As reformas de Mario foron dunha grande importancia para dar forma á lexión romana, estrutura militar que se imporía no mundo occidental durante séculos.
Até a última década do século -II os requisitos para formar parte do exército de Roma ó servizo da República eran moi estritos:
Ser membro da quinta clase do censo ou superior.
Ter propiedades valoradas en, cando menos, 3.000 sestercios.
Achegar o seu propio armamento.
Por mor disto, a República non tiña un exército estable. Cando unha guerra ameazaba a cidade os cónsules encargábanse de recrutar un exército entre os cidadáns da república elixibles. Como norma, un dos cónsules sería o encargado de dirixir na batalla a este exército practicamente voluntario na súa totalidade.
A mediados da República, as lexións compoñíanse das seguintes unidades:
Cabalaría ou equites. Esta era orixinalmente a unidade máis prestixiosa, onde só os romanos mozos da primeira e segunda clase comezaban a destacar antes de comezar as súas carreiras políticas. O equipamento preciso era pagado por cada xinete e consistía mun escudo redondo, casco, armadura corporal, espada e unha lanza. A cabalaría era excedida en número na lexión. Nun total de preto de 4.200 homes, había só uns 300 xinetes, divididos en 10 unidades de 30 homes. Ó mando de cada unidade había un decurión.
Infantaría lixeira ou vélites. Os velites eran basicamente lanzadores de xavelina e hostigadores en xeral e non tiñan unha organización formal precisa ou unha función no campo de batalla; eran empregados segundo a necesidade. Proviñan dos estratos economicamente máis baixos da sociedade. Eran arredor de 1.200 homes que non tiñan división táctica propia pero para consumo interno eran adscritos, en grupos de 20, ás centurias da tropa de liña.
Infantaría de liña. Era a unidade principal da lexión, componíase de cidadáns lexionarios que puideran pagar o equipamento composto de casco de bronce, escudo, armadura corporal que constaba dun cardiophilax, placa de bronce cadrada duns 20cm de lado que servía para protexer os órganos vitais. Se o seu censo superaba as 10.000 dracmas/denarios entón ían equipados con cota de malla. Tamén tiñan dúas xavelinas, unha lixeira e outra pesada (pilum) ademais da espada. Na súa orixe empregaban o xiphos, un tipo de espada curta de orixe grego predecesor do gladius hispaniensis que irían adoptando durante as campañas hispanas da Segunda Guerra Púnica. A infantaría de liña era subdividida de acordo coa experiencia dos lexionarios en tres liñas separadas:
Os hastati (sing. hastatus) eran os máis novos e formaban a liña dianteira, ían armados con dúas pila (plural de pilum), que servían para inutilizar os escudos inimigos así como desorganizar as súas formacións. Estaban divididos en 10 manípulos de 120 homes cada un, cada manípulo constaba de dúas centurias.
Os príncipes (sing. princeps), homes con idades que roldaban os 30 anos, compoñendo a segunda liña da lexión, ó igual que os primeiros ían armados con dúas "pila" e os usaban do mesmo xeito que os hastati. A súa armadura corporal era máis pesada que a dos hastati e a súa organización e número, o mesmo.
Os triarii (sing. triarius) eran os soldados veteranos e aliñados atrás, só entrarían en combate en situacións extremas. A diferenza dos outros ían armados cunha soa lanza longa e un escudo. Formaban habitualmente en falanxe coma os antigos gregos e dividíanse en 10 manípulos de 60 homes cada un (600 soldados).
Remove ads
Wikiwand in your browser!
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.