Remove ads
parque natural galego, zona especial de conservación e zona de especial protección para as aves From Wikipedia, the free encyclopedia
O Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés é un parque natural galego, unha zona especial de conservación (ZEC) e unha zona de especial protección para as aves (ZEPA) nas serras da raia ourensá e da Baixa Limia. Destaca por ser o parque galego máis amplo, o máis agreste e de maior altitude, pois abrangue as serras de Laboreiro, do Xurés e da Pena. É ademais o único espazo natural galego con algunha flora e fauna xa máis característica do clima mediterráneo.[1][2][3][4][5][6][7][8]
Tipo | parque natural Zona de especial protección para as aves espazo natural protexido parque natural | |||
---|---|---|---|---|
Parte de | Reserva da biosfera Gerês-Xurés | |||
Situado na entidade xeográfica | Serra do Xurés e Serra de Laboreiro | |||
Localización | ||||
División administrativa | España | |||
| ||||
Características | ||||
Superficie | 20.920 ha 20.251,45689 ha | |||
World Database on Protected Areas | ||||
Identificador | 389015 | |||
Área protexida da rede Natura 2000 | ||||
Identificador | ES0000376 | |||
Historia | ||||
Data de creación ou fundación | 1993 | |||
Este parque foi declarado en 1993 e forma un continuo xeográfico co Parque Nacional de Peneda-Gerês de Portugal. Desde 2009 os concellos de ambos parques forman a Reserva da Biosfera transfronteiriza galego-portuguesa Gerês-Xurés.[9][10]
O parque, na provincia de Ourense, esténdese polas montañas e vales das comarcas da Baixa Limia e da Limia, nos concellos de Lobeira, Entrimo, Lobios, Muíños e Calvos de Randín. Abrangue territorio das parroquias de Corvelle e Calvos (Bande), da Fraga, Grou, Lobeira, Parada e Vilariño (Lobeira), de Venceáns, A Pereira, A Illa e Entrimo (Entrimo), da Illa, Manín, Río Caldo, Araúxo, San Paio de Araúxo e A Cela (Lobios), de Prado de Limia, Xermeade e Requiás (Muíños) e de Randín e Rubiás dos Mixtos (Calvos de Randín).[11]
A zona especial de conservación conta ademais con territorio na comarca de Celanova, e tamén en parte dos concellos de Padrenda, Quintela de Leirado e Verea. Esta outra área protexida abrangue as parroquias de Padrenda, Monte Redondo e San Pedro da Torre (Padrenda), de Mociños e Xacebáns (Quintela de Leirado) e de Bangueses (Verea).[11]
As serras de Laboreiro, Xurés e da Pena, que ten ao sur e forman a raia seca, son a súa continuación natural co parque nacional portugués de Peneda-Gerês. Estoutro parque abrangue freguesías dos municipios de Melgaço, Arcos de Valdevez e Ponte da Barca (no distrito de Viana do Castelo), Terras de Bouro (distrito de Braga) e Montalegre (distrito de Vila Real).[12]
O parque decorre de norte a sur dos vales da Limia ata os altos da Baixa Limia. O ZEC acolle tamén as serras de Celanova. O principal conxunto de serras do parque son as do Laboreiro (ao oeste), do Xurés (no centro) e da Pena (ao leste).[11]
Nas terras de Celanova atópase a serra do Aguillón. Oriéntase de norte a sur e ten cumes como o Alto de Pena Gache (1224 m). A serra do Laboreiro discorre de norte a sur entre Verea e Lobeira contra Melgaço. Conta con cumes como o Coto Dourado (1303 m), a Cabezo da Meda (1318 m) ou o Codesal (1333 m). En Entrimo atópase a serra de Queguas, onde destaca o Alto das Sete Laceiras (1205 m). Tamén en Entrimo está o Monte do Quinxo, de noroeste a suroeste, que ten cumes como o do Quinxo (1116 m).[11]
Ao sur do río Limia en Lobios, e orientada case de norte a sur, está a serra de Santa Eufemia. Fai de raia con Arcos de Valdevez e Ponte da Barca e destaca por cumes como o Alto de Santa Eufemia (1115 m). Entre Lobios e Terras de Bouro, orientada de leste a oeste, está a serra da Cruz do Piñeiro. Conta con cumes como o Coto do Bidueiro ou como os de Cabezos de Moudelo (con 1317 ou 1404 m). Seguindo a orientación desta, xa no sur de Lobios e Muíños contra Terras de Bouro e Montealegre, está a serra do Xurés. Alí atópanse os cumes máis altos do parque, como o Pico do Sobreiro (1537 m), o Pico da Nevosa (1533 m), o Alto da Nevosa (1522 m), o Coto de Fonte Fría (1457 m) e o Coto das Gralleiras (1448 m). Ao leste da do Xurés está a serra de Picos, que segue esta cara ao leste cunha orientación similar. Alí atópase o Alto do Pisco (1395 m).[11]
No sur de Calvos de Randín, ao leste de Tourém e no límite con Montealegre, atópase a serra da Pena. Conta con cumes como a A Portela do Touzal (1281 m), Penas da Cruz (1391 m), Cabezo de Monteagudo (1361 m) ou Espiños (1305 m).[11]
Aos pés (ou ao norte) das serras do Pico e da Pena están os vales de Couso de Salas e de Salas, respectivamente.
