From Wikipedia, the free encyclopedia
A moeda da Antiga Roma é, de entre todas as moedas da Idade Antiga, a que coñeceu a máis ampla expansión xeográfica, ata se converter durante varios séculos na moeda común de todo o mundo occidental e o Mediterráneo.
Particularmente durante a maior parte da República Romana e na metade occidental do Imperio Romano, baseouse nun sistema constituído polo áureo (lat. aureus, "ouro"), o denario (lat. denarius) e o sestercio (lat. sestertius), de prata, e o dupondio (lat. dupondius) e o ás, de bronce, nunha aliaxe máis ou menos rica en cobre en función das épocas.
O áureo, que, por mor do seu alto valor, funcionaba máis como unidade de conta que como moeda efectiva, valía 25 denarios (estímase que cara á fin da República un denario equivalía ao salario diario dun traballador). Un denario valía 5 dupondios ou 10 ases (en 118 a. C., o valor do denario foi reaxustado a 16 ases). Un dupondio valía 2 ases, e 1 sestercio valía 4 ases. Estas moedas usáronse desde mediados do século III a. C. ata mediados do século III d. C. Nese século, a reforma de Caracalla substituíu o denario polo denario dobre, máis coñecido como antoniniano (lat. antoninianus), o cal, pola súa vez, desapareceu na reforma do sistema monetario de Diocleciano, que creou denominacións como o arxénteo (lat. argenteus), de prata, e o follis, de bronce prateado. Posteriores reformas, como a de Constantino de 324 d. C., estableceron o sólido (lat. solidus), de ouro, dividido en 3 tremis (gr. Τρεμίσσης -tremissis-; lat. tremis) ou en 24 siliquas (lat. siliqua), o miliarense (lat. miliarensis), de prata, e algunhas denominacións menores de bronze. Estas últimas moedas son as que estiveron en circulación ata a fin do Imperio Romano de Occidente.[1][2]
Arredor do ano 400 a. C., o pobo romano substituíu o sistema de troco, baseado no gando, e o incipiente uso de moedas gregas por un sistema monetario propio, relativamente arcaico, que nos primeiros tempos se baseaba en bloques de bronce, coa denominación de aes rude, e que cara á fin do século IV a. C se convertera en lingotes do mesmo metal (aes signatum), que representaban nunha das súas caras o seu equivalente en cabezas de gando, marcas da autoridade monetaria e outros símbolos.
Nunha etapa posterior, preto do 280 a. C., apareceron os discos de bronce chamados aes grave, coa dobre cara de Xano nos seus anversos, que pesaban unha libra romana (340 gramos). Para o uso cotián, emitíronse submúltiplos, tamén de bronce, denominados dodrans ou dodrante (tres cuartos de ás), bes (dous terzos), semis (medio ás), triens ou triente (un terzo), quadrans ou cuadrante (un cuarto), sextans ou sextante (un sexto), uncia ou onza (un doceavo) e semuncia ou media uncia (un vinte e catroavo).[3][4] De xeito extraordinario emitíronse tamén, nos séculos II e III a. de C., o quincunx, co valor de cinco onzas ou 5/12 do ás, e a quartuncia, dun cuarto de onza ou 1/48 do ás.[5]
Ademais, emitíronse múltiplos do ás durante o período republicano, sempre de bronce, unhas veces fundidos e outras cuñados, e sempre con carácter excepcional, sen formar parte das emisións regulares, como é o caso do tressis (tres ases), o quadrussis (catro ases), o quincussis (cinco ases) ou o decussis (dez ases).[6]
O peso do ás, que se fixaba en función do seu valor, diminuíu durante a primeira guerra púnica (264 a. C. - 241 a. C.) ata os 290 ou 280 gramos, por mor dos importantes gastos que lle supuña a Roma a constitución da súa frota. Cara ao 225 a. C. incorporouse ao reverso do aes grave unha proa de navío en homenaxe á frota militar de Roma.[7]
Durante a segunda guerra púnica (218-201 a. C.), que lle ocasionou a Roma uns gastos considerables, o ás colapsou e acabou converténdose nun disco de bronce de arredor de 20 gramos. Apareceu un múltiplo desta moeda, o dupondio (2 ases) e mantivéronse o semis e o quadrans como divisores do novo ás, todos eles de bronce.
