Remove ads
futbolista e adestrador de fútbol galego From Wikipedia, the free encyclopedia
Arsenio Iglesias Pardo, tamén coñecido como o Bruxo de Arteixo[1] ou o Raposo de Arteixo,[2] ou simplemente Arsenio,[3] nado na Baiuca (Arteixo) o 24 de decembro de 1930 e finado na Coruña o 5 de maio de 2023, foi un futbolista e adestrador de fútbol galego que estivo unido durante boa parte da súa carreira ao Deportivo da Coruña, onde acadou importantes éxitos deportivos, converténdose nunha das figuras máis destacadas da historia do club.
(2016) | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Biografía | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Nacemento | (gl) Arsenio Iglesias Pardo 24 de decembro de 1930 A Baiuca, España | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Morte | 5 de maio de 2023 (92 anos) A Coruña, España | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Causa da morte | párkinson | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Lugar de sepultura | Arteixo | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Outros nomes | O bruxo de Arteixo O raposo de Arteixo Arsenio | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Altura | 1,69 m | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Actividade | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Ocupación | futbolista, adestrador de fútbol | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Período de actividade | 1951 - 1966 | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Deporte | fútbol | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Posición de xogo | Dianteiro | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Premios | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Como futbolista xogaba de dianteiro, e tras pasar polo Bergantiños, o Fabril e o Xuvenil, debutou en Primeira División co Deportivo na tempada 1951/52. Xogou seis anos co club coruñés, disputando 146 partidos oficiais e marcando 33 goles. Na tempada 1957/58 xogou no Sevilla, co que debutou na Copa de Europa, e a continuación recalou no Granada, onde militou durante seis tempadas, tres delas na máxima categoría. Na primeira delas anotou nove goles na Copa do Xeneralísimo, axudando ao seu equipo a acadar unha histórica final contra o FC Barcelona, na que Arsenio fixo o único gol granadino. Na segunda metade da tempada 1963/64 fichou polo Oviedo, contribuíndo á súa salvación con dous goles na promoción de permanencia, e despois de xogar outro ano no club asturiano pechou a súa carreira no Albacete.
Comezou a súa traxectoria como adestrador en 1967 no Fabril, ao que dirixiu ata 1971 cando se sentou por primeira vez no banco do Deportivo para substituír o cesado Roque Olsen. Conseguiu o ascenso a Primeira esa mesma tempada e permaneceu dúas máis como adestrador do club na máxima categoría. Entre 1973 e 1977 adestrou o Hércules, sendo artífice da época dourada do club alacantino. No seu primeiro ano logrou o ascenso dende Segunda división, e nos dous seguintes acadou a quinta e a sexta posición da Primeira división. Na tempada 1977/78 foi campión de Segunda co Zaragoza, e a continuación pasou polo Burgos, o Elche e o Almería, antes de regresar en 1982 ao Deportivo da Coruña. Deixou o equipo en 1985 e despois dun breve paso polo Compostela volveu ao Deportivo en 1988. En 1991 devolveu o Deportivo á Primeira división case dúas décadas despois e acto seguido deixou o fútbol. Con todo, o Deportivo recorreu a el ao ano seguinte, tras a destitución de Boronat, para salvar a difícil situación do equipo. Logrou a permanencia e ficou tres anos máis como adestrador branquiazul, dando inicio á era do chamado Súper Dépor. Obtivo un terceiro posto na liga e dous subcampionatos, o segundo deles despois de ocupar o liderado durante a meirande parte da tempada ata perdelo na derradeira xornada contra o Valencia, a do famoso penalti de Đukić. Na súa última tempada conquistou a Copa do Rei, o primeiro título oficial da historia do Deportivo, nunha final disputada contra o Valencia no Santiago Bernabéu en dous días, ao ser o partido suspendido pola intensa choiva. O seu último club foi o Real Madrid, ao que chegou mediada a tempada 1995/96 para substituír a Valdano.
En 2005 foi designado xunto a Fernando Vázquez, adestrador da selección galega, combinado que recuperaba a súa actividade despois de décadas de ausencia. Ambos os técnicos dirixiron o equipo galego nos catro encontros que este disputou ata 2008. A importancia de Arsenio no fútbol coruñés e no deporte galego en xeral, valéronlle numerosas homenaxes e recoñecementos, entre elas un monumento situado nas inmediacións do estadio de Riazor ou a Medalla Castelao que lle foi concedida no 2012.
