Remove ads
From Wikipedia, the free encyclopedia
A banana[1] ou plátano[2] é o froito en forma de baga oblonga e arqueada da bananeira ou plataneiro, de polpa fareluda e pel grosa, sen sementes e comestíbel. O froito é variable en tamaño, cor e firmeza, pero adoita ser alongado e curvado, cunha carne suave rica en amidón cuberta cunha casca , que pode ser verde, amarela, vermella, roxa ou marrón cando está madura. Os froitos medran cara a arriba en acios preto da parte superior da planta. Case todos os plátanos comestibles modernos sen sementes (partenocarpia) proveñen de dúas especies silvestres: Musa acuminata e Musa balbisiana . Os nomes científicos da maioría dos plátanos cultivados son Musa acuminata, Musa balbisiana e Musa × paradisiaca para o híbrido Musa acuminata × M. balbisiana , dependendo da súa constitución xenómica. O antigo nome científico deste híbrido, Musa sapientum , xa non se usa. Existen moitas variedades de banana, tanto de consumo cru como cociñado.
Valor nutricional por 100 g | |
---|---|
Enerxía | 371 kJ (89 kcal) |
22.84 g | |
Azucres | 12.23 g |
Fibra alimentaria | 2.6 g |
0.33 g | |
1.09 g | |
Vitaminas | Cantidade %DV† |
Tiamina (B1) | 3% 0.031 mg |
Riboflavina (B2) | 6% 0.073 mg |
Niacina (B3) | 4% 0.665 mg |
Ácido pantoteico (B5) | 7% 0.334 mg |
Vitamina B6 | 31% 0.4 mg |
Ácido fólico (B9) | 5% 20 μg |
Colina | 2% 9.8 mg |
Vitamina C | 10% 8.7 mg |
Minerais | Cantidade %DV† |
Ferro | 2% 0.26 mg |
Magnesio | 8% 27 mg |
Manganeso | 13% 0.27 mg |
Fósforo | 3% 22 mg |
Potasio | 8% 358 mg |
Sodio | 0% 1 mg |
Cinc | 2% 0.15 mg |
Outros constituíntes | Cantidade |
Auga | 74.91 g |
| |
†As porcentaxes son aproximadas empregando a recomendación de US para os adultos. Fonte: Base de datos USDA Nutrient |
As especies de Musa son nativas da zona tropical do indomalaia e do continente australiano, e é probable que fosen domesticadas por primeira vez na Nova Guinea,[3][4] de onde posteriormente pasou a ser cultivada en África, América e noutros lugares do mundo de clima semellante, coma agora Oceanía e Australasia. As bananeiras das Illas Canarias son, xeralmente, dunha variedade anana. Cultívanse en 135 países,[5] principalmente pola súa froita, e en menor medida para facer fibra, viño de banana e cervexa de banana, e ás veces mesmo se cultivan como planta ornamental. Os maiores produtores mundiais de bananas en 2017 foron a India e a China, que xuntos representaron aproximadamente o 38% da produción total.[6] En 2023, a India producío preto de 30,5 millóns de toneladas de bananas ao ano, algo menos de 20 millóns de toneladas máis que a China.[7]
O termo "bananeiro" ou "plataneiro" utilizase como nome común das plantas que producen a froita.[8] Pode estenderse a outros membros do xénero Musa, como a plátano escarlata (Musa coccinea), a plátano rosa (Musa velutina), e as bananas fe'i. Tamén pode referirse a membros do xénero Ensete, como a banana das neves (Ensete glaucum) e a banana falsa (Ensete ventricosum), de grande importancia económica. Ambos os xéneros pertencen á familia dos plátanos, Musaceae.
Os catro tipos principais de variedades de banana son: a banana-prata; a banana-mazá (de tamaño pequeno e máis arredondada), a Cavendish (tamén coñecida como banana de auga) e a banana-terra.
«Plátano» xurdiu no século XV desde o latín platanus, que á súa vez provén do grego antigo no que plátos significa «anchura», facendo referencia á anchura das follas da árbore.[9] Crese que a palabra «banano» é de orixe africana, posiblemente das linguas bantús[10] banaana, que posteriormente pasou ao portugués. «Banana» xurdiu máis tarde, ao redor do século XVIII, posiblemente como préstamo lingüístico polo comercio cos portugueses, que entrou ao vocabulario castelán, e de ai o galego, polas illas Canarias e estendeuse a América, onde nalgúns lugares prefírese usar o termo «banana».
