arte da Idade Antiga From Wikipedia, the free encyclopedia
A arte antiga ou arte da antigüidade é a arte da Idade Antiga. A historia da arte antiga é a división da historia da arte que se centra no seu estudo e interpretación formal, técnica, estrutural, e ideolóxica (iconográfica, iconolóxica) e na súa explicación histórica; aínda que a arqueoloxía é a ciencia histórica cuxo obxecto é a cultura material da que as obras de arte son a manifestación máis valiosa, e é a encargada do seu descubrimento e análise contextual.
A súa delimitación cronolóxica vai dende o comezo da Historia (aproximadamente o IV milenio no Próximo Oriente e Exipto) ata a caída do Imperio Romano de Occidente (século V). A extensión xeográfica do desenvolvemento das primeiras civilizacións —definidas pola aparición da escritura e o poder político e relixioso— impón onde poden localizarse (civilizacións mediterráneas, da India, do Extremo Oriente, da América precolombiana e do resto de Europa e de África) e cando pode falarse en cada unha dun período histórico (Historia) ou dun período prehistórico (Prehistoria), que determinaría que a súa produción artística fose obxecto da historia da arte prehistórica; aínda que realmente a metodoloxía para o seu estudo é en gran parte común, hai unha diferenza fundamental, e é a posibilidade de empregar as fontes escritas para os períodos históricos. Este recurso é insubstituíble, posto que non só permite a identificación no seu caso dos autores ou patrocinadores da obra artística e reconstruír o contexto no que se produciu, senón que posibilita a interpretación da Arte na súa relación coa produción intelectual noutros ámbitos do pensamento, sobre todo a relixión e a filosofía. Deste xeito pódese efectuar unha lectura da arte que a entenda a través da visión do mundo (Weltanschauung) ou ideoloxía dominante en épocas e lugares tan afastados a nós como as civilizacións da Idade Antiga, e do que a Arte é a plasmación material e visual.
Ao contrario que a civilización occidental, as civilizacións africanas, extremo-orientais e americanas non experimentaron a marcada descontinuidade que a arte occidental presenta entre a arte antiga e a arte medieval; co que este último concepto non adoita aplicarse a estas civilizacións.
Tamén existe un concepto comercial e coleccionista da arte antiga, entendido como antigüidades; é dicir, como o termo empregado para englobar todo tipo de obxectos artísticos que non se consideran Arte moderna, pertenzan á Idade Antiga ou a períodos posteriores (arte medieval, arte da Idade Moderna e ata boa parte da arte contemporánea se esta non se entende só como o máis actual senón como todo a arte da Idade Contemporánea —dende mediados do século XVIII).
(Á dereita, Torso do Belvedere, obra de Apolonio de Atenas do século I).
O concepto de arte na Antigüidade non acadara en ningunha civilización a consideración social de belas artes que conseguiu na cultura occidental a partir do Renacemento. Pintura, escultura e arquitectura (as artes visuais) eran equivalentes ás diferentes artesanías, habilidades ou técnicas manuais (ars no latín, tekné no grego) que non gozaban de prestixio social en ningunha das distintas formacións económico sociais das primeiras civilizacións (modo de produción primitivo, modo de produción asiático ou despotismo hidráulico e modo de produción escravista). Durante o período clásico de Grecia, si que houbo artistas destacados relacionados cos políticos e intelectuais, ou o eran eles mesmos (como Fidias); pero tal cousa sucedeu máis como excepción que como regra, e ata actuou máis como mitificación que como unha valoración do artista concreto (o caso de Apeles).
A función da arte e a valoración dos obxectos que hoxe considéranse unha obra de arte, non tiñan a mesma consideración nas civilizacións da Idade Antiga: os pequenos obxectos cotiáns que hoxe exhíbense nos museos (dende pesos de fusos para fiar ata xoias) serían apreciados pola súa función ou polo valor intrínseco do seu material tanto ou máis que por cuestións formais;[2] pola contra, as grandes estatuas exipcias ou as estelas sumerias tiñan funcións relixiosas —vida eterna— e de presenza política —exercicio do poder e memoria histórica—, identificadas co deus ou o rei —que podía ser obxecto ata dunha damnatio memoriae, borrando o seu nome e substituíndo os seus trazos polos do rei rival.
A casa, a tumba, o templo ou o palacio, son contidos arquitectónicos expresados en formas moi diversas polas distintas civilizacións, sometidas aos condicionantes físicos e a dispoñibilidade local de materiais; pero no entanto, as solucións formais atopadas foron moi a miúdo sorprendentemente semellantes (pirámides exipcias, chinesas, mesoamericanas), e os elementos arquitectónicos elixidos de entre un elenco non ilimitado (cubertas, muros, vans, columnas, alicerces, linteis, arcos, bóvedas). Sempre, e en todo caso, con trazos de validez practicamente universal: a obrigación de que o edificio permita satisfacer necesidades materiais e imaxinadas de persoas e institucións (axentes sociais e políticos que son suxeitos históricos), ademais de ser vehículo dunha creación. Só dende ese punto de vista pode entenderse que a mobilización necesaria para erguer as Pirámides de Gizeh era en si mesma xustificativa da súa existencia como proxecto ideolóxico dunha sociedade enteira.
Idénticas funcións tiña a arte nas culturas prehistóricas simultáneas ás primeiras civilizacións do Próximo Oriente Antigo, coas que de feito mantiñan relación, en toda a Conca do Mediterráneo e ata a Europa central: obxectos como o disco celeste de Nebra, recuperado por románticos procedementos e estudado pola arqueoloxía, eran na época II milenio) útiles tecnolóxicos, valiosos pola súa función real e pola súa función simbólica, non por cuestións relativas á estética, malia ser indubidablemente fermosos. O mesmo podería dicirse dos monumentos megalíticos como Stonehenge, un verdadeiro observatorio astronómico que ao tempo servía de calendario solar-lunar, ou o mecanismo de Anticitera, un enigmático obxecto de bronce con engrenaxes datado no século I. Outros son de moi discutida función, como as preincaicas liñas de Nazca. Na civilización romana, a función utilitaria e a durabilidade de acuedutos e pontes sen dúbida prevalecía sobre calquera consideración estética, aínda que tamén servisen de vehículo para expresalas.
