mamífero doméstico da familia dos felinos From Wikipedia, the free encyclopedia
O gato ou gato doméstico (Felis silvestris catus ou Felis catus),[3][4] chamado familiarmente micho[5] ou mico,[6] é un mamífero doméstico da familia dos felinos, con unllas retráctiles, carnívoro, de pelaxe espesa e suave. Os humanos adoitan valorar estes animais pola súa compañía e pola súa capacidade de cazar pequenos animais coma os ratos. Existen máis de setenta razas de gatos recoñecidas por varios rexistros.
Gato | |||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Estado de conservación | |||||||||||||||||
Domesticado | |||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||
| |||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||
Felis silvestris catus Linnaeus, 1758 | |||||||||||||||||
Sinonimia | |||||||||||||||||
Felis catus (combinación orixinal)[1] |
Os gatos posúen unha anatomía semellante á doutros félidos, cun corpo forte e flexible, rápidos reflexos, unllas retráctiles afiadas e dentes adaptados para a caza de pequenas presas. Os sentidos de gato entran dentro dun nicho ecolóxico crepuscular e predatorio. Estes animais poden escoitar sons demasiado leves ou cunha frecuencia demasiado alta para o oído humano, como os que emiten os ratos e outros pequenos animais, e poden ver en condicións de escuridade. Ó igual que a maioría de mamíferos, os gatos teñen unha peor visión en cor e un mellor sentido do olfacto que os humanos. Malia ser cazadores solitarios, os gatos son unha especie social, e a súa comunicación inclúe o uso dunha variedade de vocalizacións (por exemplo ronronando ou miañando) ademais da emisión de feromonas e da linguaxe corporal específica.[7]
Debido á veneración polos gatos no antigo Exipto, a crenza popular máis común foi a de atribuír a súa domesticación a esta época e lugar,[8] mais coñécense instancias de domesticación máis temperás que datan do Neolítico, ó redor do ano 7500 a.C.[9] Un estudo xenético de 2007[10] concluíu que tódolos gatos domésticos descenden de gatos salvaxes do Oriente Medio, diverxendo destes ó redor do ano 8000 a.C. no propio Oriente Medio,[8][11] e outro estudo de 2017 confirmou que os gatos domésticos descenden destes primeiros gatos domesticados no Oriente Medio.[12][13] Por outra banda, un estudo de 2016 concluíu que o Prionailurus bengalensis pasara por un proceso de domesticación independente na China ó redor do ano 5500 a.C., malia que esta liña particular de gatos domesticados non deixou traza nas poboacións domésticas actuais.[14][15]
O seu nome común procede do latín vulgar cattus ("gato doméstico"), á súa vez do latín catta (usado ó redor do ano 75 d. C. por Marco Valerio Marcial).[16][17] Considérase que a palabra latina podería ter a súa orixe nunha lingua afroasiática, mais tódalas palabras destas linguas propostas como orixe presentan problemas. Un gran número de referencias indican o termo cabila kaddîska ("gato salvaxe") e o termo nubio kadīs como posibles fontes ou cognados, pero segundo Lionel Bender o termo nubio é un préstamo do árabe قِطَّة (qiṭṭa).[18] Jean-Paul Savignac suxeriu que a palabra latina procedía dun precursor exipcio do copto ϣⲁⲩ (šau) ou da súa forma en feminino,[19] mais segundo John Huehnergard "a fonte [...] era claramente non exipcia en si mesma, onde non se atestigua ningunha forma análoga".[18]
O gato pertence á familia dos félidos, unha familia de mamíferos de rápida evoulción que comparte un devanceiro común de hai entre 10 e 15 millóns de anos[20] e inclúe os leóns, os tigres e os pumas entre outros. Dentro desta familia, o gato (Felis silvestris catus) forma parte do xénero Felis, que é un grupo de pequenos felinos composto por unhas sete especies (dependendo do esquema de clasificación que se teña en conta).[3][21] Os membros deste xénero atópanse en tódalas rexións do mundo e inclúen o Felis chaus no sueste asiático, o F. silvestris silvestris europeo , o F. s. lybica africano, o F. bieti chinés e o F. margarita de Arabia entre outros.[22]