As plantas de banana son cultivos perennes que crecen desde unha cepa grosa subterránea brotando con rapidez varios rebentos dos que normalmente se deixa un para favorecer o crecemento do froito, podendo cultivarse durante todo o ano.[11]
Tarda entre 80 e 180 días en desenvolverse por completo. En condicións ideais frutifican todas as flores femininas, adoptando unha aparencia dactiliforme que leva a que se denomine man ás fileiras nas que se dispoñen. Pode haber entre cinco e vinte mans por espiga, aínda que normalmente trúncase a mesma parcialmente para evitar o desenvolvemento de froitos imperfectos e evitar que o capullo terminal insuma as enerxías da planta. O punto de corte fíxase normalmente na "falsa man", unha na que aparecen froitos ananos. En total pode producir uns 300 a 450 froitos por espiga, pesando máis de 50 kg.[Cómpre referencia]
O froito é unha pseudobaga epígina de 7 a 30 cm de longo e ata 5 de diámetro, que forma un acio compacto. Está cuberta por un pericarpo coriáceo verde no exemplar inmaturo e amarelo intenso, vermello ou bandeado verde e branco o madurar. É de forma lineal ou falcada, entre cilíndrica e marcadamente angulosa segundo a variedade. O extremo basal estréitase abruptamente cara a un pedicelo de 1 a 2 cm. A polpa é branca a amarela, rica en amidón e doce; nas bananas pode resultar algo adstrinxente ou gomosa polo seu contido en látex, farinosa e seca. Moi de cando en cando as variedades diploides ou tetraploides producen sementes, negras, globosas ou irregulares, coa superficie rugosa, de ata 16 × 3 mm de tamaño, incrustadas na polpa. As triploides, como a 'Cavendish', nunca producen semente.[Cómpre referencia]
Os froitos da banana desenvólvense a partir do corazón da banana, nun gran acio colgante, formado por varias «mans» ou niveis, con ata vinte froitos por man. O acio comprende de tres a vinte niveis e pode pesar de 30 a 50 kg. Os «dedos» son as froitas individuais, que promedian 125 gr, dos cales aproximadamente o 75 % é auga e o 25 % materia seca.
Ten unha pel exterior protectora, con numerosos fíos longos e delgados que son os feixes vasculares do floema, e que se estenden ao longo entre a pel e a parte interior. A parte interior da variedade de sobremesa amarelo común pódese dividir lonxitudinalmente en tres secciones que corresponden ás porcións internas dos tres carpelos deformando manualmente a froita sen abrir.[12] Nas variedades cultivadas, as sementes redúcense case á inexistencia; os seus restos son pequenas motas negras no interior da froita.[13]
O xénero Musa foi creado por Carl von Linné en 1753.[14] Crese que o nome pode derivarse de Antonio Musa, médico do emperador Augusto, o que Linné puido adaptar a palabra árabe para banana, mauz.[15] Musa pertence á familia Musaceae.
A clasificación orixinal de Linné baseouse nos escasos exemplares á súa disposición en Europa, onde o clima limita severamente a posibilidade de obter plantas en bo estado. Na súa obra Species Plantarum de 1753, incluíu co nome de Musa paradisiaca un exemplar de banano, con froitos longos e delgados e as brácteas e flores masculinas persistentes no raque da inflorescencia, que puido observar persoalmente no invernadoiro de George Cliffort, preto da cidade neerlandesa de Haarlem. Seis anos máis tarde engadiu na súa descrición Musa sapientum, un exemplar que producía froitos de sobremesa, con flores masculinas dehiscentes e cun menor contido de fécula no froito.
O sistema APG III asigna a Musaceae na orde Zingiberales, parte do clado commelinidae das plantas con flores monocotiledóneas.[16]
A clasificación das bananas cultivadas foi durante moito tempo un tema problemático para os taxonomistas. Linné orixinalmente clasificou as bananas en dúas especies baseándose unicamente nos seus usos como alimento: Musa sapientum para as bananas de sobremesa e Musa paradisiaca para as «verdadeiras bananas».[17] Nunha serie de artigos publicados a partir de 1947, Ernest Cheesman mostrou que a Musa sapientum e a Musa paradisiaca de Linné eran cultivares e descendentes de dúas especies silvestres produtoras de sementes, Musa acuminata e Musa balbisiana, ambas as dúas descritas por primeira vez por Luigi Aloysius Colla.[18][19] Cheesman recomendou a abolición das especies de Linné a favor de reclasificar os bananos de acordo con tres grupos morfoloxicamente distintos de cultivares: os que exhiben principalmente as características botánicas de Musa balbisiana, os que exhiben principalmente as características botánicas de Musa acuminata e os que teñen características de ambos.[20]
A clasificación das múltiples variedades de bananas é unha cuestión extremadamente complexa, e aínda inacabada. A clasificación de Linné utilizouse durante séculos, ao corresponderse bastante estreitamente ás variedades difundidas en América e África. Con todo, o centro da diversidade xermoplasmática de Musa ao sueste asiático presentaba numerosas especies que non conviñan ás descricións que publicara o botánico sueco en numerosos aspectos. As especies descritas e publicadas nos dous séculos seguintes foron numerosas, pero pouco coidadosas, e a confusión sobre a súa relación era grande.
