A Antártida ( pronunciación (axuda · info)) é un continente do planeta Terra, situado no hemisferio sur. Ten unha superficie de 13 209 000 km², que diminúe debido ao cambio climático. Non ten unha poboación autóctona debido ás condicións climáticas. Con todo, unhas 2000 persoas pisan esa terra cada ano, entre as que se encontran científicos, técnicos, especialistas, militares e turistas.
Tipo | continente rexión xeográfica Terra nullius área continental e illas circundantes | ||||
---|---|---|---|---|---|
Epónimo | anti- (en) e Ártico | ||||
Descubridor ou inventor | Mihail Petrovich Lazarev (pt) Fabian Gottlieb von Bellingshausen First Russian Antarctic expedition (en) (28 de xaneiro de 1820 (Xuliano)) | ||||
Parte de | masa de terra Antártica (região) (pt) Terra | ||||
Situado na entidade xeográfica | hemisferio sur | ||||
Localización | |||||
División administrativa | Zona do Tratado sobre a Antártida (pt) | ||||
| |||||
Composto por | |||||
Características | |||||
Punto máis baixo | Fenda Subglacial Bentley (pt) (−2.555 m ) | ||||
Punto máis alto | Macizo Vinson (4.892 m ) | ||||
Superficie | 14.200.000 km² 14.000.000 km² | ||||
A Antártida está atravesada por unha das maiores cordilleiras mundiais, as Montañas Transartárticas, cunha lonxitude de 3058 km e unha altura media de case 5000 metros. Estas montañas dividen o continente en dúas partes, por un lado a península Antártica ou península de Palmer (coñecida en Chile como Terra de O'Higgins), e pola outra banda a extensa meseta antártica.
Etimoloxía
O nome Antártida é a versión romanizada da palabra grega composta ἀνταρκτική (antarktiké), feminino de ἀνταρκτικός (antarktikos),[1] que significa "oposto ao Ártico", termo á súa vez derivado do grego ἄρκτος (arktos) "oso/osa", pola constelación da Osa Menor, que sinala o norte, ou sexa, "oposto ao norte".[2]
Antes de adoptar as súas connotacións xeográficas actuais, o termo foi empregado para outras localizacións que podían ser definidas como "opostas ao norte". Por exemplo, a efémera colonia francesa establecida no Brasil no século XVI que foi denominada "France antartique".
O primeiro uso formal do nome "Antártida" (na súa forma inglesa "Antarctica") como nome do continente data dos anos 1890s e é atribuída ao cartógrafo escocés John George Bartholomew.[3]
Historia
- Véxase tamén: Lista de expedicións á Antártida.
Formouse ó separarse de Gondwana, rompendo as súas últimas ligazóns con outros continentes ó formarse o Estreito de Drake que o separa de Suramérica, hai entre 30 e 35 millóns de anos.[4]
Como non hai pobos nativos da Antártida, a súa historia é a da súa exploración. É moi probable que os pobos de rexións próximas ao continente foran os primeiros en exploralo: os pobos Aush da Terra do Fogo, por exemplo, falan sobre o "país do xeo", e un xefe maorí de nome Ui-Te-Rangiora tería visitado a rexión no ano 650 d.C.[5][6] No entanto, eses pobos non deixaron vestixios da súa presenza.
As primeiras expedicións documentadas comezaron no século XVI. Américo Vespucio relatou o rexistro visual de terras a 52°S.[7] Varias expedicións aproximáronse gradualmente ao continente sen, no entanto, ter a certeza de que se trataba realmente dun continente ou dun conxunto de illas, ata as expedicións de James Cook, o primeiro que o circunnavegou entre 1772 e 1775 sen chegar a avistala, debido á néboa e os icebergs.[6]
A Antártida foi divisada en 1820/1821[8] polo menos tres barcos de diferentes emblemas, capitaneados por Fabian Gottlieb von Bellingshausen (Mariña Imperial Rusa), Edward Bransfield (Mariña Real Inglesa -Royal Navy-), e Nathaniel Palmer (explorador de Connecticut, EEUU).[9][10]
A ocupación humana propiamente dita comezou na primeira metade do século XIX, cando navíos baleeiros chegaron á rexión das Illas Sandwich do Sur. Nesa época, James Weddell e James Clark Ross descubriran os mares que hoxe levan os seus nomes. Este último fixo unha viaxe de exploración na cal descubriu a Illa Ross, os montes Érebo e Terror e a Terra de Vitoria, retornando en 1843.[6] O sexto e o sétimo Congreso Internacional de Xeografía, realizados en 1895 e 1889 respectivamente, obtivo un éxito relativo no seu chamamento á exploración do continente meridional, asinándose unha colaboración mutua de Gran Bretaña e Alemaña para a exploración científica da Antártida, dando como resultado diversas expedicións ao continente co apoio e a participación de diversas nacións.[11]
A principios do século XX, os exploradores céntranse na conquista do polo Sur. Ernest Henry Shackleton organizou unha expedición o 20 de outubro de 1908, véndose obrigado a volver sen chegar ao polo. A Shackleton seguiron Roald Amundsen e Robert Falcon Scott nunha verdadeira carreira, pois partiron con apenas dúas semanas de diferenza en outubro de 1911 a partir da plataforma de Ross. Amundsen chegou ao polo o 14 de decembro de 1911, volvendo en xaneiro. O grupo de Scott chegou ao polo o 17 de xaneiro e encontrou a bandeira norueguesa que deixara Amundsen. No camiño de volta, os cinco expedicionarios morreron de fame e fatiga.[6]
Despois da conquista do polo, quedaba aínda a fazaña de atravesar o continente de costa a costa. Shackleton asumiu a tarefa na Expedición Imperial Transantártica en 1914, que non tivo éxito por unha serie de dificultades, a primeira delas foi que os barcos quedaron atrapados no xeo e afundiron.[12]
