concello da comarca do Baixo Miño, na provincia de Pontevedra From Wikipedia, the free encyclopedia
Tui é un concello galego da provincia de Pontevedra, pertencente á comarca do Baixo Miño da que é capital. Tui foi a capital dunha das sete provincias de Galicia até 1833, da provincia de Tui. Segundo o IGE a súa poboación en 2016 era de 16.966 persoas. O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é tudense.
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde maio de 2018.) |
Localización | |||||
---|---|---|---|---|---|
| |||||
Estado | España | ||||
Comunidade autónoma | Galicia | ||||
Provincia | Provincia de Pontevedra | ||||
Capital de | |||||
Capital | Tui | ||||
Poboación | |||||
Poboación | 17.327 (2023) (253,69 hab./km²) | ||||
Xeografía | |||||
Parte de | |||||
Superficie | 68,3 km² | ||||
Altitude | 44 m | ||||
Comparte fronteira con | |||||
Santo padrón | Pedro González Telmo | ||||
Organización política | |||||
• Alcalde | Enrique Cabaleiro González | ||||
Eleccións municipais en Tui | |||||
Identificador descritivo | |||||
Código postal | 36700 | ||||
Fuso horario | |||||
Código INE | 36055 | ||||
Outro | |||||
Irmandado con | |||||
Páxina web | tui.gal | ||||
Dende o 10 de febreiro de 2012, forma coa cidade portuguesa de Valença do Minho unha eurocidade, como mostra de cooperación e integración dos dous concellos, separados tan só polo río Miño.[1]
O concello está emprazado no suroeste de Galicia, límitando ao sur co Río Miño e ao norte coa Serra do Galiñeiro e o Val da Louriña.
Noroeste: Gondomar | Norte: O Porriño | Nordeste: Salceda de Caselas |
Oeste: Tomiño | Leste: Salvaterra de Miño | |
Suroeste: Tomiño | Sur: Valença do Minho | Sueste: Valença do Minho |
A súa superficie é de 68,3 km², e limita polo norte co Porriño e Gondomar, polo leste con Salvaterra de Miño e Salceda de Caselas, polo sur con Valença do Minho (Portugal) polo oeste con Tomiño, estando dividido en 155 entidades singulares agrupadas en doce parroquias. A parroquia de Tui é, xunto con algunhas zonas lindantes de Pazos de Reis e Rebordáns, a única de carácter urbano. O resto das parroquias son rurais ou rururbanas. Estas parroquias son Areas, Randufe, Rebordáns, Pexegueiro, Malvas, Ribadelouro, Guillarei, Caldelas de Tui, Baldráns, Paramos e Pazos de Reis. Esta última é, ademais, unha entidade local menor.
O clima do concello é de carácter oceánico con forte influencia mediterránea. Caracterízase por uns invernos suaves e chuviosos e uns veráns calorosos mais non extremos, xa que as temperaturas non adoitan superar os 35 °C. As xeadas son escasas no val e máis comúns nas zonas de maior altura. Hai unha media de 20,4 días ao ano con mínimas inferiores aos 0 °C e 98,1 días con temperaturas máximas superiores a 25 °C. Adoita haber seca estival nos dous meses máis cálidos do verán. As precipitacións son elevadas, cunha media anual de 1.633 mm.[2] Segundo a clasificación de Köppen é un clima Csb, é dicir, morno con verán seco e suave, tamén coñecido coma clima mediterráneo de veráns frescos[3], típico de varias zonas das provincias de Ourense e Pontevedra[4]. É un concello moi soleado, con entre 2.200 e 2.400 horas de sol anuais, entre as cifras máis altas de Galiza[5].
