época histórica que coincide co xurdimento e desenvolvemento das primeiras civilizacións ou civilizacións antigas From Wikipedia, the free encyclopedia
A Idade Antiga é a época histórica que coincide co xurdimento e desenvolvemento das primeiras civilizacións ou civilizacións antigas.
Historia (occidente) | ||||
Protohistoria | ||||
Idade Antiga | Antigüidade clásica | |||
Antigüidade tardía | ||||
Idade Media | Alta Idade Media | |||
Baixa Idade Media | ||||
Plena Idade Media | ||||
Crise da Idade Media | ||||
século XV | ||||
Idade Moderna | ||||
século XVI | ||||
século XVII | ||||
século XVIII | ||||
Idade Contemporánea | século XIX | |||
século XX | ||||
século XXI |
O concepto máis tradicional de historia antiga presta atención ao descubrimento da escrita, que convencionalmente a historiografía considerou o fito que permite marcar o final da Prehistoria e o comezo da Historia, dada a primacía que outorgan ás fontes escritas fronte á cultura material, que estuda co seu propio método a arqueoloxía. Outras orientacións procuran atender ao sistema social ou o nivel técnico. Recentemente, os estudos de xenética de poboacións baseados en distintas técnicas de análises comparativos de ADN e os estudos de antropoloxía lingüística están chegando a reconstruír dun xeito cada vez máis preciso as migracións antigas e a súa herdanza nas poboacións actuais.[1]
Sexa cal for o criterio empregado, coincide que en tempo e lugar uns e outros procesos cristalizaron no comezo da vida urbana (cidades moi superiores en tamaño e diferentes en función ás aldeas neolíticas), a aparición do poder político (palacios, reis), das relixións organizadas (templos, sacerdotes), unha complexa estratificación social, esforzos colectivos de grande envergadura que esixen prestacións de traballo obrigatorio e impostos, e o comercio de longa distancia (todo o que se veu en chamar Revolución urbana);[2] nivel de desenvolvemento social que por primeira vez se acadou na Sumeria do IV milenio a. C., espazo propicio para a constitución das primeiras cidades-estado competitivas a partir do substrato neolítico que levaba xa catro milenios desenvolvéndose no crecente fértil.[3] A partir delas, e de sucesivos contactos (tanto pacíficos como invasións) de pobos veciños (culturas sedentario-agrícolas ou nómade-gandeiras que se nomean tradicionalmente con termos de validez cuestionada, máis propios de familias lingüísticas que de razas humanas: semitas, camitas, indoeuropeos etc.), fóronse conformando os primeiros estados de grande extensión territorial, ata acadar o tamaño de imperios multinacionais.
Procesos semellantes tiveron lugar en diversos momentos segundo a área xeográfica (sucesivamente Mesopotamia, o val do Nilo, o subcontinente indio, a China, a conca do Mediterráneo, a América precolombiana e o resto de Europa, Asia e África); nalgunhas zonas especialmente illadas, algúns pobos cazadores-recolectores actuais aínda non abandonarían a prehistoria mentres que outros entraron violentamente na idade moderna ou contemporánea da man das colonizacións do século XVI ao XIX.
Os pobos cronoloxicamente contemporáneos da Historia escrita do Mediterráneo oriental poden ser obxecto da Protohistoria, pois as fontes escritas por romanos, gregos, fenicios, hebreos ou exipcios, ademais das fontes arqueolóxicas, permiten facelo.
