cantante portuguesa From Wikipedia, the free encyclopedia
Dulce Pontes, nada en Montijo o 8 de abril de 1969, é unha cantante de fado portuguesa.
(2009) | |
Nome orixinal | (pt) Dulce José da Silva Pontes |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 8 de abril de 1969 (55 anos) Montijo, Portugal |
Actividade | |
Campo de traballo | Composición musical |
Ocupación | cantautora, cantante |
Período de actividade | 1988 - |
Xénero artístico | Música pop |
Instrumento | Voz |
Selo discográfico | Universal Music Group |
Participou en | |
1991 | Festival Eurovisão da Canção 1991 (pt) |
1964 | Festival RTP da Canção |
Premios | |
| |
Páxina web | dulcepontes.net |
Dulce aprendeu de nena a tocar o piano na Academia de Música de Santa Cecilia en Lisboa. Á idade de 19 anos gañou un concurso de canción na súa cidade natal e máis tarde fíxose actriz, aparecendo na televisión portuguesa e en obras teatrais.
En 1991 gañou o Festival RTP da Canción e foi a representante de Portugal no Festival de Eurovisión, onde cantou Lusitana Paixão. Acadou o oitavo lugar entre 22 países participantes, o que foi un dos mellores resultados do país luso no Eurofestival.
En 1992 Dulce gravou o seu primeiro álbum, chamado Lusitana, que contiña principalmente cancións pop, que aínda estaban por debaixo das ambicións, capacidades e imaxinaxión artística da intérprete.
Xa daquela se sabía que Dulce era unha excelente fadista. As primeiras probas disto aparecerían un ano despois, en 1993, cando foi lanzado o seu segundo disco, chamado Lágrimas. Dulce abordou o fado dunha forma pouco ortodoxa. Mesturaba fado tradicional con ritmos e instrumentos modernos, procurando novas formas de expresión musical. Enriquecía os ritmos ibéricos con sons e motivos inspirados pola tradición da música árabe e balcánica, principalmente búlgara. A súa versión do clásico Povo Que Lavas No Rio era todo menos clásica. Mais Lágrimas tiña tamén trazos moi tradicionais, fados clásicos gravados en vivo, en estudo e cantados en rigor con tódalas esixencias do fado ortodoxo. Foron estes os temas (Lágrima e Estranha Forma de Vida) que lle outorgaron a denominación da "sucesora e herdeira de Amália Rodrigues".
Pero o maior êxito de Lágrimas foi outro clásico, A Canção do mar que, no Brasil, foi usado como tema de apertura dunha adaptación do romance As Pupilas do Senhor Reitor, de Júlio Dinis, en telenovela. Interpretado por Dulce, este tema converteuse nun dos maiores êxitos da canción portuguesa de sempre (paradoxalmente nesta versión da Canção do Mar percíbense ben as influencias árabes), sendo probablemente a canción portuguesa máis coñecida fóra de Portugal, interpretada ata hoxe noutros países por diversos artistas (recentemente por Sarah Brightman, que fixo da Canção do Mar o principal motivo musical do seu disco titulado Harem). A Canção do Mar interpretada por Dulce Pontes foi tamén parte da banda sonora do filme americano As dúas facianas dun crime (titulado en inglés Primal Fear), con Richard Gere e Edward Norton.
En 1995 Dulce lanzou o álbum Brisa do Coração, que é un traballo gravado en vivo durante un concerto que tivo lugar no Porto o 6 de maio de 1995. O disco seguinte, Caminhos, foi lanzado en 1996 e contiña temas clásicos como Fado Português, Gaivota e Mãe Preta. Os arranxos eran máis harmoniosos e menos radicais. Este disco consolidou a posición da cantante como unha grande fadista, mais tamén deu a entender que nunca ía ser só unha fadista. Dulce estaba interesada en ser unha artista versátil, heteroxénea, que traspasa as fronteiras dos xéneros musicais.
O disco O Primeiro Canto foi lanzado en 1999. A crítica considerouno o mellor, e tamén o máis ambicioso e difícil na carreira de Dulce. Neste disco confirma que está seriamente interesada en ser unha artista da world music. En O Primeiro Canto Dulce introduce elementos do jazz (o álbum contou coa colaboración de María João) e opta pola sonoridade acústica. Dá nova vida a antigas tradicións musicais da Península Ibérica (canta non só en português, tamén en galego e mirandés), redescobre melodías e instrumentos esquecidos.
Foi lanzada unha edición especial deste disco con tres cancións adicionais: unha versión en español de Pátio dos Amores, o célebre tango de Astor Piazzolla Balada para un Loco e unha canción composta por Dulce, A minha barquinha.
En 2002 foi lanzado o disco Best of Dulce, que marcou a saída da editora Movieplay.
2003 tróuxolle unha grande novidade e reviravolta na súa vida artística. Foi lanzado Focus, que é froito da colaboración entre Dulce e Ennio Morricone. Ela cantou algúns dos clásicos do compositor, mais o disco contén tamén composicións orixinais, compostas por Morricone especialmente para a voz de Dulce. O principal obxectivo deste disco foi consagrar unha grande voz. Gravado en Italia e destinado tanto ó público portugués como internacional, Focus contén temas cantados en português, inglés, español e italiano.
O disco O Coração Tem Três Portas foi editado en 2006.
Ó longo da súa carreira Dulce Pontes colaborou con varios artistas internacionais, como Cesária Évora, Caetano Veloso, Marisa Monte, Carlos Núñez, a banda celta The Chieftains e o artista vasco Kepa Junkera. Ata cantou en grego, en dueto con Eleftheria Arvanitaki (o froito desta colaboración encóntrase no disco de Eleftheria titulado Ekpompi). O dueto co artista angolano Waldemar Bastos constituíu un dos grandes momentos do álbum O Primeiro Canto .
Á marxe de Portugal, os países en que Dulce Pontes dá máis concertos son España e Grecia.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.