Remove ads
escritora galega From Wikipedia, the free encyclopedia
Rosalía Castro de Murguía[1], de solteira, Rosalía de Castro Abadía,[2] nada en Conxo (Santiago de Compostela) o 23 de febreiro de 1837[3] e finada na Matanza (Padrón) o 15 de xullo de 1885, foi unha escritora e poeta galega, considerada a máis ilustre figura da lírica moderna, unha das máis altas da poesía española do século XIX[4] e a principal responsable do Rexurdimento galego do século XIX, xunto a Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez.[5]
Nome orixinal | (es) María Rosalía Rita de Castro |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | (es) María Rosalía Rita Expósito 23 de febreiro de 1837 Conxo, España |
Morte | 22 de xullo de 1885 (48 anos) A Matanza, España |
Causa da morte | cancro de útero |
Lugar de sepultura | Panteón de Galegos Ilustres (1891–) 42°53′02″N 8°31′58″O cemiterio de Adina (1885–1891) 42°44′24″N 8°39′38″O |
Relixión | Catolicismo |
Actividade | |
Ocupación | escritora, novelista, poetisa, escritora de contos |
Período de actividade | 1857 - 1884 |
Xénero artístico | Poesía |
Movemento | Rexurdimento |
Obra | |
Obras destacables
| |
Familia | |
Cónxuxe | Manuel Murguía (1858–1923) |
Fillos | Alejandra (1859-1937) Aura (1868-1942) Gala (1871-1964) Ovidio (1871-1900) Amara (1873-1921) Adriano Honorato Alejandro (1875-1876) Valentina (nada morta en 1877) |
Pais | José Martínez Viojo e María Teresa da Cruz Castro |
Premios | |
| |
Descrito pola fonte | Ensayo de un catálogo de periodistas españoles del siglo XIX (1903-1904), (sec:Castro de Murguía (Rosalía), p.81) Obálky knih, Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada |
Sitio web | rosalia.gal |
O 17 de maio, Día das Letras Galegas, celébrase co gallo de ser a data de edición da súa obra Cantares gallegos. A súa figura e as súas creacións literarias foron obxecto dunha abondosa bibliografía e recibiron unha constante atención crítica, tanto no territorio galego coma no estranxeiro.[6]
Rosalía de Castro naceu o 23 de febreiro de 1837 no Camiño Novo, do que daquela era o novo Concello de Conxo, hoxe Praza de Vigo do concello de Santiago de Compostela,[7] sendo bautizada o día seguinte cos nomes de María Rosalía Rita. No rexistro do Hospital Real de Santiago de Compostela figura como filla de pais descoñecidos. A súa acta de bautizo (folio 159) rezaba:[8]
“ | En 24 de febreiro de 1836, María Francisca Martínez, veciña de San Xoán do Campo, foi madriña dunha nena que bauticei solemnemente e puxen os santos óleos, chamándoa María Rosalía Rita, filla de pais incógnitos, cuxa nena levou a madriña, e vai sen número por non ter pasado ó orfanato; e que así conste, asínoo. | ” |
— José Vicente Varela y Montero (presbítero).[9][10][Citas orixinais 1] |
As restantes partidas que figuran no folio son todas do ano 1837. "1836" trátase, pois, dun erro do que o escribiu.
