From Wikipedia, the free encyclopedia
Un cigurat[1] é un anexo monumental nos templos mesopotámicos, común aos sumerios, babilonios e asirios, pertencente á época do antigo val da Mesopotamia e construído en forma de pirámide terraplanada. O formato consistía en varios andares construídos uns sobre outros, coa diferenza de que cada andar superior ten unha área menor que a da plataforma inferior sobre a cal se asenta. As plataformas poderían ser rectangulares, ovais ou cadradas, e o seu número variaba de dous a sete. A planta adoitaba ser cadrada cuns lados de 60 ou 70 m con ángulos orientados cara aos catro puntos cardinais e unha altura de entre 15 e 30 metros.
A función dos cigurats eran de servir de soporte icónico ás "vodas sagradas", a cerimonia de unión da divindade coa humanidade a través da persoa do rei. O mobiliario era un podio e un altar, se ben Heródoto menciona un leito (podio) luxoso e unha mesa (altar) de ouro. Os cigurats levantábase no centro dos recintos sagrados ou templos (non era un edificio senón un conxunto deles) pero a estatua da divindade atopábase noutro edificio, unha pequena cela onde recibía os coidados dun sacerdote especializado (xa que incumplir algún ritual podía supoñer a cólera do deus que enviaría unha peste, temporal, invasores etc.) onde recibía ofrendas, estatuíñas votivas etc. Dada a fraxilidade dos materiais de construción, a maioría dos cigurats desapareceron convertidos en outeiros de ladrillos de barro, ou deixando un "negativo" en forma de tixola cadrada.
O centro do cigurat facíase de ladrillos deadobe cocidos ao sol, pero o exterior da construción mostraba adornos de ladrillos cocidos. Os adornos normalmente estaban vitrificados en cores diferentes, posibelmente contendo significado cosmolóxico. O acceso ao templo, situado no cumio do cigurat, facíase por unha serie de ramplas construídas no flanco da construción ou por unha rampla en forma de espiral que subía dende a base ata o cume do edificio. Os exemplos máis antigos de cigurats datan do final do terceiro milenio a.C., e os máis tardíos datan do século VI a. C.. Algúns dos exemplos máis notábeis desas estruturas inclúen as ruínas da cidade de Ur e de Khorsabad, en Mesopotamia.
A idea que se ten de que servían como lugar de idolatría ou cerimonias públicas, con todo, non é correcta. En Mesopotamia acreditábase que eran a morada dos deuses. A través dos cigurats as divindades colocaríanse preto da humanidade, razón pola cal cada cidade adoraba o seu propio deus ou deusa. Alén diso, só os sacerdotes podían entrar no cigurat, e era deles a responsabilidade de coidar da adoración aos deuses e facer que atendesen as necesidades da comunidade. Naturalmente os sacerdotes gozaban dunha reputación especial na sociedade sumeria.
Un exemplo de cigurat máis simple é o do Templo Branco de Uruk, na antiga Sumeria, que debe ter sido construído por volta de 400-300 a. C. O propio cigurat é a base sobre a cal o Templo Branco repousa, e a súa función era erguer o templo máis próximo aos ceos, de forma que puidese dar acceso dende o chan ata aló. A estrutura tería a función, polo tanto, dunha ponte entre os dous mundos. Por iso acredítase que o templo dos sumerios sería un eixo cósmico, unha conexión vertical entre o ceo e a terra, e entre a terra o submundo; e unha conexión horizontal entre as terras. Construído en sete niveis, o cigurat representaría os sete ceos, ou planos de existencia, os sete planetas e os sete metais a eles asociados e as súas cores correspondentes.
Un exemplo de cigurat sólido é o de Marduk, ou Torre de Babel, situado na antiga Babilonia. Non se conservan restos daquela poderosa estrutura, mais de acordo con achados arqueolóxicos e fontes históricas, a torre estaba composta por sete pisos multicolores, en cuxo cumio achábase un templo de proporcións singulares. Acerca dese templo, acredítase que fora pintado en cor anil. Sábese que había tres escadas que levaban ao templo, e dise que dúas delas ascendían só ata a metade da altura do cigurat.
O nome sumerio para a estrutura era Etemenanki, palabra que significa "A Fundación do Ceo e da Terra". Probabelmente construído baixo as ordes de Hammurabi, descubriuse que o centro do cigurat de Marduk contiña restos doutros cigurats e estruturas máis antigas. O andar final consistía nun encaixamento de 15 metros de ladrillos reforzados construído polo monarca Nabucodonosor II.
Aínda que os sumerios foron os que inventaron este tipo de templo, todos os demais sucesores no dominio das terras mesopotámicas seguiron a usar o cigurat como única forma de templo. Os casitas erixiron na súa capital Dur-Kurigalzu un dos cigurats mellor conservados de Babilonia. Os asirios leváronnos á súa capital, Asur, onde ergueron un cigurat a Enlil e cigurats xemelgos no templo de Anu.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.