Remove ads
entidade urbana con alta densidade de poboación na que predominan fundamentalmente a industria e os servizos From Wikipedia, the free encyclopedia
A cidade[1] é actualmente considerada como unha entidade urbana con alta densidade de poboación na que predominan fundamentalmente a industria e os servizos. Diferénciase doutras entidades urbanas por diversos criterios, entre os que se inclúen poboación, densidade de poboación ou estatuto legal, aínda que a súa distinción varía entre países.
Historicamente os habitantes das cidades foron unha proporción pequena da humanidade en xeral, mais hoxe, despois de varios séculos de urbanización sen precedentes e acelerada, a metade da poboación mundial vive nas cidades. As cidades actuais normalmente forman o núcleo de grandes áreas metropolitanas e áreas urbanas, creando numerosos desprazamentos diarios cara ó centro das cidades para traballar, divertirse, ou estudar.
A cidade máis poboada é Shanghai[2] mentres que as áreas metropolitanas máis grandes tamén inclúen a Área do Gran Toquio e Iabotabek (Iacarta).[3] As cidades de Faiyum,[4] Damasco,[5] e Varanasi[6] son das cidades habitadas máis continuamente no mundo.
As cidades, caracterizadas pola densidade de poboación, a súa función simbólica, e ordenación urbana, teñen existido dende hai miles de anos. Na visión convencional, civilización e cidade derivan as dúas do desenvolvemento da agricultura, que permitiu a produción dun superávit de comida, e así a unha división do traballo social (coa estratificación social asociada) e ao comercio.[7][8] As primeiras cidades a miúdo presentan graneiros, ás veces dentro dun templo.[9] Un punto de vista minoritario considera que as cidades poderían ter xurdido sen a agricultura, grazas a medios de subsistencia alternativos (pesca),[10] para usar como refuxios estacionais comunais,[11] ó seu valor como bases para a organización militar defensiva e ofensiva,[12][13] ou á súa función económica inherente.[14][15][16] As cidades xogaban unha función crucial no establecemento do poder político sobre unha área, e os antigos dirixentes como Alexandre o Grande fundáronas e creáronas con entusiasmo.[17]
Xericó e Çatalhöyük, datadas no VIII milenio a. C., están entre as cidades máis temperás coñecidas polos arqueólogos.[11][18]
No cuarto e III milenio a. C., civilizacións complexas prosperaban nos vales dos río de Mesopotamia, India, China, e Exipto. As escavacións nestas áreas atoparon as ruínas de cidades orientadas diversamente cara ao comercio, a política, ou a relixión. Algunhas tiveron poboacións densas, mais outras levaron a cabo actividades urbanas nos ámbitos da política ou relixión sen ter poboacións asociadas grandes. Entre as primeiras cidades do mundo antigo, Mohenjo-daro da civilización do Val do Indo, no actual Paquistán, existindo desde ó redor do 2600 a. C., era unha das máis grandes, cunha poboación de 50.000 ou máis e un sistema de saneamento moi sofisticado.[19] As cidades chinesas planeadas foron construídas segundo principios sacros para actuar como microcosmos celestiais.[20] As cidades exipcias Antigas coñecidas fisicamente polos arqueólogos non son exhaustivas.[21] Inclúen (coñecidas polos seus nomes árabes) a El Lahun, unha cidade de traballadores asociada coa pirámide de Sesostris II, e a cidade relixiosa Amarna construída por Akhenatón e abandonada. Estes sitios aparecen planeados cun alto regulamento e cun tipo de estratificación, cun enreixado minimalístico de habitacións para os traballadores e incrementalmente máis casas elaboradas dispoñibles para as clases máis altas.[22]
En Mesopotamia, a civilización Sumeria, seguida de Asiria e Babilonia, crearon un gran número de cidades, gobernadas por reis e promovendo múltiples linguas escritas en escrita cuneiforme.[23] O imperio comecial fenicio, prosperando ao redor da do I milenio a. C., abarcou numerosas cidades estendéndose dende Tiro, Cido, e Biblos a Cartago e Cádiz.
Nos séculos seguintes, cidades-estado independentes de Grecia desenvolveron a polis, unha asociación de terratenentes cidadáns que colectivamente constituíron a cidade.[24] A ágora, que significa "sitio de reunión" ou "asemblea", era o centro atlético, artístico, de vida espiritual e política da polis.[25] O aumento de poder de Roma levou á súa poboación ata un millón de habitantes. Baixo a autoridade do seu imperio, Roma transformouse e fundou moitas cidades (coloniae), e con eles levaron os seus principios de arquitectura urbana, deseño, e sociedade.[26]
Durante a caída do imperio romano as cidades da antigüidade gañaron independencia, mais axiña perderon poboación e importancia. O centro do poder occidental moveuse a Constantinopla e á civilización islámica coas súas grandes cidades Bagdad, O Cairo e Córdoba.[27] Entre os séculos IX e XII, Constantinopla, capital do imperio bizantino, foi a maior cidade de Europa, cunha poboación próxima ao millón de habitantes.[28][29] O Imperio Otomán foi conseguindo controlar moitas cidades na área mediterránea, incluíndo Constantinopla en 1453.
