Dupondio

From Wikipedia, the free encyclopedia

Dupondio

O dupondio (en latín: dupondius) foi unha moeda da Antiga Roma, cuñada en diversas Aliaxes de cobre tanto durante a República como na época do Imperio, co valor de dous ases ou, o que é o mesmo, medio sestercio ou un oitavo de denario.[1][2]

Thumb
Dupondio de Etruria (ca. 230 a. C. - 220 a. C.), do sistema de aes grave (peso: 237 g), coa cabeza bifronte de Xano no anverso

Na República

Thumb
Dupondio etrusco do século III a. C., coa característica roda, do sistema do aes grave (peso: 316 g)

O dupondio foi introducido durante a República a finais do século IV a. C. como unha enorme premoeda fundida de bronce con forma de lingote, na época do aes grave, co valor de dous ases, malia non chegar nunca a ter o peso de dúas libras.

As primeiras moedas de dupondios republicanos levaban sempre nos seus seus anversos o busto dunha divindade, frecuentemente a deusa Roma, e unha roda con seis raios nos seus reversos.[3]

No Imperio

Thumb
Dupondio emitido no reinado de Tiberio, coa imaxe da súa nai, Livia, no anverso. As siglas do reverso responden a Senato Consulto. Diámetro: 35 mm. Peso: 9,40 g

Coa reforma monetaria de Augusto no ano 23 a. C., o sestercio e o dupondio pasaron a cuñarse nunha aliaxe de cobre próxima ao latón que no contexto numismático se denomina oricalco, en tanto que as denominacións máis baixas se cuñaban en discos de cobre avermellado.[4] Porén, na época de Augusto cuñáronse algúns dupondios integramente en cobre, aínda que o máis común era manter a asignación do oricalco para os dupondios e o cobre para os ases.

A diferenza de tamaño entre o ás e o dupondio non sempre era evidente nos seus diámetros. Para facilitar a identificación de ambas as moedas, os bustos dos emperadores, nesta época imperial, apareceron sempre cunha coroa con raios a partir do ano 66 d. C., durante o reinado de Nerón. De feito, o uso dunha coroa con raios para indicar o dobre do valor (neste caso, o dobre dun ás) tamén se usou no caso do antoniniano (dobre denario), introducido por Caracalla, e no do dobre sestercio.[5] Como os dupondios cuñados antes do reinado de Nerón e na primeira época deste e, mesmo, ocasionalmente baixo algúns emperadores posteriores, carecen da coroa con raios, algunhas veces non é doado distinguirmos hoxe entre o ás e o dupondio, debido ás pátinas que adoito escurecen a cor orixinal das moedas.

En principio, ao se tratar duna moeda de metal non nobre, foi cuñada polos Triumviri Monetales, ás ordes do Senado, xa que a cuñaxe das moedas de ouro e prata (áureos e denarios) era competencia exclusiva do emperador. Aínda que non habitualmente, baixo Augusto, concedéuselles tamén a algunhas colonias e municipios o dereito a emitiren dupondios. A partir dos Antoninos, foron emitidos directamente pola administración imperial.

O dupondio deixou de cuñarse no século III d. C.[6]

Cuñaxe en Galicia

Thumb
Reverso dun dupondio galego da caetra cuñado en Lucus Augusti

No primeiro século antes de Cristo, con motivo das guerras cántabras e baixo a xurisdición do legado imperial da Lusitania, Publio Carisio, batéronse na Gallaecia as primeiras moedas ata hoxe coñecidas, con valores de sestercio, dupondio e ás, caracterizadas polo escudo defensivo celta, coñecido como caetra, que amosan nos seus reversos.[7] A tese máis firme sobre a orixe destas moedas é a de que estarían destinadas á actividade comercial que apareceu en Galicia logo de rematada a guerra, favorecida pola Via Astvrica que Octavio Augusto mandou construír. Ademais, cómpre sinalar que tras a guerra floreceron as minas galegas de estaño, ouro e outros metais, creando unha infraestrutura case industrial en torno a elas, polo que xurdiu a necesidade urxente dun numerario para o pagamento dos traballadores e para as pequenas transaccións privadas que se realizaban entre os poboadores que se instalaron nestas áreas.[8][9]

Sobre a localización exacta da ceca onde foron cuñadas estas moedas hai diversas hipóteses, aínda que a única defendida actualmente é a da cidade de Lugo, ou ben un obradoiro móbil con base nesa capital e que actuaría na súa área de influencia. Canto á datación, a práctica totalidade dos investigadores sitúan estas moedas entre os anos 25 e 23 a. C.[10][11]

Citas en textos clásicos

O dupondio aparece citado, entre outros moitos, nos seguintes textos da literatura latina:

(...) unde etiam dupondius dictus est quasi duo pondo quod nomen adhuc in usu retinetur (...)
(...) dupondius ab duobus ponderibus, quod unum pondus assipondium dicebatur ; id ideo quod as erat libra pondo (...)

Notas

Véxase tamén

Loading related searches...

Wikiwand - on

Seamless Wikipedia browsing. On steroids.