Non sería ata a publicación en 1948 da Classification of the bananas de Ernest Cheesman que se introduciu unha orde taxonómica rigorosa á cuestión. Cheesman identifica os tipos Linnean como híbridos producidos polo cruzamento de dúas especies descritas por Luigi Colla, M. acuminata e M. balbisiana. A partir deles, clasificou as múltiples variedades cultivadas en tres grupos segundo a súa dotación xenética; un deles descendía principalmente de cada unha das especies proxenitoras, mentres que un terceiro estaría formado por híbridos de trazos mixtos.
O grupo procedente principalmente de M. acuminata comprendería as bananas comestibles máis antigas, obtidas mediante a selección de exemplares estériles e partenocárpicos da especie nas illas do sueste asiático e a península malaya. A partir destes, e por restitución cromosómica, desenvolvéronse variedades triploides máis robustas e produtivas. Cheesman clasificaba estas variedades xunto co seu antepasado salvaxe como M. acuminata, argumentando que a autopoliploides non representaba ningunha alteración do material xenético da especie.
Máis ao norte, en rexións máis secas, as variedades procedentes de M. balbisiana resultaron máis útiles ao ser máis tolerantes.Os primeiros exemplares triploides deste grupo obtivéronse nas Filipinas, sementados pero morfoloxicamente moi similares ao seu proxenitor salvaxe. Difundidos por propagación vexetativa pola súa esterilidade, darían orixe ao segundo grupo de variedades cultivadas, aos que Cheesman clasificaba paralelamente como M. balbisiana .
Finalmente, nalgunhas zonas as dúas ramas entraron en contacto, e ao ser heterocompatibles deron orixe a híbridos naturais diploides, triploides e algúns tetraploides, entre os que se contaban as dúas variedades que tivo ocasión de identificar Linné. Aínda que a expresión botánicamente máis correcta para designar a planta sería M. acuminata x balbisiana, de acordo coas normas do Código Internacional de Nomenclatura de Plantas Cultivadas os híbridos de interese poden levar tamén un nome binomial para a súa identificación. Dado que Musa paradisiaca ten prioridade de publicación, o nome de híbrido Musa x paradisiaca pode ser utilizado para designar a todas as variedades procedentes do cruzamento de M. acuminata e M. balbisiana sen máis precisións sobre a súa composición xenética.[21]
Con todo, a composición xenética é importante para determinar as características dos diferentes grupos cultivados, que difiren espectacularmente entre si. Pouco despois dos achados de Cheesman, Ken Simmonds e Norman Shepherd (1955) publicaron un método para identificar as variedades a partir da súa orixe. A partir dunha táboa diagnóstica que comprende quince características básicas que varían entre M. acuminata e M. balbisiana, os híbridos avalíanse, asignando unha puntuación a cada característica segundo sexa idéntica a M. acuminata (un valor dun punto), idéntica a M. balbisiana (5 puntos) ou un fenotipo intermedio (puntuacións intermedios de acordo coa súa similitude aos proxenitores). Os valores súmanse, e o total utilízase para determinar grosso modo as características do híbrido. As puntuacións entre 15 e 20 corresponden a variedades salvaxes ou diploides puras de M. acuminata; no extremo máis alto da escala, os seus equivalentes de M. balbisiana. Os híbridos mostran puntuacións intermedias.