Richard Evelyn Byrd, un explorador dos Estados Unidos, foi o primeiro a sobrevoar o polo Sur o 29 de novembro de 1929 ao que lle seguiron diversas viaxes en avión á Antártida nos anos 30 e 40.[12] Tamén realizou extensas investigacións xeolóxicas e biolóxicas. Actualmente, tras o Tratado da Antártida, moitos países manteñen bases de investigación permanente e a ocupación humana é constante.[13]
Xeografía
Asimetricamente centrado arredor do Polo Sur e en boa parte ao sur do círculo polar antártico, a Antártida é o continente situado máis ao sur e rodeado polo océano Antártico; alternativamente pode considerarse que está rodeado polas augas meridionais do Pacífico, o océano Atlántico, e o océano Índico, ou polas augas meridionais do océano mundial. A Antártida ten unha superficie de máis de 14 000 000 km2,[14] que o converten no quinto continente máis extenso, en torno a 1,3 veces maior que Europa. Ten 17.968 km de costa, que se caracterizan principalmente pola presenza de formacións de xeo, como se mostra a continuación:
Tipo | Frecuencia |
---|---|
Plataforma de xeo (fronte de xeo flotante) | 44% |
Paredes de xeo (que descansan no solo) | 38% |
Glaciares (frontes ou paredes de xeo) | 13% |
Rocha | 5% |
A Antártida está dividida en dúas partes polos montes Transantárticos preto do estreitamento entre o mar de Ross e o mar de Weddell. A parte occidental do mar de Weddell e a oriental do mar de Ross é denominada Antártida Occidental ou Menor, e o resto é chamado Antártida Oriental ou Maior, debido a que se corresponden aos hemisferios occidental e oriental en relación ao meridiano de Greenwich.[16]
En torno ao 98% da superficie da Antártida está cuberta polo manto de xeo antártico, un manto de xeo que ten un espesor medio de canto menos 1,6 km, sendo o seu espesor máximo 4.776 metros.[13][17]. Esa cuberta de xeo ten un volume estimado en 25,4 millóns de km3,[18] e nela atópase en torno do 90% do xeo do mundo (e polo tanto sobre o 70% da auga doce do mundo). Se todo o xeo antártico se derretese, o nivel do mar ascendería uns 60 m.[19] Na meirande parte do interior do continente as precipitacións son moi baixas, por debaixo dos 20 mm ao ano; nalgunhas zonas de "xeo azul" as precipitacións son menores que a perda de masa por sublimación, e polo tanto o balance local é negativo. Nos vales secos prodúcese o mesmo efecto sobre a base das rochas, provocando unha paisaxe desecada.[16]
A Antártida Occidental está cuberta polo manto de xeo da Antártida Occidental. O manto chamou recentemente a atención pola posibilidade da súa desaparición. Se se derretese, o nivel do mar podería subir varios metros nun tempo xeolóxico relativamente curto, posiblemente en cuestión de séculos. Varias correntes de xeo antártico, que representan en torno ao 10% do manto de xeo, diríxense a algunha das distintas plataformas.
A Antártida Oriental está do lado do océano Índico dos montes Transantárticos e comprende a Terra de Coats, Terra da Raíña Maud, Terra de Enderby, Terra de Mac. Robertson, Terra de Wilkes e Terra de Victoria. Toda esta rexión, agás unha pequena rexión se encontra no hemisferio oriental. A Antártida Oriental está cuberta en boa parte polo manto de xeo da Antártida Oriental.
Relevo
Na Antártida Oriental encóntranse os montes Transantárticos (ou Cadea Transantártica) que se estende por 4.800 km, dende a Terra de Vitoria á Terra de Coats. Na Antártida Occidental está a península Antártica, ao sur da cal se encontra o Macizo Vinson, o punto máis alto da Antártida con 4.892 m, situado nos montes Ellsworth. A Antártida conta con moitas outras montañas, tanto no continente como nas illas que o rodean. Situado na Illa Ross, o Monte Erebus é o volcán activo situado máis ao sur do planeta. Outro volcán coñecido encóntrase na Illa Decepción, e é famoso pola grande erupción que tivo lugar en 1970. Outras erupcións menores son frecuentes e o fluxo de lava foi visto nos últimos anos. Outros volcáns durmidos poden estar potencialmente activos.[20] En 2004, investigadores estadounidenses e canadenses atoparon un volcán submarino. Probas recentes mostran que este volcán sen nome pode estar activo.[21]
Montes de maior altitude | ||||
---|---|---|---|---|
Posición | Monte | Sistema | Altitude (m) | |
1 | Macizo Vinson | Cordilleira Sentinel | 4.892 | |
2 | Monte Tyree | Cordilleira Sentinel | 4.852 | |
3 | Monte Shinn | Cordilleira Sentinel | 4.661 | |
4 | Monte Craddock | Cordilleira Sentinel | 4.650 | |
5 | Monte Kirkpatrick | Cordilleira Raíña Alexandra | 4.528 | |
6 | Monte Markham | Cordilleira da Raíña Elizabeth | 4.350 | |
7 | Monte Kaplan | Cordilleira Hughes | 4.230 | |
8 | Monte Sidley | Executive Committee Range | 4.181 | |
9 | Monte Dickerson | Cordilleira Raíña Alexandra | 4.120 | |
10 | Monte Wade | Montañas do Príncipe Olav | 4.085 |
Hidrografía
A Antártida conta con máis de 145 lagos que se encontran baixo a superficie de xeo continental.[22] O lago Vostok, descuberto baixo a estación rusa de Vostok en 1996, é o maior destes lagos subglaciais. Durante un tempo pensouse que o lago quedara selado hai de 500.000 a un millón de anos, mais un estudo recente suxire que periodicamente hai grandes fluxos de auga dun lago para outro.[23] Tamén existen algúns ríos no continente, o maior dos cales é o río Onyx, cunha lonxitude de 30 km, que desemboca no lago Vanda a 75 metros de profundidade.[24]
Hai algunhas probas, en forma de testemuños de xeo recollidos a uns 400 m por riba do nivel da auga, que indican que o lago Vostok podería albergar vida microbiana. A superficie conxelada do lago mostra semellanzas con Europa, unhas das lúas de Xúpiter. Se se achase vida no lago Vostok, isto podería fortalecer o argumento da posibilidade de haber vida no satélite Europa.[25].
