Remove ads
órgano de revestimento externo dos vertebrados From Wikipedia, the free encyclopedia
A pel é o órgano de revestimento externo do corpo humano e de moitos animais. Nos humanos é o maior órgano do corpo, responsable da protección do organismo contra o medio externo.
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. |
Por extensión, denomínase pel á superficie externa doutras realidades, como das froitas ou da propia terra, así como o material elaborado con este tecido animal para a confección de roupa, con ou sen pelo (como sería o caso da pel de visón ou do coiro, por exemplo).
A pel é o maior órgano do corpo, constituíndo o 15% do peso corporal. Cobre case todo o corpo a excepción dos orificios xenitais, boca, ano e ollos.
A pel ten tres capas: a epiderme, a derme e o tecido adiposo subcutáneo (tecnicamente alleo á pel mais relacionado funcionalmente). Hai ademais varios órganos anexos, como folículos pilosos, glándulas sudoríparas e sebáceas e uñas; ademais, noutros animais, atópanse plumas, escamas, cascos e cornos.
A pel é practicamente idéntica en todos os grupos étnicos humanos. Nos individuos de pel escura, os melanocitos producen máis melanina que naqueles de pel clara, mais o seu número é semellante.
A epiderme é unha capa con profundidade diferente conforme a rexión do corpo. As palmas das mans e pés teñen unha capa máis grosa, ata 2 mm de grosor.
A epiderme está constituída por un epitelio estratificado pavimentoso (células escamosas en varias capas). A célula principal é o queratinocito (ou ceratinocito) que produce a queratina. Existen tamén grupos de melanocitos (produtores de melanina, un pigmento castaño que absorbe os raios UV); e células inmunitarias, principalmente células de Langerhans, de gran tamaño e con prolongamentos membranosos.
A epiderme presenta varias capas. A orixe da multiplicación celular é a capa basal. Todas as outras están constituídas con células cada vez máis diferenciadas que co crecemento basal van ficando cada vez máis periféricas, acabando por descamar e caer (unha orixe importante do po que se acumula nos locais onde viven persoas ou animais).
A unión entre a epiderme e a derme ten forma de papilas, que dan maior superficie de contacto coa derme e maior resistencia ao rozamento.
A derme é un tecido conxuntivo de sustentación da epiderme. Está constituído por fibras de coláxeno e elastina con numerosos fibrocitos que fabrican estas proteínas e sustentan o tecido.
Ten dúas capas, a capa papilar de contacto coa epiderme e a capa reticular, máis densa. É na derme onde se localizan os vasos sanguíneos e linfáticos que vascularizan a epiderme así como os nervios e os órganos sensoriais asociados a eles. Estes inclúen varios tipos de sensores:
O hipoderma tecnicamente xa non é parte da pel. Está constituído por tecido adiposo que protexe contra o frío.
A pel é un órgano moito máis complexo do que aparenta. A súa función principal é a protección do organismo das ameazas externas. Porén ten tamén funcións inmunitarias, é o principal órgano da regulación da calor, protexendo contra a deshidratación. Teñen tamén funcións nerviosas, constituíndo o sentido do tacto e metabólicas, como a produción da vitamina D.
A epiderme secreta proteínas (a principal é a queratina) e lípidos que protexen contra a invasión por parasitos e as feridas mecánicas e o rozamento. Contra esta tamén é fundamental o tecido conxuntivo da derme, na cal os fibrocitos depositan proteínas fibrilares con propiedades de resistencia á tracción e elasticidade, como os coláxenos e a elastina. A melanina producida polos seus melanocitos protexe contra a radiación, principalmente UV.
Neste mesmo sentido, a pel dos animais adopta distintas cores e disposicións para axudar á camuflaxe co ámbito co que garanten a súa supervivencia dos depredadores ou, tamén, pasar inadvertidos ante as súas presas.
Unha das funcións vitais da pel é a protección contra a deshidratación. Os seres humanos son animais terrestres e necesitan protexer os seus corpos, principalmente compostos de auga, contra a evaporación excesiva e a deshidratación e o subsecuente choque hipovolémico e morte, que serían inevitables nun medio seco e quente. É común que as vítimas de queimaduras graves morran de choque hipovolémico (sangue con pouco volume debido á perda de auga) se perden extensas superficies cutáneas. A pel protexe da deshidratación por dous mecanismos. As unións celulares como unións estreitas e desmosomas dan cohesión ás células da epiderme e a súa superficie continua de membrana lipídica impide a saída de auga (que non se mestura con lípidos).
A pel tamén é o principal órgano de regulación da temperatura corporal a través de diversos mecanismos:
A pel é un órgano importante do sistema inmunitario: alberga diversos tipos de leucocitos; hai linfocitos que regulan a resposta inmunitaria e desenvolven respostas específicas; células presentadoras de antíxeno (histiocitos ou células de Langerhans) que recollen moléculas estrañas (posíbeis invasores) que levan para os ganglios linfáticos onde as presentan aos linfocitos CD4+; mastocitos envoltos en reaccións alérxicas e loita contra parasitos.
As funcións matabólicas da pel son moi importantes. Nela fabrícase, nunha reacción dependente da luz solar, a vitamina D, unha vitamina esencial para o metabolismo do calcio e polo tanto na formación e manutención saudábel dos ósos.
Finalmente a pel tamén é un órgano sensorial, constituíndo o sentido do tacto. Presenta numerosas terminacións nerviosas, algunhas libres, outras con comunicación con órganos sensoriais especializados, como células de Merkel, folículos pilosos. A pel ten capacidade de detectar sinais que crean as percepcións da temperatura, movemento, presión e dor. É un órgano importante na función sexual.
A pel normal produce preto de 1.250 células por día por cm² e esas células proveñen de 27.000 células; a pel do doente de psoríase produce 35.000 novas células por día por cm² e esas células proveñen de 52.000 células. A duración normal do ciclo celular da pel é de 311 horas, que se reduce a 36 h na pel psoriásica [Cómpre referencia].
A epiderme ten orixe na maior parte da ectoderme, mentres a derme e o tecido adiposo subcutáneo teñen orixe mesodérmica.
A pel é un importante órgano na clínica de varias doenzas e manifesta signos e síntomas que axudan no diagnóstico das enfermidades, moitas delas non relacionadas senón moi indirectamente coa pel.
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Pel |
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.