Foi o noveno fillo dunha familia labrega da Baiuca, en Arteixo, sendo seus pais Arsenio Iglesias González e Dolores Pardo Alvedro.[4][5] Axiña demostrou sentir unha gran paixón polo fútbol, deporte que comezou a practicar xunto a outros rapaces da vila, xogando descalzos con pelotas de goma ou feitas con trapos.[6] Durante a adolescencia xogou algúns partidos co Penouqueira, de xeito esporádico, pois o club aínda non estaba federado.[7]
En 1946 marchou á Coruña para estudar na Escola do Traballo (hoxe IES Fernando Wirtz),[8] e ao ano seguinte comezou a xogar no CD Ciudad Jardín,[7] debutando cun triplete contra o Orzán (3-2).[9] Militou só un ano no modesto club coruñés, pois fixouse nel Antonio Vázquez Mouzo, presidente do Bergantiños, que o levou para o equipo carballés, que militaba naquel entón na Serie A Rexional e que disputaba tamén o Campionato Galego de Afeccionados.[10][7][11] Durante esta época compaxinaba os estudos e o fútbol co seu traballo na montaxe da liña eléctrica para os trolebuses da Coruña a Carballo.[12]
Despois de dúas tempadas no Bergantiños, e de xogar un partido coa Ximnástica Lucense na Copa Galicia fronte á Orensana, marcando un gol,[13][8] fichou en 1950 polo Fabril, que xogaba tamén na Serie A, e que naquel entón aínda non era filial do Deportivo da Coruña, mais mantiña un convenio con este. Alí coincidiu con xogadores como Carlos Torres ou Fernando Pavón e tivo como adestrador a Chacho, quen tamén o dirixira no Bergantiños.[14]
En 1951 fichou polo Deportivo da Coruña, e xogou algúns encontros co filial deste en Terceira, o Xuvenil, onde realizou destacadas actuacións, cun equipo no que xogaban entre outros Otero, Dieste ou Juananco.[15] En outubro dese ano, despois dun partido contra o Polvorín no que anotou catro goles,[16] o adestrador do Deportivo, Chacho, subiuno para o primeiro equipo, que tiña varias baixas na dianteira.
Debutou na Primeira División na xornada 8 da tempada 1951/52, nun encontro que enfrontou ao Deportivo contra o FC Barcelona no Camp de les Corts e que acabou 6-1 para os barceloneses.[17] Seis días despois marcou o seu primeiro gol, contra o Español no estadio de Riazor, e xa non saíu da formación titular en toda a tempada.[18] A pesar de chegar tarde ao equipo, acabou como máximo goleador deste, empatado con Oswaldo e Moll a sete goles, dous deles anotados nun mesmo partido contra o Real Madrid de Pahiño, e outro contra o FC Barcelona na segunda volta, onde conseguiu superar ao histórico gardameta Ramallets.[19] A lenda conta que despois de anotar, Arsenio colleu a bóla e pediu desculpas ao porteiro catalán. Con todo, segundo o dianteiro, isto foi unha invención dos seus compañeiros.[20]
Na seguinte tempada estivo varias xornadas de baixa por lesión, precisando dunha operación cirúrxica antes de comezar a competición.[21] Reapareceu na xornada 5 no derbi co Celta de Vigo,[22] pero non conseguiu máis dun gol en toda a tempada, na que o equipo acabou preto do descenso, tendo que xogar unha promoción de permanencia. Para dita promoción chegou ao banco o arxentino Helenio Herrera (o quinto adestrador da tempada), que tería unha grande influencia na carreira de Arsenio. O equipo acabou logrando a salvación nun agónico derbi co Celta.[23] Durante esa tempada e a seguinte Arsenio alternou a titularidade coa suplencia, nun equipo con destacados xogadores do medio do campo para diante, entre eles Pahiño, Luis Suárez e algúns membros da antiga Orquestra Canaro.[24] No verán de 1954 participou co equipo na xira suramericana, e marcou un gol fronte ao Peñarol no Estadio Centenario.[25]
Comezou a campaña 1954/55 cumprindo unha sanción da tempada anterior, onde fora expulsado por unha liorta con Biosca nun encontro de Copa fronte ao FC Barcelona.[26] Ao seu regreso fíxose cunha praza fixa na dianteira do equipo dirixido por Toba, sendo titular en todos os restantes encontros de liga, e marcou sete goles, contribuíndo a que o equipo acabase sétimo por segundo ano consecutivo. Na tempada seguinte disputou todos os partidos de liga, marcando outros sete goles, incluído o número 600 do Deportivo en Primeira.[27] Ademais participou na primeira conquista para o equipo coruñés do Trofeo Teresa Herrera na súa décima edición, nun partido de 130 minutos contra o Athletic que a prensa da época definiu como un dos máis memorábeis da historia do fútbol coruñés.[28]
A súa mellor cifra goleadora conseguiuna na 1956/57, na que marcou oito goles en 24 partidos. Con todo, o equipo rematou penúltimo e descendeu a Segunda despois de nove tempadas na elite.