Nos séculos XIII e XIV algunhas cidades convertéronse en estados poderosos, tomando baixo o seu control as áreas que as rodeaban e establecendo imperios marítimos. Na Italia medieval algúns concellos convertéronse en cidades-estado, como a república de Venecia e a república de Xénova. No norte de Europa, cidades como Lübeck e Bruxas formaron a Liga Hanseática para o comercio e a defensa colectiva. O seu poder foi posteriormente desafiado e eclipsado polas cidades comerciais neerlandesas de Gante, Ypres e Ámsterdam.[30] Un fenómeno semellante ocorreu noutros lugares, como no caso de Sakai, que gozou dunha considerable autonomía no Xapón medieval.
En occidente, os estados-nación convertéronse na unidade principal da organización política trala paz de Westfalia no século XVII.[31][32] As grandes capitais da Europa occidental (Londres e París) beneficiáronse do crecemento do comercio coa necesidade do comercio transatlántico. Non obstante, a maioría das vilas seguiron a ser pequenas.
Durante a colonización española de América empregouse o vello concepto da cidade romana. As cidades fundábanse no medio do territorios acabados de conquistar e rexíanse con leis sobre a administración, as finanzas e o urbanismo.
O desenvolvemento da industria moderna a partir de finais do século XVIII levou a unha urbanización masiva e ao aumento de novas grandes cidades, primeiro en Europa e despois noutras rexións, como lugares de novas oportunidades que traían un gran número de emigrantes dende as comunidades rurais. Inglaterra liderou o proceso convertendo Londres na capital dun imperio mundial e facendo crecer cidades por todo o país como lugares estratéxicos para a produción.[33] Nos Estados Unidos entre 1860 e 1910, a introdución do ferrocarril reduciu os custos do transporte e emerxeron grandes centros de produción, provocando tamén o éxodo rural.
As cidades industrializadas eran lugares terribles para vivir, debido aos problemas de saúde que provocaban a superpoboación, o aire e a auga contaminados, a falta de medios hixiénicos e as enfermidades contaxiosas como a febre tifoide ou o cólera. As fábricas e os barrios pobres eran habituais na paisaxe urbana.[34]
Na segunda metade do século XX, a desindustrialización no mundo occidental levou á pobreza e á decadencia urbana a cidades anteriormente prósperas. O "cinto de aceiro" dos Estados Unidos converteuse no "cinto de óxido" e cidades como Detroit ou Gary, Indiana afundíronse ao contrario que a tendencia á expansión urbana global.[35]
Durante o gran salto adiante e os seguintes plans quinquenais da China, produciuse un rápido proceso de urbanización e industrialización, que converteu o país no principal fabricante mundial.[36][37]
En medio destes cambios económicos, a alta tecnoloxía e a telecomunicación instantánea permitiu que algunhas cidades se convertesen en centros da economía do coñecemento.[38][39][40] Xurdiu entón o novo paradigma da smart city.[41]
A urbanización é o proceso de migración desde as zonas rurais a áreas urbanas, provocado por factores políticos, económicos e culturais. Até o século XIX, existía un equilibrio entre a poboación agrícola rural e a das cidades que funcionaban como mercados e centros de fabricación de pequena escala.[42][43] Coa revolución agrícola e industrial, a poboación urbana empezou un crecemento sen precedentes, tanto por migración como pola expansión demográfica. En Inglaterra a proporción da poboación que vivía nas cidades saltou dende o 17% en 1801 a un 72% en 1891.[44] No 1900, o 15% da poboación mundial vivía en cidades.[45] A atracción cultural das cidades tamén favorece a chegada de novos residentes.[46]
A urbanización estendeuse rapidamente a través de Europa e América, e desde a década de 1950 tamén tivo lugar en Asia e África. A División de Poboación do Departamento de Asuntos Económicos e Sociais de Nacións Unidas, informou en 2014 que por primeira vez máis da metade da poboación mundial vivía en cidades.[47][a]
