Remove ads
cidade e capital de Exipto From Wikipedia, the free encyclopedia
O Cairo[1][2] (القاهرة, Al-Qāhira en árabe) é a capital e maior cidade do Exipto, situada nas marxes do río Nilo. Foi fundada no 969 para servir de capital do Exipto árabe. Foi conquistada en 1517 polos turcos. Entre 1798 e 1801 foi ocupada polos franceses. É a sede da Liga Árabe. Unha cidade que é un museo aberto composto por unha mestura de antigo e moderno, que conviven nos seus barrios, rúas, ruelas e becos. O Cairo relixioso, cheo de vida e de contrastes, cidade cosmopolita en culturas e xentes, que revela diferentes civilizacións.
القاهرة (ar) | |||||||
Localización | |||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|
| |||||||
Estado | Exipto | ||||||
Gobernación | Cairo (pt) | ||||||
Capital de | |||||||
Poboación | |||||||
Poboación | 9.606.916 (2018) (18.194,92 hab./km²) | ||||||
Lingua oficial | lingua árabe | ||||||
Xeografía | |||||||
Superficie | 528 km² | ||||||
Bañado por | Nilo | ||||||
Altitude | 23 m | ||||||
Datos históricos | |||||||
Creación | 6 de xullo de 969 | ||||||
Evento clave
| |||||||
Organización política | |||||||
• Xefe do goberno | Abd El Azim Wazir (en) | ||||||
Membro de | |||||||
Identificador descritivo | |||||||
Código postal | 11511–11668 | ||||||
Fuso horario | |||||||
Prefixo telefónico | 02 | ||||||
Outro | |||||||
Irmandado con | |||||||
Sitio web | cairo.gov.eg | ||||||
A súa área metropolitana inclúe unha poboación aproximada de máis de 20 millóns de habitantes, sendo a urbe máis poboada do continente africano e doceava do mundo.[3] É coñecida polos exipcios como a "nai de tódalas cidades" e a "cidade dos mil minaretes".
A área ao redor do actual Cairo foi durante moito tempo o centro neurálxico do Antigo Exipto debido á súa situación estratéxica na confluencia das rexións do Val do Nilo e do Delta do Nilo (aproximadamente Alto Exipto e Baixo Exipto), o que tamén a situaba no cruzamento das principais rutas entre o norte de África e o Levante.[4][5] Menfis, a capital de Exipto durante o Reino Antigo e cidade importante ata o período tolemaico, estaba situada ao sur e a pouca distancia do actual, O Cairo.[6] Heliópolis, outra cidade importante e gran centro relixioso, estaba situada no que hoxe é o suburbio do nordeste do Cairo.[6] Foi en gran parte destruída polas invasións persas nos anos 525 e 343 a. C. e parcialmente abandonada a finais do século I a.C.[4]
Non obstante, as orixes do moderno Cairo remóntanse xeralmente a unha serie de asentamentos no primeiro milenio d.C. Ao redor do século IV,[7] a medida que Memfis seguía perdendo importancia,[8] os romanos estableceron unha gran fortaleza ao longo da marxe oriental do Nilo. A fortaleza, chamada Babilonia, foi construída polo emperador romano Diocleciano (r. 285–305) na entrada dunha canle que conectaba o Nilo co mar Vermello que fora creado anteriormente polo emperador Traxano (r. 98–115).[n. 1][9] Máis ao norte da fortaleza, preto do actual distrito de Al-Azbakiyah, había un porto e un posto avanzado fortificado coñecido como Tendunyas. (copto: ϯⲁⲛⲧⲱⲛⲓⲁⲥ)[10] ou Umm Dunayn.[11][12][13] Aínda que na zona non quedan estruturas anteriores ao século VII, ademais das fortificacións romanas, as evidencias históricas apuntan a que existía unha cidade de considerable tamaño. A cidade era o suficientemente importante como para que o seu bispo, Ciro, participase no segundo concilio de Éfeso do ano 449.[14] Porén, a guerra bizantino-sasánida entre os anos 602 e 628 causou grandes dificultades e probablemente fixo que a maior parte da poboación urbana marchase cara ao campo, deixando o asentamento parcialmente deserto.[12] Hoxe en día, o lugar segue sendo o núcleo da comunidade ortodoxa copta, que se separou das igrexas romanas e bizantinas a finais do século IV. As igrexas máis antigas do Cairo, como a Igrexa de Santa Bárbara e a Igrexa dos Santos Serxio e Baco (finais do século VII ou principios do VIII), atópanse dentro dos muros da fortaleza, no que hoxe se coñece como Cairo Vello ou Cairo copto.[15]