Noutras ocasións, a imaxe que se ten do sublime da arte antiga ten pouco que ver co que vían os seus contemporáneos: a brancura do mármore de templos e esculturas gregas, estaba sempre cuberta de pintura en vivas cores, posto que sen ela considerábanos inexpresivos e inacabados. Tamén hai que considerar que a maior parte desas esculturas gregas coñécense por copias industrializadas feitas en época romana con criterios arqueolóxicos, culturais ou turísticos, máis próximos á nosa concepción da beleza.[3]
A idea do belo non foi nunca constante;[4] nin sequera nun período de estabilidade tan prolongada na repetición de formas estereotipadas como foi a arte exipcia, que presentou unha descontinuidade radical como foi o período de Tell el Amarna (vencellado ás reformas relixiosas de Amenofis IV-Akenatón. Tampouco presenta características locais inconfundibles: a maneira exipcia de representar as figuras é semellante á da Grecia arcaica; do mesmo xeito que as formas fantásticas que se viñeron en chamar estilo orientalizante. Tomando como exemplo o caso paradigmático da arte grega, a evolución dos períodos arcaico, clásico e helenístico foi comparada a outros momentos de evolución pendular na Historia da arte, que Eugenio D'Ors interpretaba como alternancia entre clasicismo e barroco:
Acicateado por Benedetto Croce, quen pregoaba, coma se estivese en 1800, que o barroco era só unha das variedades do feo, d'Ors conxurou esa anticuada inxuria neoclasicista. Foi máis lonxe e, contra eruditos como Wölfflin, negou o escritor barcelonés que o barroco fose tan só unha excentricidade xesuíta visible na igrexa romana do Gesù ou un reflexo da decadencia do imperio español, controlado en calidade de epidemia no tránsito do século XVII ao XVIII. O barroco, argumentou d'Ors, era unha estado da alma que, atemporal e ahistórico, aparecía en diversas estacións da civilización. O barroco era un eón que imitaba os procedementos da natureza, mentres que o eón clásico fai o propio cos mecanismos do espírito. Barroco era o mesmo Proust cá novela rusa, Goya que Picasso, Copérnico como a teoría da relatividade. "Así", di d'Ors no barroco, "nas épocas de clasicismo, a música vólvese poética; a poesía, gráfica; a pintura, plástica; e a escultura, arquitectónica. Reciprocamente, nas épocas de tendencia barroca, a gravitación prodúcese en sentido inverso: o arquitecto é quen se fai escultor; a escultura pinta; a pintura e a poesía revisten as formas dinámicas propias da música." As teses de d'Ors, aínda que escandalizaron en Pontigny, nunca chegaron a se impor. Repetindo ao Stendhal de 1823 cando eternizou ao romanticismo de Shakespeare contra o clasicismo de Racine, d'Ors afondou nesa dicotomía binaria a través da oposición nietzscheana entre o apolíneo e o dionisiaco, aplicándoa ao barroco e ao clasicismo.[5]
A historia da arte como esforzo continuado de transmisión e tradición directa de mestre a discípulo, dunha xeración a outra, vencella a arte do noso tempo cá do val do Nilo de fai cinco mil anos, pois nós aprendemos dos gregos e estes aprenderon dos exipcios.[6]
Todos nós somos alumnos dos gregos.Ernst Gombrich[6]
A evolución e innovacións na arte das civilizacións antigas é consecuencia do traballo de procura de innumerables artistas que ao elaborar novas solucións formais foron conformando avances e mudanzas na arte do seu tempo.
Na aspiración dos exipcios á eternidade, debía ser de suma importancia a construción das súas tumbas para asegurarse a perennidade.[7] Cara ao 2.700 a. C. realizáronse importantes progresos arquitectónicos nas tumbas reais pero aínda seguíase edificando en adobe. En tempos de Djoser (segundo faraón da Terceira Dinastía), construíuse en Saqqarah a primeira pirámide graduada, grandiosa realización debida á inventiva do arquitecto Imhotep, tamén primeiro ministro e sumo sacerdote. Segundo conta Manetón, Imhotep foi o inventor da construción con perpiaños de pedra. A pirámide graduada non foi concibida dunha vez. Despois de dúas ampliacións para abranguer pozos e galerías soterradas, tiña unha forma trapezoidal duns oito metros de altura. Imhotep tivo entón a idea de elevar cara ao ceo, onde reinaba o deus Sol, unha grande escaleira que permitise ao faraón despois da súa morte elevarse cara á morada dos inmortais. Inventara o xénero da pirámide. Inicialmente tivo catro grandes chanzos cunha altura de 42 metros. Despois unha nova ampliación elevou os chanzos a 6 e a altura total a 60 metros.[8] En tempos de Snefru, fundador da cuarta dinastía, modificouse a poderosa arquitectura graduada ascendente, establecendo a nova orientación da arquitectura monumental funeraria exipcia: a Pirámide de Meidum.[9]
As figuras sumerias atopadas na zona de Diyala (actual Iraq) son exvotos que tanto a xente corrente como a acomodada depositaban ao pé do altar nos seus templos. Son de xeso, alabastro, ou mármore rosa e coas súas mans xuntas e a mirada perdida na contemplación representaban a pregaria permanente daqueles que as depositaban aos pés da divindade. Algunhas figuras son obras de bos artistas empregados por reis e altos funcionarios, outras eran realizadas en serie ao alcance de todos os petos. Seguramente os talleres onde os artesáns traballaban a pedra estarían nas proximidades do templo e alí os fieis irían mercalas. Os descubrimentos arqueolóxicos de Henri Frankfort amosan que a evolución que se produciu en tres ou catro séculos pasou dende unhas formas xeométricas até reflectir a realidade en todos os seus detalles. Os orantes co rostro bondadoso e riseiro do período máis recente serían a indicación de que o terror e as angustias ante os deuses desapareceran.[10]
O estudo das esculturas de espidos na Grecia antiga dende a época arcaica permitiu reconstruír a historia da reprodución do corpo masculino e interpretala en termos de progreso continuo. Tal evolución tivo un fito no establecemento do canon sobre as medidas do corpo humano establecido polo escultor Policleto no século V a.C. e que serviu como exemplo aos escultores gregos posteriores. O sistema de proporcións que estabeleceu é parte das procuras emprendidas dende a época arcaica e baséase en relacións aritméticas sinxelas.[11] A beleza do corpo atopábase na proporcionalidade de todas as súas partes entre si: a cabeza debía ser a sétima parte da altura total, o pé dúas veces a lonxitude da palma da man etc.[12] Como refinamento estético introducía o contrapposto: unha perna lixeiramente flexionada; co que a cadeira ao lado oposto aparecía máis elevada, o ombreiro dese mesmo lado quedaba a menor altura có contrario, e a figura describía na súa vertical unha lixeira curva e contracurva (unha "S"), dando unha sensación de movemento.
