futbolista e adestrador húngaro From Wikipedia, the free encyclopedia
Ferenc Szusza, nado en Budapest o 1 de decembro de 1923 e finado na mesma cidade o 1 de agosto de 2006, foi un futbolista e adestrador húngaro. Dianteiro histórico do Újpest, militou nese club durante 21 anos, marcando 393 goles. Considerado un dos mellores xogadores húngaros da historia, foi 24 veces internacional, marcando 18 goles, e formou parte da selección húngara coñecida como a dos "Maxiares máxicos" ou "Equipo de ouro". Como adestrador destacou en Hungría e Polonia, gañando varios títulos, e adestrou tamén en España, onde dirixiu o Betis e o Atlético de Madrid. O estadio do Újpesti Dózsa leva o seu nome.
Szusza | |||
---|---|---|---|
Información persoal | |||
Nome | Ferenc Szusza | ||
Nacemento | 1 de decembro de 1923 | ||
Lugar de nacemento | Budapest | ||
Falecemento | 1 de agosto de 2006 | ||
Lugar de falecemento | Budapest | ||
Altura | 178 centímetros | ||
Posición | dianteiro | ||
Carreira sénior | |||
Anos | Equipos | Aprs | (Gls) |
1940–1961 | Újpest Dózsa | 462 | (393) |
Adestrador | |||
1962–1964 | ETO | ||
1964–1965 | Újpest Dózsa | ||
1966–1968 | ETO | ||
1969 | Egri Dózsa | ||
1970–1971 | Górnik Zabrze | ||
1972–1976 | Betis | ||
1978–1979 | Atlético de Madrid | ||
1980–1981 | Újpest Dózsa | ||
Partidos e goles só en liga doméstica. [ editar datos en Wikidata ] | |||
Desenvolveu toda a súa carreira como futbolista no Újpest Dózsa, no que xogou durante 21 anos, entre 1940 e 1961, converténdose nun dos maiores símbolos da historia do club. Gañou catro ligas húngaras co club de Budapest, a primeira delas en 1945 e a última en 1960.
Szusza aparece nas listas da IFFHS como o sexto xogador con máis goles nunha mesma liga, con 393 tantos en 462 partidos, só superado por Lionel Messi, Pelé, Josef Bican, Imre Schlosser e Jimmy McGrory.[1]
Debutou coa selección de Hungría o 14 de xuño de 1942 nun partido contra Croacia que rematou con empate. Formou parte da chamada selección dos "Maxiares máxicos" ou "Equipo de ouro". xunto a outros xogadores como Kocsis, Puskás ou Czibor. Proclamouse campión da Copa dos Balcáns en 1947.
En total, e ata 1956, xogou un total de 24 partidos internacionais, marcando 18 goles.[2]
Finalizada a súa carreira como xogador, non se desvencellou do fútbol, e pouco despois, en 1962, comezou a súa etapa como adestrador. A súa primeira experiencia nos bancos foi no Győri ETO FC, na cidade de Győr. Despois de só dúas tempadas, nas que conseguiu gañar unha liga, regresou a Budapest para dirixir durante dous anos o seu equipo de toda a vida, o Újpest Dózsa.
En 1966 comezou unha segunda etapa no Győri ETO FC, na que conseguiu dous títulos da Copa de Hungría. Tras un breve paso polo Egri Dózsa, marchou a Polonia, dirixindo na tempada 1970/71 o Górnik Zabrze, club co que conseguiu ese ano a Liga e a Copa de Polonia.
En 1971 deu o salto á liga española, fichando polo Real Betis. Sufriu un descenso a Segunda División na tempada 1972/73, conseguindo ascender de novo á Primeira División na tempada seguinte, como campión de Segunda. Foi adestrador do club andaluz ata 1976, cando as autoridades húngaras puxeron trabas á súa permanencia en España e viuse obrigado a regresar ao seu país.[3]
Malia as dificultades, regresou a España dous anos despois, cando foi contratado polo Atlético de Madrid trala destitución de Héctor Núñez poucas xornadas despois do comezo da tempada 1978/79. Conseguiu endereitar o rumbo do equipo e acabou terceiro, só por detrás do Real Madrid e o Sporting de Gijón.
A súa última campaña no banco volveu ser no Újpest Dózsa, que dirixiu na tempada 1980/81.[4]
En 2001 deu nome ao estadio onde o club disputa os seus partidos, o Estadio Ferenc Szusza.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.