Foi neste momento cando comezou a utilizarse tamén a prata no sistema monetario romano, co denario, o quinario e o sestercio (equivalente a 2 ases e medio). A partir de entón, o sistema abandonou o bronce como base e comezou a xirar en torno ao denario de prata.[8]
Denario | Sestercio | Dupondio | Ás | Semis | Triens | Quadrans | Quincunx | |
---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Denario | 1 | 4 | 5 | 10 | 20 | 30 | 40 | 24 |
Sestercio | 1/4 | 1 | 1 1/4 | 2 1/2 | 5 | 7 1/2 | 10 | 6 |
Dupondio | 1/5 | 4/5 | 1 | 2 | 4 | 6 | 8 | 4 4/5 |
Ás | 1/10 | 2/5 | 1/2 | 1 | 2 | 3 | 4 | 2 2/5 |
Semis | 1/20 | 1/5 | 1/4 | 1/2 | 1 | 1 1/2 | 2 | 1 1/5 |
Triens | 1/30 | 2/15 | 1/6 | 1/3 | 2/3 | 1 | 1 1/3 | 4/5 |
Quadrans | 1/40 | 1/10 | 1/8 | 1/4 | 1/2 | 3/4 | 1 | 3/5 |
Quincunx | 1/24 | 1/6 | 5/24 | 5/12 | 5/6 | 1 1/4 | 1 2/3 | 1 |
Antes da introdución do denario en 211 a. C., emitírase xa durante uns anos, no mesmo século III a. C., outra moeda de prata denominada cuadrigato, con peso de 6 escrúpulos (uns 6,8 gramos) e valor equivalente ao do didracma grego do sur de Italia, caracterizada polo busto bifronte de Xano nos seus anversos e unha representación da Vitoria conducindo unha cuadriga nos seus reversos (que lle dá o nome).[9][10][11] O cuadrigato contaba tamén cunha fracción, da metade do seu valor, denominada vitoriato.[12][13]
Pero foi no 211 a. C. cando a moeda de prata se regularizou coa aparición do denario, cun valor de 10 ases (de 53 gramos de bronce cada un). Aquel denario pesaba 1/72 de libra de prata (4,5 gramos). En 206 a. C. sufriu a súa primeira caída de peso, ata os 4,20 gramos, seguida doutra no período entre o 199 e o 190 a. C., coa que o denario pasou a ter un peso teórico de 1/84 de libra (3,85 gramos)[14]. En 170 a. C., sufriu unha nova desvalorización e o seu peso baixou ata os 3,70 gramos.[15]
Finalmente, arredor de 140 a. C., restableceuse o valor do denario en relación ao do ás, de xeito que un denario pasaba a equivaler a 16 ases e, xa que logo, un sestercio equivalía a partir de entón a catro ases.[16]
Comparación entre moedas romanas (século I a. C.) | |||||
Denario | Quinario | Sestercio | Ás | Metal | |
---|---|---|---|---|---|
Denario | 1 | 2 | 4 | 16 | Prata |
Quinario | 1/2 | 1 | 2 | 8 | Prata |
Sestercio | 1/4 | 1/2 | 1 | 4 | Prata |
Ás | 1/16 | 1/8 | 1/4 | 1 | Bronce |
Durante o século II a. C. emitiuse un tipo específico de denario, denominado bigato caracterizado por levar nos seus reversos unha biga ou carruaxe tirada por dous cabalos e conducida por unha divindade romana.[17]
O sestercio converteuse no transcurso do segundo século a. C. na unidade de conta habitual, en lugar do ás libral. Os gastos, os ingresos e as fortunas avaliábanse en sestercios, tanto nas contas oficiais do Estado romano como nas dos particulares. A data da introdución deste cambio contable non foi determinada con precisión polos historiadores, aínda que coinciden en que é algo anterior ao 141 a. C., partindo da inscrición do primeiro senatus consultum anotada en sestercios.[18][19]
