Remove ads
arma de defensa que se leva no brazo para protexer o corpo From Wikipedia, the free encyclopedia
Un escudo á unha arma defensiva activa empregada para protexerse das armas ofensivas. Coñécese polo menos desde a época sumeria (III milenio a. C., en Mesopotamia) e foi utilizado en Occidente ata o século XVII, cando se xeneralizaron as armas de fogo individuais e quedou entón obsoleto. Habitualmente se colle co brazo esquerdo e axuda a cubrir o corpo dos embates sen impedir a utilización do brazo dereito para contraatacar. O escudo foi utilizado por case todas as culturas humanas para a defensa na loita, tanto a distancia como corpo a corpo, pola súa versatilidade para cubrir o loitador das agresións con armas lanzadas ou brandidas.
Escudo | |
---|---|
[ editar datos en Wikidata ] | |
Coñeceu grandes modificacións tanto nos materiais como na forma a través do tempo ou por rexións xeográficas, adaptándose aos cambios tecnolóxicos ou ás tácticas para asegurar a máxima protección aos combatentes. Cada vez que se introducía unha nova arma de maior potencial letal, espesábase o escudo ou medraba a calidade dos seus materiais, ata que a pólvora, que lanzaba proxectís perforantes a gran distancia, fixeron inútil o seu uso no campo de batalla. En numerosas rexións do globo (Oceanía, África[1] etc.), os escudos aínda se utilizaron a comezos do século XX.
Calquera obxecto que permite opor ao adversario unha superficie detrás da que se atopa protección pode ser chamado escudo con toda propiedade, e ás veces era de "fortuna", asegurando unha protección mínima cun custo mínimo. Así, as milicias helvecias dispuñan nos primeiros tempos de simples feixes de palla.
A madeira prevaleceu durante toda a historia para a súa confección. Podía ser fabricado de diferentes xeitos segundo a clase de protección do combatente, dun simple trenzado de vimbio, lixeiro e resistente á perforación como na pelta tracia ou como en numerosos modelos africanos, cunha estrutura grosa de pezas formadas e unidas, como o aspis koile dos hoplitas,[2] ou ben podía estar feito dunha única peza de madeira esculpida como en Oceanía. Nos equipamentos dos exércitos organizados estaba recuberto, polo menos na súa cara externa, dun segundo material que lle confería unha mellor resistencia á penetración e permitíalle gardar a súa integridade durante os golpes.
No Imperio bizantino prevaleceu o escudo ovalado. En Occidente, e a partir do século X, foi bastante común o de forma de améndoa, atribuído aos normandos, coa punta inferior aguda para chantalo ao facer alto as tropas. A finais do século XIII e ata o século XVI tende á forma triangular equilátera.
De ordinario, os escudos recubríanse de pel e pintábanse con emblemas ou signos particulares que deron fundamento aos brasóns. No século XVI empregáronse rodelas metálicas con relevos e incrustacións de gran luxo para torneos de gala, mentres que algunhas divisións de tropas de infantaría as usaban de ferro ou de madeira recuberta con pel só nos asedios de cidades inimigas, perdendo despois toda a súa importancia o escudo defensivo transformado exclusivamente en heráldico.
Os escudos actuais poden cubrir todo o corpo dun policía contra o impacto de balas e outros obxectos pesados que se lles lancen. Adoitan ser transparentes, e tamén se empregan uns parecidos ás rodelas. Nalgúns países asiáticos, os policías antimotíns empregan escudos redondos de fibras vexetais moi resistentes.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.