Remove ads
From Wikipedia, the free encyclopedia
Caio Mario (en latín Gaius Marius), nado en Arpino no ano 157 a.C. e finado en Roma o 13 de xaneiro do ano 86 a.C., foi un político e militar romano, chamado o terceiro fundador de Roma polos seus éxitos militares.[1] Foi elixido cónsul sete veces ó longo da súa vida, algo sen precedentes na historia de Roma. Tamén salientou polas reformas que impulsou nos exércitos romanos, autorizando o recrutamento de cidadáns sen terras e reorganizando a estrutura das lexións, ás que dividiu en cohortes.
Nome orixinal | (la) C.Marius C.f.C.n. Cor. |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 157 a. C. Arpino (Roma Antiga) |
Morte | 13 de xaneiro de 86 a. C. (70/71 anos) Roma (Roma Antiga) |
Senador romano | |
valor descoñecido – 86 a. C. | |
Cuestor | |
valor descoñecido – | |
Tribuno da plebe | |
119 a. C. – 119 a. C. | |
1º Gobernador romano Hispania Ulterior | |
115 a. C. – 114 a. C. | |
Pretor | |
115 a. C. – 115 a. C. | |
1º Cónsul romano | |
107 a. C. – 107 a. C. Xunto con: Lucius Cassius Longinus | |
2º Gobernador romano África Proconsular | |
O suxeito ten un papel: procónsul 106 a. C. – 105 a. C. | |
2º Cónsul romano | |
104 a. C. – 104 a. C. Xunto con: Caio Flávio Fímbria (pt) | |
3º Cónsul romano | |
103 a. C. – 103 a. C. Xunto con: Lúcio Aurélio Orestes (pt) | |
4º Cónsul romano | |
102 a. C. – 102 a. C. Xunto con: Quintus Lutatius Catulus | |
5º Cónsul romano | |
101 a. C. – 101 a. C. Xunto con: Mânio Aquílio (pt) | |
6º Cónsul romano | |
100 a. C. – 100 a. C. Xunto con: Lúcio Valério Flaco (pt) | |
Áugure (pt) | |
97 a. C. – 86 a. C. | |
7º Cónsul romano | |
86 a. C. – 86 a. C. Xunto con: Lucius Cornelius Cinna | |
Actividade | |
Lugar de traballo | Roma Antiga |
Ocupación | Ancient Roman priest (en) , político, militar da Roma antiga, político da Roma antiga, líder militar |
Período de tempo | República Romana Tardía |
Membro de | |
Carreira militar | |
Lealdade | Roma Antiga |
Rama militar | Exército romano |
Rango militar | Tribuno militar (valor descoñecido–) legatus legionis (en) (109 a. C.–108 a. C.) |
Familia | |
Cónxuxe | Júlia Cesaris |
Fillos | Caio Mário |
Pais | Gaius Marius e Fulcinia |
Irmáns | Marcus Marius Maria Maria |
Parentes | Gnaeus Granius, fillastro Quintus Granius, fillastro |
Descrito pola fonte | Nordisk familjebok Enciclopedia soviética armenia Enciclopedia militar Sytin |
Naceu en Arpino, unha localidade do sur do Lacio, ó redor do ano 157 a.C., dentro dunha familia acomodada. A cidade fora conquistada por Roma a finais do século IV a.C., e concedéranlle a cidadanía romana sen dereito a voto. Foi no ano 188 a.C. cando acadou a cidadanía romana completa.
Malia que Plutarco afirma que o pai de Mario era un traballador que levaba coas súas propias mans unha granxa cativa, isto pode ser falso, pois era cotiá esaxerar a pobreza dos "homes novos" (nome que recibían os cidadáns romanos sen ascendencia dentro das principais familias). O feito de que Mario tivese algunha conexión coa nobreza de Roma e que tivese ligazóns matrimoniais coa nobreza local de Arpino indica que tiña que pertencer a unha familia cunha certa importancia dentro da clase ecuestre. Os problemas que tivo que afrontar na súa carreira política amosan as dificultados coas que se atopaba un "home novo".