Aínda que a arte medieval, sobre todo en Italia, non significou unha rachadura radical coa arte clásica (que de feito xa se desvirtuou no seu clasicismo co Helenismo, e moito máis coa arte tardorromana), o Renacemento definiuse a si mesmo como unha resurrección da Idade Antiga, entendida como un modelo a imitar. A división das idades históricas —Antiga, Media e Moderna—, que foi acusada frecuentemente de eurocéntrica, ten esencialmente valor para Occidente tal como definirase ese concepto a partir do século XVI, posto que se orixina nese intre, e para as culturas antigas nas que os intelectuais da Europa Occidental da Idade Moderna pretendían atopar a súa orixe.[13]
A presenza en Italia, sobre todo na cidade de Roma, de restos visibles, e o achado continuo de restos soterrados, eran tidos en conta, e permitiron a paseniña definición do oficio do anticuario (coleccionista, erudito e ao tempo expoliador e destrutor), mentres se crean as bases da ciencia arqueolóxica. Recuperábanse con veneración textos clásicos, como Os cinco libros da arquitectura de Vitrubio, e se escrutaban as escasas pasaxes sobre arte de Plinio o Vello. O achado da Domus Aurea de Nerón, o grupo de Laocoonte ou o Apolo de Belvedere, foron percibidos polos pintores e escultores do Cinquecento como unha confirmación do camiño emprendido ou un estímulo para emprender outros novos (caso do torso Belvedere para Miguel Anxo). Máis adiante, no século XVIII, o descubrimento de Pompeia e Herculano no reino de Nápoles de Carlos III (escavacións sistemáticas de Karl Jakob Weber, Roque Joaquín de Alcubierre, Francisco la Vega e o seu irmán Pietro la Vega) impactou extraordinariamente na intelectualidade europea, especialmente en Johann Joachim Winckelmann (moi crítico con Alcubierre), e divulgáronse a través dos debuxos de John Flaxman e a cerámica de Wedgwood, creando unha verdadeira febre neoclásica que tivo mesmo a súa versión turística (o Grand Tour).
Simultaneamente foise producindo unha ampliación da atención a outras civilizacións da Idade Antiga, destacadamente a grega, cuxo solar nacional e monumentos estaban en sometidos ao Imperio Turco. O interese dos viaxeiros europeos occidentais non foi alleo ao xurdimento da conciencia nacional grega, como proba a peripecia romántica de Lord Byron.[14] Outras civilizacións, como a exipcia, fora obxecto de mistificación desde moi antigo (vinculación coa alquimia e o hermetismo e outras disciplinas mistéricas, como os símbolos e escenografía da masonería, que reproduciu Mozart en A frauta máxica).
O século XIX contemplou o desenvolvemento dos saqueos a grande escala mentres se desenvolvía a exiptoloxía científica (expedición napoleónica a Exipto e posteriores investigacións de Champollion, incluíndo a utilización da Pedra de Rosetta, para o desciframiento dos xeroglíficos). De forma semellante procedeuse en Palestina coa denominada arqueoloxía bíblica (1865 Palestine Exploration Fund —Charles Warren—, 1870 American Palestine Exploration Society, 1889 École Biblique et Archéologique Française), en Troia e Micenas con Heinrich Schliemann (dende 1870), e en Mesopotamia coa escavación de Babilonia pola Deutsche Orientgesellchaft (1898, Robert Koldewey).[15]
O século XX desenvolverá unha arqueoloxía máis sistemática e racional, que no entanto xamais se desprendeu da súa auréola romántica (Arthur Evans en Cnosos —o mítico labirinto do minotauro en Creta— e Howard Carter na tumba de Tuntankamón). A arqueoloxía precolombiana (que se espalla sen solución de continuidade cronolóxica dende a Prehistoria até o que en Europa sería Idade Media —maias, aztecas e incas) desenvolveuse como resultado do interese dos estadounidenses por atopar un pasado autóctono americano que propor como memoria continental alternativa á do Vello Mundo (John Lloyd Stephens, Hiram Bingham). A arqueoloxía na China e na Asia central é unha disciplina aínda máis recente, e en pleno desenvolvemento. O mesmo acontece con civilizacións europeas que tiveron a boa ou mala fortuna de presentar pouco apoio das fontes escritas e acharse en zonas de Europa Oriental menos accesibles aos arqueólogos occidentais por cuestións políticas (tracios —Tumba tracia de Kazanlak, Bulgaria— ou escitas —descubrimento en 1947 do enterramento de Pazyryk por Sergei Rudenko nos Montes Altai).
As coleccións antigas do Museo do Louvre de París, o British Museum de Londres, a Gliptoteca de Múnic e a Illa dos Museos de Berlín, son consideradas hoxe en día como a demostración dun espolio (comezado en época romana, co traslado dalgúns obeliscos exipcios) cuxa devolución reclaman os países emisores, baseándose en argumentos morais, xurídicos e na preferencia por manter as pezas no seu contexto orixinal (destruído en boa parte durante a extracción); fronte ao argumento dos receptores de que se non fose polo seu interese de entón, a maior parte das pezas probablemente teríanse destruído, dado o desinterese dos anteriores administradores ou propietarios, que os museos onde están son unha contorna idónea para o seu estudo e contemplación, e que o tempo transcorrido fíxolles tamén adquirir dereitos históricos (que tampouco poden reclamar en exclusiva e sen oposición os emisores, dado que tamén eran imperios expoliadores doutros pobos de onde obtiveron eses ou semellantes tesouros).
A periodización da historia da arte antiga baséase nas distintas civilizacións onde xorde, empregándose de forma equivalente ás divisións estilísticas propias dos períodos posteriores da Historia da arte occidental.