Tui (valores medios do concello) | |||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Mes | Xan | Feb | Mar | Abr | Mai | Xuñ | Xul | Ago | Set | Out | Nov | Dec | Ano |
Temperatura máxima media (°C) | 13,1 | 14,8 | 17,4 | 18,7 | 21,0 | 25,2 | 28,0 | 28,1 | 25,7 | 20,6 | 16,4 | 13,9 | |
Temperatura media (°C) | 8,2 | 9,5 | 11,3 | 12,7 | 15,2 | 18,7 | 21,1 | 21,0 | 19,1 | 15,2 | 11,4 | 9,3 | |
Temperatura mínima media (°C) | 3,3 | 4,1 | 5,1 | 6,7 | 9,4 | 12,3 | 14,3 | 13,9 | 12,6 | 9,7 | 6,4 | 4,8 | |
Precipitacións (mm) | 216 | 184 | 119 | 129 | 122 | 57 | 29 | 34 | 99 | 182 | 193 | 263 | |
Fonte: Atlas Climático de España, Informe sobre o concello de Tui - AEMET |
A poboación de Tui variou ó longo da historia dependendo de factores externos e internos, coma as crises e consecuentes emigracións do século XIX, a guerra civil, ou o auxe do comercio con Portugal. Esta foi a súa evolución, segundo datos do INE:
Censo total 2018 | 16.902 habitantes |
---|---|
Menores de 15 anos | 2.541 (15.03 %) |
Entre 15 e 64 anos | 10.779 (63.77 %) |
Maiores de 65 anos | 3.582 (21.19 %) |
Evolución da poboación de Tui dende 1877 | |||||||||||||||||||
1877 | 1887 | 1897 | 1900 | 1910 | 1920 | 1930 | 1940 | 1950 | 1960 | 1970 | 1981 | 1991 | 2001 | 2011 | 2014 | 2015 | 2016 | 2017 | 2018 |
12.039 | 11.462 | 11.524 | 11.631 | 12.907 | 13.484 | 12.602 | 14.012 | 13.738 | 13.331 | 13.189 | 15.076 | 15.242 | 16.042 | 17.236 | 16.884 | 17.013 | 16.966 | 16.860 | 16.902 |
Fontes: INE e IGE (Os criterios de rexistro censual variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.) |
Tui conta con 868 veciños de nacionalidade non española, o 5,1% do total da poboación. Máis da metade dos estranxeiros son de nacionalidade portuguesa.[7] A poboación estranxeira creceu de maneira exponencial entre 1998 e 2009, a causa do boom económico do momento. Neste período a poboación estranxeira aumentou dunha cifra de apenas 254 (dos cales 169 eran portugueses) no 200 a 892 en 2010. Destaca o gran crecemento nestes 10 anos dalgunhas comunidades, como a marroquí, que pasou de 0 membros no 2000 a 184 só 10 anos despois. Co cambio de década a poboación estranxeira reduciuse lixeiramente, até os 868 actuais.[8]
Tui divídese en 13 parroquias. Tui (O Sagrario) é a parroquia máis pequena, máis poboada e onde se localiza a sede municipal. A parroquia de maior superficie, Reboreda. Á súa vez, cada parroquia divídese en varios núcleos de poboación, coñecidos como entidades singulares e a nivel popular como barrios, aldeas ou lugares. Hai un total de 155 entidades singulares en Tui,.
# | Parroquia | Entidades menores (lugares) | Superficie[lower-alpha 1] (km²) |
Poboación[10] (hab) |
---|---|---|---|---|
1 | Areas | Anta, O Atrio, A Bouza Valada, O Carballo, Os Gaios, O Regueiro e A Toxeira | 3,9 | 837 |
2 | Baldráns | A Carballiza, O Cerqueiro, O Facho, A Igrexa, A Malladoura, A Parceira, O Rapado, A Teixeira e As Veigas | 2,8 | 480 |
3 | Caldelas de Tui | Os Baños, O Calvario, O Coello, Engarde, O Foxo, Os Gaios, A Igrexa, O Monte, O Monteiro, As Peteiras, O Piñeiro, O Pozón, O Seixal, O Souto de Arriba, O Souto de Engarde e A Telleira | 3,3 | 847 |