A conquista musulmá do Exipto bizantino foi dirixida por Amr ibn al-As desde o 639 ata o 642. A fortaleza de Babilonia foi asediada en setembro do 640 e caeu en abril do 641. No 641 ou principios do 642, tras a rendición de Alexandría (a capital exipcia daquela), fundou un novo asentamento xunto á fortaleza de Babilonia.[16][17] A cidade, coñecida como Fustat (árabe: الفسطاط),serviu como cidade de guarnición e como nova capital administrativa de Exipto. Historiadores como Janet Abu-Lughod e André Raymond rastrexan a xénese do Cairo actual ata a fundación de Fustat.[18][19] A elección de fundar un novo asentamento neste lugar no interior, no canto de utilizar a capital existente de Alexandría na costa do Mediterráneo, puido deberse ás prioridades estratéxicas dos novos conquistadores. Un dos primeiros proxectos da nova administración musulmá foi limpar e reabrir a antiga canle de Traxano para enviar grans máis directamente desde Exipto a Medina, a capital do califato en Arabia.[20][21][22][23] Ibn al-As tamén fundou unha mesquita para a cidade ao mesmo tempo, agora coñecida como Mesquita de Amr Ibn al-As, a mesquita máis antiga de Exipto e África (aínda que a estrutura actual data de expansións posteriores).[5][24][25][26]
No ano 750, tras o derrocamento do califato omeia polos abasíes, os novos gobernantes crearon o seu propio asentamento ao nordeste de Fustat que se converteu na nova capital provincial. Esta era coñecida como al-Askar (árabe: العسكر) xa que estaba disposta como un campamento militar. Tamén se engadiu unha residencia de gobernador e unha nova mesquita, esta última rematada no 786.[27] No 861, por orde do califa abasí al-Mutawakkil, construíuse un nilómetro na illa Roda preto de Fustat. Aínda que foi reparada e dotada dun novo tellado nos séculos posteriores, a súa estrutura básica aínda se conserva na actualidade, polo que é a estrutura islámica máis antiga que se conserva hoxe no Cairo.[28][29]
No ano 868 un comandante de orixe turco chamado Bakbak foi enviado a Exipto polo califa abasí al-Mu'taz para restablecer a orde despois dunha rebelión no país. Estivo acompañado polo seu fillastro, Ahmad ibn Tulun, quen chegaria a ser gobernador efectivo de Exipto. Co tempo, Ibn Tulun fíxose cun exército e acumulou influencia e riqueza, o que lle permitiu converterse no 878 en gobernante independente de facto tanto de Exipto como de Siria.[30][31][32] No 870, usou a súa crecente riqueza para fundar unha nova capital administrativa, al-Qata'i (árabe: القطائـع), ao nordeste de Fustat e de al-Askar.[32][33] A nova cidade incluía un palacio coñecido como Dar al-Imara, un campo de desfile coñecido como al-Maydan, un bimaristan (hospital) e un acueduto para abastecer de auga a cidade. Entre o 876 e o 879 Ibn Tulun construíu unha gran mesquita, hoxe coñecida como mesquita de Ibn Tulun, no centro da cidade, xunto ao palacio.[31][33] Despois da súa morte no 884, Ibn Tulun foi sucedido polo seu fillo e os seus descendentes que continuaron cunha dinastía de curta duración, os tulunidas. No 905, os abasíes enviaron ao xeneral Muhammad Sulayman al-Katib para reafirmar o control directo do país. O dominio tulunida rematou e al-Qatta'i foi arrasada, excepto a mesquita que permanece en péa día de hoxe.[34][35]
No 969, o califato fatimí xiíta ismailí conquistou Exipto tras gobernar desde Ifriqiya. O xeneral fatimí Jawhar al-Saqili fundou unha nova cidade fortificada ao nordés de Fustat e da antiga al-Qata'i. Tardouse catro anos en construír a cidade, inicialmente coñecida como al-Manṣūriyyah, [36] que ía servir de nova capital do califato. Nesa época, por orde do califa, encargouse a construción da mesquita de al-Azhar, que se converteu na terceira universidade máis antiga do mundo. Co tempo, O Cairo converteríase nun centro de aprendizaxe, cunha biblioteca que contiña centos de miles de libros.[37] Cando o califa al-Mu'izz li Din Allah chegou da antiga capital fatimí de Mahdia en Tunes no 973, deu á cidade o seu nome actual, Qāhirat al-Mu'izz ("O vencedor de al-Mu'izz"),[36] de onde procede os orixes do nome "O Cairo" (al-Qāhira). Os califas vivían nun vasto e fastuoso complexo palaciano que ocupaba o corazón da cidade. O Cairo seguiu sendo unha cidade real relativamente exclusiva durante a maior parte desta época, pero durante o mandato de Badr al-Gamali como visir (1073-1094) suavizáronse as restricións por primeira vez e permitiuse ás familias máis ricas de Fustat mudarse á cidade.[38] Entre 1087 e 1092, Badr al-Gamali tamén reconstruíu as murallas de pedra e construíu as portas de Bab al-Futuh, Bab al-Nasr e Bab Zuweila, que aínda se conservan.[39]