Durante os séculos VIII e VII a. de C., como consecuencia dun importante aumento da poboación e tamén da crise social e política en Grecia, numerosos emigrantes partiron para fundaren novas cidades (polis) arredor do Mediterráneo. O sur de Italia e Sicilia, debido á súa proximidade e ás súas riquezas agrícolas, foron importantes lugares de instalación. Estas novas cidades (Posidonia, Neapolis, Síbaris, Gela, Taras, Metaponto, Kroton e outras moitas) emitiron a súa propia moeda, baseándose en padróns ponderais non romanos senón noutros como o persa, o exinético, o macedonio e, finalmente, o padrón ático.[20][21][22]
Desde a reforma monetaria de Augusto no ano 19 a. C., o sistema entrou nun período de estabilidade que durou máis de dous séculos. Regularizouse o uso do áureo, a moeda de prata foi complementada coa aparición dunha serie de submúltiplos en metais menos nobres e o bronce desapareceu do sistema monetario. O sestercio, que era unha pequena moeda de prata baixo a República, pasou a ser unha moeda de gran módulo nunha nova aliaxe de cobre e cinc, denominada oricalco (semellante ao latón) mentres que o ás pasou a cuñarse en cobre puro.[23]
O sistema monetario de Augusto, daquela, pode ser presentado do seguinte xeito:[24][25]
Áureo | Quinario (Au) | Denario | Quinario (Ag) | Sestercio | Dupondio | Ás | Semis | Quadrans | |
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Áureo | 1 | 2 | 25 | 50 | 100 | 200 | 400 | 800 | 1.600 |
Quinario (Au) | 1/2 | 1 | 12 1/2 | 25 | 50 | 100 | 200 | 400 | 800 |
Denario | 1/25 | 2/25 | 1 | 2 | 4 | 8 | 16 | 32 | 64 |
Quinario (Ag) | 1/50 | 1/25 | 1/2 | 1 | 2 | 4 | 8 | 16 | 32 |
Sestercio | 1/100 | 1/50 | 1/4 | 1/2 | 1 | 2 | 4 | 8 | 16 |
Dupondio | 1/200 | 1/100 | 1/8 | 1/4 | 1/2 | 1 | 2 | 4 | 8 |
Ás | 1/400 | 1/200 | 1/16 | 1/8 | 1/4 | 1/2 | 1 | 2 | 4 |
Semis | 1/800 | 1/400 | 1/32 | 1/16 | 1/8 | 1/4 | 1/2 | 1 | 2 |
Quadrans | 1/1.600 | 1/800 | 1/64 | 1/32 | 1/16 | 1/8 | 1/4 | 1/2 | 1 |
No entanto, a ordenación monetaria non foi total. Na parte oriental do Imperio, as cidades batían as súas propias moedas para o seu uso local ou rexional, baseadas no dracma grego ou no cistóforo de prata, este último de arredor de 12 gramos e un valor de tres denarios ou catro dracmas gregos.[26]
No ano 64, baixo o mandato de Nerón, modificouse o peso da moeda de ouro e de prata, diminuíndo o valor do ouro amoedado en relación co da prata. Os áureos pasaron de 7,8 a 7,26 gramos (1/45 de libra) e os denarios de prata baixaron ata os 3,40 gramos.[27]
Os emperadores prestaron sempre unha especial atención á presenza do seu retrato nas moedas, conscientes do seu valor propagandístico, particularmente no caso dos sestercios, que, co seu diámetro duns 33 milímetros, se converteran na moeda raíña da época.[28][29][30][31]
Os retratos dos emperadores máis exitosos foron os de Traxano e Adriano, dos que parece que foi o mesmo o artista gravador encargado de plasmalos en case todas as súas moedas, entre os anos 98 e 138. Baixo o mandato de Traxano, coa conquista da Dacia cara a 105, o Imperio amosou a súa propaganda con ostentación, cuns bustos do emperador gravados con trazos finos e bos relevos, cunha idealización próxima á dos deuses. E nos reversos das moedas representábanse as vitorias militares e políticas, frecuentemente con alegorías ou símbolos doadamente interpretables por unha poboación as máis das veces analfabeta.