Os primeiros apartados deste esquema empregan denominacións marcadamente xeográficas, tanto para as civilizacións antigas que conformaron a civilización occidental (Próximo Oriente Antigo, Exeo, resto de Europa), como para as demais civilizacións antigas (resto de Asia e América precolombiana); mentres que o derradeiro fai referencia aos derradeiros períodos cronolóxicos que presenciaron o período formativo da arte occidental na Idade Antiga: co nome de arte clásica faise referencia á da Grecia e Roma no período denominado Antigüidade clásica, que se impón en todo o espazo mediterráneo e próximo-oriental polo helenismo e a conquista romana; mentres que co de Arte do cristianismo antigo faise referencia á arte do período denominado Antigüidade tardía (séculos IV ao VIII), que se sitúa posteriormente á Antigüidade clásica, dacabalo entre os derradeiros séculos da Idade Antiga e os primeiros da Idade Media.
O nacemento da civilización prodúcese no Crecente fértil (termo de James Henry Breasted para referirse á zona que presenciou as transformacións radicais na historia da humanidade que Vere Gordon Childe denominou revolución neolítica e revolución urbana), que debuxa nos mapas unha forma de lúa crecente, entre Mesopotamia, sueste de Anatolia, Levante mediterráneo e Val do Nilo.[16] O mundo mediterráneo e o próximo oriente presenciaron o xurdimento competitivo de distintas civilizacións, unhas sedentarias, con base na agricultura de irrigación en vales de grandes ríos anegables ou noutras zonas axeitadas, outras nómades, con base no pastoreo. Os pobos que as orixinaron procedían de moi distintas orixes etnolingüísticas de debatida clasificación (a terminoloxía tradicional, moi discutida, usa termos como semitas, indoeuropeos, camitas etc.). O desenvolvemento das primeiras relixións organizadas (con clero xerarquizado, templos, mitoloxía etc.) e as primeiras estruturas políticas (reis, palacios, burocracia, exércitos, fronteiras, guerras de conquista, cidades-estado, reinos, imperios), achegou os primeiros patrocinadores de programas artísticos de envergadura (sobre todo arquitectónicos e escultóricos, aínda que tamén demandaban pintura, cerámica, ourivaría e todo tipo de arte suntuaria —armas, mobiliario, vestiduras etc.).
A consideración de preclásico para estes estilos é unha visión en perspectiva, dado que a experimentación de tantas e tan variadas formas artísticas remataron influenciando o que moito máis tarde se definiu como arte clásica.
Arte mesopotámica | |||||||||
Arte sumeria | - A partir do IV milenio a. C. aparecen as primeiras cidades (Ur, Uruk, Eridu, Lagash) na actual zona de confluencia do río Tigris co río Éufrates (antiga liña de costa do Golfo Pérsico): a Baixa Mesopotamia, tamén chamada Sumeria ou Caldea. - Palacios, templos (cigurats), cámaras funerarias. - Uso do adobe, a madeira, e o ladrillo (determinado pola inexistencia de canteiras nun territorio aluvial), o que implica a utilización da bóveda e do arco. Ladrillo coloreado para decoración. - Figuras relixiosas de alabastro (xerarquía por altura e). Formas geom tamaño dos ollos xeométricas (xeometrización) e esquemáticas (esquematismo) baseadas no cono e no cilindro. -Estelas para glorificar vitorias militares (Estela dos voitres, Estela de Naram-Sim) -Taracea (Estandarte de Ur). - Influencia na arte asiria e arte babilónica.
| ||||||||
Arte asiria | - Inicialmente na zona norte do río Tigris (Alta Mesopotamia), co centro en Assur e logo en Nínive; posteriormente espállase nun imperio de grandes dimensións (Imperio Asirio). - Auxe na primeira metade do I milenio a. C. (entre c. 1000 e 612 a.C.). - Influencia da arte sumeria. Templos e cigurats monumentais. Ladrillo, e tamén pedra nas entradas das cidades e salas. - Escultura monumental (demos gardiáns), baixorrelevo narrativo a grande escala.
| ||||||||
Arte babilónica | - Cidade de Babilonia e os dous períodos nos que se espallou un imperio con centro nela: primeiro con Hammurabi (Imperio babilónico, II milenio a. C.), e máis tarde con Nabucodonosor II (Imperio neobabilónico, mediados doI milenio a. C., entre 612-539 a.C.). -Construcións mitificadas nas narracións bíblicas: Torre de Babel, Xardíns Colgantes de Babilonia). - Ladrillo vidriado coloreado para a decoración de superficies arquitectónicas. - Representación de figuras animais. | ||||||||
Arte do Val do Nilo | |||||||||
Arte exipcia | - Desde o IV milenio a. C. ata a conquista de Alexandre o Grande no século IV a. C,. - Civilización creada arredor do poder político e relixioso (faraón e templos) que controlan a agricultura regada polas inundacións anuais do Nilo, e nunha estrutura burocrática (escribas e escritura xeroglífica). Desenvolveuse unha relixión baseada no concepto de vida eterna despois da morte (Libro dos Mortos), o que supuxo un grande desenvolvemento da arte funeraria. - Arquitectura monumental en pedra: templo exipcio (Luxor, Karnak, Abu Simbel, File) e tumba exipcia (mastabas e pirámides no Imperio Antigo, e hipoxeos no Imperio Novo -Val dos Reis-). - Imhotep (Pirámide de Zoser) foi o primeiro arquitecto de nome coñecido (século XXVII a. C., inmediatamente anterior á Pirámide de Queops (arquitecto Hemiunu). - Relevos e pinturas murales asociadas á arquitectura, estatuaria colosal de vulto redondo (tríade de Micerino, Colosos de Memnón, O escriba sentado, Cheik-El-Beled, busto de Nefertiti) artes decorativas e mobiliares. - Carácter solemne con base en cánones ríxidos de representación e simbolismo. - As características da arte exipcia son notablemente estables nun período de tres milenios: monumentalidade, estereotipación da figura humana, frontalismo, xerarquía, ausencia de perspectiva en pintura e explotación da perspectiva en arquitectura, onde domina de forma absoluta a liña recta (o perpiaño, a columna, o lintel); coa excepción, nas artes visuais e nos conceptos relixiosos, do período de Tell-el-Amarna, e, en arquitectura do Templo Solar exipcio. - Os pigmentos son minerais e o aglutinante é a cola, aplicado sobre unha capa de xeso branco que cobre a parede, o que lle dá á pintura unha extraordinaria luminosidade.