A Antigüidade clásica localízase no momento de plenitude da civilización grecorromana (século V a.C ao século II d. C.) ou en sentido amplo, en toda a súa duración (século VIII a.C ao século V d. C.). Caracterizouse pola definición de innovadores conceptos socio-políticos: os de cidadanía e de liberdade persoal, non para todos, senón para unha minoría sostida polo traballo escravo; a diferenza dos imperios fluviais do Antigo Exipto, Babilonia, India ou China, para os que se definiu a imprecisa categoría de modo de produción asiático, caracterizadas pola existencia dun poder omnímodo na cúspide do imperio e o pago de tributos polas comunidades campesiñas suxeitas a el, pero de condición social libre (pois aínda que exista a escravitude, non representa a forza de traballo principal).[4]
O final da Idade Antiga na civilización occidental coincide coa caída do Imperio romano de Occidente (no ano 476; o Imperio romano de Oriente sobreviviu toda a Idade Media ata 1453 como Imperio bizantino), aínda que tal descontinuidade non se observa noutras civilizacións. Xa que logo, as divisións posteriores (Idade Media e Idade Moderna) poden considerarse válidos só para aquela; mentres que a maior parte de Asia e África, e con moita máis claridade América, son obxecto na súa historia dunha periodización propia.
Algúns autores culturalistas fan chegar a Antigüidade tardía europea ata os séculos VI e VII, mentres que a escola "mutacionista" francesa esténdea ata algún momento entre os séculos IX e XI. Distintas interpretacións da historia focalízanse en cuestións económicas (transición do modo de produción escravista para o modo de produción feudal, desde a crise do século III); políticas (desaparición do imperio e instalación dos reinos xermánicos desde o século V); ou ideolóxicas, relixiosas (substitución do paganismo politeísta polos monoteísmos teocéntricos: o cristianismo -século IV- e posteriormente o islam -século VII-), filosóficas (filosofía antiga pola medieval) e artísticas (evolución desde a arte antiga -clásica- cara a arte medieval -paleocristiá e prerrománica-).[5]
As civilizacións da Antigüidade son agrupadas xeograficamente pola historiografía e a arqueoloxía en zonas en que distintos pobos e culturas estiveron especialmente vinculados entre si; aínda que as áreas de influencia de cada unha delas chegaron en moitas ocasións a mesturarse e ir moito máis lonxe, formando imperios de dimensións multicontinentais (o Imperio persa, o de Alexandre Magno e o Imperio romano), talasocracias ('goberno dos mares') ou rutas comerciais e de intercambio de produtos e ideas a longa distancia; aínda que sempre limitadas polo relativo illamento entre elas (obstáculos dos desertos e océanos), que chega a ser radical nalgúns casos (entre o Vello Mundo e o Novo Mundo). A navegación antiga, especialmente a natureza e extensión das expedicións que necesariamente tiveron que realizar as culturas primitivas de Polinesia (polo menos ata a Illa de Pascua), é un asunto aínda polémico. Nalgunhas ocasións recorreuse á arqueoloxía experimental para probar a posibilidade de contactos con América desde o Pacífico. Outros conceptos de aplicación discutida son a prioridade do difusionismo ou do desenvolvemento endóxeno para determinados fenómenos culturais (agricultura, metalurxia, escritura, alfabeto, moeda etc.) e a aplicación do evolucionismo en contextos arqueolóxicos e antropolóxicos.
O Antigo Oriente Próximo ou Antigo Oriente é o termo utilizado para denominar as zonas de Asia occidental e nordeste de África onde xurdiron as civilizacións anteriores á civilización clásica grecorromana, e que actualmente se denomina Oriente Próximo ou Oriente Medio. Para a mesma rexión, Vere Gordon Childe acuñou a denominación Crecente Fértil, ao definila como a zona onde xurdiu primeiro a Revolución neolítica (VIII milenio a. C.) e posteriormente a Revolución urbana (IV milenio a. C.). Son os actuais países de Iraq, parte de Irán, parte de Turquía, Siria, Líbano, Israel, os Territorios palestinos, Xordania, Arabia e Exipto. Cronoloxicamente, enténdese como un período que vai desde o inicio das civilizacións históricas en torno ao IV milenio a. C. (nesta zona a aparición da escrita, as cidades e os templos é simultánea á Idade de Bronce) ata a expansión do Imperio aqueménida no século VI a. C.