| |||||||||||||||||||||||||||||||||
Cladograma do xénero Felis.[23] |
O gato doméstico tería evolucionado do Felis silvestris lybica, que abarca un rango de grandes porcións do Oriente Medio en dirección oeste cara á costa atlántica de África.[24][25] Hai entre uns 70000 e 100000 anos, este animal daría lugar á liñaxe xenética que eventualmente produciu os gatos domesticados,[26] diverxendo do gato salvaxe ó redor do ano 8000 a. C. no Oriente Medio.[8][11]
Linneo clasificou inicialmente ós gatos como Felis catus na súa 10ª edición de Systema Naturae publicada en 1758.[3][27] Debido á filoxenética moderna, os gatos domésticos adoitan considerarse outra subespecie do gato salvaxe, F. silvestris.[3][28][29] Isto deu como resultado unha mestura no uso dos termos, xa que o gato doméstico pode denominarse polo seu nome de subespecie, Felis silvestris catus.[3][28][29] Os gatos salvaxes tamén recibiron en ocasións a clasificación de varias subespecies de F. catus,[29] mais no ano 2003 a Comisión Internacional de Nomenclatura Zoolóxica fixou o nome para os gatos salvaxes como F. silvestris.[30] O nome científico máis común en uso para o gato doméstico é F. catus. En ocasións tamén se denominaron Felis domesticus[31] seguindo a proposta do naturalista alemán J. C. P. Erxleben en 1777,[32] mais estes non son nomes taxonómicos válidos e só se empregaron en contadas ocasións na literatura científica.[33]
En comparación cos cans, os gatos non sufriron cambios maiores durante o seu proceso de domesticación, xa que as formas e o comportamento do gato doméstico non son radicalmente diferentes ás dos gatos bravos, e os gatos domésticos son perfectamente capaces de sobrevivir en liberdade na natureza.[34][35] É común que gatos domésticos completamente domesticados se cruzen con poboacións silvestres de F. catus,[36] producindo híbridos como o gato de Kellas. Esta limitada evolución durante a domesticación significa que a hibridación pode darse con moitos outros félidos, sendo notable no caso do Prionailurus bengalensis asiático.[37] Hai varios comportamentos naturais e características dos gatos bravos que os predispuxeron para a súa domesticación como mascotas.[35] Entre estas características está o seu pequeno tamaño, a súa natureza social, a súa linguaxe corporal obvia, o gusto polo xogo e a súa relativa alta intelixencia.[38]
Os gatos manteñen unha relación ben mutualista ou comensal cos humanos. Existen dúas teorías principais sobre a domesticación dos gatos. Nunha delas indícase que as persoas domesticaron ós gatos deliberadamente mediante un proceso de selección artificial por seren útiles predadores de alimañas.[39] Esta teoría foi criticada por improbable, xa que a recompensa por un esforzo tal sería moi pequena. Os gatos xeralmente non seguen instrucións, e malia que comen roedores, outras especies coma os furóns ou os cans Terrier poden ser mellores para controlar este tipo de pragas.[28] A teoría alternativa indica que a xente simplemente toleraba os gatos, e que estes diverxeron gradualmente dos seus parentes salvaxes mediante un proceso de selección natural, adaptándose á cazar as alimañas atopadas preto dos humanos nas aldeas e vilas.[28]
Os gatos domésticos teñen un tamaño semellante ó doutros membros do xénero Felis, pesando habitualmente entre uns 4 e 5 kg.[23] Algunhas razas coma o Maine Coon poden exceder en ocasións os 11 kg de peso. Pola contra, tamén existen rexistros da existencia de exemplares de gatos domésticos moi pequenos, de menos de 2 kg de peso.[40] Adoitan medir unha media de entre 23 e 25 cm de altura e uns 46 cm de lonxitude de cabeza e corpo, sendo os machos habitualmente máis longos que as femias, con colas que miden de media uns 30 cm de largo.[41]