| ||||||||
Arte nubia | - Nubia, ao sur do Alto Exipto, alén de Asuán, habitada por pobos nilóticos (negros) desenvolveu unha civilización que chegou a compararse coa exipcia, coa que estivo en contacto (intervencións alternativas dunha na outra). - Reino de Kush, Reino de Aksum, rei Arikamaninote. - Escultura, ourivaría e arte funeraria de marcada influencia exipcia.
| ||||||||
Outras artes do Antigo Oriente Próximo | |||||||||
Arte hitita | - Os hititas, dende o centro de Anatolia (actual Turquía), estableceron un imperio con capital en Hattusas que se estendeu pola costa do Mediterráneo ata Exipto. - Arte ciclópeo: perpiaños de grandes dimensións, relativa tosquedade dos seus baixorelevos (influencia asiria) e escasas esculturas en vulto redondo (influencia exipcia), aínda que caracterizadas pola ausencia de delicadezas formais e escaso detallismo. - Traballo dos metais, rudo pero moi estimulante pola súa estilización e abstracción. Símbolos crípticos. | ||||||||
Arte fenicia | - Os fenicios ou púnicos, pobo semita asentado na costa do actual Líbano (Tiro, Sidón, Biblos) expandíronse polo Mediterráneo entre o século XI a. C. e o século VII a. C. mediante a fundación de colonias comerciais: sur da Península Itálica, Sicilia, sur da Península Ibérica e norte de África onde fundaron a colonia de Cartago (que á caída das metrópoles asiáticas baixo o imperio persa, continuou a súa expansión converténdose nun verdadeiro imperio marítimo no Mediterráneo Occidental ata o século III a. C. -Guerras púnicas contra Roma-). - Sentido utilitario: artesanía e comercio de produtos de luxo (armas, cerámica, telas, tinturas) mediante navegación por todo o mar Mediterráneo e incluso polas costas atlánticas europeas e africanas. - Influencia da arte exipcia, a arte mesopotámica e a arte exea primitiva (arte minoica e arte micénica); e influencias mutuas coa arte grega posterior (período orientalizante e época arcaica).
| ||||||||
Arte hebrea antiga | - A Historia do Antigo Israel é a dun pobo semita nómade (pobo xudeu ou hebreo) que se asenta e forma un reino en conflito cos pobos de Canaán a finais do II milenio a. C. (Xaúl, David, Salomón) - Capitalidade de Xerusalén e o seu templo, principal centro artístico e relixioso: monoteísmo, libro sagrado (Torá e, en xeral, a Biblia), prohibición da idolatría (o que impide calquera representación gráfica humana ou animal). - Relacionase coas civilizacións exipcia e fenicia (incluso co reino de Saba, localizable ao sur do Mar Vermello, no Iemen ou en Etiopía); é conquistado por asirios, babilonios, persas, gregos e romanos, con sucesivos exilios masivos (catividade de Babilonia, catividade de Nínive e Diáspora).
| ||||||||
Arte persa | - Os medos e persas desenvolveron a súa civilización entre Mesopotamia, India, Asia Central e o Cáucaso, rexión árida de paso de tribos nómades correspondente co actual Irán. - Arte nómade ornamental (armas, vasos) en madeira, óso ou metais. Estilo animalista, abstracción figurativa e orgánica. - Tras dominar aos asirios, conquistaron Babilonia no 539 a. C.. - Palacios colosais (varias influencias, ambiente cerimonial e repetitivo -Persépole, Susa-), ausencia de arquitectura relixiosa, determinada polas características do zoroastrismo. - Arte funeraria: tumbas de Naqsh-e Rostam. - Escultura asociada á arquitectura.
| ||||||||
Arte árabe preislámica | - A Arabia preislámica desenvolveuse como unha civilización sen un estado centralizado, entre os pobos árabes, algúns nómades e outros asentados en zonas agrícolas e urbanas. A unificación produciuse co islam (século VII). - Influencias da arte mesopotámica e persa (templo solar de Ma'rib). Coa helenización e a conquista romana das zonas periféricas de Arabia, influencia da arte grecorromana (Palmira, Petra). -
| ||||||||
Arte exea | |||||||||
Arte cicládica | - Arquipélago das Cícladas, Idade de bronce (2500-1600 a.C.). - Obxectos de cerámica (vasos, copas etc.) de decoración xeometrizante (liñas rectas, curvas, espirais). - Pequenos ídolos en mármore de liñas sintéticas con nariz de relevo destacado. | ||||||||
Arte minoica | - Na Illa de Creta xorde na Idade de Bronce (III milenio a. C.) a civilización cretense, denominada minoica polo mito do rei Minos e o labirinto do minotauro (identificado co pazo de Cnosos). - Pintura mural decorativa de harmonía e movemento, cores vivas e visión frontal (frontalismo) asociada a unha arquitectura dos pazos de estrutura informal e práctica (labiríntica, con patios interiores e distintos niveis). - Pezas de cerámica, pouca escultura (pequenas figuras en arxila e terracota), vasos. - Temáticas do cotián, animalística (mundo mariño) e relixiosa (pezas votivas e rituais).
| ||||||||
Arte micénica | - Aqueos establecidos no territorio da actual Grecia continental, Idade de bronce. - Principal centro en Micenas, influencia da arte minoica. Murallas de Tirinto. - Arquitectura monumental, pintura sen a lixereza da arte cretense, temática militar e narrativa.
| ||||||||
Outras artes europeas antigas | |||||||||
Arte celta | - Estilo característico dos pobos de lingua celta en Europa central e occidental (Alemaña, Francia, centro e norte de España), e nas Illas Británicas (Gran Bretaña e Irlanda), onde perviviu ata a Idade Media (Arte hiberno-saxón). Nas demais rexións desenvolveuse desde a prehistoria (Idade de Bronce-Cultura de La Tène) ata a conquista romana. | ||||||||
Arte dos pobos xermánicos | - Estilo característico dos pobos xermánicos. Véxase tamén: Arte prerrománica para a contextualización da arte xermana durante o período das migracións ou invasións bárbaras (arte do período das invasións) que constitúe o comezo da arte medieval. | ||||||||
Arte ibérica | - Sur e leste da Península Ibérica: costa do Mediterráneo, val do Ebro e val do Guadalquivir. - Iberos: son os diferentes pobos indíxenas desas zonas, o que exclúe aos celtas (interior e norte). Linguas preindoeuropeas, emparentadas co éuscaro. Desenvolven a súa civilización por contacto cos pobos colonizadores gregos e fenicios (Emporion —Empúries—, Gadir —Cádiz—, Qart Hadash —Cartago Nova ou Cartagena). Verdadeiros estados (o primeiro e máis importante, Tartessos). - Esculturas votivas e monumentos funerarios. Ourivaría. Cidades e pobos amurallados (Ullastret).