Simmonds e Shepherd propuxeron en 1955 un sistema de nomenclatura baseado no xenoma. Este sistema eliminou case todas as dificultades e inconsistencias da clasificación anterior de bananos baseada na asignación de nomes científicos ás variedades cultivadas.[18][22] por un código ad hoc para expresar o xenotipo da variedade. Cada híbrido identificaríase por unha clave de entre dúas e catro letras, de acordo coa súa ploidía; cada letra respondería a orixe da variedade, sendo A para designar unha rama xenética procedente de M. acuminata ou B para unha procedente de M. balbisiana. Deste xeito, un híbrido triploide con dous xogos de cromosomas procedentes de M. acuminata e un M. balbisiana identificaría como AAB, e un diploide puro de M. balbisiana como BB. As investigacións revelaron que as variedades de orixe A son máis numerosas que as de orixe B; a maioría dos cultivos son AAA ou AAB, e as bananas ABB, e AB, AABB ou ABBB son máis raras. Para precisar o cultivo, posponse o nome propio do mesmo entre comiñas simples á descrición xenética. Non todas as fontes adoptaron o sistema, pero conta cun extenso uso entre os especialistas no tema.
A maior parte dos cultivares como froitos procede exclusivamente de M. acuminata, presentando unha constitución diploide ou triploides. Simmonds e Shepherd distinguen varios grupos fenotípicos, aos que investigadores posteriores foron engadindo variedades de recente obtención ou non identificadas previamente:
É de cor verde cando é inmatura, volvéndose amarela ou vermella cando madera. A súa forma é alongada mais pode variar moito dependendo das variedades de cultivo. Esa variación tamén ocorre na polpa, que pode ser mole ou dura, ou mesmo con incrustacións medio duras, así como de sabor máis doce ou máis acre. Igual que o ananás é un froito partenocárpico, pois pode formarse sen fecundación previa e por iso non posúe sementes. Despois de cortada, a banana escurécese moi rapidamente, debido á oxidación (pola presenza da polifenoloxidase) en contacto co ar.
A especie Musa balbisiana, comercializada no mercado indonesio contén, excepcionalmente, sementes, e está considerada unha das especies ancestrais das actuais variedades híbridas das bananas xeralmente consumidas.
Da parte inferior da parte da banana aínda inmatura sae un pendón e, no seu extremo, destaca un cono de coloración e consistencia diferenciadas, que é a flor da bananeira. Esta flor, cocida e preparada con outros ingredientes, é comestíbel de sabor requintado e alto valor nutricional.[23].
A tradición popular achega outros usos para a flor da banana, como algúns xaropes caseiros con fins medicinais.[24]
A pesar de parecer non utilizábel, a casca da banana contén varios nutrientes, azucres naturais como a glicosa e sacarosa e minerais. Con iso, pode ser aproveitada no consumo alimenticio, proporcionando baixo custo. Existen diversos os exemplos nos que se aproveita a casca, como o bolo de casca de banana, a fariña ou os filetes empanados de casca de banana.
O cultivo de bananas polo ser humano iniciouse no sueste de Asia. Existen aínda moitas especies de banana salvaxe en Nova Guinea, Malaisia, Indonesia e as Filipinas. Indicios arqueolóxicos e paleoambientais revelados en Kuk Swamp, na provincia das Terras Altas Occidentais de Nova Guinea, suxiren que esta actividade remóntase polo menos ata 5000 a.C., ou mesmo ata 8000 a.C. Estes datos converten esta zona no berce do cultivo de bananas. Con todo, é probable que outras especies de banana salvaxes fosen obxecto de cultivo posteriormente, noutros lugares do sueste asiático.
A banana menciónase en documentos escritos por primeira vez na historia, en textos budistas de arredor de 600 a.C. Sábese que Alexandre o Grande comeu bananas nos vales da India en 327 a.C.. Porén, só se atopan plantacións organizadas de banana a partir do século III na China. En 650, os conquistadores islámicos levárona a Palestina. Foron, probabelmente, os mercadores árabes quen a divulgaron por gran parte de África, probabelmente ata Gambia. A palabra banana ten a súa orixe na África Occidental e, adoptada polos portugueses e os españois, pasou á lingua inglesa.
Nos séculos XV e XVI, os colonizadores portugueses comezaron a plantación sistemática de bananas nas illas atlánticas, no Brasil e na costa occidental africana, mais continuaron a ser descoñecidas durante moito tempo para a maior parte da poboación europea. Por iso, Jules Verne, na obra A volta ao mundo en oitenta días (1872), describe a banana detalladamente, pois sabe que gran parte dos seus lectores non a coñece.
Algunhas fontes refiren que xa existían especies nativas de bananeira na América precolombiana, as "bananas da terra".[25].