Para a tempada 1957/58, deixou o Deportivo despois de seis tempadas, e fichou polo subcampión de liga, o Sevilla FC, que pagou preto dun millón de pesetas ao club coruñés polo xogador arteixán, ademais das cesións de Liz e Arenas.[29] Asinou co club andaluz xa antes de rematar a tempada anterior, sendo o adestrador sevillista aínda Helenio Herrera, pero ao chegar á cidade hispalense o arxentino xa non estaba no banco, o que foi unha gran decepción para Arsenio.[30]
No Sevilla coincidiu con xogadores históricos do club como Juan Arza, Busto, Campanal II ou Valero.[31] Debutou o 26 de setembro de 1957, nun partido da Copa de Europa contra o Benfica de Mário Coluna.[32] Xogou tamén os oitavos de final contra o AFG danés, pero a súa participación co equipo adestrado esa tempada por Grech primeiro, e Villalonga despois, reduciuse a 11 encontros entre as tres competicións, e tres goles.
Na tempada seguinte foi traspasado xunto a Ramoní ao Granada CF de Scopelli, nunha operación pola que Gilberto Navarro pasou a ser xogador do Sevilla, e na que entrou tamén Loren, cedido ao Granada.[33] Disputou só 17 encontros de liga na súa primeira tempada, e non conseguiu ningún gol neles. O equipo acabou en postos de promoción de permanencia e Scopelli foi destituído xa antes do remate, sendo substituído por Jenő Kalmár. O húngaro mudou o xogo do equipo e Arsenio tivo unha destacada actuación na Copa do Xeneralísimo, marcando nove goles na competición e sendo determinante para que o equipo acadase unha histórica final, a primeira e única da historia do club.[34] Marcou dous goles contra o Elche en dezaseisavos de final, outros dous contra o Cádiz en oitavos, tres contra o Plus Ultra en cuartos e outro nas semifinais contra o Valencia. Deste xeito, o equipo chegou ata a final, onde se mediu ao FC Barcelona de Helenio Herrera no Santiago Bernabéu. Arsenio marcou de cabeza tras un centro de Loren o único gol do Granada, insuficiente para contrarrestar os catro do equipo catalán, liderado no campo polo seu ex compañeiro Luis Suárez e por Sándor Kocsis.[35] O húngaro acabou como máximo goleador da Copa (11 goles) e Arsenio segundo (9). Unha semana despois xogou a permanencia contra o Sabadell, facendo de cabeza o primeiro dos cinco goles cos que o seu equipo deixou practicamente sentenciada a eliminatoria.[36]
Na tempada 1959/60 foi titular indiscutible, e marcou oito goles, pero a súa participación baixou na seguinte, xa sen Kalmár no banco, na que xogou só 17 encontros, marcando dous goles, contra o Real Madrid e o Barcelona.[37] O equipo acabou último e descendeu á Segunda división. Na parte final da tempada foi cedido ao Albacete para reforzar o equipo na fase polo ascenso a Segunda, xunto ao tamén ex do Deportivo Dagoberto Moll.[38] Na primeira eliminatoria enfrontáronse ao La Felguera, e Arsenio marcou tanto na ida, disputada no campo de La Barraca, como na volta no Carlos Belmonte, gañando o equipo manchego por un global de 3-1.[39][40] Gañaron tamén a seguinte eliminatoria, contra o Badalona, logrando así o obxectivo de subir á categoría de prata.
Xa de volta en Granada, xogou dúas tempadas e media máis en Segunda, elevando os seus números co club ata os 130 encontros e 37 goles.