A súa nai, María Teresa da Cruz de Castro e Abadía, nada o 24 de novembro de 1804, de orixe fidalga vida a menos,[11] viviu na Casa grande de Arretén, en Iria Flavia. A familia da nai proviña da liñaxe dos Castro, de orixe castelá, pero establecida en Galicia dende a Idade Media (foron condes de Lemos nunha das súas pólas).[12] Contaba trinta e dous anos cando naceu a meniña.[11] Moi pouco se sabe do pai de Rosalía, José Martínez Viojo. Nado en Ortoño, Ames,[13] o 7 de febreiro de 1798 e crego de profesión, acababa de cumprir os trinta e nove anos cando naceu a nena; debido á súa condición, non puido recoñecer nin lexitimar a súa filla, encargando o seu coidado ás súas irmás, polo que semella que si se interesou pola súa manutención.[11] Non obstante non hai datos que avalen que fosen as súas tías paternas as que se encargasen da meniña. Polo contrario, e de acordo coa documentación achegada por Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda, Rosalía aparece ao coidado da súa nai, en Padrón, cando contaba con cinco anos de idade.[14]
Nos seus primeiros anos Rosalía viviu unha infancia leda nas vilas rurais de Ortoño e Padrón. Nunha das pasaxes bibliográficas dun dos seus poemas de Cantares gallegos, Castro bota unha ollada nostálxica á casa de Arretén, casa de Iria Flavia onde viviu por tempadas canda a súa nai entre os nove e quince anos. Unha infancia lembrada por cancións, risas e as badaladas das campás.[13]
Dos tempos de Arretén, xa cunha Rosalía adulta, hai unha testemuña directa sobre a relación de Rosalía co contorno e as xentes de Padrón:[15]
“ | Relataba Balbina (Cardama Cajaraville) como se saudaba acotío coa poetisa ao atoparse con ela camiñando preto da Casa Grande. Lembra na entrevista como a escritora tiña un trato moi deferente con todo o mundo, a pesar de que, segundo explicaba Balbina, o seu mundo era o dos señores, con quen se trataba máis. No físico describía a poetisa como forte, con moita máis presenza que Murguía. E no relativo ao trato que tiña a escritora coas persoas ao seu servizo, facía fincapé a anciá en que sempre lles daba aos que traballaban na casa “algún lote de alimentos”.[Citas orixinais 2] |
” |
A noticia non precisa cal é o periódico citado.
Na seguinte prosa costumista, de 1881, Rosalía fala da ledicia de estar coa súa nai nas Torres de Hermida en Lestrobe, fogar de Josefa, irmá da nai de Rosalía e do seu home Gregorio.[13]
“ | Non volvín experimentar nesa habitación, onde a miña nai... durmiu un día para espertar cada mañá sorríndome, aquela ledicia e aquelas éxtases, nas cales, sen eu sabelo, a esperanza, agora fuxida, andaba axitando entón as súas luminosas ás.[Citas orixinais 3] | ” |
Nun artigo de Murguía escrito trala morte da súa dona publicado como capítulo en Los precursores (1885), Murguía afirma que a ledicia da súa mocidade foi axiña interrompida coa chegada da puberdade aos once anos de idade.[13]
En setembro de 1853 unha epidemia de tifo puxo en grave perigo a vida de Rosalía (con 16 anos), en Muxía, onde fora á romaría da Virxe da Barca.[16] De feito, acabou coa da súa amiga Eduarda Pondal, irmá do poeta.[17] No inverno dese mesmo ano unha gran fame asola Galicia.[18]
Non se sabe exactamente cando nai e filla se trasladaron a Compostela, pero si que en 1850 xa vivían nesa cidade. Os seus estudos deberon ser escasos.[19] Alí comezou a formarse en torno á Real Sociedad Económica de Amigos del País de la ciudad de Santiago. En Santiago recibiu formación musical, artística e literaria; participou nas actividades do Liceo de la Juventud, lugar de encontro dos intelectuais comprometidos co movemento provincialista. As súas correntes ideolóxicas, que impregnarán a obra de Rosalía, eran o socialismo e o republicanismo.[20] No liceo coincidiría con Eduardo Pondal, Aurelio Aguirre e Juan Manuel Paz Novoa.