Os gatos posúen sete vértebras cervicais, da mesma forma que a maioría de mamíferos. Teñen 13 vértebras torácicas, sete vértebras lumbares, tres vértebras do sacro e un número variable de vértebras caudais na súa cola.[42] Este número de vértebras lumbares e torácicas son as que lle outorgan ós gatos a súa mobilidade espiñal e flexibilidade. Unidas ó espiñazo teñen 13 costelas, os ombros e a pelve.[43] A diferenza dos brazos humanos, as extremidades superiores dos gatos únense ós ombros por medio de clavículas flotantes libres, que lles permiten pasar o seu corpo por calquera espazo no que lles caiba a cabeza.[44]
O cranio dos gatos é infrecuente entre os mamíferos por ter unhas órbitas de gran tamaño e unha forte mandíbula especializada.[45] Na mandíbula os gatos posúen dentes adaptados para matar as súas presas e desgarrar carne. Cando conseguen cazar unha presa, os gatos dánlle unha mordedura letal no pescozo cos seus dous cairos, insertándoos entre as vértebras da presa e cortándolle a medula espiñal, o que lles provoca unha parálise irreversible e a morte.[46] Comparados con outros felinos, os gatos domésticos teñen os caninos moi preto o un do outro, sendo isto unha adaptación á súa presa preferida de pequenos roedores con pequenas vértebras.[46] O premolar e o primeiro molar compoñen o par carniceiro en cada lado da boca, encargados de rillar de forma eficiente a carne en anacos, como se fosen unhas tesoiras. Estes dentes resultan vitais na súa alimentación, xa que os pequenos molares dos gatos fan que estes sexan practicamente incapaces de mastigar.[47] Malia que os gatos adoitan ter unha mellor dentadura que a maioría dos humanos, cun menor decaemento xeral por mor dunha capa protectora de esmalte máis grosa, unha saliva menos destrutiva, menos retención de partículas de comida entre os dentes e unha dieta na súa maioría libre de azucres, están non obstante suxeitos ás perdas ocasionais de dentes e a infeccións.[48]
Os gatos son dixitígrados, camiñan directamente sobre as súas dedas, mentres que os ósos dos seus pés compoñen a parte inferior da perna visible.[49] Son capaces de camiñar con gran precisión, e ó igual que tódolos felinos pousan cada pata traseira directamente no mesmo lugar onde pousan a pata dianteira correspondente, minimizando o ruído e pegadas visibles que producen. Isto tamén lles proporciona un agarre máis seguro para as súas patas traseiras cando atravesan terreos difíciles. A diferenza da maioría dos mamíferos, o andar dos gatos e rítmico, movendo as dúas patas dun costado antes que as patas do outro. Comparten esta característica cos camelos e coas xirafas. Cando aceleran o paso ata un ritmo de trote, o seu andar cambia a un "diagonal", semellante ó da maioría de mamíferos e outros animais terrestres coma os lagartos, no que as patas traseiras e dianteiras diagonalmente opostas se moven de forma simultánea.[50]
Como case tódolos félidos, os gatos posúen poutas protráctiles e retráctiles.[51] Na súa posición relaxada as garras quedan gardadas entre a pelaxe e a pel ó redor das dedas das súas patas. Isto mantén as unllas afiadas ó previr que entren en contacto co chan, e permítenlles asexar ás presas de forma silenciosa. As garras das patas dianteiras adoitan ser máis afiadas que as das patas traseiras.[52] Os gatos poden estender as garras de forma voluntaria, habitualmente en defensa propia, para escalar, cando amasan ou cando precisan dunha tracción extra en superficies brandas. A maioría dos gatos posúen cinco garras nas patas dianteiras, e catro nas traseiras.[53] A quinta garra dianteira é proximal en relación ó resto. Tamén posúen unha protusión que se asemella a unha sexta deda. Estas xemas carpais na parte interior dos pulsos das patas dianteiras, presentes tamén nas gadoupas doutros grandes felinos e dos cans, non teñen unha función no camiñar normal, mais sérvenlles como axuda para non esvarar cando saltan. Algunhas razas de gatos son propensas á polidactilia, algo particularmente común na costa nordeste de Norteamérica.[53][54]