En febreiro de 1964 foi traspasado ao Real Oviedo, que ocupaba as derradeiras prazas da Primeira división.[41][42] Foi unha petición do novo adestrador, o galego Eduardo Toba, que pediu tamén os reforzos dos coruñeses Matito e Jaime Blanco.[43] Debutou na xornada 20 fronte ao Pontevedra,[44] e aínda que tardou uns partidos en atopar a forma,[45] acabou por facer grandes actuacións. Marcou tres goles, un deles conseguido contra o histórico Iríbar en San Mamés, co que o Oviedo gañou pola mínima e saíu dos postos de descenso directo nos que levaba metido varias xornadas. O equipo acabou clasificado para xogar a fase pola permanencia, e conseguiu manterse na máxima categoría ao derrotar ao Hércules por un global de 4-2, con dous goles de Arsenio.[46][47]
Na tempada 1964/65 foi fixo nas aliñacións do adestrador Quique e nas do seu substituto Diestro. A pesar dun bo inicio de tempada o equipo obtivo só unha vitoria entre a xornada 7 e a 23, caendo ata as últimas posicións e perdendo finalmente a categoría xunto ao Deportivo. Arsenio marcou catro goles, o último deles nun partido de Copa fronte ao Osasuna no Carlos Tartiere.[48]
Na tempada 1965/66 regresou ao Albacete, de novo en Terceira, despois de que un grupo de socios do club costease a súa fichaxe.[49] Ao remate da campaña colgou as botas, aos 35 anos de idade.[27]
Co título de adestrador rexional no peto púxose á fronte do Fabril en agosto de 1967.[50] O equipo despregou un gran xogo ofensivo e logrou sonadas vitorias,[51] como un 9-1 fronte ao Lemos en Riazor con catro goles de Chapela II,[52] ou un 6-0 sobre o Arousa,[53] rematando no terceiro posto da Terceira División, a segunda mellor clasificación da historia do club. Continuou como adestrador do Fabril, así como segundo adestrador do Deportivo, durante dúas tempadas e media máis, pero na 1969/70 non puido manter a categoría, despois de que a reestruturación da Terceira división provocase o descenso de 96 dos 160 equipos da categoría, incluído o equipo fabrilista que rematou 11º no seu grupo de 20.[54]
O 31 de decembro de 1970 colleu as rendas do primeiro equipo do Deportivo da Coruña, despois de que fose destituído Roque Olsen a noite anterior.[55][56] O equipo branquiazul ocupaba naquel momento a cuarta posición da Segunda división, empatado a puntos co Castellón, quinto. Arsenio debutou no banco do equipo o 3 de xaneiro de 1971, no partido da xornada 18 contra o Racing de Ferrol que acabou con empate a dous goles.[57] Chegou á derradeira xornada no quinto lugar, xogándose todo no último partido contra o Rayo Vallecano, que estaba segundo. No decisivo encontro, o equipo de Arsenio bateu por 1-0 ao de Orizaola cun solitario gol de Beci, clasificándose terceiro e regresando así á máxima categoría despois de dous anos de ausencia, acompañado no ascenso por Betis, Burgos e Córdoba.[58] Ademais na Copa do Xeneralísimo eliminou á UD Salamanca, ao Real Madrid (vixente campión) e ao Celta de Vigo, alcanzando os cuartos de final, onde foi eliminado polo FC Barcelona de Vic Buckingham.[59]
A tempada 1971/72 foi a do debut de Arsenio nos bancos da Primeira División. O Deportivo mantivo practicamente o mesmo bloque de xogadores que lograron o ascenso, coa incorporación de Zugazaga como único cambio destacado,[60] e rematou na 14ª posición, conseguindo así a permanencia. Ao ano seguinte non puido manter a categoría, descendendo na última xornada ao perder contra o Atlético de Madrid, que gañou ese día a liga.[61]
En 1973 principiou unha das etapas máis exitosas da súa carreira, á fronte do Hércules CF, que militaba entón na Segunda división. Destacaban naquel equipo xogadores como Baena, Nagy ou o coruñés Manolete, este último cedido ao equipo polo Valencia por petición expresa de Arsenio. A pesar dun mal inicio, con catro derrotas nos seis primeiros partidos, o equipo recompúxose e comezou a lograr bos resultados, sufrindo só cinco derrotas nas restantes 32 xornadas. Subiu ata a segunda posición, só por detrás do Betis de Ferenc Szusza, e logrou ascender a Primeira despois de sete anos de ausencia.[62]
Para a tempada 1974/75 na máxima categoría, o Hércules reforzouse con numerosas fichaxes como as de Santoro, Giuliano, Quique, Juan Carlos, Arieta II ou Barrios. Tras uns irregulares resultados, o equipo ocupaba postos de descenso a falta de dez xornadas. Con todo, os de Arsenio conseguiron seis vitorias e tres empates neses dez encontros, subindo ata a quinta posición final, a mellor clasificación da historia do club.[63] Quedaron ademais empatados a puntos coa Real Sociedad, cuarta, e a dous puntos dos subcampións, o Zaragoza de Carriega.
