territorios baixo o seu control xeralmente non pasaban moito máis aló da súa rexión central.[49] Durante este tempo, pobos de pastoreo cuxas terras tiñan sido liberadas para abrir o camiño á crecente economía agrícola foron acomodados dentro do sistema de castas, así como as novas clases dominantes non tradicionais. O sistema de castas, consecuentemente, comezou a mostrar as diferenzas rexionais.[51]
Nos séculos VI e VII, creáronse os primeiros himnos devocionais en lingua támil. Estes foron imitados por toda a India e levaron ao rexurdimento do hinduísmo e ao desenvolvemento de todas as linguas modernas do subcontinente.[52] A realeza india, grande e pequena, e os templos por ela frecuentados, atraeron a gran número de cidadáns ás principais cidades, que se tornaron tamén importantes centros económicos. Templos en cidades de distintos tamaños comezaron a aparecer en todos os lugares ao mesmo tempo en que a India atravesaba outra era de urbanización.[53] Nos séculos VIII e IX, os efectos diso sentíronse no Sueste Asiático, conforme os sistemas culturais e políticos do sur da India eran exportados a terras que se converterían en parte dos actuais Myanmar, Tailandia, Laos, Camboxa, Vietnam, Malaisia e Xava (Indonesia). Comerciantes, estudosos e ás veces exércitos indios envolvéronse nesta transmisión cultural; os asiáticos do sueste do continente tamén tomaron a iniciativa e organizaron moitas peregrinacións aos seminarios indios, amais de teren traducido os textos budistas e hindús aos seus respectivos idiomas.[54]
Despois do século X, clans nómades musulmáns do centro de Asia empregaron cabalaría de guerra e organizaron grandes exércitos unidos pola etnia e a relixión para invadir repetidamente as planicies do noroeste da Asia Austral, levando á creación do islámico Sultanato de Deli en 1206.[55] O sultanato controlou gran parte do norte da India e realizou moitas incursións ao sur do subcontinente. Aínda que era inquietante para as elites indias, o sultanato deixou a gran poboación non musulmá suxeita ás súas propias leis e costumes.[56][57] Ao repeler repetidamente os invasores mongois no século XIII, o sultanato salvou a India da devastación experimentada pola Asia Central e Occidental, creando o escenario para séculos de migracións de soldados, homes instruídos, místicos, comerciantes, artistas e artesáns que marcharan daquelas rexións cara ao subcontinente indio, creando así unha cultura indo-islámica sincrética no norte do país.[58][59] A invasión do sultanato e a debilitación dos reinos da rexión do sur da India abriron o camiño ao Imperio de Bisnaga.[60] Abrazando unha forte tradición shivaísta e construído sobre a tecnoloxía militar do sultanato, o imperio pasou a controlar a maior parte da India peninsular[61] e foi influente na sociedade do sur do país durante moito tempo.[60]
A principios do século XVI, o norte da India, na época baixo dominio principalmente musulmán,[62] caeu novamente fronte a superioridade da mobilidade e do poder de fogo dunha nova xeración de guerreiros de Asia Central.[63] O posterior Imperio mogol non erradicou as sociedades locais que pasou a gobernar, mais equilibrounas e pacificounas a través de novas prácticas administrativas[64][65] e de elites dominantes diversas e inclusivas,[66] levando a unha lei máis sistemática, centralizada e uniforme por todo o imperio.[67] Evitando a súa identidade tribal e islámica, especialmente durante o goberno de Akbar, o Grande (r. 1556-1605), os mogois uniron os seus reinos distantes a través da lealdade, expresada a través dunha cultura influenciada por Persia e dun emperador que tiña importancia case divina.[66] As políticas económicas do Estado mogol tomaban a maior parte dos ingresos do imperio do sector agrícola[68] e determinaron que os impostos debían ser pagos en moedas de prata oficiais,[69] o que provocou a entrada de campesiños e artesáns en mercados maiores.[67] A relativa paz mantida polo imperio durante gran parte do século XVII foi un dos factores que axudaron á expansión económica da India nese período,[67] o que resultou nun aumento nos investimentos en pintura, amais de obras literarias, téxtiles e de arquitectura.[70] Novos grupos sociais homoxéneos no norte e no oeste da India, como os marathi, os rajputs e os sikhs, gañaron ambicións militares e de goberno durante o dominio mogol, que, a través da colaboración ou da adversidade, deulles recoñecemento e experiencia militar. A expansión do comercio durante o goberno mogol deu orixe a novas elites comerciais e políticas ao longo das costas do sur e do leste do país.[71] A medida que o imperio se desintegrou, moitas desas elites foron capaces de manter os seus negocios baixo control.[72]
En 1498 o navegante portugués Vasco da Gama chegou a Kozhikode, na costa occidental do subcontinente indio, o marco inicial dunha relación luso-india que duraría cerca de 500 anos.[73] En 1510, o explorador portugués Afonso de Albuquerque ampliou os territorios portugueses coa conquista de Goa, que rapidamente se tornaría a capital do Estado Portugués da India (unha entidade política que formaba parte do Imperio Portugués). A India Portuguesa, como era coñecida a colonia lusitana, inicialmente abranguía todos os territorios conquistados polos portugueses no océano Índico, mais despois restrinxiuse á Costa do Malabar, en territorios como Goa, Daman, Diu, Ilha de Anjadip, Dadra e Nagar Haveli, Simbor e Gogolá.[74] A principios do século XVIII, coa liña entre a dominación comercial e política cada vez máis tenue, unha serie de empresas comerciais europeas, como a Compañía Británica das Indias Orientais, estableceran postos nas rexións costeiras do país.[75][76] O control dos mares, maiores recursos, adestramento militar e tecnoloxía máis avanzados levaron á Compañía Británica das Indias Orientais a flexionar cada vez máis a súa forza militar e facer iso atractivo a unha parcela da elite india; eses dous factores foron cruciais para permitir que a Compañía Británica gañase o control sobre a rexión de Bengala en 1765 e marxinara ás outras empresas europeas concorrentes[77][75][78][79] O maior acceso ás riquezas de Bengala e o conseguinte aumento da forza e do tamaño do seu exército permitiron á Compañía das Indias Orientais anexar ou subxugar a maior parte do subcontinente indio durante os anos 1820.[80] Entón a India deixou de exportar ben manufacturados e, no seu lugar, pasou a abastecer ao Imperio Británico con materias primas. Ese momento é considerado por moitos historiadores como o inicio do período colonial no país.[75] Nesa época, co seu poder económico fortemente restrinxido polo parlamento británico, a Compañía comezou a entrar máis conscientemente en áreas non económicas, como educación, reforma social e cultura.[81]
Os historiadores consideran que a idade contemporánea da India comezou nalgún momento entre 1848 e 1885. O nomeamento en 1848 de James Broun-Ramsay, Lord Dalhousie, como gobernador xeral da Compañía das Indias Orientais preparou o escenario para alteracións esenciais na transición do país a un Estado moderno. Estes cambios incluíron a consolidación e a demarcación da soberanía, o control da poboación e a educación dos cidadáns. Cambios tecnolóxicos —como o ferrocarril, as canles e o telégrafo— foron introducidos no país non moito tempo despois da súa introdución en Europa.[82][83][84][85] No entanto, a insatisfacción coa Compañía tamén creceu durante este período e definiu a Revolta dos Sipais, en 1857. Alimentada por diversos resentimentos e percepcións entre a poboación, como as invasivas reformas sociais ao estilo británico, altos impostos sobre propiedades e o tratamento dalgúns príncipes e agricultores ricos, a revolta afectou a moitas rexións do norte e do centro da India e sacudiu os alicerces do goberno da Compañía.[86][87] Aínda que a rebelión foi reprimida en 1858, esta levou á disolución da Compañía das Indias Orientais, e a administración da India pasou a ser exercida directamente polo goberno británico. Amais de proclamaren un Estado unitario e un sistema parlamentarista limitado, inspirado polo parlamento británico, os novos gobernantes tamén protexeron a príncipes e aristócratas como unha salvagarda contra unha posible axitación feudal futura.[88][89] Nas décadas seguintes, a vida pública emerxeu gradualmente en toda a India, levando á fundación do partido Congreso Nacional Indio, en 1885.[90][91][92][93]