A fisioloxía dos gatos aseméllase á do resto de animais carnívoros, mais con varias características pouco frecuentes que se atribúen á súa ascendencia de especies nativas dos desertos.[31] Os gatos son capaces de tolerar temperaturas relativamente altas. Mentres que os humanos adoitan comezar a sentir incomodidade cando a súa temperatura superficial na súa pel supera ós 38 °C, os gatos non amosan incomodidade ata que a súa pel acada uns 52 °C,[55] e son capaces de tolerar temperaturas de ata 56 °C se teñen acceso a auga.[56] Os valores fisiolóxicos normais dos gatos son uns 38,6 °C de temperatura corporal, un ritmo cardíaco de entre 120 e 140 latidos por minuto, e un ritmo respiratorio de entre 16 e 40 respiracións por minuto.[57]
Os gatos conservan calor reducindo o fluxo de sangue cara a súa pel e perden calor por evaporación a través da súa boca. Os gatos posúen unha capacidade mínima de suar, con glándulas localizadas principalmente nas dedas das patas,[58] e só arfan para aliviar a calor a temperaturas moi altas.[59] A temperatura corporal dun gato non varía durante o día, o que forma parte da falta xeral de ritmos circadianos dos gatos e reflicte a súa tendencia de estar activos tanto polo día como pola noite.[60] As feces de gato son comparativamente secas e os seus ouriños presentan unha alta concentración, ámbalas dúas adaptacións que lles permiten reter unha alta cantidade de auga corporal.[31] Os seus riles son moi eficientes, e poden sobrevivir nunha dieta consistente só de carne, sen auga adicional,[61] e poden incluso rehidratarse bebendo auga mariña.[60][62] Malia que os gatos domésticos saben nadar, son xeralmente reticentes a entrar na auga xa que isto esgótaos con rapidez.[63]
Os gatos posúen unha excelente visión nocturna e son capaces de ver a un sexto do nivel de luz que require a visión humana.[64] Isto débese en parte a que posúen un tapetum lucidum nos seus ollos, o cal reflicte a luz que atravesa a retina de volta ó propio ollo, aumentanto a súa sensibilidade á luz ténue.[65] A diferenza doutros felinos maiores como por exemplo os tigres, os gatos posúen pupilas en forma de fendidura vertical,[66] capaces de enfocar baixo condicións de luz brillante sen sufrir aberración cromática.[66] A baixos niveis de luz, as pupilas dos gatos expándense ata cubrir a maioría da superficie dos seus ollos.[67] Porén, os gatos domésticos teñen unha pobre percepción da cor, e só posúen dous tipos de conos, optimizados para a sensibilidade ó azul e ó verde amarelado, o que lles deixa cunha capacidade limitada para distinguir entre o vermello e o verde.[68]
Os gatos teñen un excelente sentido do oído e poden detectar un amplo rango de frecuencias. Poden oir sons máis agudos que os cans e os humanos, sendo capaces de detectar frecuencias dende os 55 Hz ata os 79 000 Hz, nun rango de 10,5 oitavas,[69][70] sendo máis efectivo no rango de entre 500 Hz e 32 kHz.[71] Os gatos poden oír ultrasóns, algo que lles axuda na detección e caza de roedores que emiten este tipo de sons.[72][73] Estas capacidades auditivas vense aumentadas polas súas grandes orellas exteriores móbiles, que amplifican os sons e axúdanlles a detectar a dirección da que proceden os mesmos.[72]
O sentido do olfacto dos gatos é agudo, en parte polo seu desenvolvido bulbo olfactivo e unha gran superficie de mucosa olfactiva.[74] Son sensibles a feromonas como o 3-mercapto-3-metil-1-butanol,[75] que utilizan para comunicarse por medio dos seus ouriños e glándulas odoríferas.[76] Entre o 70% e o 80% dos gatos son tamén mois sensibles a determinadas plantas que conteñen nepetalactona, especialmente á herba gateira, xa que son capaces de detectar esta substancia en proporcións de menos dunha parte por mil millóns.[77][78][79] Outras plantas tamén producen este tipo de respostas nos gatos, como por exemplo a Actinidia polygama e a Valeriana officinalis.[80][81]