En certos períodos, os retratos amósanse menos elaborados e parecen moi simplistas, case infantís, especialmente despois de 410. Estas moedas indican períodos de crise económica ou de axitación. Por exemplo, é difícil recoñecer os emperadores nas moedas das últimas décadas antes da caída do Imperio occidental en 476: os ollos aparecen adoito avultados, a cabeza desproporcionada, o nariz demasiado grande ou demasiado pequeno etc.
Cómpre ter en conta, ademais, que os obradoiros monetarios estiveron amplamente espallados por todo o Imperio, e a súa propia localización tiña, en ocasións, un propósito propagandístico. A poboación informábase frecuentemente da coroación dun novo emperador cando o seu retrato aparecía reflectido nas moedas, e algúns dos que exerceron o seu cargo durante pouco tempo aseguráronse de que isto se producise. Por exemplo, Quieto, un usurpador contra Galieno que exerceu só uns meses entre o 260 e o 261 d. C., apresurouse a emitir dúas moedas coa súa imaxe.
Algúns emperadores, mesmo, ordenaron a cuñaxe de grandes moedas de ouro de prestixio (coñecidas no ámbito numismático como "medallóns"), con valores de múltiplos do áureo (de 2 a 10 áureos), destinadas non á circulación senón á súa distribución en homenaxe aos grandes dignatarios do Imperio que fixesen os méritos suficientes.[32][33][34]
Co paso do tempo, a desvalorización da moeda foi cada vez máis rápida. Baixo Septimio Severo, a lei do denario baixou do 70 % ao 50 % de prata. Cara a 215, Caracalla, que precisaba diñeiro para o pagamento da milicia, á que lle aumentara o soldo, estableceu unha nova moeda denominada antoniniano, co valor de dous denarios, aínda que só pesaba a metade dun denario e apenas contaba cun 50 % de prata. Esta nova moeda recoñécese pola coroa de raios sobre o busto do emperador e, no caso das emperatrices, pola media lúa sobre a que se sustenta o busto.[35] Cara a esta época tamén aparece, fugazmente e con escaso éxito, o dobre sestercio, para substituír o sestercio tradicional moi desvalorizado.[36]
O denario deixou de usarse definitivamente e tamén o antoniniano foi debilitando a súa proporción de metal nobre ata a súa progresiva desaparición. Coa anarquía militar do século III, a multiplicación dos obradoiros monetarios ao longo e ancho do Imperio e a inestabilidade política, o sistema monetario entrou en caída libre.
Antes da súa desaparición definitiva, en 258, durante o reinado de Valeriano, o antoniniano non chegaba ao 20 % de prata e o Goberno comezou a enriquecer as moedas a través dun proceso de prateado da súa superficie que melloraba a súa aparencia para representar unha riqueza que intrinsecamente non tiñan.