A desembocadura dos ríos Tigris e Éufrates (os dous ríos -pótamos- no medio -meso- dos cales desenvolveuse este espazo de civilización) na Baixa Mesopotamia deu orixe á acumulación de depósitos aluviais na zona de marismas, que vai gañando paulatinamente terreo ao mar fronte á costa en retroceso do Golfo Pérsico (actualmente a máis de cen quilómetros do lugar que ocupaba no IV milenio a. C., e cos dous ríos confluíntes -Shatt al-Arab-). A zona foi propicia (coa condición de manter unha gran capacidade de organización social para o traballo colectivo na construción de obras hidráulicas como canalizacións), regadío e drenaxes, para o desenvolvemento das cidades-estado sumerias (Ur, Uruk, Eridu, Lagash). Estas, en competencia entre si e cos pobos nómades de estepas e desertos circundantes (os do sur e oeste englobados pola historiografía no amplo concepto étnico de semitas e os do leste na zona irania onde se foi formando a civilización elamita), así como cos núcleos que se foron formando máis ao norte (Babilonia) e máis ao norte aínda na Alta Mesopotamia (Nínive); foron desenvolvendo as características constitutivas da civilización (sociedade complexa) e o estado (superestrutura político-ideolóxica): templo, clase sacerdotal e relixión organizada, fronteira, guerra territorial, exército, propaganda, impostos, burocracia, monarquía, construcións como murallas e cigurats; e o trazo que marca o inicio da historia: o rexistro da memoria na escritura.
A dinámica do crecemento territorial levou á formación de imperios, que na súa pretensión de monopolizar o poder, describíanse a si mesmos como un continuo espacial "entre o mar pequeno e o mar grande" (o Golfo Pérsico e o Mediterráneo), en enumeracións máis ou menos fiables de pobos anexionados, destruídos, dispersados, rexeitados, sometidos, tributarios, ou simplemente socios comerciais, aliados ou contactos diplomáticos.
Cordilleiras, mesetas, estepas e desertos caracterizan un difícil medio físico entre o Éufrates ao leste, o Golfo Pérsico ao sur, o Indo ao leste e os Montes Elburz, o Mar Negro e o río Oxus ao norte. No entanto, tamén son a vía terrestre que conecta o Próximo Oriente coa Asia Central e a Asia Meridional (máis dificilmente, sendo máis usada a conexión marítima); e a través desas zonas, en última instancia, co Extremo Oriente. A extensa rexión persa ou irania cumpriría un papel clave na teoría indoeuropea, de debatida validez, que supuña a existencia dun grupo ancestral de pobos das estepas portadores de trazos comúns (lingüísticos, étnicos, culturais e ata de estrutura de pensamento), esencialmente gandeiros (outorgaban un gran valor a vacas, cabalos e cans), de estrutura social patriarcal, xerarquizada e triádica (visible mesmo no seu panteón de deuses[6]), que protagonizaron unha xigantesca expansión que incluiría a conquista da India polos arios; a de Europa polos predecesores de gregos, latinos, celtas, xermanos e eslavos; e a de Mesopotamia, Anatolia, Levante e Exipto por medos e persas.
A península de Anatolia, vía terrestre entre Asia e Europa, da que a separa o estreito do Bósforo e as numerosas illas do Exeo, coas que sempre mantivo un continuo intercambio cultural (do que son mostra os aqueos e troianos do mito homérico), estivo no corazón das innovacións da revolución neolítica e a revolución urbana, desenvolvendo estados poderosos que entraron en relación e competencia cos mesopotámicos e ata cos exipcios. No norte, a costa do Mar Negro (o Ponto para gregos e romanos), acollía mitos como o do vélaro de ouro que se achaba na Cólquida. A cordilleira do Cáucaso pona en contacto coas afastadas chairas eurasiáticas.
