From Wikipedia, the free encyclopedia
Os Cait Sith (gaélico escocés: [kʰaht̪ ˈʃiː]) ou Cait Sídhe (irlandés: [kat̪ˠ ˈʃiː]) son criaturas da mitoloxía escocesa ou irlandesa. A palabra Cait significa gato. Por outra banda, os Sidhe son unha raza de seres sobrenaturais, equivalentes ás fadas. Literalmente Cait Sith ou Cait Sidhe significa "gatos de fadas".
Son descritos como gatos grandes, do tamaño de cans, de pelame negra e manchas brancas no peito. A lenda di que estas criaturas cazan polas Highlands escocesas. O folclore popular tamén suxire que os Cait Sìth non son realmente fadas, senón bruxas transformadas. As lendas ao redor destas criaturas son máis comúns no folclore escocés, aínda que tamén poden atoparse algunhas referencias no folclore irlandés.
Segundo o proposto polo criptozoólogo británico, Karl Shuker, no seu libro Mystery Cats of the World (1989), é posíbel que as lendas dos Cait Sith se teñan inspirado nos gatos Kellas que son híbridos entre o gato montés europeo e o gato doméstico. O gato montés ou gato bravo europeo atópase en Escocia, e está ausente doutros lugares das Illas Británicas. Os gatos de Kellas parécense a grandes gatos monteses negros, pero con algunhas características particulares dos gatos domésticos, e probabelmente estivo presente en Escocia desde hai séculos.[1]
O gato sith é todo negro coa excepción dunha mancha branca no peito.[2] Descríbese como sendo tan grande como un can e móstrase coas costas arqueada e os pelos de punta.[2]
No conto popular británico O rei dos gatos, un home chega a casa para contarlle á súa esposa e ao gato, o vello Tom, que viu nove gatos negros con manchas brancas no peito que levaban un cadaleito cunha coroa sobre el, e un dos gatos dille ao home: "Dille a Tom Tildrum que Tim Toldrum está morto." O gato entón exclama: "Que? O vello Tim morto?! Entón eu son o rei dos gatos!". O vello Tom sobe entón pola cheminea e nunca máis se lle volveu a ver.[3]
Os habitantes das terras altas de Escocia non confiaban no gato sith. Eles crían que podería roubar a alma dunha persoa antes de ser reclamada polos deuses se pasaba sobre o cadáver antes do enterro; Por tanto, esperaban o que chamaban "Feill Fadalach" (o último espertar) orixe do velorio ritual mantido día e noite para que os gatos sith se mantivesen lonxe do cadáver antes do enterro. Os métodos de "distración", tales como xogos de salto e loita libre, herba gateira, adiviñas e música empregábanse para manter aos gatos Sith fóra da habitación na que xacía o familiar morto.[1] Ademais, non se facía lume onde xacía o corpo, xa que a lenda dicía que os gatos sith sentían atraídos pola calor.
A herba gateira esparexíase por toda a casa excepto no cuarto onde estaba o corpo. A música chamada coronach ("queixumes") interpretábase debido a que ao Cait Sídhe lle encantaría escoitala e bailala. Xogábase ás adiviñas, pero nunca respondéndoas por completo, pois o Cait Sídhe amaría ponderar todas as diferentes respostas propostas polos que trataban de adiviñar.
En Samhain ou Samaín, críase que un gato sith abenzoaría calquera casa na que se lle deixase un prato de leite fóra para que el bebese, pois as casas que non o deixasen serían maldicidas e as súas vacas secarían.
Taghairm[4] foi unha práctica máis recente, observada en maio de 1824 segundo o rexistro da London Literary Gazette. Críase que un Cait Sidhe demoníaco de orellas grandes aparecería e concedería calquera desexo aos que participasen na cerimonia. A cerimonia esixía que durante catro días e catro noites, outros tantos gatos fosen queimados vivos sucesivamente.[5] Rumoreábase que Aleister Crowley o practicaba.
Algúns crían que a Cait Sídhe podía tomar a forma dunha bruxa que tiña a capacidade de transformarse nun gato. As meigas con esta habilidade poderían cambiar de forma humana a forma de gato só oito veces segundo a lenda.[5] Poderían optar por transformarse nun gato por novena vez, pero entón terían que ser gatos durante o resto da súa vida. Esta lenda podería ser a razón pola que se di na cultura anglosaxoa que os gatos teñen nove vidas.[5]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.