Existe unha lenda sobre a infancia de Mario que conta que, cando aínda era un adolescente, atopou un niño dunha aguia con sete pitiños no seu interior. Posto que as aguias se consideraban animais sagrados de Xúpiter, o deus supremo do romanos, isto foi considerado a posteriori como un presaxio que predicía a súa elección como cónsul sete veces. Máis tarde, como cónsul, decretou que a aguia fose o símbolo do senado e o pobo de Roma.
Iniciou a súa carreira militar na guerra fronte ós celtiberos, na que botou varios anos antes da chegada de Publio Cornelio Escipión Emiliano. Adaptouse axiña á disciplina que Escipión Emiliano impuxo nas tropas cando chegou e, de novo segundo Plutarco, Mario causoulle boa impresión ó xeneral, gañando varias condecoracións. Foi Escipión quen animou a Mario a emprender a carreira pública malia a súa condición de home novo. Nesta etapa, Mario presentouse ás eleccións de tribuno militar. Segundo Salustio, malia que Mario era un descoñecido para os electores, as tribos elixírono polos seus méritos militares.
A familia de Mario era cliente da importante familia dos Cecilios Metelos, e o xove contou co apoio de Quinto Cecilio Metelo o Numídico para poder gañar as eleccións para Tribuno da plebe no ano 120 a.C. Mario ingresou no senado, pois tódalas persoas que tivesen ocupado ese posto, podían ocupar un sitio nesa asemblea. O contacto con Cecilio Metelo tamén indica que a familia de Mario non eran simples traballadores.
Durante o tempo que ocupou o posto de tribuno, Mario xa manifestou os trazos contraditorios que ían marcar a súa futura acción política. Así, ó mesmo tempo que se enfrontaba á nobreza e ó seu propio protector cunha proposta de lei que pretendía restarlle poder á oligarquía nas votacións, tamén actuaba contra o pobo opoñéndose a unha lei que pretendía aumentar a repartición de trigo entre a plebe. Descoñécese se Mario actuou así por interese propio ou para beneficiar á orde ecuestre.
De calquera xeito, a súa carreira política sufriu unha parálise temporal, presentándose e perdendo as eleccións para edil curul e edil plebeo. Esta derrota foi, en parte, debida á súa nova inimizade coa familia Metelo. De boas a primeiras semellaba que a súa modesta orixe impedía que Mario puidese chegar ás altas maxistraturas, pero no ano 116 a.C. foi elixido pretor. As condicións da súa vitoria foron tan dubidosas que foi xulgado por subornar a algúns votantes. Mario gañou o xuízo, e polo tanto acadou o posto de pretor en Roma.
Despois dun ano de pretor en Roma, Mario foi enviado a gobernar a Hispania Ulterior en calidade de propretor. Alí tomou parte nalgún enfrontamento militar de pouca relevancia, sen recibir ningún triunfo á súa volta. Tampouco tivo a oportunidade de acadar fama nin riquezas no cargo. Dado que nesa época era habitual que o posto de gobernador en Hispania durase dous anos, foi substituído no ano 113 a.C.
No ano 110 a.C. Mario casou con Xulia Maior, tía de Xulio César, cuxo berce patricio e influencia favoreceron á súa aspiración ó posto de cónsul. Malia todo, tratábase dunha familia patricia non moi importante por aquel entón, de xeito que este matrimonio non lle aseguraba un progreso político salientable.
Cando semellaba que a carreira política de Caio Mario xa tiña tocado teito, unha nova crise militar para Roma permitiulle a Mario presentarse de novo ante a opinión pública como un militar capaz. Neste caso, tratábase dunha crise na rexión de Numidia, no norte de África, nos territorios que actualmente ocupan Alxeria e Tunisia.
O reino de Numidia saíra fortalecido da segunda guerra púnica. O príncipe numídico Masinisa desertara ó bando romano durante a invasión romana de África dirixida por Escipión o Africano e, como recompensa, foi instalado nun extenso reino que a Roma lle permitía empregar como control do poder cartaxinés. Era o ano 202 a.C. Dende ese intre, Numidia pasaba a ser unha boa fonte de tropas e provisións para Roma, tanto en África como noutros escenarios (o propio Iugurta dirixiu un continxente numídico de soldados e elefantes no sitio de Numancia).
