Remove ads
fibra que se obtén do froito do algodoeiro From Wikipedia, the free encyclopedia
O algodón[1] ou cotón[2] é unha fibra branca ou esbrancuxada que se obtén dos froitos dos algodoeiros (algunhas especies do xénero Gossypium, familia Malvaceae). Hai moitas especies nativas das áreas tropicais de África, Asia e América, e desde o final da última Era glacial xa se confeccionaban tecidos con algodón. Actualmente, soamente se aproveitan 4 especies a grande escala para a confección de tecidos e instrumentos médicos.
Existen catro especies de algodón cultivadas comercialmente, todas domesticadas na antigüidade:
Tamén se cultivan variedades híbridas.[3] As dúas especies de algodón do Novo Mundo representan a gran maioría da produción moderna de algodón, pero as dúas especies do Vello Mundo foron amplamente utilizadas antes da década de 1900. Aínda que as fibras de algodón aparecen de forma natural en cores branco, marrón, rosa e verde, os medos a contaminar a xenética do algodón branco fixeron que moitos lugares de cultivo de algodón prohibisen o cultivo de variedades de algodón de cores.
En contraposición ao cultivo de variedades modificadas xeneticamente está a agricultura ecolóxica do algodón, que ademais de non empregar plantas transxénicas tampouco utiliza produtos químicos sintéticos como fertilizantes ou praguicidas.[4] A súa produción tamén promove e mellora a biodiversidade e os ciclos biolóxicos.[5] As plantacións de algodón dos Estados Unidos están obrigadas a cumprir o National Organic Program (NOP). Esta institución determina as prácticas permitidas para o control de pragas, cultivo, fertilización e xestión do cultivos orgánicos.[6][7]
O algodón cultivouse por primeira vez en Asia hai uns 7000 anos (V-IV milenio a.C.) polos habitantes do val do Indo, unha civilización que ocupou gran parte do subcontinente indio, incluíndo partes do actual Paquistán oriental e o noroeste da India.[8] A industria do algodón do Indo estivo moi desenvolvida e algúns métodos empregados na fiación e tecido de algodón seguiron empregándose ata a industrialización moderna na India. A primeira evidencia do uso do algodón, conservado en contas de cobre, atopouse no xacemento arqueolóxico neolítico de Mehrgarh, aos pés do paso Bolan en Baluchistán, Paquistán.[9][10][11]
En América descubríronse restos de algodón nunha cova preto de Tehuacán, México, que data do 5500 a.C., mais a súa antigüidade foi cuestionada.[12] A domesticación de Gossypium hirsutum en México dátase máis probablemente entre o 3400 e o 2300 a.C.[13] Hoxe en día, continúa a ser a variedade máis plantada no mundo, aproximadamente o 89,9 % da produción mundial.[14]
No Perú, o cultivo da especie indíxena de algodón Gossypium barbadense datouse, a partir dun achado en Ancón, arredor de 4200 a.C.,[15] e foi a columna vertebral do desenvolvemento das culturas costeiras como o Norte Chico, Moche e Nazca. O algodón cultivábase augas arriba, transformábase en redes e comercializábase en vilas mariñeiras da costa a cambio de grandes subministracións de peixe. Os españois que chegaron a México e ao Perú a principios do século XVI descubriron que a poboación cultivaba algodón e levaba roupa feita cos seus tecidos.
Parece que gregos e árabes ignoraron o algodón ata a época de Alexandre o Grande, xa que o seu contemporáneo Megastenas dixo a Seleuco en Indica "hai árbores en que medra a la".
En Persia, a historia do algodón remóntase á época aqueménida, mais hai poucas fontes sobre o cultivo do algodón na Persia preislámica. O seu cultivo era común en Merv, Rey e Fars. Nos poemas dalgúns poetas persas como Ferdousí e Shahnameh, hai moitas referencias ao cultivo do algodón ("panbe" en persa). Marco Polo (no século XIII) ao referirse aos principais produtos de Persia inclúe o algodón. John Chardin, un famoso viaxeiro francés do século XVII que visitara o Imperio Safávida describiu as grandes granxas de algodón de Persia.[16]
A finais da Idade Media, o algodón coñeceuse no norte de Europa, era unha fibra importada da que se descoñecía a orixe, agás que procedía dunha planta. Debido á súa semellanza coa la, a xente chegou a imaxinar que o algodón tiña que ser producido por unha planta de ovellas. Xoán de Mandeville, no seu libro de viaxes publicado entre 1357 e 1371, mencionou como un feito verdadeiro a crenza de que: "na India medra unha árbore marabillosa que leva años ao final das súas pólas. Estas pólas eran tan flexibles que se dobraban para permitiren os años comer cando tiñan fame". Estas crenzas reflíctense no nome do algodón nalgunhas linguas europeas, como o alemán Baumwolle, que literalmente significa "la de árbore" (Baum significa "árbore" e Wolle significa "la"). A finais do século XVI, o algodón cultivábase en todas as rexións cálidas de Asia e América.
