lugar da parroquia de Caldelas de Tui, no concello de Tui From Wikipedia, the free encyclopedia
Os Baños é un lugar da parroquia de Caldelas de Tui, no concello pontevedrés de Tui, na comarca do Baixo Miño. Tiña 284 habitantes no ano 2009, segundo o padrón municipal do Instituto Nacional de Estadística, dos que 132 eran homes e 152 mulleres, o que representa unha variación dun 1,4 por cento respecto ao ano 2000.
Os Baños | |
---|---|
Parroquia | Caldelas de Tui |
Concello | Tui |
Coordenadas | 42°03′21″N 8°34′06″O |
Poboación | 304 hab. (2017) |
[ editar datos en Wikidata ] |
Os Baños é o lugar máis relevante e con máis habitantes de Caldelas de Tui, e nel sitúanse varios dos elementos máis importantes da parroquia, como as augas termais, a estación do tren, o Gran Hotel Balneario, a vella escola unitaria, O Pelouro co seu recoñecido proxecto pedagóxico, o torreiro (denominación habitual na comarca para os campos da festa) e a capela do Carme.
O barrio medrou grazas a dous elementos, a estación do tren, erixida a finais do século XIX, e a sona das súas augas termais, que foron o motivo de que se erixise o Gran Hotel, no mesmo século. Ao seu redor floreceu o sector servizos, principalmente a hostalería, a restauración e o pequeno comercio.
Situado fisicamente a medio camiño entre a estación do tren e o balneario en si, o hotel foi promovido en 1889 por Antonio Oliver Rubio, quen chegara a xeneral do exército nos tempos de Afonso XIII, e que tamén era propietario dos baños (nome co que se coñecen as augas termais).
O establecemento viviu épocas de esplendor a comezos do século XX, igual que ocorría noutras localidades galegas, como Caldas de Reis, Cuntis, Mondariz-Balneario ou A Toxa. A sona das augas de Caldelas fixo que o hotel tivese moito éxito e propiciase o crecemento ao seu carón, no mesmo barrio, de numerosos aloxamentos. Nos bos tempos, chegaron a contarse ata sete hoteis, á marxe das fondas.
Esta situación mantívose ata a guerra civil. Daquela comezou un declive que se mantivo ata bastante avanzado o século XX e hoxe vive mellores tempos. Foi un dos escenarios do filme Hotel Danubio de Antonio Giménez-Rico (2003).
O Pelouro é unha experiencia educativa posta en marcha en 1973 por Teresa Ubeira e Juan Llauder. En 1988 foi declarado pola Xunta "centro singular experimental de innovación psicopedagóxica e integración"[1].
É un proxecto de integración de pequenos normais e outros con discapacidades que ten sido recoñecido con diversos premios e en numerosas investigacións. O seu obxectivo é, segundo contan os responsables, "propiciar a integración saudable de nenos normais con outros con déficits psicosociocognitivos e trastornos xerais do desenvolvemento"[2].
Lugares da parroquia de Caldelas de Tui no concello de Tui (Pontevedra) | |
---|---|
Os Baños | O Calvario | O Coello | Engarde | O Foxo | Os Gaios | A Igrexa | O Monte | O Monteiro | As Peteiras | O Piñeiro | O Pozón | O Seixal | O Souto de Arriba | O Souto de Engarde | A Telleira |
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.