A carreira tecnolóxica e a comercialización da agricultura na segunda metade do século XIX estivo marcada por moitos contratempos económicos —moitos pequenos produtores fixéronse dependentes dos caprichos de mercados distantes.[94] Houbo un aumento no número de fames[95] e, malia os riscos do desenvolvemento dunha infraestrutura soportada polos contribuíntes indios, xerouse pouco emprego industrial para a poboación.[96] Houbo tamén efectos positivos: os cultivos comerciais, especialmente na rexión recentemente canalizada do Punjab, levaron a un aumento da produción de comida para o consumo interno.[97] A rede ferroviaria, desde o alivio da fame, axudou a reducir o custo dos bens mobles e axudou á nacente industria india.[98][97]
Despois da primeira guerra mundial, onde algúns milleiros de indios serviran,[99] comezou un novo período. Esta nova etapa estivo marcada por reformas británicas, mais tamén por unha lexislación máis represiva; polas reivindicacións cada vez máis sonoras da poboación india pola independencia e polo comezo dun movemento non violento de non cooperación, do cal Mohandas Karamchand Gandhi se convertería en líder e símbolo de resistencia.[100] Durante os anos da década de 1930, os británicos promulgaron unha lenta reforma lexislativa e o Congreso Nacional Indio saíu vitorioso nas eleccións seguintes.[101] A década posterior estivo chea de crises: a participación india na segunda guerra mundial, o pulo final do Congreso cara á non cooperación cos británicos e unha onda de nacionalismo musulmán. Todos foron coroados coa chegada da independencia en 1947, mais ao custo dunha sanguenta división do subcontinente en dous Estados: India e Paquistán.[102]
Vital para a autoimaxe da India como unha nación independente foi a súa constitución, concluída en 1950, que colocou no lugar da antiga colonia británica unha república secular e democrática.[103] Nos 60 anos seguintes, a India tivo un historial mixto de éxitos e fracasos.[104] Mantívose unha democracia con liberdades civís, unha Corte Suprema activista e unha prensa, en gran parte independente.[104] A liberalización económica, que se iniciou na década de 1990, creou unha gran clase media urbana e transformou a India nunha das economías de máis rápido crecemento do mundo, o que aumentou a influencia xeopolítica do país. Filmes, música e ensinanzas espirituais indias desempeñan un papel cada vez maior na cultura mundial.[104] No entanto, o país tamén ten sido oprimido por unha pobreza aparentemente inflexible, tanto no medio rural como no urbano;[104] pola violencia relixiosa e entre castas;[105] por grupos insurxentes de inspiración maoísta chamados naxalitas;[106] e polo separatismo en Jammu e Caxemira e no nordeste do país.[107] O país ten disputas territoriais non resoltas coa República Popular da China, que se deterioraron ata a Guerra sino-india de 1962;[108] e co veciño Paquistán, en guerras libradas en 1947, 1965, 1971 e 1999.[108] A rivalidade nuclear entre a India e Paquistán saíu á luz en 1998.[109] As liberdades democráticas sustentadas na India son únicas entre as novas nacións do mundo; no entanto, a pesar dos seus éxitos económicos recentes, a liberdade da súa poboación desfavorecida continúa a ser un obxectivo a ser alcanzado.[110]
A India ocupa a maior parte do subcontinente indio, que está situado sobre a placa tectónica da India, unha placa tectónica que forma parte da placa indoaustraliana.[111]
A placa orixinal india correspóndese hoxe co subcontinente indio, sendo tamén a parte máis antiga e estable da India, que se estende desde o norte, coas cordilleiras Satpura e Vindhya no centro. Estas cordilleiras paralelas van desde a costa do mar Arábigo, no estado de Gujarat, ata a meseta de Chota Nagpur, no estado de Jharkhand.[112] No sur, a meseta do Decán contén á esquerda e á dereita os Ghats Occidentais e Orientais;[113] a meseta contén as formacións rochosas máis antigas do territorio, algunhas con máis de mil millóns de anos de antigüidade. Os puntos extremos do país localízanse a 6° 43' e 39° 26' de latitude norte[nota 2] e 68°7' e 89°25' de lonxitude leste.[114]
A India ten 7 517 quilómetros de litoral; destes, 5 423 pertencen ao subcontinente indio e 2 094 aos arquipélagos de Andaman e Nicobar e Laquedivas. A costa india ten un 43% de praias areosas, un 11% de costas rochosas (incluíndo cantís) e un 46% de marismas ou costas pantanosas.[1] A India posúe dous arquipélagos: Laquedivas, atois de corais na costa suroeste india, e as illas de Andaman e Nicobar, cadeas de illas volcánicas no mar de Andaman.[115]
Os procesos xeolóxicos que definiron a actual situación xeográfica da India comezaron hai uns setenta e cinco millóns de anos, cando o subcontinente indio, entón parte do supercontinente meridional de Gondwana, desprendeuse do mesmo e se desprazou cara ao nordeste lentamente a través do que posteriormente se convertería no océano Índico.[111] A subseguinte colisión do subcontinente contra a placa eurasiática e a subdución baixo esta, orixinou a maior elevación da superficie terrestre: a cadea do Himalaia, agora situada no norte e nordeste da India.[111] No primitivo estrato mariño sito ao sur do emerxente Himalaia, os movementos da placa crearon unha vasta bacía, que foi paulatinamente reenchida polos sedimentos depositados polos ríos,[116] dando lugar á actual chaira indo-ganxética.[117] A oeste desta chaira encóntrase o deserto do Thar, separado pola cordilleira Avarali.[118]
Unha parte do territorio dos estados do norte e do nordeste da India está localizada no macizo do Himalaia. O resto da India setentrional, central e oriental está ocupada pola zona fértil da gran chaira indo-ganxética. Na parte occidental, limitando con Paquistán suroriental, áchase o deserto de Thar. A India meridional componse, case enteiramente, da meseta peninsular do Decán, que está flanqueada por dous macizos litorais de relevo accidentado, os Ghats Occidentais e os Ghats Orientais. Estes son os terreos máis antigos da India, como parte subsistente do antigo Gondwana. A India posúe ademais tres arquipélagos: as illas Laquedivas, sitas ao longo da costa do suroeste; o cordal volcánico da illas de Andaman e de Nicobar no sueste, e as illas Sunderbans no delta do Ganxes, en Bengala occidental.
A situación da India na converxencia das placas india e eurasiática posibilitaron a formación de grandes elevacións ao norte do país, na cordilleira do Himalaia. A India conta con catro elevacións por riba dos 7 000 metros sobre o nivel do mar, todos eles no Himalaia. Outros sistemas montañosos do país son os Ghats Occidentais e Orientais ao sur do país, os montes Aravalli no noroeste, os Patkai, e os Vindhya e Satpura no centro do país. A seguinte táboa mostra as dez montañas máis altas da India:[119]
Posición | Nome | Altitude | Estado | Posición | Nome | Altitude | Estado |
---|---|---|---|---|---|---|---|
1 | Kanchendzonga | 8586 | Sikkim | 6 | Saramati | 3841 | Nagaland |
2 | Nanda Devi | 7817 | Uttarakhand | 7 | Sandakphu | 3636 | Bengala Occidental |
3 | Saltoro Kangri | 7742 | Jammu e Caxemira | 8 | Khayang | 3114 | Manipur |
4 | Kangto | 7090 | Arunachal Pradesh | 9 | Anamudi | 2695 | Kerala |
5 | Reo Purgyil | 6816 | Himachal Pradesh | 10 | Dodda Betta | 2636 | Tamil Nadu |
Os principais ríos da India teñen a súa orixe na cordilleira do Himalaia, coma o Ganxes e o Brahmaputra, que desembocan no golfo de Bengala.[120] Entre os afluentes máis importantes do Ganxes encóntranse os ríos Yamuna e o Kosi, cuxa pendente extremadamente baixa provoca inundacións catastróficas case todos os anos. Os ríos peninsulares máis importantes cuxas pendentes evitan inundacións son o Godavari, o Mahanadi, o Kaveri e o Krishna, que tamén desembocan no golfo de Bengala;[121] e os ríos Narmada e Tapti, que desembocan no mar Arábico.[122] Na costa oeste, encóntranse tamén os pantanos do Rann de Kutch, mentres que no leste localízase a área protexida de Sundarbans, que a India comparte con Bangladesh.[123]
O país está atravesado por grandes ríos e regatos numerosos, a salientar: o Ganxes, o Brahmaputra, o Yamuna, o Godâvarî, o Narmada, o Mahanadi, o Kaveri e moitos outros. A seguinte táboa mostra os cinco ríos máis longos da India:[124]
Posición | Nome | Lonxitude (km) | Desembocadura |
---|---|---|---|
1 | Indo | 2900 | Mar Arábigo |
2 | Brahmaputra | 2900 | Golfo de Bengala |
3 | Ganxes | 2510 | Golfo de Bengala |
4 | Godavari | 1450 | Golfo de Bengala |
5 | Narmada | 1290 | Mar Arábigo |
|
Un país tan extenso non ten un clima único. Os climas da India varían desde o clima tropical no sur a outros máis temperados no norte, ao pé do Himalaia, onde nas zonas montañosas se rexistran caídas continuadas de neve durante o inverno.
