From Wikipedia, the free encyclopedia
Na antigüidade, os antigos gregos recollían das costas do mar Mediterráneo un material pétreo de cor vermella, e moi prezado, que se usaba en xoiería, ao que lle deron o nome de κοράλλιον, korállion. Os romanos, continuadores da cultura grega, tamén seguiron capturando este material, adaptando o seu nome como corallium; e deste termo vén o galego coral.[1][2]
Os antigos, que observaron que este material, ramificado, aparecían unha especie de flores, pensaban que era unha planta, Durante moito tempo ignorouse cal era a natureza do coral. Para o filósofo grego Teofrasto (371-287 a.C.) tratábase dunha xema vermella, moi buscada para realizar diversos adornos e alfaias, e que tamén tiña propiedades medicinais. E o médico, farmacólogo e botánico grego Dioscórides (90-40 a.C.) falaba duna planta curiosa, con calidades que cambiaban cando saía da auga.[3]
Precisamente, ese cambio é a orixe dun mito, do que dá conta Ovidio (43 a.C.-17 d.C.) na súa Metamorfose, segundo o cal o coral nacía das gotas de sangue que caían do pescozo de Medusa tras ser decapitada pola espada de Perseo; así, cando o coral saía do mar convertíase nunha pedra, o que é acorde coa lenda que conta como a cabeza de Medusa petrificaba a quen a miraban. Plinio o Vello, no século I, tamén cría que era unha planta que, ao entrar en contacto co aire endurecíase, converténdose nunha pedra que pasaba de ser de cor verde a un vermello moi intenso.[3]
Aínda que, no século IX o erudito persa Al Biruni (era matemático, astrónomo, físico, filósofo, astrólogo, historiador e farmacéutico) clasificou as esponxas e ao que hoxe coñecemos como corais como animais, argumentando que respondían ao tacto,[4] a xente seguía crendo que os corais eran plantas, e houbo que esperar á segunda metade do século XVIII para que os corais se incluíran no reino animal. Incluso o propio Linneo que, en 1753, no tomo I da súa obra Species Plantarum, situou a corais e esponxas no reino vexetal.[3]
Foi o médico e naturalista marsellés Jean-André Peyssonnel quen, na década de 1720 realizou unha serie de experimentos con corais que demostraron por primeira vez que non eran vexetais nin minerais, senón que pertencían ao reino animal. Peyssonnel enviou os seus achados á Academia de Ciencias de Francia, en París, onde primeiro burláronse del, e despois o ignoraron.[3]
A proba definitiva débese a William Herschel, que utilizou un microscopio para determinar que os corais tiñan as membranas celulares delgadas características dos animais.[5] Finalmente, en 1753, recoñeceuse a natureza animal dos corais, e as súas afinidades con algúns cnidarios antozoos, como as anemones de mar, as gorgonias e os hidrozoos.[3]
O termo corallium dos romanos foi tomado polo naturalista francés Georges Cuvier en 1798 para designar a Corallium, o xénero tipo da familia dos coralíidos,[6] na súa obra Tableau eléméntaire de l'histoire naturelle des animaux, familia que foi descrita en 1812 polo biólogo e naturalista, tamén francés, Jean Vincent Félix Lamouroux.[7] A especie tipo desta familia é Corallium rubrum, especie descrita en 1758 por Linnaeo, cando xa aceptara que era un animal, baixo o nome de Madrepora rubra.[8][9]
Esta especie, Corallium rubrum, era o "material" que apañaban no Mediterráneo os antigos gregos e romanos, e que segue a colleitarse na actualidade. En efecto, as pescarías deste coral permanecen activas hoxe, especialmente en Marrocos, Alxeria, Tunisia, Italia, Francia, España, Albania e Croacia, onde case toda a materia prima é comprada e procesada por unha industria especializada en Torre del Greco (Nápoles).[10]
No pasado, o coral vermello encontrábase en abundancia a profundidades de 30 a 40 m en paredes rochosas, e en covas, en ambientes tranquilos e con pouca luz na conca mediterránea. Colleitado desde a antigüidade, o eixe de pedra calcaria do esqueleto das súas colonias utilizábase en xoiaría (coñecíase como o "ouro vermello mediterráneo").
Hoxe é raro e no norte do Mediterráneo, onde os coralistas xenoveses, sicilianos, corsos, sardos, croatas, gregos e cataláns colléitano aínda a profundidades de 100, 150 ou incluso 200 m.