4 | Guillarei | Albelos, A Arrotea, O Calvario, As Cegoñeiras, Eidos, A Estación, A Fenteira, A Fonte, A Gándara, A Igrexa, A Millada, O Outeiro, As Penizas, As Peteiras, A Pinza, O Pombal, A Ponte Nova, Ribe, Rodas, Sobredo, O Souto, A Teixugueira e A Torre | 7,3 | 1.866 |
5 | Malvas | A Cruz, A Devesa, A Estrada, O Guindal, Paderne, Recarei e Sambade | 9,0 | 387 |
6 | Paramos | Os Campos, A Cancela, A Igrexa, As Laxes, O Outeiro, A Praza, O Rapadouro, O Regueiro, San Caetano e A Torre | 2,4 | 550 |
7 | Pazos de Reis | O Ánxel, Circos, O Eirado, Frinxo, Herdeiros, Muíños, A Poboanza, A Porteliña, Ricamonde e O Seixal | 4,3 | 1.122 |
8 | Pexegueiro | Carraveda, A Corredoura, A Fonte Seca, O Foxo, O Marco da Fontenla, O Monte, Mosteiro, Palláns, A Pereira, A Regueira, Saídes, A Salgosa, O Souto, Vilanova e Vilapouca | 8,8 | 451 |
9 | Randufe | A Abelleira, Arcos, Bermún, As Bornetas, Camiño Branco, Casas Novas, As Chans do Carrasco, Corvaceiras, Cotarel, Coto de Gaio, Cruceiro, Dices, A Estrada, O Gateño, A Guía, A Leiriña, O Lugariño, O Matelo, O Montiño, O Outeiro, Pociño, Postes, Quiringostas, O Remesal, Sombraboa, O Souto e As Valiñas | 7,3 | 2.165 |
10 | Rebordáns | O Arroio, Curuxeiras, A Devesa, O Foxo, Funchal, Laranxeiras, A Lavandeira, A Manteigada, O Montiño, O Outeiro, Paredes, Pexegueira, O Telleiro, Vilanova e A Virxe do Camiño | 9,6 | 1.222 |
11 | Ribadelouro | Barreiro, Ribadelouro, Tui, Bouzón, Ribadelouro, Tui, O Castro, Ribadelouro, Tui, A Costa, Ribadelouro, Tui, Cotarel, Ribadelouro, Tui, O Cruceiro, Ribadelouro, Tui, A Eira Vella, Ribadelouro, Tui, Espendelo, Ribadelouro, Tui, A Farrapa, Ribadelouro, Tui, A Fernal, Ribadelouro, Tui, A Fonte, Ribadelouro, Tui, A Gándara, Ribadelouro, Tui, A Magdalena, O Mallón, Ribadelouro, Tui, Marxiáns, Ribadelouro, Tui, O Monte, Ribadelouro, Tui, Mourentán, Ribadelouro, Tui, Oia, Ribadelouro, Tui, O Porto de Bouzas, Ribadelouro, Tui, San Simón, Ribadelouro, Tui e Vides, Ribadelouro, Tui | 8,3 | 850 |
12 | Tui (centro urbano). | O Arrabal, As Bornetas, Remuíños, O Rollo, San Bartolomeu, A Sarabia, As Serpes e tUI | 1,4 | 6.125 |
A zona de Tui foi habitada desde a prehistoria, a xulgar polos sitios arqueolóxicos encontrados durante a construción da autovía a Vigo, xusto no límite co concello do Porriño, datados no paleolítico inferior.
O fértil val do río Miño e as súas condicións naturais permitiron acoller no territorio tudense asentamentos humanos desde tempos remotos. Consérvanse vestixios da época paleolítica (hai 22.000 anos) dos socalcos fluviais do Miño e do río Louro; tamén de época neolítica (hai 7.000 anos), coma a machada de Carrasqueira (Paramos) e monumentos megalíticos (Anta, Areas). A introdución da metalurxia hai 6.000 anos deixou testemuños, coma o casco de bronce ou as machadas de Caldelas de Tui (hoxe no Museo Diocesano tudense) ou os gravados rupestres de Randufe.
Na época castrexa (séculos VIII-VII a. C. a I d. C.) construíronse poboados estables e fortificados nos cumios dos montes e outeiros, os castros. Os autores da época sinalan a Tui (Tude) como capital do grupo xentilicio dos Grovios. No cumio do monte Aloia, Cabeza de Francos (Pazos de Reis), A Guía (Randufe), Alto dos Cubos e na mesma localización actual da cidade está documentada a existencia de poboados castrexos.
A chegada de Décimo Xunio Bruto e as súas tropas no ano 137 a.C. marcaron o inicio da romanización deste territorio.