Durante o período fatimí, Fustat alcanzou o seu apoxeo en tamaño e prosperidade, actuando como centro de artesanía e comercio internacional e como principal porto da zona no Nilo.[40] As fontes históricas informan de que na cidade existían residencias comunais de varios pisos, sobre todo no seu centro, que adoitaban estar habitadas por residentes de clase media e baixa. Algunhas alcanzaban os sete pisos e podían albergar entre 200 e 350 persoas.[41] É posible que fosen similares á insulae romana e que fosen o prototipo dos complexos de apartamentos de alugueiro que se fixeron comúns nos últimos períodos mameluco e otomán.[41]
Con todo, en 1168, o visir fatimí Shawar prendeu lume a Fustat, que non estaba fortificada, para evitar a súa posible captura por parte de Amalarico, o rei cruzado do Xerusalén. Aínda que o incendio non destruíu a cidade e seguiu existindo despois, si marcou o inicio do seu declive. Nos séculos seguintes foi O Cairo, a antiga cidade-palacio, a que se converteu no novo centro económico e atraeu a emigración desde Fustat.[42][43]
Aínda que os cruzados non capturaron a cidade en 1168, unha continua loita de poder entre Shawar, o rei Amalarico e o xeneral zengí Shirkuh provocou a caída do poder fatimí.[44] En 1169, o sobriño de Shirkuh Saladino foi nomeado novo visir de Exipto polos fatimís e dous anos máis tarde arrebatou o poder á familia do último califa fatimí, al-Adid.[45] Como primeiro sultán de Exipto, Saladino estableceu a dinastía aiúbida, con sede no Cairo, e aliñou a Exipto cos sunnitas abbasíes, que tiñan a súa sede en Bagdad.[46] En 1176, Saladino iniciou a construción da Cidadela do Cairo, que sería a sede do goberno exipcio ata mediados do século XIX. A construción da cidadela puxo fin definitivamente á condición de cidade-palacio exclusiva do Cairo construída polos fatimís e abriuna ao común dos exipcios e aos comerciantes estranxeiros, impulsando o seu desenvolvemento comercial.[47] Xunto coa cidadela, Saladino tamén iniciou a construción dunha nova muralla de 20 quilómetros de lonxitude que protexería O Cairo e Fustat polo seu lado oriental e conectaríaos coa nova cidadela. Estes proxectos de construción continuaron máis aló da vida de Saladino e completáronse baixo os seus sucesores aiúbidas.[48]
Na busca de tropas leais para dominar o seu imperio, Salah al-Din contratou un exército de mamelucos (os mamelucos eran soldados comprados como mozos escravos e criados para servir no exército do sultán) (mercenarios do Cáucaso e Asia Central libertos nas guerras dos otománs) que co tempo formaría unha caste militar, derrocarían o derradeiro aiubí en 1257 e gobernarían con 53 sultáns (de sorte moi diversa, xeralmente precaria); En 1250, durante a sétima cruzada, a dinastía ayyubí sufriu unha crise coa morte de al-Salih e o poder pasou a mans dos mamelucos, en parte coa axuda da esposa da al-Salih, Shajar ad-Durr, que gobernou durante un breve período por esta época.[49][50]Entre 1250 e 1517, o trono do sultanato mameluco pasou dun mameluco a outro nun sistema de sucesión xeralmente non hereditario, pero tamén con frecuencia violento e caótico.[51][52] No entanto, o Imperio mameluco converteuse nunha gran potencia na rexión e foi responsable de rexeitar o avance do mongois (a máis famosa foi a batalla de Ain Jalut en 1260) e de eliminar os últimos estados cruzados no Levante.[53]
A pesar do seu carácter militar, os mamelucos tamén foron construtores prolíficos e deixaron un rico legado arquitectónico por todo O Cairo. Continuando cunha práctica iniciada polos ayyubíes, gran parte dos terreos ocupados por antigos palacios fatimíes foron vendidos e substituídos por edificios máis novos, converténdose nun lugar de prestixio para a construción de complexos relixiosos e funerarios mamelucos.[54] Os proxectos de construción iniciados polos mamelucos empuxaron a cidade cara ao exterior, á vez que traían novas infraestruturas ao centro da cidade.[55] Namentres, O Cairo floreceu como centro de estudos islámicos e encrucillada na ruta do comercio de especias entre as civilizacións da Afro-Eurasia.[56] Baixo o reinado do sultán mameluco al-Nasir Muhammad (1293-1341, con interregnos), O Cairo alcanzou o seu apoxeo en termos de poboación e riqueza.[57] En 1340, O Cairo tiña unha poboación próxima ao medio millón de habitantes, o que a convertía na maior cidade ao oeste da China.[56]
