Remove ads
From Wikipedia, the free encyclopedia
Benedetto Croce, nado o 25 de febreiro de 1866 e finado o 20 de novembro de 1952, foi un escritor, filósofo, historiador e político italiano. Figura destacada do liberalismo, a súa obra influíu en pensadores italianos tan diversos como o marxista Antonio Gramsci e o ideólogo fascista Giovanni Gentile.
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde setembro de 2015.) |
Naceu o 25 de febreiro de 1866 en Pescasseroli, na rexión italiana dos Abruzos, no seo dunha familia adiñeirada. Aínda que a súa educación foi estritamente católica, aos 18 anos converteuse en ateo, non volvendo profesar ningunha relixión durante o resto da súa vida. En 1883, mentres estaba de vacacións coa súa familia na localidade de Casamicciola, na illa de Ischia, un terremoto destruíu a casa onde se aloxaban. A súa nai, o seu pai e a súa única irmá morreron, mentres que el permaneceu soterrado durante moito tempo entre os cascallos, sobrevivindo por pouco.
Tras este accidente herdou toda a fortuna familiar, o que lle permitiu vivir folgadamente o resto da súa vida e dedicar todo o seu tempo á filosofía.
Conforme medraba a súa fama, foi alentado a dedicarse á política, sendo nomeado senador en 1910. Criticou abertamente a participación italiana na primeira guerra mundial por considerala unha guerra suicida, o cal, aínda que nun principio fíxolle moi impopular, fixo que a súa reputación se afirmase despois do final da guerra, converténdose entón nunha figura política moi respectada.
De 1920 a 1921 é nomeado ministro para a Instrución Pública no quinto e derradeiro goberno de Giovanni Giolitti. Despois do asasinato do político socialista Giacomo Matteotti en 1924, rachou co movemento fascista. Cando en 1925 Giovanni Gentile publica o seu Manifesto dos Intelectuais Fascistas, Benedetto Croce publica o Manifesto dos intelectuais antifascistas, no que denuncia a violencia e a falta de liberdade do réxime, afastándose posteriormente da vida política, á que non volverá até despois do final da segunda guerra mundial, onde, na confusión política na que cae o país, el tenta mediar entre os distintos partidos antifascistas.
Convértese así en ministro sen carteira de varios gobernos ata que en 1943 é nomeado secretario do Partido Liberal, o cal abandona en 1946. Nese mesmo ano funda en Nápoles o Instituto Italiano para os Estudos Históricos, destinando para a súa sede un apartamento da súa propiedade. Durante toda a súa vida política até a súa morte en 1952 foi un dos personaxes públicos máis respectados en Italia.
Croce afondou tanto no marxismo coma no idealismo hegeliano: segundo o derradeiro, a realidade dáse como espírito que continuamente se determina e, en certo sentido, se realiza. O espírito configúrase entón como a forza que anima a realidade, que se auto-organiza dinamicamente converténdose en Historia segundo un proceso racional.
De Hegel e doutros idealistas alemáns como Fichte, Croce toma o carácter racionalista e dialéctico: o coñecemento produciríase a través de procesos de mediación entre o particular e o universal, entre o concreto e o abstracto, e a partir de aí crea un sistema propio que el chamou a Filosofía do Espírito. Croce foi un ardente idealista, e negaba outra realidade que os conceptos puros, que eran para el por unha banda as Ideas de Platón, pero por outra tamén as categorías de Kant. Chegou á conclusión de que se toda a realidade podía encadrarse nunha idea, toda a realidade podía reducirse a conceptos lóxicos. Gran parte da súa obra tratou, por iso, da lóxica.
Croce rexeitaba todas as relixións, pois consideraba que estas presentaban unha inaxeitada falta de lóxica, rexeitamento que ampliou así mesmo á metafísica, á que consideraba unha simple xustificación das ideas relixiosas.
A estética configúrase en primeiro lugar como actividade teórica baseada nos sentidos, nas representacións e intuicións que se teñen da realidade. O obxecto fundamental da estética -que é tamén a ciencia da expresión- é a linguaxe.
A arte non é por tanto unha produción exclusivamente sensible, senón unha reflexión conceptual que malia non ser un mero feito social (á maneira dos positivistas), posúe un estatuto particular e específico: a arte é a expresión dunha intuición lírica que conmove emotivamente ao intelecto, pois vencella sentimento e sentido.
A actividade teórica non se une soamente á intuición (ao eido estético) senón que participa do elemento racional, apuntando á esfera do universal. A meta desta actividade é a elaboración do concepto puro, universal e concreto.
O concepto puro explica a verdade universal, mentres que os conceptos científicos non son senón pseudoconceptos, instrumentos prácticos construídos ficticiamente. A lóxica de Croce é tamén histórica, na medida na que cómpre analizar a xénese e desenvolvemento histórico do seu obxecto de estudo.
Croce dá moita importancia á vontade individual, que non é senón a economía, tendo un forte sentido da realidade e das pulsións que regulan a vida humana. Como a construción da realidade é racional, non ten por que coincidir coa dos outros, nacendo entón as disciplinas sociais que organizan a vida dos individuos.
O dereito, nado desta forma, é nun certo sentido amoral, pois os seus obxectivos non coinciden cos da moral. Igualmente autónoma é a esfera política, que é entendida como lugar de encontro/desencontro entre intereses diferentes, esencialmente conflitiva pois o conflito é o que caracteriza a vida.
A idea de Estado de Hegel é criticada por Croce, que considera que o Estado non ten ningún valor filosófico nin moral, sendo sinxelamente unha engádega de individuos que organizan as súas relacións xurídicas e políticas.
Concibe, así, a ética como expresión da vontade universal, propia do espírito; non hai unha ética natural ou unha ética formal, e polo tanto non hai contidos eternos propios da ética, que se define simplemente como a actuación do espírito, que manifesta de forma racional actos e comportamentos particulares. Todo iso acontece sempre tendo como horizonte a mellora continua do ser humano.
A teoría de Croce é fortemente historicista; a historia ten tamén un preciso horizonte gnoseolóxico, porque en primeiro lugar é coñecemento, e coñecemento contemporáneo, polo que a historia non é o pasado, senón que está viva, no tocante ao seu estudo está motivada por un interese que xorde no presente.
A historiografía é, en segunda instancia, útil para comprender a racionalidade máis fonda do proceso do espírito, non sendo un coñecemento abstracto, senón de feitos e experiencias ben precisas. O coñecemento histórico ilumínanos sobre a xénese dos feitos.
Croce critica aos iluministas, e en xeral a calquera que queira individualizar os absolutos que regulan a historia e transcéndena: a realidade é historia, na súa totalidade, e a historia é a vida mesma, que se desenvolve autonomamente seguindo os seus propios ritmos e as súas propias razóns. É un camiño progresivo que non debe constituír unha certeza sobre a que desanimarse: esta consciencia debe ser confirmada por un empeño constante dos homes, e os seus resultados non son previsibles nin deben nunca darse por descontados.
A Historia convértese entón na historia da liberdade, do xeito no que o ser humano evoluciona e realiza a súa existencia. A liberdade tradúcese no plano político no liberalismo: unha especie de relixión da liberdade que é imprescindible no progreso histórico-político.
A obra de Croce pode ser dividida en tres períodos: o dos estudos históricos e literarios no que realiza un achegamento ao marxismo, o período de madurez no que escribe as súas obras filosóficas sistemáticas e un derradeiro período de afondamento teórico e revisión da Filosofía do Espírito en clave historicista.
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Benedetto Croce |
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.