O 7 de febreiro de 2008, un equipo da NASA embarcouse nunha misión ao lago Untersee, na procura de extremófilos nas súas augas altamente alcalinas. Se se atoparan, estas criaturas resistentes podería reforzar o argumento da vida extraterrestre en ambientes extremadamente fríos e ricos en metano.[26]
Xeoloxía
Historia xeolóxica e paleontolóxica
Hai máis de 100 millóns de anos, a Antártida estaba unida á India, África, Australia e América do Sur, formando un supercontinente denominado Gondwana.[27] Co paso do tempo, o Gondwana dividiuse e a Antártida como é coñecida hoxe en día formouse entre hai 25 e 23 millóns de anos, ao separarse de América do Sur e quedar totalmente rodeada polo océano Antártico, deixando illado no polo sur o que actualmente é a Antártida.[28] De acordo coa teoría da tectónica de placas, é doado observar que, antigamente, o continente americano e o antártico estaban unidos pola zona que conforma a Terra de Fogo, zona actualmente disgregada, e formou a denominada península Antártica.
Paleozoico (540-250 millóns de anos)
- Véxase tamén: Paleozoico.
No período Cambriano, entre hai 540 e 250 millóns de anos, o clima de Gondwana era suave. A Antártida Occidental estaba parcialmente no Hemisferio Norte, e durante este período acumuláronse grandes cantidades de arenita, calcaria e xisto. A Antártida Oriental estaba no Ecuador, onde invertebrados e trilobites habitaban no fondo mariño tropical. Ao comezo do período Devoniano (416 millóns de anos), Gondwana estaba en latitudes máis ao sur e o clima era máis frío, aínda que se encontraron fósiles de plantas deste período. Area e limos asentáronse no que agora son os montes Ellsworth, Horlick e Pensacola. A glaciación comezou no final do período Devoniano (360 millóns de anos) movéndose en dirección ao polo Sur e o clima arrefriou, mais aínda había flora. Durante o período Permiano, pteridófitas que crecían en pantanos dominaban a paisaxe. Co tempo estes pantanos transformáronse en depósitos de carbón nos montes Transantárticos. Un quecemento continuou no final do Permiano evolucionando para a un clima quente e seco na maior parte de Gondwana.[29]
Mesozoico (250-65 millóns de anos)
- Véxase tamén: Mesozoico.
Como resultado do quecemento continuo, entre hai 250 e 65 millóns de anos, a cobertura de xeo polar derreteuse e gran parte de Gondwana transformouse nun deserto. Na Antártida Oriental pteridospermatophytas, unha especie de pteridófita actualmente extinta, volvéronse comúns, e grandes cantidades de arenita e xisto corresponden a esta época. A península Antártica comezouse a formar durante o período Xurásico (entre hai 206 e 146 millóns de anos), e as illas subantárticas foron emerxendo gradualmente do océano. Plantas como os xinkgos e as cicadáceas eran abundantes durante este período, así como os réptiles como o Lystrosaurus. No período Cretáceo (entre hai 146 e 65 millóns de anos), a Antártida Occidental estaba dominada por bosques de coníferas, aínda que as notofagáceas comezaran a dominar no final deste período. Os amonites eran comúns nos mares que rodeaban a Antártida, e tamén había dinosauros, aínda que tan só se teñen atopado dúas especies antárticas ata o momento: o Criolofosaurus e o Antarctopelta. Foi durante ese período cando Gondwana comezou a separarse.[29]
División de Gondwana (160–23 millóns de anos)
África separouse da Antártida hai en torno uns 160 millóns de anos, seguida polo subcontinente indio a principios do Cretáceo (aproximadamente hai 125 millóns de anos). Hai 65 millóns de anos, a Antártida (aínda conectada a Australia) tiña un clima entre tropical e subtropical, unido a unha fauna de marsupiais. Hai 40 millóns de anos, Australia xunto con Nova Guinea separouse da Antártida e o xeo comezou a aparecer. Hai en torno 23 millóns de anos, xurdiu a pasaxe de Drake entre a Antártida e América do Sur, facendo posible a aparición da Corrente Circumpolar Antártica.[28]
Neoxeno (23–0,05 millóns de anos)
O xeo propagouse, substituíndo os bosques que cubrían o continente, que está cuberto de xeo desde hai 15 millóns de anos.[30]
Períodos temperados intermitentes permitiron aos arbustos de Nothofagus medrar no grupo Sirius no Dominion Range hai en torno 3 ou 4 millóns de anos.[31] Despois disto, a idade do xeo do plistoceno cubriu a totalidade do continente e destruíu todas as plantas maiores que había nel.[32]
Xeoloxía actual
Os estudos xeolóxicos da Antártida foron dificultados polo feito de que case todo o continente está cuberto permanentemente por unha grosa capa de xeo. Non obstante, novas técnicas como a teledetección comezaron a revelar as estruturas por debaixo do xeo.[33]
Xeoloxicamente, a Antártida Occidental aseméllase aos Andes.[29] A península Antártica foi formada pola elevación e o metamorfismo de sedimentos do leito mariño durante o final da era Mesozoica. Esta elevación de sedimentos foi acompañada de intrusións ígneas e vulcanismo. As rochas máis comúns na Antártida Occidental son a andesita e a riolita formadas durante o período Xurásico. Hai evidencias de vulcanismo, mesmo despois da formación do manto de xeo, na Terra de Marie Byrd e na Illa Alexandre I. A única área atípica da Antártida Occidental é a dos montes Ellsworth, a rexión onde a estratigrafía é máis parecida coa da parte oriental do continente.[34]
A Antártida Oriental é xeoloxicamente moi antiga, datando do Precámbrico, con algunhas rochas formadas hai máis de 3.000 millóns de anos. Está formada por unha plataforma metamórfica e ígnea que é a base do escudo continental. Enriba desta base hai varias rochas máis modernas, como arenita, calcaria, carbón e xisto, despositadas durante os períodos Devoniano e Xurásico para formar os Montes Transantárcticos. En áreas costeiras como a cordilleira Shackleton e a Terra de Vitoria encontráronse algunhas fallas xeolóxicas.[34]
