Remove ads
From Wikipedia, the free encyclopedia
Afonso V, nado en Sintra o 15 de xaneiro de 1432 e finado na mesma vila a 28 de agosto de 1481, foi o décimo segundo Rei de Portugal (terceiro da dinastía de Avis). Alcumado o Africano polas conquistas que fixo no norte de África, era fillo do rei Duarte de Portugal e da súa muller, a princesa Lionor de Aragón. Afonso V sucedeu a seu pai en 1438, con apenas seis anos.
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde xaneiro de 2017.) |
Durante a súa menoridade, Portugal foi rexido pola súa mai, Lionor de Aragón, de acordo co desexo expreso en testamento polo rei Duarte de Portugal. No entanto, por ser muller e estranxeira, Lionor de Aragón non era unha escolla popular e a oposición creceu. O único aliado da raíña mai era Afonso, irmán ilexítimo de Duarte e Conde de Barcelos. En 1439, as Cortes deciden retirar a rexencia a Lionor e entregala a Pedro, duque de Coímbra, o tío máis vello de Afonso. Como rexente, Pedro procurou limitar o desenvolvemento de grandes casas aristocráticas, verdadeiros reinos dentro do reino, e concentrar o poder na persoa do rei. O país prosperou baixo a súa xurisdición, mais o ambiente político non era o máis saudábel unha vez que Pedro interfería coa ambición dos nobres. O Conde de Barcelos, inimigo persoal de Pedro, a pesar de seren medios-irmáns, tornouse no tío favorito de Afonso V e comezou a conspirar polo poder. En 1442, Afonso nomea este tío como primeiro Duque de Braganza. Con este título e terras adxacentes, Afonso tórnase no home máis poderoso de Portugal e nun dos máis ricos de Europa. Para asegurar a súa influencia xunto de Afonso, Pedro organiza o casamento do novo rei coa súa filla Isabel de Coímbra.
A 9 de xuño de 1448, Afonso V atinxe a maioridade e asume o control do reino. A 15 de setembro do mesmo ano, desexoso de mostrar independencia política, anula todos os editais aprobados durante a rexencia. A situación tórnase inestábel e, no ano seguinte, levado por informacións que máis tarde virían a probarse falsas, Afonso declara o tío e sogro Pedro rebelde e inimigo do reino. Xuntamente con Afonso de Braganza, derrota o Duque de Coímbra na batalla de Alfarrobeira, onde este é morto en combate. Despois desta batalla e da perda do máis notábel príncipe da Ínclita xeración, Afonso V pasa a ser totalmente controlado polo Duque de Braganza.
Acabada a inestabilidade interna, a atención de Afonso V concentrouse na expansión no Norte de África, iniciada en 1415 coa conquista de Ceuta. En 1453 dáse a caída de Constantinopla e o papa Calisto III, en 1456, apela a unha cruzada, a que Afonso V responde preparando un grande exército. Mais, frustrada esta misión, Afonso V retoma a campaña no Norte de África. O exército real conquistou, nas campañas que valeron a Afonso o cognome do Africano, Alcácer Ceguer (1458), Anafé (1464) e Arcila (1471); coa toma desta praza caeran tamén nas mans dos Portugueses as de Tánxer e Larache. O rei subsidiou aínda as exploracións do océano Atlántico, concedendo o comercio na Guiné a Fernão Gomes, coa condición de descubrir todos os anos 100 leguas de costa, o que o levaría até á costa de São Jorge da Mina. Organizadas polo seu tío, Henrique, duque de Viseu, estas viaxes non tiveron continuidade despois da morte deste en 1460. Do punto de vista administrativo, Afonso foi un rei ausente, pouco preocupado co desenvolvemento do comercio e a administración do reino.
Coas campañas africanas terminadas, Afonso V atopou novas batallas, desta vez políticas, na Península Ibérica e na veciña Castela, onde un escándalo de consecuencias dinásticas acababa de comezar. O rei Henrique IV de Castela morreu en 1474, tendo como única herdeira Dona Xoana, princesa de Castela. Mais a paternidade da princesa era contestada con base na suposta homosexualidade do rei e na relación da raíña, Xoana de Portugal irmá de Afonso, cun nobre chamado Beltrán de la Cueva. A nobreza e o clero estaban divididos, e unha parte apoiou a irmá de Henrique e tía de Xoana, coroada como raíña Isabel I. É neste punto que Afonso V interfire, casando en 1475 coa sobriña e asumindo as súas pretensións ao trono. Afonso V declárase rei de Castela e invade o país veciño. A campaña resulta en fracaso, cando Afonso abandona o campo da batalla de Toro, onde as tropas de Castela estaban lideradas polo rei Fernando II de Aragón, recentemente casado con Isabel. Afonso procurou aínda o apoio de Lois XI de Francia, mais ao verse traizoado regresa a Portugal en 1477. Desilusionado e con síntomas de depresión, Afonso retírase para un mosteiro en Sintra e abdica para o fillo Xoán. Téndose retirado da vida política, morre en 1481.
Xace no Mosteiro de Santa María da Vitoria, na Batalha.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.