A boa xeira prolongouse durante o inicio da tempada 1975/76, e transcorridas dez xornadas o Hércules ocupaba a segunda praza da táboa. Despois de máis de media tempada entre as catro primeiras posicións, finalmente acabou sexto, con 36 puntos, os mesmos que na tempada anterior.[64] Na cuarta e derradeira tempada de Arsenio no club alacantino, este rematou 13º e acadou os cuartos de final da Copa do Rei, onde foi eliminado na quenda de penaltis polo Betis, que logo sería o campión. Estes anos de triunfos profesionais foron acompañados no persoal dunha época de fonda tristura e saudade, ao ter que vivir afastado da súa familia, unha situación que comezou en Alacant pero que continuou o resto da súa carreira e pola que tivo que recibir tratamento médico.[65]
Na tempada 1977/78 regresou á Segunda división para adestrar o Zaragoza.[66] Foi un difícil ano para o técnico, duramente criticado pola afección polo xogo defensivo do equipo, a pesar de que este acabou proclamándose campión despois de permanecer invicto na Romareda, onde só cedeu dous empates en todo a campaña, e grazas en gran parte aos 22 goles de Pichi Alonso.[67]
Na tempada seguinte fichou polo Burgos CF, que comezaba a súa quinta tempada na máxima categoría, a terceira consecutiva.[68] Non tivo grandes problemas para manter a categoría, conseguindo a permanencia con varias xornadas de antelación. A falta de catro partidos ocupaba a oitava praza da táboa; con todo, tres derrotas consecutivas fixeron que baixase ata o 13º posto final. A pesar de que o club lle ofreceu a renovación, decidiu non aceptala.[69]
En novembro de 1979 chegou ao Elche, de 2ª, para substituír o paraguaio Heriberto Herrera, que sufrira unha trombose.[70][71] Colleu o equipo na metade da táboa e acabou na cuarta posición, a dous puntos dos postos de ascenso.
Na 1980/81 fichou pola AD Almería, na que sería a segunda tempada do club na Primeira división, e onde sucedeu no banco ao triunfante Maguregui, que logrou o ascenso e acadou a novena posición ao ano seguinte. A súa etapa almeriense durou só ata a xornada 18, cando o equipo ocupaba a derradeira posición, sendo entón destituído por primeira e única vez na súa carreira.[72][73]
En xuño de 1982, despois de varios meses viaxando polo mundo como observador da Federación Española, enviando informes de equipos rivais ao seleccionador José Santamaría,[74] regresou ao Deportivo, que despois da súa marcha case unha década antes levaba anos vagando pola Segunda división, a Segunda B e a Terceira.[75]
Na súa primeira tempada nesta nova etapa, o club coruñés, no que xogaban futbolistas como Parrocho, Piña, Silvi, Ballesta, Vara ou Traba, ocupou os postos de ascenso a Primeira durante a maior parte do ano e chegou á derradeira xornada na terceira posición. Con todo, o ascenso frustrouse nun último partido contra o Rayo Vallecano en Riazor que acabou en derrota, nun dos días máis tristes da historia do club.[76] Chegou tamén ata a final da Copa da Liga de Segunda, onde caeu contra o Atlético Madrileño de Joaquín Peiró.[77]
Nas dúas seguinte campañas os resultados empeoraron e o Deportivo rematou na 9ª e na 13ª praza, moi lonxe do seu obxectivo. Ante as presións de certos sectores da contorna do club decidiu abandonar o seu posto.
Dende a súa marcha do Deportivo tivo ofertas de varios equipos que rexeitou pois non quería saír de novo de Galicia.[78] En decembro de 1987 o presidente do Compostela, Manuel Carballal, recorreu a el para que se sentase no banco santiagués substituíndo ao cesado Manolo Petaca, proposta que aceptou.[78] Alí dirixiu entre outros a Villalba, Luisito, Ochoa e Baleato, pero o seu paso por Compostela durou só dous meses e medio, ata que volveu recibir a chamada do Deportivo.