Os edificios de varias plantas ocupados por apartamentos de aluguer, coñecidos como rab (plural ribā ou urbu), fixéronse comúns no período mameluco e seguiron sendo unha característica da vivenda da cidade durante o posterior período otomán.[58][59] A miúdo, estes apartamentos organizábanse como dúplex ou tríplex de varios pisos. Ás veces estaban encostados a caravasares, nos que as dúas plantas inferiores destinábanse a locais comerciais e almacéns e as plantas superiores alugábanse a inquilinos. O exemplo máis antigo parcialmente conservado deste tipo de estrutura é a wikala do emir Qawsun, construída antes de 1341.[58][59] Os edificios residenciais organizábanse á súa vez en barrios moi unidos chamados harat, que en moitos casos tiñan portas que podían pecharse pola noite ou en caso de disturbios.[59]
Cando o viaxeiro Ibn Battuta chegou por primeira vez aO Cairo en 1326, describiuno como o principal distrito de Exipto.[60] Cando volveu pasar pola zona na súa viaxe de regreso en 1348, a peste negra estaba a arrasar a maioría das grandes cidades. Citou informes de miles de mortes diarias no Cairo.[61][62] Aínda que O Cairo evitou o estancamento de Europa durante a Baixa Idade Media, non puido escapar á peste negra, que arrasou a cidade máis de cincuenta veces entre 1348 e 1517.[63] Durante as súas ondas iniciais, as máis mortíferas, a peste matou a unhas 200.000 persoas,[64] e, no século XV, a poboación do Cairo reduciuse a entre 150.000 e 300.000 habitantes.[65] O declive demográfico veu acompañado dun período de inestabilidade política entre 1348 e 1412. No entanto, foi neste período cando se construíu o maior monumento relixioso da época mameluca, a mesquita-madrasa do sultán Hassan.[66] A finais do século XIV, os mamelucos de Burji substituíron aos mamelucos de Bahri como gobernantes do estado mameluco, pero o sistema mameluco continuou en declive.[67]
Aínda que as pragas volveron con frecuencia ao longo do século XV, O Cairo seguiu sendo unha gran metrópole e a súa poboación recuperouse en parte grazas á migración rural.[67] Os gobernantes e funcionarios da cidade realizaron esforzos máis conscientes para mellorar as infraestruturas e a limpeza da cidade. A súa economía e a súa política tamén se relacionaron máis estreitamente co Mediterráneo.[67] Algúns sultáns mamelucos deste período, como Barsbai (r. 1422-1438) e Qaytbay (r. 1468-1496), tiveron reinados relativamente longos e exitosos.[68] Despois da al-Nasir Muhammad, Qaytbay foi un dos mecenas máis prolíficos da arte e a arquitectura da época mameluca. Construíu ou restaurou numerosos monumentos no Cairo, ademais de encargar proxectos fóra de Exipto.[69][70] A crise do poder mameluco e do papel económico do Cairo agravouse despois de Qaytbay. O status da cidade diminuíu despois de que Vasco da Gama descubrise unha ruta marítima ao redor do Cabo de Boa Esperanza entre 1497 e 1499, permitindo así aos comerciantes de especias evitar O Cairo.[56]
Cando chegou o Imperio Otomán en 1517, presentaron vasalaxe e impostos a Istambul, de onde procedían a maioría, a cambio de seguir gobernado Exipto.
Isto foi o que pasou ata que chegou Napoleón Bonaparte o 1 de xullo de 1798, que derrotou ós mamelucos o 21 de xullo e conquistou Al-Qahira o 24 de xullo, na procura de recortar a expansión británica cara á India e aumentar o dominio francés. O día 1 de agosto, o almirante inglés Nelson dirixiuse a Exipto e deixou illado a Napoleón na batalla de Abukir. Os turcos apoiaron improductivamente ós seus aliados ingleses, pero a moral francesa ía debilitándose: nunha viaxe secreta de Napoleón a Francia, deixou o mando baixo o xeneral Kléber a quen matarían despois, o cal obrigou á capitulación en agosto de 1802.