O parque recórreno o río Limia e afluentes seus, como o río Salas (ao leste) e outros menores que nacen nos cumes das serras.[13]
Destaca a presenza do encoro de Lindoso no río Limia, na zona central do parque entre Entrimo e Lobios, e o do río Salas, en Muíños, no leste do parque. Outro encoro menor é o de Olelas no rego da Corga do Porto do Medio, un afluente do río de Castro Laboreiro, que se atopa en Entrimo.[13]
A parte máis ao nordeste deste espazo natural (dentro só da zona ZEC e nos concellos de Padrenda, Quintela de Leirado e Verea) atravésana regatos como o río Deva ou o Crespos, afluentes do río Miño.[13]
Nos cumes das serras existen múltiples lagoas e pozas naturais.[2]
O parque encádrase dentro da "zona de Galicia-Trás-os-Montes" do macizo Ibérico, unha zona alóctona e que se formou durante os procesos de colisións continentais da oroxénese herciniana.[14][15][16] A orografía desta área esculpiuse durante a terceira fase da esa oroxénese, e grazas a diferentes procesos de erosión como os de vento e auga perfilouse o actual relevo desde o Castro Laboreiro ata as mesetas de Mourela.[16]
As rochas dominantes son graníticas. Prevalecen as áreas de granitoides biotíticos e as de granitos e leucogranitos de dúas micas, de sistemas formados durante o carbonífero ou entre o carbonífero e o permiano. Nas zona do parque de Verea, Bande e o norte de Lobeira existen algunhas faixas de cuarcitas e xistos; e de xistos grafitosos, cuarzitas, grauvacas ou vulcanitas. Na área de Calvos de Randín atópanse principalmente granitos e leucogranitos de dúas micas ou granitoides non homoxéneos xunto a complexos migmatíticos. Tamén nalgunha área leste de Calvos de Randín aparecen xistos grafitosos, liditas, cuarcitas e vulcanitas.[17]
As serras do parque teñen unha xeomorfolóxica típica dos substratos graníticos. Así, a paisaxe é formacións graníticas fracturadas en bloques, caos de bolos, e moitos granitos cos característicos taffonis ou marmitas nas súas superficies. Nas serras pódense observar trazas dos períodos de glaciación do plistoceno; como é o caso das linguas glaciares e acumulacións laterais desde os altos da serra do Xurés ata o val do río Caldo. A orografía favorece ademais a presenza de fervenzas acusadas, como é o caso da da Corga da Fecha.[18][19]
Considerando a poboación residente das parroquias que teñen parte ou a súa totalidade dentro do parque natural, en 2019 vivían no parque 3.527 persoas. Considerando a área ocupada tamén pola zona especial de conservación (ZEC), que inclúe as parroquias do territorio de Celanova, en 2019 eran 4.567. Isto supón un decrecemento na poboación do parque desde o 2001, xa que eses datos estaban nas 4.865 e 6.532 persoas respectivamente.[20]
A posición xeográfica do espazo, así como a súa diferenza de altitudes e a orientación das súas cadeas montañosas, favorecen a presenza dun amplo abano de hábitats de interese. Os ecosistemas do parque abranguen espazos de ríos, encoros e ribeiras, así como augas termais, uceiras e turbeiras, rochedos e bosques.[2][4][1]
Nas zonas residenciais atópanse zonas de cultivo, viñas e plantacións forestais de carballeiras e piñeirais. Estes, os piñeirais, son froito da repoboación. Así mesmo, atópanse formacións amplas de toxos e uces, en particular matos rochosos nos altos das serras. Tamén nas montañas atópanse arborados e pasteiros propios dos cumes; e prados con Nardus. Nestes altos cómpre destacar as lagoas naturais e pozas, así como queirogais atlánticos (formados por Erica ciliaris e Erica tetralix), e turbeiras. Nos vales dominan as carballeiras e nas ribeiras dáse unha maior diversidade de hábitats.[2][4][1]