O principal recurso mineral coñecido no continente é o carbón.[30] Inicialmente, foi encontrado por Frank Wild preto do glaciar Beardmore na expedición de Nimrod, e coñécese a existencia de carbón de baixa calidade en moitas partes dos montes Transantárticos. As montañas Príncipe Charles contan con depósitos significativos de ferro. Os recursos máis valiosos da Antártida, localizados ao longo do continente, son campos petrolíferos e de gas natural, atopados no mar de Ross en 1973. A explotación de todos os recursos minerais está prohibida polo Protocolo de Protección Ambiental do Tratado da Antártica.[35] Ata o 2048, tal prohibición só poderá ser revogada ou alterada pola aprobación unánime dos países consultores do Tratado Antártico e despois do estabelecemento dun réxime legal para a explotación.[36]
Clima
A Antártida é o continente máis frío e seco da Terra, un gran deserto nival. A precipitación media anual está entre os 30 e os 70 mm.[5] As frontes de nubes raramente penetran no interior do continente, facendo do centro unha rexión fría e seca. As fortes nevaradas son frecuentes na parte costeira do continente, onde se teñen rexistrado nevaradas de 1,22 metros en 48 horas.
A temperatura media do continente é de -17 °C, e a máis baixa rexistrouse na estación rusa de Vostok o 21 de xullo de 1983, con -89,2 °C, sendo ademais a temperatura máis baixa rexistrada na superficie terrestre.[37][38] Por causa da influencia das correntes mariñas, as zonas costeiras presentan temperaturas máis suaves, cunha media anual de -10 °C (con valores entre 10 °C no verán e -40 °C no inverno). Por outra banda, no interior do continente, a media anual é de -30 °C, con temperaturas variando entre os -30 °C no verán ata temperaturas por debaixo dos -80 °C no inverno (tense rexistrado ata 89,2 °C)[39]. Estas baixas temperaturas débense non soamente á súa localización xeográfica na zona polar, mais tamén á súa elevada altitude media e á pouca radiación solar que recibe a rexión. Ademais, entre o 80 e o 90 % da radiación que recibe a Antártida é reflectida polo xeo novamente ao espazo, evitando o quecemento da superficie polar.[40] Polo contrario, a temperatura máis cálida foi rexistrada na estación neozelandesa de Vanda, en xaneiro de 1974, cando o termómetro ascendeu ata os +15 °C.[38][41] A Antártida Oriental é máis fría que a Occidental debido á súa maior elevación.
A Antártida é máis fría que o Ártico por tres razóns. A primeira é que a maior parte do continente se encontra a máis de 3.000 m sobre o nivel do mar, e a temperatura descende coa elevación na troposfera. En segundo lugar, o océano Ártico cobre a zona polar setentrional: a temperatura relativamente suave do océano transfírese pola bolsa de xeo e evita que as temperaturas nas rexións árticas cheguen aos valores extremos da superficie antártica. Debido á latitude prodúcense longos días de constante escuridade ou constante luz que crean climas descoñecidos para os seres humanos en boa parte do mundo.[40] A terceira razón é o afelio de xullo (isto é, a Terra está máis lonxe do Sol durante o inverno antártico), e o perihelio de xaneiro (isto é, a Terra está máis cerca do Sol durante o verán antártico). A distancia orbital contribúe a un inverno antártico máis frío (e a un verán máis cálido) mais os primeiros dous efectos teñen un maior impacto.[42]
A Antártida é considerada o lugar máis ventoso do planeta, aínda que as velocidades puntuais máis fortes prodúcense nos tornados de Norteamérica.[43][44] No bordo do continente, os ventos catabáricos da meseta antártica sopran con forza, rexistrándose ventos superiores aos 200 km/h, sendo a velocidade media nestas rexións de 100 km/h e chegando a superar os 320 km/h.[45][39] No interior, con todo, os ventos adoitan ser moderados.[46]
Durante o verán, o continente ten unha superficie de 14 millóns de quilómetros cadrados, mais no inverno o mar que rodea o continente conxélase e a súa superficie chega aos 30 millóns de quilómetros cadrados, o que o converte no cuarto continente en extensión. Esta característica que se repite anualmente co cambio de estacións fixo que se denominase a Antártida, o "Continente pulsante".
En pleno verán, os días na Antártida teñen luz case as 24 horas do día, mais no inverno, os días permanecen nunha prolongada escuridade. Isto débese a que o eixe de rotación da Terra está inclinado en relación ao plano da órbita da Terra ao redor do Sol. Durante os días despexados do verán chega á superficie antártica máis radiación solar no Polo Sur que no ecuador debido ás 24 horas de luz solar que se dan no Polo.[14]
A aurora austral, coñecida como as "luces do sur", é un brillo observado durante a noite preto do Polo Sur, producida cando unha exección de masa solar choca co polo sur da magnetosfera terrestre. Outro acontecemento é o po de diamante, unha borraxeira composta de pequenos cristais de xeo. Fórmase xeralmente en ceos despexados, polo que se refire a el como precipitación de ceo despexado. Falsos soles, brillos formados pola reflexión da luz solar en cristais de xeo, coñecidos como parhelio, son unha manifestación óptica atmosférica común.[17]
Biodiversidade
Flora
Por causa das condicións extremas do clima da Antártida, no continente hai pouca vexetación. As principais dificultades para o crecemento de vexetais na Antártida son os fortes ventos, o pequeno espesor do solo e a limitada cantidade de luz solar durante o inverno.