Cando naceu hai cinco milenios chamárona Misr, que agora se usa en árabe como nome do país do que é capital. Séculos despois, cando creceu, rebautizouse como Al-Qahira ("A vitoriosa"). Xa que logo, sería incorrecta chamala "o Cairo" (que en galego significa "o dente") posto que isto sería unha interpretación do artigo castelán, onde se lle cambia incoherentemente de xénero. Ironicamente, a capital exipcia nunca venceu a ninguén, senón que máis ben foi case sempre derrotada no seu inútil empeño de se converter no centro dun imperio. Máis adiante chamóuselle tamén Um al-Dunya ("A nai do mundo"), mais agora verase que isto é moito esbardallar.
O poeta turco Fazul Bey xa escribiu no século XV:
Noutro libro da tradición árabe, As mil e unha noites, un personaxe afirma:
O viaxeiro tanxerino Ibn Battuta visitouna varias veces no século XIV no período mameluco e describiuna dun xeito máis exacto:
O certo é que a "Cidade dos mil minaretes" representa todo o que é Exipto. Xa entre o século XI e o século XII tiña medio millón de habitantes cando daquela París tiña douscentos mil, Londres corenta mil e Madrid era unha aldea. Hoxe habítana vinte millóns de persoas e para a ONU é a cidade poboada con máis densidade: no centro da cidade chega a douscentos mil habitantes por quilómetro cadrado inda que nalgunhas zonas esa cifra ascende a medio millón.
A súa superficie asfaltada é superior á de Nova York: case sen espazos verdes, a proporción de céspede correspondente a cada cairota ten a superficie dunha sola de zapato. Os novos edificios de vinte pisos das aforas da cidade déixanse a miúdo cos teitos sen rematar e as trabes vistas, coa idea de que nalgúns anos sexa necesario engadir novos andares.
Unha boa parte das familias cairotas habitan vivendas dun só cuarto e os integrantes fan quenda para comer, asearse ou durmir. Isto fai pensar que os habitantes de Al-Qahira esquecen a división natural entre día e noite: sen horario de durmir, o tráfico non baixa de intensidade e hai moitos mercados que continúan abertos toda a noite así coma oito mil cafés dos trinta mil totais. Tamén deambulan douscentos mil vendedores ambulantes, corenta mil nenos sen fogar.
Al-Qahira desborda o concepto de capital occidental: tódolos camiños e estradas nacen ou morren na capital, onde viven un de cada catro exipcios. As principais universidades exipcias teñen a súa sede na urbe e tódolos xornais se editan en Al-Qahira. Tódolos departamentos gobernamentais están na capital, censando máis de dous millóns de funcionarios.
Tamén se pode confirmar coma capital do islam, polo menos intelectual e artística: é onde se editan un 60 por cento dos textos árabes do orbe, onde estudan as elites musulmáns, nas súas escolas coránicas é onde se forma boa parte do clero do islam (tanto fundamentalista coma tolerante), onde se filma a maior parte das películas e telenovelas árabes (que consagra o dialecto cairota coma unha segunda lingua franca do islam, co permiso do árabe coránico).
É a capital da arte no islam, onde se fai e exporta a mellor música árabe: foi onde naceu, viviu e morreu a gran cantante Umm Kulsum, quen congregou no seu enterro máis xente có presidente Nasser, pai da independencia. Al-Sitt, "a gran señora" conmoveu coas súa baladas e aínda o fai dende Marrocos a Indonesia. É onde se acollen as mellores na danza do ventre (que chegan a cobrar un millón de pesetas por actuación), entre elas Fifí Abdú, quen, ante as prohibicións das autoridades relixiosas exipcias chegou a afirmar que a súa arte "é un asunto exclusivo entre Al-lah e mais eu".
Igual que gardián da espiritualidade e da fe e do rigor do pensamento, tamén é a anfitrioa dos seus pecados: a legalidade do alcohol atrae ós xeques de Arabia Saudita ou de Kuwait que o prohiben nos seus países e os seus lupanares son do mellor do islam.
A súa entrada en tren na Ramses Station ten pouco de faraónica, pero saír á rúa si que ofrece bastante de aventura, sorteando claxons, taxis e carros de tiro coma un toureiro para salvar a vida. O tránsito é dun millón de vehículos a motor cunha media de quince anos de idade, e aínda pasean por ela cinco mil burros.
Mentres, a cidade ofrece unha moderna rede de metro, limpa e eficaz, con espazosas plataformas e anchos vestíbulos (por exemplo nas estacións Nasser ou Sadat) e con vagóns moi novos. Existen vagóns destinados só a mulleres.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.