O parque ten unha diversidade de flora que supera as 600 especies, entre as cales hai varios endemismos.[1]
Nos cumes do parque están poboados por bidueiros (como Betula celtibérica) e cerquiños (Quercus pyrenaica) dominando, con masas de acivros, cancereixos e teixos entre eles. Nas baixadas dos cumes dominan xa os carballos comúns, con arandeiras entre si. Nos vales dominan a paisaxe as carballeiras e castiñeiros, con algúns sanguiños, loureiros, érbedos ou abeleiras entre si. Xa no bosque de ribeira prevalecen os abeneiros, os salgueiros e os freixos; nalgúns casos con aciñeirais ou con tenzas de castiñeiros.[1]
As áreas forestais de maior valor de conservación atópanse no Barranco de Olelas e no Barranco da Cruz de Touro, nos altos do Xurés e na área meridional de Santa Eufemia, arredor da Barxa e no val do río Salas.[1]
Os pastos e as matogueiras ocupan a maior extensión do parque. Nos cumes e nas súas abas destacan en abundancia as ericáceas, os toxos e as xestas. Nos altos fano os piornos, as uces e as xestas. En particular nos altos, destacan as turbeiras e uceiras asociadas a eses hábitats. Nos pastos que aparecen entre as quebras das rochas ou terreos areosos habitan endemismos como as armerias Armeria humilis subsp. odorata e A. humilis subsp. humilis.[2][4][1]
Existen outros endemismos vexetais a destacar do parque. Un é o acereiro (Prunus lusitanica), que coloniza barrancos e outras áreas de gran humidade. Outras, e de alto interese de conservación, son Veronica micrantha [21], así como lirio de monte ou lirio do Xurés (Iris boissieri), que florece entre as uces.[2][4][1]
No parque están presentes as seguintes especies rexistradas dentro do "Catálogo Galego de Especies Ameazadas"[2]:
Especie |
---|
Arabis juressi |
Armeria humilis subsp. odorata |
Armeria humilis subsp. humilis |
Christella dentata |
Eryngium duriaei subsp.juresianum |
Iris boissieri |
Prunus lusitanica |
Ranunculus bupleuroides |
Selinum carvifolia subsp.broteri |
Sedum pruinatum |
Serratula legionensis |
Silene marizii |
Spiranthes aestivalis |
Thymelaea broteriana |
Veronica micrantha |
Nos ríos e regos dos vales do parque atópanse varios endemismos de peixes: o barbo (Barbus bocagei), a boga do Douro (Pseudochondrostoma duriense), a reñosa (Chondrostoma arcasii) e o espiñento (Gasterosteus gymnurus). De feito, o barbo só ten presenza nos ríos galegos do da Limia e do Támega.[2][4][1]
Destaca a diversidade dos insectos, xa que hai ata 80 especies catalogadas de interese. Entre elas destacan especies como as lamáchegas (Geomalacus maculosus), os samesugos medicinais (Hirudo medicinalis), as ameixas perlíferas de río (Margaritifera margaritifera), os escornabois (Lucanus cervus) e a diversidade de odonatos.[2][4][1]
Ademais, hai catalogadas 30 especies de anfibios e réptiles, entre os cales destacan varios endemismos peninsulares e especies xa mediterráneas. Así é que están presentes tanto as píntegas rabilongas (Chioglossa lusitanica)) e a lagarta rabuda (Psammodromus algirus) como a cobra riscada (Rhinechis scalaris) e a cobra viperina (Vipera latasti).[2][4][1]
Os mamíferos do parque suman arredor de 40 especies. Entre os endemismos máis ameazados están os aguaneiros e cinco especies de morcegos, como o morcego da fraga (Barbastella barbastellus). Outras especies de interese son os gatos monteses, as xenetas, as londras, as martas, os touróns, e os lobos.[2][4][1]
Algunhas das especies de interese cinexético presentes no parque son os xabaríns, os corzo, as paspallás, as lebre e os coellos.