En abril 1856 trasladouse a Madrid, onde viviu coa súa curmá María Josefa del Carmen García-Lugín y Castro, na rúa da Ballesta. En 1857 publicou o seu primeiro libro, o poemario La Flor, do que o escritor Manuel Murguía fixo unha recensión no xornal La Iberia do 12 de maio dese mesmo ano. O 10 de outubro de 1858, encinta,[23] casou con Murguía, na igrexa de Santo Ildefonso.[24] A vida do matrimonio fíxose itinerante debido aos cargos funcionariais de Murguía. En 1859 regresaron a Galiza, onde naceu Alejandra, a súa primeira filla, apadriñada por Alejandro Chao; no mesmo ano volveron de novo a Madrid e publicou obras en galego e castelán. Logo duns anos en Madrid, trasladáronse a Lugo, e despois volveron a Madrid. O 4 de xuño de 1862 mórrelle en Santiago a nai, Teresa de Castro, á idade de 57 anos, dunha "lesión orgánica do corazón".[25] Rosalía estaba naquel momento vivindo con ela.[26]
As actividades do seu home leváronos por diferentes lugares: Simancas, A Coruña (1871-1878), Santiago de Compostela, Lestrobe (1879-1883, residindo no pazo de Hermida), Estremadura, Alacant... e mentres, foron nacendo máis fillos: Aura, nada en Santiago o 7 de decembro de 1868[27] (morreu en 1942). Gala e Ovidio, xemelgos, naceron en Lestrobe en xullo de 1871 (Gala morreu en 1964 e Ovidio en 1900), Amara, nada na Coruña en xullo de 1873 (morreu en 1921), Adriano Honorato Alejandro, nado en Santiago en marzo de 1875 (morreu en novembro de 1876 debido a unha caída[28]), e Valentina, nada morta en Santiago en febreiro de 1877.[11]
Rosalía botou os derradeiros anos da súa vida en Padrón, onde a familia alugara a casa da Matanza, que despois se convertería na súa casa-museo.
A morte de Adriano, o seu fillo máis novo aos dous anos por mor dun accidente na súa casa de Santiago[28] e a súa enfermidade amargáronlle os derradeiros anos. Morreu de cancro en 1885, aos corenta e oito anos na súa casa de Padrón. Rosalía foi soterrada no camposanto da Adina. Anos máis tarde, en 1891, os seus restos foron trasladados ó actual Panteón de Galegos Ilustres, na igrexa de San Domingos de Bonaval, en Santiago de Compostela.
Derradeiros momentos de Rosalía por Augusto González Besada.[11][29]
“ | … recibiu con fervor os santos sacramentos, recitando en voz baixa as súas predilectas oracións. Encargou ás súas fillas queimasen os traballos literarios que, reunidos e ordenados por ela mesma, deixaba sen publicar, dispuxo ser soterrada no cemiterio de Adina, e pedindo un ramo de pensamentos, a flor da súa predilección, non ben foille achegada aos beizos sufriu un afogo que foi o comezo da súa agonía. Delirante, e nubrada a vista, díxolle á súa filla Alejandra: «Abre esa fiestra, que quero ver o mar», e pechando os seus ollos para sempre, expirou…[Citas orixinais 4] | ” |
Despois da súa morte, os fillos, obedecendo a súa derradeira vontade, queimaron os seus escritos.[30] Cando Murguía volveu á casa e atopou o feito, laiouse dicíndolles:[31]
“ | Queimáchedes a gloria dela e a fortuna vosa! [Citas orixinais 5] | ” |
O idioma que tiñan á súa disposición os iniciadores do Renacemento romántico, que eran uns completos descoñecedores dos textos medievais, era unha lingua dialectal empobrecida, moi erosionada pola lingua oficial e fragmentada en variedades comarcais.
