Remove ads
From Wikipedia, the free encyclopedia
Un ornamento, ornato, adobío, atavío, enfeite ou adorno[1] é un elemento ou composición que serve para embelecer persoas ou cousas, presente en ámbitos como a arquitectura, cerámica, xoiaría, libros, tecidos etc. a través das diversas artes decorativas. Obxectos cotiáns, mobiliario, instrumentos musicais, ferramentas etc. foron ornamentados ao longo da historia.
O ornamento serve múltiples propósitos alén da simple decoración. Pode expresar identidade cultural, status social ou crenzas relixiosas, supersticiosas ou espirituais. En moitas culturas, os adornos teñen funcións simbólicas ou rituais. Por exemplo, certos patróns ou símbolos poden proporcionar protección espiritual, contar historias ancestrais ou marcar eventos importantes históricos ou mesmo astronómicos, como nos Goldhüte.
Ademais, o uso do ornamento pode ser unha forma de comunicación non verbal, transmitindo mensaxes a quen entende o seu significado. Por exemplo, os motivos florais poden simbolizar renovación[2] e os nós celtas representar eternidade e continuidade.[3]
O variado conxunto de enfeites empregados polos artistas para embelecer obxectos ou obras arquitectónicas pode distribuirse en dúas clases: simples (ou elementais) e compostos. Os primeiros consisten nun só motivo, xa illado, xa repetido e combinado con outro en serie. Os segundos, son unha combinación dos elementais.
Desde tempos prehistóricos, as culturas humanas decoraron obxectos de cerámica con motivos variados. Estes incluían patróns xeométricos, representacións de animais, figuras humanas ou símbolos abstractos. Por exemplo, a cerámica grega antiga mostra unha rica ornamentación.
A xoiaría é unha das formas máis antigas de ornamento persoal. Algunhas pulseiras, aneis, colares como torques e outros accesorios serviron non só como decoración, senón tamén como símbolos de status social, crenzas relixiosas ou amuletos (por exemplo a figa) para protección espiritual e de efecto apotropaico. As xoias exipcias antigas, adornadas con xemas e motivos simbólicos, son un exemplo disto.
Os tecidos e tapices adoitan estar ricamente ornamentados. Culturas de todo o mundo empregaron patróns e deseños en roupas e tecidos para expresar identidade cultural, estatus social ou narrar historias. As alfombras persas, os quimonos xaponeses ou os ponchos andinos son exemplos de ornamentación téxtil.
Ao longo da historia, o ornamento está presente en diversas culturas. Na arte prehistórica, atopamos decoracións en ferramentas e armas que probabelmente tiñan significados rituais ou simbólicos. As culturas mesoamericanas, como os maias e os aztecas, empregaron ornamentación en arquitectura, escultura e obxectos cerimoniais, con motivos que reflectían as súas crenzas e mitoloxía.
As culturas africanas e oceánicas tamén fan un amplo uso do ornamento en máscaras e obxectos diversos, onde a decoración adoita estar ligada a significados espirituais ou sociais.
Na arte asiática, a ornamentación é fundamental; por exemplo na arte chinesa inclúense motivos como dragóns e fénix, os templos hindús están cubertos de esculturas ornamentais (de escenas mitolóxicas, patróns xeométricos etc.).
A función ornamental transcende a múltiples formas de arte como a escultura e a pintura, que son usadas frecuentemente como ornamentos, para embelecer espazos e estruturas arquitectónicas.
Algúns dos ornamentos clásicos empezaron sendo reminiscencias de elementos construtivos que, con tempo, perderon esa función práctica e convertéronse en puramente decorativos. Por exemplo, os triglifos e métopas no friso dórico evolucionaron desde elementos estruturais a motivos estéticos, e os capiteis foron incorporando paulatinamente ornamentos xeométricos (como as volutas en espiral) ou vexetais.[4]
Ao longo da historia, os motivos florais foron empregados extensamente en diversas culturas e estilos artísticos. A profusa vexetación na India clásica, na Idade antiga a arquitectura grecorromana que incluía follas de acanto en algúns capiteis,[5] o estilo manuelino, o barroco e o churrigueresco, o rococó, o modernismo e Art Déco, entre outros, os adornos vexetais (frutais, florais...) son unha constante.
En contextos onde predominan as crenzas iconoclastas, como certas interpretacións do Islam, o uso de figuras humanas ou animais está restrinxido. Iso levou ao desenvolvemento de intricados patróns xeométricos e caligráficos para decorar espazos sen contravir os preceptos relixiosos. Eses motivos ornamentais estaban moi presentes en imperios musulmáns como o otomán, o safávida iraniano ou o mogol.[6] Porén, un exemplo rechamante de ornamentación figurativa é o Patio dos Leóns na Alhambra de Granada, que inclúe representacións animais, aínda que tamén fai un uso extensivo de arabescos e caligrafía para crear un espazo decorado sen elementos figurativos.
No século XX, algúns movementos artísticos e arquitectónicos comezaron a cuestionar a decoración. O arquitecto austríaco Adolf Loos escribiu o ensaio Ornamento e Crime, onde argumentaba que o ornamento era innecesario e incluso prexudicial para a sociedade moderna.[7]
Este pensamento influíu no desenvolvemento de estilos que promovían a funcionalidade e a simplicidade das formas, como o chamado estilo internacional ou racionalismo arquitectónico, o minimalismo, o brutalismo, etc. que deliberadamente prescinden do ornamento. Estes estilos enfócanse na función, na forma pura e nas liñas limpas, rexeitando calquera tipo de decoración, ás veces como unha reacción ou resposta á ornamentación superflua ou excesiva de épocas anteriores.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.