Os gatos posúen relativamente poucas papilas gustativas en comparación cos humanos, ó redor dunhas 470 en comparación das 9 000 da lingua humana.[82] Os gatos domésticos e os bravos comparten unha mutación xenética que lles impde que as súas papilas gustativas para o doce se unan a moléculas azucradas, o que lles impide detectar este sabor.[83] Pola contra, as súas papilas son sensibles ós ácidos, ós aminoácidos presentes nas proteínas e ós sabores amargos.[84] Ó igual que outros animais, posúen un órgano de Jacobson na boca que usan no proceso de comportamento coñecido como reflexo de Flehmen, que lles permite detectar certos aromas. Ademais, os gatos teñen unha preferencia de temperatura distinctiva para a súa comida, preferindo a comida a uns 38 °C (100 °F) de temperatura, asemellándose á temperatura dunha presa recentemente cazada, e rexeitando de forma rutineira a comida fría ou refrixerada.[82]
Os gatos posúen ducias de vibrisas, especialmente na súa cara. Estas axúdanlle na navigación e na obtención de sensacións, e fornécenlles información sobre a anchura de buracos e da localización de obxectos na escuridade, tanto ó tocar estes obxectos directamente como sentindo correntes de aire. Tamén posúen reflexos corneais para protexer os seus ollos.[85] Cando caen dende lugares altos, entre os 90 cm e os 3 metros de altura,[86] os gatos poden xirar o seu corpo de forma reflexa e endereitarse grazas ó seu agudo sentido do equilibrio e a súa flexibilidade,[87] o que se coñece domo reflexo de endereitamento dos gatos.[88] Os gatos sen cola (como moitos espécimes das razas manx e cymric) tamén posúen esta capacidade, xa que os gatos utilizan principalmente o movemento das pernas e a conservación do momento angular para aterrar desta forma.[89]
A esperanza de vida media dos gatos domésticos foi en aumento dende os anos 1980. A comezos desa década era duns sete anos, [90][91] aumentando ata os 9,4 anos en 1995[90] e ata os 15,1 anos en 2018.[92] Existen non obstante rexistros de gatos que viviron ata superar 30 anos de idade,[93] e o gato máis lonxevo coñecido, Creme Puff, chegou ós 38 anos de idade.[94] Castrar ou capar ós gatos incrementa a súa esperanza de vida. Os gatos machos castrados viven de media o dobre que os non castrados, mentres que as femias castradas viven de media un 62% máis que as non castradas.[90] A castración resulta beneficiosa para a saúde dos gatos, xa que os machos castrados non poden desenvolver cancro testicular, as femias non desenvolven cancro uterino ou ovárico, e ámbolos dous pasan a ter un menor risco de cancro de mama.[95]
Os gatos poden verse afectados por unha ampla serie de problemas de saúde, incluíndo doenzas infecciosas, parasitos, feridas e doenzas crónicas. Existen vacinas dispoñibles para moitas destas doenzas, e os gatos domésticos adoitan recibir tratamentos para eliminar parasitos como por exemplo os vermes e as pulgas.[96] O gato doméstico é un organismo diploide que posúe 38 cromosomas[97] e aproximadamente 20 000 xenes.[98] Identificáronse ó redor de 250 trastornos xenéticos nos gatos, moitos deles semellantes ós erros conxénitos no metabolismo dos humanos.[99] O alto nivel de semellanza entre o metabolismo dos mamíferos permite que moitas destas doenzas felinas se diagnostiquen empregando probas xenéticas orixinalmente deseñadas para os humanos, e de forma inversa permite que os gatos sirvan de organismos modelo no estudo de doenzas humanas.[100][101]
Os gatos adoitan estar activos tanto de día como de noite, aínda que tenden a estar máis activos polas noites.[102][103] Estes períodos de actividade son flexibles e variados, polo que os gatos domésticos poden ser máis activos ó amencer e ó anoitecer en resposta a unha maior actividade humana nestes momentos do día.[104] Malia que os gatos domésticos pasan a maioría do tempo nos arredores do fogar ó que pertencen, poden afastarse a varios centos de metros do seu punto central, e establecen territorios que poden variar considerablemente de tamaño.[103]
Os gatos conservan enerxía ó durmir máis que a maioría doutros animais, sendo isto máis pronunciado segundo se fan máis vellos. O tempo que pasan durmindo varía, sendo habitual unha media de entre 13 e 14 horas ó día, aínda que poden chegar a durmir ata unhas 20 horas ó día. Cando dormen os gatos pasan por curtos períodos de sono REM, acompañados habitualmente de tics musculares, o que suxire que están a soñar durante eses momentos.[105]
