Remove ads
Rama do budismo From Wikipedia, the free encyclopedia
Mahāyāna (sánscrito: महायान, literalmente Gran vehículo) é un termo que abrangue unha gran variedade de tradicións, textos, filosofías e prácticas budistas desenvolvidas na India antiga (c. século I a. C.). Considérase unha das tres principais ramas do budismo, xunto co Theravāda e o Vajrayāna.[1] O Mahāyāna acepta as principais escrituras e ensinanzas das primeiras escolas budistas, mais tamén recoñece varias doutrinas e obras non aceptadas polo Therāvada. Entres estes textos atópanse os sutras Mahāyāna, que salientan o camiño dos bodhisattva, e a literatura Prajñāpāramitā.[2] Do Mahāyāna xurdiu o Vajrayāna ou Mantra, un conxunto de seitas que empregan métodos tántricos para alcanzar a "natureza de Buda".[1]
O termo Mahāyāna refírese tamén á vía do bodhisattva que procura a iluminación para o beneficio de todos os seres sensibles, polo que tamén recibe o nome de Bodhisattvayāna ou "Vehículo do bodhisattva".[3] Para o budismo Mahāyāna converterse nun Buda é un obxectivo atinxible para todo o mundo; xa que logo, entende que o estado de arhat é incompleto.[4] Neste sentido, o Mahāyāna recoñece numerosos Budas e bodhisattvas que non se atopan no Theravāda (como Amitābha e Vairocana).[5] Así mesmo, a filosofía do Mahāyāna defende ideas singulares, como a teoría do baleiro (śūnyatā) da escola Madhyamaka, a doutrina da consciencia ou da "só-mente" (Vijñānavāda), ou a ensinanza da natureza de Buda.
Malia comezar como un pequeno movemento na India, o Mahāyāna chegou a converterse nunha das correntes máis influentes do budismo hindú.[6] Varios centros escolásticos asociados co Mahāyāna, como Nalanda ou Vikramashila, prosperaron entre os séculos VII e XII.[6] Ao longo da súa historia, o budismo Mahāyāna estendeuse dende o sur de Asia até Asia Oriental, o sueste asiático e as rexións do Himalaia. Varias tradicións do Mahāyāna son predominantes en países como a China, Corea do Sur, Xapón, Taiwán, Singapur, Vietnam, Filipinas, Indonesia ou Malaisia.[7] Xa que o Vajrayāna é unha forma tántrica do Mahāyāna, pódese considerar que este é tamén a principal forma de budismo no Tíbet, Mongolia, Bhutan e outras rexións do Himalaia. Así mesmo, foi historicamente unha relixión minoritaria en comunidades do Nepal e rexións da diáspora asiática.
A data de 2010, o Mahāyāna é a tradición máis importante do budismo, cun 53% dos budistas, fronte ao 6% do Vajrayāna e o 36% do Theravada.[8]
Segundo Jan Nattier, o termo "Mahāyāna" ("Gran Vehículo") foi na súa orixe un sinónimo honorífico de Bodhisattvayāna ("Vehículo do bodhisattva),[9] o camiño dos bodhisattvas que buscaban a natureza de Buda para o beneficio de todos os seres sensibles.[3] Así, os primeiros sutras do Mahāyāna, como o Sutra do Loto, adoitan empregar o termo neste sentido.
En chinés clásico, Mahāyāna dise 大乘 (pinyin: dàshèng ou dàchéng), un calco da expresión orixinal (da 大 significa "grande" e cheng 乘, "vehículo"). Porén, existiu tamén unha transliteración, 摩诃衍那 (pinyin: mó hē yǎn nà). O termo apareceu nas primeiras versións dos sutras Mahāyāna, como a tradución do Sutra do Loto do Emperador Ling dos Han.[10]
Os estudosos cren no Mahāyāna como un movemento separado, o cal comezou arredor do século I adC no noroeste da India, influído polo Greco-budismo.
O desenvolvemento do Mahāyāna foi un proceso lento e gradual. O Mahāyāna non era unha escola rival, e polo tanto non foi a consecuencia dun cisma (sanghbheda). Monxes Mahāyāna podían vivir sen discordia no mesmo mosteiro con monxes doutras escolas, sempre que sostiveran o mesmo código, malia que se cre que os monxes no Mahayana puideron tomarse con algo de burla as crenzas e prácticas privadas dos seus irmáns Mahayana.
A idea dun cisma ou ruptura radical, con cambios relixiosos dramáticos, simplemente non concorda co que sabemos agora do desenvolvemento relixioso budista, non en textos senón na práctica real. (Williams, 1989)
Aínda o Theravada limítase estritamente ao ensino que con máis claridade podemos atribuír ao Buda histórico, o Mahayana recoñece no ensino do propio Buda máis un método ca unha doutrina; un método semellante ao método científico, no sentido que indaga para descubrir a verdade, sen prexuízos e con total liberdade para criticar ou poñer en dúbida ensinos ou teorías do pasado. Noutras palabras, o que o Mahayana ensina pode verificarse dunha forma esencialmente idéntica a como se confirma a validez das teorías científicas. Isto espertou recentemente un interese mutuo por parte de destacados mestres budistas e recoñecidos científicos que se reuniron nunha serie de encontros que exploraron a relación entre Budismo e Ciencia.
O Mahāyāna apártase da tradición Nikaya (ás veces coñecida como as escolas Hinayāna) na súa aceptación das sutras Mahāyāna. As escolas Mahāyāna, porén, non rexeitan os sutras Nikaya, tales como os rexistrados no Canon Pali; estes tamén son vistos como autoritarios.
As escrituras Mahāyāna foron fixadas por escrito no século I adC. Algunhas delas, tales coma os sutras A Perfección da Sabedoría, amósanse como sermones reais de Buda que terían ficado agochados. Segundo algunhas fontes, estes sermóns foron pasados por tradición oral como outros sutras, mais outras fontes afirman que foron agochados e logo revelados varios séculos máis adiante por unha vía mitolóxica. Ademais de sutras, algúns textos Mahāyāna son esencialmente comentarios.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.