From Wikipedia, the free encyclopedia
O semis (voz latina; plural semissis; "metade dunha unidade") foi unha moeda da Antiga Roma de bronce, de tempos da República, con peso e valor equivalentes a medio ás ou seis onzas romanas ou uncias.[1][2][3][4][5][6]
Emitido polo obradoiro monetario de Roma a partir do século III a. de C., o semis foi unha moeda de bronce inicialmente fundida e máis tarde xa cuñada, nada como equivalente da metade do ás libral (un ás que pesaba unha libra romana, ou 324 g). Cara a 250 a. de C., o ás someteuse a unha redución do seu peso, ao pasar a preto de 260 gramos, e, consecuentemente, tanto o semis como o resto dos submúltiplos sufriron unha diminución proporcional. A partir de aí, o peso da moeda de bronce continuou nun camiño descendente, especialmente durante a segunda guerra púnica, un período marcado pola inflación e pola aparición das moedas de prata (denario e sestercio), que acabaron por marxinar a moeda de bronce.[7][8][9]
Malia estas importantes variacións sucesivas no seu peso, os motivos que caracterizaron os semis republicanos desta primeira época non variaron: Saturno no anverso e a tradicional proa dun barco no reverso, característica da moeda de bronce deste período[10]. Ademais, estas moedas aparecen identificadas, a modo de marca de valor, por unha letra "S" ou por seis puntos, que representan as seis onzas (das doce que compuñan unha libra).[11][12]
Logo dunha existencia esporádica durante o século II a. de C., as emisións do semis acabaron por deterse no ano 82 a. de C., cando pechou o obradoiro encargado das emisións romanas de bronce. A partir de aí, autorizáronse cuñaxes provinciais para uso local en Hispania e na Gallia Narbonensis, segundo o padrón imperial romano. que continuaron ata o século I d. de C.[13] No ano 19 a. de C., a reforma monetaria de Augusto estableceu unha xerarquía dos valores en circulación, na que ten cabida novamente o semis, como pequena moeda, xa non de bronce, senón de cobre, destinada ao comercio local.[14]
A emisión de semis cesou definitivamente durante o período de Adriano (117-138).[15]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.