Por iso, a variedade de especies de plantas na superficie limítase a plantas "inferiores", como musgos e hepáticas. Ademais hai unha comunidade autotrófica formada por protistas. A flora continental consiste en liques, briófitas, algas e fungos. O crecemento e a reprodución prodúcense xeralmente no verán.[47][48]
Hai máis de 200 especies de liques e aproximadamente 50 especies de briófitas, tales como os musgos. No continente existen 700 especies de algas, a maioría das cales forman o fitoplancto.[47] As diatomeas e algas da neve, algas microscópicas que crecen na neve e no xeo dándolles cor, son abundantes nas rexións costeiras durante o verán.[49] Non hai máis que dúas especies de plantas vasculares con flores que medran só na Península Antártica: Deschampsia antarctica e Colobanthus quitensis.[47]
Fauna
Na Antártida viven poucos vertebrados terrestres.[50] A vida invertebrada inclúe ácaros microscópicos como o Alaskozetes antarcticus, piollos, nematodos, tardígrados, rotíferos, krill e colémbolos. O mosquito Belgica antarctica, de ata 6 mm de tamaño, é o maior animal puramente terrestre da Antártida.[51] O petrel branco é un dos tres paxaros que se atopan exclusivamente na Antártida.[52]
A fauna dos mares en torno á Antártida é bastante rica. Está composta por unha gran variedade de invertebrados como esponxas,[53] anemones, estrelamares e ourizos de mar,[54] anélidos, crustáceos e moluscos e entre os máis comúns están o isópode Glyptonotus antarticus e o molusco Nacella concinna, común nas zonas costeiras. As condicións ambientais afectan ao crecemento e á reprodución deses animais, que se fan maiores e medran máis lentamente, reproducíndose de forma máis lenta que os seus conxéneres de rexións quentes.[28]
Existe tamén unha gran variedade de animais mariños que dependen, directa ou indirectamente, do fitoplancto. A vida mariña da Antártida inclúe pingüíns, baleas azuis, candorcas, luras colosais e lobos mariños. O pingüín emperador é o único pingüín que se reproduce durante o inverno antártico, mentres que o pingüín de Adelia reprodúcese máis ao sur que calquera outro. O pingüín saltador da rocha ten unhas plumas distintivas ao redor dos ollos, o que lle dá a aparencia de pestanas elaboradas. O pingüín rei, o pingüín de barbicha e o pingüín gentoo tamén se reproducen na Antártida.
O lobo mariño antártico foi vítima da caza masiva nos séculos XVIII e XIX polos cazadores de focas dos Estados Unidos e o Reino Unido, que querían as súas peles. A foca de Weddell, recibe o seu nome en honra a Sir James Weddell, comandante das expedicións que realizaron os británicos na procura de peles polo mar de Weddell. O krill antártico, que congrega grandes cardumes, é a especie chave do ecosistema do océano Antártico, e é un organismo importante para a alimentación de baleas, focas, leopardos mariños, lobos mariños, luras, blénidos, pingüíns, albatros e moitas outras aves.[55]
Durante o Ano Polar Internacional, iniciouse un censo da vida mariña no que participaron uns 500 investigadores e que se publicou en 2010. A investigación forma parte do Censo de Vida Mariña global (CoML) e permitiu algúns descubrimentos notables. Máis de 235 organismos mariños viven nas dúas rexións polares, cunha distancia entre ambas de 12.000 km. Os animais grandes, como algúns cetáceos e os paxaros, fan a viaxe de ida e volta anualmente. Máis sorprendentes son as formas pequenas de vida como o cogombro de mar e algúns moluscos que se poden atopar nos dous océanos polares. Diversos factores poden axudar nesta distribución: temperaturas bastante uniformes do fondo oceánico nos polos e no ecuador que non difiren en máis de 5 °C, e os sistemas principais actuais ou circulación termohalina que transporta ovos e larvas.[56]
Política
Como único continente inhabitado, a Antártida non ten ningún goberno e non pertence a ningún país. Varios países reivindican áreas, mais estas reivindicacións non son recoñecidas por outros. A área situada entre os 90°O e os 150°O é a única parte da Antártida e da Terra que non é reivindicada por ningún país.[57]
Tratado Antártico
O Tratado Antártico é un documento asinado o 1 de decembro de 1959 na cidade de Washington, D.C. polos países que reclamaban a posesión de partes do continente antártico, no que se comprometen a suspender as súas pretensións por un período indefinido, permitindo a liberdade de exploración científica do continente, en réxime de cooperación internacional.[58] O Tratado Antártico entrou en vigor o 23 de xuño de 1961. O Tratado considera dous tipos de membros: os consultivos ou de pleno dereito (con voz, voto e veto na toma de decisións vinculadas ao espazo austral) e os membros non consultivos, ou "adheridos", nomeados tamén "observadores" (que só teñen o dereito de opinar).