Malia todo, as habituais loitas dinásticas internas entre os numídicos enfrontaron varias décadas despois a Iugurta (sobriño e fillo adoptivo do rei Micipsa, que era o sucesor de Masinisa no trono) cos seus irmáns adoptivos Aderbal e Hiempsal. Tralo asasinato deste último, Aderbal fuxiu a Cirti, onde se atopaban varios comerciantes romanos e italianos. Estes axudárono a defende-la cidade polo que, cando esta rematou rendida a Iugurta, os soldados remataron coas súas vidas. Roma sentiuse aldraxada e mandou a Iugurta que acudise a Roma. Este, pola súa parte, adicouse a subornar a senadores influentes ata acadar o asasinato doutro familiar refuxiado na cidade. Máis adiante, no ano 110 a.C o xeneral romano Aulo Postumio Albino tivo unha salientable derrota na fortaleza de Suthul, cando Iugurta fixo unha saída sorpresa axudado por continxentes das tropas romanas que foran previamente subornadas.
Roma reaccionou no ano 109 a.C. enviando a Quinto Cecilio Metelo para tomar o mando da guerra. Malia que semella que despois de acceder ó tribunado da plebe existiu unha ruptura entre Mario e Metelo, dita ruptura non foi de todo permanente, posto que nese ano 109 a.C. Metelo tomou como legado a Mario na campaña militar contra o rei de Numidia, Iugurta.
Non se sabe en que circunstancia o clan Metelo se reconciliou con Mario, nin se se tratou dun perdón sincero ou obrigado polas circunstancias. Sexa como for, despois dun ano como pretor na Hispania Ulterior, Mario foi incorporado como lugartenente no exército africano de Metelo na súa campaña fronte ó rei Iugurta. Metelo procuraba seguramente a grande experiencia de Mario como militar, no tanto que Mario pretendía reforzar a súa carreira política para acadar o consulado.
Moitos dos métodos que Escipión Emiliano empregara en Numancia puxéronse nesta ocasión de novo en marcha para poñer a punto ás lexións de África. Botouse fóra a comerciantes, e prohibiuse entre os soldados a merca de alimentos distintos dos fornecidos polo exército e tamén manter escravos ou animais de carga. Cando Metelo considerou que o seu exército xa estaba preparado, foi cando se dirixiu contra Iugurta. Malia obter algunha vitoria, incluíndo unha nunha confusa batalla preto do río Muthul, a loita resultou lenta, freada pola necesidade de emprender asedios complexos, e iso provocou un crecente descontento en Roma ante a incapacidade do seu xeneral para vingar axiña as pasadas derrotas.
No ano 108 a.C. Mario pediulle permiso a Metelo (que ocupaba o cargo de cónsul por vez primeira) para deixar o seu posto de legado e así poder ir a Roma e optar ás eleccións para o consulado. Metelo non lle deu permiso, e ofreceulle reconsideralo e optar a dito posto co seu fillo, que neses intres tiña 20 anos (o cal supoñía non poder acceder ó posto ata despois doutros 20 anos). Dende ese intre Mario comezou a súa campaña para obter o consulado. Salustio afirma que isto foi acelerado, en parte, polo presaxio dunha adiviña que lle dixo que lle presaxiaba grandes e marabillosas cousas e que por iso podería perseguir calquera designio que se lle formase, confiando nos deuses polo éxito, e que podería probar fortuna tantas veces como quixese, posto que tódalas súas campañas prosperarían. Ante esta situación (Mario precisaba do permiso de Metelo para deixa-lo seu posto) Mario pasou o verán congraciándose coas tropas, o cal conseguiu grazas á súa conduta con eles, comendo a súa mesma comida e amosando que non tiña medo de realiza-las súas mesmas tarefas. Tamén procurou a aprobación dos comerciantes italianos, suxerindo que no caso de estar el ó mando podería acadar unha vitoria sinxela e rápida en Numidia fronte a Iugurta. Ámbolos dous grupos escribiron a Roma, falando moi ben del e criticando as tácticas de Metelo, quen baseaba as súas estratexias nunha lenta guerra de desgaste. Despois disto, Metelo decidiu ceder e deixalo ir, ante o prexuízo que lle podía causar seguilo tendo como subordinado.