Non se pode afirmar que Rosalía de Castro escribise nun dialecto determinado, aínda que o seu elástico sistema de normas lingüísticas tiña como base xeográfica as falas das comarcas bañadas polo Sar e o Ulla, cunha clara tendencia ao seseo. Como consecuencia da precaria situación na que se atopaba a lingua galega escrita da época, Rosalía adoitaba empregar vulgarismos (probe en lugar de pobre, espranza en lugar de esperanza e dreito en lugar de dereito son algúns exemplos), hipergaleguismos (concencia ou pacencia son dous exemplos) e castelanismos (dicha, Dios, conexo...). Tamén son habituais nas súas obras as vacilacións léxicas (frores, frois, froles ou dor, doure, delor) e morfolóxicas, adoptando diferentes solucións para a formación do plural das palabras agudas.
Malia todo, a Rosalía interésalle máis a vivacidade cá pureza da lingua galega que emprega para expresarse, o que deixa patente no prólogo de Cantares gallegos. É alí onde se di que a pesar de carecer de gramáticas e de regras, que propiciarán a aparición de erros ortográficos, a autora puxo o seu maior coidado en reproducir o verdadeiro espírito do pobo galego.
Nunha carta que Rosalía lle dirixe ao seu marido, Manuel Murguía, asinada en Lestrove[sic] o 25 de xullo de 1881, deixa dito:
“ | …nin por tres, nin por seis, nin por nove mil reais volverei a escribir nada no noso dialecto, nin acaso tampouco a ocuparme de nada que ao noso país concirna. [Citas orixinais 6][32] | ” |
E non se sentía só doída, senón tamén fondamente decepcionada, polo que se desprende dos seus argumentos nese mesmo texto:
“ | … Atrévense a dicir que é forza que me rehabilite ante Galicia. Rehabilitarme de que? De ter feito todo o que en mi coubo polo seu engrandecemento?
O país si que é o que ten que rehabilitarse para cos escritores, a quen, aínda que non sexa máis que pola boa fe e entusiasmo con que por el traballaron, débelles unha estimación e respecto que non saben darlles… [Citas orixinais 7][33] |
” |
A tan citada misiva de Rosalía nacera en resposta ao escándalo e ás duras críticas que nalgúns xornais do país provocara o seu artigo "Costumbres gallegas", publicado en El Imparcial de Madrid. Nel referíase a un antigo costume dalgunhas zonas de costa galegas nas que as familias, como mostra de hospitalidade e “extrema xenerosidade”, realizarían o “sacrificio” de permitir que o mariñeiro forasteiro pasase unha noite cunha muller da casa.[34]
Con todo, a pesar da contundencia dos parágrafos anteriores, Rosalía remataba pedíndolle a Murguía que lle comunicase ao editor a súa resolución de non volver escribir en galego, “de una vez que a él no le conviene aceptar las condiciones que le he propuesto”. Non estaba pechándose, así, totalmente en banda.
Con estes datos e coas conclusións ás que chegan os distintos historiadores, pódense avanzar tres posibles razóns para o seu abandono da lingua da que foi nai:
Como remate, tamén cómpre lembrar que Rosalía ordenou que, á súa morte, fosen queimados os seus escritos. Non se pode desbotar que, entre eles, houbese obra en galego.[30]
Rosalía foi, por un lado, a precursora da poesía cívica en Galicia. Á espontánea reacción fronte aos vexames, a defensa enérxica da Galicia explotada, marxinada e calumniada, hai que lle engadir a comuñón total coa voz dos seus compatriotas —especialmente, as mulleres das clases populares— falando dende os rexistros do seu pobo cunha lingua vivamente expresiva.[36]
Coa publicación de Cantares gallegos no ano 1863 acadouse o fito cumio do Rexurdimento das letras galegas, asemade marcouse un punto de inflexión na historia da literatura galega. Cun elevado exercicio lingüístico e literario, a escritora prestixiou o galego como lingua literaria (aínda que esta lingua xa fora empregada para a creación literaria, como sucede coa lírica galaico-portuguesa) e reivindicou o seu uso. Ademais, por medio dos temas tratados en Cantares gallegos, Rosalía outorga á súa obra un carácter sociopolítico reflectindo as duras e pésimas condicións baixo as que se atopaba a sociedade rural galega, ao mesmo tempo que reivindicaba a lingua galega fronte ao castelán, e a Galicia fronte a España.
