From Wikipedia, the free encyclopedia
Capra é un xénero de mamíferos artiodáctilos ruminantes da familia dos bóvidos e subfamilia dos caprinos coñecidos comunmente como cabras, cabras montesas ou cabras salvaxes, ou íbices.
Capra Rango fósil: plistoceno (hai 2,6 Ma) - actualidade | |||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Capra pyrenaica | |||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||
| |||||||||||||||||
Especies e Subespecies | |||||||||||||||||
|
O xénero comprende, segundo os autores, de 8 a 10 especies, entre elas a cabra montesa (Capra pyrenaica), o markhor (Capra falconeri) e o íbice ou cabra montesa dos Alpes (Capra ibex).
Porén, existen animais doutros xéneros (que non son Capra), pero da subfamilia dos caprinos, que ás veces se denominan "cabras", como as do xénero Oreammos, ao que pertence a chamada cabra das Montañas Rochosas (Oreamnos americanus).
As verdadeiras cabras salvaxes son orixinarias do centro-oeste de Asia, onde aínda viven a maioría das especies actuais, e desde onde colonizaron partes de Europa e o norte de África.
A cabra doméstica (Capra hircus aegagrus ou Capra aegagrus hircus, segundo os distintos autores) é unha subespecie domesticada da cabra salvaxe (Capra hircus ou C. aegagrus, segundo os autores). A súa domesticación data de hai uns 9.000 anos, durante o neolítico, cando apareceron as primeiras en Mesopotamia, e cuxa distribución actual, tanto na forma doméstica como asilvestrada, é practicamente cosmopolita.
As cabras domésticas son hoxe en día un dos principais animais domésticos en Oriente Medio, no norte e o leste de África e na Europa mediterránea.
As cabras son animais gregarios que viven en pequenas mandas pero, ao contrario que os seus próximos parentes, as ovellas (xénero Ovis), son animais adaptados a comeren arbustos e matos de poliñas e follas coriáceas, propias de medios secos e/ou montañosos.
Adoitan ser animais moi áxiles, capaces de gabearen con facilidade por pendentes sumamente empinadas, e de saltar dun penedo a outro bastante afastado.
Son caprinos, como as especies do xénero Ovis (que inclúe as ovellas), pero distínguense destas pola presenza de glándulas odoríferas cerca dos pés, nas íngoas e na fronte, pola ausencia doutras glándulas faciais, e pola presenza dunha barba nos machos (as chamadas barbas de chivo) e de calos sen pelo nos xeonllos das patas dianteiras.[1]
As especies salvaxes presentan un marcado dimorfismo sexual, manifestándose grandes diferenzas de tamaño, cor e cornamenta entre machos e femias; porén, as diferentes razas domésticas tenden a suavizar estas diferenzas.
O xénero Capra foi establecido por Linneo en 1768, na 10ª edición do seu Systema Naturae.[2]
A clasificación do xénero é controvertida. Así, na actualidade, segundo Mammals Species of the Word,[2] e a ADW,[3] recoñécense 8 especies, coas subespecies indicadas:
Porén, para o NCBI serían:
E aínda, para outros autores:
Canda as ovellas, as cabras foron dos primeiros animais domesticados.
O proceso de domesticación comezou no neolítico, polo menos hai 10.000 anos, no que agora é o norte de Irán.[4]
As principais motivacións para emprender este proceso foron o fácil acceso humano á carne, a pel, o pelo e o leite destes animais.
As peles de cabra curtidas utilizáronse até a Idade Media para gardar a auga e o viño (odres ou pelellos) e para transportar eses produtos nas viaxes e nos campamentos militares.[5] En certas rexións tamén se usaron as peles curtidas como pergamiño para escribir.
A produtividade da cabra en leite/ano/peso é a maior de entre todos os mamíferos domésticos, chegando a producir de 12 a 13 veces o seu peso en leite ao ano (en comparación, a vaca produce entre 5 e 6 veces o seu peso en leite ao ano). A la de certas especies chegou a ter unha elevada cotización no mercado (Angora e Caxemira).[5]
Na actualidade as cabras son un dos principais animais domésticos en Oriente Medio, no norte e o leste de África, na Europa mediterránea e en numerosos países asiáticos e americanos.
