Remove ads
tempo que transcorre na Terra desde que o Sol está no punto máis alto sobre o horizonte ata que volve estalo From Wikipedia, the free encyclopedia
Un día (do latín: dies) é o lapso de tempo que transcorre na Terra desde que o Sol está no punto máis alto sobre o horizonte ata que volve estalo. A duración aproximada do día son 24 horas, divididas, tradicionalmente, en tempo de luz (tamén chamado "día") e período escuridade (chamado "noite"). Non é unha unidade do SI, pero acéptase o seu uso con el[1]. É unha unidade de tempo fundamental do sistema de unidades UAI[2].
O día, ademais de tratarse da primeira forma de medir o tempo que tivo o home, divídese en 24 horas de 60 minutos cada unha, que, á súa vez, subdivídense en curtos períodos de 60 segundos. Deste xeito, xa que logo, un día tamén dura 86.400 segundos.
A vida do home desenvólvese no tempo, nel sucédense os acontecementos e os xeitos de pensar que forman a historia do mundo. Por isto o home, dende a súa orixe, intentou medir o «tempo» da forma máis exacta posible. O emprego universal de datar o tempo por medio do ano, o mes e o día, supoxo o emprego dunha mesma era e dun calendario común.
Dentro das primeiras concepcións do tempo, o día foi a unidade básica deste. Como tal, o concepto evolucionou e redefiniuse ó longo da historia, sempre procurando acoutar de xeito máis preciso a duración deste. Dende unha concepción humana e terrestre poden distinguirse 4 tipos básicos de días: o día natural, o día solar medio ou día civil e o día astronómico.
Tamén chamado día sideral, é o lapso entre dous tránsitos sucesivos do equinoccio medio ou, de maneira equivalente, é o lapso entre dúas culminacións sucesivas dunha estrela no meridiano local. Para un observador determinado o día astronómico comeza cando o punto Aries atravesa o seu meridiano.
Nun ano trópico a Terra dá 365,242189 voltas ó redor do seu eixo respecto ó Sol, pero respecto das estrelas dá unha volta máis: 366,242189. Pódese obter unha aproximación suficientemente boa do valor do día astronómico:
O día astronómico (medio) resulta ser algo menor de 24 horas: 23 h 56 min 4,0905 s, aproximadamente.
En astronomía observacional utilízase o tempo sideral. Supoñamos que hoxe aliñamos unha estrela e anotamos a hora. Mañá a estrela alcanzará a mesma aliñación uns 3 min 55,9 s antes.
Por outra banda, hai que distinguir entre o período de rotación da Terra respecto das estrelas e o día astronómico propiamente dito. Ó ser o equinoccio medio un punto móbil debido á precesión, o día astronómico é 0,0084 segundos máis curto que o período rotacional respecto das estrelas, polo que o período rotacional dura 23 h 56 min 4,0989 segundos.
O día solar medio, ou día civil, é o usado para todos os asuntos cotiáns. Defínese como o lapso que emprega o Sol en culminar dúas veces consecutivas no meridiano do observador. Os días teñen unha duración variable, en función da época do ano en que nos atopemos. Esta variabilidade está motivada pola excentricidade da órbita terrestre e pola oblicuidade da eclíptica. A efectos prácticos manéxase o concepto de día solar medio, que ten unha duración de 24 horas ou o que é o mesmo, 86.400 segundos.
Coa mesma referencia, o Sol, tense o ano tropical ou ano trópico, lapso que demora a Terra no seu movemento anual. Nun ano trópico a Terra dá 365,242189 voltas ó redor do seu eixo respecto ó Sol e, polo tanto, un ano trópico dura 365,242189 días solares medios.
A diferenza entre un día solar e un día astronómico débese ó feito de que cando a Terra remata o seu xiro con respecto ás estrelas fixas, o Sol non pasou polo meridiano porque nese tempo moveuse debido ó movemento de translación da Terra ó redor do Sol.
Considerando a Terra situada inicialmente en T no momento en que o Sol é culminado e unha estrela moito máis lonxe, para que poida ser considerada unha referencia fixa. O meridiano local é m e o punto sur é S. Un observador que miraba cara ó sur vería o Sol e a estrela aliñada e culminante (imaxe esquerda).