Chegou ao Deportivo a finais de febreiro de 1988, despois de recibir a carta de liberade do Compostela. Faltaban 14 xornadas para o remate da tempada 1987/88 e o equipo coruñés ocupaba postos de descenso a Segunda B despois dunha desgraciada campaña que incluíu o paso de dous adestradores antes de Arsenio, Eusebio Ríos e Luis Rodríguez Vaz, e incluso a morte dun dos xogadores do equipo, Javier Sagarzazu.[79] Baixo o mando de Arsenio o Deportivo salvouse no minuto 92 do derradeiro partido, grazas a un solitario gol de Vicente Celeiro contra o Racing de Santander.[80]
Na tempada seguinte o equipo rematou décimo na liga, e deu a sorpresa na Copa do Rei, chegando por primeira vez na súa historia ás semifinais, despois de eliminar a Arenteiro, As Pontes, San Sebastián, Sabadell, Real Sociedad e Mallorca. Nas semifinais enfrontouse ao Valladolid de Vicente Cantatore. O Deportivo gañou na ida por 1-0 cun gol de Raudnei, mentres que na volta Albis empatou a eliminatoria no minuto 82, forzando unha prórroga na que o equipo de Valladolid saíu vitorioso cun tanto do lucense Manolo Peña.[81][82] Na 1989/90 o Deportivo remata cuarto despois dunha irregular tempada, logrando unha das dúas prazas para a promoción de ascenso contra un rival de Primeira. Este foi o Tenerife, que esa mesma tempada eliminara ao Deportivo na primeira rolda da Copa do Rei. Os de Arsenio non pasaron do empate a cero no Heliodoro e caeron derrotados en Riazor cun gol de Eduardo Ramos, tendo que continuar un ano máis en Segunda.[83]
Foi finalmente na campaña 1990/91 cando Arsenio conseguiu o ascenso para o Deportivo. Nunha tempada con numerosas e importantes incorporacións, como as de Albis, Joaquín Villa, os vascos Yosu, Albistegi, Uralde e Mujika, ou os iugoslavos Kanatlarovski, Stojadinović e Đukić, o Deportivo mantívose toda a tempada entre os cinco primeiros. Nun último encontro fronte ao Murcia, en Riazor, no que ardeu parte do estadio, o Deportivo certificou o segundo posto, a un só punto do Albacete de Benito Floro, regresando á Primeira división case dúas décadas despois, e, igual que a vez anterior, con Arsenio no banco.[84] Ao remate do partido contra o Murcia, o adestrador arteixán anunciou a súa retirada dos bancos.[85][86]
Na temporada de retorno do Deportivo a Primeira, o club comezou con mal pé, e en abril de 1992 o presidente Augusto César Lendoiro destituíu a Marco Antonio Boronat tras ser goleado en Albacete, botando man unha vez máis da experiencia de Arsenio case un ano despois de que este anunciase a súa retirada.[87] Volveu para salvar a categoría nas oito últimas xornadas, e conseguiu evitar o descenso directo pero non a promoción. O rival dos galegos naquela histórica promoción foi o Betis de Felipe Mesones. O Deportivo gañou na ida en Riazor cunha escasa marxe de 2-1, con goles de Albistegi e do búlgaro Kiriakov, mentres que o tenso partido de volta no Benito Villamarín acabou con empate a cero e cunha famosa e icónica aperta entre Arsenio e o capitán deportivista, Martín Lasarte.[88][89] Ademais neses días o equipo disputou por segunda vez na súa historia unhas semifinais da Copa do Rei. Con todo, os de Arsenio non puideron centrarse na eliminatoria copeira, pois o seu principal obxectivo era a promoción de permanencia, e caeron por un global de 3-1 contra o Atlético de Madrid de Luis Aragonés.[88]
Uns días despois o seu contrato foi renovado e deu comezo así a etapa de máis éxito da súa carreira, a do coñecido como Súper Dépor.[90] Para a tempada 1992/93 o equipo renovouse e chegaron entre outros Nando, Aldana e os brasileiros Mauro Silva e Bebeto. Cos goles de Bebeto e Claudio o Deportivo conseguiu cinco vitorias nos primeiros cinco partidos, incluídos dous triunfos contra Celta de Vigo e Real Madrid. Derrotou tamén ao FC Barcelona de Cruyff e mantivo o liderado ata a undécima xornada, cando perdeu contra o Atlético de Madrid. Volveu ocupar o primeiro posto entre as xornadas 20 e 24, caendo logo ao terceiro posto que ocuparía ata o final de tempada. Deste xeito Arsenio clasificou ao Deportivo para a Copa da UEFA por primeira vez na súa historia. Na Copa do Rei, pola contra, o equipo caeu en 1/16 de final contra o Mérida de Ufarte na quenda de penaltis.[91]