Baixo o reinado de Claudio o Gótico, o antoniniano baixou ata o 3 % de prata e o sestercio, que valía daquela un oitavo de antoniniano, practicamente deixou de cuñarse.[37]
Durante o imperio de Diocleciano, a situación política e militar estabilizáronse, aínda que persistía unha inflación galopante. Na fin de 294 produciuse unha nova reforma monetaria, que diminuíu o valor do áureo de Aureliano (pasou de 1/50 a 1/60 da libra de ouro) e creou novas moedas: o arxénteo (lat. argenteus), que era unha especie de novo denario de 1/96 da libra de prata (da mesma calidade do antigo denario de Nerón), e tres moedas de bronce, unha delas cunha pequena porcentaxe de prata: o follis.[38]
A enorme inflación da época fixo que só unha década despois se levase a cabo a derradeira reforma monetaria do Imperio Romano, da man de Constantino, a partir da cal o sólido (lat. solidus) de ouro substituíu o áureo. En prata creouse o miliarense (lat. miliarensis) e, entre as moedas menores, o follis, daquela moi fortemente desvalorizdo, foi substituído por unha moeda de 3 gramos, o centenionalis ou centenional (lat. nummus centonionalis, por valer a centésima parte da siliqua no momento da súa creación).[39][40][41]
Sólido | Miliarense | Siliqua | Follis | Centenional | |
---|---|---|---|---|---|
Sólido | 1 | 12 | 24 | 180 | 7.200 |
Miliarense | 1/12 | 1 | 2 | 15 | 600 |
Siliqua | 1/24 | 1/2 | 1 | 7 1/2 | 300 |
Follis | 1/180 | 1/15 | 2/15 | 1 | 40 |
Centenional | 1/7.200 | 1/600 | 1/300 | 1/40 | 1 |
O sólido creado por Constantino en 311 equivalía a 1/72 da libra de ouro puro (arredor de 4,5 g), o que supuña unha desvalorización do ouro circulante ata o momento. O seu nome, que de por si se relaciona coa estabilidade do sistema, constituía un verdadeiro programa político enfrontado ás constantes desvalorizacións monetarias das xeracións precedentes. Constantino foi quen de manter a estabilidade desta nova moeda, que se emitiu en cantidades moi considerables, en parte grazas á confiscación de importantes acumulacións de ouro existentes nos templos pagáns.
Fronte á baixada constante das outras moedas de prata e bronce (o follis, por exemplo, perdeu axiña o seu contido de prata), o sólido converteuse en moeda-refuxio e con el facíanse os pagamentos de importancia (recompensas á milicia, impostos, tributos pagados polos pobos bárbaros, etc). Para facilitar este uso, creáronse dous submúltiplos do sólido, tamén en ouro: o tremis ou tremissis (terzo de sólido) e o semissis, tamén denominado ás veces como semis (medio sólido).
A estabilidade do sólido de 4,5 gramos de ouro conservouse durante a evolución desde o Imperio Romano ao Imperio Bizantino, onde tomou o nome de nomisma, que non coñeceu desvalorización ningunha ata o século XI coa dinastía dos Comneno, o que supón unha estabilidade de arredor de sete séculos.[42]
Tras a caída do Imperio Romano de Occidente, o sólido mesmo circulou durante un tempo nos territorios dos pobos que o desintegraron, e del derivan moedas posteriores con anterioridade á reforma de Carlomagno, como o soldo.[43] Os Visigodos cuñaron tamén moedas de ouro imitando os sólidos do Baixo Imperio Romano, e mesmo basearon o seu sistema monetario no tremissis, que tamén se coñece como triente.[44][45]
As lendas das moedas romanas estaban, loxicamente, escritas en lingua latina (coa excepción dalgunhas procedentes de obradoiros provinciais) e con gran variedade de formas abreviadas. Estas son só algunhas das máis frecuentes:[46]
Exemplo : TI CLAVD CAESAR AVG P M TR P VI IMP XI: "Tiberio Claudio César Augusto, gran pontífice, investido por sexta vez da potestade dos tribunos da plebe, saudado vitorioso por undécima vez".
A partir do século III, coa multiplicación dos obradoiros monetarios, as moedas comezaron a levar tamén, a modo de marcas de ceca, abraviaturas dos lugares onde estaban cuñadas.
Durante o Imperio Romano había unha división na autoridade para cuñar moedas de certos metais. Aínda que se permitía a numerosas autoridades locais a cuñaxe de pezas de bronce, non se autorizaba a ningunha delas a fabricación de moedas de prata nin de ouro.[47]
Sobre a autoridade para a emisión de moeda, escribiu Dión Casio: "Non se debería permitir a ningunha das cidades teren a súa propia moeda nin sistema de pesos e medidas; deberíaselles esixir a todas que utilizasen as nosas".