País | Millóns de toneladas | Porcentaxe |
---|---|---|
Produción | ||
India | 29,7 | 20% |
Uganda | 11,1 | 8% |
China | 10,7 | 7% |
Filipinas | 9,2 | 6% |
Ecuador | 8,0 | 6% |
Brasil | 7,3 | 5% |
Indonesia | 6,1 | 4% |
Colombia | 5,1 | 4% |
Camerún | 4,8 | 3% |
Tanzania | 3,9 | 3% |
Outros países | 49,6 | 34% |
Total mundial | 145,4 | 100% |
Exportación | ||
Ecuador | 5,2 | 29% |
Costa Rica | 1,8 | 10% |
Colombia | 1,8 | 10% |
Filipinas | 1,6 | 9% |
Guatemala | 1,5 | 8% |
Outros países | 6,0 | 34% |
Total mundial | 17,9 | 100% |
As bananas constitúen o alimento básico de millóns de persoas en varios países en vías de desenvolvemento. Nalgúns países tropicais, a banana verde (non madura) emprégase amplamente da mesma forma que as patacas noutros países, podendo ser fritidas, cocidas, asadas, guisadas etc. De feito, as bananas utilizadas así son semellantes á pataca non tanto no sabor e na textura, como na composición nutricional e calórica.
En 2005, a India liderou a produción mundial de bananas, con preto do 23 % da produción mundial, mais destinando a maioría ao consumo interno. Os catro países que máis exportan son Ecuador, Costa Rica, as Filipinas e Colombia, que suman preto de dous terzos das exportacións mundiais, exportando cada un máis dun millón de toneladas. De acordo coas estatísticas da FAO, só Ecuador é responsábel de máis do 30 por cento das exportacións globais.
Con todo, a maioría dos produtores por todo o mundo practican unha agricultura de baixa escala e de subsistencia: consumo propio e venda en mercados locais. Como as bananas son unha froita non estacional están dispoñíbeis todo o ano, polo que poden empregarse durante as estacións máis susceptíbeis de escaseza de alimentación. Por esta razón o cultivo de banana ten unha importancia fundamental en calquera sistema sustentado de loita contra a fame.
Nos últimos anos, a competición de prezos por parte dos supermercados diminuíu aínda máis as baixas marxes de lucro da maioría dos produtores de banana. As principais empresas do ramo, como Chiquita, Del Monte, Dole e Fyffes teñen as súas propias plantacións en Ecuador, Colombia, Costa Rica e Honduras. Estas plantacións esixen un grande investimento de capital, convertendo os propietarios das grandes e lucrativas plantacións en extremadamente influentes a nivel económico e político nos seus países, en detrimento dos pequenos produtores. Por este motivo nalgúns países as bananas están dispoñíbeis como artigos de comercio xusto.
O comercio global de bananas ten unha longa historia que comezou coa fundación da United Fruit Company (hoxe, Chiquita), no final do século XIX. Durante a maior parte do século XX, as bananas e o café dominaron por completo a economía de exportación da América Central. Na década de 1930 constituían máis do 75 por cento das exportación da rexión e nos anos 60 aínda supuñan o 67 por cento. A expresión "república bananeira" fíxose popular para designar a xeneralidade dos países da América Central. Moitos países da Unión Europea importan tradicionalmente moitas das bananas que consomen das súas antigas colonias, garantíndolles prezos por riba dos practicados no comercio global.