A zona costeira máis oriental do Mediterráneo, pola súa localización entre África e Asia e as súas favorables condicións físicas, actuou como un "corredor" entre o mar e o deserto, moi compartimentado, aínda que con vales fluviais de dirección norte-sur (os do Xordán e o Orontes), que posibilitou as comunicacións terrestres entre África, Asia e Europa. Ese papel cumpriuse desde o Paleolítico e o Neolítico (Xericó), e acentuouse coas primeiras civilizacións. Os grandes imperios de Exipto, Mesopotamia e Anatolia tiveron nesta zona a súa zona de contacto xeoestratéxico. O contexto crítico de finais do II milenio a. C. permitiu que se desenvolvesen potentes civilizacións locais de forte personalidade e influencia no desenvolvemento histórico posterior (trazos como o alfabeto ou o monoteísmo), cunha proxección moi superior á súa extensión xeográfica ou poboación.
Entre o Tigris e o Monte Líbano comeza unha vasta zona desértica que se estende cara ao sur ata a península Arábiga. Supón un obstáculo insuperable para o desenvolvemento da agricultura máis aló de pequenas zonas de oasis moi dispersos, excepto na zona do Iemen (Arabia Felix -Arabia Feliz-). As actividades económicas que se desenvolveron e permitiron a formación dunha peculiar civilización foron, xa que logo, a gandería nómade e as lucrativas rutas caravaneiras do comercio a longa distancia que conectaban todas as partes do mundo antigo a través dos portos do Mar Vermello, o golfo de Adén e o Golfo Pérsico (abertos ao océano Índico -navegación ata a India e Indonesia-, ao leste de África -onde a relación con Eritrea e Etiopía foi moi estreita- e á costa oriental de Exipto -Berenice-), e cidades do interior como Damasco, Petra ou Palmira (que conectaban co Levante mediterráneo).
Exipto é un don do Nilo (Heródoto), pois poucas civilizacións tiveron unha relación tan determinante cun río. A súa crecida anual permite a fertilidade e a altísima densidade de poboación dunha estreita franxa que percorre o despoboado deserto norteafricano (desertizado no período posglacial) desde as cataratas do sur ata o delta do norte. A dualidade entre o Alto Exipto e o Baixo Exipto forxou, sobre unha sociedade campesiña extraordinariamente estable e vinculada polo traballo colectivo nas obras hidráulicas, unhas institucións e unha cultura caracterizadas pola sacralización da figura do faraón, a fortaleza dos templos, unha eficaz burocracia e unha complexa relixión do máis aló. Dentro dunha gran continuidade ao longo de milenios (que ás veces se interpretou como homoxeneidade ou ata estereotipación, con escasísimas excepcións -o período de Amarna-), mantívose unha repetida dialéctica entre a unidade e a disgregación no devir cíclico das fases da historia exipcia, con períodos de esplendor e de crise.
Hélade é o concepto xeográfico e cultural que abarcaba na Antigüidade clásica o territorio habitado polos gregos ou helenos, máis amplo que a actual Grecia, e que comprendería o territorio continental europeo que vai desde o Peloponeso o sur ata unha difusa separación con Macedonia, Tracia e Epiro ao norte; ademais das illas do mar Exeo e do mar Xónico e a costa occidental da actual Turquía (Xonia) ata o Helesponto. Tamén se asimilaban ao concepto de Hélade as colonias gregas establecidas por todo o Mediterráneo; e tamén podían entenderse próximos a el os extensos territorios das monarquías helenísticas de Exipto e o Próximo Oriente, que en maior ou menor medida foran helenizados.