| ||||||||
Arte etrusca | - O pobo etrusco desenvolveu a súa civilización na rexión de Etruria, actual Toscana entre o século IX a. C. e o século II a. C.. - Arte funeraria, cámaras tumularias con pintura mural, urnas, estatuaria xacente en sartegos (sartego dos esposos) e bustos. - Pezas en bronce (Quimera de Arezzo) e terracota, ourivaría. - Influencia da época arcaica grega (Apolo de Veies). - Cidades amuralladas (Veies).
| ||||||||
Unha característica común á arte non occidental, sobre todo das civilizacións asiáticas (a India, a China e o Xapón), polo menos visto desde a perspectiva dos historiadores da arte occidentais, é a de manterse fiel á súa estética e ás súas formas aínda dentro dunha evolución estilística entre a sinxeleza e o recargamento. Segundo esa óptica, carecería da desconcertante variedade que presenta a arte occidental, a pesar de ser extraordinariamente fecundo. Outro trazo é a súa significación esencialmente relixiosa (incluso nos temas que en occidente serían profanos e obscenos), fronte ao temperán xurdimento da arte civil en Occidente.[17] Tampouco presentarían ninguna descontinuidade como a que a arte occidental experimentou entre a arte antiga e a arte medieval; co que este último concepto non acostuma aplicarse a estas civilizacións.
As civilizacións precolombianas teñen un especial valor para a Historia da Arte, dado que se desenvolveron en América sen conexión ningunha coas civilizacións do Vello Mundo, e aínda así atoparon solucións formais paralelas, como a pirámide ou a cantaría ciclópea, e vehículos similares para a expresión artística, non só nas tres grandes artes visuais (pintura, escultura e arquitectura), senón nas artes menores como a cerámica e a ourivaría. Esta en especial acadou unhas cotas extraordinarias. Outras artes, en troques, foron exclusivas americanas, como a arte plumaria, así como algunhas técnicas, como a obtención do pigmento azul maia, que aínda hoxe segue a ser un misterio (ámbalas cuestións exceden temporalmente da Idade Antiga).
A arte africana antiga (concepto que tamén se aplica sen solución de continuidade ao de séculos posteriores á Idade Antiga, e moitas veces é identificado coa arte étnica de época colonial e poscolonial[18]) foi especialmente valorado polas vangardas artísticas do século XX (cubismo, expresionismo).[19]
Arte da India antiga | |||||||||
Arte da India antiga | - A Cultura do val do Indo (Mohenjo-Daro) creou o substrato cultural sobre o que se imporán posteriormente os arios (un pobo indoeuropeo), que introducen a relixión e literatura védica, que se desenvolverá no hinduísmo. - A influencia dos contactos coas civilizacións persa (século VI a. C.) e helenística (século IV a. C.) vai ser asumida e recreada nos seguintes períodos: - Período Maurya (rei Asoka, que mandou erixir 84.000 stupas budistas e grava-los seus edictos en estelas -lat o stambha- por todo o seu imperio; o capitel de Asoka é hoxe en día un símbolo nacional da India.). | ||||||||
Arte do Extremo Oriente antigo | |||||||||
Arte da China antiga | - A civilización chinesa naceu nas chairas boscosas entre o Huang-ho (Río Amarelo) e o Yangtsé (Río Largo ou Río Azul). - A partir da Dinastía Zhou (primeira metade I milenio a. C.) estableceronse os ciclos dinásticos nos que a figura do Emperador da China recibe e debe honrar o Mandato do Ceo. - As tradicións relixiosas animistas convértense nun ríxido sistema moral de culto aos devanceiros co confucianismo século VI a. C., que se consolidou incluso coa adición da filosofía do taoísmo e a división política do período dos Reinos Combatentes, reunificados coas dinastías Quin e Han. - Recibese o budismo pola ruta da seda desde a India entre o século II a. C. e o século I d. C., o que explica a difusión das representacións de Buda. Desde a China difundirase o budismo zen ao Xapón. - O uso de materiais perecedeiros en arquitectura, sometidos a constante mantemento e de fácil desaparición ten como consecuencia que queden poucas mostras enxebres. | ||||||||
Arte do Xapón antigo | -No arquipélago xaponés foise creando unha civilización, sobre a base dunha agricultura do arroz de pequenas explotacións campesiñas estreitamente vencelladas ao medio físico, expresada nunha relixión animista (o shinto) que posteriormente recibiu a influencia budista (o zen). A estrutura política estatal experimentou unha historia que oscila entre tendencias descentralizadoras e imperiais. - A Era Yayoi (200 a. C. - 200 d. C.) (sartegos de gran tamaño) e o período denominado das antiguas tumbas (emperadores Ōjin (200-310) e Nintoku (310-399) presentan arte suntuaria, con esculturas chamadas haniwa, así como pintura (tumbas de Kyūshū -séculos V-VI-; enterramento real de Otsuka). - Arquitectura relixiosa prebudista (templo de Isa). - O templo de Horyu (comezos do século VII) é a primeira estrutura arquitectónica budista no Xapón.
| ||||||||
Arte precolombiana antiga | |||||||||
Mesoamérica | - Na altiplanicie central do actual México e en América Central ou Mesoamérica xurdiron endoxenamente civilizacións con base na agricultura do millo, que desenvolveron cidades estado competitivas, con estruturas estatais, relixións organizadas e escritura desde comezos do I milenio a. C., que en épocas posteriores darían orixe ás civilizacións maia e azteca. - No Período preclásico mesoamericano desenvolvéronse as culturas olmeca, zapoteca, capacha, mixteca e a cultura de Teotihuacán. - A arte olmeca caracterízase polas súas cabezas colosais. - Na zona de México central (Teotihuacán) erguéronse a Pirámide do Sol e a Pirámide da Lúa.
