Pandemia en Europa no século XIV From Wikipedia, the free encyclopedia
A Peste Negra[1] foi unha epidemia concreta de peste que chegou a Europa, a China, o Medio Oriente e outras rexións do Mundo durante o século XIV (1347-1350), matando un terzo da poboación de Europa e proporcións probabelmente semellantes noutras rexións.
A peste non só decimou a poboación senón que destruíu a brillante civilización europea da baixa Idade Media, da construción das catedrais e do Feudalismo e Mercantilismo, que foi substituída pola bastante diferente civilización dos Descubrimentos e do Renacemento, logo que a poboación volveu medrar.
Durante o período de revolución que causou, cuestionáronse institucións como a Igrexa católica, prosperaron novas formas de relixión místicas e de pensar e minorías inocentes como os leprosos e os xudeus foron perseguidas e acusadas de seren a causa da peste.
A condición inicial para o establecemento da peste foi a invasión de Europa pola rata negra Rattus rattus (hoxe en día rara). A rata negra non trouxo a peste a Europa, mais os seus hábitos máis domesticados e máis próximos das persoas crearon condicións para a rápida transmisión da doenza. A súa substitución pola rata gris ( Rattus norvegicus ), de cor cincenta e moito máis tímida, foi certamente importante no declive das epidemias de peste na Europa a partir do século XVIII.
A Peste Negra foi probablemente diseminada polos mongois, que crearon un imperio na estepa no final do século XIII. Xenxis Kan coas súas hordas de nómades mongois conquistou toda a estepa da Eurasia setentrional, da Ucraína ata a Manchuria. Foron os mongois os que se infectaron pola peste, despois da súa conquista da China, na rexión ao sur do Himalaia, xa que esa rexión alberga unha das máis antigas poboacións de roedores infectados endemicamente. Os guerreiros mongois entón infectaron as poboacións de roedores das chairas da Eurasia, Manchuria á Ucraína, onde persisten ata hoxe poboacións de roedores infectados endemicamente. Os ratos negros das cidades e do campo da Europa occidental non son suficientemente numerosos ou aglomerados en grandes comunidades para seren afectados endemicamente, e terán sido afectados pola epidemia do mesmo xeito que as persoas, morrendo en grandes cantidades ata acabaren os individuos susceptibles, ocorrendo unha nova epidemia cando xurdía unha nova xeración. Logo terán sido soamente os mediadores da infección entre por un lado os mongois e os roedores infectados da súa estepa, e os europeos. Deste xeito explícase que, ao contrario de épocas precedentes, a peste xurdira en case todas as xeracións na Europa despois do século XIV: establecérase unha poboación portadora ás súas portas, na Ucraína (onde de feito foron as epidemias máis frecuentes, ata á última que aí se limitou). Tamén se explica por esta razón o feito de que a peste chegara simultaneamente a Europa, a China e o Medio oriente, xa que as caravanas da ruta da Seda estenderon facilmente a doenza a estas rexións limítrofes da estepa.
A peste responsable da epidemia do século XIV xorde durante o cerco á colonia de Xénova, Caffa, na Crimea (Ucraína), en outubro de 1347 polos Tatares (un pobo mongol ou turco) auxiliados polos venecianos. A peste matou tantos tatares que foron obrigados a retirarse, mais non sen contaminar a cidade. Nesta morreron tantos habitantes que tiveron de ser queimados en piras, xa que non había man de obra suficiente para os soterrar. Constantinopla fora infectada na mesma altura. Varios navíos xenoveses fuxiron da peste, indo atracar aos portos de Messina, Xénova, Marsella e Venecia, coas adegas cheas dos cadáveres dos mariñeiros. A transmisión sería feita polos ratos negros de Caffa, que transmitiron as súas pulgas infectadas aos ratos destas cidades. Así se explica que a pesar de que algunhas cidades rexeitaran os navíos, foran infectadas igualmente, xa que os ratos escapaban polas cordas de atraque. As cidades máis populosas foron especialmente afectadas, así Florencia pasou de 120.000 habitantes a comezos do século XIV a 37.000 en 1427, Pisa de 50.000 a 7.000[2]
Da Italia a doenza espallouse polo resto de Europa, atinxindo a Gran Bretaña e Portugal en 1348 e finalmente a Escandinavia en 1350. Algunhas zonas zafaron inexplicabelmente, como Milán e Polonia.
A Peste Negra entrou en Galiza pola costa, por portos como Baiona, a finais do ano 1348[3] e espallouse cara ao interior, no verán xa chegara a Compostela, onde documentos de 1350 falan do despoboamento pola morte de familias enteiras[4]. Na Igrexa de Santa María a Nova de Noia, o sartego de Álvaro Paz Carneiro lembra a súa morte por causa da Mortalda, o día 15 de agosto da era 1386, é dicir, o ano 1348. Os cemiterios galegos quedaron desbordados, en Baiona, por exemplo, apareceron eterramentos masivos no exterior do cemiterio da igrexa. Un terzo da poboación galega faleceu por este brote.