Esta colleita, cada vez máis intensiva, podería conducir rapidamente á extinción desta especie endémica do Mediterráneo, vítima das técnicas de mergullo máis eficientes que utilizan, e da lentitude do crecemento e da reprodución deste coral. Esta recolleita tamén se realiza ilegalmente en zonas mariñas protexidas debido ao alto prezo de venda.[10]
Porén, no sur, en Alxeria, están as maiores reservas de coral vermello, xa que a súa captura está regulada polo Estado.[11]
O coral vermello é un elemento importante na cultura ribeirá mediterránea. Hai uns 25 000 anos, no Paleolítico superior, os humanos a utilizaban anacos de coral perforados e puídos como adornos e amuletos, en ritos funerarios e polas súas supostas propiedades curativas. Os pescadores gregos e árabes extraíanos con distintos artiluxios hai 5 000 anos. Co tempo chegaría a ser un dos recursos máis buscados para o seu intercambio nos mercados orientais. Da magnitude da súa explotación en datas máis recentes dan conta os rexistros de 1830 que indican que o reino de Nápoles empregou 1 800 barcos de pesca de coral con 17 000 mariñeiros.[3]
A fascinación polo coral na antigüidade reflíctese nestes versos:
A súa forma vexetal aínda permanece como era,
e as súas ramas, e todos os froitos que elas deron,
e a raíz que xerminou e se nutriu na mar, e a codia que tiña;
pero a codia converteuse en pedra. E un grato deleite vén ao teu corazón ante tal espectáculo.
Cando eu a miro, non sei que encanto destila sempre na miña alma,
e non poden saciarse meus ollos cando a contemplo
senón que, ao contrario, o estupor apodérase da miña mente e penso que é un prodixio.
Inda que creo niso, comprendo que é incríbel.Opiano: Da caza. Da pesca. Lapidario Órfico: 529-539.[12]
Parte das propiedades medicinais das que falaba Dioscórides seguen a considerarse por algúns sectores da poboación na actualidade, usándose en homeopatía (cómpre sinalar que a homeopatía carece de base científica e que numerosos profesionais e institucións médicas considérana unha pseudociencia).[13][14][15][16]
Segundo os homeópatas as propiedades terapéuticas de Corallium rubrum son particularmente eficaces para erradicaren os síntomas resultantes dunha afección das vías respiratorias causada por un microorganismo infeccioso. Esta agresión viral maniféstase a través de inflamación das mucosas do nariz (rinite), da nasofarinxe (nasofarinxite) e dos seos (sinusite), da obstrución ou secreción nasal, esbirros e tose. O valor medicinal deste remedio permítelle curar os diferentes tipos de tose: produtiva ou seca, violenta ou espasmódica, acompañada de flegmas etc. Tamén está indicado para o tratamento da tose ferina. O bacilo Bordetella pertussis é o axente patóxeno desta enfermidade infecciosa localizada nas vías respiratorias. A tose ferina caracterízase por paroxismos de tose espasmódica, para os cales Corallium Rubrum é especialmente eficaz.[17]
Cómpre sinalar que Corallium rubrum permite tratar moitas outras infeccións das vías respiratorias. Así, pode ser prescrito para mitigar as toses residuais e a rinorrea consecutivas á presenza dun rhinovirus, o axente patóxeno da rinite. A administración de Corallium rubrum tamén está preconizada para a mitigación de paroxismos de tose agravados polo frío.[17]
Por outra parte, segundo o pensamento máxico, en gran parte do mundo (por exemplo os esqueletos humanos pintados con vermello cinabrio na América precolombiana e, especialmente, en Europa) a cor vermella é considerada fasto ou portadora de boa fortuna (por exemplo en idioma ruso a palabra kрасный equiparábel a vermello non denota só a unha cor senón á beleza e á boa sorte).[Cómpre referencia]
Moitas persoas teñen en conta algunhas pequenas supersticións, como consideraren que a roupa interior de cor vermella dá sorte.[18]
A cor vermella polo xeral está asociada á vida, á forza e á forza vital, o que explica que en certa xoiaría popular de orixe italiana se use o coral vermello (e incluso desde o século XX a imitacións de plástico) para o corpo principal, símbolo fálico do amuleto chamado cornicello ou corno napolitano.[Cómpre referencia]
O termo coral non ten significado taxonómico. Baixo este nome común, inclúense diferentes tipos de organismos. Como se dixo anteriormente, os corais, dos que se coñecen máis de 6 000 especies, pertencen ao filo dos cnidarios, a case totalidade deles á clase dos antozoos, aínda que algúns son da clase dos hidrozoos, como as especies do xénero Millepora,[19] chamadas corais de fogo, falsos corais duros ou hidrocorais.
Todas as especies son mariñas, e presentan exclusivamente forma de pólipo, polo que se distinguen dos restantes cnidarios por teren unha vida enteiramente sésil, sen estado libre de medusa, ao contrario das especies de Milliepora que, como hidrozoos, presentan as dúas fases (de aí o nome de falsos corais). O grupo inclúe especies tan coñecidas como as anemones de mar, os corais propiamente ditos, as gorgonias e as chamadas plumas de mar. Poden seren solitarias, pero a maioría son coloniais, e teren esqueleto calcario ou careceren del.[20]
Varían en tamaño desde individuos pequenos de menos de medio centímetro de ancho até colonias grandes dun metro ou máis de diámetro. Inclúen especies cunha ampla gama de cores e formas, algunhas delas que constrúen arrecifes de coral.[21][22]
Dada a abundancia dos corais, o nome coral aparece en numerosos termos, xeográficos ou relacionados coa natueza, como:
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.