Dende 1959, as reivindicacións na Antártida están suspendidas e o continente é considerado politicamente neutral. A súa situación está regulada polo Tratado Antártico e outros acordos relacionados, chamados no seu conxunto Sistema do Tratado Antártico.[59] Para os efectos do Sistema de Tratados, a Antártida está definida como toda a terra e plataformas de xeo en torno dos 60°S. O tratado foi asinado por 12 países, incluíndo a Unión Soviética e os Estados Unidos. Este tratado transformou a Antártida nunha área de preservación científica, estabeleceu a liberdade de investigación científica, a protección ambiental e prohibiu os exercicios militares no continente. Este foi o primeiro acordo para o control de armas estabelecido durante a guerra fría.[58]
O Tratado Antártico prohibe calquera tipo de operación militar na Antártida, tales como o estabelecemento de bases e fortificacións militares, ou a proba de calquera tipo de arma. O persoal e o equipamento militar está permitido unicamente para a investigación científica ou para outros fins pacíficos.[60] A única operación militar en grande escala documentada foi a Operación 90, emprendida polas forzas armadas arxentinas dez anos antes de se asinar o Tratado.[61]
En 1983, os países que asinaron o Tratado Antártico comezaron as negociacións para regular a actividade mineira no continente.[62] Unha coalición de organismos internacionais puxo en marcha unha campaña de presión pública para evitar a explotación mineira na rexión, dirixida principalmente por Greenpeace, que estableceu a súa propia base científica (World Park Base) na rexión do Mar Ross e dirixiu expedicións anuais para documentar os efectos ambientais dos humanos no continente.[63][64][65][66] En 1988 foi adoptada a Convención para a Regulación dos Recursos Minerais Antárticos (Convention on the Regulation of Antarctic Mineral Resources, CRAMRA).[67] Ao ano seguinte, con todo, Australia e Francia anunciaron que non ratificarían a convención, derrubando todas as tentativas e propósitos. Porén, propuxeron un réxime global para protexer a Antártida no seu lugar.[68] O Protocolo sobre Proteccíón Ambiental do Tratado Antártico (tamén coñecido como 'Protocolo de Madrid') foi negociado e o 14 de xaneiro de 1998 entrou en vigor.[68][69] O 'Protocolo de Madrid' prohibe toda actividade mineira na Antártida, designando o continente como unha "reserva natural consagrada á paz e á ciencia".
Países que reclaman posesións
Sete dos estados membros consultivos do Tratado Antártico manteñen reclamacións sobre sectores do territorio antártico. Como consecuencia da firma do tratado, existe unha virtual «conxelación» dos litixios antárticos por causa da prohibición de actividades militares non vinculadas á investigación científica, o que eliminou o perigo de incidentes e guerras, xunto co espírito de cooperación e entendemento. Mentres estea en vixencia o tratado, as reclamacións de soberanía territorial sobre a Antártida que foron feitas antes da sinatura do mesmo manterán a súa vixencia, mais non poden ser ampliadas nin se permiten novas reclamacións de soberanía. O tratado menciónaas, mais non as recoñece nin as rexeita, conservándose os dereitos de todas as partes.
Os seguintes países posúen reivindicacións territoriais na Antártida.[16]
Data | País | Territorio | Comentarios | Límites | Mapa |
---|---|---|---|---|---|
1908 | Reino Unido | Territorio Antártico Británico | É reclamada como territorio de ultramar e está totalmente superposto á reclamación arxentina e parcialmente á chilena. Os seus límites actuais foron fixados en 1962. | 20° O a 80° O | |
1923 | Nova Zelandia | Dependencia de Ross | Reclamación como territorio dependente de Nova Zelandia. | 150° O a 160° L | |
1924 | Francia | Terra Adelia | A reclama como un dos catro distritos das Terras Austrais e Antárticas Francesas. | 142°2' L a 136°11' L | |
1929 | Noruega | Illa Pedro I | 68°51′00″S 90°35′00″O | ||
1933 | Australia | Territorio Antártico Australiano | É reclamado como un dos sete territorios externos de Australia. | 160° L a 142°2' L e 136°11' L a 44°38' L |
|
1939 | Noruega | Terra da Raíña Maud | Non ten límites definidos ao norte nin ao sur, enténdese xeralmente que só reclamou a costa para protexer os seus dereitos na caza de baleas. | 44°38' L a 20° O | |
1940 | Chile | Territorio Chileno Antártico | Foi delimitado en 1940, mais non conta con límite ao norte. Correspóndese coa comuna Antártica, unha das dúas comunas da Provincia Antártica Chilena, XII Rexión de Magallanes e Antártica Chilena. Está superposto parcialmente coa reclamación arxentina e a británica. | 53° O a 90° O | |
1943 | Arxentina | Antártida Arxentina | Forma un dos 4 departamentos da Provincia de Tierra del Fuego, Antártida e Islas del Atlántico Sur, agás as illas Orcadas do Sur, que integran o departamento Illas do Atlántico Sur desa provincia. A reclamación foi delimitada en 1942 e superponse parcialmente coa chilena e totalmente coa británica. | 25° O a 74° O | |
- | Ningún | Terra de Marie Byrd (territorio non reclamado) |
Non inclúe a Illa de Pedro I, reclamada por Noruega. | 90° O a 150° O |
A Alemaña nazi tamén mantivo unha reivindicación sobre unha parte do territorio antártico chamada Nova Suabia, entre 1939 e 1945. Os territorios reclamados por Alemaña estaban situados entre os 20°L e 10°O, superpoñéndose á reivindicación norueguesa.[28]
As reclamacións da Arxentina, Chile e o Reino Unido coinciden, o que causou friccións entre os países. O 18 de decembro de 2012, a Foreign and Commonwealth Office británica nomeou unha área sen nome Terra da Raíña Isabel como homenaxe ao xubileu de diamante da raíña Isabel II.[70] O 22 de decembro de 2012, o embaixador do Reino Unido na Arxentina, John Freeman, foi reclamado polo goberno arxentino como protesta contra a reclamación.[71] As relacións británico-arxentinas xa se foran danando durante o 2012 debido ás disputas sobre a soberanía das Illas Malvinas, e o 30 aniversario da guerra das Malvinas.
