Remove ads
From Wikipedia, the free encyclopedia
O miñato real[2][3][4] ou millafre real[5][6] (Milvus milvus) é unha ave de rapina de distribución reducida a Europa.
Miñato real | |||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Estado de conservación | |||||||||||||||||
Case ameazada[1] | |||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||
| |||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||
Milvus milvus (Linnaeus, 1758) |
Non é difícil identificalo na natureza. Amosa características que o diferencian ben mesmo dun parente tan próximo coma miñato queimado.
O miñato real é algo meirande có miñato queimado. Ten as ás, cunha envergadura de ata 160 cm, e a cola longas. A plumaxe é castaña avermellada, coas beiras das plumas de ton máis ocre, que fan que sobre todo as cobertoiras da parte superior das ás e o lombo teñan un aspecto contrastado. A cabeza, a gorxa e a caluga dos adultos son moi claras, case brancas. O bico e forte, de cor amarela na base e gris escuro ou negro cara á punta. As patas son curtas e amarelas, coas unllas negras. O iris dos ollos das aves adultas é amarelo, As plumas da barriga son máis claras e brillantes cás da parte superior, con liñas negras ben marcadas, o mesmo cas plumas da parte inferior das ás. As articulacións das ás son escuras, case negras.
Cando voan destacan as ás longas e relativamente estreitas e a cola vermella e longa , semellante cunha clara forma de galleto e que está sempre en movemento. Os sexos non se distinguen pola coloración e mesmo a plumaxe dos inmaturos e moi semellante á dos adultos. Nos exemplares moi novos a cola pode dar certa impresión de arredondada, pola falta de desenvolvemento das plumas exteriores.
Femias e machos non amosan grandes diferenzas de tamaño, os machos máis pesados pesan ata uns 1100 gramos, cunha media de menos de 1 quilo. As femias poden chegar como máximo os 1400 gramos, cuns 1200 de media. A lonxitude corporal vai dos 60 os 73 cm, dos que entre 31 e 39 corresponden á cola. A envergadura das ás vai de 150 a 171 cm.
Son menos ruidosos cós miñatos queimado. Fora da época do cortexo e cando están lonxe do niño mantéñense case sempre silenciosos. O seu chío máis característico, que é máis agudo alto en situacións agresivas pode escoitarse en: * Berro do miñato real
A súa área de distribución redúcese hoxe ó centro, oeste e suroeste de Europa. Alemaña concentra, cunhas 22.000 parellas, ó redor do 50% do total dos exemplares reprodutores. As outras áreas principais de cría son Francia, a Península Ibérica, Italia, Suíza e o Reino Unido, sobre todo en Gales.[7]. No norte de Europa aparece en cantidades apreciables só en Suecia. É relativamente abundante na República Checa e en Polonia. En Austria, Eslovaquia en Hungría crían unhas poucas parellas. No oeste de Ucraína, Belarús e na Rusia europea crían algunhas parellas máis. Descoñecese se crían aínda nos Balcáns e posiblemente desapareceu xa como reprodutor de Turquía. En Marrocos tamén está a desaparecer e cría só no extremo norte do país.
En Galicia, tradicionalmente, só se podía atopar de paso durante as migracións no outono. Non obstante, dende o comezo do século XXI a súa presenza foi en aumento e en 2021 localizouse a primeira poboación invernante en tres durmidoiros cun mínimo de 136 exemplares[8].