Pódese dicir que Rosalía pretendeu defender e redescubrir a cultura e identidade galega, as cales foran obviadas pola ideoloxía centralista estatal. A pegada de Cantares gallegos quedou reflectida tanto na posterior produción literaria como no mesmo pobo galego, que ao verse reflectido na obra rosaliana tomou conciencia da súa propia dignidade. O éxito do libro debeuse á extraordinaria conexión que existiu entre a escritora e as xentes do seu país, chegándose ao extremo de que o pobo chegou a asumir un gran número de poemas e estrofas como versos comunitarios.[37]
Con Follas novas (1880) Rosalía creou un universo novo e extremadamente persoal, no que o puro lirismo intimista acada a máis alta realización artística, alén das vivencias estéticas, nunha continua e angustiada pregunta sobre o sentido da existencia humana. A poesía que se recolle nesta obra revela a conflitividade dun mundo no que non existen valores eternos e verdades absolutas, e onde o ser humano se atopa totalmente só. É a cosmovisión pesimista e angustiada a que transloce a crise de valores da sociedade capitalista fronte á seguridade da sociedade patriarcal, que aparece en descomposición pola acción daquela.[37]
Por último, Rosalía sentiuse allea ao mundo da falsa feminidade no que se move a meirande parte da literatura feminina do seu tempo. O canto á intimidade e aos máis fondos problemas comúns a mulleres e varóns marcan tamén unha disidencia e unha clara posición feminista.[36]
A valoración da obra rosaliana e a mitificación da escritora producíronse tralo seu falecemento, posto que ao longo da súa vida esta foi permanentemente menosprezada e marxinada, ficando fóra de escritos tan relevantes como La literatura en 1881 de Leopoldo Alas e Armando Palacio Valdés. Foi necesario agardar até os modernistas e a xeración do 98 para que recoñecesen en Rosalía a unha creadora afín ao seu espírito.[38]
Os maiores promotores de Rosalía de Castro foron os escritores do 98, quen a deron a coñecer a través dos seus escritos en toda a xeografía española e na América castelanfalante, valéndose do seu gran recoñecemento social e da reedición de moitas das páxinas escritas por eles e que versaban sobre a escritora. Principalmente, foron Azorín e Miguel de Unamuno os máis acérrimos valedores de Rosalía, quen lle dedicaron entre 1911 e 1912 un total de seis artigos que versaban sobre a escritora galega. O resto de literatos da xeración do 98 non se pronunciaron en favor de Rosalía de Castro, e se o fixeron foi dunha forma moi tenue, como fixo Antonio Machado cunha lacónica e tardía observación sobre a poetisa. Destacou tamén Ramón María del Valle-Inclán, mais neste caso polas duras críticas e xuízos negativos que lle dedicou á obra rosaliana, a pesar de ser amigo do seu marido, Manuel Murguía, quen se encargou da redacción do prólogo da obra titulada Femeninas, do mesmo Valle Inclán.[39]
O independente Juan Ramón Jiménez tamén se fixo eco da obra rosaliana, dedicándolle todo tipo de eloxios e considerándoa como a predecesora da revolución poética iniciada por Rubén Darío. Considerándoa unha poeta do litoral, do mesmo xeito que facía con Bécquer, Jiménez outórgalle o cualificativo de innovadora e precursora do modernismo español.[39][40]