Ata o século XX foi tradición subir, nas rogativas, ó patrón local ata a pedra do sol, no alto do monte Aloia, que desde 1900 ten enriba unha cruz de pedra.
A romanización trouxo unha época de paz que permitiu ós habitantes da zona abandonar os castros e poboar as terras baixas próximas ó río Miño. As fontes clásicas (coma Plinio o Vello, Tolomeo ou Silio Itálico) documentan a existencia do Castellum Tude e da fundación mítica da cidade polo heroe grego Diomedes, fillo do heroe Tideo (de aí o nome Tui). Son moi abundantes os achados da época romana no territorio tudense, destacando sobre todo os da zona de Santa Eufemia-San Bartolomeu, con varias necrópoles escavadas, así como a propia cidade de Tui, que era unha das mansións da vía XIX, do itinerario de Antonino, como testemuñan os miliarios e outros restos atopados. Non quedaron moitos restos visibles desa época, aínda que si se documentaron en distintas escavacións. Por Tui pasaba a vía romana XIX, que unía Braga, Lugo e Astorga. Desta vía consérvase un miliario no museo de Pontevedra.
No Baixo Imperio e nos primeiros tempos medievais Tui continuou sendo un importante centro militar, administrativo e relixioso, documentándose a súa sé episcopal desde o século V. Figura como capital do reino co rei suevo Requimundo (458-463), e varias moedas da época foron cuñadas na ceca tudense, que continuou funcionando aínda despois da integración da conquista polos visigodos (585). Baixo o lousado da igrexa de San Bartolomeu de Rebordáns achouse unha necrópole sueva (onde é de destacar a tapa dun sarcófago de "estola" tipicamente suevo co nome de "Modesta"). A uns cen metros atópase a ponte romana sobre o río Louro. O rei godo Vitiza tivo a comezos do século VIII a súa corte e pazo en Tui, no lugar de Monterreal-Pazos de Reis. Isto debeuse a que a corte de Toledo era perigosa para os príncipes máis novos, polo que eran enviados a Tui para os manteren afastados das intrigas de pazo.
Pouco despois Tui sufriu a invasión dos árabes, que asolaron a cidade. Foi supostamente liberada por Afonso I de Asturias no 739. No 850 Ordoño I mandouna repoboar, e no 915 Ordoño II restaurou a sé episcopal. Coa caída do imperio comezou a etapa de maior importancia histórica de Tui. Os seus bispos aparecen nos concilios de Braga, e deixan sentir a súa influencia nunha zona moi ampla, tanto ó sur como ó norte do Miño.
Nesa época os ataques normandos saquearon Tui de novo. A sé episcopal quedou vacante ata o ano 1071, cando o rei García e dona Urraca restauraron e dotaron novamente a sé, que se instalou no mosteiro de San Bartolomeu de Rebordáns, cunha igrexa datable no século IX, aínda que con vestixios anteriores.
Recuperou o seu esplendor ó converterse en capital da provincia de Tui do reino de Galicia e nun posto estratéxico na beira do río Miño, tanto para a guerra coma para o comercio. Este esplendor viuse aumentado no século XII, xunto con toda a franxa norte da península, ata o río Douro.
Na primeira metade do século XII tivo lugar un feito transcendental, o nacemento de Portugal como reino independente de Galiza e Castela. Nesa época o río Miño adquiriu o seu actual carácter fronteirizo. Coa independencia do reino portugués, Tui foi escenario, ó longo dos séculos, de múltiples acontecementos bélicos relacionados coas loitas fronteirizas. En 1170 Fernando II mandou desprazar a poboación tudense desde a zona de San Bartolomeu á actual localización da cidade (que era un outeiro con viñas propiedade do bispado), dotándoa dun sistema amurallado, do que aínda se conservan diversos tramos, e concedéndolle un foro e privilexios ós poboadores de San Boaventura, nome co que pretendía designar á nova cidade, pero que non prosperou.