É unha ave de paisaxes abertas con pequenas áreas de árbores. Depende menos da auga que a forma típica do miñato queimado, co que adoita compartir áreas de cría. O seu hábitat preferido son zonas agrícolas con áreas forestais, máis raramente pantanos e uzais se dispoñen de árbores para face-los niños. A miúdo aproveita as boas condicións térmicas de vales fluviais estreitos e de abas de montañas. Cazan nos vilares, praderías e prados cultivados. Poden tamén facelo en zonas húmidas. As terras nas que se acaba de realizar a colleita son tamén parte do seu territorio de caza, o mesmo cas autoestradas e os vertedoiros do lixo, aínda que estes últimos menos que no caso do miñato queimado. A súa área de distribución coincide bastante exactamente coas terras negras agrícolas do centro e leste de Europa e as terras ricas do sur de Europa e acada os seus puntos máximos nas zonas de cultivo intensivo centroeuropeas. En xeral, vive en terras de altura baixa ou media, ata uns 800 m sobre o nivel do mar, aínda que no Xura suízo algunhas parellas crían os 1200 m de altura e nos Perineos ata a zona subalpina. As súas prazas históricas de cría acadaban no Cáucaso e nos montes Atlas os 2500 metros. En hábitats con posibilidades de alimentación suficiente poden criar moi preto uns doutros. Na zona de Hakel, un bosque duns 13 km² na área de Magdeburgo en Alemaña, contáronse en 1979 136 parellas reprodutoras.[9]
Aínda que, coma o miñato queimado é un oportunista, é tamén un cazador máis activo cá este. É menos dado a comer peixes co seu parente e, por ben que come animais mortos e busca comida nos vertedoiros, faino en cantidades menores có miñato queimado. As condutas de caza varían individualmente. Na época de cría comen sobre todo mamíferos e paxaros. Entre os mamíferos destacan os ratos e as toupas; entre os paxaros os estorniños. Pombas e túrdidos coma o merlo son presas relativamente frecuentes. Os hámsteres (Cricetus cricetus) poden ser a súa presa principal se abundan. Ten tendencia a capturar sobre todo aves febles ou feridas. En zonas nas que abunden os peixes poden ser importantes na súa alimentación, ben capturados vivos ou recollidos mortos ou moribundos da superficie da auga. capturan tamén cantidades non desprezables de invertebrados coma escaravellos e miñocas. A presenza de anfibios e réptiles na súa dieta varía segundo as zonas nas que viven. Come tamén animais mortos ou moribundos, grandes ou pequenos. E busca tamén en vertedoiros nos que se acumulen restos de animais, coma nos que teñen restos de matadoiros.
Buscan alimento sistematicamente, sobrevoando en voo planeado relativamente baixo e lento áreas abertas. Son cazadores por sorpresa, que non adoitan perseguir ás presas cando fallan o primeiro intento. Non é raro velos camiñar polo chan, procurando insectos e miñocas. Capturan as presas do chan voando por riba delas e sen pousarse. Isto aplícase tamén nos caso dos peixes, que capturan na tona da auga e erguen de seguida no aire ó xeito da aguia mariña. Aínda que cachan en ocasións paxaros que están voando ou pousados nunha pola, máis das capturas de aves teñen lugar no chan. Adoitan mata-las presas cun golpe do bico. En ocasións rouban o botín doutras aves coma gaivotas, córvidos e miñatos queimados. Quítanllelo directamente ou perségueos ata que lles fan vomitar as capturas xa tragadas.
Son flexibles coas súas estratexias alimentarias. Aproveitan os traballos da sega de prados e campos para acceder a presas que doutro xeito non estarían ó seu alcance. Se hai alimento suficiente e non están criando comezan a súa actividade cazadora algo despois de saír o sol e paran algunhas horas antes da noite. Polo día fan pausas longas, en xeral preto do niño, que aproveitan tamén para coida-las plumas.