O clima da India está fortemente influenciado polo Himalaia e polo deserto de Thar, os cales favorecen o desenvolvemento de Monzóns.[125] O Himalaia e as montañas do Hindu Kush, en Paquistán, fan de pantalla fronte os ventos catabáticos fríos vidos desde Asia Central, impedíndolles penetrar até o subcontinente indio, o que fai que este conserve a calor a maior parte do ano, ao contrario do que sucede na maior parte das rexións situadas á súa mesma latitude.[126][127] O cálido deserto de Thar, pola súa banda, desempeña un papel fundamental atraendo os ventos húmidos do monzón dende o suroeste, entre xuño e outubro, sendo responsábel de boa parte das precipitacións caídas na India.[125] As zonas climáticas principais que predominan no territorio indio son o tropical húmido, tropical semihúmido e o subtropical húmido.[128]
A India atópase na ecorexión Indomalaia. No seu territorio encóntrase tres puntos a conservar da biodiversidade global: as partes indias das biorrexións do himalaia e do Indo-Burma, e da rexión costeira índica dos Gates Occidentais e Sri Lanka.[129][130][131] Acollendo o 7,6% de todos os mamíferos, o 12,6% de todas as aves, o 6,2% de todos os réptiles, o 4,4% de todos os anfibios, o 11,7% de todos os peixes e o 6% de todas as espermatófitas do mundo, a India é un dos dezaoito países megadiversos.[132] En moitas rexións indias existen altos niveis de endemismo; en xeral, o 33% das especies indias son únicas desa rexión.[133][134]
Os bosques da India varían de selvas nas illas Andaman, Gates Occidentais e noroeste indio, ata bosque temperado de coníferas do Himalaia. Entre eses extremos encóntranse os bosques caducifolios da India Oriental; o bosque caducifolio no centro-sur e o bosque xerófito do Decán central e a planicie occidental do Ganxes.[135] Estímase que menos do 12% da masa da India continental está cuberta por densos bosques.[136]
Moitas especies da India teñen a súa orixe evolutiva en taxons que habitaban Gondwana, da cal a placa tectónica india se separou hai arredor de 100 millóns de anos. O movemento posterior da placa do subcontinente indio e a súa colisión coa masa de terra de Laurasia deu inicio a un intercambio masivo de especies. O período de vulcanismo e os cambios climáticos rexistrados hai 20 millóns de anos provocaron unha extinción masiva de especies orixinarias de Gondwana.[137] Os mamíferos inmigraron ao subcontinente desde Asia a través de dous pasos zooxeográficos en ambos os dous lados emerxentes do Himalaia.[135] En consecuencia, apenas o 12,6% dos mamíferos e o 4,6% das aves son especies endémicas, en contraste co 45,8% dos réptiles e o 55,8% de anfibios endémicos.[132] Na India existen 172 especies ameazadas, o 2,9%.[138] Entre elas encóntranse o león asiático, o tigre de Bengala e o voitre dorsibranco bengalí (Gyps bengalensis), que está case ameazado de extinción debido á inxestión de carne de gando tratada con diclofenaco.[139]
Nas últimas décadas as importantes migracións humanas e o seu alto impacto nos ecosistemas locais supoñen unha ameaza a moitas especies salvaxe da India. Como resposta, o sistema de áreas protexidas e parques nacionais, establecido por primeira vez en 1935, foi ampliado considerablemente. En 1970 o goberno indio decretou a Lei de Protección da Vida Salvaxe[140] e o "Proxecto Tigre", para protexer o hábitat desta especie animal, amais de en 1980 ter sido decretada a Lei de Conservación dos Bosques.[141] A India ten máis de cincocentos santuarios de vida salvaxe e trece reservas da biosfera,[142] catro das cales forman parte da Rede Mundial de Reservas da Biosfera. 25 zonas húmidas están rexistradas na Convención sobre as Zonas Húmidas.[143]
A India é unha democracia parlamentaria. O presidente é escollido indirectamente por un colexio electoral para un mandato de 5 anos. O poder executivo pertence ao primeiro ministro.
O Parlamento ten dúas cámaras: Rajya Sabha (Senado) con 250 membros, e o Lok Sabha ("Casa do Pobo", equivalente a unha cámara de deputados), con 545 membros.
A India é a democracia máis populosa do mundo.[144] O país é unha república parlamentaria cun sistema multipartidario[145] con seis partidos nacionais acreditados, como o Partido do Congreso Nacional Indio (en inglés Indian National Congress - INC, ou simplemente Congreso) e o Bharatiya Janata Party (BJP), amais de 40 partidos rexionais.[146] O Partido do Congreso é considerado de centro-esquerda ou "liberal" dentro da cultura política india, mentres que o BJP é de centro-dereita ou "conservador". Durante a maior parte do período comprendido entre 1950 —cando a India se tornou unha república por primeira vez— e o final dos anos 1980, o Congreso mantivo a maioría no parlamento indio. Desde aquela, no entanto, o partido cada vez divide máis o escenario político co BJP[147] e con poderosos partidos rexionais que moitas veces forzan a creación de coalicións multipartidarias.[148]
Nas tres primeiras eleccións xerais da República da India —en 1951, 1957 e 1962— o Congreso, liderado por Jawaharlal Nehru, tivo unha serie de vitorias doadas. Coa morte de Nehru en 1964, Lal Bahadur Shastri tornouse rapidamente o primeiro ministro; que foi sucedido, logo da súa inesperada morte en 1966, por Indira Gāndhi, que levou ao Partido do Congreso a vitorias electorais en 1967 e 1971. Logo do descontento público causado pola declaración de estado de excepción en 1975 pola primeira ministra, o Congreso perdeu as eleccións en 1977; e o entón novo Partido Janata, que se opuña ao estado de excepción, gañou e o seu goberno durou pouco máis de tres anos. Ao volver ao poder en 1980, o Congreso viu un cambio no seu liderado en 1984, cando Indira Gāndhi foi asasinada e foi sucedida polo seu fillo, Rajiv Gandhi, que conquistou unha vitoria fácil nas eleccións xerais ao final dese mesmo ano. O Congreso foi elixido de novo en 1989, cando a coalición da Fronte Nacional, liderada polo Janata Dal (un partido recentemente creado), nunha alianza coa Fronte de Esquerda, venceu as eleccións; ese goberno tamén foi relativamente curto, xa que durou pouco menos de dous anos.[149] En 1991 tiveron lugar novas eleccións, mais ningún partido obtivo a maioría absoluta no parlamento. O Congreso, no entanto, por ser o maior partido do país, conseguiu formar un goberno de minoría liderado por P. V. Narasimha Rao.[150]
Entre 1996 e 1998, houbo un forte período de axitación no goberno federal con varias alianzas de curta duración, tentando estabilizar o país. O BJP chegou brevemente ao poder en 1996, seguido por unha coalición de Fronte Unida que excluíu tanto ao BJP como ao INC. En 1998, o BJP e outros partidos menores formaron a Alianza Democrática Nacional, que conseguiu a vitoria e se converteu no primeiro goberno non congresista en gobernar o país durante unha lexislatura completa de cinco anos.[151] Nas eleccións xerais de 2004, o INC gañou a maioría das cadeiras no Lok Sabha (cámara baixa do parlamento) e formou un goberno de coalición denominado Alianza Progresista Unida (United Progressive Alliance, UPA), apoiada por diversos partidos de esquerda e membros de oposición ao BJP. A UPA chegou novamente ao poder nas eleccións xerais de 2009, entre tanto, a representación dos partidos de esquerda dentro da coalición foi reducida de modo significativo,[152] Manmohan Singh converteuse no primeiro ministro, sendo reelixido despois de completar un mandato de cinco anos desde as eleccións de 1962, onde Jawaharlal Nehru fora elixido no seu cargo.[153]
Nas eleccións xerais de 2014, o BJP converteuse no primeiro partido político dende 1984 en gañar a maioría e gobernar sen o apoio doutros partidos.[154] O Primeiro Ministro da India é Narendra Modi, que anteriormente fora Ministro Xefe de Gujarat. O 20 de xullo de 2017, Ram Nath Kovind foi nomeado o 14º Presidente da India e xurou o cargo o 25 de xullo de 2017.[155][156][157]
A Constitución da India, maior que a de calquera outra nación do mundo, entrou en vigor o 26 de xaneiro de 1950.[158] O seu preámbulo define á India como unha república soberana, secular e democrática.[159] O Parlamento da India é bicameral, rexido polo sistema Westminster. A súa forma de goberno foi tradicionalmente descrita como "case federalista", cunha forte tendencia á centralización, tendo os estados relativamente pouco poder.[160] Desde finais da década de 1990, o federalismo ten medrado cada vez máis, como resultado de cambios políticos, sociais e económicos.[161][162]
O poder executivo recae sobre o presidente da India, que é o xefe de estado,[163] e é elixido indirectamente por un colexio electoral[164] para un mandato de cinco anos.[165][166] O primeiro ministro é o xefe de goberno e exerce a maioría das funcións do poder executivo.[163] Nomeado polo presidente,[167] o primeiro ministro é xeralmente próximo ao partido ou alianza política que conte coa maioría dos asentos da cámara baixa do parlamento.[163] O poder executivo consiste no presidente, o vicepresidente, o consello de ministros (sendo o gabinete o seu comité executivo), encabezado polo primeiro ministro. Calquera ministro do consello debe ser membro de calquera cámara parlamentaria. No sistema parlamentarista indio, o poder executivo está subordinado ao poder lexislativo, o primeiro ministro e o seu consello son directamente vixiados pola cámara baixa do parlamento.[168]
O poder lexislativo da India está representado polo parlamento bicameral, que consiste na cámara alta, chamada Rajya Sabha (consello dos estados) e a cámara baixa, chamada Lok Sabha (consello do pobo).[169] A Rajya Sabha é un órgano permanente, que conta con 245 membros que ocupan o cargo durante un período de seis anos.[170] A maioría deles son elixidos indirectamente polas lexislaturas estatais e territoriais, mediante representación proporcional.[170] Dos 545 membros do Lok Sabha, 543 son elixidos directamente polo voto popular para representar a determinados grupos sociais por un período de cinco anos.[170] Os outros dous membros son nomeados polo presidente entre a comunidade anglo-india.[170]
A India conta cun poder xudicial de tres niveis, que consisten na Corte Suprema de Xustiza, encabezada polo xefe de xustiza, 21 tribunais superiores e un gran número de tribunais de primeira instancia.[171] A Corte Suprema é un tribunal de primeira instancia para casos relacionados cos dereitos humanos fundamentais e un tribunal de apelación por riba dos tribunais superiores.[172] É xudicialmente independente,[171] tendo o poder de declarar e elaborar leis e revogar leis nacionais ou estatais que violen a constitución.[173] A función de último intérprete da Constitución é unha das funcións máis importantes da Corte Suprema.[174]
