Remove ads
From Wikipedia, the free encyclopedia
A chamada era dos descubrimentos ou era das exploracións foi un período histórico que comezou a principios do século XV estendéndose ata comezos do século XVII. Durante esta época os navíos de Europa percorreron os mares do mundo á busca de novos socios e rutas comerciais cos que contribuír ao incipiente capitalismo europeo. Durante estas exploracións, os europeos descubriron nacións e cartografaron territorios que anteriormente non coñecían. Entre os exploradores máis famosos de Era dos Descubrimentos atópanse Cristovo Colón, Vasco da Gama, Pedro Álvares Cabral, Juan de la Cosa, Bartolomeu Dias, Xoán Caboto, Juan Ponce de León, Fernão de Magalhães e Juan Sebastián Elcano. Afrontaron a navegación oceánica cuns medios precarios: non podían determinar con precisión a lonxitude,[1] os cascos de madeira das naves eran atacados por bromas,[2] a alimentación resulaba inaxeitada para as longas travesías[3] e a hixiene e as condicións de vida a bordo eran malas. Con todo, impulsados pola economía, e para acrecentar territorios de imperios e nacións, aqueles homes realizaron expedicións que ensancharon o mundo coñecido.
A comezos da era dos descubrimentos, no século XV, Johannes Gutenberg inventou un dos obxectos que máis mudeou o curso da historia: a imprenta de caracteres móbiles.[4] Dende finais do citado século ata a segunda metade do século XVI tiveron lugar as chamadas guerras italianas, que son un conxunto de conflitos europeos que tiveron lugar entre Francia, España, Sacro Imperio Romano Xermánico, Inglaterra, Escocia, a República de Venecia, os Estados Pontificios e outras cidades estado italianas.
Ao longo do século XVI, varios relixiosos, filósofos e políticos intentaron provocar un cambio profundo e xeneralizado nos usos e costumes da Igrexa católica na Europa Occidental. Así comezou a Reforma protestante, mediante a predicación do sacerdote católico agostiño Martiño Lutero. Como resposta a esta xurdiu a Contrarreforma cuxos obxectivos foron renovar a Igrexa e evitar o avance das doutrinas protestantes. Durante a segunda metade do devandito século desencadeáronse unha serie de oito conflitos que foron bautizados baixo o nome de Guerras de relixión de Francia. Nestes sucesos enfrontáronse os hugonotes e os católicos. Ata finais deste século mantívose de forma hexemónica en Europa unha corrente filosófica, filolóxica, intelectual, artística e educativa denominada humanismo, o cal estaba estreitamente vencellado ao Renacemento. Precisamente sería esta era a que marcaría o comezo da expansión mundial da cultura europea, o cal rompe a concepción medieval do mundo, fundamentalmente xeocéntrica. Algúns dos personaxes máis importantes do Renacemento foron Leonardo da Vinci, Michelangelo, Miguel de Cervantes, o xa nomeado Martiño Lutero, Durero, Johannes Kepler, Tycho Brahe, Joachim Patinir, Quentin Metsys, Antonio Moro, O Bosco, Erasmo de Rotterdam e Bruegel o vello.
Durante o século XVII tiveron lugar a expulsión dos mouriscos de España e a Guerra dos Trinta Anos. O Renacemento do século XVI é a porta de entrada para que nos 100 anos que correron de 1600 a 1700, a sociedade puidese zafarse do vello molde que implantaba métodos ríxidos de comportamento e actuación, especialmente de impostos, pola Igrexa.
Xa no século XVIII producíronse importantes avances tecnolóxicos como a máquina de vapor, culturais como a aparición da enciclopedia e o desenvolvemento da astronomía, e bélicos como a Guerra de Independencia dos Estados Unidos, a Revolución Francesa, as guerras de sucesión española, austríaca e polaca, e a Guerra dos Sete Anos.
Por outra banda, un dos grandes desastres que aconteceron no século XVIII tivo lugar en Lisboa, que foi arrasada por un terremoto que esnaquizou practicamente a cidade. A corrente cultural que predominou neste século foi a Ilustración.