A fabricación artesanal india do algodón diminuíu gradualmente durante a expansión británica e o establecemento do dominio colonial entre finais do século XVIII e principios do XIX. Isto debíase en gran parte ás agresivas políticas mercantís coloniais impostas pola Compañía Británica das Indias Orientais, que facían que os talleres de procesamento de algodón e téxtiles da India fosen pouco competitivos. Deste xeito, os mercados indios víronse cada vez máis obrigados a vender só algodón cru e foron forzados por imposición da lei británica a mercar produtos téxtiles fabricados en Gran Bretaña.
O inicio da Revolución Industrial en Gran Bretaña supuxo un grande estímulo para a fabricación de algodón, facendo do téxtil o principal produto de exportación británico. En 1738, Lewis Paul e John Wyatt de Birmingham, Inglaterra, patentaron a máquina de fiar con rodelos e o sistema de volante e carrete para fabricar algodón cun espesor máis uniforme mediante dous conxuntos de bobinas que xiran a diferentes velocidades. Máis tarde, a invención da máquina de fiar Jenny en 1764 e a máquina de fiar de marco rotativo de Richard Arkwright en 1769, permitiu aos teceláns ingleses producir algodón e tea en cantidades moito maiores. A partir do século XVIII, a cidade inglesa de Manchester adquiriu o alcume de "Cottonopolis" debido á omnipresencia da industria do algodón dentro da cidade e ao seu papel como centro do comercio mundial de algodón. A capacidade de produción de Gran Bretaña e dos Estados Unidos mellorou aínda máis coa invención da desmotadora polo estadounidense Eli Whitney en 1793, o que permitiu o uso de algodón americano de grapa curta na industria téxtil.[17] Mellorar a tecnoloxía e aumentar o control dos mercados mundiais permitiu aos comerciantes británicos desenvolver unha cadea de comercio en que se mercaban fibras de algodón bruto (nun principio) en plantacións coloniais, transformábanse en tecido nas fábricas de Lancashire e convertíanse en exportacións con barcos británicos aos mercados cativos coloniais de África occidental británica, a India e a China (a través de Shanghai e Hong Kong).
Na década de 1840, a India xa non era capaz de producir as grandes cantidades de algodón demandadas e necesarias polas fábricas británicas para a súa produción, mentres que o envío de grandes volumes de algodón indio requiría moito tempo e diñeiro. Todo isto, unido á aparición do algodón americano como un tipo de calidade superior (debido ás fibras máis longas e fortes das dúas especies nativas americanas, Gossypium hirsutum e Gossypium barbadense), animou os comerciantes británicos a comezar a mercar algodón de plantacións dos Estados Unidos e o Caribe. Este algodón tamén era moito máis barato, xa que o producían escravos. A mediados do século XIX, o algodón converteuse na base da economía do sur dos Estados Unidos onde o cultivo e a recollida de algodón se converteu na ocupación principal dos escravos.
Durante a guerra civil, as exportacións estadounidenses de algodón caeron debido ao bloqueo que os estados da Unión impuxeron aos portos do sur, así como a unha decisión estratéxica do goberno confederado de cortar as exportacións coa esperanza de forzar a Gran Bretaña a recoñecer a Confederación ou entrar na guerra; con todo, os principais compradores de algodón, o Reino Unido e Francia, chegaron a considerar Exipto como substituto. Os comerciantes británicos e franceses investiron moito en plantacións de algodón exipcio e o goberno de Ismail Pasha recibiu grandes créditos dos bancos e das bolsas de valores de Europa. Cando rematou a guerra civil estadounidense en 1865, os comerciantes británicos e franceses abandonaron o algodón exipcio e as importacións económicas dos Estados Unidos volveron, levando a Exipto a unha espiral de déficit que fixo que o país declarase a bancarrota en 1876, un factor clave para a posterior anexión de Exipto polo Imperio Británico en 1882.