Desde a súa independencia en 1947, a India mantén relacións cordiais coa maioría das nacións. Na década de 1950, apoiou fortemente a descolonización de África e de Asia, e desempeñou un papel de líder no Movemento de Países Non Aliñados.[175] A finais da década de 1980, o exército indio interveu dúas veces no exterior, por invitación de países veciños: unha operación de paz en Sri Lanka entre 1987 e 1990 e unha intervención armada para impedir unha tentativa de golpe de Estado nas Maldivas. A India ten relacións moi tensas co seu veciño Paquistán; as dúas nacións xa entraron en guerra catro veces: en 1947, 1965, 1971 e 1999. Tres desas guerras tiveron lugar no territorio disputado de Caxemira, mentres que a cuarta, en 1971, comezou despois do apoio da India á independencia de Bangladesh.[176] Despois de finalizar a guerra sino-india en 1962 e a guerra con Paquistán en 1965, a India estreitou os seus lazos militares e económicos coa Unión Soviética; a finais dos anos 1960, os soviéticos eran os maiores fornecedores de armas da India.[177]
Amais das súas actuais relacións estratéxicas con Rusia, a India mantén relacións de defensa de grande alcance con Israel e Francia. Nos últimos anos, ten desempeñado un papel clave na Asociación Surasiática para a Cooperación Rexional (SAARC) e na Organización Mundial do Comercio. A India puxo a 100 000 militares e policías a disposición para 35 misións de paz da Organización das Nacións Unidas (ONU) en catro continentes. O país participa na Cúpula do Leste Asiático, o G8+5 e noutros foros multilaterais.[178] A India ten estreitos lazos económicos con América do Sur, Asia e África. Desde 1991 segue a política "Look East" ("mirar a oriente"), que ten como obxectivo fortalecer as relacións cos países da Asociación de Nacións do Sueste Asiático (ASEAN), o Xapón e Corea do Sur, e que xira en torno a moitas cuestións, mais especialmente aquelas que implican o investimento económico e a seguridade rexional.[179][180]
O test nuclear de 1964, realizado pola China, e as repetidas ameazas do goberno chinés de intervir en apoio a Paquistán na guerra de 1965, convenceron á India para desenvolver armas nucleares.[181] O país realizou o seu primeiro test nuclear en 1974 e realizou máis tests subterráneos en 1998. A pesar das críticas e sancións militares, a India non asinou o Tratado de Prohibición Completa de Ensaios Nucleares, nin o Tratado de Non Proliferación de Armas Nucleares, por considerar os acordos con defectos e discriminatorios.[182] O país mantén a política nuclear de "non usar primeiro" (en inglés no first use) e está desenvolvendo unha capacidade tríade nuclear, como parte da súa doutrina de "disuasión crible mínima".[183][184] O goberno indio está desenvolvendo un escudo de mísiles balísticos de defensa e, coa colaboración de Rusia, dun avión caza de quinta xeración.[185] Outros proxectos militares indios inclúen a concepción e introdución dos portaavións da clase Vikrant e dos submarinos nucleares da clase Arihant.[185]
Desde o fin da guerra fría, a India ten aumentado a súa cooperación económica, estratéxica e militar cos Estados Unidos e a Unión Europea.[186] En 2008, asinouse un pacto nuclear entre a India e os Estados Unidos. Aínda que a India xa posuía armas nucleares na época e non fose membro do Tratado de Non Proliferación Nuclear, o acordo recibiu a exención da Axencia Internacional de Enerxía Atómica e do Grupo de Fornecedores Nucleares, acabando coas restricións anteriores sobre tecnoloxía e o comercio nuclear do país. Como consecuencia, a India converteuse no sexto Estado con armas nucleares de facto do mundo.[187] Posteriormente o país asinou acordos de cooperación en enerxía nuclear civil con Rusia,[188] Francia,[189] Reino Unido[190] e o Canadá.[191]
O Presidente da India é o comandante supremo das forzas armadas do país; con 1,6 millóns de soldados activos, é o terceiro maior exército do mundo.[192] As forzas armadas comprenden o exército, a mariña e a forza aérea; organizacións auxiliares inclúen o Comando de Forzas Estratéxicas e tres grupos paramilitares: os Assam Rifles, a Forza Especial de Fronteira e a Garda Costeira India.[193] O orzamento de defensa oficial indio para 2011 foi de 36,03 mil millóns de dólares, o 1,83% do seu PIB.[194] Para o ano fiscal que abrangue 2012-2013 foron orzados para esa área 40,44 billóns de dólares.[195] Segundo un informe de 2008 do SIPRI, o gasto militar anual da India en termos de poder de compra foi de 72,7 billóns de dólares.[196] En 2011, o orzamento anual de defensa do país tivo un aumento de 11,6%,[197] aínda que iso non incluía os fondos que chegan aos militares a través doutras ramas do goberno.[198] En 2012, o país era o maior importador de armas do mundo; entre 2007 e 2011, a India foi responsable do 10% dos gastos en compras internacionais de armas.[199] Gran parte do gasto militar destínase á defensa contra Paquistán e para combater a crecente influencia chinesa no océano Índico.[197]
En materia de dereitos humanos, respecto á pertenza nos sete organismos da Carta Internacional de Dereitos Humanos, que inclúen o Comité de Dereitos Humanos (HRC), India firmou ou ratificou:
India | Status dos principais instrumentos internacionais de dereitos humanos[200] | ||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
CESCR | CCPR | CERD | CED | CEDAW | CAT[201] | CRC | MWC | CRPD | |||||||||
CESCR | CESCR-OP[202] | CCPR | CCPR-OP1 | CCPR-OP2-DP | CEDAW | CEDAW-OP[203] | CAT | CAT-OP | CRC | CRC-OP-AC | CRC-OP-SC | CRPD | CRPD-OP[204] | ||||
Pertenza | |||||||||||||||||
Firmado e ratificado, firmado pero non ratificado, nin firmado nin ratificado, sen información, accedeu a firmar e ratificar o órgano en cuestión, pero tamén recoñece a competencia de recibir e procesar comunicacións individuais por parte dos órganos competentes. |
A India está dividida en 29 estados (que á súa vez están divididos en distritos) e 7 Territorios da Unión (incluído o Territorio da Capital Nacional).[205] Todos os estados e os dous territorios da Unión de Pondicherry e o Territorio da Capital Nacional elixen as súas lexislaturas e gobernos por medio do modelo de Westminster. Os outros cinco territorios da unión están rexidos de xeito directo polo goberno federal, a través de varias administracións designadas. En 1956, en virtude da Lei de Reorganización dos Estados, o territorio indio foi dividido baseándose en aspectos lingüísticos.[206] A partir de entón, esta estrutura permaneceu sen cambios. Cada estado ou territorio da unión divídese en distritos administrativos.[207] Á súa vez, os distritos divídense en tehsils e finalmente en aldeas.
Adicionalmente, malia nunca ter reclamado posesión territorial na Antártida, a India ten alí instaladas dúas bases científicas: Dakshin Gangotri e Maitri.
Estados
|
|
Territorios da Unión
B. Chandigarh C. Dadra e Nagar Haveli D. Daman e Diu E. Lakshadweep F. Territorio Nacional da Capital Delhi G. Puducherry |
A India, cun produto interior bruto nominal estimado en 2018 en 2 654 billóns de dólares,[3] ocupa o 7º lugar na lista de maiores economías do mundo por PIB nominal, mentres que a súa paridade de poder adquisitivo estimada en 2018 en 10 339 billóns de dólares,[3] é a terceira maior do mundo, por detrás tan só dos Estados Unidos e a China. Con todo, aínda é un país moi pobre, cunha renda per cápita nominal de apenas 1 989 dólares e renda per cápita PPA de 7 749 dólares segundo estimacións para 2018.[3]
No período comprendido entre as décadas de 1950 e 1980, a economía india seguía tendencias socialistas. A economía mantívose paralizada por regulamentos impostos polo goberno, o proteccionismo e a propiedade pública, o que levou a unha corrupción xeneralizada e a un lento crecemento económico.[208][209][210] En 1991, a economía nacional converteuse nunha economía de mercado.[209][210] Este cambio na política económica en 1991 deuse pouco despois dunha crise aguda na balanza de pagamentos, polo que desde aquela púxose énfase en facer do comercio internacional e do investimento estranxeiro directo un sector primordial da economía india.[211]
Durante as últimas décadas, a economía india tivo unha taxa de crecemento anual do produto interior bruto de ao redor dun 5,8%, converténdose nunha das economías de máis rápido crecemento no mundo.[212] A India conta coa maior forza de traballo do mundo, con máis de 513,6 millóns de persoas. A agricultura foi sempre, e segue sendo, a base da economía india. En termos de produción, o sector agrícola representa o 28% do PIB, mentres que o sector servizos representa o 54%, e a industria o 18%. Os principais produtos agrícolas e de gando inclúen o arroz, que constitúe o principal recurso das rexións de Bombai, Malabar, Bengala e Vira; o trigo, sobre todo nas poboacións do noroeste; o millo miúdo e o sorgo que son alimentos esenciais para a xente de Deccán; o maínzo e a cebada cultívanse principalmente na chaira do Ganxes; o té provén en gran cantidade do Assam, das zonas subhimalaias e da costa Malabar; o café prodúcese especialmente no Deccán e a cana de azucre na chaira ganxética. En menor escala plántase tabaco e opio. Por outra parte a produción de árbores froiteiras e de plantas oleaxinosas (algodón, sésamo, pistacho e colza) é tamén notábel. Existe un gran patrimonio forestal, rico en madeiras como a teca, o tipuana tipu, o sándalo e, tamén, o bambú. A gandaría ocupa un lugar primordial; coas súas 176 900 000 cabezas de bovino posúe o maior patrimonio bovino do mundo, aínda que por motivos relixiosos prohíbese o consumo de carne, pois as vacas son animais sagrados para os hinduístas. Os búfalos chegan ós 55 millóns de cabezas e son moi empregados nas labores agrícolas, especialmente nos arrozais. Os ovinos alcanzan os 43 millóns e os caprinos os 70 millóns de cabezas.[205]
A principal industria é a téxtil (algodón e xute); séguena a siderúrxica, a mecánica (material ferroviario, aéreo, bicicletas), a electrónica, a química, a industria papeleira, as refinerías de petróleo, así como industrias do coiro, transportes, cemento, minaría (baseada na extracción do carbón, de ferro, de manganeso, de mica e de bauxita), compañías de software, alimentarias, de aceites e da elaboración do tabaco.[205] En 2006, o comercio indio acadara unha proporción relativamente moderada do 24% do PIB, crecendo á taxa de 6% desde 1985.[209] O comercio da India representa un pouco máis do 1% do comercio mundial. As principais exportacións inclúen os derivados de petróleo, algúns produtos téxtiles, pedras preciosas, software, enxeñaría de bens, produtos químicos, peles e coiros.[205] Entre as principais importacións están o petróleo cru, maquinaria, xoias, fertilizantes e algúns produtos químicos.[205] As industrias, que aproveitan a existencia de materias primas e de grandes recursos hidroeléctricos, desenvolvéronse rapidamente con criterios de moderna racionalización.