Os monarcas, tanto casteláns como portugueses, apoiaron á sé tudense con importantes doazóns. O bispo era o señor da cidade e do seu coto, e Tui experimentou un importante desenvolvemento socioeconómico e cultural. Así, en 1225 foi consagrada a Catedral de Santa María, construída en estilo románico e cunha portada expresión do primeiro gótico de Galiza. O seu claustro é algo máis tardío. Do mesmo estilo gótico é tamén o convento de San Domingos.
Nos séculos medievais Tui era un importante centro comercial, cun dinámico porto fluvial. Contaba con diversos gremios e unha comunidade xudía con sinagoga. Era lugar de paso da vía portuguesa do camiño de Santiago, dispoñendo dun hospital para os peregrinos. No actual centro histórico, que ocupa unha superficie dunhas 10 hectáreas, consérvanse numerosas edificacións de época medieval (especialmente do século XV, cos seus característicos arcos conopiais) e moderna (moitas delas brasonadas).
En 1623 a cidade recibe o título de Moi Nobre e Moi Leal, ó que en 1885 se lle engade o de Excelentísimo Concello. En 1640, con ocasión das guerras con Portugal, amplíanse as murallas medievais, adaptándoas ós novos sistemas defensivos. Ata 1833 Tui foi unha das sete capitais do Reino de Galicia (as outras seis foron Mondoñedo, Betanzos, A Coruña, Santiago de Compostela, Ourense e Lugo), e nela se celebraron as Xuntas do Reino de Galicia en 1664. A esta época corresponde a construción do convento das Clarisas ("Encerradas"), de San Antonio (San Francisco) e a igrexa de San Telmo.
Véxase tamén: Guerra civil no Baixo Miño
O sistema de foros continuou manténdose ata o século XIX. Por esta razón era imposible a transformación á agricultura capitalista. O movemento agrarista tivo en Tui un dos seus principais focos. Este movemento celebrou na cidade o seu I Congreso Agrario, en xullo de 1922.[11] A loita antiforista viuse agravada tras o masacre de tres campesiños, un dos cales era unha muller embarazada, no lugar de Sobredo (parroquia de Guillarei). Estes tres labregos son coñecidos como os Mártires de Sobredo.[12] Estes eventos levaron á abolición dos contratos de foros en 1926, coa aprobación dunha lei que permitía ós campesiños acceder á propiedade da terra que traballaban tras un pago dunha indemnización ós aforadores.
Outro movemento que emerxeu con forza no concello nas primeiras décadas do século XX foi o movemento obreiro, tanto na súa vertente socialista (representado polo binomio Partido Socialista Obreiro Español/UGT) coma na anarquista (representado polo sindicato CNT). Este último tiña en Tui un dos seus principais feudos da provincia.[13] Na Segunda República o concello tamén contou con importante presenza dos partidos republicanos e do Partido Galeguista.
Durante a guerra civil española Tui foi a última cidade galega en caer en mans do bando nacional, grazas á rápida organización dun Comité de Defensa da República na vila e á lealdade ao goberno lexítimo de parte dos mariñeiros do Cabo Fradera e do corpo de Carabineiros locais. Despois de que os golpistas se fixeran co control da cidade de Vigo tras tres días (20-23 de xullo) de duros combates, estes poideron atacar os focos de resistencia que quedaban na Provincia de Pontevedra, en particular as comarcas do Baixo Miño e O Condado. Tras unha primeira ofensiva infrutuosa, a chegada de reforzos de Ourense e o bombardeo da cidade fixeron que rematase a resistencia republicana, que organizou a última contenda no lugar da Volta da Moura.[14] Esta condición de ser o último foco de resistencia custoulle a Tui unha represión feroz, cunha das cifras de fusilados máis altas de Galiza. A día de hoxe aínda non se coñece a cifra exacta de vítimas mortais da represión, aínda que existen diversos estudos, que cifran o número entre 300[15] e 117[16].
Outro fenómeno transcendente durante os séculos XIX e XX foi a emigración cara a América primeiro e a Europa despois.
Na actualidade Tui e a comarca do Baixo Miño están realizando un proceso de modernización no ámbito da industria, a agricultura, e os servizos.