Na seguinte tempada chegaron entre outros Voro, Donato e Alfredo. O debut de Arsenio e do Deportivo na Copa da UEFA produciuse contra o Aalborg danés, contra o que perderon na ida no Aalborg Stadion por 1-0 cun gol de Søren Thorst, pero ao que golearon na volta en Riazor por 5-0, cun triplete de Bebeto e dous goles de Claudio. A continuación eliminaron ao Aston Villa e caeron en oitavos contra o Eintracht Frankfurt. Tamén en oitavos quedaron fóra da Copa do Rei, onde os eliminou o Oviedo de Radomir Antić. As cousas foron moito mellor na liga, onde con 22 vitorias e só 18 goles encaixados, ocuparon a primeira praza entre a xornada 14 e a 37. Chegaron á derradeira xornada contra o Valencia cun punto de vantaxe sobre o FC Barcelona, segundo, mentres Arsenio pedía cautela ante a excesiva euforia na Coruña.[92] No partido final o Deportivo non puido pasar do empate a cero co Valencia e Đukić fallou un famoso penalti no tempo de desconto, que podería terlle dado ao equipo galego o título de liga, que foi finalmente para Barcelona. A pesar da decepción o Deportivo de Arsenio conseguiu aquela tempada o segundo subcampionato da súa historia, 44 anos despois do primeiro.[93]
Na tempada 1994/95 o equipo mantivo practicamente o mesmo bloque de futbolistas, con Julio Salinas e Villarroya como únicas fichaxes destacadas. Os bos resultados continuaron e o Deportivo volveu acadar o subcampionato de liga, esta vez por detrás do Real Madrid de Valdano. Tamén na Copa da UEFA repetiu a actuación do ano anterior, caendo de novo en oitavos, esta vez fronte ao Borussia Dortmund de Ottmar Hitzfeld, tras encaixar dous goles nos minutos finais da prórroga do partido de volta no Westfalenstadion.[94]
Mais o grande éxito de Arsenio esa tempada chegou na Copa do Rei. O Deportivo iniciou a súa andaina na competición nos oitavos de final, vencendo ao Lleida de Mané por un global de 7 goles a 1, tres deles obra de Salinas. Nos cuartos de final o rival foi Athletic de Javier Irureta, ao que o Deportivo deixou practicamente sentenciado no partido de ida en Riazor, cun resultado de 3-0, mentres que na volta o partido acabou con empate a cero. Nas semifinais o club coruñés derrotou por 0-2 ao Sporting de Gijón no partido de ida no Molinón, que xunto co 0-1 da volta foi suficiente para meterse na primeira final de Copa historia do Deportivo e a segunda de Arsenio, despois da que disputara como futbolista do Granada en 1959. A final disputouse contra o Valencia no Estadio Santiago Bernabéu e comezou o 24 de xuño de 1995. O marcador sinalaba un empate a un (con tantos de Manjarín para o Deportivo e de Mijatović para o Valencia), cando no minuto 79 o partido tivo que ser suspendido por mor da intensa choiva que estaba a caer na capital española. Tres días despois xogáronse os 11 minutos restantes, nos que o equipo de Arsenio conseguiu o primeiro título de Copa para un equipo galego, grazas a un gol de Alfredo.[95][96]
A pesar de todos estes éxitos e de que neste último ano o Deportivo se fixese campión de Copa, Arsenio saíu do club non sen certa polémica coa directiva presidida por Augusto César Lendoiro, sendo anunciado John Benjamin Toshack como o seu substituto meses antes do remate da tempada.[97][98]
Mediada a temporada 1995/96, e ante a crise interna que estaba a experimentar o Real Madrid, daquela adestrado por Jorge Valdano, a directiva do club branco decidiu despedir ao técnico arxentino despois dunha derrota contra o Rayo na xornada 22 que deixou ao equipo no oitavo posto da táboa. O presidente Lorenzo Sanz chamou entón a Arsenio Iglesias para que se fixese cargo do equipo até final de temporada. Asinou contrato o 23 de xaneiro de 1996 e ocupouse do Real Madrid durante catro meses,[99] debutando con vitoria por 1-2 contra o Real Oviedo no Carlos Tartiere, con dous goles de Raúl.[100] En marzo dirixiu por primeira vez na Liga de Campións, nos cuartos de final contra a Juventus de Lippi. Gañou na ida no Bernabéu por 1-0, pero os italianos deixaron fóra ao equipo branco no partido de volta no Stadio delle Alpi con dous goles de Del Piero e Padovano.[101]
Aínda que conseguiu dar algo de estabilidade ao conxunto, que tiña grandes problemas dentro do vestiario,[102] non puido acadar a clasificación para competicións europeas ficando sexto, a tan só dous puntos do último clasificado para a UEFA, o Tenerife.