O comercio tivo moito que ver coas orixes de Era das Exploracións. Tratábase de atopar unha ruta marítima cara Asia para traer á Europa occidental as especias de Oriente,[5] que ata ese momento chegaban por terra, en caravanas que tiñan que cruzar os territorios dos países asiáticos, e cuxo comercio en Europa era practicamente un monopolio dos mercadores italianos, fundamentalmente venecianos e xenoveses.[6]
Dende a Antigüidade establecéronse dúas rutas comerciais cara o Oriente, o Leste: unha ruta marítima, que partía de Exipto e Iraq, e outra terrestre, a Ruta da seda.[7] A primeira, estacional, aproveitaba os ventos do monzóns: entre abril e xuño partían as naves cara Asia oriental, dende Suez ou Basora navegando polo mar Vermello ou o golfo Pérsico, respectivamente,[8] ata o mar de Arabia, onde o monzón do suroeste -que sopra cara a terra- impulsábaas cara ao océano Índico e o mar da China meridional.[9] Uns seis meses despois, entre outubro e decembro, o monzón do nordeste -que sopra cara ao mar- facilitaba o retorno aos portos de orixe.[10][11]
A Ruta da seda, vía terrestre, afundía as súas raíces occidentais nas costas do Mediterráneo oriental principalmente -Alexandría, Damasco e Alepo-,[12][13] e do mar Negro, dende onde se internaba en Asia pasando por Bagdad e o sur do mar Caspio, recibindo ramais de territorios interiores de ata as proximidades do mar de Aral. De Bujara, no centro de Asia, partía unha derivación ata Delhi e Agra na India. Máis para aló de Bujara, en Samarcanda,[14] ao norte do Pamir, a ruta da seda bifurcábase de novo: polo norte, ata Almaty; polo Leste, percorrendo toda a Asia central, e bordeando o Himalaia, acadaba a cidade chinesa de Xian.[15] Finalmente, dende aquí sendas vías remataban en Pequín e Shanghai.
O acceso a esa inmensa vía de comunicación con Oriente adoitaba estar pechado nas mans musulmás. Alexandría, Alepo e Damasco eran un pano de aceiro[16] infranqueable. Só entre mediados do século XIII e do XIV os europeos tiveron libre acceso a Catay[17] durante o apoxeo do imperio tártaro de Kublai Khan,[18] anfitrión de Marco Polo.
As vías comerciais existentes traían as cobizadas especias, pero tamén as encarecían extraordinariamente polos innumerables tributos que se pagaban ao cruzar tan vastos territorios. E isto sen contar con avatares políticos, ou ata a bandidaxe. Urxía resolver o problema: atopar unha ruta para o Poñente. Ademais houbo unha serie de melloras das técnicas de navegación así como os avances en cartografía, navegación e construción naval. O logro técnico que posibilitou a aventura foi a invención da carraca e posteriormente da carabela na Península Ibérica. Estes barcos eran unha combinación de modelos tradicionais de navíos árabes e europeos e foron os primeiros capaces de saír do apracible mar Mediterráneo para facelo con certa seguridade en augas abertas do océano Atlántico.
A organización social dos reinos da Península Ibérica determinaba unha empresa así. As grandes familias tiñan a institución do morgado, pola que o primoxénito herdaba as posesións familiares. Os segundoxénitos podían adicarse á Igrexa ou probar fortuna na guerra contra os mouros, na que podían gañar honras e terras co seu esforzo. Ao rematar a conquista acabáronse as terras por conquistar, aínda que se podía seguir a reconquista polo norte de África, a Mauritania Tinxitana dos romanos. Portugal terminou a súa reconquista antes cá Coroa de Castela e lanzouse a establecer colonias no norte de África como paso previo a seguir a ruta polo sur do continente. Aragón, tamén rematou antes ca Castela e lanzouse a buscar a ruta directamente polo Mediterráneo.
A raíña Isabel a Católica no seu testamento encargou que a reconquista seguira por terras de África,[19] pero o descubrimento da ruta ás Indias por Occidente (na realidade, o continente americano) cambiou os plans destes segundoxénitos e abriu posibilidades inesperadas para continuar o ímpeto conquistador dos oito séculos anteriores.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.