En 1947 constituíuse o Padroado Rosalía de Castro, co obxecto de restaurar a casa da Matanza e convertela na Casa Museo Rosalía de Castro, coidar do seu sepulcro no Panteón de Galegos Ilustres e difundir e promover a cultura galega. No ano 1995 o padroado reconstituíuse como Fundación Rosalía de Castro, que edita a revista Follas Novas. Existen varias institucións, espazos públicos e bens de consumo designados co nome de Rosalía de Castro. Deste xeito, é posible atopar centros de educación tanto en Galicia[41] coma no resto de rexións de España,[42] en Rusia[43][44] ou no Uruguai[45] chamados igual cá escritora, ao que se debe engadir numerosos parques, prazas e rúas, asociacións culturais, premios outorgados a persoas intimamente vencelladas á lingua galega e castelá, bibliotecas,[46] agrupacións folclóricas, coros musicais e mesmo un viño con Denominación de Orixe Rías Baixas.[47] Un avión da compañía Iberia, así como unha aeronave pertencente a Salvamento Marítimo, foron bautizados igual cá escritora.[48] Ademais, en 1994 a Unión Astronómica Internacional asignou o nome da escritora a un cráter da superficie de Venus.[49]
O 8 de abril de 1964 a Fábrica Nacional de Moneda y Timbre emitiu para Correos de España un selo postal de 6 pesetas no que aparece a figura de Rosalía de Castro nunha ribeira, canda un cruceiro e un hórreo, nun gravado de Daniel Carande Boto.[50] Coa emisión do 23 de outubro de 1979 apareceu o último dos billetes de 500 pesetas, posto que este sería substituído en 1987 por moedas de igual valor. O billete distinguíase por presentar no anverso o retrato de Rosalía de Castro, gravado por Pablo Sampedro Moledo,[51] así como por mostrar no reverso a Casa-Museo de Rosalía sita en Padrón e uns versos coa caligrafía da súa autora, pertencentes á obra Follas Novas. Desta forma, Rosalía de Castro converteuse xunto con Isabel a Católica, na única personaxe feminina non alegórica retratada no anverso dun billete propiamente español.[52][53]
O 24 de febreiro de 2015 o Doodle de Google estivo adicado a Rosalía de Castro, para conmemorar o 178 aniversario do seu nacemento.[54]
O 17 de decembro de 2019, nunha votación en Internet para elixir o nome dunha estrela e un dos seus planetas, dentro do proxecto internacional impulsado pola Unión Astronómica Internacional (IAU) como parte das actividades de celebración do seu centenario; baixo o nome de NameExoWorlds asignouse a cada país, máis de 110 en total, un sistema formado por unha estrela e un planeta que a orbitase para que se lle deran nomes mediante a participación cidadá. No caso de España votouse entre unha ducia de propostas. Por iniciativa da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, conseguiuse que se nomease a estrela HD 149143 da constelación Ofiúco, e o planeta HD 149143 b asociado a ela, cos nomes de Rosalíadecastro e Riosar, respectivamente.[55][56][57]
O Concello de Dodro nomeou a escritora filla adoptiva no ano 2022.[58][59]
En 2022 decídese adiantar a data do Día de Rosalía de Castro, que se viña celebrando desde hai anos o 24 de febreiro, ó día 23, tras confirmarse a data real de nacemento [60].