Pasan unha cantidade de tempo considerable lambéndose a pelaxe para mantela limpa.[106] A lingua dos gatos posúe unhas espiñas orientadas cara a atrás duns 500 μm de longo, denominadas papilas. Estas conteñen queratina, o que fai que sexan ríxidas,[107] actuando en forma de peite. Algúns gatos, en particular os de pelo largo, regurxitan en ocasións bolas de pelo que se acumula nos seus estómagos debido a este tipo de aseo.[106]
O comportamento social dos gatos domésticos é variable, e vai dende a individuos solitarios ata colonias de gatos silvestres que se xuntan ó redor dunha fonte de alimento, baseados en grupos de femias cooperativas.[108][109] Porén, algúns gatos domésticos mantidos como mascotas presentan unha pobre socialización. En particular os gatos máis vellos poden ser agresivos cara á gatos novos recentemente chegados, comportamento coñecido como agresión asocial felina.[110]
Malia que os gatos e os cans adoitan caracterizarse como inimigos naturais, poden vivir xuntos se están correctamente socializados.[111] A vida na proximidade de humanos e outros animais domésticos deu lugar a unha adaptación social simbiótica nos gatos, que poden chegar a expresar un grande afecto cara ós humanos e outros animais. Etolóxicamente o dono humano dun gato pode realizar a función dunha especie de "infancia estendida", unha forma de neotenia do comportamento.[112] Os sons agudos que os gatos emiten para pedirlle comida ós humanos poden simular os choros dun bebé humano con fame, algo difídil de ignorar para as persoas.[113] Considérase que o feito de restregarse con humanos ou con outros gatos para impregnar o seu olor é un medio de unión social para os gatos.[114] Os gatos domésticos usan diversas vocalizacións para comunicarse, como por exemplo cando miañan ou cando gruñen.[7] A súa linguaxe corporal, incluíndo a posición das orellas e da cola ou a relaxación do corpo, é un indicador do seu estado de ánimo. A cola e as orellas son un mecanismo de sinais sociais particularmente importante nos gatos.[115][116]
Xunto cos cans, os gatos son as mascotas máis comúns en todo o mundo.[117][118] Houbo varios intentos de levar a cabo un censo de gatos, tanto por medio de asociacións nacionais ou internacionais, como o realizado pola Canadian Federation of Humane Societies,[119] coma a través de Internet.[120][121] As estimacións xerais da poboación global de gatos domésticos varían amplamente entre os 200 e os 600 millóns.[122][123][124][125][126][127]
Ademais de manterse como mascotas, os gatos tamén se usan nas industrias internacionais de peles e coiro para facer sombreiros, abrigos, mantas, xoguetes, zapatos e luvas.[128][129][130] Estes usos prohibíronse nos Estados Unidos, Australia e na Unión Europea.[131] Na tradición intelectual occidental, a idea de gatos como obxectos comúns serviu en varias ocasións para ilustrar problemas da mecánica cuántica, como por exemplo na disquisición teórica do gato de Schrödinger.[132]
O día 8 de agosto celébrase o Día Internacional do Gato, se ben pode celebrarse tamén nos días 20 de febreiro e 29 de outubro[133]
Os gatos poden morder ós humanos cando se senten atacados, durante o xogo ou cando son agresivos, e estas mordeduras poden chegar a dar lugar a complicacións de saúde.[134] Unha mordedura de gato difire das mordeduras doutras mascotas xa que os dentes dos gatos son afiados en forma de punta, polo que poden provocar perforacións profundas, que a pel adoita cubrir rapidamente atrapando microorganismos que poden provocar infeccións.[134][135]
