Remove ads
From Wikipedia, the free encyclopedia
Marco Valerio Marcial (en latín, Marcus Valerius Martialis), nado en Bílbilis, actual Calatayud, o 1 de marzo de 40 e finado na mesma cidade en 104, foi un poeta latino.
Nome orixinal | (la) Marcus Valerius Martialis |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | marzo de 38 ↔ marzo de 41 Augusta Bilbilis, España |
Morte | 104 (63/64 anos) Augusta Bilbilis, España |
Actividade | |
Campo de traballo | Epigrama |
Ocupación | poeta, escritor |
Período de tempo | Alto Imperio Romano |
Xénero artístico | Poesía e sátira |
Obra | |
Obras destacables
| |
Familia | |
Cónxuxe | Marcella |
Nai | Flaccilla |
Descrito pola fonte | Pequeno Dicionario Enciclopédico de Brockhaus e Efron Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron Real'nyj slovar' klassicheskih drevnostej po Ljubkeru |
Procedía de Bílbilis (Calatayud), na Hispania Tarraconense. Ao redor do ano 64 marchou a Roma para terminar os seus estudos xurídicos coa protección de Séneca, pero a caída en desgraza deste e o seu suicidio deixárono desamparado e a súa pobreza obrigouno a sobrevivir de forma bohemia e itinerante como cliente de diversos patróns a maior parte dos 35 anos que pasou alí. Gañou, con todo, a amizade dos maiores escritores dese tempo, Plinio o Mozo, Silio Itálico, o tamén satírico Xuvenal e o gran rétor Marco Fabio Quintiliano, que tamén era hispanorromano. Da mesma maneira fixo amizade co poeta gaditano Canio Rufo, un temperamento afín ao seu. Aos poucos, favorecido polos emperadores Tito e Domiciano, a quen dedicou interesados eloxios, estes nomeárono membro da orde ecuestre e gañou diversas honras, entre elas a exención dos impostos que habían de pagar os que non tiñan fillos, isto é, o ius trium liberorum. Con todo, os seus sucesores Nerva e Traxano esquecéronse del e houbo de retornar a Bílbilis e aceptar alí o agasallo dunha propiedade campestre por parte dunha admiradora; a volta á vida rural era un dos seus grandes soños. Alí marchou o ano 98 para pasar a súa vellez e morreu seis anos despois. Era a vida que ansiaba, como escribiu nuns celebérrimos versos moi citados ao seu amigo Xulio Marcial:
Vitam quae faciant beatiorem,
Iucundissime Martialis, haec sunt:
Summum nec metuas diem nec optes.
Res non parta labore, sed relicta;
Non ingratus ager, focus perennis;
Lis numquam, toga rara, mens quieta;
Vires ingenuae, salubre corpus;
Prudens simplicitas, pares amici;
Convictus facilis, sine arte mensa;
Nox non ebria, sed soluta curis;
Non tristis torus, et tamen pudicus;
Somnus, qui faciat breves tenebras:
Quod sis, esse velis nihilque malis;Velaí as cousas que fan a vida
máis feliz, simpático Marcial:
unha fortuna non gañada co traballo propio, senón herdada;
un lugar agradecido, o lume sempre aceso;
nunca preitos, unha toga para poñer de cando en vez, unha conciencia tranquila;
ser libre de nacemento, un corpo san;
unha franqueza prudente, amigos de igual condición;
trato fácil, unha mesa posta sen pretensións;
noites sen bebedelas, pero libres de preocupacións;
un leito alegre e, porén, cheo de pudor;
un sono que faga curtas as noites:
querer ser o que es e non querer nada máis;
non ter medo do último día, nin desexalo.Lib. X, ep. 47.