| ||||||||
Suramérica | - A América andina desenvolveu culturas agropecuarias da pataca e os camélidos autóctonos (llama, alpaca e guanaco), base de civilizacións urbanas e estatais social e culturalmente moi complexas desde épocas preincaicas (Civilización Caral, III milenio a. C., precerámica pero con arquitectura monumental); aínda que non utilizaron sistemas que poidan denominarse propiamente de escritura (contabilidade e mensaxes mediante o sistema do quipu). - No territorio da actual Colombia destaca a ourivaría das culturas quimbaya, chibcha e calima. - No actual Perú, as culturas Chavín, Moche, Paracas e Nazca, con todo tipo de obxectos e construcións, precedentes dos muros ciclópeos propios da arquitectura inca, además de restos moi enigmáticos (liñas de Nazca, candeleiro de Paracas —de problemática datación) e outros que se adulteraron e actualmente se consideran fraudulentos na súa meirande parte (pedras de Ica).
| ||||||||
Arte africana antiga | |||||||||
Arte africana antiga | - Ao sur do deserto do Sáhara (moi rico en arte prehistórica), o espazo denominado África subsahariana experimentou unha evolución cultural (neolítico, idade dos metais, estados, cultura escrita) moito máis serodia que a África mediterránea; caracterizándose os seus núcleos por unha gran dispersión e descontinuidade. - Esculturas en arxila da cultura Nok (norte da actual Nixeria, século V a. C. - século III d. C.). | ||||||||
A época clásica da civilización occidental faise corresponder coa civilización grecorromana: concepto co que se indica a profunda identidade e continuidade entre as da Antiga Grecia e a Antiga Roma, sen prexuízo que dentro de cada unha delas haxa marcadas diferenzas na evolución formal, conceptual e ideolóxica. De feito, o período clásico estrito podería limitarse ao denominado século de Pericles (mediados do século -V en Atenas), considerando posclásico a toda arte posterior, posto que supón meirandes ou menores desviacións dese modelo.
Moito máis transcendental é a diferenciación entre Antigüidade clásica e Antigüidade tardía, aínda que non debe considerarse tampouco unha ruptura de civilización (non houbo realmente descontinuidade), senón unha profunda transformación na economía, sociedade, política e ideoloxía, sinaladamente na relixión coa imposición do cristianismo como relixión oficial do Imperio Romano no século IV (entre o Edicto de Milán -313- e o Edicto de Tesalónica -380-); que tamén se expresou con cambios radicais na Arte.
Arte clásica e posclásica precristiá | |||||||||
Arte da antiga Grecia | - Trala Idade Escura a civilización grega conformase no século -VIII (poemas de Homero). Nas artes visuais pásase por un período orientalizante (finais do século -VIII e século -VII, que desemboca na época arcaica (século -VI e comezos do século -V, á que, tralas Guerras Médicas, segue a época clásica (segunda metade do século -V e século -IV), na que se inclúe o denominado século de Pericles, durante a hexemonía de Atenas e a guerra do Peloponeso. -Grecia actual, costa exea de Asia Menor (actual Turquía) e Magna Grecia (Sicilia e sur de Italia). - Arquitectura relixiosa: Templo grego en pedra, evolución da cabana con tellado a dúas augas e columnas que determinan as ordes arquitectónicas nomeadas polas liñaxes antigas -dórica, xónica e corintia —atribuído ao enigmático escultor Calímaco); en forma circular dá o tholos. - Fidias dirixiu o proxecto de Pericles para a Acrópole de Atenas (Partenón —arquitectos Ictino e Calícrates—, Erecteión e Propileos —arquitecto Mnesicles); templos de Paestum, en Magna Grecia (sur de Italia). - Arquitectura civil: pública (teatros) e privada (casa grega —oikos— , costumes da Antiga Grecia). - Cerámica con pintura decorativa (cerámica de figuras negras, cerámica de figuras vermellas), con artistas consagrados pola fama e que firman as súas obras desde o século -VI (Klitias, Exequias —Áiax e Aquiles xogando aos dados—, Nearcos), aínda que non tanto como os oleiros (Ergótimos, Amasis, Andócides) asociados a grandes pintores de nome descoñecido (pintor de Amasis, pintor de Andócides). No século -V Eutímides e Eufronios (Loita de Hércules e Anteo), grandes rivais. - A pintura ao fresco, que non se conservou máis que por copias e testemuñas, comeza en Sicione e Corinto no século -VII, pero acadou o seu cumio a mediados do século -V (Polignoto —Toma de Troia, Descenso ao Hades— e Mikón —Retorno dos Argonautas). No século -IV Zeuxis —Demos de Atenas, libidines de tema erótico— Pánfilo de Anfípole -teórico da aplicación da matemática á pintura, entendida como proporción- e os seus dous discípulos: Pausias e o cumio da pintura antiga: Apeles (Afrodita Anadiómena, A Calumnia). - Escultura en relevos (frontóns, frisos e métopas dos templos) e en vulto redondo (estatuas de deuses e heroes en mármore e bronce); tamén como elemento construtivo (cariátides, acroterios). - Resultado da confrontación dentro do pensamento helénico entre mito e logos, o apolíneo e o dionisíaco, o intelectualismo e o sentimento; é unha arte que identifica beleza con virtude (kalokagathia), busca a perfección na harmonía, o equilibrio e a proporción (sophrosine), valorando ao ser humano medida de tódalas cousas (antropocentrismo). Inspirado na natureza, tende a imitala con realismo. - A expresión era estereotipada na época arcaica (estatuas masculinas —Kurós, Cleobis e Bitón, século -VI— e femininas —Koré, Dama de Auxerre, século -VII; Hera de Samos, século -VI—, sorriso arcaico, frontalidade, hieratismo) e serena no clasicismo, onde non se representa a fealdade nin os extremos de idade (farase no helenismo). - O canon baséase na repetición modular (módulo da columna en arquitectura, en escultura un múltiplo da cabeza con distintos valores: sete para Policleto —Doríforo, Diadumeno, Discóforo, mediados do século -V - e oito, máis lanzal, para Lisipo -Apoxiomeno, século -IV). - O concepto de perfil grego, nariz grego, curva praxitélica (arqueo da cadeira), ou outras partes do corpo, pasaron a ser un modelo de beleza clásica. A idealización desa beleza conseguíase, segundo testemuñas escritas, por selección de distintos membros, as partes máis fermosas de distintas persoas reais consideradas exemplo de beleza e tomadas como modelos. - Temática mitolóxica, e da vida cotiá, representando aos deuses como homes e aos homes como heroes (campións olímpicos). - Escultura do período arcaico final ou clásico temperán (comezos do século -V), tamén denominado estilo severo: Auriga de Delfos, frontón do Templo de Afaia en Exina, Trono Ludovisi, Tiranicidas, Bronces de Riace, Deus do cabo Artemisio, métopas do Templo de Zeus Olímpico (Olimpia). - Período clásico maduro (segunda metade do século -V: Mirón Discóbolo de Mirón, Fidias (no Partenón -friso das Panateneas, Lapitas e centauros, estatua colosal crisoelefantina de Atenea Partenos- e Estatua de Zeus en Olimpia) e Policleto. - Período clásico final (século -IV: Praxíteles (Afrodita Cnidia, Apolo sauróctono, Hermes co neno Dionisio), Scopas (Ménade furiosa), Lisipo e Leócares (Apolo Belvedere).