Pero a enfermidade non desapareceu, volvendo con recurrencia nas seguintes xeracións ata o século XVIII. Aínda que ningún destes brotes foi tan forte coma o primeiro grazas a inmunización seguiu causando moitas vítimas. En 1566 chegou a Santiago deixandoa moi afectada, en 1569 a peste que chegou a Vigo causou miles de mortos.[4]
Os efectos demográficos, culturais e relixiosos foron inestimables. A poboación descendeu en máis dun terzo. Os sobreviventes do pobo e da pequena nobreza e burguesía probabelmente se enriqueceron, por aumento dos salarios debido á diminución da man de obra e descenso dos prezos de terras e rendas. Os grandes propietarios rurais, dependentes totalmente do traballo alleo, sufriron algún declive económico. De aí se explica a proclamación das leis do suntuario, que prohibiron aos viláns usar roupas caras como os nobres. Non estando as divisións sociais tan claras como antes a nivel de propiedade, insistiuse máis nos títulos.
As persecucións ás minorías aumentaron drasticamente, e especialmente os pogroms contra os xudeus. O feito de que a maioría dos médicos fosen xudeus, e do fanatismo relixioso que se apousou das poboacións aterrorizadas, terá contribuído para a acusación e persecución a esa minoría. Alén diso os xudeus ficaron sospeitosos cando, debido ás súas leis talmúdicas de hixiene, as súas vítimas foron en menor número que as de comunidades cristiás. Houbo máis de 150 masacres e decenas de comunidades xudaicas máis pequenas foron exterminadas polos motíns dos cristiáns, facilmente incitados polos priores locais, a pesar das condenas polos altos cregos. A persecución dos xudeus na Alemaña levou á súa emigración en masa a Polonia e Rusia, onde mantiveron a lingua alemá no seu dialecto hebraico, o yiddish.
Os leprosos tamén foron perseguidos, culpados como os xudeus de diseminar a doenza (a Lepra naturalmente non ten relación coa peste).
Varios movementos relixiosos xurdiron do terror que alimentaba o misticismo e descredibilizaba as formas relixiosas máis racionais. Os flaxelantes que consideraban na liberación polo auto-martirio e pola dor medraron radicalmente, e foron no Sacro Imperio Romano Xermánico e outros estados os principais responsables da persecución fanática aos xudeus.
A doenza volveu a cada xeración á Europa ata o inicio do século XVIII. Cada epidemia mataba os individuos susceptibles, deixando os restantes inmunes. Só cando unha nova xeración non inmune crecía é cando había novamente suficiente número de persoas vulnerables para que a infección se propagase. Porén ningunha destas epidemias foi tan mortal como a primeira, debido ás modificacións de comportamento e á eliminación dos xenes (como algúns do MHC - ver sistema inmunitario) que daban especial susceptibilidade aos seus portadores. Epidemias notables foron a Peste española de 1596-1602, que matou case un millón de españois, a Peste italiana de 1629-1631, a Peste de Londres de 1664-1665 e a Peste de Viena en 1679.
A Peste de Londres é especialmente interesante porque foi a última naquela cidade. O Grande lume de Londres ao ano seguinte, en 1666 queimou completamente as casas de madeira e tellados de colmo comúns ata entón, e novos materiais como a pedra e as tellas foron usados na construción de novas casas, contribuíndo para afastar os ratos das habitacións. O mesmo proceso, aliado a mellores condicións de hixiene e á substitución do rato negro polo rato cincento (Rattus norvegicus, que evita as persoas), e á resistencia xenética crecente das poboacións, contribuíron ao declive continuo das epidemias de peste na Europa.
As primeiras descricións da peste na China relataron os casos ocorridos en 1334 na provincia de Hubei, aparentemente casos limitados. Entre 1353 e 1354, coa China baixo dominio dos mongois, unha epidemia moito máis extensa ocorreu, nas provincias de Hubei, Xianggi, Shanxi, Hunan, Guangdong (Cantan), Guanggi, Henan e Suiyuan. Os autores da época estimaron, talvez esaxeradamente, que dun terzo a dous terzos da poboación da China sucumbira, nalgunhas rexións máis do 90% da poboación.
A doenza entrou na rexión polo sur da estepa, actual Rusia, en 1347, coas tropas do xeneral Malik Asraf que regresaba a Bagdad despois de campaña militar na estepa do Acerbaixán. A fins de 1348 xa estaba no Exipto, Palestina e Antioquía, espallando a morte. A Meca foi infectada en 1349, sendo a doenza traída polos peregrinos para o Haxx, e despois o Iemen en 1351. Morreu cerca dun cuarto da poboación da área.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.