Os gatos poden estar infectados ou infestados de virus, bacterias patóxenas, fungos, protozoos, artrópodos ou vermes que poden transmitir doenzas ós humanos.[136][137] As probabilidades de que unha persoa enferme depende da idade e do estado inmune da persoa. Aqueles que viven con gatos no seu fogar ou preto deles teñen unha maior probabilidade de infectarse, mais aqueles que non teñen gatos como mascotas tamén poden infectarse por medio de feces e parasitos procedentes de gatos.[136][138] Algunhas das infeccións máis preocupantes que poden transmitir os gatos son a salmonelose, a doenza por rabuñadura de gato e a toxoplasmose.[137]
Tradicionalmente os historiadores tenderon a crer que o Antigo Exipto foi o sitio onde tivo lugar a domesticación do gato, debido as representacións de gatos domésticos en pinturas exipcias de hai uns 3600 anos de antigüidade.[28] Porén, no ano 2004 atopouse nunha tumba neolítica escavada en Shillourokambos, Chipre, ósos dun humano e dun gato depositados preto o un do outro. A estimación sobre a antigüidade desta tumba indicou que tería uns 9500 anos, atrasando no tempo a primeira asociación coñecida entre os humanos e os gatos de forma significativa.[11][140][141] Este descubrimento, combinado con estudos xenéticos, suxeriu que os gatos probablemente foron domesticados no Oriente Medio, na Crecente Fértil coincidindo co desenvolvemento da agricultura, e foron levados dende alí ata os actuais Chipre e Exipto.[10][13]
No antigo Exipto os gatos eran animais sagrados, e son comúns as representacións da deusa Bastet en forma de gato, tomando en ocasións o aspecto guerreiro dunha leoa.[142] Matar gatos estaba completamente prohibido,[139] e segundo o historiador grego Heródoto, cando un gato pertencente a un fogar falecía, a familia enteira pasaría a estar de loito e afeitarían as cellas.[139] As familias levaban ós seus gatos mortos á cidade sagrada de Bubastis,[139] onde se embalsamaban e soterraban en depósitos sagrados.[139] Os historiadores indican que os gatos foron introducidos en Grecia e no sur de Italia por primeira vez no século V a. C. polos fenicios.[143] A evidencia máis temperá da posesión de gatos domésticos por parte dos gregos provén de dúas moedas da Magna Grecia que datan de mediados do século V a. C., nas que se representa a Iocasto e Falanto, fundadores lendarios de Rhegion e Taras respectivamente, xogando cos seus gatos mascota.[144][145]
Porén, os gatos eran aparentemente extremadamente raros entre os antigos gregos e os romanos.[145] Heródoto expresaba o seu asombro dos gatos domésticos en Exipto, xa que anteriormente só tiña visto gatos bravos.[145] Incluso en épocas posteriores, os furóns eran moito máis habituais como mascotas,[145] e considerábanse os cazadores de roedores ideais no lugar dos gatos.[145] A palabra en grego antigo habitual para "gato" era ailouros, que significa "cousa coa cola ondeante",[146][145] malia que esta palabra tamén se podía aplicar a calquera dos "varios carnívoros de longa cola que mantiñan para cazar ratos".[145] Os gatos case non se mencionan na literatura grega antiga,[145] mais Aristóteles si afirmou na súa Historia dos animais que as "gatas femias son naturalmente lascivas."[147][145] Posteriormente os gregos levaron a cabo un sincretismo da súa propia deusa Ártemis coa deusa exipcia Bastet, adoptando as asociacións desta última cos gatos e adscribíndoas a Ártemis.[148] Nas Metamorfoses de Ovidio, cando os deuses escapan ó Exipto e toman formas animais, a deusa Diana (equivalente romana de Ártemis) tórnase nun gato.[149]
Os gatos eventualmente desplazaron ós furóns como o control de pragas elixido xa que se consideraban máis agradables para ter ó redor do fogar e eran máis entusiastas na caza de ratos.[150] Durante a Idade Media, moitas das asociacións de Ártemis cos gatos foron implantadas na Virxe María.[150] Os gatos adoitaban representarse en iconografía relixiosa sobre a Anunciación e sobre a Sagrada Familia,[150] e segundo unha lenda italiana, na mesma noite que María deu luz a Xesús, unha gata virxe en Belén deu a luz a un gato.[150] Os gatos domésticos espalláronse a gran parte do resto do mundo durante a Era dos descubrimentos, levándose como gatos de barcos en veleiros para controlar os roedores a bordo e como talismáns de boa sorte.[151]