Co paso do tempo, a Terra móvese de T a T', ó mesmo tempo que rota. En T' a estrela distante culmina de novo, mentres que o Sol non o fai. Para que isto suceda, a Terra ten que rotar o ángulo de SRT', que son outros catro minutos, e dise que o Sol "retarda" con respecto á estrela (imaxe central).[4][5][6]
Finalmente, o Sol culmina por segunda vez en T" e dise que pasou un día solar. Neste momento a estrela está ó oeste do meridiano local, e dise que avanza con respecto ó Sol (imaxe dereita).
O tempo de T a T' é un día astronómico, a duración é de 23 horas 56 minutos e 4,1 segundos aproximadamente, mentres que o tempo de T a T" é un día solar de 24 horas.[7]
O concepto actual de día, unidade básica do noso calendario anual, provén do calendario gregoriano. Tamén coñecido como calendario occidental ou calendario cristián, é o calendario civil aceptado internacionalmente como referente.[8][9][10] Foi establecido polo papa Gregorio XIII, a instancia de Giraldi, promulgado por un decreto asinado o 24 de febreiro de 1582, unha bula coñecida polas súas palabras iniciais Inter Gravissimas. O calendario reformado foi aprobado ese mesmo ano por un grupo de países, outros adoptárono os séculos seguintes. A motivación da reforma gregoriana foi que o calendario xuliano utilizado desde que Xulio César o instaurara no ano 46 aC.[11] O calendario xuliano asumía que o tempo entre o equinoccio de primavera era de 365,25 días, cando actualmente sábese que é case 11 minutos máis curto. O erro entre estes valores acumulados provocaban unha diferenza de preto de tres días cada catro séculos, o que resultaba nun equinoccio que tiña lugar o 11 de marzo (un erro acumulado de aproximadamente 10 días) e movéndose constantemente anteriormente no calendario xuliano no momento da reforma gregoriana. Xa que o equinoccio de primavera estaba vinculado á celebración da Pascua, a Igrexa católica Romana consideraba que este movemento constante na data da equinoccio era indesexable.
Debido á Reforma Protestante, moitos países de Europa Occidental non van, inicialmente, seguir a reforma gregoriana, e mantiveron o seu vello sistema. Finalmente, outros países seguiron a reforma en nome da coherencia, no momento en que os últimos partidarios do calendario xuliano en Europa do Leste (Rusia e Grecia) cambiaron ó sistema gregoriano no século XX, tiveron que deixar 13 días a partir dos seus calendarios, debido á diferenza adicional acumulada entre os dous calendarios desde 1582.
O día é neste calendario a unidade fundamental de tempo. Un día equivale aproximadamente a 86.400 segundos do Tempo Universal Coordinado ou TAI: lembramos que é o TAI o que se ten que axustar ó verdadeiro movemento de rotación terrestre, que se atrasa respecto da duración deste. Segundo este calendario, o ano consta de 7 meses de 31 días (xaneiro, marzo, maio, xullo, agosto, outubro e decembro), 4 de 30 días (abril, xuño, setembro e novembro) e un, febreiro, que ten 28 nos anos comúns e 29 nos bisestos. Os anos comúns tamén se dividen en 52 semanas e un día e os bisestos en 52 semanas e dous días. Isto fai que se unha data acontece nun determinado día da semana un ano, a mesma data ó ano seguinte acontece no día seguinte da semana; se o ano é bisesto, as datas comprendidas entre marzo e o febreiro do ano seguinte acontecen dous días da semana máis tarde, en relación ó día en que caera o ano anterior.
O concepto e duración do período de tempo que representa o día ten diversas definicións.
Un día contén 86400 segundos[1]. E, actualmente, cada segundo é definido como o período de tempo equivalente a 9 192 631 770 períodos de radiación correspondente á transición entre os dous niveis hiperfinos do estado fundamental do isótopo 133 do átomo de cesio, medidos a 0 kelvin.[12]
Debido á lúa e a disipación de enerxía que causan as mareas, a velocidade de rotación da Terra en si mesma diminúe co paso dos anos. A lonxitude do día aumenta a un ritmo duns 2 milisegundos por século. Polo tanto, hai 100 millóns de anos, o ano duraba 380 días. A lúa distánciase progresivamente da terra, e isto provoca que o día se vaia alargando progresivamente porque a forza exercida pola lúa á Terra é inversamente proporcional ó cadrado da distancia entre elas.