A pesar do seu notable crecemento económico nas últimas décadas, a India ten a maior concentración de persoas pobres do mundo e ten unha alta taxa de desnutrición en nenos menores de tres anos (46% en 2007).[213][214] A porcentaxe de persoas que viven por debaixo do limiar de pobreza segundo o Banco Mundial, vivindo con menos dun dólar ao día (PPA, en termos nominais Rs. 21,6 ao día nas zonas urbanas e Rs. 14,3 nas zonas rurais) diminuíu do 60% en 1981 ao 42% en 2005.[215] A pesar de que nas últimas décadas a India ten evitado a fame, a metade dos nenos teñen un peso inferior á media mundial, unha das taxas máis altas do mundo e case o dobre da taxa da África subsahariana.[216]
Un informe de 2007 de Goldman Sachs prevía que entre 2007 e 2020 o PIB indio cuadruplicaríase e podería superar ao dos Estados Unidos antes de 2050, mais seguiría a ser un dos países cos habitantes máis pobres do mundo durante varias décadas, cunha renda per cápita inferior á dos seus compañeiros "BRIC" (o Brasil, Rusia, a India e a China).[217]
A pesar de que nas últimas décadas a economía india aumentou de xeito constante, este crecemento produciuse de xeito desigual, en especial cando se compara coa calidade de vida nos diferentes grupos sociais, económicos, en diversas rexións xeográficas, zonas rurais e urbanas.[218] En 2008, o Banco Mundial afirmaba que as prioridades máis importantes para o goberno indio deberían ser a reforma do sector público, a construción de infraestruturas básicas, o desenvolvemento agrícola e rural sustentable, a eliminación das normas de traballo, a reforma nos estados máis atrasados e a loita contra a SIDA.[219]
De acordo co Informe Mundial de Custo da Vida de 2017 publicado pola Economist Intelligence Unit (EIU) que foi creado comparando máis de 400 prezos individuais de 160 produtos e servizos, catro das cidades máis baratas do mundo estaban na India: Bangalore (3ª), Bombai (5ª), Chennai (5ª) e Nova Deli (8ª).[220]
Jawaharlal Nehru, o primeiro primeiro ministro da India, que gobernou do 15 de agosto de 1947 ao 27 de maio de 1964, iniciou reformas para promover o ensino superior e a ciencia e tecnoloxía no país.[221] O Instituto Indio de Tecnoloxía —concibido por unha comisión de 22 membros de estudosos e empresarios co obxectivo de promover o ensino técnico— foi inaugurado o 18 de agosto de 1951, en Kharagpur, Bengala Occidental, polo daquela ministro de educación, Abul Kalam Azad.[222] Na década de 1960, os lazos máis estreitos coa Unión Soviética permitiron á Organización India de Investigación Espacial desenvolver rapidamente o seu programa espacial e avanzar en enerxía nuclear, mesmo despois de que o primeiro ensaio nuclear fora realizado o 18 de maio de 1974 en Pokharan.[223]
A India representaba aproximadamente o 2,9 % de todo o gasto en investigación e desenvolvemento do mundo en 2012, e o número de publicacións científicas do país está en aumento.[224] No entanto, de acordo co ministro de ciencia e tecnoloxía indio, Kapil Sibal, o país está a quedar por detrás en ciencia e tecnoloxía comparado cos países desenvolvidos.[225] A India ten só 140 investigadores por cada millón de habitantes, comparado cos 4 651 dos Estados Unidos.[225] O país investiu 3,7 billóns de dólares en ciencia e tecnoloxía entre 2002 e 2003. Comparado con iso, China investiu cerca de catro veces máis, mentres que os Estados Unidos investiron cerca de 75 veces máis que a India en ciencia e tecnoloxía.[226] A pesar diso, cinco Institutos Indios de Tecnoloxía foron situados entre as dez mellores escolas de ciencia e tecnoloxía de Asia, pola Asiaweek.[227] O número de publicacións de científicos indios está caracterizada por algunhas das taxas de crecemento máis rápidas entre os principais países. A India, xunto coa China, Irán e o Brasil son os únicos países en vías de desenvolvemento que forman parte dos 31 países que xuntos son responsables do 97,5% da produción científica do mundo.[228]
Desde a liberalización económica dos anos 1990, o desenvolvemento da infraestrutura no país progresou a un ritmo rápido e hoxe hai unha gran variedade de medios de transporte por terra, auga e aire. Con todo, o relativamente baixo PIB per capita da India fai que o acceso a estes medios de transporte non teña sido homoxéneo. A penetración de vehículos motorizados é baixa para os estándares internacionais, con só 103 millóns de coches nas estradas indias.[229] Por outra banda, só o 10% dos fogares do país posúen unha motocicleta.[230] Ao mesmo tempo, a industria automobilística india está crecendo rapidamente, cunha produción anual de máis de 4,6 millóns de vehículos[231] e o volume de vehículos espérase que aumente de modo significativo no futuro.[232] Neste contexto, porén, o transporte público continúa a ser o principal medio de locomoción da poboación, e os sistemas de transporte público do país están entre os máis empregados do mundo.[233]
A pesar das melloras en curso na área, varios aspectos do sector de transportes aínda están cheos de problemas debido ás precarias infraestruturas e á falta de investimento nas rexións economicamente menos activas do país. A demanda de infraestruturas e servizos de transporte ten aumentado preto dun 10% por ano,[233] xa que a infraestrutura actual é incapaz de atender as demandas económicas crecentes. Segundo as estimacións de 2008 de Goldman Sachs, a India tería que gastar 1,7 billóns de dólares en proxectos de infraestrutura ao longo da década seguinte para impulsar o seu crecemento económico, dos cales 500 miles de millóns de dólares están orzados para seren gastos durante o Décimo Primeiro Plano Quincenal.[234]
A rede ferroviaria india é unha das maiores do mundo (con 63 465 quilómetros de extensión[235]) e é o sistema máis empregado do planeta,[233] transportando 651 millóns de pasaxeiros e máis de 921 millóns de toneladas de carga en 2011.[236] O sistema ferroviario indio, introducido en 1853 polos británicos, é subministrado e mantido pola estatal Indian Railways, baixo a supervisión do Ministerio das Ferrocarrís.[237]
A India ten unha rede de estradas nacionais que enlazan todas as principais cidades e capitais de estados, formando a columna vertebral da economía do país. En 2010, o país tiña un total de 79 443 km de estradas nacionais, dos cales 200 km eran clasificados como autoestradas. A rede de estradas estatais tiña un total de 131 899 km ese mesmo ano e o total da rede de estradas india cerca de 3 300 000 km.[238]
Segundo o Proxecto de Desenvolvemento de Tráfico Rodado Nacional (PNDS), a intención é equipar a algunhas das principais estradas nacionais con catro carrís, amais de tamén existir un plan para converter algúns treitos desas estradas en seis carrís.[240] A Autoridade Nacional de Estradas estima que cerca do 65% da carga e o 80% do tráfico de pasaxeiros do país son transportados por estradas. As estradas nacionais indias transportan cerca do 40% do total do tráfico rodado, aínda que só ao redor do 1,7% da rede de estradas estea cuberta por esas estradas principais. O crecemento medio do número de vehículos ten sido en torno a un 10,16% por ano nos últimos anos.[238]
En 2012 había 352[241] aeroportos civís na India, dos cales 251 tiñan pistas pavimentadas. Hai máis de 20 aeroportos internacionais. O aeroporto Internacional Indira Gandhi en Nova Deli, e o Aeroporto Internacional de Chhatrapati Shivaji en Bombai, ocupan máis de metade do tráfico aéreo do sur de Asia.[242][243]
Os portos son os principais centros para o comercio. No país, cerca de 95% do comercio exterior en cantidade e o 70% en valor ocorre a través de portos marítimos.[244] A Mumbai Port & JNPT (Navi Bombai) controla o 70% do comercio marítimo na India.[245] Hai doce portos principais nas seguintes cidades: Navi Bombai, Bombai, Kochi, Calcuta (incluíndo Haldia), Paradip, Visakhapatnam, Ennore, Chennai, Thoothukudi, Panambur, Mormugao e Kandla. Amais destes, existen 187 portos menores e intermedios, 43 dos cales traballan con cargas.[246]
A política enerxética da India está definida en gran parte polo crecente déficit enerxético do país[247] e polo maior foco no desenvolvemento de fontes alternativas de enerxía,[248] particularmente a enerxía nuclear, solar e eólica.[249] Cerca do 70% da capacidade de xeración de enerxía do país procede de combustibles fósiles, sendo o carbón o responsable do 40% do consumo total da enerxía india, seguido polo petróleo e polo gas natural co 24% e 6% respectivamente.[247] O país é en gran parte dependente de importacións de combustibles fósiles para atender as súas demandas enerxéticas; en 2030, a dependencia da India de importacións de enerxía deberá superar o 53% do consumo total do país.[247] En 2009-10, o país importou 159,26 millóns de toneladas de petróleo, que equivale ao 80% do seu consumo interno, e o 31% do total das importacións indias proveñen do petróleo.[247][250] O crecemento da xeración de electricidade na India ten estado dificultado pola escaseza de carbón nacional[251] e, como consecuencia, as importacións de carbón para a produción de electricidade aumentaron un 18% en 2010.[252]