Durante a guerra civil nos Estados Unidos, o cultivo de algodón aumentou no Imperio Británico, especialmente na India, para tratar de substituír a produción perdida nos estados confederados. Mediante aranceis e outras restricións, o goberno británico desincentivou a produción de tecidos de algodón na India, polo que o algodón bruto foi enviado a Inglaterra para o seu procesamento. Nos Estados Unidos, o algodón do sur proporcionou capital para o desenvolvemento continuado do norte. O algodón producido polos escravos africanos non só axudou ao sur, senón que tamén enriqueceu os comerciantes do norte xa que gran parte do algodón se transportaba polos portos do norte.
O algodón continuou a ser un cultivo fundamental na economía dos estados do sur despois da proclamación de emancipación de escravos e o final da guerra civil en 1865. A aparcería xurdiu no sur como a forma contractual que permitiu aos escravos negros liberados e aos campesiños brancos sen terra traballar nas plantacións de algodón, que seguían sendo propiedade de brancos ricos, a cambio dunha parte dos beneficios. As plantacións de algodón requirían grandes cantidades de traballo para coller algodón e non foi ata a década de 1950 cando apareceron máquinas fiables para recoller algodón (a maquinaria anterior era demasiado torpe para recoller algodón sen esnaquizar as fibras). Durante o século XX, o emprego na industria do algodón diminuíu gradualmente a medida que as máquinas comezaban a substituír os traballadores e a forza de traballo rural do Sur diminuíu durante a primeira e a segunda guerra mundial. Actualmente, o algodón continúa a ser unha das principais exportacións do sur dos Estados Unidos e a maioría da colleita mundial de algodón é da variedade americana básica longa.[18]
A chinesa Chang'e 4 levou sementes de algodón á cara oculta da Lúa. O 15 de xaneiro de 2019, a China anunciou que grelara unha semente, a primeira "planta verdadeiramente doutro mundo na historia" dentro do cráter Von Kármán. A cápsula e as sementes están dentro do aterrador da Chang'e 4.[19]
As fibras recóllense manualmente ou coa axuda de máquinas. Dunha forma ou doutra, as fibras sempre conteñen pequenas sementes negras e triangulares que precisan ser extraídas antes do procesamento das fibras. As fibras son, de feito, pelos orixinados da superficie das propias sementes. Estas sementes tamén poden aproveitarse para a obtención dun aceite comestible, chamado aceite de algodón.
Nos primeiros 28 días despois da abertura da flor, as referidas células medran axiña en lonxitude, ata o 91 % da lonxitude final. Deseguida, o crecemento dos 9% finais vólvese lento e estabilízase en torno dos 47-51 días do florecemento. Aos 21 días, a parede da célula resúmense, basicamente, en cutícula e capa, fina, de celulosa.
De 21 ata os 52-56 días despois da abertura da flor, a deposición de celulosa é intensa (96%), co consecuente engrosamento da parede secundaria por capas concéntricas sucesivas de material depositado, de fóra para dentro da fibra. A deposición dos 4% finais é de lenta e estabílizase aos 61-64 días do florecemento. A temperatura e a luminosidade inflúen decisivamente na cantidade de celulosa depositada, que se asocia ao grao de maduración da fibra de cotón, ese comportamento amósase na fase na que a celulosa se deposita na fibra.
Nos últimos 8-9 días antes da abertura dos froitos, a deposición de celulosa é máis lenta. A expansión da masa de fibras, aliada ao aumento da presión interna, e o proceso de deshidratación gradual da casca do froito provocan a súa propia abertura, que pasa a ser denominada de casulo.
Coa abertura dos froitos pérdese auga con gran rapidez, provocando a contracción das fibras sobre si. Hai un colapso da forma tubular, co achatamento das fibras que asumen, na súa sección transversal, a forma característica de gran de feixón. Aparecen, ao longo das fibras achatadas, os puntos de reversión ben para un lado ben para o outro, conferíndolles a súa calidade de fiabilidade.