Moitos mitos gregos situábanse en costas ou illas situadas nun indefinido «extremo Occidente» (Vulcano -Hefesto-, Traballos de Hércules -Heracles, Columnas de Hércules, Gerion, Atlas-, Atlántida, Xardín das Hespérides, Odisea -Ciclopes, Lestrigones, Sereas, Escila e Caribdis, Ogigia, Lotófagos-); outros situábanse en dirección menos clara, ou máis ben no Mediterráneo oriental (cara ao Mar Negro -a Cólquida das viaxes de Xasón, os Argonautas e o Vélaro de ouro-, o sur do Exeo -a Creta de Minos, Dédalo, Ícaro, e o Minotauro vencido polo ateniense Teseo; ou do rapto de Europa- ou o Chipre do nacemento de Afrodita).
Véxase tamén: Britania, Galia, Xermania, Hispania romana, Provincia romana e Linguas paleohispánicas
O Imperio romano tivo un impacto moi superior á súa propia extensión espacial (case 6 millóns de quilómetros cadrados, xa de seu unha das maiores entre os imperios de todos os tempos)[7]. e á súa duración temporal (do 27 a. C. ao 476 d. C. en Occidente e ata o 1453 en Oriente); por ser a institución política e a formación económico social decisiva para a conformación da civilización occidental, que en boa medida pode considerarse unha pervivencia súa. A través dela perviviron os seus conceptos xurídicos e institucionais (dereito romano, municipio romano, provincia romana, senado romano...), artísticos e culturais (arte e cultura clásica, urbanismo romano, vía romana, teatro romano, termas, acuedutos...) e o propio idioma (o latín). A romanización foi un proceso que tivo moito de sincrético, posto que incorporaba trazos culturais dos pobos conquistados. Moi especialmente identificouse coa civilización grega, á que Roma recoñecía como superior á súa propia, excepto en cuestións políticas e militares (Ex Oriente Lux, Ex Occidente Dux).[8] No seu período final, a achega xudeucristiana foi decisiva.
As estepas da Asia Central tiveron historicamente unha estreita relación (dialéctica de pobos nómades e sedentarios) coa chaira do Indostán, e esta co a Península do Decán. A conexión por terra co Oriente Medio a través dos desertos de Irán foi, en cambio, máis comprometida, mentres que a navegación polo mar Arábigo permitiu rutas máis fluídas. No entanto, todas elas foron experimentadas, ás veces no transcurso da mesma expedición, como foi o caso da de Alexandre o Grande (326 a. C).
O illamento xeográfico desta zona está marcado polas máis altas cordilleiras do mundo: o Himalaia, o Altai, o Hindu Kush, o Tian Shan, o Pamir e o Caracorum; e algúns dos máis extensos e secos desertos: o Taklamakan e o Gobi. Ata as comunicacións marítimas entre a India e a China son dificultosas (exposición aos monzóns, prolongada navegación pola interposición da península de Indochina e a península de Malaca que obriga a cruzar por zonas como o estreito de Sunda ou o estreito de Malaca). Aínda así, existiron contactos, como testemuña a continuidade de rutas comerciais e a difusión de tecnoloxías, alfabetos e relixións (o hinduísmo ao Sueste asiático e o budismo no Tíbet, na China e no Xapón). No entanto, a dificultade dese contacto percibíase como resultado dunha viaxe de dimensións míticas (Viaxe o Oeste).
O deserto do Sáhara e as dificultades do curso superior do Nilo supuxeron dúas formidables barreiras xeográficas que provocaron unha descontinuidade cultural moi importante entre o norte de África e a África subsahariana. No entanto, foron o suficientemente permeables como para permitir o contacto mediante rutas caravaneiras coa zona do río Níxer e o golfo de Guinea, e o contacto a través do Mar Vermello con Eritrea e Etiopía, zonas fortemente vinculadas á península Arábiga. O caso especial de Madagascar é consecuencia da procedencia da poboación malgaxe, relacionada a través do océano Índico con outras poboacións malaio-polinesias.