| ||||||||
Arte helenística | - Helenismo é o período que vai desde o final do século IV (morte de Alexandre o Grande e división do seu imperio) ata a fin do século -I (conquista romana de Exipto). Non só afectou á civilización e a arte grega, senón que a influencia grega se estendeu por todo o Mediterráneo e Asia occidental ata a India: no Mediterráneo occidental pola continuidade e expansión das colonias gregas establecidas no período anterior, e no Mediterráneo oriental e Oriente Próximo polo establecemento dos reinos helenísticos. Influíu de modo decisivo na arte romana. - Escultura cun pleno sentimento de emoción e movemento, buscando o desequilibrio fronte ao equilibrio da época clásica. División en escolas locais: escola de Pérgamo (rei Atalo I: Epígono -Gálata moribundo-, Nicérato e Firómaco), escola de Rodas (Axesandro, Polidoro e Atenodoro -Laocoonte-), escola de Atenas, escola de Alexandría.
| ||||||||
Arte romana | - Monarquía romana, República romana e Imperio Romano, cobren o período desde o século -VIII ao século V. Localízase primeiro no Lacio (Italia Central), e esténdese por todo o Mediterráneo (Mare Nostrum). - O período anterior á recepción da cultura helenística (século -III) desenvolve unha arte latina emparentada con outros pobos itálicos (sabinos e sobre todo etruscos) Loba capitolina . - O período clásico da arte romana dura ata o triunfo do cristianismo (século IV). Asimila e desenvolve a cultura grega (ordes arquitectónicas, deseño dos templos, concepción escultórica), incorporando características propias, tanto en materiais de construción (morteiro e cemento e formigón romanos) como en elementos arquitectónicos (o arco -Arco de triunfo- e a bóveda, orde toscana e orde composta, principio de superposición de ordes) e formas escultóricas (o retrato romano -exixido polo culto aos devanceiros e a propaganda política, e que permite data-la evolución estilística e da moda, sobre todo na expresión e no peiteado- e o relevo romano, caracterizado pola busca da profundidade e a perspectiva) e pictóricas (os estilos pompeianos, decorativos, narrativos ou procurando o efecto visual). - Desenvolvemento arquitectónico con gusto polo colosal e magnificente, ao tempo que cun acusado sentido pragmático e utilitario. (pontes e acuedutos -ponte de Alcántara, Pont du Gard, Acueduto de Segovia-, calzadas). Edificios públicos (termas -termas de Caracalla-, teatro romano -Teatro Marcelo-, circo romano -Circo Máximo-, anfiteatros -Anfiteatro de Capua, Coliseo de Roma, Anfiteatro de El Djem-, etc.), relixiosos (templo romano -Templo de Vesta, Maison Carrée, Panteón de Agripa-) e civís (foro romano, basílicas, pazo romano -Domus Aurea de Nerón, construción orixinal do Pazo de Letrán, logo convertido en residencia papal-, vila romana -Vila romana do Casale- coa súa versión de vila imperial -Vila Jovis ou de Tiberio en Capri, Vila Adriana-, casa romana -domus, vivenda (Roma Antiga)-). - Escultura histórica narrativa (frisos corridos en relevo: Ara Pacis, Columna traxana), bustos, estatuas de corpo enteiro (Augusto de Prima Porta) e excepcionalmente ecuestres (estatua ecuestre de Marco Aurelio).
| ||||||||
Arte do cristianismo antigo ou da Antigüidade tardía | |||||||||
Arte paleocristiá | - Primeira expresión artística do cristianismo, na área do Imperio Romano de Occidente, entre o século IV e o século V. As expresións anteriores (catacumbas son moi escasas, e ocultas a causa das persecucións). Na parte oriental do Imperio desenvolverase a Arte Bizantina, indistinguible da occidental nesta época. A partir das invasións bárbaras e o establecemento dos reinos xermánicos comeza a arte medieval. - Pintura mural (fresco) en catacumbas, relevos en sartegos. Utilización de iconografía e simbolismos cristiáns (uvas -eucaristía-, peixe -ICHTHYS, símbolo de Xesucristo-, pavón -eternidade-, pelicano -Cristo eucarístico-, fénix -resurrección-, año -triunfo de Cristo-, crismón -XPO-, alfa e omega -Cristo, principio e fin- etc.). - Primeiras basílicas cristiás, utilizando o modelo do edificio civil romano.
| ||||||||
Arte bizantina | - Arte cristiá do Imperio Romano de Oriente, desde o traslado da capital do imperio a Constantinopla ata a súa conquista en 1453 polo Imperio Otomán; co que abrangue todo o período da arte medieval, onde habitualmente se estuda e inclúe. - Influencia da arte grecorromana e moito menor da arte oriental (fronteira co Imperio Persa e despois do século VII co islam). Inflúe grandemente na arte italiana medieval e na arte dos reinos eslavos. O período da iconoclasia (século VIII e IX) destruíu a meirande parte da pintura e escultura anterior. - Arquitectura relixiosa (cúpula). - Pintura en fresco e táboa, e mosaico de carácter bidimensional e simbólico, con horror vacui. Iconas, expostas no iconostasio).
| ||||||||
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.