Aínda que non está en perigo de extinción, o cultivar máis común do plátano comestible, o Cavendish (popular en Europa e América) podería volverse inviable para o seu cultivo a gran escala nos próximos 10-20 anos. O seu predecesor, o 'Gros Michel', descuberto na década de 1820, sufriu ese destino. Como case todos os plátanos, o Cavendish carece de diversidade xenética, o que lle fai vulnerable ás enfermidades, ameazando tanto o cultivo comercial como á agricultura de subsistencia a pequena escala.[27] Algúns estudosos sinalaron que esas variantes que poderían substituír o que gran parte do mundo considera un 'plátano típico' son tan diferentes que a maioría da xente non consideraría que fosen a mesma froita, e culpan do declive do plátano ao cultivo monoxenético impulsado polo comercio cortoplacista .[28]
Entre as pragas máis destacadas pódense atopar:
As bananas son un amidón básico para moitas poboacións tropicais. Dependendo do cultivo e a madurez, a polpa pode variar en sabor de amidonada a doce e textura de firme a branda. Tanto a pel como a parte interior pódense comer crúas ou cocidas. O compoñente principal do aroma das bananas frescas é o acetato de isoamilo (tamén coñecido como aceite de banana), que, xunto con varios outros compostos como o acetato de butilo e o acetato de isobutilo, contribúe significativamente ao sabor da banana.[31][32][33]
Durante o proceso de maduración, as bananas producen o gas etileno, que actúa como unha hormona vexetal e afecta indirectamente o sabor. Entre outras cousas, o etileno estimula a formación de amilase, unha enzima que descompón o amidón en azucre, o que inflúe no sabor das bananas. As bananas máis verdes e menos maduras conteñen niveis máis altos de amidón e, en consecuencia, teñen un sabor máis "amidonaxe". Doutra banda, as bananas amarelas teñen un sabor máis doce debido ás concentracións máis altas de azucre. Ademais, o etileno indica a produción de pectinasa, unha enzima que descompón a pectina entre as células da banana, o que fai que a banana se abrande a medida que madura.[34][35]
As bananas cómense fritos, enfornados coa pel nun bambú partido ou ao vapor en arroz glutinoso envolto nunha folla de banana. As bananas pódense converter en conservas de froitas. As chulas de banana son populares entre os viaxeiros no sur de Asia e o sueste asiático. Isto provocou a expresión ruta das chula de banana para aqueles lugares en Asia que atenden a estes viaxeiros. Os chips de banana son un bocadillo elaborado a partir de toros de banana ou banana macho deshidratado ou frito, que teñen unha cor marrón escura e un intenso sabor a banana. As bananas secas tamén se moen para facer fariña de banana. Extraer mollo é difícil, porque cando se comprime un banana, simplemente convértese en polpa. As bananas ocupan un lugar destacado na cociña filipina, e forman parte de pratos e sobremesas tradicionais como maruya, turón e halo-halo ou saba con yelo. A maioría destes pratos utilizan a variedade de banana Saba Banana ou Cardaba. As bananas tamén se utilizan comunmente na cociña do estado de Kerala, no sur da India, onde se cocen ao vapor (puzhungiyathu), convértense en curry, [118] frítense en chips, ( upperi )[36] ou se friten rebozadas (pazhampori). Pisang goreng, bananas fritas cunha masa similar ao maruya filipino ou ao pazhampori de Kerala, é unha sobremesa popular en Malaisia, Singapur e Indonesia. Un prato similar coñécese no Reino Unido e nos Estados Unidos como bolos de vento de banana.
A sobremesa denominada banana split consiste nunha banana cortada pola metade ao longo, con múltiples bólas de xeado encaixadas entre as dúas metades e cubertas con crema batida, salsa de chocolate, noces e cereixas.
As bananas úsanse en varios guisos e curry ou se cociñan, hornean ou fan puré da mesma maneira que as papas, como o prato de pazham pachadi que se prepara en Kerala.[37]
Os corazóns da flor de banana utilízanse como verdura[38] na cociña do sur de Asia e o sueste asiático, xa sexa crus ou ao vapor con salsas ou cocidos en sopas, curry e alimentos fritos.[39] O sabor parécese ao da alcachofa. Como ocorre coas alcachofas, tanto a parte carnosa das brácteas como o corazón son comestibles.
Enerxía | 371 kJ (89 kcal) |
---|---|
Vitaminas | Cantidade %DV† |
Vitamina A equiv. | 0% 3 μg |
Vitamina B6 | 28% 0.367 mg |
Vitamina B12 | 0% 0 μg |
Vitamina C | 10% 8.7 mg |
Vitamina D | 0% 0 μg |
Vitamina E | 1% 0.1 mg |
Vitamina K | 0% 0.5 μg |
Minerais | Cantidade %DV† |
Cinc | 2% 0.15 mg |
| |
†As porcentaxes son aproximadas empregando a recomendación de US para os adultos. |
As follas da bananeira son grandes, flexibles e impermeables. A miúdo utilízanse como recipientes de comida desbotables ecolóxicos ou como "pratos" no sur de Asia e en varios países do sueste asiático.[40] Na cociña indonesia, a folla da bananeira emprégase en métodos de cocción como pepes e botok; os paquetes de follas de bananeira que conteñen ingredientes alimentarios e especias cocíñanse ao vapor ou en auga fervida, ou se asan á grella sobre carbón. Cando se usan para cociñar ao vapor ou asar á grella, as follas de bananeira protexen os ingredientes dos alimentos para que non se queimen e engaden un sutil sabor doce.[41] No sur da India, é costume servir comida tradicional nunha folla de bananeira. En Tamil Nadu (India), as follas de bananeira secas utilízanse para envasar alimentos e para facer vasos para conter alimentos líquidos.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.