Século ou Milenio | Grecia | Península Itálica | Península Ibérica | Noroeste de África | Exipto | Levante e Asia Menor | Mesopotamia | Irán e Asia Central |
---|---|---|---|---|---|---|---|---|
V milenio a. C. | Neolítico (prehistórico) Cerámica cardial | Período predinástico de Exipto | Período do Obeid | |||||
IV milenio a. C. | Neolítico Cultura dos sepulcros de fosa | Período protodinástico de Exipto | Período de Uruk Período Yemdet Nasr | Período de Uruk Período Yemdet Nasr | Civilización proto-elamita | |||
III milenio a. C. | Civilización cicládica | Cultura do vaso campaniforme (prehistórica) | Calcolítico (prehistórico) | Período arcaico de Exipto | Imperio acadio | Período Dinástico Arcaico Renacemento sumerio | Civilización proto-elamita Renacemento sumerio | |
II milenio a. C. | Grecia | Península Itálica | Península Ibérica | Noroeste de África | Exipto | Levante e Anatolia | Mesopotamia | Irán e Asia Central |
século XX a. C. | Civilización minoica | Idade de Bronce (prehistórica) | Imperio Medio | Hititas | Imperio asirio | Elam | ||
Século XIX a. C. | Civilización minoica | El Argar (prehistórica, Sueste) | Imperio Medio | Imperio asirio | Imperio asirio | Elam | ||
Século XVIII a. C. | Civilización minoica | Cultura dos Motillas (prehistórica, Meseta Sur) | Imperio Medio | Hititas | Imperio babilónico | Elam | ||
Século XVII a. C. | Civilización minoica | Cogotas I (prehistórica, Meseta Norte) | Segundo Período Intermedio Hicsos | Hititas | Imperio babilónico | Elam | ||
Século XVI a. C. | Civilización minoica | Vila Nova (prehistórica, Desembocadura do Teixo) | Segundo Período Intermedio | Hititas | Mitanni Kassitas | Elam | ||
Século XV a. C. | Civilización minoica | Cultura dos Terramaras (prehistórica) | Atalaia (prehistórica, Suroeste) | Imperio Novo | Hititas Imperio Novo | Mitanni Kassitas | Elam | |
Século XIV a. C. | Civilización minoica | Cultura dos Terramaras (prehistórica) | Cultura pretalaiótica (prehistórica, Baleares) | Imperio Novo | Hititas Imperio Novo | Imperio medio asirio | Elam | |
Século XIII a. C. | Micénicos | Cultura dos Campos de Urnas Pobos itálicos (osco-umbros, latino-faletos, vénetos etc.; prehistóricos) | Cultura talaiótica (Baleares) (prehistórica) | Imperio Novo | Hititas Imperio Novo Batalla de Qadesh | Imperio medio asirio | Elam | |
século XII a. C. | Idade Escura | Pobos itálicos (prehistóricos) | Cultura dos Campos de Urnas (prehistórica, Nordeste) | Imperio Novo | Frixia Filisteos | Imperio medio asirio | Elam Imperio medio asirio | |
Século XI a. C. | Idade Escura | Pobos itálicos (prehistóricos) | Fundación de Cádiz | Imperio Novo | Frixia Reino de Israel | Arameos | Elam | |
I milenio a. C. | Grecia | Península Itálica | Península Ibérica | Noroeste de África | Exipto | Levante e Anatolia | Mesopotamia | Irán e Asia Central |
Século X a. C. | Idade escura | Pobos itálicos (prehistóricos) | Idade de Ferro (prehistórica e protohistórica) | Terceiro Período Intermedio de Exipto | Frixia Reino de Israel | Arameos | Elam | |
Século lo IX a. C. | Idade Escura | Galos Pobos itálicos (prehistóricos e protohistóricos) | Preiberos | Colonización fenicia | Terceiro Período Intermedio de Exipto | Frixia Reino de Israel | Imperio novo asirio | Imperio novo asirio |
Século VIII a. C. | Época arcaica Liga xonia | Galos | Celtas Colonias fenicias | Colonización fenicia | Terceiro Período Intermedio de Exipto Imperio novo asirio | Frixia Catividade de Nínive Imperio novo asirio | Imperio novo asirio | Elam |