As especies de fauna do parque natural, agás as aves, que están catalogadas como especies de interese de conservación dentro da rede Natura 2000 son[22][2][4]:
Grupo | Especie |
---|---|
Invertebrados | Lucanus cervus |
Invertebrados | Coenagrion mercuriale |
Invertebrados | Geomalacus maculosus |
Invertebrados | Ameixa perlífera de río (Margaritifera margaritifera) |
Peixes | Chondrostoma polylepis |
Peixes | Rutilus arcasii |
Anfibios | Discoglossus galganoi |
Anfibios | Chioglossa lusitanica |
Réptiles | Lacerta monticola |
Réptiles | Lacerta schreiberi |
Mamíferos | Barbastella barbastellus |
Mamíferos | Galemys pyrenaicus |
Mamíferos | Lutra lutra |
Mamíferos | Myotis blythii |
Mamíferos | Myotis emarginatus |
Mamíferos | Myotis myotis |
Mamíferos | Rhinolophus ferrumequinum |
Mamíferos | Rhinolophus hipposideros |
O parque natural é tamén unha zona de especial protección para as aves (ZEPA) grazas á súa riqueza en avifauna. Destaca polas especies de rapaces ameazas, polas especies mediterráneas e de montaña, por especies típicas de rexións eurosiberianas e polas especies presentes nos dous encoros do parque.[3][5][1]
Algunhas das rapaces ameazadas e que están no parque son a aguia real, a aguia cobreira, a aguia perdigueira, o falcón peregrino, o azor, a tartaraña cincenta, o gabián eurasiático. A aguia perdigueira ten neste parque a súa zona máis poboada de Galiza. A aguia real está presente na Peneda-Gêres mais campa ás veces polo parque. O bufo real está presente tamén. Entre as rapaces que aniñan no parque están as aguias cobreiras, os falcóns peregrinos, as gatafornelas, os abelleiros europeos e as tartarañas cincentas.[3][5][1]
Neste parque atópanse especies tanto típicas de climas eurosiberianos como mediterráneos. Así, entre as especies mediterráneas que habitan no parque están a andoriña dáurica (Hirundo daurica), a pica campestre (Anthus campestris) e o escribente das hortas (Emberiza hortulana). Entre as especies eurosiberianas están o cardeal (Pyrrhula pyrrhula), o escribente amarelo (Emberiza citrinella) ou o cruzabico (Loxia curvirostra), que aniña aquí cando o fai en poucos máis sitios de Galiza.[3][5][1]
No parque están presentes as seguintes especies rexistradas dentro do "Catálogo Galego de Especies Ameazadas"[3]:
Consérvanse diferentes testemuñas dos asentamentos humanos no paleolítico do parque. Ademais, existen múltiples antas, arcas, dolmens, mámoas e panteóns funerarios. En Entrimo existen a Casa da Moura, un dolmen ben conservado, as mámoas do Monte do Quinxo e do de San Fiz; e as necrópoles con dolmens do Montes Lumiares, a de San Fiz, e a do Penedo da Facha. En Muíños atópase a necrópole de Maus de Salas, que se compón das antas da Casiña da Moura e da Casota do Foxo. No Outeiro de Cavaladre no val de Salas atópase un xacemento de 14 túmulos dunha necrópole.[1]
Do período castrexo existen varios castros identificados. Pódense citar os do castro de Taboadela, en Barxés, o castro de Outeiro da Cela en Mugueimes, o castro de Castelo en Galez ou o do monte dos Castelos.[1]
Destacan os restos do período do imperio romano, tanto nas proximidades do parque, como dentro del. O campamento Aquis Querquennis, un campamento de lexionarios, atópase en Bande preto del. Polo parque, e atravesando a Portela de Home cara a alí, discorre o camiño da Vía Nova, ou Vía XVIII do Itinerario de Antonino. Esa vía foi a porta de comunicación entre Braga e Astorga desde a romanización. Dela aínda se conservan case un cento de miliarios. Tamén destaca a mansio Aquis Originis dentro do parque, que foi un dos hostais das calzadas romanas.[1]