Debido á súa rápida expansión económica, o país ten un dos mercados enerxéticos que máis rapidamente crecen do mundo, e espérase que se converta no segundo maior contribuínte no aumento da demanda enerxética global en 2035, representando o 18% do aumento do consumo mundial.[249] Dada a crecente demanda de enerxía e as limitadas reservas de combustibles fósiles no mercado interno, o país ten plans ambiciosos para expandir as súas industrias de enerxía renovable e nuclear. A India ten o quinto maior mercado de enerxía eólica do mundo[253] e ten plans de ampliar cerca de 20 xigawatts de capacidade de enerxía solar en 2022,[249] amais de prever tamén aumentar a contribución da enerxía nuclear á capacidade total de xeración de electricidade do 4,2% ao 9% en 25 anos.[254] O país ten cinco reactores nucleares en construción e planea construír outros dezaoito para 2025.[255]
Cunha poboación de máis dun billón de habitantes,[256] a India é o segundo país máis poboado do mundo trala China. Desde os anos 1960, o país experimentou un rápido aumento na súa poboación urbana debido, en boa parte, aos avances médicos e aos aumentos masivos da produtividade agrícola debidos á revolución verde.[257][258] A poboación urbana da India a finais do século XX era once veces superior á de principios do século e vense concentrando cada vez máis nas grandes cidades. En 2001, 35 cidades da India tiñan unha poboación igual ou superior a un millón de habitantes. Cada unha das tres cidades máis poboadas, Bombai, Nova Deli e Calcuta, tiñan daquela máis de dez millóns de habitantes. Porén, nese mesmo ano, un 70% da poboación vivía en áreas rurais.[259][260]
É un país novo con 560 millóns de persoas de menos de 25 anos. En 2004, un habitante de cada dous tiña menos de 25 anos e un 70% da poboación era rural.
Comparando cos parámetros occidentais, a India é un país que acrecenta a súa poboación con gran rapidez. Cada ano hai un saldo positivo de 19 millóns de individuos, como consecuencia dunha taxa de fertilidade de 3,1 fillos por muller como media —contra 1,7 na China. Así cóidase que a India será o país con máis poboación do mundo arredor do ano 2035.
A India é a segunda entidade xeográfica con maior diversidade cultural, lingüística e xenética do mundo, despois de África.[205] O país é o fogar de dúas grandes familias lingüísticas: a indoaria (falada por aproximadamente o 74% da poboación) e a dravídica (falada por aproximadamente o 24%). Outras linguas faladas na India proveñen das linguas austroasiáticas e tibeto-birmanas. O hindi conta co maior número de falantes,[261] e é a lingua oficial da república.[262] O inglés é empregado amplamente en negocios e na administración, e ten o status de "idioma oficial subsidiario", sendo tamén importante na educación, especialmente na ensinanza media e superior.[263]
Cada estado e territorio da unión ten os seus propios idiomas oficiais, e a constitución dálle recoñecemento legal a outras 21 linguas, que son faladas por un importante sector da poboación ou forman parte da herdanza histórica india. Mentres que o sánscrito e o támil teñen sido consideradas linguas clásicas durante moitos anos,[264][265] o goberno indio tamén concedeu o status de lingua clásica ao kanarés e ao telugu.[266] Ao que seguiron o malayalam en 2013,[267] e o odia en 2014.[268][269] O número de dialectos na India chega a máis de 1 652.[270]
Máis de 800 millóns de indios (o 80,5 % da poboación) son hindús. Outros grupos relixiosos con presenza importante no país son os musulmáns (13,4 %), cristiáns (2,3 %), sikhs (1,9 %), budistas (0,8 %), xainistas (0,4 %), xudeus, zoroastristas (parsis), entre outros.[271] Os adivasi constitúen o 8,1 % da poboación.[272] A India ten a terceira maior poboación musulmá do mundo e a maior poboación musulmá para un país de maioría non musulmá.[273]
A taxa de alfabetización no país é do 64,8% (53,7% para as mulleres e 75,3% para os homes)[274] O estado co maior índice de alfabetización é Kerala, co 91%, mentres que Bihar ten a menor taxa, con apenas o 47%.[275][276] A ración sexual é de 944 homes por cada mil mulleres, mentres que a taxa de crecemento demográfico anual é de 1,38%; cada ano son rexistrados 22,01 nacementos por cada mil persoas.[274] Segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS) cada ano morren 900 000 indios por beberen auga non potable e por inhalaren aire contaminado.[277] A malaria é endémica na India.[278] Existen cerca de 60 médicos para cada 100 000 persoas no país.[279]
Listaxe | Municipio | Estado | Pob. | Listaxe | Municipio | Estado | Pob. | Bombai Delhi Bangalore Chennai | ||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
1 | Bombai | Maharashtra | 12 478 447 | 11 | Kanpur | Uttar Pradesh | 2 920 067 | |||
2 | Delhi | Delhi | 11 007 835 | 12 | Lucknow | Uttar Pradesh | 2 901 474 | |||
3 | Bangalore | Karnataka | 8 425 970 | 13 | Nagpur | Maharashtra | 2 405 421 | |||
4 | Hyderabad | Telangana | 6 809 970 | 14 | Indore | Madhya Pradesh | 1 960 521 | |||
5 | Ahmedabad | Gujarat | 5 570 585 | 15 | Thane | Maharastra | 1 818 872 | |||
6 | Chennai | Tamil Nadu | 4 681 087 | 16 | Bhopal | Madhya Pradesh | 1 795 648 | |||
7 | Calcuta | Bengala Occidental | 4 486 679 | 17 | Visakhapatnam | Andhra Pradesh | 1 730 320 | |||
8 | Surat | Gujarat | 4 462 002 | 18 | Pimpri-Chinchwad | Maharashtra | 1 729 359 | |||
9 | Pune | Maharashtra | 3 115 431 | 19 | Patna | Bihar | 1 683 200 | |||
10 | Jaipur | Rajasthan | 3 073 350 | 20 | Ludhiana | Punxab | 1 613 878 | |||
Datos de 2011.[280] |
A educación no país é proporcionada e mantida polos sectores público e privado, co control e financiamento de tres niveis do goberno: central, estatal e local. Na antiga cidade de Taxila encontrouse o primeiro centro de ensino superior rexistrado na India, datado no século V a. C., mais é discutible se este pode ser considerado unha universidade. A Universidade de Nalanda, fundada no ano 470, foi o máis antigo sistema educativo universitario de todo o mundo, no sentido moderno de "universidade".[281]
A educación occidental enraizou na sociedade india co establecemento do Raj británico. O sistema educativo está baixo o control do Goberno da Unión e, con algunha autonomía, dos estados. Varios artigos da constitución india consideran a educación como un dereito fundamental. A maioría das universidades do país están controladas pola Unión ou polos gobernos dos estados. O país ten feito progresos por aumentar a taxa de frecuencia no ensino primario e na expansión da alfabetización a tres cuartos da poboación.[282] A mellora no sistema educativo indio é frecuentemente citada como un dos principais factores do crecemento económico do país nos últimos anos.[283] Boa parte do progreso, especialmente na educación superior e na investigación científica, atribúese a varias institucións públicas. O mercado educativo privado indio moveu 40 billóns de dólares en 2008 e aumentou a 70 billóns en 2012.[284]
Con todo, o país continúa e enfrontarse a grandes desafíos nesta área. Malia o crecente investimento educativo, o 25% da poboación da India é aínda analfabeta, só o 15% dos indios chegan ao ensino secundario e tan só o 7% cursan un posgrao.[285] A calidade da educación, sexa no ensino básico ou no superior, é baixa de modo significativo, comparado coa das principais nacións en desenvolvemento. En 2008, as institucións de ensino superior ofrecían prazas suficientes para tan só o 7% da poboación en idade universitaria do país, o 25% dos postos docentes en toda a India están vacantes, e o 57% dos profesores universitarios non teñen o mestrado ou o doutoramento.[286] En 2011, existían 1 522 facultades de enxeñaría, cun total anual de 582 000 estudantes,[287] amais de 1 244 politécnicas, cun total anual de 265 000 estudantes. No entanto, estas institucións enfróntanse a varios problemas, como a escaseza de profesores e as preocupacións sobre a calidade do ensino ofrecido.[288]
A India ten un sistema sanitario universal mantido polos seus estados e territorios constituíntes. A constitución responsabiliza a cada estado de "elevar o nivel da nutrición e da calidade de vida do seu pobo e da mellora da saúde pública entre as súas funcións primarias". A Política Nacional de Saúde foi aprobada polo Parlamento da India en 1983 e actualizada en 2002.[289] Paralelo ao sector público, e de feito máis popular, está o sector médico privado. As familias indias urbanas e rurais tenden a empregar con maior frecuencia a sanidade privada, como reflicten as enquisas.[290]
