futbolista español From Wikipedia, the free encyclopedia
Ramón Piña Martínez, nado en Buño (Malpica de Bergantiños) o 2 de febreiro de 1956, é un exfutbolista e adestrador de fútbol galego. Xogaba de defensa.
Ramón Piña | |||
---|---|---|---|
Información persoal | |||
Nome | Ramón Piña Martínez | ||
Nacemento | 2 de febreiro de 1956 | ||
Lugar de nacemento | A Coruña | ||
Posición | Defensa | ||
Carreira sénior | |||
Anos | Equipos | Aprs | (Gls) |
1972–1973 | Fabril | ||
1973–1983 | Deportivo da Coruña | 292 | (4) |
1983–1984 | Lugo | ||
1984–1987 | Bergantiños | ||
Adestrador | |||
1988 | Bergantiños | ||
1989 | Bergantiños | ||
1991–1994 | Bergantiños | ||
1995 | Racing Vilalbés | ||
1995 | Racing de Ferrol | ||
1996–1997 | Betanzos | ||
1998–2000 | Betanzos | ||
2001–2002 | Cerceda | ||
2004 | Ordes | ||
2005 | Cerceda | ||
2007 | Mesón do Bento | ||
Partidos e goles só en liga doméstica. [ editar datos en Wikidata ] | |||
Naceu en Buño, sendo fillo de Clarisa Martínez, unha ama de casa da mesma localidade e de Ramón Piña, un albanel de Mera.[1][2] Viviu en Buño ata os 12 anos, cando se trasladou a Tui.
Con 16 anos recibiu a visita de Alfonso Pintos, adestrador dos xuvenís do Deportivo da Coruña, que chegou coa intención de fichalo.[1] Así, ingresou no equipo xuvenil coruñés, no que permaneceu dous anos xogando todos os partidos.
Tras pasar polo Fabril, debutou co Deportivo da Coruña en Segunda División na tempada 1973–74, na que xogou 25 partidos. Xogou nove tempadas máis co club coruñés, vivindo dous descensos a Terceira División e a Segunda B e outros dous ascensos, e disputando máis de 300 partidos, o que o coloca entre os xogadores con máis encontros coa camisola branquiazul.[3]
En agosto de 1983 asinou polo CD Lugo, de Terceira División,[4] no que xogou unha soa tempada, antes de recalar no Bergantiños FC no verán de 1984.[5] Co equipo carballés xogou tres anos, converténdose no capitán e logrando nas dúas últimas tempadas dous históricos ascensos consecutivos a Terceira e a Segunda B.
Xogou dous anos na selección galega xuvenil e en 1972 disputou coa selección española xuvenil o Campionato de Europa.[1][6]
Tras o segundo dos seus ascensos co Bergantiños, en 1987 colgou as botas e pasou a ser o axudante do técnico Xulio Díaz no propio club, ademais de traballar nas categorías inferiores.[7] Esa mesma tempada (1987/88) chegou a dirixir o primeiro equipo en varios partidos pola ausencia de Díaz. Na seguinte tempada foi o segundo adestrador de José Ramón Segura, ata que este foi cesado en febreiro de 1989, momento no que Piña se puxo á fronte do equipo carballés ata o final de tempada.[8] Volveu dirixir o equipo entre 1991 e 1994,[9] cando foi cesado a pesar de ter logrado ese ano o título de Terceira División e estar xogando a fase de ascenso a 2ª B.[10]
En marzo de 1995 foi contratado polo Racing Vilalbés para tentar salvar o club do descenso á Rexional Preferente, cousa que non puido conseguir.[11] En xullo converteuse en novo adestrador do Racing de Ferrol para a tempada 1995/96.[12] En decembro foi destituído polo presidente Isidro Silveira a pesar de ir cuarto na clasificación.[13]
En agosto de 1996 fichou polo Betanzos, de Terceira División,[14] co que rematou a tempada 1996/97 no quinto lugar, a mellor clasificación da historia do club ata ese momento.[15] con todo, non foi renovado, e despois dun ano sen equipo volveu ao Betanzos en novembro de 1998.[16] Ao remate da tempada renovou por outro ano máis. No equipo betanceiro xogaba como porteiro o seu fillo Iván, e no partido contra o Fabril deuse a circunstancia de coincidiren tres membros da familia, pois o seu outro fillo, Queco, era o porteiro do filial deportivista.[17] Acabou a tempada 1999/00 como quinto clasificado, pero non foi renovado.[18]
En marzo de 2001 chegou ao banco do Cerceda, tamén na Terceira División, para tentar salvalo do descenso nas últimas xornadas, obxectivo que conseguiu, para adestrar o equipo durante toda a seguinte tempada.[19] En marzo de 2004 fichou polo Ordes, para adestralo ata o final de tempada.[20] En febreiro de 2005 volveu ao Cerceda.[21]
En 2007 chegou ao banco do Mesón do Bento.[22]
Os seus fillos Iván e "Queco" Piña foron tamén futbolistas, xogando os dous como porteiros.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.