Entre as igrexas ligadas ao parque destacan as igrexa de Santa María A Real en Entrimo, pola súa fachada barroca, a igrexa de San Miguel de Fondevila, pola súa torre con balaústres e de estilo barroco, de San Mamede en Grou en Lobios, ou a igrexa de San Salvador en Prado de Limia en Muíños. En Muíños tamén se atopa o santuario dos Milagres de Couso. Outra igrexa icónica a destacar, inda que preto pero fóra do parque, é a de Santa Comba en Bande, que é visigótica e do século VII.[1]
Algúns dos castelos do parque son o da Vila en Lobios e o do Monte dos Castelos en Entrimo.[1]
Entre as pontes a destacar están as das pontes do Casal ou a de Porto Pequeno en Entrimo, ou a de Ganeiros e de Carballedo Torno en Lobios.[1]
Da arquitectura popular destacan varias aldeas e alvarizas. Unha tipoloxía de ocupación rural é o de aldeas con casas que están construídas aproveitando o substrato granítico e as formas características deste. Algunhas casas mesmo están feitas entre bolos de granito ou aproveitando a súa morfoloxía. Neste tipo polo xeral construíronse en dúas plantas. O baixo serve para o gando e o primeiro andar, ao que se accede por unha escalinata de pedra e exterior, para o fogar. Adoitan ter a carón seu os "canastros", ou ás veces estar ligadas aos muíños ou a ter fornos de pan. Outra tipoloxía é a de fogares construídos en socalcos, elaborados sobre do terreo pendente das montañas. Dúas aldeas que características desta da primeira paisaxe do son a Cela e Olelas, e da segunda a de Alvite. Ademais, no parque existen tamén alvarizas: lindes circulares para protexer ás colmeas dos osos ou dos roubos.[1]
Salgueiro, en Muíños, foi unha aldea que quedou abandonada a mediados do século XX. A súa poboación vivía da explotación e venda do carbón vexetal, que saía cara a Portugal. Coa creación do parque natural iniciouse o proxecto de repoboala e reconstruíla, creando unha "ecoaldea".
No parque existe un centro de interpretación, en Lobios, e puntos de información en seis concellos do parque. Nese centro de interpretación atópase un museo numismático.[1] Tamén, en Calvos de Randín atópase un centro de interpretación do "Couto Mixto".
Nas inmediacións do parque, como o caso de Lobios e o río Lobios, existen termas, e que son un destino turístico.[1]
Dentro do parque destacan varios altos que serven de miradoiros para ver ás serras e o val da Limia. No da Clamadoira obsérvase o Leboreiro e o val da Limia, na Ermida do Xurés todo o val do río Caldo, desde o Espigón Olelas vese a serra Amarela e Santa Eufemia, en Gustomeau os socalcos e o val do río Cabaleiro, desde o Pisco obsérvanse os Picos de Fontefría e das Gralleiras ou os Xordos para ver os picos de Fontefría. Algúns como o Viso, o Pedreiriño ou San Bieito de Grou permiten ver panorámicas amplas do parque.[1]
Entre as rutas turísticas do parque pódense citar recorridos arredor de[1]:
O Parque Natural “Baixa Limia - Serra do Xurés” é un parque natural galego que foi declarado en 1993 protexendo ás serras do Laboreiro, do Xurés e da Pena e parte do val do río Limia.[1] Unha das intencionalidades da declaración do parque foi complementar tamén ao parque portugués limítrofe da "Peneda-Gêres", que protexe ás serras da Peneda, do Soajo, da Amarela e do Gerês e que fora declarado en 1979 como parque en Portugal.[1][23] Ademais, o parque galego foi incorporado á rede Natura 2000 propoñéndoo en 1997 e quedando declarando dentro dunha zona especial de protección para aves (ZEPA) e dunha zona especial de conservación en 2014.[2][3] A maiores, a candidatura de proxecto transfronteirizo do Programa sobre o Home e a Biosfera da UNESCO de reserva da biosfera "Gêres-Xurés" foi aceptado en 2009.[9]
Así é que a “Baixa Limia - Serra do Xurés” é, en parte ou na súa totalidade:
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.