Só a propia cidade de Roma se reservaba o dereito da cuñaxe de moedas de metais preciosos, tanto durante a República como durante os primeiros séculos do Imperio. Algunhas provincias, no entanto, cuñaron moedas de prata, pero con denominacións locais, destinadas a satisfacer necesidades locais.[48] A emisión de moedas de bronce pódese considerar de pouco interese para o Goberno central de Roma, xa que os gastos do Estado eran elevados e podían pagarse máis doadamente con moedas de alto valor. Sábese que durante o século I cun ás podía pagarse unha libra de pan ou unha xerra de viño barato (ou, consonte as inscricións en paredes de Pompeia, os servizos dunha prostituta barata). A importancia e a necesidade para a poboación de denominacións máis pequenas compróbase nas numerosas imitacións de moedas de bronce a nome de Claudio que, aínda que posiblemente non autorizadas por Roma, de facto foron toleradas e cuñáronse en grandes cantidades. Con esta moeda máis miúda pagábase tamén ao exército e ao funcionariado.[49]
Na Gallaecia, a aparición das primeiras relacións comerciais entre os pobos prerromanos e os asentamentos romanos provocaría tamén a aceptación da moeda romana como medio de cambio e posiblemente favorecería o feito de que os pobos galaicos comezasen a utilizala nas súas transaccións interiores.
Nos tempos do Imperio, durante o século primeiro da nosa era, a circulación destas pezas romanas limitaríase ao interior dos destacamentos militares, ao sector administrativo e ás incipientes áreas industriais, baseadas fundamentalmente nas extraccións mineiras. Na segunda centuria, o proceso de municipalización do noroeste peninsular fará que os primeiros núcleos de carácter urbano se empecen a asentar e ampliar, de xeitoque, logo de coñecida a moeda como medio de cambio, esta entre nas vilas, nas que definitivamente se instalará un sistema monetario que acabe co troco nas transaccións comerciais. Cara ao terceiro século podemos xa pensar con certeza que toda Galicia coñece e utiliza a moeda, e durante os séculos cuarto e quinto a circulación de moeda imperial romana está xa totalmente estendida.[50] De xeito semellante ao que sucedía nas etapas anteriores, a raíz dos datos achegados polas moedas atopadas nos diferentes achados, hoxe podemos supor con sólidos fundamentos que o numerario de ouro e sobre todo o de prata eran moi escasos, xa que unicamente apareceron algúns sólidos e siliquas pertencentes á época constantiniana (313–337) e ao derradeiro terzo do século cuarto.[51]
Canto aos obradoiros monetarios de procedencia das moedas que circulan na Gallaecia, ningunha delas estaba situada en territorio galego e, particularmente nos últimos séculos, tampouco no territorio peninsular. Pola contra, os obradoiros monetarios do Imperio Romano estaban situados inicialmente en oito cidades fundamentalmente da órbita mediterránea (Ticinum, Roma, Siscia, Antioquía...), ata que a reforma monetaria do emperador Diocleciano no século terceiro as ampliou a quince, que foron as que fornezan o Imperio durante todo o século cuarto.