A India ten unha esperanza de vida de 64/67 anos (m/f) e unha taxa de mortalidade infantil de 61 por mil nacidos vivos.[291] O 42% dos nenos indios menores de tres anos padecen desnutrición, a maior taxa incluíndo a África subsahariana onde a malnutrición infantil ascende ao 28%.[292] Aínda que a economía do país ten crecido un 50% entre 2001 e 2006, a taxa de desnutrición infantil caeu tan só un 1%, quedando por detrás de países con taxas de crecemento similares.[277] A desnutrición impide o desenvolvemento social e cognitivo dos nenos, amais de reducir os seus niveis de escolaridade e renda en idade adulta.[277] Estes danos irreversibles dan como resultado unha menor produtividade do país.[277] Como máis de 122 millóns de familias non contan con baño, e o 33% non teñen acceso a retretes, máis do 50% da poboación do país (638 millóns de persoas) defecan ao aire libre cada día.[293] Esta taxa é considerablemente maior que as de Bangladesh e o Brasil (7%), e da República Popular da China (4%).[293] A pesar de que 211 millóns de persoas tiñan acceso a sistemas de saneamento básico entre 1990 e 2008, apenas o 31% utilizan os recursos ofrecidos.[293]
A cultura da India é a expresión dunha das máis antigas - máis de 4000 anos de documentos, tanto escritos como monumentais - e diversificadas civilizacións do planeta, polo tanto inclúe un gran número de expresións en todos os campos.[294] Durante o período védico (ca.1700-500 a.C), os fundamentos da filosofía, mitoloxía e literatura hindú foron establecidos e moitas crenzas e prácticas que aínda existen actualmente, tales como dharma, karma, ioga e moksha, consolidáronse.[295] A India é notable pola súa diversidade relixiosa, sendo o hinduísmo, o sikhismo, o islamismo, o cristianismo e o xainismo as principais e máis populares relixións do país.[296] A relixión predominante, o hinduísmo, foi formada por varias escolas históricas de pensamento, coma os upanishads,[297] os ioga sutras, o movemento bhakti[296] e a filosofía budista.[298]
Temos que lembrar que a India está constituída por varias etnias, tanto nativas como dos conquistadores que aló estiveron en varios períodos da súa longa historia. A cultura india está marcada por un alto grao de sincretismo[299] e pluralismo. Os indios teñen conseguido conservar as súas tradicións previamente establecidas, mentres absorberon novos costumes, tradicións e ideas de invasores e inmigrantes, ao mesmo tempo que estenderon a súa influencia cultural a outras partes de Asia, principalmente Indochina e Extremo Oriente.[300]
Un dos aspectos desta cultura, pese a estar oficialmente rexeitado por ter aspectos negativos, é o sistema de castas da India, característico dos hindús, non só na India, mais tamén no Nepal. A sociedade tradicional da India está definida por esta xerarquía social relativamente restrita. O sistema de castas describe a estratificación e as restricións sociais do subcontinente indio; tamén define as clases sociais por grupos endogámicos hereditarios, que ao principio se denominan jatis ou castas.[301] A India declarou a "intocabilidade" ilegal en 1947 e, dende aquela, promulgou outras leis antidiscriminatorias e iniciativas para o benestar social, aínda que os informes suxiren que moitos dalits ("ex-intocables") e outras castas máis baixas en áreas rurais continúan a seren segregadas e se enfrontan coa persecución e á discriminación.[302][303][304] Nos lugares de traballo das grandes cidades e nas principais empresas indias ou internacionais, o sistema de castas practicamente perdeu a súa importancia.[305][306]
Os valores tradicionais das familias indias son moi respectados e o modelo patriarcal ten sido o máis común durante séculos, aínda que recentemente a familia nuclear estea a se converter no modelo seguido pola poboación que vive na zona urbana.[208] A maioría dos indios teñen os seus casamentos arranxados polos seus pais e por outros membros respectados da familia, co consentimento da noiva e do noivo.[307] O matrimonio é planeado para toda a vida,[307] a taxa de divorcio é extremadamente baixa.[308] O casamento na infancia é aínda unha práctica común, e a metade das mulleres indias casa antes dos dezaoito anos.[309][310]
Moitas celebracións indias son de orixe relixiosa, aínda que algunhas dependan da casta ou o credo. Algunhas das festas máis populares do país son: Diwali, Holi, Durga Puja, Eid ul-Fitr, Eid al-Adha, Nadal e Vesak.[311] Amais destas, a nación ten tres festas nacionais: o día da República, o día da independencia e o Gandhi Jayanti, en homenaxe a Mahatma Gandhi. Outra serie de días festivos, variando entre nove e doce días, son celebrados oficialmente en cada estado. As prácticas relixiosas son unha parte integral da vida cotiá e son un asunto de interese público. A roupa tradicional varía de acordo coas cores e estilos segundo a rexión e depende de certos factores, incluíndo o clima. Os estilos de vestir inclúen pezas simples coma o sári para as mulleres e o dhoti para os homes; pantalóns e camisas de estilo europeo tamén son populares entre os homes.[312] O uso de xoias delicadas, modeladas en flores reais usadas durante a India antiga, forma parte dunha tradición que se remonta a cerca de 5000 anos; as pedras preciosas tamén son empregadas na India como talismáns.[313]
Os principais símbolos nacionais do país son a súa bandeira, o seu emblema e o seu himno.[314][315] A India conta tamén con outros símbolos nacionais como a canción Vande Mataram (composta en sánscrito por Bankimchandra Chatterji e que ten o mesmo status que o himno nacional) ou varias especies de animais significativas do país. Amais dos símbolos nacionais, cada estado e territorio da unión ten os seus propios símbolos.[316] Amais da bandeira, o emblema, o himno e a canción nacional, a India posúe diversos símbolos nacionais:[317]
A cociña da India presenta unha forte dependencia de herbas e especias, con pratos a miúdo apelando ao uso sutil dunha ducia ou máis de condimentos diferentes;[318] a gastronomía do país tamén é coñecida polas súas preparacións tandoori. No tandoor, un forno de arxila empregado na India hai case 5000 anos, as carnes permanecen cunha "suculencia infrecuente" e é posible facer o pan plano inchado coñecido como naan.[319] Os alimentos básicos son o trigo (principalmente no norte do país),[320] o arroz (especialmente no sur e no leste) e as lentellas.[321] Moitas especias populares en todo o mundo son orixinarias do subcontinente indio,[322] mentres que o pemento, que é nativo das Américas e foi introducido polos portugueses, é amplamente utilizado pola poboación local.[323] O ayurveda, un sistema de medicina tradicional, usa seis rasas e tres gunas para axudar a describir os comestibles.[324] Ao longo do tempo, conforme os sacrificios de animais feitos polos védicos foron suplantados pola noción de sacralidade inviolable da vaca, o vexetarianismo foi asociado a un alto nivel relixioso e tornouse cada vez máis popular,[325] unha tendencia axudada polo aumento de normas budistas, xainistas e bhaktis hindús.[326] A India ten a maior concentración de vexetarianos do mundo: unha pescuda realizada en 2006 constatou que o 31% dos indios eran lactovexetarianos e outro 9% eran ovovexetarianos.[326] Entre os costumes alimenticios máis tradicionais e comúns están as comidas feitas preto ou no propio chan, as comidas segregadas por casta e xénero e o uso da man dereita ou dun anaco de roti (tipo de pan) en lugar dos cubertos.[327][328]
Gran parte da arquitectura da India, incluído o Taj Mahal e outras obras da arquitectura mogol e do sur do país, combina antigas tradicións locais con estilos importados doutras nacións.[329] A arquitectura vernácula, porén, está altamente rexionalizada. A Vastu Shastra, literalmente "ciencia da construción" ou "arquitectura" e atribuída a Mamuni Maia,[330] explora como as leis da natureza afectan as habitacións humanas,[331] amais de empregar xeometría precisa e aliñamentos direccionais para reflectir construcións cósmicas.[332]
A arquitectura dos templos hindús está influenciada polos Shastras Shilpa, unha serie de textos fundamentais cuxa forma mitolóxica básica é a mandala Vastu-Purusha, unha praza que encarna o concepto de "absoluto".[333] O Taj Mahal, construído na cidade de Agra entre 1631 e 1648 por orde do emperador Shah Jahan e en memoria da súa esposa, é descrito na lista do Patrimonio Mundial da UNESCO como "a xoia da arte musulmá na India e unha das obras mestras universalmente admiradas da herdanza do mundo".[334] A arquitectura neo-indo-sarracena, desenvolvida polos británicos a finais do século XIX, baseouse na arquitectura indo-islámica.[335]
