From Wikipedia, the free encyclopedia
A denominación xenérica de moeda cartaxinesa (tamén chamada moeda púnica), abrangue as emisións monetarias da antiga cidade-estado fenicia de Cartago e dos territorios do seu imperio estendido polo Mediterráneo, ata a súa destrución en 146 a. de C.[1][2]
Os fenicios, malia a súa ampla zona de influencia comercial, comezaron a cuñaxe de moeda relativamente tarde. As primeiras moedas silico-púnicas (da Sicilia cartaxinesa) comezaron a emitirse a mediados do século IV, con anterioridade aos primeiros siclos tirios de Fenicia, que apareceron ca. 300 a. de C.[5][6]
O Estado púnico de Cartago foi, ademais, o primeiro en utilizar títulos de pagamento, como un antecedente das actuais notas promisorias, feitos de coiro.[7][8][9]
Cartago emitiu siclos de prata de 7,20 gramos, e tamén divisores de medio siclo e múltiplos de 1 ⅔, de dous e de tres siclos.[10] En Sicilia, ademais, cuñáronse tamén moedas de cinco unidades e na Península Ibérica ata de doce siclos.[11] Nestas emisións utilizouse o ouro, a prata, o electro, o bronce e o billón.[12]
Dos tesouros atopados despréndese que a súa circulación non foi moi abundante no norte de África e si, porén, particularmente, noutros territorios cartaxineses como Sardeña ou Sicilia.[13] En concreto en Sardeña producíronse importantes cuñaxes de moeda de bronce durante a primeira guerra púnica e, novamente, durante a tentativa de recuperar a illa no transcurso da segunda.[14] E en Sicilia púxose en circulación unha gran masa de moedas de bronce e de prata, ademais de cantidades máis discretas de ouro e de electro, que aparecen sinaladas coas siglas MHSBM, que aluden ao título de cuestor.[15][16][17]
Unha tipoloxía característica das moedas cartaxinesas sicilianas do tempo da primeira guerra púnica consiste na representación de Melqart (Hercules) nos anversos e a cabeza dun cabalo nos reversos. Máis comunmente, aparece unha cabeza feminina identificada como a divindade fenicia Tanit.[11]
En Kerkouane cuñáronse moedas de bronce durante a resistencia á invasión de Régulo, na primeira guerra púnica, que amosan a Tanit no anverso e un cabalo ao galope no reverso.[13]
Cara ao final da primeira guerra púnica foron moi numerosas as emisións en bronce destinadas ao pagamento das tropas que lles facían fronte aos mercenarios rebeldes que apoiaban a Roma.[18][19]
Aníbal, o poderoso líder militar e inimigo acérrimo de Roma, marchou durante 15 anos atravesando a Península Itálica loitando contra o exército romano e establecendo alianzas coas tribos locais. En Bruttium, ao sur, Aníbal cuñou pequenas moedas de electro co valor de 3/8 de siclo (arredor de 3 gramos). O deseño baseábase no popular cuadrigato romano de prata, con Xúpiter no reverso dirixindo un carro e a piques de lanzar un lóstrego, pero cunha imaxe bicéfala de Tanit substituíndo o deus Xano no anverso. En Capua, Aníbal cuñou moedas de prata dun cuarto e de medio siclo, cunha tipoloxía máis convencional.[20]
Entre ambas as guerras, Cartago só emitiu moeda de bronce no norte de África, mentres que membros da familia Bárcida cuñaron na Península Ibérica moedas de ouro e de prata con Melgart nos anversos e un cabalo e unha palmeira nos reversos.[19] As de ouro tiñan un peso de 7,50 gramos e un valor de 12 siclos de prata (coa equivalencia da época, de 1:11⅓).[21]
A expansión cara a Hispania e os saqueos aos romanos favoreceron as cuñaxes en metais preciosos durante a segunda guerra púnica.[19] Destacan entre estas emisións dúas moedas de gran tamaño para a súa circulación en Sicilia.[22] A esta época corresponden dous medios siclos que amosan, nun caso, unha cabeza masculina diademada no anverso e un elefante no reverso, e no outro caso unha cabeza coroada no anverso e un cabalo a galope no reverso.[23]
Cara ao fin da guerra retómanse as cuñaxes ordinarias de bronce e tamén nunha prata moi empobrecida e de billón.[19] No transcurso da guerra, o siclo pasou nas zonas controladas polos Bárcidas desde os 7,2 ata os 7,0 gramos, o que motivou tamén axustes na moeda de bronce, para manter a súa proporción de valor con respecto á de prata.[24]
En paralelo a estas emisións, circularon tamén en Cartago moedas numidias, todas elas de bronce.[25]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.