Os cambios na duración do día durante tempos xeolóxicos foi verificado experimentalmente contando os aneis de crecemento dos corais fósiles. O crecemento de corais relacionado á luz durante o día: como o día é máis ou menos longo, a ruta é máis ou menos ancha, a frecuencia é anual, é posible determinar o número de días ó ano en épocas xeolóxicas.
Data | Período xeolóxico | Número de días por ano[13] | Duración do día |
Presente | Actual | 365 | 24 horas |
- 100 millóns de anos | Xurásico | 380 | 23 horas |
- 200 millóns de anos | Permiano | 390 | 22,5 horas |
- 300 millóns de anos | Carbonífero | 400 | 22 horas |
- 400 millóns de anos | Silúrico | 410 | 21,5 horas |
- 500 millóns de anos | Cámbrico | 425 | 20,5 horas |
Indícase en días terrestres a duración do día sideral nos diferentes planetas (e non a duración do día solar). Os valores indicados están redondeados a dúas cifras decimais.
Un día de, exactamente, 86.400 segundos é a unidade fundamental de tempo en astronomía.[2]
Todos os planetas teñen un período de rotación relativo ás estrelas, comunmente chamado como o seu período de rotación sideral[19]. O da Terra dura 23 horas, 56 minutos e 50 segundos. A Terra tamén posúe o chamado tempo sideral, a súa rotación é relativa á súa propia precesión ou o equinoccio, o cal é 8,4 milisegundos máis pequeno que o seu período de rotación relativo ás estrelas fixas[20]. A miúdo suponse que os períodos de rotación dos xigantes gasosos, os cales non teñen unha superficie sólida, son a rotación dos campos magnéticos que residen no seu interior. Xúpiter e mais Saturno tamén teñen os seus propios períodos de rotación ecuatorial e de altas latitudes propios[19].
O día sidéreo dura ó redor de 3 minutos 56 segundos menos que o día solar, e está preto do período de rotación actual da Terra, en oposición ó movemento aparente do Sol. De feito, a Terra xira 366 veces sobre o seu eixo durante un ano de 365 días, dado que a revolución desta en torno ó Sol elimina un xiro aparente do astro rei ó redor do noso planeta.
A palabra, ademais, refírese a varias ideas relativas, que inclúen algunha máis á parte das seguintes:
Tamén se coñece como día da parte que vai desde nacemento do sol ata o seu solpor. O termo anteponse á noite.
A refracción na atmosfera dos raios luminosos do Sol motiva que vexamos luz cando o Sol non saíu aínda: aurora, amencer ou crepúsculo matutino. Dita difusión alarga o día. Medido desde o mediodía o orto caracterízase por un ángulo horario -H, onde:
onde é a latitude do lugar e D a declinación solar. O ocaso ocorre a un ángulo horario H.
O día dura e a noite .
A duración do día e a noite vai cambiando no transcurso do ano sendo a duración do día de 12 h (en todas as latitudes) nos equinoccios, de máis de 12 horas na primavera e verán (producíndose o día máis longo no solsticio de verán, tendo tamén a noite máis curta). Pola contraria, o día dura menos de 12 horas en outono e inverno, producíndose no solsticio de inverno o día máis curto e a noite máis longa.
Este efecto acentúase máis canto maior é a latitude. Hai día ou noite permanente nalgunha época do ano, nas rexións polares tanto do hemisferio norte coma no sur, caracterizadas por estar a unha latitude que, en valor absoluto, é maior que F=90-23 °26'=66 °34'. Esta é precisamente a definición de casquete polar.