As áreas que se mostran como reclamacións australianas e neozelandesas eran territorios británicos ata lles seren entregados trala independencia dos dous estados oceánicos. Australia reclama actualmente a área maior (42% do continente).[28] As reclamacións do Reino Unido, Australia, Nova Zelandia, Francia e Noruega están recoñecidas polos demais. Arxentina e Chile tamén recoñecen mutuamente os seus dereitos antárticos, sen establecer o límite común e denominan ao conxunto dos seus territorios antárticos como Antártida Suramericana. Pola súa banda, Estados Unidos e Rusia rexeitan calquera reclamación territorial, mais no momento de asinar o tratado reserváronse o dereito de facelo en caso de que outros estados intenten facer efectivas as súas.
Por outra banda, existen outros países que participan como membros do Tratado Antártico e que teñen interese polo continente antártico, mais as disposicións do Tratado non lles permite facer as súas reclamacións mentres estea en vigor.[72][73]
- Brasil ten designada unha 'zona de interese' que non é unha reclamación actual.[74]
- Perú reservou formalmente o seu dereito de facer unha reclamación.[72][73]
- Rusia herdou o dereito da Unión Soviética para reclamar territorio en virtude do Tratado Antártico orixinal.[75] Ademais reservouse o dereito de reclamar os «territorios descubertos polos rusos» que poden corresponder ao conxunto do continente.
- Suráfrica reservou formalmente o seu dereito de facer unha reclamación.[72][73]
- Estados Unidos reservou o seu dereito de facer unha reclamación no Tratado Antártico orixinal.[75]
- España reservou formalmente o seu dereito de presentar unha reclamación sobre o territorio.
- Bélxica resérvase o dereito de facer unha reclamación se outros países cuestionan o acordo internacional do 1 de decembro de 1959.
Non obstante, ningunha das reivindicacións antárticas é recoñecida pola comunidade internacional. Nos termos do Artigo IV do Tratado Antártico, que regula as actividades humanas ao sur do paralelo 60°S, ningunha actividade durante a vixencia do Tratado pode ser considerada recoñecemento, reforzo ou negación das reivindicacións territoriais.[58]
Presenza humana
Demografía
Aínda que a Antártida non ten unha poboación permanente, algúns gobernos manteñen estacións de investigación permanentes en todo o continente. A poboación de científicos no continente e as illas subantárticas varía entre os 4.000 do verán e os 1.000 do inverno. Moitas destas estacións manteñen persoal durante todo o ano.[13] A densidade de poboación oscila polo tanto entre os 0,00007 habitantes/km² e os 0,00035 habitantes/km² ao longo do ano. Unha Igrexa ortodoxa, a Igrexa da Trindade, aberta en 2004 na estación rusa de Bellingshausen está aberta tamén todo o ano por dous sacerdotes, que se rotan de xeito similar cada ano.[76][77]
Os primeiros habitantes semipermanentes das áreas subantárticas eran mariñeiros procedentes de Inglaterra e os Estados Unidos que acostumaban pasar un ano ou máis en Xeorxia do Sur, desde 1786. Durante a era da caza de baleas, que durou ata 1966, a poboación da illa variaba de 1.000 no verán (ou 2.000 algúns anos) a duascentas no inverno. A maioría dos baleeiros eran noruegueses, cunha crecente proporción de británicos. Os asentamentos incluían Grytviken, Leith Harbour, King Edward Point, Stromness Harbour, Husvik Harbour, Prince Olav Harbour, Ocean Harbour e Godthul.[78]
Os administradores e outros oficiais encargados das estacións baleeiras moitas veces vivían coas súas familias. Entre eles estaba o fundador de Grytviken, o capitán Carl Anton Larsen, un importante baleeiro noruegués e explorador que adoptou a cidadanía británica en 1910 xunto coa súa familia. No entanto, despois do final da caza de baleas na década de 1960, a poboación reduciuse drasticamente a menos de cen persoas.[78]
A primeira persoa nada na rexión polar austral foi unha nena norueguesa, Solveig Gunbjörg Jacobsen, que naceu o 8 de outubro de 1913 na cidade de Grytviken, e cuxo nacemento foi rexistrado polo maxistrado británico residente na illa de Xeorxia do Sur. Solveig era filla de Fridthjof Jacobsen, administrador asistente da estación baleeira, e de Klara Olette Jacobsen. Jacobsen chegou á illa en 1904 para converterse en administrador de Grytviken, servindo de 1914 a 1921; dous dos seus fillos naceron na illa.[78]
Emilio Marcos de Palma foi o primeiro neno en nacer ao sur do paralelo 60 (o límite continental de acordo co Tratado Antártico),[79] así como o primeiro en nacer no continente antártico, concretamente na base arxentina de Esperanza (na punta da península antártica) en 1978.[80][81] Seus pais foran enviados á Antártida xunto con outras sete familias polo goberno arxentino para determinar se a vida en familia era posible no continente. En 1984, Juan Pablo Camacho naceu na base do Presidente Eduardo Frei Montalva, sendo o primeiro chileno nado na Antártica. Diversas bases son agora o fogar de familias con nenos que van a escolas en estacións.[82] En 2009, once nenos máis naceron na Antártida (ao sur do paralelo 60): oito en Base Esperanza[83] e tres na Base Presidente Eduardo Frei Montalva.[84]
Investigación
- Na Antártida existen diversas bases, permanentes, como a estación de investigación Concordia,[85] ou temporais. Países con estacións permanentes: Alemaña - Arxentina - Australia - Brasil - Chile - China - EUA - Francia - India - Xapón - Nova Zelandia - Polonia - Reino Unido - Rusia - Suráfrica - Uruguai
- Países con estacións temporais: Bélxica - Bulgaria - España - Finlandia - Italia - Corea do Sur - Suecia
Meteoritos