No ano 2010 había no mundo 764 500 000 cabezas de gando caprino, sendo as dez principais cabanas as de:[Cómpre referencia]
Segundo a FAOSTAT (Base de datos estatísticos da FAO), o número total de cabezas de gando caprino no mundo no ano 2013 era de 1 006 millóns, aproximadamente. O 63 % do total concentrábase en 10 países e na Unión Europea (UE). China era o país con maior censo de gando caprino do mundo, con 183 millóns de cabezas nese ano (o que representaba o 18,2 % do censo mundial), seguida pola India, con 162 millóns; Paquistán, con 65 millóns, e Nixeria, con 58.[6]
Os países nos que máis se incrementou o censo de gando caprino no período 2009 - 2013 foron a India (en máis de 13 millóns de cabezas, o que supón un incremento do censo dun 9 %), Paquistán (máis de 6,6 millóns de cabezas) e Bangladesh (máis de 6,3 millóns). Séguenos Malí, Nixeria e Etiopía. Por outra parte, os países que sufriron unha maior diminución do censo caprino no mesmo período foron China (que perdeu 16,9 millóns de cabezas), Mongolia (1,7 millóns) e a UE (0,8 millóns).[6]
No conxunto da Unión Europea, en 2008, contábase con 13,2 millóns de cabezas.[7]
A ampla gama de utiizacións da cabra fixeron desta un animal moi utilizado en Galicia desde o neolítico, especialmente en explotacións de pouca extensión, e por persoas que carecen de terras. A carne do cabrito, moi aprezada, ten un mercado relativamente extenso, e forma parte de menús propios de moitas festas populares.[5] O cabrito, dixo Sueiro, «dásenos moi ben aos galegos (aínda que moitos se empeñen en cultivar o cordeiro)».[8] E o seu mestre Cunqueiro opinaba que
En Galicia priva máis o cabrito que o año, a aínda que o noso non seña país de asados, hai moitas partes nas que o asan moi ben, e hai famosos cabritos, coma os de san Fiz, que vos ofrecen en Arbo ou en Tui, na festa da lamprea ou na da angula, como plato final dos xantares. Nas aldeas, máis que asado, o cabrito póñeno guisado, con patacas, e pimentos morróns de lata.A. Cunqueiro.[9]
Dentro destas festas ten moita sona a do barrio compostelán de Conxo, que desde o 5 de setembro do ano 2009 está institucionalizada.[10]
Desde hai uns anos estase a recuperar a única raza de cabra de Galicia, a chamada cabra galega. Trátase de animais de perfil recto ou subcóncavo, eumétricos e sublonxilíneos. A súa capa é de cor avermellada, con distintas tonalidades, desde rubia até retinta. É unha raza de gran rusticidade e alta capacidade de adaptación ao medio, máis resistente ás enfermidades que outras razas, moi áxil e alta prolificidade (a maioría dos partos son de 2 ou 3 cabritos cando as condicións son favorábeis).[11]
Á parte da cabra doméstica, en tempos antigos viviu nas serras orientais e surorientais a cabra montesa autóctona, Capra pyrenaica lusitanica, que se extinguiu a mediados do século XIX. Na actualidade inténtanse repoboar ditas zonas coa subespecie C. p. victoriae.[13]
O nome galego máis común para este animal é o de cabra, pero tamén se usan os sinónimos godalla e xena.[14] Ademais, o macho recibe o nome particular de cabrón, e tamén os de bode, castrón, chibo e godallo.[15] As crías moi novas e que aínda maman, denomínanse cabritos, e tamén chibos,[16] pero cando xa non maman, chámanse cabuxos.[17] En canto ás cabras silvestres, ou salvaxes, en galego denomínanse cabras montesas.[14]
Como noutros lugares, a cabra ocupou tradicionalmente en Galicia un lugar destacado nas supersticións. Moita presenza na literatura teñen os aquelarres ou reunións de meigas presididas polo demo en forma de castrón.
En el arenal de Coiro, cerca de Cangas, se reunían las brujas al pie de una fuente, en el sitio denominado Arenas Gordas, a las doce de la noche de San Juan, San Pedo y Nuestra Señora. [...] van todas montadas en escobas para hacer la corte al Cabrón, señor de todas, durante la noche, pues dicha reunión terminaba a la aurora.J. Rodríguez López.[18]
Eladio Rodríguez, no seu Diccionario, recolle as seguintes expresións populares relativas a este animal:
Así mesmo, o refraneiro popular alude á cabra nestas sentenzas, entre outras:[5]
A cabra era un animal moi venerado en Mendes, en Exipto. Estaba prohibido matala, porque crían que Khnum, gran divindade desta cidade, se ocultaba baixo a figura dunha cabra, e por isto se representaba con rostro deste animal. Mentres que en Mendes se reverenciaba á cabra e se inmolaban as ovellas, na Tebaida, pola contra, veneraban as ovellas e sacrificaban as cabras.
Entre os antigos gregos as cabras estaban consagradas a Zeus, en memoria da ninfa Amaltea, que fora a ama de cría. Para Calímaco (Himnos I, 51), Amaltea era a propia cabra, co cuxo leite alimentaron a Zeus meniño, e de feito, co pel da cabra Amaltea fíxose Zeus un escudo, coñecido como a éxida [19].
Os lacedemonios inmolábannas a Hera. Os romanos, nas súas medallas, representaban a Xuno Sospita cunha pel de cabra.
Segundo o escritor romano Aulo Xelio puxérase unha cabra branca nun cadro de Homero, porque se lle consagraba un destes animais en sacrificio como a poeta dedicado a Apolo, ao cal se acostumaba inmolar cabras desta cor.[20]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.