Aparencia de verniz. Contén cera, gomas, pectinas e aceites. A cera é responsable do control da absorción de auga
É a parte máis externa da fibra e constitúe unha capa de protección, fina e resistente, con pola fibra. É a capa situada debaixo da cutícula.
Está constituída por celulosa, na forma de fibrilas microscópicas dispostas transversalmente en relación ao lonxitude da fibra, en espirais dextro ou levoxiras. Nunha mesma fibra, o sentido das espirais non muda. A formación da parede primaria determina a lonxitude da fibra. Esa parede contén outras substancias tamén, como azucres, pectinas e proteínas.
A parede secundaria localízase debaixo da parede primaria, representando a maior parte da espesura desta. Formada por varias capas concéntricas de celulosa case pura, na forma de fibrilas cristalinas aglomeradas en espirais, cuxo sentido muda ao longo dunha mesma fibra. Da súa natureza dependen fundamentalmente a resistencia e a maturidade da fibra.
É a canle central da fibra. De sección circular durante a formación desta, pasa a ter contorno irregular despois do proceso de deshidratación (colapso). Contén residuo proteico do protoplasma da célula que orixinou a fibra. A fibra madura presenta paredes relativamente espesas, con menos torcións e lume reducido, ao paso que fibras inmaturas son máis achatadas, contorcida, con paredes delgadas de lume amplo.
O principal compoñente da fibra de algodón é a celulosa, que representa a maior parte da súa composición química. A cadea de celulosa queda constituída por moléculas de glicose. A disposición destas moléculas na cadea denomínase celulosa amorfa e cristalina, e ten un importante papel nas características das fibras. Despois da celulosa, a cera é o máis importante na fibra de algodón. É responsable do control de absorción de auga pola fibra e funciona como lubrificante entre as fibras durante os procesos de estiraxe na fiación.
Composición química aproximada da fibra de cotón, determinada en vase seca:
As propiedades físicas da fibra determinan a súa calidade ou valor tecnolóxico. Non obstante, o concepto de calidade do algodón sufriu modificacións no pasado en función das tecnoloxías realizadas. Antigamente o valor do algodón determinábao a lonxitude da fibra e o tipo comercial, comprobándoo o primeiro de xeito manual polos clasificadores e o segundo, visualmente, en función da limpeza, aparencia, cor e aspectos do produto. A investigación revelou a importancia doutras características físicas, utilizando aparellos axeitados, cuxa evolución foi rápida nas últimas décadas. Hoxe en día, a maioría das industrias xa teñen en consideración o Índice Micronaire, a tenacidade da fibra e a maduración na avaliación da materia prima.
Pos. | País | 2009 | 2010 | 2011 | 2018[20] |
---|---|---|---|---|---|
1 | China | 6.377.00 | 5.970.000 | 6.588.950 | 16.865.790 |
2 | India | 4.083.400 | 5.683.000 | 5.984.000 | 11.528.680 |
3 | Estados Unidos | 2.653.520 | 3,.941.700 | 3.41250 | 9.960.406 |
4 | Paquistán | 2.111.400 | 1,869,000 | 2.312.000 | 5.634.082 |
5 | Brasil | 956.189 | 973.449 | 1.673.337 | 2.982.235 |
6 | Uzbekistán | 1.128.200 | 1.136.120 | 983.400 | 3.369.032 |
7 | Turquía | 638.250 | 816.705 | 954.600 | 2.231.469 |
8 | Australia | 329.000 | 386.800 | 843.572 | 1.508.850 |
9 | Turkmenistán | 220.100 | 330.000 | 330.000 | 872.649 |
10 | Arxentina | 135.000 | 230.000 | 295.000 | - |
11 | Grecia | - | - | 1.059.121 | |
— | Mundo | 61.837.062 | 69.220.247 | 79.513.579 | 71.029.354 |
Fonte: UN Food & Agriculture Organization [21] |
A produción mundial de cotón está a experimentar unha importante suba nos últimos anos, chegando no ano 2011 aos 24 millóns de toneladas. Porén hai un gran desequilibrio entre os produtores, mesmo entre os 10 con máis produción, xa que máis da metade se centra en dous países, a China e a India, con 6,5 e 6 millóns de toneladas respectivamente, pola outra banda países como a Arxentina ou Turkmenistán apenas roldan as 300.000.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.