Os meteoritos que caen na Antártida son unha importante área de estudo do material formado nos inicios do sistema solar, moitos dos cales se cre proveñen de asteroides, mais algúns puideron orixinarse en planetas maiores. O primeiro meteorito foi atopado en 1912 e foi designado Adelie Land. En 1969, unha expedición xaponesa descubriu nove meteoritos. A maioría deles caeran sobre o manto de xeo nos últimos millóns de anos. O movemento do manto de xeo tende a concentrar os meteoritos en lugares inaccesibles como cadeas montañosas, coa erosión eólica levándoos á superficie despois de séculos baixo as nevaradas acumuladas. Comparado con meteoritos recollidos en rexións máis temperadas da Terra, os meteoritos antárticos están mellor conservados.[86]
Esta gran colección de meteoritos permite unha mellor comprensión da abundancia de tipos de meteoritos no sistema solar e como os meteoritos se relación con asteroides e cometas. Novos tipos de meteoritos e meteoros raros teñen sido encontrados na Antártida, entre eles hai pezas procedentes da Lúa, e probablemente de Marte, a través de impactos. Eses exemplares, especialmente o ALH84001 descuberto pola ANSMET, están no centro da polémica sobre posibles evidencias de vida microbiana en Marte. Como os meteoritos no espazo absorben e rexistran a radiación cósmica, o tempo transcorrido desde que o meteorito chegou á Terra pode ser determinado a partir de estudos de laboratorio. O tempo transcorrido desde a caída, ou idade de residencia terrestre dun meteorito, representa máis información que pode ser útil en estudos ambientais dos mantos de xeo antártico.[86]
En 2006, un equipo de investigadores da Universidade do Estado de Ohio empregou medicións de gravidade por satélites GRACE da NASA para descubrir os 480 km de lonxitude do Cráter da Terra de Wilkes, que probablemente se formou hai cerca de 250 millóns de anos.[87]
Erupción volcánica
En xaneiro de 2008, científicos da British Antarctic Survey (BAS), liderados por Hugh Corr e David Vaughan, relataron na revista Nature Geoscience que hai 2.200 anos un volcán entrou en erupción baixo o manto de xeo da Antártida (baseándose na toma de imaxes aéreas de radar). Foi a maior erupción na Antártida nos últimos 10.000 anos e as cinzas volcánicas foron atopadas depositadas na superficie do xeo baixo as Montañas Hudson, preto do Glaciar de Pine Island.[88]
Economía
Actualmente non hai actividade económica na Antártida, agás a pesca ao longo da costa e o turismo en pequena escala, ambos con base fóra da Antártida. O dólar antártico, un obxecto de colección vendido nos Estados Unidos e o Canadá, non ten valor legal nin na Antártida nin en ningún país.
Pesca
A actividade primaria básica é a captura e comercio de peixe. A pesca antártica entre 2000 e 2001 chegou ás 112.934 toneladas.[13] A pesca na Antártida en 1998–1999 (1 de xullo - 30 de xuño) reportou 119.898 toneladas. A pesca non regulamentada desembarcou de cinco a seis veces máis que a regulada, e a pesca presuntamente ilegal nas augas antárticas en 1998 deu como resultado a incautación (por Francia e Australia) de polo menos oito barcos de pesca.
Recursos industriais
Estudos xeolóxicos detallados revelaron a presenza de numerosos recursos mineiros no continente. Tense verificado a existencia de carbón no continente. Os Montes Transantárticos conteñen parte do que pode ser o manto carbonífero maior do mundo e pénsase que nos montes Príncipe Carlos (preto da costa da Antártida Oriental) existen grandes reservas de ferro. Ademais de carbón e ferro, estímase que baixo o xeo antártico existen reservas de petróleo, principalmente nas zonas costeiras da Antártida Occidental, de preto de 48.000 millóns de barrís, así como importantes cantidades de cobre, ouro, uranio e outros minerais como o antimonio ou o molibdeno, aínda que en cantidades moi pequenas para a súa explotación.[13] Asemade existen enormes depósitos de gas baixo o Mar de Ross. O Protocolo de Protección Ambiental para o Tratado da Antártida (ou Protocolo de Madrid) de 1991 tamén restrinxe disputas por recursos. En 1998 estabeleceuse un compromiso pola prohibición da minería por 50 anos ata o ano 2048, e decidiuse o desenvolvemento económico e a exploración máis limitados.[35]
Turismo
O "turismo de expedición" a pequena escala existe na Antártida dende 1957 e actualmente é obxecto das disposición do Tratado Antártico e o Protocolo Ambiental, mais en efecto autorregulado pola Asociación Internacional das Operadoras de Turismo Antártico (IAATO, en inglés). Non obstante non todas as embarcacións asociadas ao turismo antártico son membros da IAATO,[89] mais os membros da IAATO representan o 95% da actividade turística. A viaxe desenvólvese principalmente en barcos de tamaño pequeno ou mediano, centrándose en localizacións específicas con altas concentracións da fauna emblemática. Un total de 27.950 turistas visitou a Antártida no verán austral de 2004-05,[90] e 37.506 durante o verán austral de 2006–07, case todos eles procedentes de buques comerciais. Prevese que o número aumente a máis de 80.000 para o 2010.[91][92]
Houbo algunhas preocupacións recentes sobre os efectos ambientais causados pola afluencia de visitantes. Ecoloxistas e científicos fixeron un chamamento para a imposición de maiores restricións aos barcos e ao turismo.[93] A principal resposta dos membros do Tratado Antártico foi o de desenvolver, a través do seu Comité para a Protección Medioambiental e en colaboración coa IAATO, as "directrices de uso do sitio" o establecemento de límites de aterraxe e restricións ou o peche nos sitios máis visitados. Había voos que sobrevoaban a Antártida (sen aterrar) que operaban en Australia e Nova Zelandia ata o fatal accidente do Voo 901 de Air New Zealand de 1979 no Monte Erebus, no que morreron os 257 pasaxeiros. Qantas retomou os voos comerciais á Antártida a mediados dos '90.
Galería de imaxes
- Imaxe de satélite da Antártida. Fonte: Nasa Visible Earth.
- Illa Booth e Monte Scott no oeste da península Antártica.
Notas
Véxase tamén
Wikiwand in your browser!
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.