Século VII a. C. | Época arcaica Lexisladores gregos | Etruscos Samnitas | Celtas Colonias fenicias | Colonias fenicias | Terceiro Período Intermedio de Exipto Imperio novo asirio Período tardío de Exipto (Saíta) | Frixia Imperio neobabilónico | Imperio novo asirio Imperio neobabilónico | Imperio novo asirio Imperio neobabilónico |
Século VI a. C. | Época arcaica Democracia ateniense | Etruscos Samnitas | Celtas | Batalla de Alalia | Período tardío de Exipto (Saíta) | Cativerio de Babilonia Imperio neobabilónico | Imperio neobabilónico | Imperio aqueménida |
Século V a. C. | Imperio aqueménida Revolta xonica | Etruscos Samnitas | Celtas | Imperio cartaxinés | Imperio aqueménida | Imperio aqueménida | Imperio aqueménida | Imperio aqueménida |
Século IV a. C. | Batalla de Queronea | Etruscos Sitio de Veies | Celtas | Imperio cartaxinés | Sitio de Gaza | Batalla do Gránico Batalla de Issos Sitio de Tiro | Batalla de Gaugamela | Sitio da Rocha Sogdiana |
Século III a. C. | Reino de Macedonia Liga Aquea | Guerras Pírricas | Pobos prerromanos | Imperio cartaxinés | Dinastía tolemaica | Imperio seléucida Reino de Pérgamo | Imperio seléucida | Imperio seléucida Grecobactrianos Reino indogrego |
Século II a. C. | Reino de Macedonia Liga Aquea Guerras Macedónicas | República romana | Celtiberos e Lusitanos Sitio de Numancia | República romana Reino de Numidia Reino de Mauritania | Dinastía tolemaica | Reino de Pérgamo Macabeos | Imperio seléucida | Partos Grecobactrianos Reino indogrego |
Século I a. C. | República romana Alto Imperio Romano | República romana Alto Imperio Romano | República romana Alto Imperio Romano | República romana Alto Imperio Romano Reino de Numidia Reino de Mauritania | Dinastía tolemaica Batalla de Actium Alto Imperio Romano | Guerras Mitridáticas Alto Imperio Romano | Partos | Partos Tocarios Indogregos |
I milenio | Grecia | Península Itálica | Península Ibérica | Noroeste de África | Exipto | Levante e Anatolia | Mesopotamia | Irán e Asia Central |
Século I | Alto Imperio romano | Alto Imperio romano | Alto Imperio romano | Alto Imperio romano Reino de Numidia Reino de Mauritania | Alto Imperio romano | Alto Imperio romano Primeira guerra xudeo-romana | Partos | Partos Tocarios Indogregos |
Século II | Alto Imperio romano | Alto Imperio romano | Alto Imperio romano | Alto Imperio romano | Alto Imperio romano | Alto Imperio romano | Partos Alto Imperio romano | Partos |
Século III | Baixo Imperio romano | Baixo Imperio romano | Baixo Imperio romano | Baixo Imperio romano | Baixo Imperio romano Imperio de Palmira | Baixo Imperio romano Imperio de Palmira | Imperio sasánida Baixo Imperio romano Imperio de Palmira | Imperio sasánida |
Século IV | Imperio Romano de Oriente | Imperio Romano de Occidente | Imperio Romano de Occidente | Imperio Romano de Occidente | Imperio Romano de Oriente | Imperio Romano de Oriente | Imperio sasánida | Imperio sasánida |
Século V | Imperio Romano de Oriente | Caída do Imperio Romano de Occidente | Invasións xermánicas | Reino vándalo de África | Imperio romano de Oriente | Imperio romano de Oriente | Imperio sasánida | Imperio sasánida Heftalita |