Desde a aprobación da constitución española de 1978 a cidade tivo os seguintes alcaldes:
A actual corporación municipal, escollida nas eleccións municipais de 2019, está composta polos seguintes grupos:
Partidos | Votos | Concelleiros | ||||
---|---|---|---|---|---|---|
Votos | % | ±pp | Cambio | +/− | ||
Partido dos Socialistas de Galicia-Partido Socialista Obreiro Español (PSdeG-PSOE) | 4.381 | 45,74 | 27.03 | 8 | 5 | |
Partido Popular de Galicia (PP) | 1.461 | 15,24 | 7,47 | 3 | 1 | |
Ciudadanos (C's)[lower-alpha 2] | 1.241 | 12,95 | 2,24 | 2 | ||
Bloque Nacionalista Galego (BNG) | 1.002 | 10,46 | 0,43 | 2 | ||
Converxencia 21 (C21) | 929 | 9,7 | 2,63 | 1 | 1 | |
En Marea (EM)[lower-alpha 3] | 494 | 5,16 | 2,72 | 1 | ||
Votos en branco | 73 | 0,76 | 0,68 | |||
Total | 9.672 | 100.00 | 17 | ±0 | ||
Votos válidos | 9.582 | 99,07 | 1,54 | |||
Votos nulos | 90 | 0,93 | 1,34 | |||
Votos totais / participación | 9.672 | 70,78 | 1,85 | |||
Abstención | 3.993 | 29,22 | 1,85 | |||
Censo electoral | 13.665 | |||||
Fontes: Resultados de El País e Sermos Galiza Arquivado 30 de maio de 2019 en Wayback Machine.. |
A entidade local menor de Pazos de Reis conta cun alcalde-pedáneo propio, cargo que na actualidade ostenta Enrique Pérez Martínez da formación (Ciudadanos). Igualmente, esta parroquia conta coa Xunta Local de Goberno, con cinco vocais: dous de Ciudadanos (un deles o propio pedáneo) e tres do Partido dos Socialistas de Galicia.[17]
As orixes do topónimo Tui non están plenamente claras. Investigacións arqueolóxicas relaccionan a cidade coa romana mansio Tūde ("lugar de parada nos camiños"). Ptolomeo usou o nome grego Τουδαι (Tudai) para referirse á vila, mentres que Plinio o Vello utilizou o topónimo helenizante Tyde. Unha das propostas etimolóxicas é a de Edelmiro Bascuas, que asocia o topónimo ao radical TŪD- (da raíz indoeuropea TĀ- "erreterse, fluír"), posiblemente un hidrónimo relaccionado co Río Miño.[18] Outra explicación é a que relacciona o prelatino Toûdai coa base "teuta", común nas linguas indoeuropeas occidentais, incluíndo as celtas, e que significa pobo ou comunidade.[19]
Tui conta cun amplo conxunto de edificios relixiosos debido á súa condición de sé episcopal e de lugar de establecemento de múltiples ordes relixiosas. No centro urbano podemos atopar os seguintes:
Fóra do centro urbano están as diferentes igrexas parroquiais e numerosas capelas.
Pola súa proximidade ó mar dispón de abundante marisco, pero destacan os produtos que ofrece o río Miño, sobre todo o meixón, que se pesca ata a desembocadura do río. A festa do meixón celébrase coincidindo coas festas patronais de San Telmo.
Ademais do meixón destacan as lampreas e as zamborcas. A cidade pertence á Denominación de Orixe Rías Baixas, producíndose viño albariño e do Rosal. Tamén teñen certa sona os "peixiños de améndoa" que elaboran as monxas do convento.
Tui é unha cidade ben comunicada tanto por terra, mar e aire. A ela chega a autoestrada AP-9 e a estrada N-550, que percorren o corredor do Atlántico ata o norte de Galiza. Cara ao sur tamén está ben comunicada a través de autoestradas en dirección a Porto.
Conta con dúas estacións de ferrocarril. A estación central enlaza con Vigo e con Portugal a través da Ponte Internacional, e a estación de Guillarei é a última parada na provincia de Pontevedra do TALGO que enlaza con Madrid-Chamartín. Nela parou o rei Afonso XIII de camiño a Vigo.
A cidade está a 25 quilómetros do aeroporto de Peinador, que ten voos nacionais e internacionais.
O río Miño é navegable ata a cidade.