O tempo de actividade, que cando dispoñen de presas dabondo é curto, pode comezar coa saída do sol e acabar pola noite, sobre todo cando están criando. Fan, porén, sempre pausas para descansar despois dos voos de caza, aínda que os polos pidan insistentemente comida. Fora da época reprodutora son sociables e non defenden ningún territorio. Pasan a noite en lugares de repouso colectivos e mesmo cazan ás veces en grupo. Poden xuntarse ducias de individuos para durmiren xuntos. Nestas xuntanzas son comúns os comportamentos lúdicos coma os voos sincronizados. Ocasionalmente rompen en voo pinas de conífera só coma xogo.[10]
Mesmo cando están criando, a súa conduta territorial non é moi estrita, aínda que a parella defende fronte a conxéneres e inimigos a área máis inmediata ó niño (uns 100 m) e a zona aérea correspondente. Para axotar os intrusos soben a grande altura e atacan enerxicamente dende arriba. O inimigo e seguido, sobre todo polo macho, por un certo tempo, mentres que a femia adoita volver directamente ó niño. Só en casos de alimento moi escaso, as parellas defenden un territorio de caza. Esporadicamente a conduta territorial en relación coa caza tense visto en zonas de gran concentración de exemplares.[11] Os miñatos reais e os miñatos queimados poden críar moi preto uns dos outros. En caso de enfrontarse por un niño ou un sitio xeitoso para facelo, adoita gañar o queimado.
A súa conduta neste aspecto é variable. Nas últimas décadas amosan unha tendencia crecente a sedentarizarse ou a facer migracións máis curtas. Os invernos con menos neve e a oferta de alimento de vertedoiros e estradas facilitan que moitas poboacións do centro e algunhas do norte de Europa non marchen da zona de cría na época fría. Esta situación exemplificase en Suíza, en Baden-Württemberg (Alemaña) e no sur de Suecia. Nalgunhas destas localizacións a estancia invernal é facilitada pola alimentación fornecida directamente polo homes. Máis dos exemplares do centro e norte de Europa viaxan, porén, en outono cara ó suroeste, en especial cara á España. Os miñatos que crían no suroeste e sueste de Europa e norte de África son sedentarios. En España coinciden as áreas de invernada dos miñatos do norte coas de cría dos locais. Fan os voos migratorios de día, individualmente ou en pequenos grupos, que son máis compactos no voo de ida. A distancia curta do desprazamento permítelles iniciar a migración tarde, en máis dos casos a primeiros de outubro. As femias marchan unha ou dúas semanas antes cós machos. A volta tamén a fan cedo, comezando xa en febreiro. Boa parte das aves dun ou dous anos non volven ó seu lugar de orixe, e pasan o verán nos cuarteis de inverno ou vagabundean en pequenos grupos pola Francia central e do sur e mesmo por Suíza.
Por ben que en condicións excepcionais poidan criar xa no primeiro ano de vida, comezan a reproducirse en xeral cando teñen tres anos. Máis das veces forman parellas monógamas que duran unha soa estación, pero coñécense casos tanto de parellas que duran varios anos coma de cambios de parella durante a época de cría. No caso dos exemplares sedentarios a unión entre as parellas parece máis estable. Son moi fieis ós lugares de cría, e os individuos que empezan a criar tentan case sempre facelo preto de onde naceron, aínda que dispoñan de sitios axeitados non moi lonxe. Isto provoca que nas áreas máis densamente poboadas a idade de empezaren a reproducirse se retarde por falta de lugares xeitosos.[11].
Os exemplares que pasan o inverno no centro e leste de Europa poden comeza-lo cortexo durante o inverno. Os machos e as femias migradores poden chegar ás terras de cría con ata 12 días de diferenza, ás veces máis. Os sedentarios comezan as cerimonias previas ó aparellamento a mediados ou finais de febreiro, os migratorios dúas ou tres semanas máis tarde.
As cerimonias de cortexo da especie non son moi espectaculares. Consisten basicamente na construción do niño, voos en parella sobre o lugar onde este se atopa e copulas repetidas, que continúan mesmo cando os polos xa naceron. A femia é a que incita ó aparellamento chamando cun trilo baixo, e colocando o corpo horizontal e a cabeza baixa. Durante a construción do niño e ata dúas ou tres semanas despois de que os polos saian do ovo, o macho alimenta á femia. A construción ou a reforma do niño comezan cando o segundo membro da parella chega ó territorio de cría. O sitio escollido para a construción e variable. En Centroeuropa predominan os niños feitos en carballos, piñeiros e faias. Os exemplares das Baleares e o norte de África utilizan tamén acantilados. en xeral, están relativamente altos, en árbores fortes, pero hai tamén niños moi baixos e en árbores delgadas. As árbores en zonas moi costentas ou sobre acantilados son os seus lugares ideais para aniñar. Colocan a construción nunha onde se galla o tronco, máis ó raro na galla dunha póla forte. Os dous membros da parella constrúen unha estrutura de polas resistentes que pillan do chan ou arrincan das árbores. Fórrano con todo tipo de materiais brandos, mesmo plásticos, que non favorecen que o niño estea enxoito, ou cordeis, que en ocasións provocan a morte dos pitos por estrangulamento.