A media actual do período de rotación da Terra con respecto ó Sol é un pouco máis de 86 400 segundos, a duración do día marcada polo SI; xa que esta está máis preto dos 86 400,002 segundos. Este tempo adicional acumúlase dando como resultado ó redor de 0,7 segundos ó ano e sobre sete cada dez anos, facendo necesaria a adición dun segundo extra ós reloxos civís de cando en vez para atrasalos e mantelos así máis sincronizados co movemento aparente do sol. A mediados deste século a cantidade de tempo que será engadida ó reloxo incrementará ata acadar un segundo cada ano. Este é o chamado segundo adicional. Un día dun reloxo "civil" dura 86 400 segundos, pero durarán 86 401 ou 86 399 segundos no caso dos segundos adicionais.
Os segundos adicionais son anunciados polo International Earth Rotation and Reference Systems Service (Servizo Internacional de Rotación da Terra e Sistemas de Referencia), o cal mide a rotación da Terra e determina se é necesario un segundo adicional. Os segundos adicionais só se engaden á fin dun mes UTC e, polo de agora, só o fixeron ou ben á fin do 30 de xuño ou do 31 de decembro.
A orixe dos segundos adicionais é que a Terra, debido ó efecto das mareas, está ralentizando o seu movemento de rotación, estimándose o efecto nun aumento da duración do día civil en 1,7 milisegundos cada século.[21]
O día pódese dividir en diferentes partes segundo a luz que haxa ou agrupar en conxuntos de sete.
O día é un xeito de medir o tempo, e ademais da división en horas, minutos e segundos (hai divisións aínda máis pequenas), neste pódense distinguir diferentes fases segundo a posición do Sol e, por conseguinte, a cantidade de luz que este irradie. Antigamente era a maneira de medir o tempo, xa que non había reloxos que marcasen a hora que era. As divisións son as seguintes: noite, madrugada, crepúsculo matutino, orto ou amencer, mañá, mediodía, tarde, ocaso ou solpor, crepúsculo vespertino e medianoite.
Os días agrúpanse en conxuntos de sete, dando lugar as semanas. Cada un dos sete días da semana posúe un nome (algúns dous), e o ciclo, unha vez rematado, volve empezar. Estes son os seus nomes: luns ou segunda feira, martes ou terceira feira, mércores ou cuarta feira, xoves ou quinta feira, venres ou sexta feira, sábado e domingo.
Para a maioría dos animais diúrnos, o día comeza naturalmente ó amencer e termina no ocaso. Os seres humanos, coas súas normas culturais e coñecementos científicos, empregaron varios límites do día ó longo da historia.
No Antigo Exipto e en Mesopotamia, o día empezábase a contar dende o amencer. Na Antiga Grecia, o punto de partida era á noitiña. Na Antiga Roma, empezaba a medianoite, como na actualidade.[22] O día xudeu comeza á tardiña ou á noitiña (cando aparecen tres estrelas de segunda magnitude). A Europa medieval seguiu esta tradición, coñecida como axuste florentino: neste sistema, unha referencia como "dúas horas no día" significaba "dúas horas despois da posta do sol" e, polo tanto, o tempo durante a noite debía ser cambiado a un día atrás polo calendario do cómputo moderno. Así, días como Noiteboa, Halloween ou a véspera de Santa Inés son o que quedan das vellas tradicións cando as festas relixiosas iniciábanse as vésperas. A común convención actual referida a un día civil comeza á medianoite, é dicir ás 00:00 (inclusive) e dura 24 horas, até as 24:00 (exclusive).
Os musulmáns fan xaxún dende o amencer até o atardecer todos os días do mes de Ramadán. O "Documento de Damasco", con copias atopadas tamén entre os manuscritos do Mar Morto, establece con respecto á observancia do Sabbat que "Ninguén debe facer ningún traballo os venres, dende o momento en que o disco solar se atope a unha distancia do horizonte a unha lonxitude equivalente ó seu propio diámetro", o que indica que probablemente a comunidade monástica responsable da elaboración deste traballo contou o día como rematando un pouco antes de que o sol empezase a pórse.
Non foi ata que se impuxo o Heliocentrismo en que a duración do día quedou directamente ligada á rotación da terra, unha vez que este feito foi aceptado o esforzo científico centrouse en medir o intervalo de tempo necesario para facer a rotación.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.