No 2005 foi designado para dirixir xunto con Fernando Vázquez o retorno da selección galega, combinado ao que adestraron en catro encontros, debutando na vitoria por 3-2 fronte ao Uruguai en San Lázaro.[103] Posteriormente, os dous técnicos dirixiron o equipo galego nos dous empates contra Ecuador e o Camerún en Riazor e Balaídos respectivamente,[104][105] e na vitoria por 3-2 contra Irán en Riazor en 2008.[106]
No 2008 organizouse a primeira edición da Liga española e da Copa de España de fútbol indoor. Con tal motivo formouse un equipo de veteranos do Deportivo da Coruña, no que se reencontraban ex xogadores do club como Fran, José Ramón, Djalminha ou Manjarín. Arsenio foi o encargado de adestrar ao equipo, que conseguiu ambos títulos tanto ese ano como en 2010, convertendo así ao Deportivo no primeiro gran dominador deste deporte en España.[107][108][109][110]
Mais alén da súa traxectoria deportiva, Arsenio recibiu a simpatía da sociedade galega polo seu xeito de ser e de enfrontarse á vida, humilde, sinxelo, e á vez espelido,[111] e gañou popularidade polas súas declaracións á prensa, onde se deixaba ver dita humildade.[112] Exemplos disto son o seu coñecido desagrado polo termo "Súper Dépor" ou o seu chamamento á cautela nos días previos ao desenlace da liga 1993/94, nun momento no que A Coruña case celebraba xa un título que nunca chegou, e onde Arsenio fixo famosa a frase "ollo á festa, que cha quitan dos fociños, pero inmediatamente".[113][92][114]
En 1994 o concello de Arteixo púxolle o seu nome a unha rúa, chamada dende entón Avenida Arsenio Iglesias.[115] Ao ano seguinte o concello da Coruña inaugurou un monumento na súa honra, situado no Paseo Marítimo á altura do estadio de Riazor, preto dos monumentos a Otero, Chacho e Acuña. Trátase dun busto de bronce realizado polo escultor Eduardo Rodríguez Osorio, que morreu uns meses antes da inauguración, sendo esta a súa última obra.[116]
En 2012 foille concedida a Medalla Castelao e catro anos despois a insignia de Ouro e Brillantes do Deportivo da Coruña, a maior distinción que concede o club.[117][118][119] En 2020 foi homenaxeado pola cidade da Coruña, sendo nomeado Fillo Adoptivo da cidade, e dándolle o seu nome a unha rúa e á Cidade Deportiva da Torre.[120][121] En 2024 inaugurouse na Coruña unha rúa co seu nome, a travesía Arsenio Iglesias, situada a carón da célebre Torre de Maratón do estadio de Riazor.[122]
O grupo coruñés Os Diplomáticos de Monte-Alto dedicoulle a canción "Manda Tralla (oda a Arsenio)".[123]
Casou en 1956 con Carmen Vázquez García, unha mestra escolar natural de Loureda,[124][125] e tiveron catro fillos: María del Carmen, Arsenio, Antonio e Pablo.[126]
Finou como consecuencia do párkinson o 5 de maio de 2023. A súa capela ardente instalouse no estadio de Riazor, a primeira vez que isto se facía. Foi soterrado no cemiterio novo de Arteixo.[127]
Zaragoza
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.