Os niños poden ser pequenos (entre 40 e 60 cm, de diámetro)e mal feitos ou grandes construcións de ata 40 cm de alto e 1 m de diámetro, sobre todo no caso de niños que se usaron máis dun ano.
Poñen máis das veces tres ovos, que pesan uns 60 gramos e miden 57 x 45 mm, aproximadamente o tamaño dun ovo mediano de galiña. Son de cor branca turba con manchas castañas avermelladas e marcas negras. En Centroeuropa algúns poñen a finais de marzo, pero a maior parte das postas ten lugar en abril, nalgúns casos en maio. No sur de Europa empezan de media dúas semanas antes, no norte a finais de abril ou en maio. Só cando perden os ovos dunha posta feita moi cedo poden facer unha segunda.
Chocan 32 ou 33 días. A incubación empeza cando poñen o primeiro ovo, o que provoca diferenzas de desenvolvemento notable entre os irmáns. Os machos chocan só períodos moi curtos. As dúas ou tres primeiras semanas, a femia está case continuamente no niño. Os polos pasan entre 48 e 54 días no niño, en casos extremos ata 70.[12]. Cando comezan a voar os novos miñatos pasan cos pais só unhas tres semanas antes dispersárense.
En liberdade téñense detectado dous casos de parellas formadas por miñatos queimados femia e miñatos reais macho que criaron con éxito. Detectouse tamén unha cría entre un macho de miñato queimado e unha femias híbrida. A hibridación e común nos exemplares cativos.
A hibridación entre o miñato de cabo Verde e o miñato queimado que chegou ás illas hai uns cen anos e habitual. A forma caboverdiana (Milvus milvus fasciicauda) é considerada por algúns unha subespecie do miñato real e por outros coma especie independente (Milvus fasciicauda) [13]. Os polos nados destes cruces son fértiles o que fai dubidar da existencia na actualidade de miñatos de cabo Verde puros.[14].
Segundo a lista vermella das especies ameazadas do ano 2006 da IUCN, a especie clasificase coma "Case ameazada". A causa desta situación é o retroceso das poboacións en Alemaña, Francia e España dende o ano 1990. Esta situación é só parcialmente compensada pola recuperación en Suíza, Italia, República Checa, Polonia, Suecia e no País de Gales A poboación europea calcúlase entre 19.000 e 25.000 parellas.
Os cambios nos métodos agrícolas, co aumento do uso intensivo das terras e a desaparición dos hámsteres, que constituían unha parte básica da súa alimentación nalgunhas áreas, son dous factores básicos no seu retroceso. A redución foi moi notable na antiga Alemaña oriental despois da reunificación alemá, á que seguiron cambios nos procesos agrícolas e gandeiros que fixeron reducir ata no 50% e máis a taxa de reprodución da especie. A desaparición de moitos vertedoiros, a caza e os envelenamentos colaboran tamén na redución dos seus números. Non esta aclarado se o aumento das poboacións de miñatos queimados inflúe negativamente na situación do miñato real.
Os miñatos reais poden acadar idades elevadas. Coñécese o caso dun exemplar libre que tiña case 30 anos.[15] A media de vida das aves salvaxe e moito máis baixa. Só entre o 60 e o 65% chegan ó primeiro ano de vida. Entre o 35 e o 45% chegan ós tres anos, a idade reprodutora. Estes números son aproximados e dependen de moitos factores. A caza, colisións contra obstáculos e cables eléctricos e envelenamentos son causas habituais de morte..
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.