Remove ads
From Wikipedia, the free encyclopedia
Un fibrocito é unha célula mesenquimática inactiva, que ten un citoplasma pequeno, un retículo endoplasmático rugoso pouco extenso e non presenta evidencias bioquímicas de síntese proteica.
O termo fibrocito contrasta co termo fibroblasto. Un fibrocito pode ser considerado como un fibroblasto en repouso. Os fibroblastos son células activas do tecido conectivo caracterizadas pola síntese de proteínas da matriz extracelular fibrosa, especialmente coláxenos. Cando o tecido sofre danos, as células mesenquimáticas predominantes, os fibroblastos, críase que derivaban dos fibrocitos ou de células do músculo liso que revisten os vasos sanguíneos ou glándulas. Normalmente, os fibroblastos expresan a proteína actina do músculo liso, unha forma de actina que se atopou primeiro nas células musculares lisas e non se atopa nos fibrocitos inactivos. Os fibroblastos que expresan esta forma de actina denomínanse "miofibroblastos" [1].
Recentemente o termo "fibrocito" foi aplicado tamén a células transportadas polo sangue que poden abandonar a circulación, entran nos tecidos e convértense en fibroblastos [2][3]. Como parte do tema máis xeral da bioloxía das células nai ou troncais, varios estudos suxiren que o sangue contén células derivadas da medula ósea que poden diferenciarse en fibroblastos. Estas células expresan o marcador de superficie de células hematopoéticas CD34+, CD45+, e tamén o coláxeno. Estas células poden migrar aos sitios que sufriron danos, o que suxire que exercen unha función na curación de feridas. Varios estudos suxiren que os fibrocitos median na curación das feridas e a reparación do tecido fibrótico.[4][5][6]
A nomenclatura fibrocito/fibroblasto foi un pouco confusa na literatura. A terminación blasto utilízase xeralmente para designar células indiferenciadas, pero o fibroblasto é unha célula diferenciada. A terminación cito utilízase xeralmente para designar células diferenciadas, pero o fibrocito é unha célula indiferenciada ou en repouso. Orixinariamente o termo fibroblasto creouse para describir unha célula "creadora de fibras" do tecido conxuntivo e non para nomear unha célula inmatura. Algúns autores usaron como sinónimos os dous termos para denominar as células diferenciadas. Outros distinguen o fibrocito como célula indiferenciada ou en repouso e o fibroblasto como diferenciada, que é o máis común.[7] Hai unha tendencia a utilizar só fibroblasto. O uso máis recente de fibrocito é o de célula que circula polo sangue e se diferencia en fibroblasto nos tecidos.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.