Latinoamérica é o continente máis urbano, con catro quintos da súa poboación vivindo en cidades, incluíndo un quinto da poboación residindo en asentamentos irregulares (favelas, villas miserias etc.).[56] Batam, Indonesia, Mogadixo, Somalia, Xiamen, China e Niamey, Níxer, son consideradas as cidades que medran máis rápido no mundo, con índices de crecemento anual de 5,8%.[57] En xeral, os países máis desenvolvidos do "Norte Global" están máis urbanizados que os países menos desenvolvidos do "Sur global", pero a diferenza vai encollendo porque a urbanización está a producirse máis rapidamente nese último grupo. Asia é de lonxe o fogar do maior número absoluto de residentes de cidades: sobre dous mil millóns e aumentando.[43] A ONU predí un incremento adicional de 2.5 mil millóns de residentes nas cidades (e 300 millóns menos de residentes no agro) no mundo sobre o 2050, cun 90% de expansión de poboación urbana en Asia e África.[47][58]
As megacidades, cidades cunha poboación de varios millóns de habitantes, proliferaron a ducias, xurdindo especialmente en Asia, África, e Latinoamérica.[59][60] A globalización económica aviva o crecemento destas cidades, cando novos fluxos de capital estranxeiro se achegan para unha industrialización rápida, así como a relocalización de negocios importantes desde Europa e Norte América, atraendo inmigrantes tanto de preto coma de lonxe.[61] Unha gran fenda divides ós ricos e ós pobres nestas cidades, que normalmente teñen unha elite súper-rica que vive en comunidades pechadas e masas grandes de persoas que viven en aloxamentos de baixa calidade con infraestruturas inadecuadas e en condicións pobres.[62]
As cidades ao redor do mundo expandíronse fisicamente ó tempo que medraban en poboación, con aumentos na súa extensión, coa creación de grandes edificios para uso residencial e comercial, e co desenvolvemento do metro.[63][64]
A urbanización pode crear unha rápida demanda de xestión de recursos da auga, cando as fontes de auga potable pasan a estar sobreexplotadas e contaminadas, e o volume de augas residuais empezan a superar niveis manexábeis.[65]
Na Roma antiga era cidade (civitas) a zona habitada por cidadáns (civites), os cales eran aqueles que posuían dereitos cidadáns, independentemente da súa actividade, fóra a industria, a agricultura ou os servizos.
Na España medieval e do renacemento, unha cidade era a poboación que non tiña Señor e era rexida directamente polo rei. Tiña o privilexio de enviar procuradores ás cortes para negociar as taxas que lle puidesen ser impostas, a cambio de Foros. Esta cualificación de cidade era independente do tamaño, así, Madrid, capital de España desde 1561, non era cidade senón vila.
A Conferencia Europea de Estatística de Praga considera como cidade unha aglomeración de máis de 2.000 habitantes sempre que a poboación dedicada á agricultura non exceda do 25% sobre o total. A partir de 10.000 habitantes, todas as aglomeracións considéranse cidades, sempre que estes se atopen concentrados, xeralmente en edificacións colectivas e en altura, e sempre que se dediquen fundamentalmente a actividades dos sectores secundario e terciario (industria, comercio e servizos).
O concepto político de cidade aplícase a conglomerados urbanos con entidade de capitalidade e maior importancia na rexión e que asume os poderes do Estado ou Nación. Será a cidade capitalina, pero por extensión aplícase a denominación a calquera entidade administrativa con algunha autonomía.
É pois unha definición administrativa do estado político, rexión xeográfica ou comunidade autónoma, que teñen unha cidade central e vilas ou cidades menores. A xeografía urbana e a socioloxía urbana estudan ambos aspectos desde o punto de vista da xeografía humana e a ecoloxía humana.
Non se debe confundir cidade con municipalidade, a maior municipalidade do mundo, Chongqing, posúe aproximadamente o mesmo tamaño có estado americano de Indiana, e contén moita máis área rural do que área urbana. Por outro lado, o contrario tamén acontece. A cidade de Londres posúe apenas 8 mil habitantes. No entanto, a súa rexión metropolitana, isto é, a área urbanizada, posúe máis de 7,5 millóns de habitantes.
As cidades antigas non se planificaban (agás as romanas), polo que non todas constan dos mesmos elementos (as primeiras cidades datan do 3500 a.C.). En xeral, con todo, unha cidade consta do núcleo histórico (orixe da cidade), ensanches posteriores de diferentes épocas, zonas residenciais, zonas industriais (usualmente nos arredores) e centros sociais, aínda que algunhas destas áreas poden superpoñer as súas funcións. As diferentes partes, que forman a estrutura urbana, están conectadas por un sistema de transporte público.
Non hai unha lista completa dos tipos de cidades, que varían moito en función da zona, pero os principais son:
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.