forza política galega From Wikipedia, the free encyclopedia
Converxencia XXI ou Converxencia 21, é unha forza política galega que se define a si mesma como galeguista, europeísta, democrática, de centro reformista, liberal no social e no económico, e aconfesional. Nos novos estatutos decláranse como defensores das liberdades individuais e teñen como obxectivo abrir camiño as persoas. Do mesmo modo, expresan estar ao servizo de Galicia e propugnan o municipalismo. [1] No eido estudantil, Converxencia XXI ten como referencia a Asociación Liberal do Estudantado Galego[2].
Converxencia 21 | |
---|---|
Partido político de Galicia | |
Dirixentes e organización | |
Líder | José Manuel Palacín (Presidente) |
Filiación internacional | Partido Europeo Liberal Demócrata Reformista |
Historia | |
Fundación | 4 de maio de 2009 |
Posicións políticas | |
Ideoloxía | Galeguismo, europeísmo, centrismo, liberalismo, Liberalismo económico, Liberalismo social, Municipalismo. |
Representación | |
Concelleiros en Galicia | 1 / 3.766 |
Outros datos | |
Sede | Santiago de Compostela |
Na rede | |
converxencia.eu | |
Converxencia XXI foi inscrita no Rexistro de Partidos Políticos do Ministerio do Interior o 4 de maio de 2009.[3] O seu primeiro presidente foi o tudense Carlos Vázquez Padín, elixido secretario xeral o 2 de outubro de 2010 no I Congreso da formación[4], e reelixido o 24 de setembro de 2011 xunto cunha nova executiva nacional no II Congreso do partido.[5] O 3 de marzo de 2012 tivo lugar a I Conferencia Política de Converxencia XXI en Santiago de Compostela.[6] En outono dese mesmo ano celebrouse tamén en Compostela o III Congreso Nacional, no que Carlos Vázquez Padín foi nomeado Presidente Nacional do Partido, mentres que o lucense Garcilaso de la Vega López foi elixido Secretario Xeral do Partido.
Converxencia XXI compareceu por primeira vez a unhas eleccións nas eleccións municipais de 2011 en Galicia, presentando candidaturas en catro concellos: A Coruña, Santiago de Compostela, Vigo e Tui. Nelas obtiveron o seu primeiro representante institucional ao ser elixido concelleiro en Tui o secretario xeral do partido, Carlos Vázquez Padín. En novembro dese mesmo ano celebráronse as eleccións xerais do ano 2011, nas que, por vez primeira na historia da democracia en España, algúns partidos foron obrigados a presentar un número mínimo de sinaturas para poder participar[7]. Converxencia XXI presentou as sinaturas en forma de aval[8] e presentou listas na Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, acadando o 0,08 % dos votos válidos emitidos en Galicia.
Circunscrición | Votos | Porcentaxe de votos | Escanos |
---|---|---|---|
A Coruña | 505 | 0,07% | 0 |
Lugo | 241 | 0,11% | 0 |
Ourense | 185 | 0,09% | 0 |
Pontevedra | 505 | 0,09% | 0 |
Total en Galicia | 1.436 | 0,08% | 0 |
Nas eleccións ao Parlamento de Galicia do 21 de outubro de 2012 baixaron ata os 1056 votos, o 0,07 % dos sufraxios válidos emitidos, e nas eleccións ao Parlamento Europeo de 2014 formación pediu o voto para o Partido de la Libertad Individual, que obtivo 658 votos en Galicia (de novo, o 0,07 % dos sufraxios válidos emitidos en Galicia).
Nas eleccións municipais de 2015 Converxencia 21 só presentou candidaturas nos concellos de Santiago de Compostela e Tui. Acadou dous concelleiros en Tui, colleitando neste concello o seu maior éxito electoral tras ser a terceira formación máis votada só por tras do PPdeG e o PSdeG-PSOE. En 2017, tras o triunfo dunha moción de censura, Padín foi nomeado alcalde de Tui, pasando a ser o primeiro rexedor municipal desta formación política.[9][10]
Nas eleccións xerais do 28 de abril de 2019, só presentou listas na provincia de Lugo onde acadou 69 votos en total, sendo o partido menos votado en Galicia[11] e o terceiro menos votado no total estatal.[12]
Nas eleccións municipais de maio de 2019 o partido presentou unha única candidatura, a de Carlos Vázquez Padín en Tui, onde era alcalde. Non obstante, os resultados das elección foron negativos, acadando un concelleiro, e Padín renunciou á acta en favor de José Manuel Palacín, expresidente autonómico do Centro Democrático Liberal en Galicia e que o acompañaba na lista. Nas eleccións ao Parlamento de Galicia do 12 de xullo de 2020, e baixo a dirección do secretario xeral, Xaime Requeixo, baixaron ata os 38 votos, o 0,01 % dos sufraxios válidos emitidos.
O 26 de novembro de 2022 celebrouse o VI Congreso da formación, no cal por unha banda se reformaron os estatutos e o partido pasou a ser de corte presidencialista, e pola outra mudou a dirección, resultando elixido presidente José Manuel Palacín, o concelleiro de C21 en Tui. Carlos Vázquez Padín foi proclamado presidente de honra. Nas municipais de 2023 repetiron candidatura en Tui e resultado, un concelleiro, o propio José Palacín.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.