Mediterráneo Occidental (sometido a Roma tras as Guerras púnicas): República Romana, coa cidade de Roma, os territorios da Península Itálica sometidos a diferentes consideracións xurídicas e de cidadanía, e as súas provincias en Sicilia, Sardeña, Córsega, Hispania e Dalmacia Reino de Mauritania Reino de Numidia República Cartaxinesa Mediterráneo oriental: -Grecia: Reino de Epiro Reino de Macedonia Liga Etolia Liga Aquea |
-Exipto: Imperio tolemaico -Asia menor e Mar Negro: Rodas Reino do Bósforo Reino de Capadocia Galatia Reino de Bitinia Reino de Pérgamo Reino de Armenia Reino do Ponto -Levante, Mesopotamia e Asia Central: Imperio Seléucida Partos Reino Grecobactriano Imperio Mauria |
William Shakespeare compuxo varias obras teatrais con ambientación na Antigüidade: The Tragedy of Julius Caesar (A traxedia de Xulio César (en galego)), Antony and Cleopatra (Antonio e Cleopatra), Coriolano, Titus Andrónicus etc. Cervantes fixo o propio en El cerco de Numancia (O cerco de Numancia (en galego)); pero foi máis usual no teatro clásico francés: Pierre Corneille (Horacio, Cinna etc.) e Jean Racine (La Thébaïde -A Tebaida (en galego)-), Andrómaca, Fedra etc.), a partir do cal -e baseándose en modelos clásicos e en textos antigos de Terencio e Plauto- fixáronse as convencións académicas que fixaron o modelo do teatro neoclásico do século XVIII.
A novela histórica xurdida no romanticismo tivo na Idade Media o seu principal escenario (véxase medievalismo), pero tamén se buscou a ambientación en distintas civilizacións da Idade Antiga.
Moitas das novelas adaptáronse ao cine ou a televisión:
O éxito editorial dos temas históricos multiplicou a aparición de best-séllers do xénero, sobre todo os relacionados coa historia militar de Roma.[11]
A adaptación de mitos da idade antiga deu orixe a un xénero cinematográfico especial: Troia, Clash of the Titans (Furia de titáns (en galego)), Jason and the Argonauts (Xasón e os argonautas (en galego)) etc., así como o cine bíblico: The Ten Commandments (Os dez mandamentos (en galego)) (de Cecil B. DeMille, 1923 e 1956), Solomon and Sheba (Salomón e a raíña de Saba), Samson and Delilah (Sansón e Dalila) etc.
Tamén distintas adaptacións dos evanxeos: (The Greatest Story Ever Told (A historia máis grande xamais contada (en galego)), The Robe (A túnica sacra), The Passion of the Christ (A Paixón de Cristo (en galego)) etc.
Co nome de peplum (do grego "πεπλον" -peplo-) desígnase a un subxénero cinematográfico en que a ambientación na Antigüidade é unha simple escusa para unha película de aventuras de baixo orzamento na que os anacronismos e outras incongruencias á historia son abundantes (Hércules, de 1958, e Ercole, Sansone, Maciste e Ursus gli invincibili (Hércules, Sansón, Maciste e Ursus), de 1964). As características do xénero propiciou a realización de numerosas secuelas e parodias.
Tanto estas como as de maior nivel popularmente recibiron o nome de «películas de romanos» (aínda que fosen ambientadas na época grega ou calquera outra época antiga), e o seu visionado nos «cines de barrio» de sesión continua e dobre programa, ou nos cines de verán tivo un notable papel na educación sentimental da mocidade desde finais dos anos cincuenta ata os setenta, reflectido en obras como as de Terenci Moix (exiptómano e mitómano en concreto de Elizabeth Taylor, actriz que representou a Cleopatra). Joaquín Sabina ten unha canción titulada Una de romanos, caracterizada pola nostalxia da mocidade pasada.
Predecesor: Prehistoria |
Idade Antiga IV milenio a. C. — 476 |
Sucesor: Idade Media |
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.