A súa obra, que sobreviviu practicamente íntegra, componse de quince libros de versos, con prólogo en verso ou en prosa, en diversos metros (sobre todo dístico elexíaco, pero tamén endecasílabos catulianos, hexámetros falecios e iambos catalécticos), un total dun mil cincocentos poemas pertencentes a un só xénero literario, o epigrama, no que non tivo no seu tempo rival e no que superou os seus antecesores e modelos, Catulo e a Cicuta de Domicio Marso. En certo xeito o epigrama representaba o correlato en verso á concisión da prosa aforística do tamén hispanorromano Séneca o Mozo.
O primeiro libro é o Liber spectaculorum, tamén primeiro cronoloxicamente falando, xa que foi composto no ano 80 e celebra a construción do Anfiteatro Flavio, actualmente coñecido como Coliseo, polo emperador Tito.
Os Xenia (libro XIII) e os Apophoreta (Libro XIV) son dísticos compostos para os agasallos que facían aos patróns os clientes na festa das Saturnais.
Os libros I e XII posúen un contido vario: literatura, sociedade e temas persoais. Chama a atención o silencio do autor sobre o historiador Tácito e o poeta Estacio, os seus contemporáneos; se ao segundo puido consideralo un rival, a falta de alusións ao primeiro é máis difícil de explicar.
A fama de Marcial deriva principalmente do seu enxeño satírico; pero, aínda que foi un observador penetrante da sociedade do seu tempo, a súa visión está afectada pola máis absoluta indiferenza moral, polo que non se lle pode ter estritamente por satírico. O ton das súas pezas oscila da máis pura lírica á obscenidade máis abxecta. Os seus epigramas son tamén importantes polo seu valor documental, pola información que achegan sobre a sociedade romana da época, que reflicte cunha gran vitalidade. Fai gala dun enxeño agudísimo e dunha extrema concisión; tamén sabe atopar habilmente a parte miserábel e oculta das aparentes grandezas humanas. Os aproveitados, os lerchos, os dexenerados, os hipócritas, a dama semimundana que envellece, o bailarín e toda a comedia humana da gran metrópole que era Roma naquel tempo aparecen vistosamente atacados e descritos nos seus poemas. Pero aínda que se burla sempre, ás veces ferindo, xamais o fai con irritación moral. Quéixase calculadamente da súa pobreza e dedica loanzas arrastradas e indignas ao emperador Domiciano.
No cadro renacentista Retrato de Giovanna Tornabuoni (1488) de Domenico Ghirlandaio, podemos ler un dos seus epigramas no fondo da escena, que di: "ARS VTINAM MORES ANIMVMQUE EFFINGERE POSSES PVLCHRIOR IN TERRIS NVLLA TABELLA FORET" (Arte, oxalá puideses plasmar a conduta e o espírito, non habería na terra pintura máis fermosa).
O cóengo de Huesca Manuel de Salinas y Lizana fixo unha tradución dos Epigramas de Marcial que pode atoparse na Agudeza y arte de ingenio de Baltasar Gracián; Juan de Iriarte fixo outra xa no século XVIII, que se acha no primeiro tomo das súas Obras sueltas, (Madrid, Francisco Manuel de Mena, 1774). Víctor Suárez Capalleja fixo outra en tres tomos para a Biblioteca Clásica da Casa Editorial Hernando.
As agudezas de Marcial suscitaron frecuentemente, á vez que admiración, tamén o comentario erudito ou moral dos humanistas desde o Renacemento. Entre os escoliastas españois destacan Baltasar de Céspedes polo seu Comentario aos Epigramas de Marco Valerio Marcial; Lorenzo Ramírez de Prado, polos seus de 1607; o deán de Alcoy, Manuel Martí; a xesuíta P. Tomás Serrano, que discutiu con Girolamo Tiraboschi acerca dos méritos de Marcial no seu singular libro Super iudicium Hieronymi Tiraboschi de Marco Valerio Martiale, Roma, 1786?; outros comentaristas foron Víctor Suárez Capalleja, Marcelino Menéndez Pelayo e Arturo Masriera.
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Marcial |
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.