Falconiformes

orde de aves neognatas que inclúe as rapaces diúrnas From Wikipedia, the free encyclopedia

Falconiformes

Os Falconiformes son unha orde[1] de aves neognatas que tradicionalmente agrupaba 309 especies[1] de aves de presa coñecidas como rapaces diúrnas. Porén, estudos xenéticos fixeron que actualmente só inclúa a familia Falconidae (antes incluía as familias Accipitridae, Pandionidae, Sagittariidae e Cathartidae, que agora están clasificadas na orde Accipitriformes). As rapaces nocturnas inclúense noutra orde, os Strigiformes xa que se supón que as semellanzas entre rapaces diúrnas e nocturnas é consecuencia de converxencia evolutiva e non de que ambas as dúas compartan un antergo común. Coñécense fósiles do Eoceno Medio. Habitan practicamente en todo o mundo agás na Antártida e na Polinesia oriental.[2]

Máis información Clasificación científica, Familias ...
Falconiformes
Rango fósil: 55 Ma-0 Ma
Inicios do EocenoHoloceno
Thumb
Falcón peregrino
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Falconiformes
Sharpe, 1874
Familias
Sinonimia

Accipitriformes

Pechar
Thumb
Quebraósos planeando
Thumb
Falcón peregrino devorando unha presa

Taxonomía

As rapaces diúrnas clasifícanse tradicionalmente en cinco familias nunha única orde, Falconiformes:[1]

No entanto, a taxonomía das rapaces é difícil e existen varias clasificacións. Algunhas non admiten a orde Falconiformes e as familia mencionadas inclúense na orde Ciconiiformes.[3]

Outras clasificacións dividen a orde en dúas; a familia Falconidae fica na orde Falconiformes, e o resto (Accipitridae, Cathartidae, Pandionidae e Sagittariidae) sitúanse na orde Accipitriformes.[4]

A American Ornithologist's Union deixa Falconidae e Accipitridae en Falconiformes, mais coloca os voitres do Novo Mundo (familia Cathartidae) coas cegoñas na orde Ciconiiformes.[5]

Velaquí un cladograma das relacións entre as Telluraves baseado en Braun & Kimball (2021), onde se ve a posición de Accipitriformes e Falconiformes, cos Falconiformes máis preto dos papagaios e paseriformes:[6]

Telluraves
Accipitrimorphae

Cathartiformes (voitres do novo mundo)

Accipitriformes (gabiáns e parentes)

Strigiformes (bufos)

Coraciimorphae

Coliiformes

Cavitaves

Leptosomiformes

Trogoniformes (trogons e quetzais)

Picocoraciae

Bucerotiformes

Picodynastornithes

Coraciiformes (picapeixes e parentes)

Piciformes (petos e parentes)

Australaves

Cariamiformes

Eufalconimorphae

Falconiformes (falcóns)

Psittacopasserae

Psittaciformes (papagaios)

Passeriformes

Características

As aves falconiformes teñen un corpo forte e compacto, membros robustos e testa voluminosa, máis ou menos redondeada, cun peteiro forte e curtante en forma de garfio; na base do mesmo e rodeando as aberturas nasais, existe un engrosamento carnoso característico, chamado cera polo seu aspecto, que adoita ser da mesma cor cás patas. Nos falcóns o peteiro presenta un dente característico na mandíbula superior que se corresponde cunha entalladura na inferior. As patas son relativamente curtas (agás no serpentario, polo seu modo de vida) e posúen poutas especializadas para agarrar con forza ás súas presas; os dedos son longos e fortes e están armados de unllas agudas e sólidas. Os voitres que, dado que se alimentan de cadáveres, teñen as unllas romas e carecen de forza e habilidade prénsil.[2]

A plumaxe é recia, compacta e elástia; as cobertoiras, en xeral pouco abondosas, posúen abondosos guechos de penuxe na base; posúen as 10 rémixes primarias e 13 ó 16 secundarias, e xeralmente 12 ó 14 timoneiras, número que se mantén moi constante. En moitas especies as plumas cobren o tarso e mesmo os dedos. O colorido é pouco rechamante, críptico, con predominio dos grises, ocres e azulados, formando barreados que disimulan á ave tanto cando voa como cando está pousada á espreita. A muda acontece xeralmente unha vez ao ano; é un fenómeno de vital importancia para as aves de presa xa que a súa capacidade de voo e a súa supervivencia depende do estado da súa plumaxe. As aves falconiformes posúen unha extraordinaria agudeza visual; un falcón sacre é quen de ver unha avetarda en movemento a 10 quilómetros de distancia. A retina ten dúas fóveas, unha central e outra lateral, dotando ao ollo dunha sensibilidade superior á dos mamíferos.[2]

A estrutura das ás depende do sistema de voo e de caza; así, as especies que o fan na espesura teñen ás curtas, anchas e redondeadas, para poder mudar axiña de sentido; os cazadores de espazos abertos, como os falcóns, impúlsanse con ás estreitas e puntiagudas; as rapaces planadoras, como as aguias e os voitres teñen ás anchas, longas e rectangulares con rémixes separadas nas súas puntas, coma nos dedos dunha man.

Historia natural

As falconiformes son aves característicamente carnívoras e adoitan cazar de día ou no crepúsculo, ou ben alimentarse de prea, coma os voitres. Os falcóns matan ás súas presas dun peteirazo, esnaquizándolles as vértebras cervicais, mentres que o resto adoitan matalas por estrangulación, empregando para iso as súas fortes poutas e non empregan o peteiro ata que a vítima deixa de moverse. Son aves pouco gregarias que, en xeral, non adoitan formar bandadas.[2]

Case todas as especies aniñan durante os primeiros meses da primavera; a monogamia adoita ser o máis corrente, colaborando ambos os dous sexos na construción do niño; os falcóns, no entanto, realizan a posta sobre a rocha ou a terra espida, sen ningún tipo de preparación previa. O apareamento vai precedido de paradas nupciais aéreas nas que os machos emiten penetrantes berros e escorrentan do seu territorio a calquera competidor. As especies máis pequenas poñen catro ou cinco ovos, e as de maior tamaño só un ou dous. Os pitos nacen moi pouco desenvolvidos e cubertos dun denso penuxe branco ou agrisado; medran axiña e comezan cedo a emplumar. O macho adoita cazar e achega alimentos á súa compañeira e fillos; esta esnaquiza as presas e repárteas entre os pitos. Tras abandonar o niño os mozos son alimentados e protexidos polos seus pais durante algún tempo, que tamén os adestran para a caza.[2]

Notas

Loading related searches...

Wikiwand - on

Seamless Wikipedia browsing. On steroids.