Remove ads
lingua From Wikipedia, the free encyclopedia
O chinés clásico[1] é a lingua na que se escribiron os clásicos da literatura chinesa, máis ou menos a partir do século -V.[2] Nos milenios posteriores, o chinés destas obras foi imitado en todos os países da sinosfera, nunha forma coñecida como chinés literario, que se empregou na escrita formal da China até o comezo do século XX. Este uso foi semellante ao do latín en Europa. Malia os cambios, a súa evolución foi bastante conservadora, polo que moitas das variacións da lingua oral non se reflectiron na escritura. Debido a isto, o chinés clásico non é plenamente intelixible para os falantes das linguas chinesas contemporáneas.
Chinés clásico 古文 ou 文言 | ||
---|---|---|
Outros nomes: | Chinés literario | |
Falado en: | República Popular da China, Illas Ryukyu, Xapón, Corea e Vietnam | |
Extinción: | dende o século -V até o século II. Continúa como lingua literaria até o século XX. | |
Familia: | Sino-tibetana Sinítica Chinés Chinés clásico | |
Escrita: | Escrita chinesa | |
Códigos de lingua | ||
ISO 639-1: | -- | |
ISO 639-2: | --- | |
ISO 639-3: | lzh
| |
Mapa | ||
Status | ||
Co tempo, o chinés literario empezou a empregarse no Xapón, Ryukyu,[3] Corea e Vietnam, onde se introduciu como lingua de prestixio. Con posterioridade, o seu sistema de escritura adaptouse para expresar as linguas locais, que pertencían a diferentes familias. Cada un destes países teñen o seu propio xeito de ler os caracteres en chinés clásico.
Na actualidade, esta lingua foi substituída polas correspondentes variedades vernáculas.
Non hai un acordo universal sobre a definición precisa do termo "chinés clásico". Fundamentalmente, refírese á lingua empregada nos clásicos da literatura chinesa escritos entre o século -V e o remate da dinastía Han no século III. Cabe notar que a lingua dos textos canónicos anteriores ao século -IV, como os Cinco Clásicos, é diferente da utilizada en obras de períodos posteriores. Ademais, desta variante máis antiga non emerxeron tradicións comparables á do chinés clásico, malia o seu recoñecemento e prestixio. En consecuencia, fálase de chinés antigo ou chinés arcaico para referirse a ela, e así diferenciala do chinés clásico propiamente dito.[4]
Con posterioridade á dinastía Han, a diferenza entre a lingua oral e o rexistro escrito fíxose moi evidente. Xa que logo, cuñouse o termo "chinés literario" para referirse aos textos que imitan de xeito consciente o canon clásico. Entre as súas características, destacan a adición de novo léxico e a perda de certos elementos gramaticais. O chinés literario empregouse en case todos os textos formais da China até comezos do século XX, cando foi substituído polo vernáculo. Segundo unha definición máis estrita, o período clásico vai dos tempos de Confucio (do -551 ao -479) á fundación da dinastía Qin no -221.[5][6]
É común referirse tamén ao chinés literario como chinés clásico, mais os sinólogos salientan a diferenza entre as formas clásicas e os estilos imitativos posteriores. A partir do século II, a lingua chinesa falada comezou a diverxer nas distintas rexións, polo que o chinés literario da escrita deixou de representar as variedades orais e, xa que logo, non era intelixible para a xente común. Malia o intento de imitar aos grandes autores do pasado, unha mala comprensión das convencións literarias destes clásicos, xunto coa adición de novo léxico e de elementos propios das linguas vernáculas, acabou por distanciar ao chinés literario do clásico.[7]
A utilización do chinés literario nos países da sinosfera en detrimento das linguas rexionais é un exemplo de diglosia. A coexistencia do chinés literario coas diferentes linguas nativas da China, o Xapón, Corea e Vietnam é comparable ao uso do latín en Europa, o árabe en Persia, ou o sánscrito no sur e o sueste asiático. Porén, a diferenza destes exemplos, o chinés literario emprega caracteres logográficos no canto dun sistema ligado directamente á pronuncia. A falta dunha correspondencia fixa entre a escrita e a fala permitiu unha diverxencia na evolución das lecturas dos caracteres que engade unha dimensión única ao estudo do chinés literario.
Ao contrario do latín ou do sánscrito, a lingüística do chinés centrouse historicamente na lexicografía, no canto de na gramática e a sintaxe. Este último tipo de análise comezou sobre todo coa chegada dos europeos no século XVII. Os misioneiros cristiáns cuñaron o termo wenli 文理 ("fundamentos da literatura", "linguaxe libresca") para referirse ao chinés clásico; porén, este vocábulo non arraigou entre os falantes nativos.[8][9]
Comparado co vernáculo escrito, o chinés clásico ten un estilo conciso e compacto, e emprega un vocabulario diferente. En especial, o chinés clásico é principalmente monosilábico, polo que as palabras de dous ou máis caracteres son infrecuentes.[10]
A nivel sintáctico, o chinés clásico é unha lingua con tendencia á omisión; é dicir, é frecuente poder elidir o suxeito ou o obxecto dunha oración cando se sobreentende o referente. Ademais, as palabras non están restrinxidas a certas funcións gramaticais: moitos caracteres poden usarse como nome, verbo ou adxectivo. O chinés clásico carece de cópula (o verbo shi 是, que no mandarín actual actúa como cópula, equivale a un demostrativo no chinés clásico).
Por outra banda, a lingua conta con máis pronomes que o chinés actual. En especial, posúe multitude de pronomes da primeira persoa, que forman parte dun sistema de honoríficos. Así mesmo, ten moitas partículas interrogativas e finais.[11]
Para alén das diferenzas gramaticais e léxicas, o chinés clásico destaca tamén polas súas calidades literarias. Abundan o paralelismo e o ritmo, incluso na prosa. Outros mecanismos como a alusión contribúen á brevidade na expresión.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.