Mario volveu a Roma e presentouse ó consulado, no que resultou ser unha campaña rápida e moi exitosa, que rematou coa súa elección no ano 107 a.C. Non é rara a súa elección tendo en conta que en tempos recentes os cidadáns tiñan presenciado varias desfeitas militares provocadas pola incompetencia de certos membros da aristocracia, así como varias acusacións de corrupción. Mario presentábase como unha alternativa, a do virtuoso home novo, que con tanto traballo chegara até onde estaba.
O senado, pola súa parte, decidiu que entre as provincias consulares a repartir entre os cónsules dese ano non estaría Numidia e a guerra contra Iugurta, e prorrogou a Metelo no cargo. Mario defendeuse empregando unha técnica para desvia-la decisión á Asemblea de Cidadáns, en troques do Senado, xa que aló contaba con moito máis apoio. Mario foi así elixido como comandante tras esta elección especial, mentres que Metelo tivo que volver, e o Senado concedeulle como contraprestación o título de "Numídico" (conquistador de Numidia).
A pesar de fachendearse dicindo que podía rematar coa guerra axiña, esta aínda había durar tres anos mais, o cal pode indicar que Metelo tiña actuado de xeito honesto coa única táctica posible, fronte a un inimigo astuto e ben coñecedor das guerrillas, nun territorio que favorecía ós númidas. A estratexia de Mario non era diferente da que levara a cabo Metelo, deténdose en asedios ás prazas fortes, coas que Iugurta xa contaba para frear o avance romano. Sometendo á pillaxe e á destrución o territorio inimigo, Mario avanzou, nunca lenta marcha cara ao oeste, até os confíns do reino númida coa Mauritania, onde Iugurta ía sendo acurralado. Pero malia os repetidos éxitos militares de Mario, Iugurta conseguía sempre fuxir dos romanos e continuar coa loita.
Ao final Mario recorreu á traizón para lle poder poñer fin á guerra. O seu cuestor nesas datas era Lucio Cornelio Sila, fillo dunha familia patricia vida a menos. Malia que Mario non estaba contento tendo que aceptar ó inexperto Sila ocupando un cargo desa responsabilidade, pois non tiña experiencia militar previa, este demostrou a súa competencia como líder militar. Posto que os combates desta guerra estaban cada vez máis preto dos territorios do reino de Mauritania, o seu rei, Bocco, que era sogro de Iugurta, rachou coa súa neutralidade, que tanto Metelo coma Mario acadaran con penosas negociacións. Dese xeito, o rei Bocco de Mauritania pasaba a ser un aliado militar do seu xenro Iugurta. Así, a finais do ano 106 a.C., tralo seu segundo ano de campaña en África, Mario retirouse ós seus cuarteis de inverno no leste, e alí foi atacado polas forzas conxuntas dos dous monarcas africanos. No ano 105 a.C. volvendo a establecer os contactos con Bocco, que tiña preocupacións por mor dos avances romanos, e Sila acadou a rachadura da coalición entre el e Iugurta, solicitando Bocco a paz entre Mauritania e Roma. Así foi como Sila convenceu a Bocco para lle tender unha trampa a Iugurta, confiado aínda na amizade co seu sogro.
Non se coñecen con precisión os termos da negociación entre Roma e Mauritania. O certo foi que finalmente Iugurta caeu nas mans de Mario, se cadra non polos méritos militares do cónsul romano, senón pola astucia e xenio diplomático de Sila, pero tampouco é lóxico pensar que Sila actuase pola súa conta, senón que aquel foi un plan tecido entre os dous. Malia todo, Mario era o comandante de Sila, de xeito que a honra da derrota final de Iugurta foi para o cónsul. Certamente ámbolos dous personaxes saían gañando desta fazaña.
Debido a esta vitoria bélica, Mario acadou o alcume de Raposo de Arpino. No ano 104 a.C. Caio Mario celebrou un triunfo en Roma pola súa vitoria sobre Iugurta, quen foi executado na cerimonia. Ese mesmo día comezou un novo consulado para o cal fora elixido mesmo estando ausente, feito totalmente irregular.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.