A orde das estrixiformes ou aves rapaces nocturnas comprende á familia Tytonidae (curuxas) e a familia Strigidae que inclúe bufos, curuxas, mouchos, tecolotes, mouchos de orellas, avelaionas, ñacurutús e chunchos, entre outras. Atópanse en todo o mundo, agás na Antártica, a meirande parte de Groenlandia e nalgunhas illas remotas. Son grandes cazadores, de hábitos nocturnos e solitarios. Aliméntanse xeralmente de pequenos mamíferos, insectos e outras aves, aínda que algunhas especies especialízanse na pesca.
Características
Nas estrixiformes os dedos tenden a separárense dous a dous, e o bico, coma nos papagaios, é moi ganchudo e presenta a base cuberta por unha cera. Os caracteres distintivos da orde están principalmente nos ollos e nos oídos. Aqueles son moi grandes e no canto de estaren situados aos lados da cabeza, áchanse orientados cara a adiante, como entre os mamíferos acontece cos primates, e cada un deles está rodeado por un gran disco de plumas, o disco facial, limitado por unha circunferencia de plumas pequenas, duras e rizadas. Aínda que os bufos teñen visión binocular, os seus ollos están fixos no seu lugar e teñen que virar toda a súa cabeza para mirar cara a outra dirección. Son hipermetropes e non poden ver nada a uns centímetros dos seus ollos. Así a todo, a súa visión, particularmente en luz baixa, é excelente.
A respecto dos oídos, son moi grandes e presentan no exterior notables repregamentos de pel, como se tendesen a formar unha orella, coa particularidade de que este ofrece a cada lado, na maior parte dos casos, formas distintas. Este carácter non se nota a primeira ollada por estaren ocultos os oídos baixo as plumas; pero é curioso que moitas especies teñen sobre a cabeza unhas falsas orellas ou corniños, formados por grupos de plumas tesas. A plumaxe destas aves é moi espesa e moi branda, semellandose á das avenoiteiras, e a meirande parte das especies aseméllanse tamén a estas na cor, que é unha mestura de diferentes matices amarelos, avermellados, pardos e negros.
Hábitos
Case que tódalas estrixiformes son nocturnas e aliméntanse de presas vivas, tales como pequenos mamíferos, paxariños, ras etc., que devoran enteiros; logo regurxitan unhas egagrópilas ou nobelos formados por anacos de ósos, pelos e demais partes que pola súa natureza non poden dixerir. Moitos bufos poden cazar en total escuridade guiándose polo son. O seu disco facial axuda a dirixir o son das súas presas cara aos oídos. Moitas especies posúen plumas suaves que lles permiten voar sen facer ruído, e deste xeito ouvir os sons que se producen no chan. Un exemplo de diúrna é Athene cunicularia que habita en case toda América.
Os ovos que poñen as femias son case esféricos, e por completo brancos. Os seus niños son rudimentarios e poden estar situados en ocos das árbores, tobos, cortellos, covas ou mesmo en niños artificiais feitos polo ser humano.
Mitoloxía
- Aínda que ás veces se dixo que a ave que acompaña a Atenea ou Minerva é unha curuxa, en realidade é o moucho europeo.
- Artigo principal: Moucho de Atenea.
- No folclore de Chile e parte da Arxentina, os bufos e curuxas son considerados un tipo de "ave agoreira" (ave de mala sorte); sendo relacionados co mito do temido Chonchón.
- Entre os vascos, o bufo é considerado un animal pouco intelixente. En éuscaro, os termos para bufo ou curuxa (hontza, mozoloa) son sinónimos de imbécil aplicados a unha persoa.
- Na cultura xaponesa, os bufos son símbolos da morte e ver un considérase de mala sorte.
- Na cultura romanesa escoitar o son producido por estas aves é unha indicación de que alguén vai morrer na veciñanza, debido a que o son é semellante a un queixume.
- Os romanos considerábanas aves funerarias, polas súas actividades nocturnas e por ter os seus niños en lugares pouco accesibles, polo que ver a un bufo no día considerábase de mala sorte.
Maior información en Strigidae.
Véxase tamén
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Estrixiformes |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Estrixiformes |
Ligazóns externas
Wikiwand in your browser!
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.