O 20 de marzo de 1963, tres membros numerarios da Real Academia Galega, concretamente Francisco Fernández del Riego, Manuel Gómez Román e Xesús Ferro Couselo, enviaron unha carta ao que por aquel entón ostentaba o cargo de presidente da institución, Sebastián Martínez-Risco, na que se sometía a consideración da Xunta Xeral a proposta de celebrar o centenario da publicación da obra Cantares gallegos, de Rosalía de Castro. O 28 de abril, a consecuencia da proposta elevada ao presidente, ten lugar unha Xunta ordinaria nos salóns municipais que ten como resultado a declaración de Día das Letras Galegas o 17 de maio de cada ano, quedando reflectida tal decisión na acta da sesión.[61]
“ | Todos sabemos que o libro rosalián editado en 1863, ten sido a primeira obra maestra con que contóu a Literatura Galega Contemporánea. A súa aparición veu a lle dar prestixio universal á nosa fala como instrumento de creación literaria. Representa, pois, un fito decisivo na historia da renacencia cultural de Galicia. | ” |
— Punto primeiro da carta.[61] |
“ | Ninguén desconoce que o libro ten unha forza simbólica estraordinaria. Sendo a amosa máis reveladora do nivel cultural dos pobos, non é de estranar o afán de esparexelo e de lle abrir camiños pra ensanchar o ámpido dos seus leitores. No caso de Galicia, ningunha data máis axeitada pra enaltecer e difundir o libro eiquí producido, que a que conmemora a pubricación da obra coa que se encetóu o prestixio contemporáneo das Letras galegas. | ” |
— Punto quinto da carta.[61] |
Aos dous días de acadarse un acordo no seo da institución, o presidente da Real Academia Galega procedeu á comunicación deste ao Ministerio de Información e Turismo solicitando o seu permiso para poder levar a bo termo a iniciativa. O 14 de maio, o delegado provincial do ministerio ao que se acudiu respondeu de maneira positiva á proposta. Así, aquel ano de 1963 honrouse a figura de Rosalía por medio de diversos actos que foron promovidos pola institución académica, tendo isto como sede principal a cidade da Coruña. Porén, noutras cidades de toda Galicia tamén se promoveron distintas homenaxes e actos co obxectivo de honrar tanto a autora como a súa obra.
Rosalía de Castro escribiu tanto en prosa coma en verso, empregando o galego e o castelán. A súa obra estivo profundamente marcada polas circunstancias que rodearon a súa vida: coma a súa orixe, os problemas económicos, a perda dos seus fillos e a súa fráxil saúde.
En 1863 editouse en Vigo o seu primeiro gran libro, Cantares gallegos, publicado polo seu marido, Manuel Murguía, quen xestionou, sen o permiso da súa muller, a saída do prelo dun poemario que fixa o comezo dunha nova xeira para a poesía galega e que, sen dúbida, é a base de todo o rexurdimento literario e non literario da literatura galega. Cantares gallegos constitúe o primeiro libro escrito en galego nunha época na que a lingua galega estaba extinta coma lingua escrita. Moitos poemas do seu libro son glosas de cantigas populares, nelas Rosalía denuncia a miseria, a pobreza e a emigración masiva á que estaban obrigados os galegos, sen deixar de verte-los seus sentimentos e vivencias persoais.
O 17 de maio daquel mesmo ano, Rosalía asina a dedicatoria da obra para Fernán Caballero, sendo adoptada esa data, co gallo do seu centenario, como Día das Letras Galegas (1963).
En 1880 a escritora publicou unha escolma de poemas á que chamaría Follas novas, editado por La Propaganda Literaria de Alejandro Chao, na Habana, Cuba, e impreso en Madrid.[62] Nun comezo o poemario concibiuse como unha continuación de Cantares gallegos: O 40% dos poemas de Follas novas teñen afinidade co texto publicado en 1863, mentres que o resto das composicións presentan un diferente espírito poético motivado polo afastamento da terra, as desgrazas familiares e as doenzas físicas e morais. Estamos, xa que logo, ante unha poética que afonda nos sentimentos, na saudade e que ten frecuentemente, por horizonte, a fronteira do propio ser.