No entanto, no primeiro século antes de Cristo, con motivo das guerras cántabras e baixo a xurisdición do legado imperial da Lusitania, Publio Carisio, batéronse na Gallaecia as primeiras moedas ata hoxe coñecidas. Trátase de sestercios (dos que se conservan escasísimos exemplares), dupondios e ases (estes últimos os máis numerosos).[52][53][54] A tese máis firme sobre a orixe destas moedas é a de que estarían destinadas á actividade comercial que apareceu en Galicia logo de rematada a guerra, favorecida pola Via Astvrica que Octavio Augusto mandou construír. Ademais, cómpre sinalar que tras a guerra floreceron as minas galegas de estaño, ouro e outros metais, creando unha infraestrutura case industrial en torno a elas, polo que xurdiu a necesidade urxente dun numerario para o pagamento dos traballadores e para as pequenas transaccións privadas que se realizaban entre os poboadores que se instalaron nestas áreas.[55]
Sobre a localización exacta da ceca onde foron cuñadas estas moedas hai diversas hipóteses, aínda que a única defendida actualmente é a da cidade de Lugo, ou ben un obradoiro móbil con base nesa capital e que actuaría na súa área de influencia. Canto á datación, a práctica totalidade dos investigadores sitúan estas moedas entre os anos 25 e 23 a. C.[56][57][58]
As moedas son un dos testemuños máis coñecidos da vida económica da Antiga Roma[62]. Os comezos do estudo do monetario romano remóntanse xa a varios séculos. A partir do século XVIII, coleccionistas e eruditos empezaron a constituír os primeiros "gabinetes de medallas" (denominaban deste xeito as moedas antigas), onde se acumulaban, clasificaban e estudaban as súas adquisicións. Entre eles, é de salientar o Gabinete de Medallas de París, dependente da Biblioteca Nacional de Francia. Da fusión de varios destes inventarios xurdiron os primeiros catálogos numismáticos, cada vez máis exhaustivos, que repertoriaban as emisións segundo os seus tipos, motivos ou lugares de emisión.
Unha ilustración deste proceso a finais do século XIX dánola Henry Cohen, autor dun famoso catálogo que abrangue decenas de milleiros de moedas imperiais, titulado Description historique des monnaies frappées sous l'Empire romain. No seu limiar, Cohen describe o seu estudo dos inventarios de museos de Turín, de Dinamarca e de Viena, así como as coleccións do Departamento de Moedas e Medallas do Museo Británico e do Gabinete de Medallas da Biblioteca Nacional de Francia. Este último enriqueceu os seus fondos co legado de afeccionados como o Conde de Caylus, que seguía moi de preto as primeiras descubertas arqueolóxicas de Herculano e Pompeia a principios do século XVIII.[63]
A partir de 1900, cos traballos de Adrien Blanchet, a numismática, ata entón restrinxida ás actividades de catalogación, ampliou o seu ámbito ao estudo dos achados monetarios e da documentación arqueolóxica e histórica. Procurábanse os lugares de emisións, calculábanse os volumes das cuñaxes e o seu espallamento, analizábanse as características físicas das pezas etc.[64]
Os traballos ao longo do século XX víronse moi influídos polos achados de tesouros monetarios romanos ás veces espectaculares, como o descuberto en 1929 en Marcianópolis, na provincia romana de Tracia (hoxe Devnja, en Bulgaria), con máis de 80.000 pezas de prata; o tesouro da vila francesa de Eauze, descuberto en 1985, con 28.000 pezas de prata; o tesouro de Tréveris, en Alemaña, en 1993, con 2.500 áureos do Imperio Romano); o tesouro de Frome, en Inglaterra, en 2010, con 52.000 moedas, na súa maioría de bronce) etc.[65] Estas descubertas e os traballos de diversos especialistas, sobre todo británicos, complementaron a obra de Cohen e deron lugar á publicación de Roman Imperial Coinage, un monumental catálogo en dez volumes que recolle todas as moedas imperiais romanas, desde a batalla de Accio, en 31 a. C., ata 491 d. C., xa na Antigüidade tardía, froito de sete décadas de estudos (de 1923 a 1994), que se converteu en referencia para a identificación das moedas emitidas a nome dos emperadores romanos.[66]
A segunda metade do século XX e o século XXI viron a diversificación da numismática romana: a proliferación de depósitos arqueolóxicos e o uso de detectores de metais en escavacións oficiais enriqueceron a masa de moedas coñecidas para o seu estudo[67]. As investigacións estendéronse a áreas ata daquela desatendidas, como a grande diversidade de emisións locais ou a moeda de cobre e bronce.[68] Ademais, a informática ofrece agora novas posibilidades de inventario, ao tempo que as novas técnicas espectrográficas permiten análises máis polo miúdo das aliaxes.[69]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.