A música da India vai a través de varias tradicións e estilos rexionais. A música clásica abrangue dous xéneros e as súas diversas ramificacións populares: o hindustai, do norte, e escolas carnáticas, do sur.[336] Entre as formas populares rexionalizadas inclúense o filmi e músicas folclóricas; a tradición sincrética dos bauls é unha forma moi coñecida desta última. A danza india tamén ten formas clásicas e diversas. Entre as danzas folclóricas máis coñecidas destacan o bhangra do Punjab, o bihu de Assam, o chhau de Bengala Occidental e Jharkhand, o sambalpuri de Odisha, o ghoomar do Rajastán e o lavani, de Maharashtra. Oito formas de danza, moitas con formas narrativas e elementos mitolóxicos, teñen sido recoñecidas como danzas clásicas pola Academia Nacional de Música, Danza e Teatro da India. Estas son: bharatanatyam, do estado de Tamil Nadu, kathak, de Uttar Pradesh, kathakali e mohiniyattam, de Kerala, kuchipudi, de Andhra Pradesh, manipuri, de Manipur, odissi, de Orissa, e o sattriya, de Assam.[337] O teatro indio mestura música, danza e diálogos improvisados ou escritos.[338] Moitas veces baseado na mitoloxía hindú, mais tamén inspirado en romances medievais ou eventos sociais e políticos, o teatro indio inclúe o bhavai de Gujarat, o jatra de Bengala Occidental, o nautanki e o ramlila do Norte da India, o tamasha de Maharashtra, o burrakatha de Andhra Pradesh, o terukkuttu de Tamil Nadu e o yakshagana de Karnataka.[339]
As primeiras obras literarias da India, compostas entre o ano 1400 a. C. e o 1200 d. C., foron escritas en sánscrito.[340][341] Obras prominentes desta literatura sánscrita inclúen épicas, como o Mahābhārata e o Ramayana, e dramas de Kālidāsa, como o Abhijñānaśākuntalam (O Recoñecemento de Sakuntala), e poesías, como o Mahākāvya.[342][343][344] O Kama Sutra, o famoso libro sobre relacións sexuais, tamén ten a súa orixe no país. Desenvolvida entre o 600 a. C. e o 300 d. C. no sur da India, a literatura sangamm comprende 2 381 poemas e é considerada como unha antecesora da literatura támil.[345][346][347][348] Do século XIV ao XVIII, as tradicións literarias indias atravesaron un período de drásticos cambios a causa do xurdimento de poetas devocionais (movemento bhakti) como Kabir, Tulsidas e Guru Nanak. Este período estivo caracterizado por un espectro variado e amplo de expresión e correntes de pensamento e, como consecuencia, as obras literarias medievais indias difiren de modo significativo da tradición clásica.[349] No século XIX, os escritores indios tomaron un novo interese polas cuestións sociais e descricións psicolóxicas. No século XX, a literatura india foi influenciada polas obras do poeta e romancista bengalí Rabindranath Tagore.[350]
A industria cinematográfica india é a maior do mundo.[351] Bollywood, barrio localizado na cidade de Bombai onde son realizados os filmes comerciais en hindú, foi recentemente convertido no centro da industria cinematográfica máis prolífica do mundo, igualando a súa importancia con Hollywood.[352] Tamén se realizan filmes tradicionais e comerciais en zonas onde o bengalí, kanarés, malayalam, marathi, támil e telugu son idiomas oficiais.[353] O cine do sur da India atrae máis do 75% dos espectadores do cine nacional.[354]
A radiodifusión televisiva comezou na India en 1959 como un medio estatal de comunicación e tivo unha lenta expansión durante máis de dúas décadas.[355] O monopolio estatal na transmisión da televisión terminou en 1990 e, dende aquela, canais por satélite téñense feito cada vez máis populares na cultura popular da sociedade india.[356] Hoxe, a televisión é o medio con maior alcance na India; estimacións da industria indican que en 2012 había máis de 554 millóns de consumidores de TV, 262 millóns de satélite e/ou conexión por cable, comparado con outras formas de medios de masas, como a prensa (350 millóns), a radio (156 millóns) ou Internet (37 millóns).[357]
Na India continúan a ser bastante populares numerosos deportes tradicionais, como o kabaddi, o kho kho, o pehlwani e o gilli-danda. Algunhas das primeiras formas de artes marciais asiáticas, como o kalari payattu, o mushti yuddha, o silambam e o marma adi, orixináronse na India. O Rajiv Gandhi Khel Ratna e o Premio Arjuna son as máis altas formas de recoñecemento do goberno para a realización atlética; o Premio Dronacharya é concedido pola excelencia en adestramento. O xadrez, que parece que comezou na India como chaturanga, está a recuperar popularidade co aumento do número de mestres indios nese deporte.[358][359] O tradicional xogo de taboleiro indio chamado pachisi foi xogado nun bloque xigante de mármore polo emperador Akbar.[360]
Os bos resultados conquistados polo equipo indio de Copa Davis e outros tenistas indios a principios de 2010 fixeron que o tenis se volvese cada vez máis popular no país.[361] A India ten unha presenza relativamente forte no tiro deportivo e xa gañou varias medallas nos Xogos Olímpicos, nos Campionatos do Mundo de Tiro e nos Xogos da Commonwealth.[362][363] Outros deportes nos que atletas indios teñen acadado éxitos internacionais inclúen o bádminton,[364] o boxeo[365] e o wrestling.[366] O fútbol é popular en Bengala Occidental, Goa, Tamil Nadu, Kerala e en estados do nordeste.[367] Está previsto que a India acolla a Copa Mundial de Fútbol Sub-17 de 2017.[368]
O hóckey sobre herba na India é administrado por Hockey India. A selección nacional de hóckey venceu a Copa do Mundo de Hóckey sobre Herba de 1975 e, ata 2012, tiña oito medallas olímpicas de ouro, unha de prata e dúas de bronce, o que o converte no equipo máis laureado nesta modalidade. A India tamén ten desempeñado un papel importante na popularización do crícket, sendo o deporte máis popular do país. O crícket indio gañou a Copa do Mundo de Crícket de 1983 e de 2011, o ICC Mundial Twenty20 de 2007 e compartiu o trofeo do ICC Champions de 2002 con Sri Lanka. O Consello Nacional de Control do Crícket na India (BCCI) realiza unha competición Twenty20 coñecida como Indian Premier League. A India acolleu ou coorganizou varios eventos deportivos internacionais; os Xogos Asiáticos de 1951 e de 1982, as Copas do Mundo de Crícket de 1987, 1996 e 2011, os Xogos Afro-Asiáticos de 2003, o ICC Champions Trophy de 2006, a Copa de Hóckey Masculino de 2010 e os Xogos da Commonwealth de 2010. Algúns dos grandes eventos deportivos internacionais realizados anualmente na India inclúen o Chennai Open (tenis), os maratóns de Bombai e Dehli, e o Indian Masters (golf). O primeiro Gran Premio da India tivo lugar a finais de 2011.[369] O país ten sido, tradicionalmente, dominador nos xogos Surasiáticos. Un exemplo desa dominación é a competición de baloncesto, onde a selección nacional da India gañou tres dos catro torneos ata o momento.[370]
As tres principais festividades nacionais do país son o Día da República, o Día da Independencia e o Aniversario de Gandhi. Amais destas tres festas nacionais, ao longo do ano teñen lugar numerosas celebracións relacionadas cos distintos cultos relixiosos do país. Nos distintos estados e rexións celébranse distintas festas locais en función da relixión que neles se practique.[371]
Entre as celebracións hindús máis populares encóntranse o Diwali, o Ganesha Shaturthi, o Holi, ou o Dussehra. A comunidade musulmá celebra en todo o país o Eid-ul-Fitr, o Muharram ou o Ramadán. Pola súa banda os sikhs celebran o nacemento de Guru Nanak, os cristiáns o Nadal e a Semana Santa, e en certos lugares os xainistas celebran o Pryushan.[371] A continuación algunhas das festividades máis importantes do país:
Data | Nome en galego | Nome local | Observacións |
---|---|---|---|
Variable | Holi - Festival das cores | होली | Este antigo festival relixioso hindú é un festival da primavera tamén coñecido como "Festival das cores" ou "Festival do amor".[372] |
26 de xaneiro | Día da República | गणतंत्र दिवस | Conmemora o día no que entrou en vigor a Constitución do país. O evento é un recordo constante das accións altruístas dos mártires do país e os que deron as súas vidas loitando pola liberdade.[373] |
15 de agosto | Día da Independencia | स्वतंत्रता दिवस | Coincide co día no que a India declarou a súa independencia do Imperio Británico en 1947.[373] |
Variable | Ganesha Shaturthi | Esta festividade de 10 días celebra o aniversario da deusa hindú.[374] | |
2 de outubro | Aniversario de Mahatma Gandhi (Gandhi Jayanti) | गाँधी ज़यंती | Adicada á figura de Mohandas Karamchand Gandhi, esta celebración lembra aos indios os sacrificios do que outorgou ao país o don da independencia, e que inspirou a xeracións futuras a vivir unha vida de irmandade e paz. A data coincide co día do aniversario de Bapu.[373] |
Variable | Diwali - Festival das Luces | O Diwali é unha celebración relixiosa celebrada por hinduístas, sikhistas e xainistas. O Festival das luces celebra a vitoria do ben sobre o mal.[375] |
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.