Traduciu do castelán ao galego "Ruinas" e vinte e cinco cantares do escritor salmantino Ventura Ruiz Aguilera (1820-1881) que apareceron no libro deste último: Armonías y cantares (Madrid, 1865).[63][64]
En castelán publicaría os poemarios La flor (1857), A mi madre (1863) e En las orillas del Sar (1884) e a novela El caballero de las botas azules (1867), todos eles encravados no movemento romántico. Así mesmo, autotraduciu do galego ao castelán algún dos seus propios poemas.[65]
Tamén se conserva un breve fragmento dunha obra de teatro escrita en castelán, Romana, que pola súa correspondencia privada sábese que rematou, pero non se conservan copias completas e suponse que debía estar entre as obras da escritora queimadas trala súa morte.[66]
Das Obras completas hai máis dunha ducia de edicións, non sempre levadas a ramo:[88]
É tal a aceptación e o interese que as obras desta escritora espertan no mundo, que nas últimas décadas os seus poemas foron traducidos a linguas como o francés,[102] o alemán,[102] o ruso[103] e o xaponés.[104]
Algunhas traducións da obra de Rosalía:
Gravacións de son | |
---|---|
"Luces y sombras en Rosalía" RNE, 12/7/14 (en castelán).[111] | |
Vídeos | |
Rosalía na voz de Marina Mayoral 13 fragmentos. | |
Eirado. Especial Rosalía, presentado por Pemón Bouzas, 2013. | |
"Negra sombra" en lingua de sinais. |
Amancio Prada é un músico do Bierzo, coñecido sobre todo por pórlle música a poemas de distintos autores, tanto clásicos como contemporáneos. Editou varios discos con composicións feitas sobre poemas rosalianos. Así describe el mesmo como naceu a relación coa obra da poetisa:[119]
“ | Empecei a ler a Rosalía cando apenas tiña dezasete anos. Chegara a Valladolid para estudar “Dirección de empresas agrarias”. Alí vivín tres anos, e alí, en Castela, sentín por primeira vez a nostalxia da terra. Estrañaba a paisaxe e o aire do meu Bierzo natal. Os versos de Rosalía facíanme revivir os airiños aires. Emocionábanme. E aquela emoción, a súa resonancia, levoume ao canto. Case sen querer, empecei a oír dentro de min a música da súa poesía e a cantala. Nin sequera pretendía entón facer unha canción: simplemente ía dicindo os versos, murmurándoos, e ao ditado do seu sentido brotaba a cadencia, a súa entoación, semellando leve gasa que sutil o vento move… Co vento. Como o vento a oración da terra. Así naceron as primeiras cancións: "Cómo chove miudiño", "Un repoludo gaiteiro" e "Pra A Habana".[Citas orixinais 8] | ” |
Discografía[120] (cítanse só os discos de estudio, prescindindo de gravacións de concertos):
A adaptación musical do poema "Adiós ríos, adiós fontes" (Cantares gallegos) que fixo Amancio Prada foi cantada por Joan Baez o 5 de marzo de 2010 no Teatro García Barbón de Vigo.[122]
No programa de humor da TVG Air Galicia (2007) Rosalía era unha das personaxes habituais, interpretada por Patricia Vázquez.[123] Como sucedía con outros persoeiros de Galicia, a personaxe era tratada desde un punto de vista caricaturesco e desmitificador.[124]
En febreiro de 2017 o Ministerio de Fomento de España aprobou unha solicitude do concello de Santiago de Compostela para mudar o nome do aeroporto de Santiago de Compostela, que pasaría a chamarse "Santiago-Rosalía de Castro".[125]
Tamén no 2017 a compañía aérea Norwegian incluíu a súa imaxe nun dos seus avións Boeing 737-800. Segundo o responsable de mercadotecnia da compañía para "reivindicar o seu dobre papel pioneiro, na recuperación do galego como lingua de cultura e o seu papel como matriarca das letras galegas por unha banda, e na emancipación da muller pola outra".[126]
En 2017, dentro da campaña Lumes Nunca Máis!, adaptouse un poema seu para o vídeo Adiós ríos, adiós fontes. Microactivismo poético dende o Val Miñor (2017), gravado e editado por Alga Photography e mediaLab Casa Colorida. A adaptación é de Avelino González e a música de Rubén Artabe.[127]
En 2018 naceu un proxecto conxunto dos concellos de Ames, Brión e Padrón cun itinerario cultural que une os de Santiago de Compostela, Ames, Brión, Padrón e Dodro.[128]
En 1994 a Unión Astronómica Internacional aprobou o nome de Castro para un cráter en Venus na súa honra.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.