Varias relixións antigas crían que os gatos son ánimas exaltadas, compañeiros ou guías para os humanos, que son omniscientes pero mudos, e polo tanto non poden influenciar as decisións tomadas polos humanos. No Xapón, o gato Maneki Neko é un símbolo de boa fortuna.[152] Na mitoloxía nórdica, Freia, deusa do amor, da beleza e da fertilidade, represéntase montada nun carro tirado por gatos.[153] Nas lendas xudías, o primeiro gato vivía no fogar do primeiro home Adán como unha mascota que cazaba ratos.[154] Segundo estas mesmas lendas, o gato era compañeiro do primeiro can, mais este último rompeu un xuramento que fixeran ambos, o que deu como resultado a inimizade entre os descendentes destes dous animais.[154] Nas lendas xudías tamén se indica que nin os gatos nin os raposos están representados na auga, mentres que tódolos outros animais teñen unha especie mariña que os encarna.[154] Pola súa banda, malia que no islam non hai especies sagradas, os musulmáns veneran ós gatos. Segundo algúns escritores occidentais, Mahoma tiña un gato favorito, chamado Muezza.[155] Segundo estes, Mahoma amaba tanto ós gatos que "prefería quedarse sen poder coller o seu manto en lugar de molestar a un gato que estivese durmindo sobre este".[156] Porén, esta historia non ten orixe nos escritores musulmás temperás, e semella ser unha confusión dunha historia dun santo sufí posterior, Ahmed ar-Rifa'i, que data de séculos despois de Mahoma.[157] Nas illas británicas vinculados á mitoloxía celta hai lendas como a do Cait Sidhe que se mesturan con avistamentos, reais ou non, como os dos gatos de Kellas ou os grandes gatos británicos.
Un gran número de culturas posúen supersticións sobre os gatos. Nalgunhas existe a crenza popular de que cruzarse no camiño cun gato negro trae mala sorte, e nas culturas europeas é habitual atopar a gatos negros como espíritos familiares das meigas.[158][159] En Ieper, Bélxica, conmemórase a matanza de gatos en época medieval cunha cabalgata anual coñecida como Kattenstoet.[159] Segundo James George Frazer e Norman Davies, existen rexistros tamén de que na Francia medieval queimábanse gatos vivos como superstición e como entretemento:[160]
"Era costume queimar unha cesta, barril ou saco cheo de gatos vivos, que se colgaba dun alto mastro no medio dunha cacharela; en ocasións queimaban un raposo. A xente recollía as brasas e cinzas do lume e levábanas ás súas casas, crendo que traían boa sorte. Os reis franceses adoitaban estar presentes nestes espectáculos e incluso prendían a luminaria coas súas propias mans. En 1648 Lois XIV, coroado de rosas e levando unha presa de rosas na súa man, prendeu o lume, bailou perante del e tomou partido no banquete que tivo lugar despois no concello da vila. Mais esta foi a última ocasión na que un monarca presidiu a cacharela de verán en París. En Metz prendíanse lumes de verán cunha gran pompa na esplanada, e unha ducia de gatos, metidos en gaiolas de vimbio, queimábanse vivos neles, para o divertimento da xente. De forma semellante, en Gap, no departamento dos Altos Alpes, éra habitual asar gatos sobre as fogatas de verán."[161]
Un dos mitos presentes nun gran número de culturas é que os gatos posúen múltiples vidas. En moitos países a crenza indica que teñen nove vidas, mais en Italia, Alemaña, Grecia e algunhas rexións de fala castelá dise que teñen sete vidas,[162][163] mentres que nas tradicións árabes e turcas o número de vidas é de seis.[164] Este mito atribúese á flexibilidade e axilidade natural que exhiben os gatos á hora de escapar de situacións ameazadoras para a súa vida. Outro dos factores que alimenta este mito é o feito de que a miúdo os gatos que caen aterran cos seus pés, usando un reflexo instintivo para xirar os seus corpos. Non obstante e maila este reflexo, os gatos poden resultar igualmente feridos ou falecer a causa dunha caída desde grande altitude.[165]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.