From Wikipedia, the free encyclopedia
As células de Merkel ou células de Merkel-Ranvier son un tipo de célula intraepitelial con forma oval e función receptora, que se encontra na pel dos vertebrados e establece contactos sinápticos con nervios aferentes somatosensoriais. Están asociadas coa sensibilidade táctil máis fina especializadas en discriminar formas e texturas dos obxectos. En certos casos poden volverse malignas e orixinar un tumor de pel chamado carcinoma das células de Merkel.
Hai evidencias de que derivan da crista neural.[1] Pero experimentos máis recentes en mamíferos indican que en realidade teñen unha orixe epitelial.[2]
Estas células reciben o seu nome en honor ao anatomista e histopatólogo alemán Friederich Sigmund Merkel (1845-1919).
As células de Merkel atópanse na pel e nalgunhas partes das mucosas de todos os vertebrados. Na pel dos mamíferos, son células de aspecto claro situadas na capa ou estrato basal da epiderme (no fondo das engurras dos condutos sudoríparos), de aproximadamente 10 µm de diámetro. Tamén aparecen nas invaxinacións epidérmicas da superficie plantar do pé.[3] O máis común é que estean asociadas con terminacións nerviosas sensitivas, e que nese caso reciban o nome de terminacións nerviosas de Merkel (tamén chamadas complexo célula de Merkel-neurita). Están asociadas con fibras nerviosas somatosensoriais de adaptación lenta (SA1).
Presentan un núcleo profundamente invaxinado, que ás veces contén nas micrografías unha inclusión formada por filamentos rectos paralelos. No citoplasma hai feixes de filamentos na zona perinuclear e periferia. Ás veces teñen uns poucos melanosomas cheos de melanina que lles foron transferidos desde os melanocitos. No seu citoplasma presentan gránulos, que son vesículas de núcleo denso de 80 nm de diámetro. Poden ter desmosomas que as unen a queratinocitos e están asociadas con axóns amielínicos, os cales forman terminacións alargadas aplicadas á súa superficie. Posúen unha forma discoidal na súa parte basal [4].
As funcións que foron propostas para as células de Merkel son a mecanorreceptora e a neuroendócrina. Friedrich S. Merkel denominounas en alemán Tastzellen ou "células táctiles" pero esta función proposta foi moi controvertida e moi difícil de probar. Porén, experimentos con ratos knockout demostraron recentemente que as células de Merkel son esenciais na codificación especializada por medio da cal os nervios aferentes resolven os detalles espaciais finos da sensación táctil.[5] As células de Merkel son ás veces consideradas células APUD (Amine Precursor Uptake Decarboxylase, que segregan pequenos polipéptidos hormonais), porque conteñen gránulos de núcleo denso, que poderían ter tamén unha función neuroendocrina.
A orixe das células de Merkel leva sendo debatida desde hai 20 anos. Probas obtidas en experimentos de enxertos de pel en aves indicaban que procedían da crista neural, pero experimentos con mamíferos evidenciaron unha orixe epidérmica.[6][7]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.